Loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

DECRETO 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.[sc name=”Personal al servicio de la Administración Local” ]

O artigo 14 da Constitución española proclama o dereito á igualdade e á non discriminación por razón de sexo, e o artigo 9.2 consagra a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade das persoas e dos grupos en que se integren sexa real e efectiva.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4.2 que lle corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

A igualdade tamén é un principio fundamental na Unión Europea. Desde a entrada en vigor do Tratado de Amsterdam, o 1 de maio de 1999, a igualdade entre mulleres e homes e a eliminación das desigualdades entre unhas e outros son obxectivos que se deben integrar en todas as políticas e accións da Unión Europea e dos seus estados membros e, seguindo o ronsel da Conferencia Mundial sobre a Muller en Beijing 1995, parece claro que Europa aposta pola integración da perspectiva de xénero en todos os procesos e procedementos das institucións e das organizacións.

No marco estatal, a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no marco galego o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, introducen a previsión de políticas activas para facer efectivo este principio de igualdade, recollendo expresamente que o dito principio «informará, con carácter transversal, a actuación de todos os poderes públicos e que as administracións públicas o integrarán, de forma activa, na adopción e execución das dúas disposicións normativas, na definición e orzamentación de políticas públicas en todos os ámbitos e no desenvolvemento do conxunto de todas as súas actividades».

Pola súa banda, a violencia de xénero supón a representación máis extrema da desigualdade entre mulleres e homes existente na nosa sociedade e un grave atentado contra os dereitos humanos. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo simple feito de selo e por ser consideradas polos agresores como carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión. Os poderes públicos nin deben nin poden ser alleos a este problema e así, no ámbito estatal, se aprobou a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no ámbito autonómico, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Entre os ámbitos sobre os cales se proxecta a transversalidade da igualdade e da prevención e loita contra a violencia de xénero encóntrase o relativo á formación do persoal empregado público. Así, no que atinxe á normativa estatal, con carácter xeral a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, prevé no seu artigo 51.c), dentro dos criterios de actuación das administracións públicas en aplicación do principio de igualdade no emprego público, o consistente en fomentar a formación en igualdade, tanto no acceso ao emprego público como ao longo da carreira profesional. De forma máis concreta, tanto a dita lei orgánica, nos seus artigos 24.2.c) e 27.3.d), como a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, nos seus artigos 7, 15 e 47, recollen mandatos dirixidos ás administracións públicas para que procedan, no ámbito das súas competencias, á integración do principio de igualdade na formación do profesorado, do persoal sanitario, do persoal ao servizo da Administración de xustiza e das forzas e corpos de seguridade.

No que respecta á normativa autonómica, o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, xunto coas referencias, nos seus artigos 12 e 17, á formación do persoal das administracións públicas galegas en materia de erradicación do sexismo na linguaxe institucional e coa inclusión nos programas de formación do profesorado, como materia específica, da igualdade e violencia de xénero, prevé, no seu artigo 21.2, que a Administración autonómica impartirá cursos continuos de formación sobre a igualdade de xénero, principalmente dirixidos aos colectivos de educación, servizos sociais, persoal sanitario, persoal da Administración de xustiza e dos diversos corpos policiais, nos cales sempre estarán presentes contidos sobre a violencia contra as mulleres, engadindo que en todos os plans de formación, organizados pola Administración autonómica para o seu persoal, existirá un módulo sobre a igualdade entre homes e mulleres».

Na mesma liña, o artigo 15 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, establece que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade «garantirá, nos termos que se establezan regulamentariamente, e promoverá, mediante os instrumentos necesarios, a formación en igualdade de todos e todas as profesionais que traballan en ámbitos relacionados directa ou indirectamente coa violencia de xénero, e en especial dos e das profesionais da sanidade, dos servizos sociais, educativos, das forzas e corpos de seguridade e das operadoras e operadores xurídicos».

Igualmente, o mesmo artigo, no seu número 3, dispón que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, deseñará programas específicos de formación en materia de violencia de xénero e poraos á disposición de calquera ente, organismo ou departamento, e da sociedade en xeral, para a súa aplicación nas diversas accións formativas».

Pola súa banda, o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, aprobado en marzo de 2017 polo Goberno galego, establece no seu capítulo primeiro «Integración do principio de igualdade nas políticas e accións do goberno» un propósito renovado que busca consolidar a posición de Administración exemplar da Administración autonómica no deseño, execución e seguimento de políticas das cales mulleres e homes se beneficien de forma equivalente, contribuíndo ao progreso e ao benestar do conxunto da sociedade galega, centrándose en conseguir un maior impacto e eficacia da acción pública en prol da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

Tendo en conta todo o anterior e considerando que a integración da igualdade de oportunidades na totalidade de actuacións das administracións públicas depende, en gran medida, da formación das persoas que traballan nelas, considérase necesario e imprescindible promover que todo o persoal recollido no artigo 2 do presente decreto posúa a dita formación, garantindo para iso a unha oferta continuada e permanente de accións formativas (básicas e/ou especializadas) no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes e da prevención e a loita contra a violencia de xénero, e prevendo a valoración da dita formación no acceso á función pública, na promoción profesional e nos concursos.

Faise preciso ditar unha norma que materialice esta necesidade da formación, así como os mecanismos para obtela e para acreditala, tanto na provisión da totalidade dos postos de traballo que ocupara o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia, como nos concursos que se convoquen para o citado persoal.

Segundo os preceptos indicados, a Xunta de Galicia amosa con esta norma o seu compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e en contra da violencia de xénero, ao regular a través do presente decreto, a formación en xénero da totalidade de persoal recollido no artigo 2 deste decreto, e procedendo con isto ao desenvolvemento regulamentario do artigo 15 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e situando a Administración galega á vangarda no uso de ferramentas e boas prácticas dirixidas a cimentar un patrón igualitario entre mulleres e homes.

Por último, cómpre tamén a modificación da composición do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, regulado no Decreto 157/2012, do 5 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, no relativo aos órganos consultivos e de participación, para dar cabida nas vogalías do Observatorio a órganos e colexios profesionais con vinculación directa no ámbito da prevención e o tratamento da violencia contra as mulleres, nomeadamente os ámbitos da avogacía, a psicoloxía, o traballo social e a educación social.

Do mesmo xeito, e dadas as modificacións operadas na estrutura da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia desde a entrada en vigor do mencionado Decreto 157/2012, do 5 de xullo, produciuse un cambio de adscrición orgánica do órgano superior competente en materia de igualdade, antes baixo a dependencia da Presidencia da Xunta de Galicia, pero continúa existindo unha importante relación entre a igualdade de xénero e as competencias das secretarías xerais integradas na Presidencia, razón pola que se considera conveniente incluír, entre as/os vogais da Comisión Interdepartamental de Igualdade, unha persoa en representación deste órgano superior, que será a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, o que fai necesario efectuar unha modificación da composición da dita comisión.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xullo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

  1. O obxecto do presente decreto é a regulación da formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero da totalidade do persoal recollido no artigo 2 deste decreto, co fin de reforzar as súas competencias nestas materias e fortalecer a introdución da perspectiva de xénero en todas as áreas de xestión, a través dun novo modelo formativo máis intensivo e específico.
  2. Para os efectos deste decreto, considerarase formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero os contidos que aborden estas materias baixo calquera das denominacións utilizadas polos organismos autonómicos, nacionais e internacionais, tales como igualdade de xénero, mainstreaming, perspectiva de xénero, feminismo, conciliación, corresponsabilidade, sexismo, violencia de xénero, violencia machista ou violencia contra as mulleres, trata de seres humanos con fins de explotación sexual, acoso sexual ou por razón de xénero ou calquera outra denominación que implique visibilizar a situación de desvantaxe social das mulleres.

Artigo 2. Persoal destinatario da formación

  1. A formación regulada neste decreto estará destinada, nos termos que se concreten nos correspondentes plans de formación, a todo o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, ao persoal docente e ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
  2. Así mesmo, poderá ser destinatario da formación, nos termos previstos neste decreto e nos correspondentes plans de formación, o persoal ao servizo da Administración de xustiza e o persoal funcionario do Corpo de Policía de Galicia.

Artigo 3. Competencia xeral

A competencia xeral regulada neste decreto consiste en obter unha cualificación específica en materia de igualdade entre mulleres e homes e prevención e loita contra a violencia de xénero, que posibilite a incorporación da perspectiva de xénero na totalidade dos procesos de traballo, planificación e xestión da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Niveis de coñecemento

Establécense tres niveis de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero:

  1. a) Nivel básico: acreditará unha competencia inicial que permita a inclusión progresiva do principio de igualdade nos procesos habituais de traballo, cunha duración mínima de 20 horas en calquera dos contidos recollidos no artigo 1.
  2. b) Nivel medio: acreditará unha competencia media que permita integrar o enfoque de xénero en ámbitos materiais concretos de competencia das administracións públicas: subvencións, contratos, produción normativa ou xestión administrativa, e o coñecemento e comprensión da violencia de xénero, cunha duración mínima de 150 horas en calquera dos contidos recollidos no artigo 1.
  3. c) Nivel superior: acreditará unha competencia alta que permita o coñecemento e aplicación práctica do enfoque integrado ou mainstreaming de xénero, cunha duración mínima de 500 horas en calquera dos contidos recollidos no artigo 1.

Artigo 5. Medidas para garantir a formación

  1. A Administración autonómica adoptará as medidas necesarias para garantir unha formación, tanto básica como especializada, progresiva e permanente en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, asegurando un coñecemento práctico suficiente que permita a integración efectiva da perspectiva de xénero na totalidade da actuación administrativa.
  2. Para dar cumprimento ao establecido no parágrafo anterior, a Escola Galega de Administración Pública, a Academia Galega de Seguridade Publica, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a consellería competente en materia de formación do profesorado, así como calquera outra entidade pública instrumental do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de formación do persoal, elaborarán e executarán plans de formación anuais en materia de igualdade entre mulleres e homes e prevención e loita contra a violencia de xénero.

Artigo 6. Deseño dos plans de formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero

  1. A través dos plans anuais de formación sinalados no artigo 5.2, ofertaranse a todo o persoal actividades formativas correspondentes polo menos aos niveis de coñecemento básico e medio previstos no artigo 4.a) e 4.b).
  2. As actividades formativas contidas nos plans de formación previstos neste precepto desenvolveranse en modalidade presencial, de teleformación ou mixta, por ser estas as que máis se adaptan ás dispoñibilidades de tempo e permitindo compatibilizar a formación coas obrigas laborais, familiares e sociais.
  3. Igualmente, os plans de formación incluirán accións de sensibilización para as persoas con responsabilidade política.
  4. O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade habilitará espazos web de intercambio e transferencia de experiencias e boas prácticas no ámbito da igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero.

Artigo 7. Profesorado

  1. A docencia da formación regulada neste decreto corresponderalle a persoas capacitadas na materia pola posesión de coñecementos específicos en xénero, igualdade entre mulleres e homes, integración da perspectiva de xénero en plans, programas e proxectos, prevención e loita contra a violencia de xénero ou outros estudos de xénero, debendo acreditar ben un mínimo 500 horas de formación recibida por calquera dos organismos sinalados na disposición derradeira segunda, e unha experiencia laboral mínima de dous anos no ámbito da igualdade entre mulleres e homes e/ou a prevención e loita contra a violencia de xénero, ou ben un mínimo 750 horas de formación nas materias arriba sinaladas, recibida por calquera dos organismos sinalados na disposición derradeira segunda.
  2. Non precisarán acreditar os requisitos recollido no número 1 deste artigo as persoas que polo seu exercicio profesional en ámbitos tales como o xudicial, policial, sanitario, social ou administrativo, acrediten coñecemento suficiente en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.
  3. A comisión de seguimento prevista na disposición derradeira primeira velará para que o profesorado que imparta os módulos e contidos formativos que se establezan no marco deste decreto cumpra cos requisitos mínimos especificados e garantir así a calidade do ensino.

Disposición adicional primeira. Temarios dos procesos selectivos

Os temarios, tanto dos procesos de selección para o ingreso en calquera das categorías ou corpos de persoal recollidos no artigo 2.1 como dos procesos de promoción interna, incluirán contidos relativos ao principio de igualdade de mulleres e homes e á prevención e loita contra a violencia de xénero.

Disposición adicional segunda. Acceso

A partir da entrada en vigor deste decreto, toda persoa que acceda á condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, de persoal docente, e de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde a través dun proceso selectivo, terá que realizar, con carácter obrigatorio e nun prazo non superior aos seis meses, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento previsto no artigo 4.a).

Disposición adicional terceira. Valoración de coñecementos

  1. En todos os procesos de selección para o ingreso nos corpos ou escalas de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e para o acceso á condición de persoal laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, de persoal docente, ou de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, así como en todos os procesos de promoción interna do dito persoal que comprendan a valoración de méritos, valorarase a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero.
  2. Nos concursos de provisión de postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, do persoal docente e do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, valorarase, respecto da totalidade dos ditos postos, a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero, dada a trasnsversalidade da dita formación.

Disposición transitoria primeira. Prazo para a formación no nivel básico

No prazo de cinco anos desde a entrada en vigor deste decreto, todas as entidades ou organismos do sector público autonómico responsables da formación do persoal facilitarán, polo menos no nivel básico, a formación do persoal previsto no artigo 2, en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero. No caso do persoal docente do ámbito educativo e do persoal sanitario, o dito prazo poderá ampliarse ata os dez anos.

Disposición transitoria segunda. Prazo para a formación no nivel medio

No prazo de catro anos desde a entrada en vigor deste decreto, todas as entidades ou organismos do sector público autonómico responsables da formación do persoal, facilitarán, polo menos no nivel medio, a formación en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia que preste servizos de asesoramento, atención e protección ás vítimas, así como do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia e do persoal funcionario do Corpo de Policía de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Formación no nivel superior

Para a formación no nivel superior en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia, todas as entidades ou organismos do sector público autonómico responsables da formación do persoal poderán subscribir convenios de colaboración con outras institucións especializadas na docencia nesta materia, de cara a garantir o acceso do persoal recollido no artigo 2 a este nivel formativo. Para estes efectos, o órgano da Administración autonómica correspondente articulará os instrumentos adecuados para sufragar, se for o caso, o seu custo.

Disposición derradeira primeira. Comisión de seguimento

  1. Créase unha comisión de seguimento que ten como obxecto o seguimento da aplicación e desenvolvemento práctico deste decreto.
  2. A comisión de seguimento estará adscrita organicamente ao órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade.
  3. A composición da comisión de seguimento será a seguinte:
  4. a) Presidencia: a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade.
  5. b) Vicepresidencia: unha funcionaria o funcionario en representación do órgano superior da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade, designada pola persoa titular deste órgano.
  6. c) Vogais:

1º. Unha persoa representante do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia competente en materia de función pública.

2º. Unha persoa representante do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia competente en materia de educación.

3º. Unha persoa representante do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia competente en materia de sanidade.

4º. Unha persoa representante da Escola Galega de Administración Pública.

5º. Unha persoa en representación de cada un dos sindicatos presentes na Mesa Xeral de Empregados e Empregadas Públicas.

  1. d) A secretaría da comisión será exercida polo funcionario ou funcionaria designado/a pola persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade, entre o persoal funcionario que preste o seu servizo neste órgano. A secretaría exercerase con voz pero sen voto.
  2. e) Na composición da comisión de seguimento procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
  3. As funcións da comisión de seguimento serán as seguintes:
  4. a) O seguimento da aplicación práctica deste decreto.
  5. b) A emisión de cantas propostas, recomendacións e informes se consideren oportunos para o desenvolvemento e a mellor aplicación deste decreto.
  6. Os acordos da comisión de seguimento adoptaranse por maioría simple e en caso de empate decidirá a presidencia co voto de calidade.
  7. A creación, constitución e funcionamento da comisión creada nesta disposición non implican a realización de ningún gasto que supoña a existencia de impacto orzamentario. As persoas que compoñen esta comisión non percibirán ningunha axuda de custo ou compensación pola súa asistencia ás súas sesións.
  8. Para o seu réxime xeral de funcionamento e calquera aspecto non regulado nesta disposición observarase o establecido nos principios da organización administrativa e do réxime xurídico dos órganos colexiados regulados no capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Validacións

  1. As persoas que no momento da entrada en vigor deste decreto acrediten unha formación en xénero dunha duración mínima de 20 horas en calquera dos contidos recollidos no artigo 1, impartida por un organismo público oficial tal como Escola Galega de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e órganos e/ou entidades públicas instrumentais adscritos a elas, estruturas de formación permanente do profesorado, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, ministerios e/ou os seus departamentos adscritos, outras administracións autonómicas, administracións locais, universidades, ou formación impartida no marco do acordo de formación para o emprego das administracións públicas, poderán ver recoñecida a súa competencia profesional no nivel básico.
  2. As persoas que no momento da entrada en vigor deste decreto acrediten unha formación en xénero dunha duración mínima de 150 horas en calquera dos contidos recollidos no artigo 1 deste decreto, impartida por un organismo público tal como Escola Galega de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e órganos e/ou entidades públicas instrumentais adscritos a elas, estruturas de formación permanente do profesorado, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, ministerios e/ou os seus departamentos adscritos, administracións autonómicas, administracións locais, universidades, ou formación impartida no marco do acordo de formación para o emprego das administracións públicas, poderán ver recoñecida a súa competencia profesional no nivel medio.
  3. As persoas que no momento da entrada en vigor deste decreto acrediten unha formación en xénero dunha duración mínima de 500 horas en calquera dos contidos recollidos no artigo 1 deste decreto, impartida por un organismo público oficial tal como Escola Galega de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e órganos e/ou entidades públicas instrumentais adscritos a elas, estruturas de formación permanente do profesorado, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, ministerios e/ou os seus departamentos adscritos, administracións autonómicas, administracións locais, universidades, ou formación impartida no marco do acordo de formación para o emprego das administracións públicas, poderán ver recoñecida a súa competencia profesional no nivel superior.
  4. A competencia para o outorgamento das validacións recollidas nesta disposición corresponderá á persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de igualdade regularase o procedemento a seguir para a validación.

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 157/2012, do 5 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación

O Decreto 157/2012, do 5 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación, queda redactado como segue:

  1. Engádese novas letras l), m), n) ao artigo 15.1 do Decreto 157/2012, do 5 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación, que queda redactado como segue:

Un. O número 1 do artigo 15 queda redactado como segue:

«1. O Observatorio Galego da Violencia de Xénero terá a seguinte composición:

Presidencia: a persoa titular da consellería de que dependa organicamente o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

Vicepresidencia: a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.

Vogais:

  1. a) Unha persoa en representación de cada unha das seguintes consellerías e organismos, con nivel de secretario/a xeral técnico/a, director/a xeral ou equivalente:

Consellería competente en materia de facenda.

Consellería competente en materia de educación.

Consellería competente en materia de sanidade.

Consellería competente en materia de emprego.

Consellería competente en materia de política social.

Consellería competente en materia de vivenda.

Instituto Galego de Estatística.

  1. b) A persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de emigración.
  2. c) A persoa titular das seguintes direccións xerais, ou órganos equivalentes:

Dirección xeral competente en materia de xustiza.

Dirección xeral competente en materia de interior.

Dirección xeral competente en materia de Administración local.

Dirección xeral competente en materia de función pública.

  1. d) Unha persoa en representación da Unidade contra a Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia.
  2. e) O/a presidente/a da Federación Galega de Municipios e Provincias ou persoa en quen delegue.
  3. f) Unha persoa en representación da Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeada pola Fiscalía Xeral do Estado.
  4. g) Unha persoa en representación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nomeada polo Consello Xeral do Poder Xudicial.
  5. h) O/a director/a xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia, S.A. ou persoa en quen delegue.
  6. i) Tres vogais en representación das organizacións empresariais intersectoriais galegas máis representativas.
  7. j) Un/unha vogal en representación de cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.
  8. k) Tres vogais en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, con representación no Consello Galego das Mulleres.
  9. l) Un/unha vogal en representación do Consello da Avogacía Galega.
  10. m) Un/unha vogal en representación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
  11. n) Un/unha vogal en representación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

ñ) Un/unha vogal en representación do Colexio Oficial de Educación Social de Galicia».

Dous. O número 1 do artigo 16 queda redactado como segue:

«1. As persoas titulares das vogalías mencionadas nas letras 1.b), 1.c), 1.d), 1.e) e 1.h) do artigo anterior serano en razón do cargo que ocupen.

As persoas titulares das vogalías recollidas nas letras 1.f) e 1.g) poderán ser substituídas por unha persoa suplente designada para tal efecto polos mesmos órganos competentes para nomealas.

As persoas titulares das vogalías recollidas nas letras 1.i), 1.j), 1.l), 1.m), 1.n) e 1.ñ) serán nomeadas pola Presidencia por proposta das respectivas organizacións, que as designarán en función do cargo que ocupen.

O nomeamento das persoas titulares recollidas na letra 1.k) corresponderá á Presidencia por proposta do Pleno do Consello Galego das Mulleres».

Tres. O número 1 do artigo 23 queda redactado como segue:

«1. A Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista terá a seguinte composición:

  1. a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral, ou órgano administrativo equivalente, que teña atribuídas as funcións de tratamento da violencia de xénero.
  2. b) Vicepresidencia: un/unha funcionario/a do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de violencia de xénero, con nivel mínimo de xefe/a de servizo.
  3. c) Vogais:
  4. Unha persoa representante do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de medios designada pola súa secretaría xeral.
  5. Unha persoa representante da Corporación Radio Televisión de Galicia, S.A. designada pola Presidencia do Consello Asesor por proposta deste.
  6. Unha persoa representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, designada por este.
  7. Unha persoa representante das asociacións de axencias de publicidade da Comunidade Autónoma de Galicia, designada por estas.
  8. d) Secretaría: corresponderalle a un/unha funcionario/a, designado/a pola Presidencia do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, que a exercerá con voz e sen voto».

Catro. Os número 1 e 2 do artigo 28 quedan redactados como segue:

«1. A Comisión Interdepartamental de Igualdade da Xunta de Galicia terá a seguinte composición:

  1. a) Presidencia: a persoa titular da consellería de que dependa organicamente o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.
  2. b) Vicepresidencia: a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade.
  3. c) Vogais: unha persoa en representación de cada unha das consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma con nivel de secretario/a xeral técnico/a ou equivalente e mais a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.
  4. d) Secretaría: desenvolverá esta función, con voz pero sen voto, a persoa titular da subdirección xeral, ou órgano equivalente, que teña atribuída a función de asesoramento técnico-administrativo e orzamentario.
  5. As persoas titulares das vogalías poderán designar suplentes que deberán ter o nivel de subdirectores/as».

Disposición derradeira cuarta. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do deu departamento.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xullo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *