Procedementos de modificación orzamentaria GALICIA
ORDE do 1 de agosto de 2019 pola que se regulan os procedementos de modificación orzamentaria e figuras asimiladas no sector público autonómico.
[sc name=”Guía del Interventor Municipal” ]
Mediante a Orde da Consellería de Facenda, do 3 de xaneiro de 1989, sobre documentación e tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, regúlase a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria na Administración autonómica.
O parágrafo primeiro da citada orde indicaba que a Lei 3/1984, do 3 de abril, de xestión económica e financeira pública de Galicia, modificada polo artigo 5 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1989, regula as modificacións dos créditos iniciais dos orzamentos, no seu capítulo II «Dos créditos e as súas modificacións», artigos 41 ao 53, ambos os dous incluídos. Estas compleméntanse coas disposicións que sobre a materia se inclúan cada ano nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
Con posterioridade á publicación da devandita orde aprobouse a Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cal foi derrogada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante TRLRFO), que no seu título terceiro, capítulo segundo, establece as normas xerais para proceder ás modificacións das consignacións de créditos aprobadas anualmente polo Parlamento na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Por diversas leis de orzamentos xerais posteriores víronse modificados varios artigos da citada lei.
Ademais, a Lei 3/2009, do 23 de xuño, modifica o artigo 48 do TRLRFO, relativo ao ámbito subxectivo dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
A Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sinala no artigo 46.bis do TRLRFO que «A programación e execución da actividade económico-financeira do sector público autonómico terán como finalidade a obtención dos resultados concretados nos obxectivos fixados así como o seguimento e rendición de contas destes…», polo que se fai preciso un tratamento máis detallado do impacto das modificacións orzamentarias nos indicadores de produtividade que recollen os diferentes proxectos orzamentarios.
Por outro lado, o artigo 7 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas modifica o TRLRFO, engadindo o artigo 50.bis, en que se regula o contido mínimo das funcións das oficinas orzamentarias, e se engaden os números 3 e 4 ao artigo 61, nos seguintes termos:
«3. Non terán a condición de modificacións orzamentarias nin a redistribución de crédito nin os movementos interproxectos que non alteren o nivel de vinculación dos créditos previstos no artigo 56 ou nas leis anuais de orzamentos.
4. O procedemento de xestión dos expedientes de modificacións orzamentarias que afecten a Administración xeral, os organismos autónomos, as axencias públicas autonómicas e as restantes entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa normativa específica confira carácter limitativo aos créditos de seu orzamento de gastos, desenvolverase por orde da consellería competente en materia de facenda. Nesta orde tamén se desenvolverá o procedemento de xestión das figuras previstas no número 3 deste artigo».
Dáse tamén unha nova redacción ao artigo 79, relativo ás: «Normas especiais na xestión orzamentaria dos dereitos económicos por transferencias correntes e de capital», regulando no punto 2 a formalización dos compromisos firmes de ingresos non orzados inicialmente, en aplicación do previsto nos artigos 64 e 69.
As modificacións realizadas no TRLRFO poñen de manifesto a necesidade de substituír a anterior Orde da Consellería de Facenda, do 3 de xaneiro de 1989, sobre documentación e tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por esta nova orde.
Esta orde regula, así mesmo, de xeito individualizado, a tramitación das modificacións orzamentarias relativas aos orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas mercantís, entidades públicas empresariais e fundacións públicas autonómicas.
Por outra banda, cómpre ter en conta que o artigo 36.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «Os actos administrativos produciranse por escrito, a través de medios electrónicos, a menos que a súa natureza esixa outra forma mais adecuada de expresión e constancia».
A devandita norma, no seu artigo 70.2, establece que «Os expedientes terán formato electrónico e formaranse mediante a agregación ordenada de cantos documentos, probas, ditames, informes, acordos, notificacións e demais dilixencias deban integralos, así como un índice numerado de todos os documentos que conteña cando se remita. Así mesmo, deberá constar no expediente unha copia electrónica certificada da resolución adoptada».
As modificacións orzamentarias constitúen procedementos administrativos internos en que interveñen os centros xestores das distintas seccións orzamentarias, a dirección xeral competente en materia de orzamentos e as intervencións delegadas, fundamentalmente. Estes procesos xa están altamente informatizados na súa xestión, porén, o seu soporte documental continúa a ser o papel e as sinaturas manuscritas.
Tendo en conta o anterior e co fin de contribuír á mellora do funcionamento interno da Administración, mediante o uso das tecnoloxías da información coas debidas garantías legais na súa tramitación, leváronse a cabo as tarefas de preparación da xestión de procedementos de tramitación dos expedientes de modificación de crédito (Codex).
Deste modo, tanto o soporte documental como a sinatura dos expedientes serán electrónicos.
A presente orde estrutúrase en catro capítulos, o primeiro regula disposicións xerais, o segundo está referido ás modificacións orzamentarias no sector público autonómico con orzamento limitativo, o terceiro ás modificacións orzamentarias no sector público autonómico con orzamento estimativo e o cuarto á tramitación electrónica dos expedientes de modificación orzamentaria. Ademais contén unha disposición adicional, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
Ao abeiro do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, correspóndelle á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos a coordinación permanente do desenvolvemento do proceso orzamentario, tanto no proceso de elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, como nos períodos anteriores e posteriores, velando pola efectividade da execución das distintas fases do devandito proceso e porque estas se desenvolvan dentro dos prazos previstos, así como o desenvolvemento das competencias atribuídas pola lexislación vixente á Consellería de Facenda en materia orzamentaria.
O contido da presente orde adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.
Como consecuencia, por proposta da dirección xeral competente en materia de orzamentos, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,
RESOLVO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto desenvolver os preceptos do TRLRFO que se refiren ás modificacións orzamentarias, así como o procedemento que as faga posibles, tanto na Administración xeral como nas entidades do sector público autonómico.
Regúlanse, así mesmo, nesta orde, os procedementos de figuras asimiladas ás modificacións, tales como os movementos interproxectos e as redistribucións de créditos que, consonte o artigo 61.3 do TRLRFO, non teñen natureza de modificación orzamentaria, por non alterar o nivel de vinculación dos créditos previsto no seu artigo 56 ou nas leis anuais de orzamentos.
As redistribucións de créditos son aquelas variacións nos contidos das dotacións que non supoñen alteración dos créditos no nivel de vinculación xurídica, conforme o establecido no TRLRFO e nas leis anuais de orzamentos.
Os movementos interproxectos son as variacións realizadas entre proxectos correspondentes a un mesmo nivel de vinculación, incluída a creación de proxectos, ou entre as modalidades de financiamento dun mesmo proxecto.
CAPÍTULO II
Modificacións orzamentarias no sector público autonómico con orzamento limitativo
Artigo 2. Ámbito de aplicación
As normas deste capítulo, nos termos que en cada caso se establecen, serán de aplicación aos expedientes de modificacións de crédito que afecten o ámbito subxectivo do orzamento consolidado da comunidade autónoma: Administración xeral, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas e restantes entidades públicas instrumentais cuxa normativa específica confira carácter limitativo aos créditos do seu orzamento de gastos, así como os movementos interproxectos e redistribucións de crédito a que se refire o artigo 61.3 do TRLRFO, que realicen os suxeitos anteriores.
Artigo 3. Procedementos de modificación orzamentaria
Os procedementos contidos neste capítulo refírense ás seguintes modificacións orzamentarias:
1. Transferencias de crédito (art. 65 a 68 do TRLRFO).
2. Xeracións de crédito (art. 69 do TRLRFO).
3. Ampliacións de crédito (art. 64 do TRLRFO).
4. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento dos organismos autónomos (art. 62.2 do TRLRFO).
5. Incorporacións de crédito (art. 71 do TRLRFO).
Artigo 4. Documentación xeral dos expedientes de modificación de crédito
Con carácter xeral, os expedientes de modificación de crédito incluirán a seguinte documentación:
1. Memoria. Constitúe o documento xustificativo da necesidade da modificación de crédito. Nela constarán os seguintes aspectos:
a) Descrición da operación que se propón. Consignarase o tipo de modificación de que se trate e o seu obxecto.
b) Indicaranse as aplicacións ás cales lles afecta a modificación, co maior nivel de desagregación posible.
c) Xustificación da necesidade da modificación proposta. Acreditarase a necesidade da modificación, indicando as causas que a motivan, as razóns que a xustifican e a finalidade que con ela se persegue.
d) Normas legais, acordos ou disposicións en que se basea, así como os preceptos da normativa de réxime orzamentario ou da lei anual de orzamentos que habilitan a modificación.
e) Estudo económico que determine a contía dos créditos precisos.
f) Incidencia da modificación na consecución dos obxectivos previstos, que deberá ser validada pola Subdirección Xeral de Planificación, da dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda.
g) Incidencia da modificación proposta nos orzamentos de exercicios futuros.
h) Recursos ou medios previstos para o financiamento do maior gasto público, ben se trate de maiores ingresos sobre os previstos ou de diminución doutras partidas de gastos, de conformidade coa modificación de que se trate.
i) Cando a modificación proposta implique a creación dun código de proxecto deberá acompañarse o formulario de creación do proxecto, que deberá ser validado pola Subdirección Xeral de Planificación, da dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda.
2. Informes. En todo caso, achegarase o informe da intervención delegada da entidade ou órgano en que vaia xurdir efecto a modificación, sen prexuízo do informe que vaia emitiar a intervención delegada perante o órgano que teña competencia para a súa aprobación, sempre que ademais teña efectos no orzamento deste.
Tamén deberá incluírse o informe da oficina orzamentaria así como, se é preciso, o documento contable RCt.
Artigo 5. Documentación específica dos expedientes de transferencias de créditos
Ademais da documentación indicada no artigo 4, os expedientes de transferencia de crédito incluirán a seguinte documentación:
1. Os expedientes de transferencia de crédito conterán os documentos contables RCts relativos ás aplicacións orzamentarias en que se vaia producir a minoración, agás o sinalado no punto seguinte.
2. Cando o financiamento se propoña con cargo ao programa orzamentario de «Imprevistos e funcións non clasificadas» a achega do devandito documento contable ao expediente realizarase pola dirección xeral competente en materia de orzamentos, logo de acreditación polo xestor do gasto do seu carácter sobrevido e da imposibilidade de financialo con cargo ao orzamento do total da sección. Nestes expedientes non se achegará o informe da intervención delegada.
3. Adicionalmente integrarán o expediente outros documentos que xustifiquen a necesidade da transferencia, tales como sentenzas xudiciais, convenios de colaboración ou calquera outro do que se derive tal necesidade.
Artigo 6. Documentación específica dos expedientes de xeración de crédito
Ademais da documentación indicada no artigo 4, os expedientes de xeración de crédito polas operacións previstas no artigo 69 do TRLRFO e nas leis anuais de orzamentos, incluirán a seguinte documentación:
1. Os expedientes de xeración de crédito realizados en función da efectiva recadación de ingresos e doutros supostos vinculados a ingresos, como taxas e prezos, por contía superior ás consignacións que figuran nos anexos das respectivas leis de orzamentos, deberán incluír unha certificación da Intervención Delegada na Consellería de Facenda, ou da entidade instrumental que teña atribuída a xestión contable, en que se acredite o importe da efectiva recadación dos ingresos que sirvan de cobertura para a xeración.
2. Nas xeracións de crédito derivadas de achegas de persoas físicas ou xurídicas, a que se refire o artigo 69.1.a) do TRLRFO, acompañarase unha copia do convenio, acordo ou outro negocio xurídico que dea orixe ao financiamento. O mesmo terá que especificar o destino e finalidade, así como as porcentaxes de financiamento de cada un dos participantes, de ser o caso.
No expediente indicarase a aplicación orzamentaria e o código de proxecto con cargo ao que se realice, de ser o caso, o correspondente cofinanciamento; de non existir crédito adecuado e suficiente será preciso, con carácter previo á xeración de crédito, a solicitude da correspondente modificación orzamentaria para a súa achega.
3. No alleamento de bens da Comunidade Autónoma xuntarase unha copia do documento en que se formalice. Este requisito non será preciso nos casos en que o alleamento sexa consecuencia dunha actividade comercial ou análoga.
4. Nas xeracións de crédito motivadas pola concesión de créditos do exterior para financiar investimentos públicos, acompañarase unha copia do convenio ou do acordo de financiamento, en que conste de maneira concreta os investimentos que se financian e as características do crédito que se concede.
A dirección xeral competente en materia de orzamentos, a través da subdirección a que lle corresponde a función de analizar os ingresos da Comunidade Autónoma e dos demais axentes do sector público autonómico, emitirá un informe para a tramitación das correspondentes modificacións orzamentarias, nos seguintes casos:
a) Nos expedientes de xeración de crédito que deriven das operacións previstas nas letras b), c), d) e e) do artigo 69 do TRLRFO. Este informe versará sobre o cumprimento dos requisitos e condicións previstos no devandito artigo.
b) Nos expedientes de xeración de crédito previstos nas leis de orzamentos de cada exercicio que teñan por causa maiores ingresos dos previstos inicialmente. O informe analizará o cumprimento das condicións establecidas e a certeza dos maiores recursos financeiros.
Artigo 7. Documentación específica dos expedientes de ampliación de crédito
Ademais da documentación indicada no artigo 4, os expedientes de ampliación de crédito polas operacións previstas no artigo 64 do TRLRFO, e nas leis anuais de orzamentos, incluirán a seguinte documentación:
1. Para o caso das ampliacións de crédito no orzamento consolidado da Administración autonómica que, en aplicación do disposto no artigo 64.2 do TRLRFO, se financien con baixa noutras aplicacións da mesma consellería, deberán recoller a documentación propia da baixa, ao tramitarse conxuntamente os expedientes de ampliación e baixa.
2. Se a ampliación se financia con retención de non dispoñibilidade noutros créditos do orzamento non financeiro, remitirase copia do documento RCts nas aplicacións orzamentarias financiadoras, que darán orixe á retención de non dispoñibilidade, que se tramitará de oficio pola dirección xeral competente en materia de orzamentos.
3. Se a ampliación de crédito se financia con cargo aos orzamentos doutra ou doutras consellerías, o expediente iniciarase pola consellería receptora dos fondos, que deberá remitir copia do documento xustificativo da modificación proposta así como copia dos RCts correspondentes ás aplicacións financiadoras, con cargo ás que se tramitarán de oficio, por parte da dirección xeral competente en materia de orzamentos, as correspondentes baixas de crédito.
4. No caso de ampliación de crédito no orzamento consolidado da Administración autonómica que, en aplicación do disposto no artigo 64.2 do TRLRFO, se financie con remanente de tesouraría, remitirase a certificación acreditativa da súa existencia. Para o caso de que se financie con endebedamento, dentro dos límites autorizados, acompañarase do informe xustificativo da dirección xeral competente en materia de política financeira e tesouro.
5. No caso de que o financiamento proveña de maiores ingresos que se vaian obter, a dirección xeral competente en materia de orzamentos, a través da subdirección a que lle corresponde a función de analizar os ingresos da Comunidade Autónoma e dos demais axentes do sector público autonómico, emitirá un informe sobre a viabilidade dos devanditos ingresos.
Artigo 8. Documentación específica dos expedientes de créditos extraordinarios e suplementos de crédito nos orzamentos dos organismos autónomos nos supostos en que, de acordo co establecido no artigo 62.2 do TRLRFO, non supoñan incremento dos créditos do orzamento da Comunidade Autónoma
No suposto de que o suplemento de crédito ou crédito extraordinario se financie con maiores ingresos ou con baixa noutros créditos, acompañarase a certificación acreditativa dos maiores ingresos ou copia dos documentos contables RCt, segundo proceda.
Artigo 9. Documentación específica dos expedientes de incorporación de crédito
1. Para os casos de incorporacións de crédito en aplicación da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 20 de decembro de 2007, pola que se regula o procedemento para a incorporación automática dos remanentes de crédito de exercicios anteriores, antes do peche do exercicio económico, a persoa titular da Consellería de Facenda, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de orzamentos, fixará os criterios obxectivos que permitan determinar os fondos dos que os remanentes non executados poidan ser incorporados de xeito automático, así como a documentación precisa, se é o caso.
A instrución anual determinará as anteriores incorporacións de crédito, concretando as incorporacións de fondos finalistas así como a súa precontabilización, que se realizarán de oficio pola dirección xeral competente en materia de orzamentos.
2. Nos supostos en que non se leve a cabo a incorporación automática achegarase a seguinte documentación:
a) Certificación da intervención delegada correspondente, respecto dos compromisos de gasto que tivesen acadado a fase de disposición en contabilidade, antes do último mes do exercicio, nas incorporacións que se tramiten por esta causa. Na memoria explicativa deberán constar as causas polas que non se executou o gasto antes do fin de exercicio.
b) Nas incorporacións de crédito destinadas a operacións de capital, certificación da intervención delegada correspondente sobre a situación, a 31 de decembro anterior, dos créditos comprometidos con documentos «AD» expedidos, e daqueles outros que teñan o carácter de créditos libres e figuren en contabilidade como integrantes do saldo orzamento máis o saldo de autorizacións.
c) Nas incorporacións de créditos extraordinarios, de suplementos de crédito e transferencias de crédito, concedidas ou autorizadas no último mes do exercicio orzamentario, xustificarase adecuadamente que persisten as circunstancias que motivaron tales modificacións, e que os gastos que se atendan por elas non poderán ser cubertos cos créditos ordinarios do exercicio.
Así mesmo, xustificarase o motivo polo que os créditos de referencia non foron utilizados durante o exercicio orzamentario, requisito que non se exixirá respecto das incorporacións de crédito que afecten o programa de imprevistos e funcións non clasificadas.
d) Nas incorporacións de crédito xeradas polas operacións previstas no artigo 69 do TRLRFO xustificarase a persistencia das necesidades de financiamento que motivaron a xeración de crédito, así como a causa pola que non é posible atender estas obrigas con cargo aos créditos do exercicio corrente.
Deberá acreditarse documentalmente a percepción do ingreso no anterior ou anteriores exercicios ou, de ser o caso, a persistencia do dereito a súa percepción.
As certificacións emitidas pola intervención delegada expresarán, en todo caso, as fontes de financiamento de cada un dos saldos contables. Así mesmo, deberá remitirse o informe indicado con carácter xeral no artigo 4.2 desta orde.
e) Se a incorporación de crédito no orzamento da comunidade autónoma se financia con baixa no fondo de continxencia ou noutros créditos, deberá remitirse o documento RCt, con cargo ás aplicacións financiadoras (no primeiro caso achegarao a dirección xeral competente en materia de orzamentos e, no segundo, o órgano xestor).
f) En todo caso, cando os créditos incorporados estivesen cofinanciados con fondos propios, deberá acreditarse no expediente a súa dispoñibilidade ou terse tramitado a transferencia de crédito para a súa atención.
Artigo 10. Regras complementarias na tramitación das modificacións de crédito
Na tramitación das modificacións de crédito, ademais do disposto no TRLRFO, nas leis anuais de orzamentos e nos artigos anteriores desta orde, teranse en conta as seguintes regras complementarias:
1. Transferencias de crédito.
Para os efectos do establecido no artigo 67.1) do TRLRFO e de conformidade coas competencias atribuídas á Consellería de Facenda polo artigo 50 da mencionada norma, só terán a consideración de definitivos, na clasificación económica, todos os conceptos e subconceptos que se atopen previamente recollidos na clasificación económica aprobada pola dirección xeral competente en materia de orzamentos para o exercicio de que se trate ou no orzamento inicial.
2. Xeracións de crédito.
a) Atendendo ao carácter anual do orzamento, as xeracións de crédito financiaranse con ingresos do propio exercicio orzamentario. No entanto, sempre que non se poña en risco o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, as xeracións de crédito poderán financiarse con ingresos procedentes do último trimestre do exercicio anterior, ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración xeral do Estado, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio en que se produciu o ingreso, de conformidade co disposto no artigo 69.3 do TRLRFO, e sempre que se trate de fondos finalistas.
b) Cando un organismo autónomo ou axencia pública autonómica, en desenvolvemento das funcións que ten encomendadas, cofinancie actuacións que se vaian realizar por outro organismo autónomo, tramitaranse as correspondentes xeracións de crédito no organismo autónomo perceptor financiadas con achegas directas do organismo autónomo que cofinancie.
3. Modificacións de crédito financiadas co fondo de continxencia.
a) O financiamento de modificacións orzamentarias con cargo ao fondo de continxencia de execución orzamentaria require a aplicación previa do devandito fondo. Para estes efectos, de conformidade co disposto no artigo 55.bis do TRLRFO, a persoa titular da Consellería de Facenda, por proposta da dirección xeral competente en materia de orzamentos, elevará ao Consello da Xunta a proposta de acordo de aplicación do fondo de continxencia destinado ao financiamento das modificacións de crédito a que se refire o artigo 55.bis do propio texto.
b) A proposta de acordo terá que acreditar que as novas necesidades que se vaian atender non teñen carácter discrecional e que se trata de necesidades inaprazables para as que non se conta, en todo ou en parte, coa adecuada dotación orzamentaria, e que se trata dalgunha das modificacións previstas no artigo 55.bis.2.
Artigo 11. Especialidades na xestión orzamentaria dos expedientes de xeración e de ampliación de crédito
En aplicación do previsto nos puntos 2 e 8 do artigo 79 do TRLRFO, os expedientes de xeración e de ampliación de crédito tramitaranse simultaneamente co de formalización do compromiso de ingresos pola dirección xeral competente en materia de orzamentos.
Artigo 12. Iniciación e tramitación dos expedientes de modificación
1. Modificacións de crédito competencia das persoas titulares das consellerías ou axencias públicas autonómicas.
a) Os órganos competentes para propoñer as modificacións nos orzamentos dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas remitirán a súa proposta á oficina orzamentaria da consellería a que estean adscritos.
b) Para o caso das modificacións competencia da dirección da axencia, segundo o establecido no segundo parágrafo do artigo 83.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o documento que se vaia remitir será a correspondente modificación aprobada para a súa toma en consideración pola dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda.
c) As oficinas orzamentarias das consellerías, con base nas solicitudes realizadas polos seus centros directivos ou entidades do punto anterior, someterán á persoa titular da consellería respectiva as propostas de resolución cuxa autorización lle corresponda, de conformidade coa normativa en vigor.
d) Unha vez autorizado o acordo remitirase, xunto coa documentación que para cada caso se establece nesta orde, á dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda, para a súa instrumentación e a expedición, de ser o caso, dos correspondentes documentos contables.
2. Modificacións competencia da persoa titular da consellería competente en materia de facenda ou do Consello da Xunta.
a) Os órganos competentes para propoñer as modificacións nos orzamentos dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas remitirán a súa proposta á oficina orzamentaria da consellería a que estean adscritos.
b) As oficinas orzamentarias das consellerías remitirán as solicitudes realizadas polos seus centros directivos ou entidades do punto anterior, xunto coa documentación correspondente, á dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda.
c) O expediente, previamente informado polo devandito centro directivo, será sometido por este á persoa titular da Consellería de Facenda para a súa autorización ou para a súa elevación ao Consello da Xunta, segundo proceda, en función das competencias atribuídas pola normativa vixente.
d) A dirección xeral competente en materia de orzamentos solicitará os informes, datos e documentos que considere precisos en orde á resolución dos expedientes, devolvéndoos de forma motivada á oficina orzamentaria correspondente cando non proceda a resolución favorable.
Artigo 13. Instrumentación e comunicacións
1. Unha vez autorizado o expediente, a dirección xeral competente en materia de orzamentos procederá a súa instrumentación mediante a expedición dos correspondentes documentos de modificación de crédito MC, a que se refire a Orde do 26 de decembro de 1986, pola que se aproba a instrución provisional de contabilidade do gasto público da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Os documentos contables remitiranse, con copia do expediente, á intervención delegada da sección correspondente ou órgano competente para a súa contabilización.
3. Así mesmo, darase traslado do acordo adoptado á oficina orzamentaria que corresponda para a súa comunicación ao órgano propoñente e, de ser o caso, á entidade pública afectada. Os documentos contables poderán remitirse en soporte ficheiro.
Artigo 14. Modalidades de financiamento dos movementos interproxectos
A clasificación das modalidades de financiamento dos proxectos de gasto, para efectos da tramitación dos movementos interproxectos, é a seguinte:
1. Modalidades cofinanciadoras:
a) Fondos da Unión Europea e fondos propios que os cofinancian.
b) Fondos finalistas e fondos propios que os cofinancian.
2. Modalidades non cofinanciadoras: as non incluídas no punto anterior.
Artigo 15. Competencias para a autorización dos movementos interproxectos
1. Modalidades cofinanciadoras.
Os proxectos cofinanciados pola Unión Europea estarán asociados a un eixo e a unha medida e será competente para a súa autorización a persoa titular da Consellería de Facenda, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de orzamentos e logo de informe favorable da autoridade de xestión do fondo correspondente.
2. Modalidades non cofinanciadoras.
Os movementos que afecten a proxectos financiados con cargo ao FCI serán autorizados pola persoa titular da Consellería de Facenda, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de orzamentos e co informe favorable da dirección xeral competente en materia de xestión do FCI.
Os movementos que afecten o financiamento alleo ou fondo propio condicionado, non incluídos nos puntos anteriores, serán autorizados pola persoa titular da Consellería de Facenda, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de orzamentos.
Os movementos que afecten a fondos propios libres serán competencia exclusiva da persoa titular da consellería afectada.
Artigo 16. Tramitación dos movementos interproxectos
1. Competencia.
Os expedientes de movemento interproxectos das consellerías e demais entes públicos dependentes, dos sinalados no artigo 2, xunto coa documentación correspondente, remitiranse pola oficina orzamentaria de cada consellería á dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda.
2. Solicitude do movemento interproxectos.
As solicitudes de realización dun movemento interproxectos deberán remitir unha memoria explicativa á dirección xeral competente en materia de orzamentos, acompañando os documentos RCt e o informe a que fai referencia o artigo 15, cando proceda, así como a certificación do acordo da persoa titular da consellería competente en materia de facenda, pola que se autoriza a modificación do FCI, cando afecte este tipo de fondos.
3. Creación de código de proxecto.
Cando o movemento interproxectos implique a creación dun código de proxecto deberá remitirse, xunto coa solicitude de tramitación do movemento, o formulario de creación do proxecto, co informe previo da Subdirección Xeral de Planificación, da dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Facenda.
CAPÍTULO III
Modificacións orzamentarias no sector público autonómico con orzamento estimativo
Artigo 17. Ámbito de aplicación
As previsións deste capítulo sonlle de aplicación ás variacións dos orzamentos de explotación e de capital que afecten as entidades do sector público autonómico con orzamento estimativo, conforme o disposto no artigo 82.bis.1 do TRLRFO, que reciban con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma subvencións correntes ou de capital ou outra achega de calquera natureza.
Artigo 18. Modificacións que implican variacións nas transferencias de financiamento e achegas autonómicas recollidas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia
1. As unidades equivalentes ás oficinas orzamentarias das entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo, a que se refire o artigo 82.bis.1 TRLRFO, elaborarán unha proposta acompañada dunha memoria económica que recolla a xustificación da variación que se propón e a súa incidencia nos diferentes aspectos financeiros, produtivos e de rendibilidade, nos modelos de orzamentos de explotación e de capital e estados financeiros asociados e, de ser o caso, no anexo de investimentos, así como calquera outra consideración que xustifique a variación proposta e as súas fontes de financiamento
2. A persoa titular da presidencia ou persoal directivo equivalente das entidades afectadas remitirá a proposta á consellería a que estea adscrita, e esta, log de informe da oficina orzamentaria, achegarao, se o estima procedente, á dirección xeral competente en materia de orzamentos.
3. A dirección xeral competente en materia de orzamentos remitirá o informe, de ser o caso, á persoa competente para autorizar a modificación da transferencia de financiamento, segundo se recolle no capítulo II desta orde.
4. A citada dirección xeral solicitará os informes, datos e documentos que considere precisos para a resolución dos expedientes, devolvendo á oficina orzamentaria da consellería de adscrición, con expresión motivada, aqueles expedientes en que non proceda a resolución favorable.
5. Unha vez aprobada á modificación das transferencias de financiamento procederase a axustar os estados de ingresos e gastos do orzamento do ente instrumental, consonte o sinalado na memoria do parágrafo primeiro.
Artigo 19. Modificacións que non implican variacións nas transferencias de financiamento e achegas autonómicas recollidas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia
1. As unidades equivalentes ás oficinas orzamentarias das entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo, a que se refire o artigo 82.bis.1 TRLRFO, elaborarán unha proposta acompañada dunha memoria económica que recolla a xustificación da variación que se propón e a súa incidencia nos diferentes aspectos financeiros, produtivos e de rendibilidade, nos modelos de orzamentos de explotación e de capital e estados financeiros asociados e, de ser o caso, no anexo de investimentos, así como calquera outra consideración que xustifique a variación proposta e as súas fontes de financiamento.
2. A persoa titular da presidencia ou persoal directivo equivalente das entidades afectadas remitirá a proposta a consellería a que estea adscrita, e esta, logo de informe da oficina orzamentaria, achegarao, se o considera procedente, á dirección xeral competente en materia de orzamentos.
3. A dirección xeral competente en materia de orzamentos remitirá o informe, de ser o caso, á persoa competente para autorizar a modificación do orzamento do ente instrumental ao abeiro do artigo 85 do TRLFO.
4. A citada dirección xeral solicitará os informes, datos e documentos que considere precisos en orde á resolución dos expedientes, devolvendo á oficina orzamentaria da consellería de adscrición, con expresión motivada, aqueles expedientes en que non proceda a resolución favorable.
CAPÍTULO IV
Tramitación electrónica dos expedientes de modificación orzamentaria
Artigo 20. Tramitación electrónica das propostas de modificación orzamentaria aprobadas
1. As propostas aprobadas e a documentación xustificativa que as acompaña, relativas aos expedientes a que lles resulte de aplicación o disposto no capítulo II desta orde, remitiranse de xeito electrónico á dirección xeral competente en materia de orzamentos.
2. As propostas a que se refire o punto anterior e a súa documentación xustificativa remitiranse, a través da aplicación informática creada para o efecto e nos termos que nela se determinen, como orixinal electrónico ou como copia electrónica auténtica do orixinal en papel, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 21. Tratamento informático dos expedientes
1. Os modelos que sirvan de soporte aos acordos de autorización das modificacións orzamentarias a que se refire o capítulo II obteranse por medios informáticos, a través da aplicación informática habilitada para o efecto, dependente da dirección xeral competente en materia de orzamentos.
2. As oficinas orzamentarias ou órganos equivalentes para a tramitación das modificacións orzamentarias remitirán á dirección xeral competente en materia de orzamentos unha relación das persoas usuarias da aplicación Codex, que teñan atribuídas as competencias para realizar copias electrónicas de orixinais en papel ou de copias auténticas en papel, de documentos orixinais electrónicos, na tramitación das modificacións orzamentarias.
A dirección xeral competente en materia de orzamentos manterá actualizada a relación destas persoas na aplicación Codex.
3. Para a sinatura electrónica de orixinais electrónicos ou, de ser o caso, da autorización de copias electrónicas auténticas de orixinais en papel, utilizarase o portasinaturas electrónico da Administración financeira.
Para este fin, as persoas usuarias que o precisen deberán solicitar o seu acceso mediante o procedemento establecido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o uso dos seus sistemas de información.
Disposición adicional única. Limitación temporal para a presentación dos expedientes de modificación dos orzamentos de explotación e de capital
Aos expedientes de modificación orzamentaria sinalados no capítulo III aplicaráselles a data límite de entrada na dirección xeral competente en materia de orzamentos que sinale a orde que regula as operacións de pechamento do exercicio, no relativo aos expedientes de modificación de crédito que deban autorizarse polo Consello da Xunta ou pola persoa titular da Consellería de Facenda.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogada a Orde do 3 de xaneiro de 1989 sobre documentación e tramitación dos expedientes de modificación nos créditos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar resolucións de aplicación
Habilítase o titular da dirección xeral competente en materia de orzamentos a adoptar todos os actos e medidas precisas para aplicar a presente orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!