Orzamentos xerais 2020 da GALICIA

LEI 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

[sc name=”Guía del Interventor Municipal” ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es

Exposición de motivos
I
Con esta Lei de orzamentos para o ano 2020, Galicia chega aos seus corenta orzamentos consecutivos. Unha cifra moi relevante, posto que supón acumular catro décadas de autogoberno e estabilidade política, co se puideron aprobar ano a ano as súas contas.
Cos orzamentos de 2020 remata unha lexislatura caracterizada por un impulso substancial do marco sobre o que debe instrumentarse a capacidade de gasto da Comunidade Autónoma de Galicia. Xa nos orzamentos de 2017, primeiro ano da lexislatura, púxose de manifesto que seguir un itinerario coherente nas épocas de crise permite abordar os cambios de ciclo sen contar con lastres que actúen de freo para o crecemento. Durante o período de contracción económica apostouse firmemente por unha política económica dirixida á eficiencia do gasto, ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e á recuperación da actividade económica.
A aplicación destas pautas e obxectivos constitúe a peza mestra para que, desde o ano 2017 ao 2019, se consiga un crecemento económico sostido, caracterizado por unha senda que ofrece o equilibrio e a estabilidade necesarios, para que desde a Comunidade Autónoma de Galicia se xere confianza en todos os axentes económicos, se reforcen os gastos esenciais de sanidade, educación e servizos sociais vinculados ao benestar das galegas e dos galegos e mais se dinamice o investimento público para implementar unha política económica dirixida á promoción da actividade empresarial.
Os orzamentos para o 2020 tamén continúan nesta senda e permiten que a Administración autonómica conte cos recursos financeiros necesarios para lle procurar á súa cidadanía uns servizos públicos dirixidos a resolver os seus problemas e que lles faciliten un maior benestar para o desenvolvemento das súas actividades. Neste sentido, atendendo o seu compoñente cuantitativo, a capacidade máxima de gasto supera en máis de mil setecentos millóns de euros á do 2015.
Cando se atenden os seus compoñentes cualitativos, os orzamentos do 2020 tamén manteñen a alta calidade do noso sistema sanitario. Promoven unha política educativa asentada sobre a consecución da calidade, a liberdade, a igualdade de oportunidades e o diálogo. E propugnan unhas políticas sociais que constitúen un compromiso irrenunciable e van dirixidas ás persoas máis desfavorecidas, á atención das persoas dependentes e á infancia, para a que estes orzamentos establecen un feito relevante para os servizos de gardería, que dotan de maior intensidade a consecución dos obxectivos dirixidos á conciliación da vida laboral e familiar, cos seus consecuentes reflexos, e cos cales se perseguen as políticas dirixidas ao impulso demográfico da nosa comunidade.
Polo que se refire ao contexto económico e financeiro que enmarca estes orzamentos, hai que destacar que as previsións dos principais organismos internacionais: o Fondo Monetario Internacional (FMI), a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) e a Comisión Europea, elaboradas a principios do 2019, apuntaban a un menor dinamismo da economía mundial para o período 2019-2020, cun crecemento inferior ao de exercicios anteriores. Os indicadores máis recentes sinalan un debilitamento da economía mundial máis acusado do previsto a comezos de ano.
As previsións máis actualizadas, as da OCDE, reflicten o empeoramento da economía mundial nos últimos meses. Destas previsións dedúcese que a expansión económica mundial continúa, pero unha confluencia de factores adversos que afectan as principais economías debilitan o crecemento mundial, principalmente no ano 2019. As tensións comerciais entre os Estados Unidos e China, as dúbidas sobre as condicións para a saída do Reino Unido da Unión Europea e as tensións xeopolíticas son algúns dos factores que afectan a evolución da economía mundial. Na medida en que se atenúe a incerteza sobre esta situación, prevese unha lixeira mellora da economía mundial no ano 2020.
As previsións para o 2020 da Comisión Europea mostran unha recuperación nas principais economías da área euro respecto do ano anterior. Segundo estas previsións, a economía española será a única que moderará o seu crecemento en 2020, aínda que seguirá sendo a economía que máis creza, seguida de Portugal. Alemaña será a que máis se reactivará por unha redución do impacto na economía das perturbacións no sector automobilístico, mais o seu crecemento será inferior ao español. Italia e Francia tamén rexistrarán un crecemento, ben que en niveis inferiores aos de Alemaña. No Reino Unido, todos os organismos sinalan a incerteza na evolución da súa economía, xa que as condicións da saída da Unión Europea serán determinantes.
A economía española mantén un crecemento sólido e sostido, conseguindo durante dezanove trimestres consecutivos taxas superiores ao dous por cento. En setembro, o Instituto Nacional de Estatística difundiu uns datos da contabilidade nacional anual e trimestral, nos cales se actualizou a información estrutural dispoñible, e revisáronse as fontes e os métodos de estimación. Esta revisión supuxo unha redución no produto interior bruto (PIB) nacional dos últimos anos, que afectou as estimacións dos dous primeiros trimestres de 2019. Segundo os datos publicados a finais de setembro, o PIB rexistrou un incremento intertrimestral no segundo trimestre de 2019 do 0,4 por cento, unha décima inferior ao do trimestre anterior. En termos de taxa interanual, o crecemento foi do 2,0 por cento, dúas décimas menor do que no trimestre precedente.
As previsións dos principais organismos nacionais e internacionais coinciden no mantemento da senda expansiva da economía española, aínda que cun menor crecemento nos dous próximos anos. As previsións do Banco de España son as máis recentes e as únicas que recollen a revisión na contabilidade nacional anual. Estas previsións revisaron á baixa o crecemento da economía española respecto das previsións anteriores. Para o ano 2019 o Banco de España prevé un crecemento do 2,0 por cento, catro décimas menos do que proxectaba en xuño; tamén reduce o crecemento para 2020 ata o 1,7 por cento.
Os datos económicos máis recentes para Galicia confirman un crecemento sostido da economía galega nos últimos anos. Con todo, na primeira metade deste ano, obsérvase unha retardación no crecemento, e despois de case catro anos con taxas superiores ao 2,5 por cento, no segundo trimestre de 2019, o PIB galego creceu un 2,0 por cento. En consecuencia, o escenario macroeconómico para Galicia prolonga a dinámica expansiva da economía galega ao longo do horizonte da previsión, malia unha retardación no crecemento do PIB no ano 2019 e un crecemento sostido nos anos seguintes.
O escenario macroeconómico para os anos 2019-2020 mostra, desde a óptica da demanda, un crecemento baseado na demanda interna e un peor comportamento do sector exterior no ano 2019, que se recuperará no ano seguinte, conforme se recuperen os mercados internacionais. Desde a óptica da oferta prevese un retroceso do sector industrial no ano 2019, namentres os servizos e a construción moderarán gradualmente o seu crecemento. A celebración do Ano Xacobeo 2021 será un factor clave no sostemento do dinamismo da economía galega nos próximos anos, posto que motivará un incremento do consumo público e do investimento en infraestruturas no ano 2020. Neste contexto, a taxa de paro no ano 2019 diminuirá en 1,9 puntos respecto da do ano 2018. Para o 2020 a taxa de paro baixará ata o 10,6 por cento.
Unha vez máis volve manifestarse que Galicia experimentou un notable cambio no modelo de crecemento e que modificou a tendencia resultante da crise financeira de 2008. A produción de bens e servizos creceu a un bo ritmo, o que deu cabida a unha aceleración do índice de converxencia en renda por habitante coa Unión Europea. En consecuencia, a comunidade é hoxe menos dependente dos sectores particularmente sensibles ao cambio do ciclo, o que permite afrontar o futuro inmediato con expectativas máis sólidas e favorables.
No marco deste comportamento, hai que destacar que o orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia contará en 2020 con douscentos noventa e nove millóns de euros máis que en 2019, de modo que a súa capacidade de gasto, tal e como se sinalou anteriormente, experimentou, desde o ano 2015, unha suba de máis de mil setecentos millóns de euros. Estas circunstancias facilitan as accións dirixidas a consolidar a recuperación económica, a desenvolver unhas novas políticas de impulso e a fortalecer a reactivación do emprego e mais axudan para alcanzar o obxectivo prioritario da acción de goberno: conseguir que a recuperación chegue a todos os fogares galegos.
Todo iso sen incrementar con cargas adicionais as xeracións futuras. O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san en que se asenta a acción de goberno e é o froito da progresiva redución do déficit que vén realizando nestes últimos anos, de xeito que, durante eles, a ratio de endebedamento está totalmente estabilizada en Galicia. Conforme os datos publicados polo Banco de España, o endebedamento de Galicia é seis puntos inferior á media autonómica, situado no 24,4 por cento, e, grazas a este mellor comportamento, Galicia evitou na última década a emisión de máis de tres mil oitocentos millóns de euros de débeda. En todos estes anos, a Comunidade Autónoma cumpriu sempre o límite de débeda autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), e desde 2016 iniciou unha senda de redución do seu endebedamento, que continuará nos próximos exercicios.
Estes orzamentos enmárcanse no ámbito do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 e oriéntanse, polo tanto, á consecución dun modelo de crecemento económico baseado na innovación e no capital humano, que favoreza unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente, que permita diminuír o desemprego e aumentar a produtividade e o benestar dos galegos e das galegas, e colabore para retomar a senda do crecemento demográfico. Débese destacar ao respecto que, en canto á actualización do cadro macroeconómico previsto para o 2020, e en canto á taxa de desemprego prevista para ese ano, poderán alcanzarse as previsións incluídas no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, que establecían un crecemento medio do PIB galego do 2,5 por cento neste período e unha taxa de paro do dez por cento ao rematar o ano 2020.
Hai xa cinco anos que se iniciou o proceso para a revisión do sistema de financiamento autonómico, e os problemas que orixinaba este modelo, cando a situación financeira daba lugar a unha redución moi importante dos recursos tributarios do sistema, tampouco se solucionaron co cambio de ciclo económico e a consecuente recuperación na recadación destes recursos. O diagnóstico da totalidade das comunidades autónomas puxo de manifesto a insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia, substancialmente dos considerados como servizos públicos fundamentais. A conclusión para a Comunidade Autónoma de Galicia non pode ser outra que a urxencia na aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias, en consonancia cos elementos diferenciais que concorren nas prestacións dos servizos que realiza.
Neste último ano, esta situación de urxencia viuse profundamente afectada como consecuencia das circunstancias extraordinarias que rodean a existencia dun goberno do Estado en funcións. As ditas circunstancias incidiron moi negativamente na provisión destes recursos a favor das comunidade autónomas.
En primeiro lugar, polo atraso na actualización dos recursos do sistema de financiamento a través da norma correspondente, de tal maneira que ata a publicación do Real decreto lei 13/2019, do 11 de outubro, polo que se regula esta actualización, non foi posible confirmar, para as comunidades autónomas que, como Galicia, aprobaron os seus orzamentos no ano en curso consonte a información recibida do Ministerio de Facenda en xullo de 2018, as contías que efectivamente ían corresponderlles no 2019 por cada un dos recursos do sistema de financiamento autonómico. Por esta circunstancia, estas comunidades víronse sometidas a un escenario de desequilibrio financeiro durante o período transcorrido desde o 1 de xaneiro ata a aprobación do real decreto lei mencionado.
En segundo lugar, porque a esta conxelación das entregas á conta haille que engadir novas tensións financeiras para o orzamento das comunidades autónomas. Por unha banda, a redución soportada na liquidación do sistema correspondente ao 2017 motivada polo cálculo dunha liquidación do imposto sobre o valor engadido (IVE), que só ten en conta a recadación relativa a once meses, por aplicación na súa xestión do Sistema de subministración de información inmediata. Por outra banda, os aumentos de gastos que implica a aplicación dos decretos lei estatais ás competencias autonómicas, especialmente gravosos en materia de gastos de persoal.
En terceiro lugar, porque durante o ano 2019 o Consello de Ministros non adoptou, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, ningún acordo sobre os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública referidos ao trienio 2020-2022 para o conxunto do sector público, e tampouco se realizou ningún Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira para informar sobre os obxectivos de estabilidade das comunidades autónomas.
En último lugar, o Goberno do Estado en funcións non aprobou tampouco o límite de gasto non financeiro para o 2020, nin o Ministerio de Facenda remitiu a comunicación coas entregas á conta do sistema para o ano 2020, e en canto á liquidación do ano 2018 a comunicación provisional realizouse no momento da publicación do Real decreto lei 13/2019, do 11 de outubro, e, polo tanto, despois de que o Parlamento de Galicia aprobase o teito de gasto da Comunidade para o 2020.
Ante este cúmulo de obstáculos para o manexo da información que, en relación co sistema de financiamento, debe ofrecer oficialmente o Goberno do Estado, os orzamentos de 2020 establecen as previsións dos recursos financeiros integrados no devandito sistema con base nos cálculos e nas estimacións que inicialmente realiza a Consellería de Facenda para a súa posterior contrastación e axuste coas contías que, de forma habitual e con carácter anual, facilita respecto daqueles o Ministerio de Facenda no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira.
As estimacións da Consellería aséntanse, nun primeiro termo, sobre a actualización do Programa de estabilidade do Reino de España para o período 2019-2022, considerando tamén o informe que sobre a dita actualización realizou o pasado 9 de maio a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef). Sobre esta base fíxanse como obxectivos de estabilidade orzamentaria para o devandito período os atribuídos para as comunidades autónomas na actualización, de xeito que para o ano 2020 se establece unha necesidade de financiamento do 0,1 por cento do PIB, e para os anos 2021 e 2022, equilibrio orzamentario.
Nun segundo termo, consideran a información que sobre a recadación dos recursos tributarios do sistema xestionados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria ofrece esta nas súas estatísticas de publicación mensual, co obxecto de observar o comportamento que se produce no 2019 e, sobre todo, de utilizar as cifras de recadación de 2018, que a estas alturas son practicamente as definitivas, para os efectos de determinar as previsións da liquidación do sistema de financiamento correspondente a ese exercicio. Considérase tamén a información que sobre a evolución dos impostos directos e indirectos conteñen as proxeccións orzamentarias recollidas para o 2020 na actualización do Programa de estabilidade 2019-2022, que se contrastan coa información que sobre as previsións de ingresos para o 2019 contiña o Proxecto de orzamentos xerais do Estado, presentado ante as Cortes Xerais, aínda que non foi obxecto de aprobación. Finalmente, considéranse como referencias as estimacións de crecementos medios que, en relación co período 2019-2022, realiza a Airef para cada unha das principais figuras tributarias cedidas ás comunidades autónomas no seu informe sobre a actualización do Programa de estabilidade e analízanse as recomendacións do Consello da Unión Europea do pasado 2 de xullo.
Como resultado da utilización de todas estas fontes establecéronse unhas previsións de ingresos do sistema de financiamento con criterios obxectivos, razoables e prudentes, de xeito que as ditas previsións recollen, respecto das formuladas pola Airef, un diferencial representativo da tendencia á baixa que, no mes de setembro, están a mostrar os últimos datos coñecidos sobre o crecemento das variables económicas.
Verbo dos recursos propios non financeiros da Comunidade Autónoma, nos cales se inclúen os tributos cedidos xestionados pola Xunta, os tributos propios, os prezos públicos e privados e mais os ingresos patrimoniais, cóidase que o seu importe apenas reflectirá variacións no ano 2020. A súa evolución estable depende en gran medida da evolución dos principais tributos cedidos: o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e o imposto sobre sucesións e doazóns. No caso do primeiro deles, a recuperación do mercado da vivenda, coa evolución á alza dos prezos dos inmobles, produce un aumento das súas bases impoñibles, con moderados incrementos na súa recadación que permiten absorber a diminución na recadación do imposto sobre o patrimonio, como consecuencia de reverter a suba da tarifa aprobada no ano 2013 por mor da crise, de xeito que se volve ter a mesma tributación que establece a normativa estatal con carácter xeral.
No 2011 aprobouse a Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina e sustentabilidade orzamentaria, en virtude da cal se consolidou legalmente a fixación a priori do límite de gasto non financeiro como medida de garantía do cumprimento do obxectivo de estabilidade e da regra de gasto dentro do proceso de elaboración orzamentaria. Ao amparo do punto un do artigo 12 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, unha vez determinado o obxectivo de estabilidade orzamentaria da Comunidade Autónoma, o Consello da Xunta de Galicia acordou o límite de gasto non financeiro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020 en 10.160 millóns de euros. O gasto non financeiro establecido nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2020 axústase ao citado teito de gasto.
II
Na parte dispositiva, a lei estrutúrase en seis títulos, dezaseis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e tres disposicións derradeiras.
A parte esencial da Lei de orzamentos recóllese no título I, relativo á aprobación dos orzamentos e ao réxime das modificacións de crédito, por canto no seu capítulo I, baixo a rúbrica «Aprobación dos créditos e do seu financiamento», se aproban os ingresos e gastos que compoñen os orzamentos da Comunidade Autónoma, integrados polos da Administración xeral, os dos organismos autónomos, os correspondentes ás entidades públicas instrumentais de asesoramento e consulta –que, para os efectos orzamentarios, teñen a consideración de organismos autónomos–, os das axencias públicas autonómicas, os das entidades públicas empresariais, os dos consorcios autonómicos, os das sociedades mercantís e os das fundacións.
Neste capítulo I defínese o ámbito dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a tipoloxía das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Dentro deste capítulo detállanse os beneficios fiscais que afectan os tributos cedidos total ou parcialmente polo Estado e sinálase así mesmo o importe das subvencións reguladoras consideradas na normativa de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Finalmente, dentro dos artigos especificamente destinados aos orzamentos das entidades instrumentais, autorízanse as dotacións iniciais das subvencións de explotación e de capital ás entidades públicas empresariais e ás sociedades mercantís.
O capítulo II deste título, «Das modificacións orzamentarias», regula os principios e as competencias específicas en materia de modificacións orzamentarias, as regras de vinculación que afectan os créditos orzamentarios, a determinación dos que teñen natureza de créditos ampliables, entre os que se inclúen os créditos que financien a gratuidade na educación infantil de 0 a 3 anos para o segundo fillo ou filla e sucesivos, e as limitacións aplicables ás transferencias de créditos. No suposto de se prorrogar os orzamentos xerais do Estado, a xeración de crédito da liquidación do ano 2018 realizarase xunto coa comunicación do Ministerio de Facenda no mes de xaneiro das entregas á conta.
O título II, relativo aos «Gastos de persoal», estrutúrase en catro capítulos.
O capítulo I, dedicado aos gastos do persoal ao servizo do sector público, consolida no ano 2020 o incremento das retribucións do persoal ao servizo do sector público, en aplicación do establecido no Real decreto lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público.
Ademais, consolídase a retribución adicional ao complemento de destino previsto pola Orde do 15 de xaneiro de 2019 pola que se publica o Acordo de concertación do emprego público de Galicia. Neste acordo establecéronse melloras retributivas para o persoal, periodificadas no período 2019-2021, para os efectos de que o impacto económico se axuste ás dispoñibilidades orzamentarias e ao incremento adicional da masa salarial autorizado pola normativa básica do Estado.
Así mesmo, recolle que para o ano 2020 só se poderá proceder, no sector público, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e aos requisitos establecidos na normativa básica estatal, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos. No resto do capítulo regúlase a contratación de persoal laboral temporal, de persoal funcionario interino e de persoal vinculado ás encomendas de xestión.
O capítulo II, baixo a rúbrica «Dos réximes retributivos», establece que para o ano 2020 as retribucións dos altos cargos e outro persoal directivo, das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior e dos consellos de administración non experimentarán un incremento respecto das vixentes no ano 2019. Igualmente, no que atinxe o persoal funcionario, o persoal laboral, o persoal ao servizo das institucións sanitarias e o persoal dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, aquelas manteranse nas contías vixentes o 31 de decembro de 2019.
Todo isto sen prexuízo do recollido na disposición adicional oitava, que establece que as retribucións do persoal do sector público previstas para o ano 2020 serán obxecto de adecuación ao determinado no II Acordo Goberno-sindicatos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo, do 9 de marzo (Boletín Oficial del Estado do 26 de marzo de 2018), no momento en que se habilite pola normativa da Administración xeral do Estado. Polo tanto, en previsión da aplicación do disposto na disposición adicional oitava dótase un fondo retributivo que permita asumir o incremento previsto no sinalado acordo.
O capítulo III, dedicado a «Outras disposicións en materia de réxime de persoal activo», recolle que para o ano 2020 as relacións de postos de traballo deberán modificarse para as axustar ás previsións orzamentarias que se deduzan do anexo de persoal, sen que se poidan prover aqueles postos para os cales non estea prevista dotación, e mais que no anexo de persoal non poderán existir códigos de liñas orzamentarias que non amparen créditos para dotacións de postos de traballo, substitucións de persoal temporal ou para conceptos retributivos. O resto do capítulo regula os requisitos para a determinación ou modificación das retribucións do persoal laboral e non funcionario, o persoal directivo das entidades instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, o nomeamento do profesorado interino a tempo parcial en centros docentes non universitarios, os profesores e as profesoras de corpos docentes e o persoal eventual e de gabinete.
O capítulo IV, dedicado ás «Universidades», fixa o límite máximo dos custos de persoal das tres universidades galegas, as retribucións adicionais do persoal ao seu servizo e a obriga de comunicación mensual da provisión de persoal laboral temporal para cubrir necesidades docentes urxentes e inaprazables. Así mesmo, establécese que as universidades poderán aplicar a taxa de reposición prevista na normativa básica estatal, con respecto das dispoñibilidades orzamentarias dotadas no capítulo I.
O título III, «Operacións de endebedamento e garantía», estrutúrase en dous capítulos, relativos ás operacións de crédito e ao afianzamento por aval.
No primeiro destes capítulos establécese para o ano 2020 a posición neta debedora da Comunidade Autónoma, a cal se incrementará nunha contía máxima equivalente ao 0,1 por cento do PIB rexional, co que se acomoda aos límites establecidos polo Consello de Política Fiscal e Financeira para este exercicio. Tamén se regulan neste capítulo as operacións de débeda de tesouraría, a formalización doutras operacións financeiras e o endebedamento das entidades instrumentais do sector público. No tocante ao endebedamento das entidades instrumentais do sector público recóllese a posibilidade, para os préstamos directos, de que se poidan formalizar entre as entidades financeiras e os adxudicatarios ou as adxudicatarias que, estando en réxime de alugamento, decidan adquirir as vivendas que foron cedidas en uso ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e para as execucións de hipotecas de vivendas de promoción pública da adxudicación ou cesión de remate delas a prol do IGVS.
No capítulo II, relativo ao «Afianzamento por aval», en canto ao apoio financeiro aos proxectos empresariais, mantense para o 2020 a contía máxima dos avais que pode conceder o Instituto Galego de Promoción Económica, cun importe de cincocentos millóns de euros.
No título IV, «Xestión orzamentaria», mantéñense os preceptos relativos á intervención limitada, a fiscalización das operacións de endebedamento da Comunidade Autónoma, a fiscalización dos nomeamentos ou dos contratos de substitución do persoal, a identificación dos proxectos de investimento, a autorización do Consello da Xunta para a tramitación de determinados expedientes de gasto, a regulación das transferencias de financiamento, as subvencións nominativas, a concesión directa de axudas e subvencións, a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias, o pagamento mensual de axudas e subvencións que se conceden a persoas físicas para financiar estudos de investigación, o informe preceptivo e vinculante da Consellería de Facenda, que, sen prexuízo da análise de risco que realice o xestor, determina os efectos sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria nos préstamos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e os expedientes de dotación artística e mais o módulo económico de distribución de fondos públicos para o sostemento de centros concertados. Neste establécese a posibilidade da aceptación pola Administración autonómica de pagamentos á conta para as retribucións do persoal docente do colectivo de empresas do ensino privado, desde o 1 de xaneiro ata o momento en que asinen as táboas salariais para o ano 2020.
O título V, dedicado ás «Corporacións locais», estrutúrase en dous capítulos.
O primeiro deles, dedicado ao financiamento e á cooperación con estas entidades, detalla as transferencias que lles corresponden como consecuencia de convenios e subvencións, así como a participación dos concellos nos tributos da Comunidade Autónoma a través do Fondo de Cooperación Local. En relación con este fondo, a lei fixa unha porcentaxe homoxeneizada de participación, e desagrégase esta en fondo base, para recoller a mesma contía que se establece no ano 2011, e en fondo adicional, para recoller o incremento debido á maior recadación dos capítulos I, II e III de Administración xeral desde aquel ano ata o 2019. Establécese o sistema de distribución entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os concellos para o fondo base, de maneira que estes recibirán segundo o coeficiente de repartición que lles correspondeu no ano 2011. O fondo adicional repartirase no ano 2020 conforme o acordo da Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro da Comisión Galega de Cooperación Local. Entre os criterios aprobados para a repartición destaca os concellos con institucións penitenciarias no seu termo municipal, os concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade, os concellos que teñen que asumir o financiamento dos custos de mantemento dos conservatorios de grao medio, os concellos resultantes dun proceso de fusión en cumprimento do sinalado na Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, os concellos que teñen que asumir o financiamento dos servizos de emerxencia de carácter supramunicipal e os concellos que teñen que asumir o financiamento das redes de faixas secundarias de xestión da biomasa para a prevención de incendios.
O capítulo II deste título regula o procedemento de compensación e retención de débedas dos concellos contra os créditos que lles corresponden pola súa participación no Fondo de Cooperación Local de maneira similar ao ano 2019.
No título VI, relativo ás «Normas tributarias», inclúese un único precepto para establecer os criterios de afectación do imposto sobre o dano ambiental e o canon eólico.
O contido desta Lei de orzamentos complétase coas disposicións adicionais, transitorias e derradeiras referidas, nas cales se recollen uns preceptos de índole moi variada.
Entre as disposicións adicionais regúlase a información ao Parlamento; o orzamento inicial e os requisitos de creación para as axencias que se poidan constituír neste exercicio; a autorización de orzamentos en entidades instrumentais de nova creación; a obriga de adecuar os estados financeiros das entidades instrumentais ás transferencias; as normas para a remisión de información económico-financeira e o control desta, coa finalidade de recoller as obrigas en relación co inventario das entidades dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia e, doutra banda, para adaptar as normas sobre a competencia da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia á normativa vixente, en relación coas axencias e cos consorcios adscritos á Comunidade Autónoma que deben auditar as súas contas anuais; as porcentaxes de gastos xerais de estrutura que hai que aplicar nos contratos de obra; a venda de solo empresarial por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo; as prestacións extraordinarias para as persoas beneficiarias de pensións e subsidios non contributivos, e no relativo aos gastos de persoal, a autorización para a modificación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde, o persoal contratado ao abeiro do Plan nacional de formación e inserción profesional, as medidas en relación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral, as normas de especial aplicación en materia de recursos educativos complementarios de ensino público, e no caso dos centros concertados, de se aprobar algunha variación nas contías dos módulos estatais de distribución de fondos públicos para o seu sostemento, aplicarase a mesma variación porcentual aos módulos fixados no anexo IV desta lei.
En canto á disposición relativa ás prestacións familiares por coidados de fillos e fillas menores, establécese como requisito para a súa obtención o cumprimento das condicións que dite a Consellería de Política Social. A disposición adicional décimo sexta regula o dereito a percibir unha axuda económica de mil douscentos euros, a razón de cen euros mensuais, a través da Tarxeta Benvida para todas as familias que teñan un fillo ou unha filla ou adopten un neno ou unha nena menor dun ano no 2020. Adicionalmente, para aquelas familias con renda igual ou inferior a vinte e dous mil euros a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou a nena cumpra tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos. A contía das axudas para as familias con estas rendas será de seiscentos euros por ano, a razón de cincuenta euros por mes, se o fillo ou a filla que dá dereito á axuda é o primeiro; de mil douscentos euros por ano, a razón de cen euros por mes, se o fillo ou a filla que dá dereito á axuda é o segundo, e de dous mil catrocentos euros por ano, a razón de douscentos euros por mes, se o fillo ou a filla que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos. Para as familias que residan no rural e para as que teñan o terceiro fillo ou a terceira filla e sucesivos, a axuda incrementarase nas condicións que estableza a Consellería de Política Social.
As disposicións transitorias regulan a adecuación das entidades públicas instrumentais e a dotación gradual do Fondo de Continxencia de Execución Orzamentaria que xa se prevían na Lei de orzamentos do ano 2019.
As tres últimas disposicións derradeiras regulan o desenvolvemento, a vixencia e a entrada en vigor da lei.
TÍTULO I
Aprobación dos orzamentos e réxime das modificacións de crédito
CAPÍTULO I
Aprobación dos créditos iniciais e do seu financiamento
Artigo 1. Aprobación e ámbito dos orzamentos xerais
O Parlamento de Galicia aproba os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020, nos que se integran:
a) Os orzamentos da Administración xeral, na cal se incorporan os órganos estatutarios e consultivos.
b) Os orzamentos dos organismos autónomos.
c) Os orzamentos das entidades públicas instrumentais de asesoramento ou consulta, que consonte a disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, terán a consideración de organismos autónomos para os efectos orzamentarios.
d) Os orzamentos das axencias públicas autonómicas.
e) Os orzamentos de explotación e capital das entidades públicas empresariais a que fai referencia o artigo 89 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
f) Os orzamentos de explotación e capital dos consorcios autonómicos a que fai referencia o artigo 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
g) Os orzamentos de explotación e capital das sociedades mercantís públicas autonómicas a que fai referencia o artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
h) Os orzamentos de explotación e capital das fundacións do sector público autonómico a que fai referencia o artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
i) En todo caso, os orzamentos das demais entidades que estean clasificadas como administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas normas do Sistema europeo de contas, agás as universidades públicas.
Artigo 2. Orzamentos da Administración xeral, dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas
Un. Nos estados de gastos consolidados dos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas autonómicas consígnanse créditos por un importe de 11.821.575.337 euros, distribuídos da forma seguinte:
Cap. I-VII
Gastos non financeiros Cap. VIII
Activos
financeiros Cap. IX
Pasivos
financeiros Total
Administración xeral 5.180.355.559 102.945.983 1.501.239.459 6.784.541.001
Organismos autónomos 4.157.761.845 1.190.000 4.158.951.845
Entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento 2.186.476 2.186.476
Axencias públicas autonómicas 808.639.648 49.784.583 17.471.784 875.896.015
Total 10.148.943.528 153.920.566 1.518.711.243 11.821.575.337
As transferencias internas entre os orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos organismos autónomos e das axencias públicas representan 4.779.382.528 euros, distribuídos segundo o seguinte detalle:
Orixe Destino
Organismos
autónomos Entidades públicas
instrumentais de consulta
ou asesoramento Axencias públicas
autonómicas Total
Administración xeral 3.957.331.255 2.186.356 797.132.500 4.756.650.111
Organismos autónomos 22.732.417 22.732.417
Total 3.957.331.255 2.186.356 819.864.917 4.779.382.528
Dous. A desagregación dos créditos consonte a finalidade á que van destinados establécese desta maneira:
Funcións Importe
11 Alta dirección da Comunidade Autónoma 39.450.476
12 Administración xeral 71.732.868
13 Xustiza 156.314.058
14 Administración local 17.281.586
15 Normalización lingüística 8.507.074
16 Procesos electorais e órganos de representación política e institucións democráticas 8.683.120
21 Protección civil e seguridade 29.007.645
31 Acción social e promoción social 821.452.321
32 Promoción do emprego e institucións do mercado de traballo 274.461.244
33 Cooperación exterior e ao desenvolvemento 6.646.969
41 Sanidade 4.107.323.838
42 Educación 2.466.542.342
43 Cultura 74.884.984
44 Deportes 25.257.216
45 Vivenda 80.329.363
46 Outros servizos comunitarios e sociais 111.681.336
51 Infraestruturas 301.525.719
52 Ordenación do territorio 15.665.517
53 Promoción de solo para actividades económicas 3.624.255
54 Actuacións ambientais 132.941.164
55 Actuacións e valorización do medio rural 148.219.193
56 Investigación, desenvolvemento e innovación 189.593.054
57 Sociedade da información e do coñecemento 92.206.944
58 Información estatística básica 4.741.587
61 Actuacións económicas xerais 33.170.957
62 Actividades financeiras 57.154.758
71 Dinamización económica do medio rural 345.151.351
72 Pesca 108.731.285
73 Industria, enerxía e minaría 58.674.376
74 Desenvolvemento empresarial 157.906.456
75 Comercio 15.886.938
76 Turismo 73.835.909
81 Transferencias a entidades locais 140.887.247
91 Débeda pública 1.642.102.187
Total 11.821.575.337
Tres. A distribución orgánica e económica do orzamento consolidado é como segue:
Capítulos I II III IV V VI VII VIII IX Total
Parlamento 10.323.584 6.549.049 2.754.243 644.161 963 106.900 20.378.900
Consello de Contas 6.033.808 1.071.387 23.705 508.039 36.061 7.673.000
Consello da Cultura Galega 1.701.563 888.900 35.000 131.600 2.757.063
Presidencia da Xunta de Galicia 10.669.803 8.579.711 48.483.083 7.859.146 91.130.823 102.763.022 526.104 270.011.692
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 139.447.835 43.093.120 11.130 70.612.267 35.138.858 18.870.116 40.000 307.213.326
Consellería de Facenda 20.709.696 717.342 3.000 25.185.621 2.071.085 9.800.118 58.486.862
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 30.999.899 6.119.340 28.041.199 22.210.033 65.734.547 153.105.018
Consellería de Infraestruturas e Mobilidade 9.874.737 51.534.325 22.983.095 30.078.620 264.495.072 378.965.849
Consellería de Economía, Emprego e Industria 58.053.539 17.605.102 236.349.927 10.513.391 238.365.333 560.887.292
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional 1.449.798.298 179.230.269 40.729 666.802.144 67.757.208 82.438.622 1.611.168 2.447.678.438
Consellería de Cultura e Turismo 26.783.677 4.876.071 36.013.399 16.544.556 59.580.389 143.798.092
Consellería de Sanidade 48.928.839 2.454.326 3.672.186.240 22.535.784 151.655.879 3.897.761.068
Consellería de Política Social 134.248.105 211.365.881 410.162.745 9.768.594 10.246.341 775.791.666
Consellería do Medio Rural 142.004.533 6.712.924 27.785.934 91.733.649 267.958.897 536.195.937
Consellería do Mar 32.473.574 3.128.290 4.439.154 41.922.435 84.857.378 166.820.831
Consello Consultivo de Galicia 1.716.816 294.927 101.000 2.112.743
Transferencias a corporacións locais 135.797.955 135.797.955
Débeda pública da Comunidade Autónoma 143.000.000 1.499.102.187 1.642.102.187
Gastos de diversas consellarías 3.910.000 21.101.746 29.000 5.264.292 1.400.000 1.948.155 33.653.193
Administración xeral 2.127.678.306 565.322.710 143.083.859 5.392.920.003 1.400.000 361.466.314 1.345.134.478 102.945.983 1.501.239.459 11.541.191.112
Escola Galega de Administración Pública 1.206.759 1.634.760 580.870 134.569 3.556.958
Academia Galega de Seguridade Pública 832.822 2.138.376 28.038 2.999.236
Instituto Galego de Estatística 3.027.864 337.358 1.150.225 4.515.447
Instituto de Estudos do Territorio 2.183.953 90.823 37.975 494.406 402.868 3.210.025
Instituto Galego da Vivenda e Solo 9.295.722 4.348.450 11.900.800 32.315.346 25.553.300 540.000 83.953.618
Instituto Galego do Consumo e da Competencia 5.079.867 753.545 185.000 628.657 24.000 6.671.069
Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral 5.419.897 671.635 441.901 6.533.433
Servizo Galego de Saúde 1.755.157.948 1.236.277.452 849.158.562 31.917.175 152.539.966 2.670.450 650.000 4.028.371.553
Fondo Galego de Garantía Agraria 4.611.382 415.378 3.000 1.813.150 35.030.013 41.872.923
Organismos autónomos 1.786.816.214 1.246.667.777 3.000 861.863.207 31.917.175 189.546.258 63.680.631 1.190.000 4.181.684.262
Consello Económico e Social de Galicia 655.887 155.415 151.729 30.000 993.031
Consello Galego de Relacións Laborais 695.896 436.880 42.000 18.669 1.193.445
Entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento 1.351.783 592.295 193.729 48.669 2.186.476
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia 12.772.837 13.393.830 873.000 73.983.678 5.078.604 9.811.061 115.913.010
Axencia Galega de Emerxencias 496.469 152.633 63.380 7.106.120 7.818.602
Axencia Tributaria de Galicia 13.097.847 2.165.872 202.000 15.465.719
Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable 5.431.517 1.040.082 8.405.393 14.876.992
Axencia Galega de Infraestruturas 13.083.436 1.057.000 100.000 1.566.175 203.229.154 20.482.057 239.517.822
Axencia Galega de Innovación 4.731.587 478.692 122.796 6.015.992 20.242.292 63.024.530 2.334.000 4.490.331 101.440.220
Axencia Galega da Industria Forestal 1.028.418 372.856 700.000 1.160.372 11.000.000 14.261.646
Instituto Galego de Promoción Económica 6.132.657 2.187.231 68.500 4.071.617 8.882.542 54.690.667 47.450.583 3.160.000 126.643.797
Instituto Enerxético de Galicia 1.558.913 351.695 64.385 510.000 26.498.851 28.983.844
Axencia Galega das Industrias Culturais 2.582.143 650.000 1.143.644 1.930.719 5.500.000 11.806.506
Axencia Turismo de Galicia 11.210.372 7.091.581 200 5.165.000 36.605.398 13.763.358 73.835.909
Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde 1.585.740 662.113 8.337 855.312 3.111.502
Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos 10.554.514 14.193.903 550.000 25.298.417
Axencia Galega de Servizos Sociais 11.270.822 2.197.000 113.000 13.580.822
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 3.374.479 714.591 5.256.228 36.611.109 45.956.407
Instituto Galego de Calidade Alimentaria 13.637.491 2.418.579 278 1.082.878 8.060.691 8.538.424 10.392 33.748.733
Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia 2.301.752 656.143 712.972 3.670.867
Axencias públicas autonómicas 114.850.994 49.783.801 291.774 20.754.408 377.805.871 245.187.600 49.784.583 17.471.784 875.930.815
Total do orzamento bruto 4.030.697.297 1.862.366.583 143.378.633 6.275.731.347 33.317.175 928.867.112 1.654.002.709 153.920.566 1.518.711.243 16.600.992.665
Total das transferencias internas 22.732.417 3.865.029.975 891.654.936 4.779.417.328
Total do orzamento consolidado 4.030.697.297 1.839.634.166 143.378.633 2.410.701.372 33.317.175 928.867.112 762.347.773 153.920.566 1.518.711.243 11.821.575.337
Catro. Nos estados de ingresos dos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, nos dos seus organismos autónomos e nos das axencias públicas autonómicas recóllense as estimacións dos dereitos económicos que se prevén liquidar durante o exercicio, por un importe consolidado de 11.821.575.337 euros, distribuídos da seguinte forma:
Cap. I-VII
Ingresos non financeiros Cap. VIII
Activos
financeiros Cap. IX
Pasivos financeiros Total
Administración xeral e órganos estatutarios 9.846.804.461 2.680.346 1.691.706.305 11.541.191.112
Organismos autónomos 223.663.007 690.000 224.353.007
Entidade pública instrumental 120 120
Axencias públicas autonómicas 30.207.536 25.823.562 56.031.098
Total 10.100.675.124 29.193.908 1.691.706.305 11.821.575.337
Cinco. Os beneficios fiscais que afectan os tributos cedidos total ou parcialmente polo Estado á Comunidade Autónoma considéranse en 2.000.242.206 euros, dos cales 1.549.069.456 euros corresponden á normativa estatal e 451.172.750 euros á normativa autonómica, consonte o seguinte detalle:
– Imposto sobre sucesións e doazóns: 156.730.600 euros.
– Imposto sobre a renda das persoas físicas (tarifa autonómica): 27.260.000 euros.
– Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados: 173.446.656 euros.
– Imposto sobre o patrimonio: 119.809.000 euros.
– Imposto sobre o valor engadido: 1.245.530.000 euros.
– Imposto sobre hidrocarburos: 73.628.000 euros.
– Imposto sobre o alcohol e as bebidas derivadas: 3.003.000 euros.
En cumprimento do establecido no artigo 55.2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe das subvencións reguladoras fíxase en 200.834.950 euros.
Artigo 3. Orzamento das entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo
Un. Entidades públicas empresariais.
Apróbanse os orzamentos de explotación e capital das entidades públicas empresariais a que se refire a alínea e) do artigo 1 desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo I.
Dous. Consorcios autonómicos.
Apróbanse os orzamentos de explotación e capital dos consorcios a que se refire a alínea f) do artigo 1 desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo I.
Tres. Sociedades mercantís públicas autonómicas.
Apróbanse os orzamentos de explotación e capital das sociedades mercantís públicas autonómicas a que se refire a alínea g) do artigo 1 desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo I.
Catro. Fundacións do sector público autonómico.
Apróbanse os orzamentos de explotación e capital das fundacións do sector público autonómico a que se refire a alínea h) do artigo 1 desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo I.
Cinco. Aprobación de subvencións de explotación e capital das entidades públicas empresariais e das sociedades mercantís públicas autonómicas.
Autorízanse as dotacións de subvencións de explotación e capital das entidades públicas empresariais a que se refire a alínea e) do artigo 1 desta lei e das sociedades mercantís públicas autonómicas a que se refire a alínea g) do artigo 1 dela, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo II. No caso de que se teñan que superar tales contías máximas, a consellaría competente en materia de facenda dará conta ao Parlamento de Galicia das razóns que xustifican tal aumento.
CAPÍTULO II
Das modificacións orzamentarias
Artigo 4. Réxime xeral das modificacións orzamentarias
Un. As modificacións de créditos orzamentarios serán autorizadas consonte os requisitos establecidos no Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas excepcións derivadas da aplicación do indicado neste capítulo.
Dous. As propostas de modificación deberán indicar, co maior nivel de desagregación orgánica, funcional e económica, as aplicacións orzamentarias afectadas, e recollerán adecuadamente os motivos que as xustifican, tanto os relativos á realización do novo gasto proposto como, se é o caso, á suspensión da actuación inicialmente prevista.
Á comunicación a que se refire a disposición adicional segunda do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, uniráselle unha explicación sobre os motivos que a xustifican en relación co novo gasto proposto e a súa repercusión, se é o caso, sobre os obxectivos do programa afectado con respecto aos inicialmente previstos.
Artigo 5. Competencias específicas en materia de modificacións orzamentarias
Sen prexuízo das facultades que se lle asignan no Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, atribúenselle á persoa titular da Consellería de Facenda competencias específicas para levar a cabo as seguintes modificacións orzamentarias:
a) Para incorporar os créditos de exercicios anteriores que correspondan a actuacións financiadas ou cofinanciadas pola Unión Europea, de acordo co previsto nos regulamentos do período de programación 2014-2020 que resulten aplicables, así como para as reasignacións destes créditos a que se refire o punto dous do artigo 9.
b) Para incorporar o crédito que non acadase a fase de recoñecemento da obriga en cada exercicio do fondo de reserva constituído consonte o establecido no artigo 4 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, pola que se aproba o imposto sobre a contaminación atmosférica.
c) Para incorporar o crédito que non acadase a fase de recoñecemento da obriga dos créditos xerados, con destino ao financiamento de gastos derivados da realización de probas de selección de persoal, como consecuencia dos maiores ingresos recadados sobre os inicialmente previstos no artigo 30, «Taxas administrativas».
d) Para incorporar o crédito de exercicios anteriores que non acadase a fase de recoñecemento da obriga no capítulo VIII dos orzamentos de gastos da Administración xeral ou, se é o caso, nos dos organismos autónomos e das axencias, no suposto previsto no artigo 43 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, sobre o tratamento dos créditos para as provisións de riscos non executados.
e) Para xerar crédito polo importe que corresponda pola maior recadación das taxas e dos prezos públicos e privados respecto das previsións que inicialmente se establecen para as distintas seccións orzamentarias no anexo III desta lei, sempre que quede garantido o necesario equilibrio económico-financeiro, de acordo co previsto no artigo 9.
f) Para xerar crédito polo importe que corresponda polos maiores ingresos pola prestación do servizo de recadación executiva a outros entes, do subconcepto 399.04, do orzamento de ingresos.
g) Para xerar crédito, na sección orzamentaria correspondente, pola contía igual ao importe das compensacións económicas a favor da Comunidade Autónoma derivadas de pólizas subscritas con compañías de seguros.
h) Para xerar crédito na sección 14, Consellería do Medio Rural, polo importe que corresponda ao produto da venda do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais e provinciais, con destino aos fins previstos na disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e na disposición adicional cuarta da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego. Para tal fin, por pedimento da consellaría interesada, a Consellería de Facenda tramitará o oportuno expediente de desafectación, de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos artigos 24 e seguintes do seu regulamento de execución.
i) Para xerar créditos como consecuencia dos maiores ingresos recadados sobre os inicialmente previstos en cada unha das seguintes aplicacións do orzamento de ingresos do Servizo Galego de Saúde:
– 30, «Taxas administrativas».
– 37, «Ingresos por ensaios clínicos».
– 36, «Prestacións de servizos sanitarios», e 39, «Outros ingresos», computados conxuntamente.
– 353, «De sociedades públicas e outros entes públicos da Comunidade Autónoma».
– 354, «De fundacións públicas autonómicas».
j) Para xerar crédito no programa 621B, «Imprevistos e funcións non clasificadas», por un importe igual á diferenza que poida existir entre as entregas á conta que, con carácter definitivo, se establecerán para o exercicio 2020, a liquidación de exercicios anteriores correspondente aos distintos recursos do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común, as transferencias do Estado provenientes do Fondo de Compensación Interterritorial e as cantidades consignadas no estado de ingresos por estes conceptos. No caso de que para o ano 2020 os orzamentos xerais do Estado foren prorrogados, a xeración de crédito correspondente á liquidación do exercicio 2018 realizarase coa comunicación que, xunto coas entregas á conta prorrogadas, realice o Ministerio de Facenda no mes de xaneiro de 2020.
k) Para xerar crédito nos capítulos VIII e IX de gastos cos ingresos do capítulo IX procedentes das operacións a que se refiren o parágrafo terceiro do punto un e o punto dous do artigo 37 desta lei.
l) Para xerar crédito nas entidades públicas instrumentais polos ingresos que se produzan nelas cando resulten beneficiarias das ordes de convocatorias de axudas realizadas por calquera administración que non estivesen orzadas inicialmente.
m) Para xerar crédito financiado con fondos europeos do Marco 2014-2020.
n) Para xerar crédito no programa 312D, «Atención á dependencia», a partir do momento en que se publique a norma xurídica que estableza unha suba das contías do nivel mínimo de protección garantido pola Administración xeral do Estado para cada persoa beneficiaria do Sistema para a autonomía e atención á dependencia.
A esta xeración de crédito non lle resultarán aplicables as limitacións establecidas no artigo 69.2 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
ñ) Para introducir nos estados de gastos as modificacións precisas para adecuar os créditos afectados por transferencias finalistas de calquera procedencia, incluíndo entre esas medidas a declaración de indispoñibilidade do crédito e a súa baixa en contabilidade.
No suposto de que as obrigas recoñecidas ata ese momento superen o importe real da transferencia, o seu financiamento realizarase mediante as oportunas minoracións noutros créditos, preferentemente de operacións correntes, da sección de que se trate.
o) Para introducir as variacións que sexan necesarias nos programas de gasto das entidades públicas instrumentais co fin de reflectir as repercusións que neles teñan as modificacións dos créditos que figuran no estado de transferencias entre subsectores dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
p) Para realizar as adaptacións técnicas e as transferencias de crédito que procedan como consecuencia de reorganizacións administrativas, da posta en marcha de organismos autónomos e axencias públicas autonómicas ou do traspaso de competencias nas cales estean implicadas outras administracións, sen que en ningún caso, polo que se refire aos dous primeiros supostos, poida orixinarse un incremento de gasto.
q) Autorizar transferencias de crédito entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servizos dunha mesma consellaría, cando teñan por obxecto cofinanciar incorporacións de remanentes de crédito de exercicios anteriores correspondentes ao financiamento condicionado.
r) Autorizar transferencias de crédito entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servizos dunha mesma ou de distinta consellaría, cando teñan por obxecto redistribuír remanentes de crédito do capítulo I.
s) Autorizar transferencias de crédito entre os diferentes programas vinculados ao Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia.
t) Autorizar transferencias de crédito derivadas de convenios ou acordos de colaboración para o desempeño conxunto de tarefas comúns, entre as distintas seccións orzamentarias.
u) Autorizar transferencias de crédito desde a sección 23 aos distintos programas de gasto.
v) Autorizar as transferencias de crédito dos remanentes de crédito de fondos propios existentes no pechamento ao programa 621B.
Artigo 6. Vinculación de créditos
Un. Os créditos consignados nos estados de gastos destes orzamentos quedarán vinculados ao nivel establecido no artigo 56 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, con excepción dos créditos que se relacionan a seguir, que serán vinculantes co grao de vinculación que se indica:
– 120.20, «Substitucións de persoal non docente».
– 120.21, «Substitucións de persoal docente».
– 120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente».
– 120.26, «Substitucións de persoal dos corpos ao servizo da Administración de xustiza».
– 121.07, «Sexenios».
– 130.02, «Complemento de perigosidade, penosidade e toxicidade».
– 130.10, «Segunda actividade dos bombeiros e das bombeiras forestais».
– 131, «Persoal laboral temporal».
– 131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal».
– 132, «Persoal laboral temporal (profesorado de Relixión)».
– 133, «Persoal laboral temporal indefinido».
– 136, «Persoal investigador en formación».
– 226.01, «Atencións protocolarias e representativas».
– 226.02, «Publicidade e propaganda».
– 226.06, «Reunións, conferencias e cursos».
– 226.13, «Gastos de funcionamento dos tribunais de oposicións e de probas selectivas».
– 227.06, «Estudos e traballos técnicos».
– 228, «Gastos de funcionamento dos centros e servizos sociais».
– 229, «Gastos de funcionamento dos centros docentes non universitarios».
A mesma consideración terán os créditos correspondentes á aplicación 13.04.312E.227.65, «Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal», así como os créditos correspondentes á aplicación 08.A1.512B.600.3, «Expropiacións en materia de estradas».
O concepto 160, «Cotas sociais», vinculará a nivel de sección, agás ás entidades con personalidade xurídica de seu, as cales vincularán a nivel de servizo.
Os conceptos 480, «Transferencias correntes a familias», e 481, «Transferencias correntes a institucións sen fin de lucro», por unha parte, e os conceptos 780, «Transferencias de capital a familias», e 781, «Transferencias de capital a institucións sen fin de lucro», pola outra, serán vinculantes entre si. A mesma consideración terán os créditos dos subconceptos 221.07, «Comedores escolares», e 223.08, «Transporte escolar», da sección 10, que vincularán entre eles.
Así mesmo, terán carácter vinculante, co nivel de detalle económico co que aparezan nos estados de gastos, as transferencias de financiamento das entidades instrumentais do sector público autonómico, agás para as axencias públicas autonómicas, nas que haberá que aterse ao nivel de vinculación existente nelas.
Igualmente, serán vinculantes entre si os créditos correspondentes ás aplicacións orzamentarias 08.02.512A.223.06, «Servizo regular integrado», e 08.02.423A.223.08, «Transporte escolar», da Dirección Xeral de Mobilidade.
Dous. As transferencias a que se refire o artigo 67 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, cando afecten os créditos anteriores, deberán ser autorizadas pola persoa titular da Consellería de Facenda.
Tres. Agás o previsto no artigo 7.un.s), no Servizo Galego de Saúde serán vinculantes entre si os créditos destinados a gastos de funcionamento autorizados no mesmo concepto, na mesma estrutura organizativa de xestión integrada e en distinto programa.
Tamén serán vinculantes entre si os créditos destinados a gastos de funcionamento autorizados no mesmo concepto e programa e en distinta estrutura organizativa de xestión integrada.
As redistribucións destes créditos serán autorizadas pola persoa titular do Servizo Galego de Saúde.
Catro. Sen prexuízo do disposto no artigo 83.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, os créditos autorizados nos estados de gasto comprenderán, dentro do nivel de vinculación existente, todos os programas que xestiona cada axencia pública.
Artigo 7. Créditos ampliables
Un. Con independencia dos supostos previstos na alínea 1 do artigo 64 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables os créditos seguintes:
a) Os incluídos nas aplicacións 06.A2.621A.227.07 e 06.A2.621A.227.08, destinados ao cumprimento dos convenios para a xestión e liquidación, e os premios de cobranza autorizados pola recadación na vía executiva, así como nas transferencias da sección 06 que as financian.
b) As obrigas contraídas no exterior e que deban ser pagadas en divisas de cambio variable, pola diferenza existente entre o tipo de cambio previsto e o seu importe real no momento do pagamento.
c) Os destinados ao pagamento das obrigas derivadas de crebas de operacións de crédito avaladas pola Comunidade Autónoma. Cando se trate dun organismo autónomo ou dunha sociedade pública, a ampliación materializarase a través da sección orzamentaria á cal figuren adscritos.
d) Os créditos destinados ao pagamento dos premios de cobranza e as participacións en función da recadación de vendas e restantes créditos de vivendas, soares, locais e edificacións complementarias correspondentes ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como os referidos aos traballos de facturación e apoio á xestión do patrimonio inmobiliario do devandito instituto, que se establezan de acordo coas cifras recadadas no período voluntario.
e) Os créditos de transferencias a favor da Comunidade Autónoma que figuren nos orzamentos de gastos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas ata o importe dos remanentes da tesouraría que resulten como consecuencia da súa xestión.
f) Os incluídos na aplicación 21.01.811B.460.2, con destino ao pagamento da liquidación de exercicios anteriores, que corresponde ao Fondo de Cooperación Local.
g) Os créditos vinculantes incluídos nas aplicacións 120.20, «Substitucións de persoal non docente», e 120.21, «Substitucións de persoal docente», que se considerarán ampliables unicamente con retencións noutros créditos do capítulo I da propia sección orzamentaria ou do organismo autónomo.
h) Os créditos incluídos na aplicación 05.11.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero, e os incluídos na aplicación 05.11.313D.480.1, con destino ao pagamento das indemnizacións previstas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
i) Os incluídos na aplicación 23.03.621A.890.00, destinados ao Fondo de Garantía de Avais.
Esta ampliación financiarase con baixa nas dotacións da aplicación 09.10.741A.732.05 e das correspondentes ao Instituto Galego de Promoción Económica.
j) Os créditos da sección 11, «Consellería de Cultura e Turismo», a que se refire o artigo 54 desta lei.
k) Os créditos destinados ao pagamento do complemento autonómico ás pensións non contributivas, de xeito que permitan dar cobertura a todas as persoas beneficiarias delas que cumpran os requisitos exixidos pola administración.
l) Os créditos destinados ao pagamento da renda de inclusión social de Galicia (Risga).
m) Os créditos destinados ao pagamento das bolsas a estudantes universitarios e en formación.
n) As transferencias de financiamento dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas na medida en que se autoricen ampliacións de créditos financiados por eles.
ñ) Os gastos de receitas médicas.
o) As dotacións da aplicación 04.A1.571A para o cumprimento do Acordo polo que se establece o modelo de sustentabilidade da dixitalización dos servizos públicos.
p) O crédito incluído na aplicación 13.02.312B.480.0, destinado ao pagamento de prestacións familiares por fillos e fillas menores de tres anos ao cargo.
q) Os créditos destinados á atención das obrigas derivadas de expedientes de expropiacións. Esta ampliación financiarase con baixas nos programas doutras seccións ou da mesma sección.
r) Os créditos incluídos na aplicación 04.30.312C.480.2, destinados ao pagamento das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
s) Os créditos dos subconceptos orzamentarios 221.06, 221.15, 221.16 e 221.19 do programa 412A, que serán vinculantes a nivel da súa estrutura organizativa de xestión integrada.
t) Os créditos incluídos na aplicación 13.02.312B.470.2 que financien a gratuidade na educación infantil de 0 a 3 anos para o segundo fillo ou filla e os sucesivos.
Dous. Para os efectos do previsto no artigo 64.1.g) do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán a consideración de seccións orzamentarias as secretarías xerais da Presidencia.
Tres. O financiamento das ampliacións de crédito, ademais de por medio dos mecanismos previstos no artigo 64.2 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, poderá tamén realizarse con baixas de crédito noutros conceptos orzamentarios.
Artigo 8. Transferencias de crédito
Un. Con independencia das limitacións a que se refire o artigo 68.1 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e sen prexuízo do previsto na alínea 3 do citado artigo, non poderán tramitarse expedientes de transferencias de crédito que atinxan os capítulos VI e VII cando deles derive un incremento do gasto corrente.
Esa restrición non será aplicable:
a) Cando se destinen á atención de gastos extraordinarios derivados de catástrofes, sinistros ou outras situacións de natureza análoga e carácter excepcional, logo da declaración polo Consello da Xunta de Galicia da situación excepcional, catastrófica ou de análoga natureza.
b) Aos incrementos do capítulo I que, se é o caso, poidan orixinarse polo desenvolvemento de procesos de regularización derivados de acordos sobre materias de función pública subscritos entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais.
c) Aos incrementos do capítulo I derivados do cumprimento de sentenzas xudiciais firmes ou autos de obrigada execución.
d) Aos incrementos do capítulo I derivados do previsto no punto catro do artigo 13 desta lei.
e) Aos incrementos do capítulo I derivados do previsto no punto sete do artigo 15 desta lei.
f) Excepcionalmente, cando as características das actuacións que se deban executar para o cumprimento da finalidade do programa orzamentario previsto exixan a adecuación da natureza económica do gasto.
g) Cando teñan por obxecto atender as obrigas a que se refire o artigo 60.2 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, sempre que se xustifique a imposibilidade de as tramitar con cargo ao gasto corrente.
h) As transferencias para atender xuros de mora cando se xustifique a imposibilidade de as tramitar con cargo ao gasto corrente.
Dous. Polo que se refire á función 42 da sección 10, «Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional», función 41 da sección 12, «Consellería de Sanidade», e función 31 da sección 13, «Consellería de Política Social», a limitación indicada no punto anterior unicamente será aplicable unha vez superado o cinco por cento das dotacións iniciais dos capítulos VI e VII en termos consolidados.
No caso de as transferencias realizadas baixo este suposto incrementaren os créditos do capítulo I destinados ao asinamento de contratos de duración determinada previstos no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 15 do Estatuto dos traballadores, cando a modalidade de contratación sexa de realización de obra ou servizo recollida na alínea a) do artigo 1 da citada disposición, será necesaria a existencia dun informe previo e favorable da Dirección Xeral da Función Pública sobre a adecuación da modalidade de contratación que se pretende.
Tres. Sen prexuízo do disposto no resto dos puntos deste artigo, as transferencias de crédito axustaranse ás seguintes regras:
a) Só poderán incrementarse os créditos das aplicacións orzamentarias dos subconceptos 131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal», e 120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente», mediante transferencias de crédito cun límite máximo de oitenta mil euros, en cada unha das consellarías, organismos autónomos ou axencias públicas autonómicas, consideradas de forma independente. A superación deste límite deberá ser autorizada polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do departamento solicitante e cun informe previo da Intervención Xeral e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.
b) Non se incrementarán os créditos autorizados inicialmente nas aplicacións orzamentarias do subconcepto 226.02, «Publicidade e propaganda», 227.06, «Estudos e traballos técnicos», 226.01, «Atencións protocolarias», e 226.06, «Reunións, conferencias e cursos».
A limitación de non incrementar o subconcepto 226.02 non afectará a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nin o Servizo Galego de Saúde cando a transferencia teña por causa medidas de seguridade en materia de protección civil derivadas de riscos non previstos ou de medidas sanitarias para a saúde pública.
c) Non se poderán diminuír os créditos consignados no programa 312D, «Servizos sociais de atención ás persoas dependentes», agás cando financien créditos que teñan a condición de ampliables consonte o previsto nas alíneas l) e p) do artigo 7 desta lei.
d) Non se poderán tramitar transferencias de crédito do capítulo VIII aos restantes capítulos do orzamento.
e) Non se poderán incrementar os créditos previstos nesta lei para subvencións nominativas.
Catro. As limitacións sobre as transferencias de crédito contidas nas alíneas b) e c) do artigo 68.1 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non afectarán as transferencias de crédito que se refiran ás transferencias de financiamento das entidades instrumentais do sector público autonómico nin aos centros concertados de educación.
Cinco. Para os efectos de facilitar a xestión entre diferentes centros de gasto dentro dunha mesma sección, as transferencias de crédito que afecten os gastos de funcionamento (221, 222, 227.00, 227.01 e 229) serán autorizadas pola súa persoa titular.
Seis. As limitacións establecidas nos puntos anteriores deste artigo e as establecidas no artigo 68 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non serán aplicables:
– Aos créditos vinculados ao Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia, sempre que se realicen en cumprimento dos acordos adoptados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Comisión de Seguimento do Plan.
– Aos créditos do proxecto 201800112 do Plan especial contra a violencia de xénero.
– Aos créditos do programa 331A vinculados aos proxectos que van desenvolver no exterior os axentes galegos de cooperación para o desenvolvemento.
– Ás transferencias do artigo 5, alíneas t), u) e v).
– Ás transferencias de fondos propios para financiar incorporacións de créditos comprometidos de exercicios anteriores.
Sete. Cando nas subvencións outorgadas en réxime de concorrencia pública con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia resulten beneficiarias algunhas das entidades incluídas nos orzamentos consolidados, ás transferencias aos artigos 41, 43, 44, 71, 73 ou 74 que procedan non lles serán aplicables as limitacións establecidas no artigo 68 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, nin tampouco as establecidas nos restantes puntos deste artigo.
Artigo 9. Adecuación de créditos
Un. Para facilitar a consecución do equilibrio económico-financeiro na execución do orzamento para o ano 2020, os créditos incluídos nos estados de gastos poderán experimentar os axustes necesarios para acomodar o seu importe ao dos recursos, na medida en que estes últimos difiran dos inicialmente previstos nos orzamentos de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.
Sen prexuízo do indicado na alínea ñ) do artigo 5 desta lei, o Consello da Xunta de Galicia adoptará, por proposta da Consellería de Facenda, os acordos de non-dispoñibilidade de crédito que sexan precisos para cumprir o previsto no parágrafo anterior.
Dous. Para conseguir o máximo grao de execución posible dos fondos procedentes da Unión Europea, os créditos que non amparen compromisos de gastos debidamente adquiridos poderán ser reasignados a outras actuacións, da mesma ou distinta consellaría ou organismo, con suxeición aos respectivos plans financeiros e ás disposicións dos programas operativos e da normativa que os regula, por proposta motivada dos organismos intermedios da autoridade de xestión dos respectivos programas, ou da autoridade de xestión no caso do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Así mesmo, poderá efectuarse a dita reasignación en relación cos créditos financiados co Fondo de Compensación Interterritorial, por proposta motivada da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.
As intervencións susceptibles de seren cofinanciadas no marco dos programas operativos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e FSE (Fondo Social Europeo) Galicia 2014-2020 e do Programa operativo de emprego xuvenil precisarán da autorización da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos nos termos establecidos nos correspondentes sistemas de xestión e control dos programas.
Artigo 10. Transferencia de remanentes líquidos de tesouraría
Os organismos autónomos e as entidades públicas empresariais transferirán ao orzamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma o importe do remanente de tesouraría non afectado resultante da liquidación do anterior exercicio orzamentario.
A Consellería de Facenda poderá xerar crédito con este importe no programa 621B, «Imprevistos e funcións non clasificadas», unha vez analizada a súa repercusión e os seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria.
Non obstante, e coa finalidade de evitar que se produzan estes remanentes, a Consellería de Facenda poderá limitar os libramentos de fondos a estas entidades en función do seu nivel de execución orzamentaria.
As axencias públicas autonómicas para a incorporación do remanente de tesouraría non afectado aplicarán o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. De non se realizar a incorporación procederase conforme o disposto neste artigo para os organismos autónomos e as entidades públicas empresariais.
TÍTULO II
Gastos de persoal
CAPÍTULO I
Dos gastos do persoal ao servizo do sector público
Artigo 11. Bases da actividade económica en materia de gastos de persoal
Un. Para os efectos do establecido neste título, constitúen o sector público da Comunidade Autónoma:
a) Os órganos estatutarios e consultivos de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 12.2 do Estatuto de autonomía de Galicia para o Parlamento.
b) A Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos.
c) As entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento a que se refire a disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
d) As axencias públicas autonómicas e as entidades a que se refire a alínea 5 da disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
e) As entidades integrantes do Sistema universitario de Galicia.
f) As entidades públicas empresariais a que se refire o artigo 89 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
g) Os consorcios autonómicos a que se refire o artigo 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
h) As sociedades mercantís públicas autonómicas a que se refire o artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
i) As fundacións públicas sanitarias e as demais fundacións do sector público da Comunidade Autónoma a que se refire o artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Dous. No ano 2020 as retribucións do persoal ao servizo do sector público autonómico non poderán experimentar ningún incremento con respecto ás vixentes o 31 de decembro de 2019, en termos de homoxeneidade para os dous períodos da comparación, tanto polo que respecta a efectivos de persoal como á súa antigüidade.
Así mesmo, conforme a normativa básica, os gastos de acción social, en termos globais, non poderán experimentar ningún incremento verbo do ano anterior. A este respecto, considérase que os gastos en concepto de acción social son beneficios, complementos ou melloras distintos ás contraprestacións polo traballo realizado, cuxa finalidade é satisfacer determinadas necesidades consecuencia de circunstancias persoais dos traballadores e das traballadoras.
Tres. Os acordos, convenios ou pactos que impliquen crecementos retributivos superiores aos fixados no punto anterior deberán experimentar a oportuna adecuación, resultando inaplicables as cláusulas que establezan calquera tipo de incremento. En todo caso, suspéndese a aplicación dos pactos ou acordos asinados que supoñan incrementos retributivos superiores aos fixados no punto anterior para o ano 2020, sen prexuízo do establecido no II Acordo Goberno-sindicatos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo, do 9 de marzo (Boletín Oficial del Estado do 26 de marzo de 2018), e mais dos acordos autorizados polo Consello da Xunta de Galicia nos anos 2019 e 2018.
Ademais, mantense a suspensión da aplicación do punto décimo oitavo do Texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Catro. O disposto nos puntos precedentes entenderase sen prexuízo das adecuacións retributivas que con carácter singular e excepcional resulten imprescindibles polo contido dos postos de traballo, pola variación do número de efectivos asignados a cada programa ou polo grao de consecución dos seus obxectivos.
Cinco. As referencias relativas ás retribucións contidas nesta lei enténdense sempre feitas a retribucións íntegras.
Seis. As referencias contidas na normativa vixente relativas a haberes líquidos, para os efectos do cálculo de anticipos reintegrables ao persoal funcionario, entenderanse feitas ás retribucións básicas e complementarias que perciba este nos seus importes líquidos.
Artigo 12. Oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal
Un. Durante o ano 2020 só se poderá proceder no sector público delimitado no artigo anterior, e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto, e en particular no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.
Dous. Para dar cumprimento aos obxectivos sobre a estabilización do persoal no emprego público, dentro dos acordos asinados pola Administración xeral do Estado e pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, aplicaranse as disposicións que se establezan na normativa básica do Estado.
Tres. Para a aplicación do disposto neste artigo, a oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal adaptarase aos límites e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal.
Catro. Durante o ano 2020 a contratación de novo persoal nas sociedades mercantís públicas, nas entidades públicas empresariais, nos consorcios e nas fundacións do sector público autonómico estará suxeita ás limitacións e aos requisitos establecidos na normativa básica.
Co obxecto de posibilitar a adecuada optimización dos recursos humanos existentes no sector público autonómico e conforme dispón a normativa básica, as mencionadas entidades instrumentais do sector público autonómico poderán contratar persoal funcionario ou laboral fixo con destino nas consellarías ou nos organismos públicos do sector público autonómico, garantindo en todo caso a publicidade e libre concorrencia neste tipo de contratacións. Estes contratos xerarán o dereito a seguir percibindo, desde a data da súa subscrición, o complemento de antigüidade na mesma contía que se viña percibindo na consellaría, organismo público, sociedade, fundación ou consorcio de procedencia.
Cinco. A oferta de emprego público, no ámbito a que se refiren as alíneas b), c), d), f), g), h) e i) do artigo 11.un desta lei, aprobaraa o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do centro directivo competente en materia de función pública ou, se é o caso, das consellarías competentes na materia, e co informe favorable da dirección xeral competente en materia de orzamentos.
Seis. Durante o ano 2020 non se procederá no sector público da Comunidade Autónoma delimitado no artigo anterior á contratación de persoal temporal, nin ao nomeamento de funcionarios interinos, agás en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables, que se restrinxirán aos sectores, ás funcións e ás categorías profesionais que se consideren prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais.
No ámbito a que se refiren as alíneas b), c), d), f), g), h) e i) do artigo 11.un desta lei será precisa a previa e expresa autorización das direccións xerais competentes en materia de función pública e orzamentos, sen prexuízo do establecido nos artigos seguintes. Para estes efectos, o departamento ou a entidade solicitante deberá remitir unha memoria xustificativa de que a cobertura do posto non se pode realizar mediante outro sistema e de que resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento do servizo.
Artigo 13. Contratación de persoal laboral temporal e nomeamento de persoal funcionario interino no ámbito da Comunidade Autónoma e os seus organismos autónomos e axencias públicas
Un. Durante o ano 2020, no ámbito a que se refiren as alíneas b) e d) do artigo 11.un desta lei, poderán proverse, sen necesidade da autorización conxunta a que se refire o punto seis do artigo 12 desta lei, en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables que non poidan ser atendidas mediante uns procesos de reestruturación dos efectivos existentes, postos vacantes mediante a contratación de persoal laboral temporal ou mediante o nomeamento de persoal funcionario interino dos seguintes ámbitos:
a) Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.
Para estes efectos, enténdense como centros docentes aqueles que impartan ensinanzas orientadas á obtención de titulacións académicas de formación regrada.
b) Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.
c) Persoal da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
d) Persoal dos centros e das residencias de servizos sociais.
e) Persoal adscrito ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais.
f) Persoal laboral e persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.
g) Persoal adscrito ao sistema integrado de Emerxencias e Protección Civil.
h) Persoal que presta servizos nas unidades de exploración mamográfica do Programa galego de detección precoz do cancro de mama.
As devanditas contratacións e os correspondentes nomeamentos adecuaranse estritamente ás necesidades do servizo, e aquelas estarán sempre vinculadas á existencia dun posto de traballo vacante e dotado orzamentariamente.
As direccións xerais competentes remitirán á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, con periodicidade mensual, a relación de todas as contratacións de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interino realizados con base nesta excepción. Xunto coa relación achegarase unha memoria explicativa que xustifique a necesidade urxente e inaprazable e o carácter imprescindible para o funcionamento do servizo.
Dous. Durante o ano 2020, no ámbito determinado neste artigo, poderán atenderse os excesos ou as acumulacións de tarefas mediante a contratación temporal de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interino sen adscrición a unha praza, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, e de acordo cos límites que se establecen na alínea a) do artigo 8.tres desta lei. O gasto derivado destas contratacións imputarase necesariamente aos subconceptos 131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal», e 120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente».
Para estes efectos, o departamento solicitante deberá remitir unha memoria xustificativa da actividade que motiva a contratación, que esta resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento do servizo e que non puido ser atendida coas dotacións de persoal existentes ou mediante uns procesos de reestruturación dos efectivos dispoñibles.
Tres. Durante o ano 2020, no ámbito determinado neste artigo, poderán acordarse as substitucións transitorias, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, sempre que non poidan ser atendidas mediante unha redistribución de funcións dos efectivos existentes e dentro das limitacións orzamentarias previstas, e que, unha vez valorada polos responsables de xestión a duración prevista da devandita situación, resulten absolutamente imprescindibles para o funcionamento do servizo.
Esta autorización conxunta non será necesaria nas seguintes substitucións:
a) Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.
Para estes efectos, enténdense como centros docentes aqueles que impartan ensinanzas orientadas á obtención de titulacións académicas de formación regrada.
b) Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.
c) Persoal da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
d) Persoal dos centros e das residencias de servizos sociais.
e) Persoal adscrito ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais.
f) Persoal veterinario que preste os seus servizos en matadoiros e lonxas ou nos servizos de Sanidade e Produción Animal dependentes das consellarías competentes en materia de medio rural e de mar.
g) Persoal administrativo que preste os seus servizos nas oficinas de rexistro unificadas da Administración da Comunidade Autónoma.
h) Persoal laboral e persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.
i) Persoal adscrito ao sistema integrado de Emerxencias e Protección Civil.
j) Persoal que se encontre en situación de permiso por parto, adopción ou acollemento ou permiso de paternidade, así como na situación de excedencia por coidado de familiares ou fillos ou fillas menores.
k) Persoal laboral de remuda substituto do xubilado parcial ou especial, independentemente da natureza xurídica do posto que este desempeñe.
l) Persoal que presta servizos nas unidades de exploración mamográfica do Programa galego de detección precoz do cancro de mama.
Catro. Durante o ano 2020, no ámbito determinado neste artigo, poderá efectuarse o nomeamento de persoal funcionario interino para a execución de programas de carácter temporal, segundo o previsto no artigo 23.2.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo do informe conxunto da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, cos seguintes requisitos:
a) O financiamento debe proceder ou ben de fondos da Unión Europea ou da Administración estatal, ou ben doutros ingresos con financiamento afectado.
b) O nomeamento non poderá ter unha duración superior á de execución do programa, que, en todo caso, non superará os tres anos previstos na normativa básica, ampliables ata doce meses máis de o xustificar a duración do correspondente programa.
c) O persoal funcionario interino non ocupará prazas da relación de postos de traballo, e a súa selección e o seu nomeamento axustaranse ao procedemento establecido polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Contratación de persoal estatutario temporal no ámbito da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos e axencias públicas
Un. Durante o ano 2020 non se procederá ao nomeamento de persoal estatutario temporal no ámbito a que se refiren as alíneas b) e d) do artigo 11.un desta lei, agás en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables que afecten o funcionamento dos servizos públicos.
Dous. Estes nomeamentos non requirirán autorización previa da dirección xeral competente en materia de orzamentos. Porén, deberán ser comunicados con carácter mensual á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos. Xunto coa relación achegarase unha memoria explicativa que xustifique a necesidade urxente e inaprazable e o carácter imprescindible para o funcionamento do servizo.
Tres. De conformidade co establecido neste artigo, a aplicación dos pactos e acordos que prevexan medidas relativas á cobertura das ausencias do persoal das institucións sanitarias deberá respectar o carácter absolutamente imprescindible das substitucións transitorias do persoal. En consecuencia, serán os órganos de xestión das institucións sanitarias os que, atendendo as necesidades asistenciais, determinarán as medidas axeitadas para manter a cobertura asistencial, adecuándose, asemade, aos principios e criterios de responsabilidade na xestión do gasto e de eficiencia na asignación e o emprego dos recursos públicos, atendendo a situación económica e o cumprimento do principio de sustentabilidade financeira, consonte o preceptuado na Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.
Artigo 15. Contratación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras ou servizos previstos no anexo de investimentos
Un. Durante o ano 2020, no ámbito a que se refiren as alíneas b) e d) do artigo 11.un desta lei, así como nas entidades a que se refire a alínea 5 da disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, poderán formalizarse contratacións de persoal de carácter temporal para realizar obras ou servizos, sempre que se dea a concorrencia dos seguintes requisitos:
a) Que a contratación teña por obxecto a execución de obras pola administración de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, ou a realización de servizos que teñan a natureza de investimentos.
b) Que tales obras ou servizos correspondan a investimentos previstos e aprobados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
c) Que pola natureza das obras ou dos servizos non poidan ser executados por persoal fixo.
d) Que se refiran a obras e proxectos concretos.
Do cumprimento dos anteriores requisitos deberase deixar constancia no correspondente expediente de contratación.
Dous. Os contratos teranse que formalizar seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do Estatuto dos traballadores e conforme o disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. Nos contratos farase constar a obra ou o servizo para cuxa realización se formaliza o contrato e o tempo de duración, así como o resto das formalidades que impón a lexislación sobre os contratos laborais, eventuais ou temporais. Os incumprimentos destas obrigas formais, así como a asignación de persoal contratado para funcións distintas das que se determinen nos contratos, que puideren derivar no recoñecemento como persoal laboral indefinido non fixo, poderán dar lugar á exixencia de responsabilidades, segundo o artigo 122 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Tres. A realización destes contratos será obxecto de fiscalización previa nos casos en que esta resulte preceptiva, de conformidade co establecido nos artigos 94 ao 117 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A intervención delegada do departamento ou órgano equivalente certificará, despois da proposta fundamentada do xestor, que existe crédito adecuado e abondo na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.
Catro. A contratación poderá exceder o exercicio orzamentario cando se trate de obras ou servizos que pasen máis alá do devandito exercicio e correspondan a proxectos de investimento de carácter plurianual que cumpran os requisitos que para estes se prevén no artigo 58 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Cinco. O servizo xurídico do departamento ou organismo emitirá un informe sobre os contratos con carácter previo á súa formalización, e en especial pronunciarase sobre a modalidade de contratación utilizada e a observancia nas cláusulas do contrato dos requisitos e das formalidades exixidos pola lexislación laboral.
Seis. Durante o ano 2020, no ámbito a que se refire o punto un, requirirán un informe favorable da dirección xeral competente en materia de avaliación e reforma administrativa e mais unha autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos as contratacións de persoal de carácter temporal para a realización de obras ou servizos previstos no anexo de investimentos e os contratos de persoal investigador de carácter laboral baixo algunha das modalidades específicas recollidas no artigo 20 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, así como baixo a modalidade de proxectos específicos de investigación científica e técnica consonte o artigo 15.1.a) do Estatuto dos traballadores.
Sete. O gasto xerado polas contratacións reguladas neste artigo, incluído o das suxeitas normativamente ao Real decreto 1435/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral especial de artistas en espectáculos públicos, así como do persoal temporal asociado a proxectos de investigación, imputarase ao concepto correspondente do artigo 13 no programa e na consellaría ou organismo de que se trate, sen prexuízo de que se financie con cargo aos respectivos créditos de investimentos, para cuxos efectos poderán realizarse as transferencias de crédito correspondentes.
Artigo 16. Contratación de persoal temporal no ámbito das restantes entidades públicas instrumentais
Un. Durante o ano 2020, no ámbito a que se refiren as alíneas c), f), g), h) e i) do artigo 11.un desta lei, poderán realizarse, sen necesidade da autorización conxunta a que se refire o punto seis do artigo 12 desta lei, en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables que non poidan ser atendidas mediante uns procesos de reestruturación dos efectivos existentes, contratacións de novo persoal laboral temporal e nomeamentos de persoal funcionario interino para a cobertura de postos vacantes e substitucións transitorias cuxa necesidade de cobertura xurda ao longo do ano 2020 nos seguintes ámbitos:
a) Persoal que preste servizo nas unidades asistenciais das sociedades sanitarias e fundacións sanitarias.
b) Persoal dos centros e das residencias de servizos sociais.
Dous. Durante o ano 2020, no ámbito determinado no punto un, poderanse realizar, excepcionalmente, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, tras a debida xustificación motivada da entidade solicitante de que a cobertura resulta absolutamente imprescindible e de que a necesidade non pode ser satisfeita mediante unha redistribución de funcións dos efectivos existentes, as seguintes contratacións:
– Contratacións de persoal laboral temporal na modalidade de obra ou servizo determinado.
– Contratacións de persoal laboral temporal na modalidade de acumulación de tarefas.
Para estes efectos, deberase remitir unha memoria xustificativa da necesidade da contratación solicitada e da adecuación da modalidade contractual. Así mesmo, incluirase unha memoria económica en que se valoren todos os aspectos económicos da solicitude e da forma de financiamento.
Tres. Os contratos teranse que formalizar seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do Estatuto dos traballadores e conforme o disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. Nos contratos farase constar a obra ou o servizo para cuxa realización se formaliza o contrato e o tempo de duración, así como o resto das formalidades que impón a lexislación sobre os contratos laborais, eventuais ou temporais. Os incumprimentos destas obrigas formais, así como a asignación de persoal contratado para funcións distintas das que se determinen nos contratos, que puideren derivar no recoñecemento como persoal laboral indefinido non fixo, poderán dar lugar á exixencia de responsabilidades, segundo o artigo 122 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Catro. Con periodicidade mensual deberase remitir á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos a información referida a todas as contratacións realizadas durante o período pola entidade, independentemente da modalidade contractual e da súa duración.
Artigo 17. Contratación de persoal vinculado a encomendas de xestión
Durante o ano 2020 as encomendas de xestión que realicen a Administración da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos ou as axencias públicas ás entidades a que se refiren as alíneas f), h) e i) do artigo 11.un desta lei non poderán supoñer a contratación de persoal temporal por parte das ditas entidades con cargo ás contías recibidas como contraprestación da realización das encomendas de xestión.
Quedan exceptuadas do disposto no parágrafo anterior as contratacións de persoal temporal que estiveren previstas no programa de actuación, investimento e financiamento.
Esta limitación non será aplicable a proxectos financiados con fondos finalistas do Estado e da Unión Europea.
CAPÍTULO II
Dos réximes retributivos
Artigo 18. Retribucións dos altos cargos e outro persoal directivo
Un. No ano 2020 as retribucións dos altos cargos non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019, sen prexuízo da percepción de catorce mensualidades da retribución por antigüidade e dunha contía equivalente á retribución adicional ao complemento de destino que lles poida corresponder de conformidade coa normativa vixente:
– Presidente da Xunta de Galicia: 76.558,68 euros.
– Vicepresidente e conselleiros e conselleiras: 66.817,92 euros.
– Secretarios e secretarias xerais, secretarios e secretarias xerais técnicos, directores e directoras xerais, delegados e delegadas territoriais e asimilados: 58.578,56 euros.
Dous. No ano 2020 as retribucións dos membros do Consello de Contas non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019, polo que quedan establecidas nas seguintes contías, referidas a doce mensualidades:
– Conselleiro ou conselleira maior: 71.106,48 euros.
– Conselleiros e conselleiras: 66.817,92 euros.
Tres. No ano 2020 as retribucións dos membros do Consello Consultivo de Galicia non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019, polo que quedan establecidas nas seguintes contías, referidas a doce mensualidades:
– Presidente ou presidenta: 71.106,48 euros.
– Conselleiros e conselleiras: 66.817,92 euros.
Catro. No ano 2020 as retribucións dos membros do Consello da Cultura Galega non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019, polo que quedan establecidas nas seguintes contías, referidas a doce mensualidades:
– Presidenta ou presidente: 71.106,48 euros.
Cinco. No ano 2020 as retribucións totais do persoal directivo a que se refire o artigo 7 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, do restante persoal previsto nese decreto e dos altos cargos das entidades públicas instrumentais de consulta e asesoramento, non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019.
Seis. Por proposta da persoa titular da consellaría a que se atopen adscritas, as retribucións iniciais das persoas titulares das presidencias e vicepresidencias e, se é o caso, das direccións xerais das entidades a que se refire o punto anterior deste artigo serán autorizadas, logo do informe conxunto da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, pola persoa titular da Consellería de Facenda.
Artigo 19. Complemento persoal
O persoal designado para ocupar postos incluídos nos anexos de persoal dos orzamentos da Administración xeral, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas autonómicas que dean lugar á consideración de alto cargo e que no momento do seu nomeamento manteña unha relación de servizo permanente, non contractual, con algunha administración pública non poderá percibir unhas retribucións inferiores ás que tiña asignadas no posto de procedencia.
Cando se produza esa circunstancia, o persoal indicado terá dereito a percibir un complemento persoal equivalente á diferenza entre a totalidade dos conceptos retributivos, básicos e complementarios, do posto de orixe, con exclusión das gratificacións por servizos extraordinarios, en cómputo anual, e as retribucións do mesmo carácter que lle correspondan polo posto que ocupe na Administración autonómica galega.
O recoñecemento do dereito á percepción deste complemento será realizado en cada caso pola Dirección Xeral da Función Pública.
Os complementos persoais e transitorios permanecerán coas mesmas contías que o 31 de decembro do ano 2019.
Artigo 20. Retribucións das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior
As retribucións das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior para o ano 2020 quedan establecidas nas seguintes contías, sen prexuízo do dereito ás indemnizacións, ás axudas de custo e á aplicación de coeficientes por razón de servizo que poidan corresponderlles por residencia no estranxeiro:
– Delegado ou delegada da Xunta de Galicia en Bos Aires: 58.578,56 euros.
– Delegado ou delegada da Xunta de Galicia en Montevideo: 49.760,00 euros.
Así mesmo, terán dereito a percibir os trienios que poidan ter recoñecidos como persoal funcionario e persoal ao servizo das administracións públicas.
Artigo 21. Criterios retributivos en materia de persoal funcionario
Un. As retribucións que percibirá no ano 2020 o persoal funcionario da Comunidade Autónoma no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, nos termos da disposición derradeira cuarta do Texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, que desempeñe postos de traballo para os que o Goberno da Comunidade Autónoma aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na devandita lei, serán as seguintes:
a) O soldo e os trienios, nas nóminas ordinarias de xaneiro a decembro de 2020, que correspondan ao grupo ou subgrupo en que se atope clasificado o corpo ou a escala a que pertenza a persoa funcionaria, coas seguintes contías referidas a doce mensualidades:
Grupo/subgrupo
Real decreto lei 5/2015 Soldo Trienio
A1 14.159,52 544,92
A2 12.243,36 444,36
B 10.702,32 389,88
C1 9.192,72 336,24
C2 7.650,84 228,84
E (Lei 30/1984) e agrupacións profesionais (Real decreto lei 5/2015, do 30 de outubro) 7.002,48 172,32
b) As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano e se percibirán de acordo co previsto no artigo 15 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1989. O importe de cada unha destas pagas será a suma do soldo e dos trienios establecidos a continuación e dunha mensualidade de complemento de destino:
Grupo/subgrupo
Real decreto lei 5/2015 Soldo Trienio
A1 728,13 28,02
A2 744,11 27,00
B 770,83 28,09
C1 662,1 24,20
C2 631,76 18,89
E (Lei 30/1984) e agrupacións profesionais (Real decreto lei 5/2015, do 30 de outubro) 583,54 14,36
Cando o persoal funcionario preste unha xornada de traballo reducida durante os seis meses anteriores aos meses de xuño e decembro, o importe da paga extraordinaria experimentará a correspondente redución proporcional.
c) O complemento de destino correspondente ao nivel do posto de traballo que se desempeñe, de acordo coas seguintes contías referidas a doce mensualidades:
Nivel Importe
30 12.368,28
29 11.093,76
28 10.627,56
27 10.160,64
26 8.914,32
25 7.908,84
24 7.442,28
23 6.976,32
22 6.509,40
21 6.043,56
20 5.613,96
19 5.327,40
18 5.040,60
17 4.753,80
16 4.467,84
15 4.180,68
14 3.894,48
13 3.607,44
12 3.320,64
11 3.033,84
10 2.747,64
d) O complemento específico anual que, se é o caso, estea fixado ao posto que se desempeñe. Este complemento específico anual percibirase en catorce pagas iguais, das que doce serán de percepción mensual e dúas adicionais, do mesmo importe que unha mensual, nos meses de xuño e decembro, respectivamente.
e) A retribución adicional ao complemento de destino, que corresponda ao grupo ou subgrupo en que se atope clasificado o corpo ou a escala a que pertenza a persoa funcionaria.
f) O complemento de produtividade que, se é o caso, se destine a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou a iniciativa con que o persoal funcionario desempeñe o seu traballo, nos termos establecidos na disposición transitoria décima da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
O complemento de produtividade establecerase de acordo con criterios obxectivos que aprobe o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría correspondente e logo do informe da Dirección Xeral da Función Pública, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, unha vez escoitados os órganos de representación do persoal. Os complementos de produtividade débense facer públicos nos centros de traballo.
As contías asignadas polo complemento de produtividade durante un período de tempo non orixinarán ningún tipo de dereito individual respecto das valoracións ou apreciacións correspondentes a períodos sucesivos.
g) As gratificacións por servizos extraordinarios.
Estas gratificacións serán concedidas logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría respectiva, cando a súa contía exceda, para todo o exercicio 2020, de oitenta mil euros, considerando de forma conxunta cada consellaría e os seus organismos e axencias. No caso contrario, a súa autorización corresponderá á consellaría.
En todo caso, as devanditas gratificacións terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servizos extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo, sen que, en ningún caso, poidan ser fixas na súa contía nin periódicas na súa devindicación.
Tamén terán tal consideración as compensacións económicas a que se refire o artigo 137.2.d) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
h) Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1989.
Estes complementos persoais e transitorios serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza no ano 2020, incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo. Non se considerarán en ningún caso os trienios, a retribución adicional, o complemento de produtividade nin as gratificacións por servizos extraordinarios para estes efectos.
Incluso no caso de que o cambio de posto de traballo determine unha diminución das retribucións se manterá o complemento persoal transitorio fixado ao se producir a aplicación do novo sistema, á absorción do cal se lle imputará calquera mellora retributiva ulterior, mesmo a que poida derivar do cambio de posto de traballo.
Dous. O persoal funcionario interino incluído no ámbito de aplicación do Texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, percibirá a totalidade das retribucións básicas, incluídos os trienios e as pagas extraordinarias, e a totalidade das retribucións complementarias que correspondan ao posto de traballo para o cal sexa nomeado, excluído o que estea vinculado á condición de persoal funcionario de carreira.
Tres. O complemento de produtividade poderáselles atribuír, se é o caso, ao persoal funcionario interino a que se refire o punto anterior, así como ao persoal funcionario en prácticas cando estas se realicen desempeñando un posto de traballo e estea autorizada a aplicación do devandito complemento ao persoal funcionario que desempeñe análogos postos de traballo, agás que ese complemento estea vinculado á condición de persoal funcionario de carreira.
Catro. Na Administración da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas, nos casos de adscrición durante o ano 2020 de persoal funcionario suxeito a un réxime retributivo distinto do correspondente ao posto de traballo a que se adscribe, o devandito persoal funcionario percibirá as retribucións que correspondan ao posto de traballo que desempeñe, logo da oportuna asimilación que autorice a Dirección Xeral da Función Pública por proposta das consellarías interesadas.
Só para os efectos da asimilación a que se refire o parágrafo anterior, a Dirección Xeral da Función Pública poderá autorizar que a contía da retribución por antigüidade sexa a que proceda de acordo co réxime retributivo de orixe do persoal funcionario.
A Dirección Xeral da Función Pública comunicará estas autorizacións á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para o seu coñecemento.
Artigo 22. Criterios retributivos en materia de persoal laboral
Un. A masa salarial do persoal laboral dos entes e organismos que se indican no punto un do artigo 11 desta lei, e que se adecuará ao establecido no seu punto dous, estará integrada polo conxunto das retribucións salariais e extrasalariais devindicadas polo dito persoal no ano 2020.
Exceptúanse en todo caso:
a) As prestacións e indemnizacións da Seguridade Social.
b) As cotizacións ao sistema da Seguridade Social a cargo do empregador.
c) As indemnizacións correspondentes a traslados, suspensións ou despedimentos.
d) As indemnizacións ou os suplidos por gastos que teña que realizar o traballador ou a traballadora.
e) Os gastos de acción social que, conforme a normativa básica, en termos globais, non poderán experimentar ningún incremento verbo do ano anterior. A este respecto, considérase que os gastos en concepto de acción social son beneficios, complementos ou melloras distintos ás contraprestacións polo traballo realizado, cuxa finalidade é satisfacer determinadas necesidades consecuencia de circunstancias persoais dos traballadores e das traballadoras.
As variacións da masa salarial bruta calcularanse en termos de homoxeneidade respecto dos dous períodos obxecto de comparación, tanto no que respecta a efectivos reais do persoal laboral e antigüidade deste como ao réxime privativo de traballo, xornada legal ou contractual, horas extraordinarias efectuadas e outras condicións laborais, co que se computarán, en consecuencia, por separado as cantidades que correspondan á variación de tales conceptos. Con cargo á masa salarial así obtida para o ano 2020 deberase satisfacer a totalidade das retribucións do persoal laboral derivadas dos convenios ou acordos colectivos que se subscriban no ano 2020 e todas as que se produzan ao longo do exercicio, agás as que lle corresponde devindicar ao devandito persoal no citado ano polo concepto de antigüidade.
As indemnizacións ou os suplidos deste persoal non poderán experimentar un crecemento con respecto ao ano 2019.
Dous. As retribucións do persoal laboral ao servizo do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia delimitado no punto un do artigo 11 desta lei non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019.
Artigo 23. Retribucións do persoal ao servizo das institucións sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia
Un. En aplicación do previsto na disposición transitoria sexta.1.a) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, o persoal incluído no ámbito de aplicación do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, sobre retribucións do persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde, percibirá as retribucións básicas e o complemento de destino nas contías sinaladas para os devanditos conceptos retributivos nas alíneas a), b) e c) do artigo 21.un.
O importe anual das retribucións correspondentes ao complemento específico, ao complemento de produtividade fixa, ao complemento de atención continuada e ao complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade e mais á carreira profesional que, se é o caso, lle corresponda ao referido persoal, non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019.
A contía individual do complemento de produtividade determinarase conforme os criterios sinalados no artigo 2.tres.c) e mais na disposición transitoria terceira do Real decreto lei 3/1987 e no artigo 43.2 da Lei 55/2003, así como nas demais normas ditadas para o seu desenvolvemento.
Dous. As retribucións do restante persoal estatutario, funcionario e laboral das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019.
Tres. Nos supostos de pactos e acordos que establezan a asignación de conceptos retributivos ligados á prestación dunha xornada complementaria ou adicional á fixada nos propios acordos como xornada ordinaria, o aboamento dos ditos conceptos requirirá a acreditación da prestación efectiva dos servizos.
Non se poderán satisfacer en ningún caso percepcións retributivas ou asignacións económicas, incluíndo as suplementarias ou mediadas, derivadas de atención continuada, gardas ou concepto equivalente cando non exista unha prestación efectiva dos servizos motivada por situacións de incapacidade temporal, agás naqueles supostos expresamente recollidos nunha norma con rango de lei.
Catro. Os requisitos para a modificación das retribucións do persoal a que se refire este artigo serán os establecidos no artigo 29 desta lei.
Artigo 24. Retribucións do persoal dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza
Un. O persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza que desempeñe as súas funcións no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia percibirá as retribucións que se determinen, se é o caso, na correspondente prórroga dos orzamentos xerais do Estado e, en todo caso, na Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2020 e na demais normativa que lle sexa aplicable.
Dous. Os complementos e as melloras retributivas reguladas nas disposicións ou nos acordos adoptados polos órganos da Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias verbo deste persoal non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019.
Artigo 25. Criterios retributivos aplicables ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma non incluído nos artigos anteriores
Un. No ano 2020 as retribucións básicas e as complementarias de carácter fixo e periódico do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma non incluído nos artigos anteriores non experimentarán un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019, sen prexuízo, se é o caso, da adecuación destas últimas cando sexa necesario para asegurar que a retribución total de cada posto de traballo garde a relación procedente coa súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade e penosidade.
Dous. O conxunto das restantes retribucións complementarias, se é o caso, non experimentará un incremento respecto das vixentes o 31 de decembro de 2019, sen prexuízo das modificacións que deriven da variación do número de efectivos asignados a cada programa, do grao de consecución dos obxectivos fixados para aquel e do resultado individual da súa aplicación.
Tres. Os complementos persoais e transitorios e as demais retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto nesta lei.
Catro. As indemnizacións por razón do servizo rexeranse pola súa normativa específica.
Cinco. As prestacións familiares establecidas pola normativa específica do réxime especial da Seguridade Social dos funcionarios civís do Estado, das Forzas Armadas e da Administración de xustiza, extensiva, preceptivamente, a determinado persoal funcionario da Comunidade Autónoma, liquidaránselles ás persoas beneficiarias conforme o que determinen as leis anuais de orzamentos xerais do Estado ou calquera outra disposición que as regule.
Artigo 26. Complemento persoal das vítimas de violencia de xénero
O persoal ao que lle sexa adxudicado provisionalmente un posto de traballo noutra administración pública por razón de violencia de xénero non poderá percibir retribucións inferiores ás que teña asignadas no posto de traballo que desempeñaba na Xunta de Galicia.
Cando se produza esta circunstancia, o persoal terá dereito a percibir un complemento persoal equivalente á diferenza entre a totalidade dos conceptos retributivos, básicos e complementarios, do posto de orixe, con exclusión das gratificacións por servizos extraordinarios, en cómputo anual, e as retribucións que lle correspondan polo posto que ocupe na administración de destino.
O recoñecemento do dereito á percepción deste complemento realizarao en cada caso a Dirección Xeral da Función Pública, e será aboado pola consellaría en que desempeñaba o posto de traballo desde o que se traslada.
CAPÍTULO III
Outras disposicións en materia de réxime de persoal activo
Artigo 27. Prohibición de ingresos atípicos
O persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación desta lei, con excepción daquel sometido ao réxime de arancel, non poderá percibir ningunha participación nos tributos, nas comisións ou noutros ingresos de calquera natureza que correspondan á administración ou a calquera poder público como contraprestación de calquera servizo ou xurisdición, nin participación ou premio en multas impostas aínda que estean normativamente atribuídas a el, debendo percibir unicamente as remuneracións do correspondente réxime retributivo, sen prexuízo do que resulte da aplicación do sistema de incompatibilidades e do disposto na normativa específica sobre o gozo de vivenda por razón do traballo ou cargo desempeñado.
Artigo 28. Relacións de postos de traballo
Un. As relacións de postos de traballo poderanse modificar para executar as sentenzas xudiciais firmes de recoñecemento dunha relación laboral de carácter indefinido non fixo que requiran a creación de postos de traballo, por non poder adscribir os afectados a un posto preexistente que estea vacante sen ocupación. Este posto preexistente deberá ser acorde coa natureza funcionarial ou laboral en relación coas funcións asignadas pola sentenza xudicial firme para poder adscribir a el o persoal afectado.
Con carácter xeral, os postos de traballo de carácter administrativo da Administración da Comunidade Autónoma serán creados como de persoal funcionario, agás que pola natureza das súas funcións teñan que ser creados para ser desempeñados por persoal laboral, de acordo co que establece a normativa de función pública.
A súa creación propoñerase no prazo máximo de tres meses, contados a partir da data de firmeza da sentenza xudicial, e, logo de se crear o posto, adscribirase provisionalmente a el a persoa afectada pola sentenza e procederase seguidamente á súa cobertura mediante os sistemas de selección e provisión legalmente establecidos.
Malia o anterior, as consellarías e os seus organismos dependentes poderán propoñer mediante a correspondente modificación da relación de postos de traballo a amortización daqueles postos de traballo que consideren que non son necesarios para o cumprimento das funcións que teñen asignadas.
Dous. As relacións de postos de traballo vixentes o 1 de xaneiro do ano 2020 deberanse modificar para as axustar ás previsións orzamentarias que se deducen do anexo de persoal desta lei, sen que mentres tanto se poidan prover, provisional ou definitivamente, aqueles postos para os que non estea prevista dotación no dito anexo. Mentres non se realicen as mencionadas adaptacións, os códigos de liña orzamentaria do anexo de persoal só poderán ter asignados créditos para dotacións de postos de traballo, para substitucións de persoal temporal ou para conceptos retributivos específicos.
Artigo 29. Requisitos para a determinación ou modificación das retribucións do persoal laboral e non funcionario
Un. Será necesario un informe favorable, emitido conxuntamente pola Dirección Xeral da Función Pública e pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, para determinar ou modificar as condicións retributivas do persoal non funcionario e laboral ao servizo do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia delimitado no punto un do artigo 11 desta lei.
Dous. Con carácter previo ás negociacións de convenios ou acordos colectivos que se subscriban no ano 2020, deberase solicitar da Consellería de Facenda a correspondente autorización de masa salarial, que cuantifique o límite máximo das obrigas que poidan contraerse como consecuencia dos ditos pactos, achegando para o efecto a certificación das retribucións salariais satisfeitas e devindicadas durante o ano 2019.
Cando como consecuencia de convenios ou acordos colectivos resulte a obriga de recoñecementos de complementos persoais de carácter transitorio, deberase establecer que estes complementos serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza nos exercicios sucesivos, incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo. Non se considerarán en ningún caso o complemento de antigüidade, o complemento de produtividade nin as horas extraordinarias para estes efectos.
Cando se trate de persoal non suxeito a convenio colectivo cuxas retribucións veñan determinadas en todo ou en parte mediante un contrato individual, deberanse comunicar á Consellería de Facenda as retribucións satisfeitas e devindicadas durante o ano 2019.
Para a determinación das retribucións de postos de traballo de nova creación abastará coa emisión do informe a que se refire o punto un deste artigo.
Tres. Para os efectos dos puntos anteriores, entenderanse por determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal non funcionario as seguintes actuacións:
a) A determinación das retribucións dos postos de nova creación.
b) O asinamento de convenios colectivos subscritos polos organismos sinalados no punto un anterior, así como as súas revisións e as adhesións ou extensións a eles.
c) A aplicación de convenios colectivos de ámbito sectorial, así como as súas revisións e as adhesións ou extensións a eles.
d) A fixación de retribucións mediante un contrato individual, xa se trate de persoal fixo ou contratado por un tempo determinado, cando non veñan reguladas en todo ou en parte mediante un convenio colectivo.
e) O outorgamento de calquera clase de melloras salariais de tipo unilateral con carácter individual ou colectivo, aínda que deriven da aplicación extensiva do réxime retributivo dos funcionarios públicos.
f) A determinación das retribucións correspondentes ao persoal contratado no exterior.
Catro. Co fin de emitir o informe sinalado no punto un deste artigo, as consellarías, os organismos e os entes remitirán á Dirección Xeral da Función Pública e á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos o correspondente proxecto, con carácter previo ao seu acordo ou asinamento no caso dos convenios colectivos ou contratos individuais, xunto coa achega da valoración de todos os seus aspectos retributivos.
Cinco. O sinalado informe será realizado no prazo máximo de quince días, que se contarán desde a data de recepción do proxecto e da súa valoración, e versará sobre todos aqueles extremos dos que deriven consecuencias directas ou indirectas en materia de gasto público, tanto para o ano 2020 como para exercicios futuros, e, especialmente, no que se refire á determinación da masa salarial correspondente e ao control do seu crecemento.
Seis. Serán nulos de pleno dereito os acordos adoptados nesta materia con omisión do trámite de informe ou en contra dun informe desfavorable, así como os pactos que impliquen crecementos salariais para exercicios sucesivos contrarios ao que determinen as futuras leis de orzamentos.
Sete. Non se poderán autorizar gastos derivados da aplicación das retribucións para o ano 2020 sen o cumprimento dos requisitos establecidos neste artigo.
Artigo 30. Persoal directivo das entidades instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma
Un. Nos contratos laborais do persoal de alta dirección das entidades a que se refire este artigo non se poderán fixar indemnizacións, en razón da extinción da relación xurídica coa entidade correspondente, de contía superior á fixada na lexislación reguladora desta relación laboral de carácter especial.
Dous. As persoas titulares dos órganos executivos, a dirección ou a secretaría xeral, ou os cargos asimilados das entidades instrumentais sinaladas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, serán nomeadas e separadas libremente entre persoas que reúnan a cualificación necesaria para o cargo, segundo se determine no estatuto de cada entidade, agás naqueles supostos en que sexan nomeados por un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por estar así previsto na normativa reguladora da entidade instrumental.
Tres. En tanto non se estableza o réxime xurídico específico do persoal directivo, o persoal funcionario de carreira ou estatutario fixo que desempeñe un posto de persoal directivo profesional nas entidades instrumentais do sector público autonómico, configurado como tal nas relacións de postos de traballo, e sempre que reúna os requisitos establecidos para cada posto, estará na situación administrativa que corresponda segundo o réxime xurídico que lle sexa aplicable.
O sistema de provisión para a cobertura dos ditos postos será a libre designación con convocatoria pública, de conformidade cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade; todo iso de acordo coa normativa de función pública.
Cando o nomeamento deste persoal para desempeñar un posto directivo nunha entidade instrumental do sector público autonómico non modifique a súa situación administrativa, a asimilación retributiva será a que lle corresponda conforme as contías previstas no anexo do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, sen prexuízo das que lle correspondan pola antigüidade a que teña dereito na súa condición de empregada ou empregado público en situación de servizo activo.
O nivel de complemento de destino que se tomará como referencia para a consolidación do grao persoal do persoal funcionario que desempeñe postos directivos profesionais será o que lle corresponda en función do cadro anexo á Orde da Consellería de Facenda do 19 de xuño de 2014, de conformidade coa clasificación da entidade e o nivel de responsabilidade do posto directivo.
Artigo 31. Nomeamento de profesorado interino a tempo parcial en centros docentes non universitarios
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá efectuar, nos centros docentes non universitarios, o nomeamento de profesorado interino con horarios de traballo inferiores aos establecidos con carácter xeral, que percibirá as retribucións básicas e complementarias de forma proporcional á xornada traballada.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional tratará de completar o horario docente do persoal interino, coa compartición, de ser necesario, de varios centros de ensino, para minimizar deste xeito o número de prazas ofertadas segundo o parágrafo anterior.
No caso de ser necesario o nomeamento para prazas a tempo parcial, daráselle preferencia para optar a estas ao profesorado que voluntariamente queira acceder a elas, sobre todo a aquelas persoas que aleguen necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.
Artigo 32. Profesores e profesoras de corpos docentes
Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 129 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e atendendo as peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 6.2 da referida lei, o profesorado do corpo docente previsto no ámbito de xestión da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá percibir ata o total das súas retribucións, tanto básicas como complementarias, cando sexa autorizado para o gozo de licenzas por estudos durante o curso escolar, nos supostos, os termos, os prazos e as condicións que determine a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, co informe favorable da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.
Artigo 33. Persoal eventual e de gabinete
Un. O persoal eventual de gabinete da Administración da Xunta de Galicia unicamente poderá ser adscrito aos departamentos en que figuren as persoas que formen parte do Consello do Goberno galego.
Dous. Prohíbese a contratación de persoal de gabinete por calquera das entidades instrumentais dependentes da Xunta de Galicia, así como por parte das súas delegacións territoriais.
CAPÍTULO IV
Universidades
Artigo 34. Custos de persoal máximos das universidades de Galicia
Un. De conformidade co establecido no artigo 81.4 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e en concordancia coa evolución da masa salarial do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma e coa normativa básica en materia de reposición de efectivos, autorízanse para o ano 2020 os custos do persoal docente e investigador e de administración e servizos das universidades do Sistema universitario de Galicia nas seguintes contías, expresadas en miles de euros:
Masa salarial Seguridade Social Total
Santiago de Compostela 139.594 19.978 159.572
A Coruña 87.098 12.888 99.986
Vigo 90.220 13.913 104.133
Total 316.912 46.779 363.691

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *