Acordos emerxencia sanitaria GALICIA

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 5 de maio de 2020.


O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 5 de maio de 2020, adoptou, entre outros, os seguintes acordos:
«O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.
A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.
O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.
En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.
Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 5 de maio de 2020,
ACORDA:
– Acordo relativo á suspensión provisional da autorización de explotación de máquinas recreativas tipo B, BE e C.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior dá traslado ao Cecop dunhas resolucións relativas á suspensión provisional das autorizacións de explotación das máquinas de xogo ao abeiro do disposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Segundo a disposición adicional terceira do real decreto: “1. Suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos restablecerase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas”.
O artigo 10 do referido real decreto suspende tamén a actividade de hostalaría e restauración e a apertura ao público de todos os establecementos de xogos e apostas.
As máquinas recreativas de tipo B, BE e C unicamente poden explotarse nos locais específicos de xogos e apostas e nos locais de hostalaría e restauración. Ao permaneceren pechados estes locais durante o estado de alarma, as ditas máquinas non poden ser obxecto de explotación.
O artigo 43 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, indica que, cando por avaría ou calquera outra circunstancia as empresas operadoras desexen suspender temporalmente a explotación dunha máquina B, BE ou C, solicitarán da correspondente xefatura territorial a suspensión provisional da autorización de explotación. Coa dita solicitude deben achegar, entre outros documentos, o exemplar da autorización de explotación que figura colocado na propia máquina de xogo. Os locais de hostalaría e restauración atópanse pechados e non son de titularidade das empresas operadoras das máquinas de xogo, o que imposibilita que estas poidan presentar a documentación requirida coa solicitude de suspensión provisional das máquinas.
Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 28 de abril de 2020, acordouse a continuación de determinadas medidas de ordenación e tramitación dos procedementos previstos no artigo 43 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, relativos á suspensión provisional de autorizacións de explotación de máquinas de xogo.
Segundo a dita resolución as empresas deberán presentar as súas solicitudes durante o período que dure o estado de alarma. Para estes efectos, deberán manifestar a súa conformidade coa continuación do procedemento.
Para poder adaptar o establecido no real decreto con relación ao procedemento regulado no artigo 43 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, cómpre determinar as actuacións que hai que levar a cabo para que proceda a suspensión provisional da autorización de explotación das máquinas de xogo.
Para permitir a tramitación dos ditos procedementos administrativos e poder dar seguridade xurídica tanto ás empresas operadoras de máquinas de xogo como á Administración autonómica e coñecer en prazo as máquinas que realmente están en situación administrativa de alta, as resolucións da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior acordan o seguinte:
– As empresas que pretendan acollerse a unha suspensión provisional das máquinas de xogo deberán presentar as súas solicitudes durante todo o período de duración do estado de alarma e as súas correspondentes prórrogas. Non será necesario, para estes efectos, que acheguen a documentación colocada na máquina xa que un exemplar dela figura xa en poder da Administración, e deberán entregala no momento en que abran os establecementos e poidan acceder a eles.
– A data de efectos da suspensión provisional das máquinas de xogo será, en calquera caso e con independencia da data de presentación da solicitude, o 31 de marzo de 2020.
– No momento en que se levante o estado de alarma e os establecementos correspondentes abran ao público de xeito que se poidan de novo explotar as máquinas de xogo, o órgano competente en materia de xogo dará de alta todas as máquinas afectadas polas solicitudes de suspensión de xeito automático e sen necesidade de solicitude individualizada das empresas, agás manifestación expresa en contrario por parte do interesado.
O Cecop toma razón das resolucións e aproba as medidas contidas nela.
– Comunicación da petición formulada pola Federación de Asociacións de Furanchos e Loureiros e Viticultores de Pontevedra e recomendación da ampliación da tempada dentro dos límites establecidos na normativa vixente.
A Federación de Asociación de Furanchos e Loureiros e Viticultores de Pontevedra manifestou ante a Administración autonómica a súa preocupación polos efectos negativos do estado de alarma no funcionamento dos furanchos, e a posibilidade de ampliar a tempada de funcionamento en 2020.
O Decreto 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 7.2 respecto da tempada do seu funcionamento que, excepcionalmente, as persoas titulares dos furanchos que queiran modificar o período de apertura deberán solicitalo ante o concello de forma motivada para cada ano de actividade, pero nunca poderá ser máis aló do 31 de xullo.
Dáse conta ao Cecop do anterior e este acorda:
Formular recomendación aos concellos competentes de que tomen en consideración a ampliación da tempada 2020 dentro dos límites establecidos no Decreto 215/2012, xa que o estado de alarma actual ten unhas consecuencias no sector que poden minorarse ou paliarse cunha extensión no tempo da súa actividade máis aló dos períodos inicialmente autorizados, sendo prioritario limitar en todo o posible os efectos da crise provocada pola pandemia do coronavirus.
– Acordos en materia de solo empresarial para axudar a paliar as consecuencias das medidas excepcionais adoptadas en relación co COVID-19 sobre o tecido empresarial xa existente e fomentar as novas implantacións empresariais.
1. Carencia de pagamentos do canon das parcelas xa adxudicadas en dereito de superficie para facilitar a recuperación das empresas instaladas.
Por proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Cecop acorda que o IGVS e Xestur, logo das tramitacións oportunas, poderán conceder unha carencia de 12 meses no pagamento do canon das parcelas xa adxudicadas en dereito de superficie a aquelas empresas que teñan dificultade para atender os pagamentos mensuais.
A solicitude por parte da empresa poderase presentar ata os 3 meses seguintes á finalización do período de alarma. A carencia de 12 meses empezará a contar desde a súa concesión expresa por parte do IGVS ou Xestur.
As que non teñen rematado o primeiro ano de carencia (adxudicadas en 2019) poden sumar os novos 12 meses de carencia, contados desde o remate da carencia actual.
O importe do canon correspondente ao período de carencia será aboado polo superficiario nun prazo de ata oito anos contados a partir da finalización do ano de carencia.
2. Fomento da implantación empresarial a través de condicións vantaxosas para as novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie.
Por proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Cecop acorda que o IGVS e Xestur, logo das tramitacións oportunas, poderán establecer nas novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie que se formalicen ata os 12 meses seguintes á finalización do período de alarma as seguintes condicións:
● Outorgaranse tres anos de carencia para iniciar o pagamento do canon, fronte ao ano que se aplica actualmente. Polo tanto, dous anos máis de carencia que actualmente. O importe do canon correspondente ao período de carencia, será aboado polo superficiario nos oito anos seguintes ao remate deste.
● Os adxudicatarios en dereito de superficie poderán adquirir a parcela mantendo o desconto do 40 % das cantidades aboadas en concepto de canon nos 12 primeiros anos, fronte aos 10 que rexen actualmente. Polo tanto, terán dous anos máis para que se lles desconte do prezo da parcela o 40 % das cantidades satisfeitas en concepto de canon.
● Os adxudicatarios en dereito de superficie poderán adquirir a parcela aplicándolle ao prezo a metade da bonificación que, se é o caso, se lle aplique á parcela no momento da adxudicación desta en dereito de superficie. Actualmente este prazo con bonificación era de seis anos e pasaría a ser de oito.
3. Fomento da implantación empresarial a través de condicións vantaxosas para a compravenda de novas parcelas.
Por proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Cecop acorda que o IGVS e Xestur, logo das tramitacións oportunas, poderán ampliar o prazo para pagar o importe da compra das parcelas de solo empresarial. Nas parcelas que se adxudiquen en réxime de compravenda ata os 12 meses seguintes á finalización do período de alarma permitirase o pagamento da parcela no prazo de 6 meses desde a notificación da adxudicación. O prazo actual é de 1 mes.
– Acordo para o restablecemento da actividade de pesca fluvial.
O Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, e por mor da situación sanitaria vixente nesa data, adoptou a medida preventiva de suspensión do exercicio da pesca fluvial en Galicia. A suspensión, segundo o Acordo do Cecop do 30 de marzo, manterase mentres estea vixente a declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno do Estado e a situación de emerxencia sanitaria, e no que resulte compatible e non se opoña ao previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e ao previsto na normativa e actos estatais e autonómicos ditados en desenvolvemento e aplicación do dito real decreto.
No BOE do 1 de maio de 2020 publícase a Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Segundo o previsto na citada orde, artigo 2.2, “para os efectos do previsto nesta orde, queda permitida a práctica non profesional de calquera deporte individual que non requira contacto con terceiros, así como os paseos. As ditas actividades poderanse realizar unha vez ao día e durante as franxas horarias previstas no artigo 5.”
Pola súa banda, o artigo 2.4 engade que “os paseos se realizarán cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. Esta limitación non será aplicable á práctica non profesional de calquera deporte individual, estando esta permitida dentro do municipio onde se reside.”
O 2 de maio deste ano remitiuse unha carta dirixida ó Ministro de Sanidade e asinada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en que se fixo constar que a pesca fluvial non é unha actividade agraria senón unha actividade deportiva que pode exercerse individualmente e sen contacto con terceiros, polo que se entendía amparada pola Orde SND/380/2020, do 30 de abril, ao dárense os presupostos que a norma establece, sen que se tivese contestación ningunha dese ministerio opoñéndose a esta interpretación.
Con posterioridade ao traslado da dita interpretación, o día 3 de maio publicouse a Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado.
A dita orde, con carácter xeral e sen exclusión ningunha dalgún deporte federado, establece no seu artigo 9.1 que “os deportistas federados non recollidos no artigo anterior poderán realizar adestramentos de xeito individual, en espazos ao aire libre, dúas veces ao día, entre as 6.00 horas e as 10.00 horas e entre as 20.00 horas e as 23.00 horas, e dentro dos límites do termo municipal en que teñan a súa residencia. Para iso, se for necesario, poderán acceder libremente aos espazos naturais en que deban desenvolver a súa actividade deportiva como mar, ríos ou encoros, entre outros”.
O contido desta segunda orde reforza a interpretación realizada pola Consellería de considerar a pesca fluvial como unha actividade deportiva, dado que, ao permitir a dita orde toda actividade deportiva federada e non excluír do seu ámbito de aplicación a modalidade de pesca fluvial federada, lle resulta de plena aplicación. E, pola mesma razón, parece lóxico que, se a pesca fluvial federada pode exercerse, o resto da actividade de pesca fluvial non federada estea permitida pola Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar a actividade física profesional ao aire libre.
Tanto máis canto que ambas as dúas ordes ministeriais parten de que a práctica da actividade física e a redución do sedentarismo son factores que teñen unha incidencia positiva na mellora da saúde das persoas, na prevención das enfermidades, na mellora do benestar emocional e da función inmunitaria, cos beneficios adicionais como a exposición á luz natural para a síntese da vitamina D e beneficios sobre a saúde mental. Beneficios que as citadas ordes ministeriais consideran que implican unha situación de necesidade que ampara o artigo 7.1.g) do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
Por todo o exposto, e para dar a maior seguridade xurídica no que toca ao exercicio da pesca fluvial, e por proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Cecop acorda:
Que na Comunidade Autónoma de Galicia queda restablecida a actividade da pesca fluvial en calquera das súas modalidades, federada e non federada, sempre que se desenvolva ao abeiro e con suxeición aos requisitos establecidos na Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como na Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado, e conforme o que poidan establecer posteriores normas e actos estatais e autonómicos ditados en desenvolvemento e aplicación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma.
– Acordo relativo á ampliación da tempada alta prevista no Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2020.
O Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia resultou aprobado a través do Decreto 177/2018, do 27 de decembro (DOG núm. 34, do 18.02.2019). O punto 7.4.5.”Uso público” do Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, na letra d) e, en concreto, no punto 17, procede a establecer e definir os períodos de tempada alta e baixa no Parque nacional e, para tal efecto, dispón:
“17.1. Ao abeiro dos criterios de capacidade de carga, tanto desde un punto de vista espacial como temporal, defínense os seguintes períodos:
Tempada alta: enténdese por tempada alta o período transcorrido desde o 15 de maio ata o 15 de setembro (ambos incluídos), así como a Semana Santa.
Tempada baixa: enténdese por tempada baixa os períodos transcorridos desde o 1 de xaneiro ata o 14 de maio (ambos incluídos), e entre o 16 de setembro e o 31 de decembro (ambos incluídos, excluíndo a Semana Santa)”.
Este Plan reitor de uso e xestión procede a definir e a establecer uns limiares máximos de visitantes aos distintos arquipélagos que forman parte do Parque Nacional, limiares que se establecen por día e atendendo á capacidade de carga, así como diferenciando se se trata da tempada alta ou baixa.
O 14 de marzo de 2020, publícase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que supón unha limitación da liberdade de circulación das persoas polas vías de uso público (coas excepcións que nel se indican) e a conseguinte obriga de confinamento dos cidadáns nos seus domicilios.
Esta declaración do estado de alarma ten sido sucesivamente prorrogada a través dos reais decretos 476/2010, do 27 de marzo; 487/2020, do 10 de abril, e 492/2010, do 24 de abril, de maneira que conforme a esta última prórroga se prevé estender a declaración do dito estado ata as 00:00 horas do día 10 de maio de 2020.
En relación co anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Centro de Coordinación Operativa-Cecop (constituído con base no Plan territorial de emerxencias de Galicia activado pola declaración da emerxencia sanitaria de interese galego que acordou o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de 13.03.20) acordou igualmente, no seu Acordo de data 15 de marzo de 2020, establecer as correspondentes restricións no Parque Nacional das Illas Atlánticas, sinalando:
“Décimo cuarto. Restricións no Parque Nacional das Illas Atlánticas
Non están permitidas as actividades de uso público no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tales como:
– Desembarque nas illas do Parque Nacional.
– Actividades recreativas nas illas.
Quedan exentos os/as veciños/as das illas e a pesca ou marisqueo profesional, así como o persoal do Parque Nacional do desempeño das súas funcións”.
Como consecuencia da dita situación, os posibles visitantes viron diminuídas as súas posibilidades de acceder ao Parque Nacional e aos seus valores, razón pola que, e sen menoscabo da protección dos valores ambientais do Parque, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda propón a ampliación dos períodos que comprende a tempada alta, a costa dunha redución dos períodos que comprende a tempada baixa, respectándose en todo caso os limiares máximos de visitantes previstos no Plan reitor.
En consecuencia, tendo en conta a situación exposta o Cecop toma razón de que con carácter extraordinario para este ano 2020 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda realizará as actuacións necesarias que permitan a ampliación da tempada alta prevista no Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que comprenderá o período transcorrido desde o 15 de maio ata o 15 de outubro de 2020 (ambos incluídos), de xeito que o período de tempada baixa abarcará o período comprendido entre o 16 de outubro e o 31 de decembro de 2020 (ambos incluídos).
Así mesmo, acórdase que as restricións das actividades de uso público no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, relativas ao desembarque nas illas do Parque Nacional e ás actividades recreativas nas illas, estarán vixentes en canto sexan compatibles co previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e co previsto na normativa e actos estatais e autonómicos ditados en desenvolvemento e aplicación do dito real decreto.
– Acordo referente á habilitación para o desenvolvemento da actividade de condutor de vehículos destinados a certas actividades de transporte de mercadorías e viaxeiros.
O Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, regula as condicións para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP), e configura a tarxeta de condutor como medio para a súa acreditación. Consonte coa indicada norma, a tarxeta será expedida aos interesados que, logo de realizar un curso formativo homologado nun centro autorizado para tal fin pola Administración, superen o exame organizado polas correspondentes CC.AA.
No marco desta normativa estatal, a Comunidade Autónoma de Galicia convocou e celebrou con data do 4 de marzo de 2020 o último dos exames para a constatación da cualificación profesional dos condutores. Non obstante, este procedemento viuse afectado pola suspensión de prazos administrativos establecida polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Igualmente, a situación provocada pola emerxencia sanitaria dificulta significativamente a posibilidade de elaboración e entrega aos interesados das tarxetas CAP.
No marco deste Real decreto 463/2020, a directora xeral de Transporte Terrestre do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana emitiu o 23 de marzo de 2020 unha nota interpretativa sobre a aplicación do Real decreto polo que se declara o estado de alarma e das ordes ministeriais de desenvolvemento, no ámbito de actuación administrativa relativa aos procedementos de xestión de autorizacións de transporte por estrada e obtención do certificado de aptitude profesional (CAP). No ámbito das súas competencias, en relación cos procedementos relacionados coa obtención do certificado de aptitude profesional (CAP), prevé a continuidade da validez das tarxetas de cualificación de condutor vencidas a partir do 1 de marzo, e por un prazo de ata 120 días despois da finalización do estado de alarma ou das súas prórrogas; igualmente, prevese que os condutores que solicitasen por primeira vez unha tarxeta de cualificación do condutor (…) non poderán conducir un vehículo que exixa estar en posesión dun CAP ata que non dispoñan do documento administrativo.
Neste ámbito normativo e interpretativo, co fin de facilitar o mantemento dos servizos esenciais e, entre eles, os de transporte, faise preciso habilitar mecanismos que permitan o exercicio desta actividade por parte daqueles condutores que superasen os requisitos formativos precisos e aos cales non resulte posible a entrega da tarxeta CAP correspondente, ao requirir esta unha actividade presencial tanto dos empregados públicos como do proceso de entrega física ao interesado ou aos seus representantes.
Para tal fin, para os efectos de disposición por parte dos interesados do documento administrativo a que fai referencia a nota interpretativa da directora xeral de Transporte Terrestre, prevese a emisión dunha certificación dixital válida no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia en canto dure a situación de emerxencia sanitaria e/ou non sexa posible expedirlles directamente unha tarxeta CAP física.
Neste sentido, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, acórdase adoptar os seguintes criterios en canto á habilitación para o desenvolvemento da actividade de condutor de certos vehículos destinados ao transporte de mercadorías e de viaxeiros:
Sen prexuízo da suspensión de prazos administrativos establecida polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, os órganos competentes para a emisión das tarxetas CAP emitirán unha certificación substitutiva da dita tarxeta, que habilitará para a realización no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia da actividade de condución daqueles vehículos destinados ao transporte de mercadorías e/ou viaxeiros para a que se requirise a cualificación CAP. A dita certificación terá validez durante o prazo que nela se indique e, como máximo, durante o de tres meses desde a data da súa expedición, sen prexuízo da súa eventual renovación no caso de que a evolución da crise sanitaria así o requira.
Esta certificación emitirase de oficio, por medios exclusivamente electrónicos, a aqueles aspirantes que superen as probas de formación CAP convocadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e cuxas relacións definitivas de aprobados sexan publicadas con posterioridade á declaración do estado de alarma; tamén se expedirá a dita certificación a favor daqueles aspirantes que así o soliciten, por ter superado o exame en convocatorias anteriores sen que se lles chegase a expedir a tarxeta CAP correspondente, e a aqueles interesados que xa dispuxesen da correspondente tarxeta CAP e xustifiquen ante o Servizo de Mobilidade da Xefatura Territorial competente a súa perda ou subtracción.
Agás indicación expresa por parte dos propios interesados doutro enderezo electrónico para efectos de notificacións, as ditas certificacións serán remitidas de oficio aos enderezos electrónicos dos centros de formación en que os aspirantes realizaron o curso formativo previo, para a súa remisión ou entrega por parte destes centros aos propios aspirantes.
– Acordo para a emisión de autorizacións temporais de equipamentos de protección individual aínda que os procedementos de avaliación da conformidade, incluída a colocación da marcación CE, non se teña efectuado completamente segundo as normas harmonizadas.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria é o departamento competente da coordinación e da programación da vixilancia de mercado no ámbito da seguridade industrial, e o Instituto Galego de Consumo e da Competencia é o departamento competente para a coordinación e seguimento das actividades de vixilancia de mercado, no que respecta aos produtos e servizos destinados ás persoas consumidoras ou usuarios finais, e das medidas adoptadas para velar por que tales produtos cumpran os requisitos legais establecidos pola lexislación e que non supoñan un risco para a seguridade das persoas consumidoras ou usuarias.
A presente resolución atopa a súa xustificación na situación de escaseza de equipamentos de protección individual (EPI) coa marcación CE regulamentaria no mercado galego e nacional e a súa necesidade para a protección fronte ao COVID-19.
Visto o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Visto o Regulamento (UE) 2016/425 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo aos equipamentos de protección individual.
Vista a Recomendación (UE) 2020/403 da Comisión, do 13 de marzo de 2020, relativa á avaliación da conformidade e aos procedementos de vixilancia do mercado no contexto da ameaza que representa o COVID-19.
Vista a Resolución do 23 de abril de 2020, da Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, referente aos equipamentos de protección individual no contexto da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Considerando que a autorización temporal para a comercialización de equipamentos de protección individual que garantan un nivel adecuado de saúde e seguridade de conformidade cos requisitos esenciais establecidos no Regulamento (UE) 2016/425, aínda que os procedementos de avaliación da conformidade, incluída a colocación da marcación CE, non se teña efectuado completamente segundo as normas harmonizadas, serán concedidas polas autoridades de vixilancia de mercado das comunidades autónomas.
Que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, recolle os supostos para a aceptación doutros equipamentos de protección individual sen a marcación CE regulamentaria con base nas normas harmonizadas.
É polo que, de acordo co anterior, por proposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acórdase:
1. Autoridades que deben emitir as autorizacións temporais de equipamentos de protección individual aínda que que os procedementos de avaliación da conformidade, incluída a colocación da marcación CE, non se teñan efectuado completamente segundo as normas harmonizadas.
As autorizacións temporais serán emitidas conxuntamente pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas por proposta do Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial, e pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, responsable do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, coa colaboración técnica do Laboratorio de Consumo de Galicia.
2. Procedemento de solicitude.
O fabricante ou importador formalizará a solicitude de autorización temporal para comercializar equipamentos de protección individual carentes de marcación CE regulamentaria ante o Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Xunto coa solicitude deberá achegar, ademais da documentación necesaria para garantir o cumprimento das especificacións técnicas e o resto de documentación establecida na referida Resolución do 23 de abril de 2020, a solicitude ao organismo notificado ante quen presentou a avaliación de conformidade do produto.
3. Procedemento de instrución e outorgamento.
1º. O Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial efectuará a correspondente comprobación co organismo notificado da veracidade dos equipamentos de protección individual
Unha vez feita a comprobación, poderá solicitar ao Instituto Galego de Consumo e da Competencia que, a través do Laboratorio de Consumo de Galicia, colabore na avaliación de que a documentación achegada para a comercialización dos equipamentos de protección individual cumpra coas especificacións que se inclúen no anexo da Resolución do 23 de abril de 2020, da Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, referente aos equipamentos de protección individual no contexto da crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19.
2º. Que para realizar a devandita avaliación, as autoridades anteriormente citadas poderán solicitar dun organismo notificado español para o Regulamento (UE) 2016/425 que avalíe a documentación achegada e calquera outro aspecto que se considere oportuno.
3º. Que unha vez efectuadas as comprobacións sinaladas no puntos anteriores, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo procederán a emitir conxuntamente a correspondente autorización temporal.
4º. As empresas que soliciten autorización serán responsables da documentación que presenten neste procedemento e da veracidade de todos os aspectos relacionados nel, incluídas as responsabilidades que puidesen derivar do incumprimento dalgún aspecto relacionado coa seguridade e saúde dos consumidores e usuarios.
4. Apoio técnico.
Ante calquera tipo de dúbida que puidese existir no proceso de avaliación solicitarase apoio técnico ao Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, en calidade de órgano científico-técnico da Administración xeral do Estado.
5. Listaxe de especificacións técnicas diferentes das normas harmonizada para os distintos tipo de EPI.
A listaxe de especificacións técnicas diferentes das normas harmonizadas, para os distintos tipos de EPI, será a recollida no anexo da Resolución do 23 de abril de 2020, da Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, referente aos equipamentos de protección individual no contexto da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Adicionalmente, poderán ser válidas outras especificacións que un organismo notificado español considere adecuadas, con base na súa experiencia e coñecemento técnico, para ofrecer un nivel aceptable de protección conforme os requisitos esenciais de saúde e seguridade establecidos no Regulamento (UE) 2016/425.
6. Eficacia e vixencia.
O presente acordo será eficaz desde o momento da súa publicación.
As medidas establecidas no presente acordo serán aplicables ata o 30 de setembro de 2020.
– Acordo sobre as actividades de colocación de mobles, cociñas e demais elementos de carpintaría nos domicilios particulares.
As longas estadías e permanencias nos domicilios particulares como consecuencia do confinamento, comporta a demanda por parte dos particulares do servizos de obra, reforma, reparación e instalación dos distintos elementos de carpintarías e mobles, polo que se fai necesario que as empresas instaladoras de carpintarías poidan prestar o dito servizo nos domicilios particulares, sen prexuízo de que na prestación deste servizo se cumpra a normativa sanitaria de protección e distanciamento social que aconsellan as autoridades sanitarias como elemento de precaución fronte ao COVID-19.
A Orde SND/340/2020, do 12 de abril, posteriormente modificada pola Orde SND/385/2020, do 2 de maio, suspende determinadas actividades relacionadas con obras de intervención en edificios existentes nas cales exista risco de contaxio polo COVID-19 para as persoas non relacionadas coa dita actividade, e regula, no seu único artigo, medidas excepcionais en materia de obras de intervención en edificios existentes, dispoñendo:
“1. Establécese a suspensión de toda clase de obra que supoña unha intervención en edificios existentes, nos supostos en que no inmoble en que deba executarse se encontren persoas non relacionadas coa actividade de execución da obra e que, debido á súa localización permanente ou temporal, ou as necesidades de circulación, e por causa de residencia, traballo ou outras, poidan ter interferencia coa actividade de execución da obra ou co movemento de traballadores ou traslado de materiais.”
A continuación, o número 2 da mesma orde, modificado pola Orde do 3 de maio, exceptúa esta suspensión cando se dan as circunstancias recollidas no seu texto.
Con referencias ás obras de reformas e rehabilitación, nos acordos do Cecop do 27 de abril, publicados mediante a Resolución do 27 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 25 de abril de 2020, adóptanse criterios interpretativos que permitían a celebración de determinadas obras de mantemento sempre e cando se cumprisen os obxectivos de seguridade sanitaria e non coincidisen no mesmo espazo os inquilinos e os profesionais que realizaban o traballo.
Nas ordes ministeriais a que se fai referencia, non se adoptaba ningunha medida con relación ás instalacións de elementos de carpintaría, mobles, cociñas, portas e demais elementos que pode ser necesario que se repoñan nos domicilios particulares, especialmente se se ten en conta o incremento do uso derivado do confinamento e a necesidade de manter o mobiliario e os elementos de carpintaría en perfecto estado, dado o incremento do uso derivado da maior permanencia dos usuarios.
Nos novos escenarios previstos polo Goberno central non se recolle ningunha referencia a este tipo de actividade, que é fortemente demandada polos usuarios e que é necesaria para permitir o desenvolvemento da actividade industrial de carpintarías, fabricantes de mobles, de cociñas, de taboleiros e toda a actividade industrial que xira arredor das obras de reforma e reposición de elementos de carpintaría interior para realizar nos domicilios particulares.
Por proposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con base na necesidade de satisfacer a demanda de particulares para a colocación dos distintos elementos de carpintaría en domicilios particulares (mobles, cociñas, portas….), e a importancia que esta instalación ten como elemento tractor de demanda das industrias de carpintaría, mobles e similares,
Acórdase:
Elevar á Administración do Estado a interpretación de que, cumprindo os requisitos xerais do réxime común aplicable a todas as actividades, relativos a que calquera actividade deberá desenvolverse en condicións de seguridade, autoprotección e distanciamento social, se entenda que se poden realizar as actividades de carpintaría e instalación dos diferentes elementos de carpintaría e mobles nos domicilios de particulares.
– Acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21.
O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional co fin de facer fronte á situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.
En aplicación do recollido na disposición adicional terceira do dito real decreto, así como no punto sétimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 15 de marzo, mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público de Galicia como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, suspendeuse o prazo para a presentación de solicitudes do procedemento de admisión de alumnado para o curso 2020/21.
O punto 4 da citada disposición adicional terceira recolle a posibilidade de acordar motivadamente a continuidade daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.
Por outra banda, e de conformidade co previsto na Orde EFP/365/2020, do 22 de abril, do Ministerio de Educación e Formación Profesional, pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019/20 e o inicio do curso 2020/21, ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19, en cuxo anexo III se determinan as Directrices específicas de actuación acordadas por etapas ou ensinanzas, que se desenvolverán durante o terceiro trimestre do curso escolar 2019/20 e o inicio do curso escolar 2020/21, as administracións educativas poderán asignar, de xeito excepcional e durante o período de admisión e escolarización do vindeiro curso, as funcións de supervisión do proceso de admisión de alumnado propias das comisións ou órganos de garantías de admisión, á Inspección educativa ou a outra unidade administrativa.
Tendo en conta o recollido nos parágrafos anteriores, considérase necesario poder restablecer o prazo de presentación de solicitudes do proceso de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21, e adaptar tamén as fases posteriores, modificando e axustando as datas e asignando as competencias das comisións de escolarización aos servizos territoriais de Inspección educativa; todo isto coa finalidade de que sexa posible tramitar todo o proceso procurando a súa resolución o antes posible para un correcto funcionamento do servizo público da educación, de xeito que os centros e o profesorado poidan preparar con normalidade o novo curso e se minimicen así as consecuencias para familias, alumnado e centros, logo da situación excepcional de emerxencia sanitaria que motivou a súa paralización.
Así mesmo, garántese que o alumnado teña asignada a praza no centro que lle corresponda e poida formalizar a súa matrícula dentro do período ordinario anual que establece a normativa reguladora. Son tamén razóns de interese público as que aconsellan a aplicación a este procedemento da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, adaptando as distintas datas e fases segundo os axustes que se consideren necesarios.
Tendo en conta o exposto, e por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Cecop toma razón de que a consellería ditará resolución acordando as seguintes cuestións:
1. Prazo de presentación de solicitudes de admisión.
Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes.
O centro educativo deberá rexistrar as solicitudes na aplicación informática de xestión do proceso, «admisionalumnado», durante o día inmediato hábil seguinte ao da súa presentación.
2. Novos prazos do procedemento.
a) De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.
b) Novos prazos do proceso:
● Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
● Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
● Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
● Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
● Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
● Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.
3. Adxudicación subsidiaria de postos escolares.
Con carácter excepcional, non se constituirán as comisións de escolarización. Todas as funcións para a adxudicación subsidiaria de postos escolares que se atribúen ao dito órgano do proceso de admisión serán asumidas e desenvolvidas polos servizos territoriais de Inspección educativa de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería.
4. Publicación.
Sen prexuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a resolución tamén se publicará na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e procurarase a súa máxima difusión entre todos os centros educativos afectados polo proceso.
– Acordo polo que se modifican as instrucións de presenza dos equipos directivos e doutro persoal nos centros educativos de ensino non universitario.
A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 15 de marzo de 2020) determina no seu punto décimo:
“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10.00 ás 13.00 horas”.
En atención á evolución da pandemia na Comunidade Autónoma e das necesidades do servizo público educativo, por Resolución do 21 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 21 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 56, do 22 de marzo), e por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, modificouse o punto décimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa, do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, que quedou redactado do seguinte xeito:
“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá, a partir do luns 23 de marzo, unha persoa do equipo directivo do centro o tempo que considere preciso para atender o alumnado e as familias, así como para a verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo.”
Tendo en conta a evolución dos contaxios, que presentan unha melloría no que respecta a Galicia, e a necesidade de arbitrar novas medidas que afectan o servizo educativo, nomeadamente retomar o procedemento de admisión do alumnado e a tramitación das axudas e préstamo de libros de texto, faise preciso reforzar a atención aos membros da comunidade educativa, en especial ás nais e aos pais, que precisan de información e efectuar os trámites precisos para a futura escolarización dos seus fillos/as.
En atención ao anterior, acórdase:
● A partir do día 11 de maio é obrigatoria a presenza nos centros educativos de ensino non universitario de 6 ou máis unidades de, polo menos, un membro do equipo directivo no horario habitual do centro, en xornada de mañá.
● Nos centros de menos de 6 unidades é obrigada a presenza do director ou profesor responsable os días precisos para a realización dos trámites de escolarización e presentación da documentación ou doutros procedementos.
● Nos centros educativos en que exista persoal administrativo é obrigatoria a presenza no centro nos días que estableza a dirección do centro educativo para atender todos os trámites derivados do proceso de admisión e doutros procedementos.
● Desde a mesma data é obrigatoria a presenza do persoal de limpeza nos centros educativos para a realización de tarefas de limpeza e desinfección.
Enténdese por desinfección a limpeza das instalacións, con especial atención ás superficies de contacto máis frecuentes como pomos de portas, mostradores, mobles, pasamáns, máquinas dispensadoras, chans, teléfonos e outros elementos de similares características, conforme as seguintes pautas: utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade virucida que se atopen no mercado e que fosen autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade. No caso de usar un desinfectante comercial, respectaranse as indicacións da etiqueta. Tras a limpeza, os materiais empregados desbotaranse de xeito seguro.
Así mesmo, realizarase unha desinfección diaria dos postos de traballo, con especial atención a mostradores, anteparos, teclados, pantallas táctiles, ferramentas de traballo e outros elementos susceptibles de manipulación, prestando especial atención a aqueles utilizados por máis dun traballador.
– Acordo relativo ao levantamento da suspensión da formación en centros de traballo correspondente aos estudos de formación profesional.
1. A Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, establece no punto primeiro c), entre outros:
“– Suspéndense as prácticas de formación profesional (módulo FCT) que se realicen en empresas, incluídas as asociadas a Erasmus.
– Reprogramarase individualmente para cada alumno ou empresa a actividade formativa nos centros de traballo para as ensinanzas impartidas na modalidade de FP dual.”
2. O R.D. 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no seu artigo 9 as medidas de contención no ámbito educativo e da formación:
● Suspéndese a actividade educativa presencial en todos os centros e etapas, ciclos, graos e niveis de ensino recollidos no artigo 3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como calquera outra actividade educativa ou de formación impartida noutros centros públicos ou privados.
● Durante o período de suspensión, manteranse as actividades educativas a través da modalidade a distancia en liña, sempre que resulte posible.
Polo tanto, a declaración do estado de alarma non fai referencia específica á formación en centros de traballo.
3. A Orde EFP/361/2020, do 21 de abril, pola que se adoptan medidas excepcionais en materia de flexibilización das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo e das ensinanzas de réxime especial (BOE do 23) foi adaptada a Galicia mediante a Resolución do 23 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se adoptan medidas excepcionais no desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo e nas ensinanzas de réxime especial (publicada no Portal educativo da Consellería do día 23). Establécense, entre outras, as seguintes previsións:
Na realización da FCT no período ordinario, os centros educativos poderán:
a) Reducir a duración deste módulo ata os mínimos previstos nos reais decretos polos que se establecen os títulos e as súas ensinanzas mínimas: 220 horas no caso de ciclos de grao medio e de grao superior, e 130 horas nos ciclos de grao profesional básico. Así mesmo, no caso dos programas formativos establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, a FCT poderá reducirse a 65 horas.
b) Desenvolver o módulo de FCT sen precisar da autorización recollida no artigo décimo cuarto da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo de FCT en Galicia, en días non lectivos e/ou ampliando ao máximo as horas diarias de estadía na empresa, na medida en que as características de cada sector produtivo ou de servizos o permitan.
c) Favorecer que o alumnado realice ou remate o módulo de FCT mediante a fórmula do teletraballo, sempre que unha empresa ou institución ofreza esta posibilidade e o/a titor/a considere que desta forma o/a alumno/a pode desenvolver as capacidades e acadar os resultados de aprendizaxe previstos no citado módulo e que poida levar a cabo, tamén por medios telemáticos, o seguimento da súa aprendizaxe.
d) Nos ciclos de grao superior derivados da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, integrar a realización da formación en centros de traballo e o módulo de proxecto nun único módulo cunha duración de 245 horas (FCT 220 horas e proxecto 25 horas), correspondentes á suma da duración prevista para eses módulos nos reais decretos de cada título. Neste módulo integraranse os resultados de aprendizaxe e os criterios de realización do módulo de FCT, e os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación do módulo profesional de Proxecto establecidos no currículo de cada título.
En atención ás determinacións anteriores, por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional:
Acórdase levantar a suspensión de realización da formación en centros de traballo recollida na Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.
– Acordo sobre a realización de actividade física ao aire libre durante a vixencia do estado de alarma para os residentes dos centros de discapacidade.
O artigo 2.1 da Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE nº 121, do 1 de maio), habilita as persoas de 14 anos en diante a circular polas vías ou espazos de uso público para a práctica das actividades físicas permitidas por esta orde, de acordo co previsto no artigo 7.1, alíneas e), g) e h) do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
O número 5 do mesmo artigo establece que, co fin de protexer un dos colectivos máis vulnerables, non poderán facer uso da devandita habilitación os residentes en centros sociosanitarios de maiores.
Pola súa banda, a disposición adicional única desta orde sinala que as comunidades autónomas, respectando en todo caso o regulado nesta, poderán, no exercicio das súas competencias, adoptar as medidas necesarias para adecuar a aplicación do disposto nela en relación coas persoas que residan en centros sociais de carácter residencial ou outros servizos residenciais análogos.
Como indica a Orde SND/265/2020, do 19 de marzo, de adopción de medidas relativas ás residencias de persoas maiores e centros sociosanitarios, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, as persoas maiores, as persoas con discapacidade ou outros usuarios e usuarias de residencias e outros centros sociosanitarios atópanse en situación de vulnerabilidade ante a infección COVID-19 por varios motivos, como son, entre outros, que habitualmente presentan idade avanzada, patoloxía de base ou comorbilidades, e o seu estreito contacto con outras persoas, como son as súas persoas coidadoras e outros/as conviventes.
Neste senso incide a Orde SND/275/2020, do 23 de marzo, pola que se establecen medidas complementarias de carácter organizativo, así como de subministración de información no ámbito dos centros de servizos sociais de carácter residencial en relación coa xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que recoñece que a especial vulnerabilidade das persoas maiores, das persoas con discapacidade ou doutras persoas usuarias de centros residenciais e centros sociais con internamento ante a infección COVID-19, e a necesidade de dispor de recursos para a súa atención, obriga a adoptar novas medidas dirixidas a reducir o risco de contaxio e garantir a posibilidade de utilización de todos os recursos dispoñibles para a atención social e sanitaria destes colectivos.
Polo exposto, e tendo en conta a condición de vulnerabilidade das persoas con discapacidade que residen en centros de servizos sociais, por proposta da Consellería de Política Social, adóptase o seguinte acordo:
No momento actual da crise sanitaria e durante a vixencia do estado de alarma e das súas posibles prórrogas non poderán facer uso da habilitación para a práctica da actividade física non profesional ao aire libre prevista na Orde SND/380/2020 os residentes en centros de persoas con discapacidade.
Esta limitación establécese de forma análoga á recollida na orde sinalada para os residentes en centros sociosanitarios de maiores, por tratarse en ambos os casos de colectivos de especial vulnerabilidade ante o COVID-19.
– Acordo relativo á realización de actividade física ao aire libre durante a vixencia do estado de alarma para os residentes dos centros de menores.
O artigo 2.1 da Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE nº 121, do 1 de maio), habilita as persoas de 14 anos en diante a circular polas vías ou espazos de uso público para a práctica das actividades físicas permitidas por esta orde, de acordo co previsto no artigo 7.1, alíneas e), g) e h) do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
A disposición adicional única desta orde establece medidas en relación cos centros sociais de carácter residencial ou outros servizos residenciais análogos, nos seguintes termos: “As comunidades autónomas, respectando en todo caso o regulado nesta orde, poderán, no exercicio das súas competencias, adoptar as medidas necesarias para adecuar a aplicación do disposto nela, en relación coas persoas que residan en centros sociais de carácter residencial ou outros servizos residenciais análogos.”
Neste sentido, a Consellería de Política Social expón que nos centros residenciais de menores resulta necesario aplicar criterios específicos e flexibles para as saídas dos mozos e mozas de máis de 14 anos, co fin de conciliar as saídas de todos os residentes nas franxas horarias establecidas pola Orde SND/380/2020, do 30 de abril, e na Orde SND/370/2020, do 25 de abril.
Nos centros residenciais de menores conviven nenos, nenas e adolescentes de 0 a 18 anos e as quendas dos educadores débense adecuar ás xornadas laborais e ás actividades programadas destes centros. Tendo en conta as limitacións para as saídas de menores de ata 14 anos reguladas na Orde SND/370/2020, do 25 de abril; as condicións e limitacións horarias das saídas para maiores de 14 anos reguladas na Orde SND/380/2020, do 30 de abril; o perfil dos residentes que precisan en moitas ocasións de supervisión permanente e as quendas dos profesionais que prestan servizos nestes centros, é preciso establecer medidas para adecuar a aplicación do disposto nestas normas co fin de garantir as saídas destes menores.
Polo exposto, e co fin de permitir as saídas responsables de todos os nenos, nenas e adolescentes do sistema de protección de menores, por proposta da Consellería de Política Social, adóptase o seguinte acordo:
As saídas dos nenos, nenas e adolescentes dos centros residenciais de menores desenvolverase de xeito non individual e en compañía dun educador ou coidador, de acordo co criterio técnico do equipo directivo do centro.
As condicións en que se van desenvolver estas saídas deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. As saídas realizaranse, en todo caso, extremando as medidas preventivas, hixiénicas e de seguridade e o resto das normas xenéricas establecidas para estas saídas na normativa específica.
– Acordo en relación coa autorización de queimas de restos agrícolas nos terreos rústicos.
A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto décimo quinto, establece o seguinte:
“Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos e quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas.
Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade de realización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos.”
En Galicia, o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal vén regulado no establecido no título V, uso do lume (artigos 33 ao 39), da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. No seu artigo 34 regúlase o uso do lume a través de comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais e no seu artigo 36 regúlanse outros usos do lume.
Así, na alínea b) do número 1 do artigo 36 da Lei 3/2007, do 9 de abril, prohíbese, nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, na época de perigo alto, queimar matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible. No número 2 do artigo 36 establécese que nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, manteranse as restricións referidas no número anterior.
Ademais, a Lei 3/2007, do 9 de abril, no artigo 36, número 6, recoñece a excepcionalidade por motivos fitosanitarios cando así o determine a autoridade competente.
A actual situación de alarma obrigou a establecer limitación ás queimas reguladas na Lei 3/2007, do 9 de abril, debido aos riscos que as actividades de queima podían supor en canto á súa incidencia sobre a eficacia das medidas sanitarias de prevención de contaxios pola pandemia do COVID-19.
Sen prexuízo do anterior, con data do 25 de abril, este centro de coordinación operativa acordou que se poderían solicitar autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais agrícolas mentres dure a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, coas condicións establecidas no propio acordo.
Non obstante, a propia extensión da duración temporal do estado de alarma, os datos de evolución positiva da emerxencia sanitaria, as últimas medidas adoptadas polo Goberno central, así como a incorporación de persoal de reforzo para as actuacións de prevención e extinción de incendios por un período de 6 meses, a partir do vindeiro 11 de maio, xunto coa incorporación ao servizo activo dos axentes forestais y do persoal técnico de distritos, permiten retomar xa as actuacións de queimas en terreos rústicos.
Tomando pois en consideración o anterior, o Cecop, por proposta da Consellería do Medio Rural, adopta o seguinte acordo:
Levantar a suspensión da realización de queimas nos terreos rústicos, suxeitas á obtención de autorización previa, ou á comunicación, segundo corresponda a partir do vindeiro 11 de maio.
Respecto daquelas autorizacións xa notificadas e das comunicacións xa efectuadas que foron deixadas sen efecto por Acordo do Centro de Coordinación Operativa do 13 de marzo de 2020, cómpre que os interesados soliciten nova autorización ou realicen nova comunicación de conformidade coa normativa aplicable.
A Consellería do Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.
Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e a adecuada coordinación con esta Administración autonómica.
– Acordo interpretativo sobre o desenvolvemento da pesca marítima recreativa.
A Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no seu artigo 2.2 que “para os efectos do previsto nesta orde, queda permitida a práctica non profesional de calquera deporte individual que non requira contacto con terceiros, así como os paseos. Estas actividades poderanse realizar unha vez ao día e durante as franxas horarias previstas no artigo 5.”
Pola súa banda, o artigo 2.4 engade que “os paseos se realizarán cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. Esta limitación non será aplicable á práctica non profesional de calquera deporte individual, esta estará permitida dentro do municipio onde se reside.”
O 2 de maio deste ano remitiuse unha carta dirixida ao ministro de Sanidade e asinada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e pola conselleira do Mar, na cal se fixo constar, no que atinxe á pesca marítima de recreo en calquera das súas modalidades, que, segundo a interpretación feita por esta consellería, o seu exercicio se pode desenvolver ao abeiro da Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar a actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, xa que se dan os presupostos que a norma establece ao se tratar dunha actividade deportiva que se pode exercer individualmente e sen contacto con terceiros. No día de hoxe non consta ningunha contestación dese ministerio que se opoña a esta interpretación.
Posteriormente, a Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado, establece no seu artigo 9.1 que “os deportistas federados non recollidos no artigo anterior poderán realizar adestramentos de xeito individual, en espazos ao aire libre, dúas veces ao día, entre as 6.00 horas e as 10.00 horas e entre as 20.00 horas e as 23.00 horas, dentro dos límites do termo municipal en que teñan a súa residencia. Para iso, se for necesario, poderán acceder libremente aos espazos naturais nos cales deban desenvolver a súa actividade deportiva, como o mar, ríos ou encoros, entre outros.”
O contido desta segunda orde vén reforzar a interpretación realizada pola Consellería do Mar, xa que nela se establecen os requisitos que rexen a práctica dos deportes federados sen que se exclúan do seu ámbito de aplicación as modalidades de pesca marítima recreativa que se desenvolven de xeito federado. Parece lóxico que, se a pesca marítima federada queda sometida á Orde SND/388/2020, do 3 de maio, que regula a práctica do deporte profesional e federado, o resto da actividade de pesca marítima recreativa non federada se rexa pola Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre.
Por todo o exposto, acórdase:
Que se pode desenvolver a pesca marítima de recreo en calquera das súas modalidades con subxección aos requisitos establecidos na Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e na Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado, e sempre de conformidade coa normativa específica de aplicación a esta actividade.
– Acordo sobre o mantemento e uso de embarcacións deportivas e de recreo na fase 0.
A Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no seu artigo 2.2 que “para os efectos do previsto nesta orde, queda permitida a práctica non profesional de calquera deporte individual que non requira contacto con terceiros, así como os paseos. Estas actividades poderanse realizar unha vez ao día e durante as franxas horarias previstas no artigo 5.”
Pola súa banda, o artigo 2.4 engade que “os paseos se realizarán cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. Esta limitación non será aplicable á práctica non profesional de calquera deporte individual, que estará permitida dentro do municipio onde se reside.”
A Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado, establece no seu artigo 9.1 que “os deportistas federados non recollidos no artigo anterior poderán realizar adestramento de xeito individual, en espazos ao aire libre, dúas veces ao día, entre as 6.00 horas e as 10.00 horas e entre as 20.00 horas e as 23.00 horas, dentro dos límites do termo municipal en que teñan a súa residencia. Para iso, se for necesario, poderán acceder libremente aos espazos naturais nos cales deban desenvolver a súa actividade deportiva, como o mar, ríos ou encoros, entre outros.”
Por outra banda, o director xeral da Mariña Mercante, na resposta á petición de aclaración do secretario xeral da Asociación Nacional de Empresas Náuticas en relación coa consideración da navegación de recreo ou deportiva durante as fases de transición á nova normalidade asinada o 30 de abril de 2020, sinala que “na fase 0 non se poderá navegar por lecer, salvo que se faga deportivamente y de xeito individual (deporte non profesional e federado) como unha actividade física (…) Desde esta fase 0 tamén serán posibles as visitas por parte dos propietarios ás súas embarcacións para as comprobacións de seguridade e mantemento sempre que a embarcación se encontre no mesmo termo municipal en que reside o propietario. Só poderá acceder unha persoa á embarcación para realizar estas actividades e respectaranse en todo momento os procedementos e protocolos establecidos polos portos deportivos.”
De conformidade co exposto, acórdase o seguinte:
Primeiro. Na fase 0 é posible o acceso ás instalacións portuarias (pantaláns e varadoiros) para facer as comprobacións de seguridade e mantemento de embarcacións por parte dos seus propietarios ou de persoas debidamente autorizadas con suxeición ás restricións que en materia de desprazamentos rexan en cada momento e de conformidade coas instrucións publicadas por Portos de Galicia.
Segundo. Na fase 0 poderanse usar embarcacións para a práctica de actividades deportivas consonte os requisitos que establecen a Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e a Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado».
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020
Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *