Protección del paisaje GALICIA

DECRETO 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.


ÍNDICE
CAPÍTULO I. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Artigo 3. Definicións
CAPÍTULO II. Políticas de paisaxe
Artigo 4. Competencias administrativas sobre as políticas públicas en materia de paisaxe
Artigo 5. Integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais
Artigo 6. Seguimento do estado das paisaxes
Artigo 7. Informe sobre o estado da paisaxe en Galicia
Artigo 8. Publicidade activa e dereito de acceso á información pública en materia de
paisaxe
CAPÍTULO III. Instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 9. Funcións
Artigo 10. Participación pública nos instrumentos para a protección, xestión e ordenación
da paisaxe
Artigo 11. Dereitos das persoas en relación coa participación pública nos instrumentos para
a protección, xestión e ordenación da paisaxe
Artigo 12. Procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe, das directrices de
paisaxe e dos plans de acción da paisaxe
Artigo 13. Aprobación e réxime de publicidade dos catálogos da paisaxe, das directrices de
paisaxe e dos plans de acción da paisaxe
Sección 2ª. Catálogos da paisaxe
Artigo 14. Ámbito territorial
Artigo 15. Contido
Artigo 16. Documentación
Artigo 17. Revisión, actualización e modificación
Sección 3ª. Directrices de paisaxe
Artigo 18. Relación con outros instrumentos
Artigo 19. Contido
Artigo 20. Eficacia
Artigo 21. Seguimento, actualización e modificación
Sección 4ª. Plans de acción da paisaxe
Artigo 22. Obxecto e relación con outros instrumentos
Artigo 23. Contido
Artigo 24. Execución
Sección 5ª. Estudos de impacto e integración paisaxística
Artigo 25. Carácter preceptivo dos estudos de impacto e integración paisaxística
Artigo 26. Directrices xerais para a elaboración dos estudos de impacto e integración
paisaxística
Artigo 27. Contido
Artigo 28. Diagnose do estado actual da paisaxe
Artigo 29. Estimación do impacto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe
Artigo 30. Medidas preventivas e correctoras para acadar a integración paisaxística do
proxecto
Artigo 31. Documentación
Artigo 32. Informes de impacto e integración paisaxística de proxectos
Artigo 33. Alcance dos informes de impacto e integración paisaxística de proxectos
CAPÍTULO IV. Instrumentos de integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais
e sectoriais
Sección 1ª. A consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial
e urbanística
Artigo 34. Obxectivos da consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación
territorial e urbanística
Artigo 35. Os estudos da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística
Artigo 36. Os estudos da paisaxe urbana nos instrumentos de planeamento urbanístico
Artigo 37. Integración da consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación
territorial e urbanística
Artigo 38. Consideración da paisaxe na avaliación ambiental dos instrumentos de
ordenación territorial e urbanística
Sección 2ª. Avaliación paisaxística de plans e programas
Artigo 39. Consulta paisaxística inicial nos procedementos de avaliación ambiental
estratéxica de plans e programas
Artigo 40. Consulta paisaxística sobre a versión inicial dos plans e programas sometidos
a avaliación ambiental estratéxica ordinaria
Artigo 41. Informes paisaxísticos sobre os instrumentos de ordenación do territorio e de
planeamento urbanístico xeral
Artigo 42. Alcance dos informes paisaxísticos sobre plans ou programas
Sección 3ª. Avaliación paisaxística de usos e actividades
Artigo 43. Disposicións xerais
Artigo 44. Contido
Artigo 45. Alcance
CAPÍTULO V. Instrumentos de organización e concertación das políticas de paisaxe
Artigo 46. O Consello Asesor da Paisaxe
Artigo 47. Os pactos pola paisaxe
Artigo 48. Os acordos en materia de paisaxe
CAPÍTULO VI. Formación, sensibilización e educación en materia de paisaxe
Artigo 49. Divulgación e sensibilización en materia de paisaxe
Artigo 50. Manuais e guías de boas prácticas
Disposición adicional. Accesibilidade das bases cartográficas e a información xeorreferenciada
Disposición transitoria primeira. Incorporación do regulamento a plans e proxectos en tramitación
Disposición transitoria segunda. Avaliación paisaxística de usos e actividades en áreas de especial interese paisaxístico en municipios con planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Anexo. Definicións
I
A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, incorporou a crecente sensibilidade social pola paisaxe, elevándoa a rango de lei por vez primeira en Galicia, e fíxoo desde a máis actual concepción daquela, que emana do Convenio europeo da paisaxe, asinado en Florencia o 20 de outubro de 2000 e cuxo instrumento de ratificación en España foi publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 31, do 5 de febreiro de 2008.
A entrada en vigor da Lei 7/2008, do 7 de xullo, supuxo un importante avance no recoñecemento xurídico da paisaxe en Galicia e na posta en marcha de políticas para a súa preservación, xestión e ordenación. Este texto legal pretendeu servir de marco de referencia para outras lexislacións sectoriais e os seus plans e programas que poidan influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, en especial cando afecten determinados espazos de alto valor natural e cultural, sen prexuízo do que dispoñan as normas en cada materia, xa sexa ambiental, do patrimonio cultural, urbanística, agrícola, forestal, gandeira, turística ou industrial, ou o resto da lexislación sectorial de aplicación ao territorio.
Así mesmo, a Xunta de Galicia está a promover a debida coordinación e cooperación entre aquelas consellerías con competencia en materia territorial, ambiental e cultural e os concellos, como responsables da aplicación das políticas de planeamento nos seus territorios.
Xa que logo, a Comunidade Autónoma de Galicia é hoxe consciente da importancia das nosas paisaxes e do deber que temos de preservalas, pois trátase dun recurso patrimonial incuestionable que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais. A paisaxe proporciona o marco idóneo na súa concepción holística para abordar a comprensión e a análise do territorio, das políticas de desenvolvemento sustentable necesarias para a súa posta en valor e dos procesos ecolóxicos que nel teñen lugar, porque é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas. Por iso tamén debe ser o fiel reflexo dun territorio e dun ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural, e que queira vivir nunha relación harmónica co medio, en que primen o uso racional do territorio, o aproveitamento sustentable dos seus recursos, un desenvolvemento urbanístico respectuoso e o recoñecemento das funcións principais que xogan os ecosistemas naturais, tendo en conta tamén as paisaxes nocturnas e a problemática relacionada coa contaminación luminosa.
II
A disposición derradeira primeira da Lei 7/2008, do 7 de xullo, establece que a Xunta de Galicia, no prazo de seis meses contados desde a súa publicación, aprobará as disposicións regulamentarias de desenvolvemento dos contidos previstos nos artigos 11, número 4, e 14, referidos, entre outros, aos supostos en que se poderá exixir ás entidades promotoras de proxectos públicos ou privados, non sometidas á declaración e avaliación de impacto ambiental, a presentación dun estudo de impacto e integración paisaxística. Unha vez que se teñen posto en marcha as políticas de paisaxe, entre as que destacan a inclusión da paisaxe nas directrices de ordenación do territorio (DOT), a súa utilización no Plan de ordenación do litoral (POL) como ferramenta base de análise, e primordialmente a aprobación da Estratexia da paisaxe galega (EPG), cómpre levar a cabo ese desenvolvemento regulamentario.
Preténdese, ademais, desenvolver aspectos relacionados coa paisaxe que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. En efecto, débese ter en conta, que tal e como establece ese último texto legal no seu artigo 5, entre os fins da actividade urbanística, en desenvolvemento dos principios reitores enunciados nos artigos 45, 46 e 47 da Constitución, está o de harmonizar as exixencias de ordenación e conservación dos recursos naturais e da paisaxe rural e urbana co mantemento, diversificación e desenvolvemento sustentable do territorio e da súa poboación, para contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación. Por conseguinte, este regulamento desenvolve os instrumentos de integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais, entre os que destacan os denominados estudos da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística e os estudos da paisaxe urbana nos instrumentos de planeamento urbanístico, co fin de evitar a súa confusión con outras figuras.
Igualmente, o regulamento recolle os informes que debe emitir o órgano competente en materia de paisaxe dentro dos procedementos de avaliación de impacto ambiental de proxectos e de avaliación ambiental estratéxica, na autorización de usos en solo rústico e na tramitación dos plans xerais de ordenación municipal e os instrumentos de ordenación do territorio.
O regulamento permite concretar conceptos básicos, criterios e metodoloxías relativas á paisaxe, abordados cun sentido pedagóxico que resulta necesario para que a normativa dunha materia aínda pouco desenvolvida resulte eficaz. O intercambio de experiencias e metodoloxías a nivel nacional e internacional acompañou o desenvolvemento normativo que o presente regulamento recolle.
Finalmente, este regulamento mantén o recoñecemento da importancia que se lle outorgou á participación pública na protección, xestión e ordenación da paisaxe en Galicia.
III
O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a aprobación do Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, composto de 50 artigos repartidos en seis capítulos, aos que se lles suman unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derradeira e un anexo con definicións.
O capítulo I denomínase disposicións xerais e contén 3 artigos, en que se definen o obxecto e o ámbito de aplicación do regulamento e se fai referencia a unha serie de definicións que se recollen como anexo I.
O capítulo II consta de 5 artigos en que se regulan as políticas de paisaxe, entendidas como elemento integrador do ordenamento territorial e urbanístico. Delimita as competencias sobre as políticas públicas en materia de paisaxe, a integración destas políticas nas políticas territoriais e sectoriais, o seguimento do estado das paisaxes e o informe sobre este, a publicidade activa e o dereito de acceso á información pública.
O capítulo III desenvolve os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, as súas funcións, contido e procedemento de elaboración e aprobación. Consta de 25 artigos estruturados en 5 seccións, dedicadas a disposicións xerais, aos catálogos da paisaxe, ás directrices de paisaxe, aos plans de acción da paisaxe e aos estudos de impacto e integración paisaxística de proxectos.
O capítulo IV recolle os instrumentos de integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais. Consta de 12 artigos encadrados en 3 seccións. Unha primeira refírese á consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística, en que se integran, pola súa vez, os estudos da paisaxe e os estudos da paisaxe urbana, exixidos polas directrices de ordenación do territorio de Galicia e compatibles e respectuosos coas determinacións da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
A segunda sección recolle a avaliación paisaxística de plans e programas, e a terceira, a avaliación paisaxística de usos e actividades.
O capítulo V dedícase aos instrumentos de organización e concertación das políticas de paisaxe. Consta de 3 artigos en que se tratan o Consello Asesor da Paisaxe, os pactos pola paisaxe e os acordos en materia de paisaxe.
O capítulo VI, relativo á formación, sensibilización e educación en materia de paisaxe, consta de 2 artigos sobre a divulgación e sensibilización en materia de paisaxe e os manuais e guías de boas prácticas.
A disposición adicional única refírese á accesibilidade das bases cartográficas e á información xeorreferenciada.
A disposición transitoria primeira refírese á incorporación do regulamento a plans e proxectos en tramitación, e a disposición transitoria segunda regula a avaliación paisaxística de usos e actividades en áreas de especial interese paisaxístico en municipios con planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
A disposición derradeira regula a entrada en vigor do decreto e do regulamento que se aproba.
IV
Na tramitación do expediente observáronse os trámites previstos nos artigos 41 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En particular, constan no expediente: a consulta pública previa, de conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a documentación xustificativa dos trámites de audiencia e de publicación na páxina web, os informes da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, de conformidade co previsto no artigo 42.7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o informe de impacto de xénero da Secretaría Xeral da Igualdade ao abeiro do previsto no artigo 7 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
O presente decreto elaborouse de conformidade co disposto nos artigos 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e adecuase aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia.
Así, o cumprimento do principio de necesidade deriva directamente do mandato normativo polo que se habilita para o desenvolvemento regulamentario da Lei de protección da paisaxe de Galicia na súa disposición derradeira primeira.
Así mesmo, cómpre agora abordar un desenvolvemento da dita regulación, atendendo ás necesidades detectadas na aplicación práctica da lei, derivadas da propia complexidade da materia, tendente a completar a regulación daqueles aspectos que se foron suscitando na práctica durante a súa vixencia e que puxeron de manifesto a necesidade de concretar e matizar aquelas cuestións que non resultan suficientemente claras, para evitar dúbidas na súa interpretación, o que contribuirá a garantir a seguridade xurídica, facilitando así a súa aplicación. Estas modificacións, de conformidade co principio de proporcionalidade, limítanse ao estritamente imprescindible para desenvolver a regulación existente.
En virtude do exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de maio de dous mil vinte,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación do Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia
Apróbase o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, cuxo texto se inclúe a seguir.
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Este regulamento ten por obxecto o desenvolvemento do recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe en Galicia, en aplicación da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, a fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran no marco da sustentabilidade, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto transcende os campos ambientais, culturais, sociais e económicos.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
As disposicións deste regulamento aplícanse a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexan áreas naturais, rurais, urbanas e periurbanas, así como aqueloutras áreas de elevado valor ambiental e cultural, e incluso as paisaxes degradadas, e comprende, así mesmo, as zonas terrestres, marítimo-terrestres e as augas interiores.
Artigo 3. Definicións
Os termos utilizados neste regulamento entenderanse segundo as definicións recollidas no anexo I.
CAPÍTULO II
Políticas de paisaxe
Artigo 4. Competencias administrativas sobre as políticas públicas en materia de paisaxe
1. Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia definir e aprobar a Estratexia da paisaxe galega, como instrumento de planificación e coordinación de todas as actuacións dos diferentes departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do sector público autonómico que redundan na protección, xestión, ordenación e mellora da paisaxe galega.
Así mesmo, é competencia do Consello da Xunta de Galicia aprobar definitivamente os catálogos da paisaxe e as directrices de paisaxe.
2. Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe:
a) Acordar a iniciación do procedemento de elaboración ou modificación dos catálogos da paisaxe, as directrices de paisaxe e os plans de acción da paisaxe, aprobalos inicialmente e propor a súa aprobación definitiva ao Consello da Xunta de Galicia ou, no caso dos plans de acción, aprobalos definitivamente.
b) Aprobar os modelos de pacto pola paisaxe e de acordos en materia de paisaxe.
c) Exercer as competencias e funcións que derivan da adscrición do Instituto de Estudos do Territorio á consellería competente en materia de paisaxe.
3. Corresponde ao Instituto de Estudos do Territorio, no exercicio das súas competencias en materia de paisaxe:
a) Realizar o seguimento do estado das paisaxes de Galicia.
b) Promover a participación pública en materia de paisaxe.
c) Participar na tramitación os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, de conformidade co previsto neste decreto.
d) Emitir informe en materia de paisaxe sobre os plans, programas e proxectos, cando así o prevexa este regulamento e a demais normativa de aplicación.
e) Desenvolver actuacións de formación, sensibilización e educación en materia de paisaxe.
4. En relación coas paisaxes protexidas ou con espazos naturais que puidesen conter os elementos para a súa declaración como paisaxes protexidas:
a) Corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia a declaración das paisaxes protexidas como espazos naturais protexidos pola lexislación do patrimonio natural e da biodiversidade, así como a aprobación dos seus instrumentos específicos de planificación.
b) Corresponderá á dirección xeral con competencias en materia de patrimonio natural o seguimento do estado de conservación e a xestión dos espazos naturais declarados como paisaxes protexidas.
Artigo 5. Integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais
1. Todo plan, programa ou proxecto derivado das políticas públicas de ordenación territorial e urbanística, ambiental, do patrimonio cultural, agrícola, forestal, social, turística, industrial ou económica, ou de calquera outra política de carácter sectorial, deberá tomar en consideración na súa elaboración e execución os valores paisaxísticos e o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes, identificados e analizados nos catálogos da paisaxe, sempre que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe no ámbito de aplicación deste regulamento definido no artigo 2.
2. A consideración da paisaxe atenderá a todos os valores de tipo natural ou ecolóxico, cultural ou patrimonial, estético ou panorámico e produtivo ou de uso que a configuran.
Artigo 6. Seguimento do estado das paisaxes
1. Coa finalidade de reunir os datos obxectivos que se precisen para o deseño das políticas públicas en materia de paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio promoverá os estudos necesarios para avaliar o estado de conservación, transformación e evolución das paisaxes de Galicia.
2. Os estudos mencionados no número anterior referiranse, entre outros, aos seguintes aspectos:
a) O estado dos factores climatolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais que determinan a dinámica das paisaxes.
b) A dinámica dos diferentes tipos de paisaxe, en atención á evolución dos seus elementos conformadores.
c) A distribución dos diferentes tipos de paisaxe.
d) A evolución dos tipos de paisaxe identificados polos catálogos da paisaxe.
e) O estado das áreas de especial interese paisaxístico.
f) O estado dos ámbitos de especial atención paisaxística.
g) A aparición de novos impactos ou degradacións paisaxísticas.
h) A evolución da concienciación social en materia de paisaxe.
3. No marco do previsto neste artigo, o Instituto de Estudos do Territorio poderá deseñar e utilizar uns indicadores específicos para o seguimento do estado das paisaxes. Estes indicadores deberán basearse en datos ou variables cuantificables, que permitan unha comparación congruente e xustificada entre resultados de diferentes períodos de tempo. O seguimento tamén poderá basearse en análises estatísticas fundamentadas en enquisas ou estudos de opinión sobre o estado das paisaxes nas cales se terá en conta a participación das persoas interesadas do artigo 10.1 deste regulamento, e se procurará que se recollan os datos desagregados por sexo.
Artigo 7. Informe sobre o estado da paisaxe en Galicia
1. O Instituto de Estudos do Territorio elaborará cada catro anos un informe sobre o estado da paisaxe en Galicia, que a Xunta de Galicia presentará ao Parlamento de Galicia.
2. O informe sobre o estado da paisaxe en Galicia referirase, como mínimo, aos seguintes aspectos:
a) O estado de tramitación e aprobación dos catálogos da paisaxe, directrices de paisaxe e plans de acción na paisaxe.
b) A subscrición de pactos pola paisaxe e acordos en materia de paisaxe.
c) Un resumo das conclusións a que teñan chegado os procesos de participación pública desenvoltos, no que se refire ás valoracións da cidadanía sobre o estado das paisaxes, desagregadas por sexo.
d) As actividades desenvoltas en materia de formación, sensibilización e educación sobre paisaxe.
e) O estado dos indicadores sobre o estado de conservación e os procesos de transformación e evolución das paisaxes.
3. Para a elaboración do informe sobre o estado da paisaxe en Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio poderá constituír mesas e outros foros de carácter transversal ou sectorial, nos que se integren representantes das administracións e entidades públicas e privadas relacionadas coa paisaxe, de conformidade coa relación prevista no artigo 10.1 deste regulamento, en que se procurará acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes. Así mesmo, o informe, antes da súa remisión á Xunta de Galicia, será sometido ao Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.
Artigo 8. Publicidade activa e dereito de acceso á información pública en materia de paisaxe
1. Sen prexuízo do establecido pola lexislación de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, considerarase información suxeita á obriga de publicidade activa en materia de paisaxe os textos normativos vixentes na materia, os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, as guías metodolóxicas para a elaboración dos devanditos instrumentos e a súa cartografía básica. Esta información será accesible a través da páxina web do Instituto de Estudos do Territorio e estará relacionada con outras fontes de información, conforme o determinado polo artigo 8 do Convenio europeo da paisaxe.
2. As solicitudes de acceso á información pública en materia de paisaxe relativas á información que estea en posesión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do Instituto de Estudos do Territorio serán tramitadas e resoltas por este, de acordo co establecido na lexislación de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Para este efecto, o Instituto centralizará o arquivo da documentación relativa á elaboración e aprobación dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
CAPÍTULO III
Instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 9. Funcións
Os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe teñen as seguintes funcións:
a) Identificar os valores paisaxísticos existentes no territorio galego.
b) Definir os parámetros para garantir un desenvolvemento sustentable que faga coexistir o desenvolvemento socioeconómico e a preservación dos valores paisaxísticos.
c) Fixar as condicións para a preservación e recuperación de valores paisaxísticos.
d) Individualizar a capacidade dos espazos para absorber os cambios e o desenvolvemento sen danar os valores paisaxísticos.
e) Establecer as condicións para que calquera transformación da paisaxe se realice de maneira respectuosa cos obxectivos do desenvolvemento sustentable e a mellora da calidade de vida das persoas.
f) Definir as actuacións precisas para a preservación, mellora ou recuperación dos valores paisaxísticos.
Artigo 10. Participación pública nos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe
1. O Instituto de Estudos do Territorio promoverá a máis ampla participación pública na elaboración dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe de todas as persoas interesadas na paisaxe desde calquera punto de vista protector, produtivo ou de uso.
2. Para os efectos do establecido no número anterior, o Instituto de Estudos do Territorio elaborará plans de participación pública en materia de paisaxe procurando unha participación equilibrada de mulleres e homes, que definirán os métodos e o alcance dos procesos de participación que se desenvolverán, se procede, con ocasión da elaboración ou revisión dos catálogos da paisaxe, as directrices de paisaxe e os plans de acción na paisaxe.
3. Os plans de participación pública en materia de paisaxe incluirán o seguinte contido:
a) Obxectivos do proceso de participación e programación de actividades e traballos.
b) Público interesado para cada actividade e papel que desempeña no proceso de planificación.
c) Metodoloxía, actividades que se realizarán e programas de traballo para asegurar o intercambio de información e a consulta.
d) Puntos de contacto e procedementos para obter a documentación de base e a información requirida polas consultas públicas.
4. O Instituto de Estudos do Territorio publicará a través da súa páxina web un resumo dos resultados dos plans de participación pública, que recollerá as consultas públicas e a información pública realizadas, as achegas obtidas delas e as decisións adoptadas sobre a base destas, así como o perfil dos participantes no proceso de participación pública, desagregados por sexo.
Artigo 11. Dereitos das persoas en relación coa participación pública nos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe
Todas as persoas teñen os seguintes dereitos en relación coa participación pública nos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe:
a) A participar de xeito efectivo e real na valoración das paisaxes, a través das metodoloxías específicas deseñadas para tal efecto.
b) A acceder con antelación suficiente á información relevante relativa aos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e a recibir información actualizada, veraz e comprensible por un público non especializado.
c) A formular alegacións, suxestións e recomendacións cando estean aínda abertas todas as opcións e antes de que se adopte a decisión sobre os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, e a que aquelas sexan tidas debidamente en conta pola Administración competente.
d) A que se faga público o resultado definitivo do procedemento en que participou e se informe dos motivos e consideracións en que se basea a decisión adoptada.
e) A recibir unha resposta, escrita e motivada, sobre as alegacións, suxestións ou recomendacións que formulasen, que se lles notificará nos termos previstos na lexislación do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe, das directrices de paisaxe e dos plans de acción da paisaxe
1. O procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe, das directrices de paisaxe e dos plans de acción da paisaxe iniciarase por acordo da persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe.
2. Correspóndelle ao Instituto de Estudos do Territorio a coordinación e dirección e, de ser o caso, a realización dos traballos de redacción dos instrumentos a que se refire este artigo, garantindo o previsto no artigo 9.4 da Lei 7/2008.
3. Na fase inicial da elaboración dos catálogos de paisaxe e dos plans de acción da paisaxe poderá realizarse unha consulta pública. A consulta será preceptiva na elaboración das directrices de paisaxe, para a identificación dos obxectivos de calidade paisaxística.
4. Unha vez elaborado o documento inicial do instrumento, será sometido a información pública mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da consellería competente en materia de paisaxe e no portal de transparencia da Xunta de Galicia. No anuncio sinalarase o lugar e o enderezo electrónico onde se poderá acceder ao expediente e os medios para formular alegacións, que poderán ser presentadas durante un prazo de dous (2) meses contados a partir da publicación daquel no Diario Oficial de Galicia.
5. Simultaneamente á información pública, e polo prazo de tres meses, o instrumento someterase a informe dos concellos afectados e das consellerías competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural. No caso dos plans de acción da paisaxe darase traslado para alegacións aos órganos e entidades a que se prevexa encargar o desenvolvemento das medidas previstas neles.
6. As alegacións presentadas no trámite de información pública e os informes emitidos de conformidade co previsto no número anterior serán valorados polo Instituto de Estudos do Territorio, que lles dará resposta escrita e razoada e, de ser o caso, introducirá as modificacións correspondentes no instrumento que se estea a tramitar.
Artigo 13. Aprobación e réxime de publicidade dos catálogos da paisaxe, das directrices de paisaxe e dos plans de acción da paisaxe
1. Formalizados os trámites previstos no artigo anterior, a persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe aprobará inicialmente os catálogos da paisaxe e as directrices de paisaxe, e someteraos a informe do Consello Asesor da Paisaxe por prazo dun mes. Recibido o informe do Consello ou transcorrido o prazo para emitilo, a consellería competente en materia de paisaxe determinará a translación ou non das observacións ou suxestións recibidas ao texto segundo criterios xurídicos ou técnicos. Estes instrumentos elevaranse ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.
2. Os plans de acción da paisaxe en espazos naturais serán integrados nos seus instrumentos de planificación polo órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo de dar conta destes ao Consello Asesor da Paisaxe.
3. O acordo de aprobación definitiva dos instrumentos a que se refire este artigo será publicado no Diario Oficial de Galicia. No caso das directrices de paisaxe, serán igualmente obxecto de publicación naquel as normas que teñan carácter vinculante.
4. A documentación íntegra dos instrumentos a que se refire este artigo, coas súas modificacións, poderá ser consultada nas dependencias do Instituto de Estudos do Territorio e na súa páxina web.
Sección 2ª. Catálogos da paisaxe
Artigo 14. Ámbito territorial
Poderanse aprobar catálogos da paisaxe referidos á totalidade do territorio galego ou a un ámbito territorial máis concreto.
Artigo 15. Contido
1. Os catálogos da paisaxe incluirán o seguinte contido, de conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo:
a) Delimitación das grandes áreas paisaxísticas dentro do seu ámbito territorial.
b) Identificación dos diferentes tipos de paisaxe que existen en cada área paisaxística.
c) Inventario en cada área paisaxística dos valores paisaxísticos presentes, actuais e potenciais, de tipo patrimonial ou cultural, natural ou ecolóxico, estético ou panorámico, produtivo ou de uso.
d) Identificación en cada área paisaxística dos ámbitos que presenten un especial estado de deterioración e que precisen especiais medidas de mellora ou recuperación.
e) Análise das causas, actividades e procesos que determinaron a configuración da paisaxe actual e aquelas que inciden hoxe sobre ela, así como das tendencias e procesos, presentes e futuros, que incidirán previsiblemente na súa configuración futura.
f) Diagnose en cada área paisaxística do estado actual da paisaxe, identificando en cada área paisaxística os conflitos ou impacto paisaxísticos que as degradan, tanto existentes como previsibles.
g) Delimitación das unidades de paisaxe presentes en cada área.
2. Os catálogos da paisaxe poderán, se é o caso, recoñecer determinadas zonas xeográficas como áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos seus valores paisaxísticos.
Artigo 16. Documentación
1. Os catálogos da paisaxe incluirán os seguintes documentos:
a) Unha memoria informativa e xustificativa en que se expoñan os datos informativos, os criterios e a metodoloxía empregados na súa elaboración.
b) Unha memoria descritiva en que se recolla o contido especificado no artigo 15. A memoria poderá incluír fichas individuais para as áreas paisaxísticas, os tipos de paisaxe, as unidades de paisaxe, as áreas de especial interese paisaxístico e os ámbitos de especial atención paisaxística.
c) Unha cartografía en que se representen as delimitacións das áreas paisaxísticas, unidades de paisaxe, valores paisaxísticos, áreas de especial interese paisaxístico e ámbitos cunha especial deterioración paisaxística.
2. Os catálogos poderán conter, ademais, os estudos ou análises que se consideren pertinentes e necesarios para fundamentar o seu contido.
Artigo 17. Revisión, actualización e modificación
1. As áreas paisaxísticas e as unidades de paisaxe identificadas e delimitadas nos catálogos da paisaxe poderán ser actualizadas, de oficio ou por instancia de calquera persoa interesada, cando se acrediten circunstancias que o xustifiquen, tales como a dispoñibilidade de novas fontes de información, cambios ou transformacións da paisaxe, perda ou aparición de valores paisaxísticos ou cambios na percepción da paisaxe por parte da poboación.
2. O Instituto de Estudos do Territorio elaborará a proposta de inclusión, eliminación ou modificación de áreas de especial interese paisaxístico, ou de actualización das unidades de paisaxe. Esta proposta conterá, necesariamente, a xustificación das circunstancias que a motiven, así como a explicación detallada do procedemento e metodoloxía seguidos e do resultado obtido, e poderase incluír tamén a participación pública.
3. A proposta tramitarase polo procedemento previsto nos números 4 a 6 do artigo 12. Unha vez aprobada definitivamente seguindo o mesmo procedemento establecido polo artigo 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, os contidos revisados serán obxecto de publicación nos termos establecidos polo número 3 do artigo 13. Sen prexuízo disto, periodicamente o Instituto de Estudos do Territorio elaborará textos refundidos dos catálogos obxecto de actualizacións que poderán ser consultados nas dependencias daquel e na páxina web da consellería competente en materia de paisaxe.
4. Calquera outra modificación dos catálogos da paisaxe tramitarase polo procedemento previsto para a elaboración e aprobación destes e comportará a actualización íntegra da documentación do instrumento co fin de incorporar as modificacións realizadas. Non se considerará modificación a simple corrección ou posta ao día de datos informativos ou descritivos dos catálogos, nin a mellora das súas bases cartográficas, que se poderá incorporar directamente á documentación publicada.
Sección 3ª. Directrices de paisaxe
Artigo 18. Relación con outros instrumentos
1. De acordo coa Lei 7/2008, do 7 de xullo, as directrices de paisaxe elaboraranse a partir das previsións dos catálogos da paisaxe e para o mesmo ámbito territorial. As súas determinacións basearanse nas áreas, tipos e unidades de paisaxe, valores, áreas de especial interese e ámbitos degradados sinalados nos catálogos.
2. As directrices de paisaxe serán congruentes coas determinacións que en materia de paisaxe poidan derivar doutros instrumentos normativos en materia de protección do medio ambiente, ordenación do territorio, urbanismo, patrimonio natural, patrimonio cultural, protección do dominio público, política agraria e forestal, ou calquera outra, ben teña por obxecto a protección de valores presentes no medio, ben a regulación de infraestruturas, recursos ou actividades de calquera clase que poidan ter algún tipo de incidencia sobre a paisaxe.
Así mesmo, as directrices estableceranse tendo en conta a aptitude produtiva e os usos ou aproveitamentos que caracterizan e singularizan determinadas zonas do territorio, de acordo coa normativa anteriormente citada.
As directrices aplicaranse cun carácter complementario á devandita normativa, coa finalidade de integrar a consideración da paisaxe en cada un dos sectores que poidan ter algunha incidencia sobre ela.
Artigo 19. Contido
As directrices de paisaxe incluirán o seguinte contido, de conformidade co previsto no artigo 10 da Lei 7/2008, do 7 de xullo:
a) Obxectivos de calidade paisaxística para cada unidade de paisaxe. Estes obxectivos expresarán as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e grao de compromiso da colectividade na protección das paisaxes, e poderán establecerse de forma individual para cada unidade de paisaxe, ou ben en función dos tipos de paisaxe a que respondan.
b) Medidas e accións necesarias para alcanzar os obxectivos de calidade paisaxística tanto no relativo á protección dos valores paisaxísticos, como no relativo á recuperación das áreas en que existan ámbitos degradados. Especificarase o contido de cada medida ou acción, a súa programación e o órgano ou ente a que lle corresponde desenvolvela.
c) Indicadores de calidade paisaxística para o control e seguimento do estado e da evolución das unidades de paisaxe. Estes indicadores referiranse a variables ou aspectos medibles ou cuantificables, incluídos os resultados de procesos de participación pública.
d) Normas e recomendacións para a definición dos plans territoriais, urbanísticos e sectoriais e das estratexias rexionais ou locais encamiñadas a un desenvolvemento sustentable do territorio, co fin de integrar neles os obxectivos de calidade paisaxística.
Artigo 20. Eficacia
1. As directrices da paisaxe poden conter normas ou recomendacións, en función de que os valores paisaxísticos a que se refiren precisen dunha condición ou limitación específica e determinada, ou ben abonde co sinalamento dunha orientación non vinculante.
2. As normas que establezan as directrices de paisaxe teñen carácter vinculante para os instrumentos de planificación territorial, sectorial e urbanística, os cales deberán axustarse a elas, sen prexuízo do disposto na lexislación do patrimonio natural e da biodiversidade a respecto da prevalencia dos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos.
3. As recomendacións que conteñan as directrices constitúen orientacións ou criterios coa finalidade de ofrecer alternativas ou solucións para unha adecuada consideración da paisaxe, en particular para lograr unha boa integración paisaxística das actuacións que se planifiquen ou se proxecten. Os plans, programas ou proxectos deberán tomar en consideración estas recomendacións e, en caso de non adoptalas, deberán xustificar a idoneidade da opción escollida, en canto á súa integración coa paisaxe.
Artigo 21. Seguimento, actualización e modificación
1. O Instituto de Estudos do Territorio avaliará o grao de consecución dos obxectivos de calidade paisaxística definidos nas directrices de paisaxe sobre a base dos indicadores de calidade paisaxística recollidos naquelas e doutros indicadores que se poidan desenvolver de acordo co previsto no número 3 do artigo 6.
2. Cada catro anos, coincidindo coa elaboración do informe sobre o estado da paisaxe en Galicia a que se refire o artigo 7 e sobre a base dos resultados da avaliación prevista no número anterior, o Instituto de Estudos do Territorio actualizará os indicadores de calidade paisaxística incluídos nas directrices de paisaxe.
3. A modificación das directrices de paisaxe tramitarase polo procedemento previsto para a súa elaboración e aprobación. Cando a modificación non afecte as normas e recomendacións ou os obxectivos de calidade paisaxística, non será preceptiva a consulta pública no momento inicial de elaboración e deberase acreditar no expediente a adecuación dos cambios aos devanditos obxectivos.
Sección 4ª. Plans de acción da paisaxe
Artigo 22. Obxecto e relación con outros instrumentos
1. De conformidade co previsto no artigo 12 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, os plans de acción da paisaxe teñen por obxecto a protección, xestión e ordenación da paisaxe naqueles territorios declarados como espazos naturais protexidos segundo o disposto na normativa galega vixente en materia de patrimonio natural, así como nas áreas de especial interese paisaxístico (AEIP) identificadas nos catálogos da paisaxe.
Tamén se poderán elaborar plans de accións da paisaxe noutras zonas que, como consecuencia dos seus especiais valores paisaxísticos ou do seu estado de deterioración, precisasen medidas de intervención e protección. No caso de espazos protexidos situados en áreas xeográficas transfronteirizas ou interautonómicas, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a elaboración de plans de acción conxuntos.
2. Os plans de acción axustaranse ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe para o territorio a que se refiren, de conformidade cos obxectivos de calidade paisaxística establecidos.
Artigo 23. Contido
1. Os plans de acción da paisaxe incluirán o seguinte contido:
a) Diagnose do estado actual da paisaxe, en que se identifiquen os tipos e unidades de paisaxe presentes na zona, os valores paisaxísticos, os elementos e lugares de singular valor e as áreas degradadas ou que sufriron algún impacto paisaxístico.
b) Proposta de medidas para a consecución dos obxectivos de calidade paisaxística establecidos polas directrices de paisaxe, mediante o mantemento, a mellora, a recuperación ou a rexeneración, segundo corresponda, dos elementos conformadores, dos valores ou das zonas afectadas.
2. A proposta de medidas prevista na alínea b) do número anterior poderá incluír:
a) Actuacións executivas ou de intervención pública, promovidas ao abeiro da normativa en materia de ordenación do territorio, urbanismo, patrimonio natural, política agraria e forestal, augas e costas.
b) Proxectos de obras, instalacións ou infraestruturas.
c) Actuacións de revexetación, plantación forestal, restauración ecolóxica, limpeza e conservación, así como de sustentabilidade enerxética e loita contra a contaminación luminosa.
d) Actuacións de fomento ou colaboración económica e material cos propietarios e demais suxeitos que interveñen na xestión da paisaxe.
e) Actuacións de sensibilización, educación, divulgación e investigación sobre os valores paisaxísticos.
f) Calquera outra medida que sirva aos obxectivos de calidade paisaxística.
A proposta incluirá a descrición detallada de cada unha das medidas, a estimación dos custos que implique, os órganos, entidades ou axentes encargados de desenvolvelas, de acordo, de ser o caso, co pacto pola paisaxe subscrito e a súa programación temporal.
3. O contido, alcance e grao de precisión dos plans de acción modularase en atención á entidade do ámbito a que se refiran e ao alcance das medidas previstas.
Artigo 24. Execución
1. As medidas recollidas nos plans de acción da paisaxe desenvolveranse, de acordo coa súa natureza, por medio dos instrumentos e procedementos previstos na correspondente normativa reguladora.
2. Todas as medidas que impliquen a realización de obras, construcións ou instalacións de calquera natureza estarán sometidas, en todo caso, ao réxime de intervención sobre o uso do solo e do subsolo regulado pola lexislación urbanística e aos informes ou autorizacións requiridos pola demais normativa que resulte de aplicación.
Sección 5ª. Estudos de impacto e integración paisaxística
Artigo 25. Carácter preceptivo dos estudos de impacto e integración paisaxística
1. Os estudos de impacto e integración paisaxística son preceptivos nos proxectos suxeitos a avaliación de impacto ambiental ordinaria.
2. Nos proxectos suxeitos a avaliación de impacto ambiental simplificada será obrigatoria a elaboración do estudo de impacto e integración paisaxística cando se realicen en áreas de especial interese paisaxístico, e se dea, ademais, calquera das seguintes circunstancias:
a) A superficie afectada polo proxecto sexa superior a 10 hectáreas.
b) O volume da edificación realizada sexa superior a 2.500 m3.
Artigo 26. Directrices xerais para a elaboración dos estudos de impacto e integración paisaxística
Os estudos de impacto e integración paisaxística elaboraranse de acordo cun criterio de eficacia, respectando as seguintes directrices xerais:
a) Redactaranse ao inicio do proceso de elaboración do proxecto, de tal modo que as conclusións do estudo de impacto e integración paisaxística poidan dar lugar ás oportunas medidas de deseño orientadas a asegurar unha adecuada integración paisaxística das actuacións proxectadas.
b) Procurarán como obxectivo principal que o proxecto inclúa unhas medidas preventivas adecuadas, que minimicen ou reduzan a necesidade de medidas correctoras.
c) O seu contido e o alcance será específico para cada caso e proporcional á entidade do proxecto e ás características paisaxísticas do lugar en que se localice.
d) Evitarán a reprodución de contidos propios do estudo de impacto ambiental ou do proxecto.
Artigo 27. Contido
De conformidade co previsto no artigo 11 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, os estudos de impacto e integración paisaxística incluirán o seguinte contido:
a) Diagnose do estado actual da paisaxe.
b) Características principais do proxecto. Esta epígrafe poderá resolverse mediante as oportunas referencias a outros documentos do estudo de impacto ambiental ou do propio proxecto.
c) Estimación do impacto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe incluído, se é o caso, sobre a paisaxe nocturna.
d) Xustificación de como se incorporaron ao proxecto os obxectivos de calidade paisaxística e as determinacións das directrices de paisaxe, de ser o caso, establecidas para a unidade de paisaxe en que se pretende executar a actuación.
e) Medidas preventivas e correctoras que se deban adoptar para acadar a integración paisaxística do proxecto.
Artigo 28. Diagnose do estado actual da paisaxe
1. A diagnose do estado actual da paisaxe do lugar en que se localice o proxecto, prevista na alínea a) do artigo 27, incluirá a análise e valoración dos principais compoñentes daquela, dos seus valores paisaxísticos, da súa visibilidade e do seu grao de fraxilidade.
2. Para os efectos do previsto no número anterior, o estudo de impacto e integración paisaxística apoiarase nos contidos dos catálogos da paisaxe, e pormenorizará, para o ámbito afectado polo proxecto, a análise dos seguintes aspectos:
a) A topografía e hidrografía do lugar.
b) As coberturas e usos do solo.
c) Os elementos naturais ou construídos que outorgan carácter á paisaxe, en particular aqueles que posúen un especial valor.
d) As condicións de visibilidade e a identificación de miradoiros, sendas panorámicas ou outros puntos singulares de observación, como estradas ou lugares de concentración de persoas, desde os que se poida observar a actuación.
Artigo 29. Estimación do impacto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe
Para levar a cabo a estimación do impacto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe prevista na alínea c) do artigo 27, o estudo de impacto e integración paisaxística deberá analizar:
a) A integración topográfica das actuacións, sendo menor o impacto canto menores sexan os movementos de terras precisos para as obras.
b) O respecto pola rede hidrográfica, sendo menor o impacto canto menos se alteren os cursos, as beiras e a vexetación asociada a elas.
c) A alteración das coberturas do solo, sendo menor o impacto canto máis naturais, propias do lugar e respectuosas cos procesos ecolóxicos sexan as propostas no proxecto.
d) O grao de incidencia sobre elementos naturais ou culturais de valor paisaxístico, tales como árbores ou masas de interese, formacións rochosas, construcións, muros ou valados de carácter tradicional, camiños rústicos de interese, ou outros.
e) A visibilidade das construcións ou instalacións proxectadas, sendo maior o impacto canto máis e a menor distancia se poidan observar aquelas desde os puntos singulares de observación identificados. Para tal fin, calcularanse cuncas visuais desde os puntos máis desfavorables da construción ou a instalación, coas que se poida determinar se son visibles desde os puntos singulares de observación. A consideración da distancia de observación realizarase en función do tamaño da construción ou instalación.
f) A incidencia sensorial do proxecto, incluída a contaminación luminosa.
Artigo 30. Medidas preventivas e correctoras para acadar a integración paisaxística do proxecto
1. As medidas preventivas e correctoras que se deban adoptar para acadar a integración paisaxística do proxecto a que se refire a alínea e) do artigo 27 terán como finalidade evitar ou reducir o impacto estimado daquel sobre os elementos que configuran a paisaxe.
2. Considéranse medidas preventivas de integración paisaxística aquelas que, durante o proceso de deseño dun proxecto, evitan ou minimizan o seu impacto sobre os elementos que configuran a paisaxe. Estas medidas basearanse na análise detallada do lugar onde vai situarse o proxecto e incluirán a elección da localización que máis favoreza o cumprimento dos criterios de integración que expresa este regulamento e os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
3. Considéranse medidas correctoras de integración paisaxística as que teñen por obxecto mitigar o impacto inevitable do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe, tales como:
a) A recuperación topográfica de escavacións e a naturalización de noiros.
b) A naturalización de canles abertas de derivación de cursos de auga.
c) A reposición da vexetación afectada e a restauración das coberturas de solo.
d) A integración, conservación, restauración ou traslado, segundo o caso, de elementos naturais ou culturais de valor paisaxístico, tales como árbores ou masas de interese, formacións rochosas e construcións, muros ou valados de carácter tradicional.
e) A ocultación ou apantallamento visual de construcións ou instalacións.
f) A redución de efectos acústicos, de contaminación luminosa ou olfactivos.
O proxecto definirá e incluirá na súa memoria planos e orzamento das medidas correctoras determinadas no estudo de impacto e integración paisaxística.
A definición das medidas correctoras previstas pode resolverse mediante unha referencia aos correspondentes documentos do proxecto.
Artigo 31. Documentación
1. Os estudos de impacto e integración paisaxística incluirán os documentos escritos e gráficos precisos para recoller os contidos a que fan referencia os artigos anteriores, así como os seguintes:
a) Un plano da contorna do proxecto en que se representen os valores e elementos paisaxísticos de referencia, tales como áreas de especial interese paisaxístico, elementos naturais ou culturais de singular valor, miradoiros, sendas panorámicas e puntos singulares de observación.
b) Un plano en que se representen as zonas visibles, de acordo coas cuncas visuais calculadas.
c) Fotografías do estado actual da paisaxe.
d) Montaxes fotográficas ou imaxes virtuais que simulen a inserción das obras ou construcións na paisaxe.
Artigo 32. Informes de impacto e integración paisaxística de proxectos
1. Nos supostos en que se deba incorporar a un proxecto un estudo de impacto e integración paisaxística, o órgano substantivo ou o órgano ambiental, ou a persoa promotora, de ser o caso, de acordo coa normativa sobre avaliación de impacto ambiental de proxectos, solicitará ao Instituto de Estudos do Territorio a emisión do informe de impacto e integración paisaxística.
2. O prazo para a emisión dos informes de impacto e integración paisaxística é de trinta (30) días hábiles, contados desde a data de recepción da solicitude.
3. Os informes de impacto e integración paisaxística teñen carácter vinculante, e así o expresarán, naqueles aspectos en que o informe poña expresamente de manifesto que o proxecto vulnera, de ser o caso, determinacións normativas de carácter vinculante establecidas pola lexislación de protección da paisaxe ou polos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
Artigo 33. Alcance dos informes nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de proxectos
1. Os informes que o Instituto de Estudos do Territorio emita no trámite de consulta ás administracións públicas afectadas nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de proxectos consonte a normativa sobre avaliación ambiental de aplicación, comprobarán os seguintes aspectos:
a) A incorporación ao proxecto dun estudo de impacto e integración paisaxística co contido e documentación prevista nesta sección, no suposto de que este sexa preciso segundo o indicado no artigo anterior.
b) A xustificación metodolóxica e adecuación de cada un dos contidos do estudo de impacto e integración paisaxística, no suposto de que este estudo sexa preciso.
c) A adecuación e cumprimento do proxecto coas determinacións dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
d) O grao de impacto que o proxecto pode producir sobre a paisaxe, sinalando, de ser o caso, aqueles impactos que poidan resultar críticos.
e) A idoneidade e eficacia das medidas preventivas, correctoras e de integración propostas para evitar ou mitigar os impactos que o proxecto pode producir sobre a paisaxe.
De concluírse que as devanditas medidas resultan insuficientes, o informe indicará aqueloutras que poidan mellorar a integración paisaxística do proxecto.
2. O órgano ambiental integrará os informes emitidos en contestación ás consultas a que se refire este artigo na declaración de impacto ambiental ou no informe de impacto ambiental.
CAPÍTULO IV
Instrumentos de integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais
e sectoriais
Sección 1ª. A consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial
e urbanística
Artigo 34. Obxectivos da consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística
A consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística estará orientada a que estes acaden a mellor integración paisaxística posible e minimicen o seu impacto sobre a paisaxe, dando cumprimento aos seguintes obxectivos:
a) A protección dos ámbitos ou elementos de especial valor ou significación paisaxística.
b) A congruencia da ordenación co tipo e a situación en que se atopan todas as paisaxes afectadas, coa finalidade de respectar o seu carácter e promover a súa evolución favorable.
c) A mitigación ou corrección dos impactos que alteran ou degradan o carácter das paisaxes ou que afectan negativamente os seus valores.
Artigo 35. Os estudos da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística
1. Os instrumentos de ordenación territorial e urbanística realizarán un estudo da paisaxe do ámbito territorial a que se refiran, que se incluirá entre os documentos informativos e de diagnose exixidos pola normativa de aplicación.
Nos supostos en que se produza de forma simultánea a avaliación ambiental estratéxica dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a avaliación de impacto ambiental ordinaria dun proxecto técnico que desenvolve o antedito proxecto sectorial, o estudo de paisaxe exixible a este último poderá coincidir co estudo de impacto e integración paisaxística do proxecto técnico.
2. O estudo da paisaxe fundamentarase nos catálogos da paisaxe e pormenorizará os aspectos que resulten necesarios, en atención ás características, fase de tramitación, alcance e finalidades do instrumento e ao carácter das paisaxes afectadas, de acordo co establecido neste regulamento e nos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
3. Os estudos da paisaxe referiranse a todos ou algúns dos seguintes aspectos, en atención ás peculiaridades de cada caso:
a) Unha caracterización da paisaxe referida ao ámbito estrito do instrumento e á contorna en que se insire, que identificará e describirá os elementos conformadores daquel, así como os tipos e unidades de paisaxe presentes no ámbito do estudo.
b) A identificación dos elementos ou zonas en que existen singulares valores paisaxísticos de tipo natural ou ecolóxico, cultural ou patrimonial, estético ou panorámico, e produtivo ou de uso. Tomaranse como referencia as áreas de especial interese paisaxístico e os valores paisaxísticos identificados polos catálogos da paisaxe.
c) Unha análise de visibilidade, orientada a identificar miradoiros e sendas panorámicas, así como as zonas do ámbito máis expostas visualmente, tendo en conta os potenciais usos deste. Tomaranse como referencia os contidos dos catálogos da paisaxe, coa oportuna pormenorización, en atención á escala en que o instrumento establece a súa ordenación.
d) A identificación dos impactos paisaxísticos existentes no ámbito do instrumento ou que lle afecten por resultaren visibles desde este, sempre que, por estaren directamente relacionados co obxecto, a escala e o alcance do instrumento, sexan susceptibles de que este prevexa as oportunas medidas de mellora ou recuperación. Poderán empregarse os impactos identificados nos catálogos da paisaxe, pero o estudo deberá concretar as súas localizacións e características.
e) Unha xustificación das medidas que adopte o instrumento para alcanzar os obxectivos a que se refire o artigo 34.
4. Na elaboración dos estudos de paisaxe evitarase a reiteración ou simple reprodución de contidos propios doutros documentos do instrumento.
Artigo 36. Os estudos da paisaxe urbana nos instrumentos de planeamento urbanístico
1. Ademais do estudo da paisaxe previsto no artigo anterior, deberán incorporar un estudo da paisaxe urbana os seguintes instrumentos de planeamento urbanístico:
a) Os plans xerais de ordenación municipal, agás cando no municipio non exista ningún núcleo urbano.
b) Os plans parciais.
c) Os plans especiais de reforma interior en solo urbano non consolidado.
d) Os plans especiais de protección referidos a núcleos urbanos.
2. Os estudos da paisaxe urbana teñen por finalidade que a ordenación que establezan os instrumentos de planeamento urbanístico sexa congruente co carácter urbano propio de cada núcleo, zona ou barrio, co obxecto de preservar os seus valores paisaxísticos e contribuír á mellora da calidade dos espazos públicos.
3. Os estudos da paisaxe urbana dos plans xerais de ordenación municipal e dos plans especiais de protección referidos a núcleos urbanos analizarán a imaxe exterior destes e realizarán unha diagnose do estado dos espazos públicos, e deben incluír o seguinte contido:
a) Un estudo sobre a imaxe exterior do núcleo urbano, en que se analicen:
1º. As vistas do conxunto do núcleo, ou silueta urbana, e a súa relación co seu marco paisaxístico.
2º. As frontes ou fachadas urbanas exteriores, particularmente as que se perciben desde as vías de entrada ao núcleo.
b) A identificación dos distintos tipos ou subtipos de paisaxe urbana presentes no núcleo urbano, así como a descrición dos elementos conformadores de cada un deles.
c) A avaliación das características e o estado dos elementos formalizadores das escenas urbanas. En particular, identificaranse os puntos en que o mal estado dalgún elemento constitúe un impacto paisaxístico. Como mínimo, analizaranse os seguintes elementos:
1º. Trazado, sección e pavimentos das rúas e prazas, incluída a existencia e continuidade de itinerarios peonís.
2º. Tipoloxías edificatorias e materiais das fachadas dos edificios e dos cerramentos de parcelas.
3º. Zonas verdes e arboredos.
4º. Mobiliario urbano, sinalización, iluminación pública e redes de infraestruturas.
5º. Tráfico e aparcadoiros de vehículos.
d) A identificación de áreas urbanas de especial interese paisaxístico.
e) A identificación de áreas ou barrios cunha especial degradación paisaxística.
4. Os estudos da paisaxe urbana dos plans parciais e dos plans especiais de reforma interior en solo urbano non consolidado analizarán e xustificarán a correcta integración paisaxística da nova ordenación coa súa contorna, e deben incluír o seguinte contido:
a) A descrición dos tipos ou subtipos de paisaxe urbana presentes na contorna do plan.
b) O estudo da integración topográfica da nova rede viaria, as zonas verdes e as zonas edificables.
c) A identificación dos elementos relevantes da paisaxe da contorna que poidan condicionar a nova ordenación, en particular as vistas panorámicas ou de interese.
d) A análise das conexións e continuidades visuais entre a nova urbanización e a súa contorna.
e) A identificación dos elementos naturais ou construídos de interese existentes no ámbito do plan, susceptibles de seren protexidos ou conservados.
5. A amplitude e o grao de precisión dos estudos da paisaxe urbana será proporcionado á entidade do núcleo urbano e ao alcance do plan, e na súa elaboración evitarase a reiteración ou simple reprodución de contidos propios doutros documentos daquel.
Artigo 37. Integración da consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística
Os instrumentos de ordenación territorial e urbanística establecerán as súas determinacións tendo en conta as conclusións do estudo da paisaxe e, de ser o caso, do estudo da paisaxe urbana, nos seguintes termos:
a) As condicións de ordenación que se definan para as diferentes zonas dentro do ámbito do instrumento respectarán o tipo e carácter paisaxístico de cada unha delas. Para tal fin, a ordenación debe procurar que as características das obras, construcións ou instalacións que se prevexan ou permitan resulten congruentes e harmonicen coas características dos elementos conformadores das paisaxes.
b) Delimitaranse as áreas de especial interese paisaxístico e establecerase para elas unha ordenación tendente á protección e á adecuada xestión dos devanditos valores.
c) Estableceranse as medidas oportunas para preservar as vistas de interese desde os miradoiros e as sendas panorámicas.
d) Dentro do obxecto, a escala e o alcance do instrumento, preveranse as medidas necesarias para eliminar, reducir ou mitigar os impactos paisaxísticos existentes.
Artigo 38. Consideración da paisaxe na avaliación ambiental dos instrumentos de ordenación territorial e urbanística
1. Na documentación que se elabore para dar inicio ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria dos instrumentos de ordenación territorial e urbanística incluiranse o estudo da paisaxe a que se refire o artigo 35 e, de ser o caso, o estudo da paisaxe urbana a que se refire o artigo 36, así como os seguintes contidos:
a) A descrición e xustificación dos impactos sobre a paisaxe que pode producir a ordenación do instrumento.
b) A xustificación da adecuación ou cumprimento do instrumento cos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
2. Tanto no estudo ambiental estratéxico que se elabore para a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, como no documento ambiental estratéxico que se elabore para dar inicio ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada, incluirase unha descrición das medidas preventivas e correctoras previstas polo instrumento para previr, reducir ou corrixir os impactos que pode producir sobre a paisaxe.
3. Os documentos a que se refire este artigo elaboraranse de forma específica e proporcionada ao obxecto, á escala e ao alcance do instrumento, de tal modo que se eviten contidos xenéricos ou redundantes con outros documentos daquel.
Sección 2ª. Avaliación paisaxística de plans e programas
Artigo 39. Consulta paisaxística nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e simplificada de plans e programas
1. O órgano ambiental consultará ao Instituto de Estudos do Territorio no trámite de consultas ás administracións públicas afectadas nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica, dos instrumentos de ordenación territorial e urbanística, así como, no mesmo trámite, respecto dos demais plans e programas que poidan producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe nos termos sinalados polo artigo 5.
2. Os informes que o Instituto de Estudos do Territorio emita en contestación ás consultas a que se refire este artigo comprobarán os seguintes aspectos:
a) A adecuación e cumprimento do plan ou programa coas determinacións dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
b) O grao de impacto que o plan o programa pode producir sobre a paisaxe, sinalando, de ser o caso, aqueles impactos que poidan resultar críticos.
c) A idoneidade e eficacia das medidas preventivas e correctoras propostas para evitar ou mitigar os impactos que o plan ou programa pode producir sobre a paisaxe.
De concluírse que as devanditas medidas resultan insuficientes, o informe indicará aqueloutras que poidan mellorar a integración paisaxística do plan ou programa.
d) A análise da paisaxe incluída no plan ou programa, en función do grao de impacto que pode producir sobre a paisaxe.
Artigo 40. Consulta paisaxística sobre a versión inicial dos plans e programas sometidos a avaliación ambiental estratéxica ordinaria
1. Nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria de plans ou programas, o órgano substantivo someterá a versión inicial do plan ou programa a consulta do Instituto de Estudos do Territorio.
2. Os informes que o Instituto de Estudos do Territorio emita en contestación ás consultas a que se refire este artigo valorarán especialmente se se adoptaron as indicacións contidas no informe emitido en contestación á consulta sinalada no artigo 39.
Artigo 41. Informes paisaxísticos sobre os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico xeral
1. Os instrumentos de planeamento urbanístico xeral, así como as súas modificacións, logo da súa aprobación inicial, someteranse a informe do Instituto de Estudos do Territorio, que o emitirá no prazo de tres (3) meses contados desde a recepción da documentación do instrumento, consonte o disposto no número 2 do artigo 7 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, e na normativa autonómica en materia de solo e de ordenación do territorio.
2. No suposto de que algún dos instrumentos a que se refire o número anterior deba ser tamén obxecto de informe de conformidade co disposto no artigo 40, emitirase un único informe para ambos os efectos.
3. Os informes paisaxísticos sobre os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico xeral comprobarán os seguintes aspectos:
a) A inclusión na documentación do instrumento dun estudo da paisaxe.
b) A xustificación metodolóxica e a adecuación dos contidos do estudo da paisaxe, de acordo coas previsións deste regulamento.
c) O cumprimento e compatibilidade do contido do instrumento coa Lei 7/2008, do 7 de xullo, con este regulamento e coas determinacións dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe. En particular, comprobarase o cumprimento das normas vinculantes establecidas polas directrices de paisaxe, así como a xustificación do modo en que se seguiron as súas recomendacións.
d) A adopción das indicacións realizadas no informe emitido en contestación á consulta previa prevista no artigo 39.
4. Adicionalmente, no caso dos instrumentos de planeamento urbanístico xeral, os informes a que se refire este artigo comprobarán os seguintes aspectos:
a) A inclusión na documentación do plan dun estudo sobre a paisaxe urbana, se no municipio existe algún núcleo urbano.
b) A clasificación como solo rústico de especial protección paisaxística das áreas de especial interese paisaxístico delimitadas polo catálogo das paisaxes, así como dos espazos de interese paisaxístico delimitados polo Plan de ordenación do litoral.
No caso de que o plan propoña unha delimitación diferente das devanditas áreas e espazos, comprobarase a adecuada xustificación desa proposta.
c) A adecuada xustificación e delimitación dos ámbitos de solo rústico de especial protección paisaxística que propoña o plan ademais dos sinalados na alínea anterior.
d) O establecemento das medidas necesarias para a protección das vistas panorámicas e de interese, desde miradoiros ou desde estradas ou camiños de traxecto pintoresco.
e) Os posibles impactos sobre a paisaxe que poidan producir as determinacións do plan, en particular a delimitación e ordenación do solo urbano, a previsión de novas urbanizacións, infraestruturas ou equipamentos, a delimitación e ordenación dos núcleos rurais, a ordenación do solo rústico e as ordenanzas reguladoras das construcións e instalacións.
5. De tratarse de modificacións do planeamento urbanístico xeral, os informes a que se refire este artigo comprobarán os seguintes aspectos:
a) Os previstos no número 2 deste artigo, ben que a inclusión na documentación dun estudo da paisaxe afectada non será necesaria cando a modificación non afecte de forma sensible os elementos ou valores paisaxísticos existentes no ámbito de que se trate.
b) A variación, positiva ou negativa, dos efectos da ordenación urbanística sobre a paisaxe, como consecuencia dos cambios que se pretendan introducir.
c) No caso de que a modificación se refira á clasificación do solo rústico de especial protección paisaxística, os previstos nas alíneas b) e c) do número anterior.
6. Os informes paisaxísticos sobre os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico xeral e as súas modificacións expresarán as deficiencias que, de ser o caso, se observen nos documentos e determinacións do instrumento, así como o modo en que deban completarse ou emendarse.
Artigo 42. Alcance dos informes paisaxísticos sobre plans ou programas
1. Os informes paisaxísticos a que se refire esta sección teñen carácter vinculante, e así o expresarán, nos aspectos en que o plan ou programa vulnere, de ser o caso, determinacións normativas de carácter vinculante establecidas pola lexislación de protección da paisaxe ou os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
2. O órgano ambiental integrará os informes paisaxísticos no documento de alcance, no informe ambiental estratéxico ou na declaración ambiental estratéxica, segundo o caso.
Sección 3ª. Avaliación paisaxística de usos e actividades
Artigo 43. Disposicións xerais
1. Será preceptivo obter o informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio con carácter previo ao título habilitante de natureza urbanística ou á autorización autonómica prevista na lexislación do solo de Galicia nos seguintes casos:
a) Usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística, agás as obras menores.
Para estes efectos, considéranse asimiladas a obras menores as seguintes actuacións:
1º. As intervencións sobre edificacións existentes que non alteren o seu volume exterior nin a disposición e tamaño dos ocos das fachadas.
2º. A colocación de pequenos carteis informativos ou de sinalización, sempre que se axusten a guías ou modelos aprobados polo órgano ou entidade competente.
3º. A realización de cerramentos de predios mediante sebes vexetais ou valados compostos por postes e fíos de arame.
4º. As obras de mantemento ou mellora da rede viaria, tales como pavimentación, apertura ou limpeza de cunetas, realización de canalizacións transversais e instalación de elementos de sinalización ou de seguridade.
5º. Os tendidos soterrados de redes de abastecemento de auga, sumidoiros, electricidade, gas ou telecomunicacións, agás cando para a súa execución sexan precisos movementos de terras que superen o concepto de apertura de gabias.
6º. As actividades que se desenvolven ao aire libre, sen necesidade de ningunha instalación, ou con instalacións desmontables e de mínima entidade, como as de lecer, deportivas, socioculturais, comerciais ambulantes, científicas, escolares e divulgativas.
b) Usos e actividades cualificados como compatibles pola normativa do Plan de ordenación do litoral de Galicia.
2. No suposto de que unha actuación sexa encadrable simultaneamente nas dúas alíneas do número anterior, o informe que se emita será único.
3. No caso de que calquera das actuacións previstas anteriormente estivese incluída nun proxecto que fose obxecto de avaliación de impacto ambiental, e conste no correspondente informe ou declaración de impacto ambiental o informe do Instituto de Estudos do Territorio, non será preciso requirilo novamente.
4. Corresponde solicitar o informe a que se refire este artigo:
a) Á persoa promotora da actuación, se o título habilitante exixido é a comunicación previa.
b) Ao concello, se o título habilitante exixido é a licenza urbanística ou é preceptiva a autorización autonómica.
5. O prazo para a emisión do informe é de dous meses, contados desde a recepción da solicitude e a documentación técnica en que se describan suficientemente as características da actuación que se pretenda realizar.
Artigo 44. Contido
1. Os informes sobre usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística comprobarán os seguintes aspectos:
a) A compatibilidade do uso ou actuación cos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.
b) A idoneidade da localización en que se pretende desenvolver o uso ou actuación, no que atinxe aos efectos desta sobre os elementos e valores da paisaxe.
c) A adecuada integración paisaxística das obras, construcións ou instalacións que se pretendan realizar, de acordo cos criterios que recolle este regulamento e os que establecen os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, en particular as directrices de paisaxe.
d) O efecto acumulativo que pode ter sobre a paisaxe a implantación de sucesivas construcións ou instalacións nunha mesma zona.
2. Os informes sobre usos e actividades cualificadas como compatibles polo Plan de ordenación do litoral de Galicia comprobarán os seguintes aspectos:
a) Que ningunha das actuacións que comporte o proxecto estean cualificadas como incompatibles nalgunha das áreas continuas ou descontinuas do Plan de ordenación do litoral.
b) As circunstancias que xustifiquen a realización da actuación, coas cautelas que procedan en atención ás particularidades de cada área do Plan de ordenación do litoral.
c) A adecuada integración paisaxística das obras, construcións ou instalacións que se pretendan realizar, de acordo cos principios e criterios que establece o Plan de ordenación do litoral para cada unha das súas áreas, así como os que recolle este regulamento e os que establecen os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, en particular as directrices de paisaxe.
d) O efecto acumulativo que pode ter sobre a paisaxe a implantación de sucesivas construcións ou instalacións nunha mesma zona.
3. Se os informes a que se refire este artigo estimasen que a actuación pode provocar impactos negativos sobre a paisaxe, sinalarán as medidas ou solucións de deseño que poidan reducilos e mellorar a integración paisaxística.
Artigo 45. Alcance
1. Os informes sobre usos e actividades regulados nesta sección teñen carácter vinculante e así o expresarán, nos aspectos en que a actuación vulnere, de ser o caso, determinacións normativas de carácter vinculante establecidas pola lexislación de protección da paisaxe, polos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe ou polo Plan de ordenación do litoral de Galicia.
2. En virtude do seu carácter vinculante, os informes poderán considerar inviable unha determinada actuación, se non se aprecian alternativas de localización ou de deseño que permitan asegurar a adecuación daquela á lexislación de protección da paisaxe, aos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e ao Plan de ordenación do litoral.
CAPÍTULO V
Instrumentos de organización e concertación das políticas de paisaxe
Artigo 46. O Consello Asesor da Paisaxe
1. O Consello Asesor da Paisaxe de Galicia é o órgano colexiado de carácter técnico e de asesoramento en materia da paisaxe con funcións de colaboración e cooperación entre administracións públicas con competencia no territorio para a promoción e desenvolvemento de políticas comúns, coordinadas e programadas, que poidan ter un impacto directo ou indirecto en materia da paisaxe no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O Consello Asesor da Paisaxe de Galicia adscríbese á consellería competente en materia de ordenación do territorio a través do Instituto de Estudos do Territorio e réxese pola Lei 7/2008, do 7 de xullo, e polo Decreto 19/2018, do 1 de febreiro, polo que se crea e se regula o Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.
Artigo 47. Os pactos pola paisaxe
1. Os pactos pola paisaxe son instrumentos de concertación entre as administracións públicas e outros axentes económicos e sociais dun determinado territorio que, de maneira voluntaria, desexen promover accións de protección e mellora das paisaxes e da calidade de vida da cidadanía no marco do desenvolvemento sustentable.
2. Os pactos pola paisaxe teñen a natureza de convenios entre unha ou varias administracións públicas e unha ou varias entidades privadas, e réxense pola lexislación de réxime xurídico do sector público e as previsións deste regulamento.
3. Ademais do contido mínimo exixido pola lexislación de réxime xurídico do sector público, os pactos pola paisaxe incluirán o seguinte contido:
a) Delimitación do ámbito da actuación.
b) Identificación dos obxectivos de protección, xestión ou ordenación da paisaxe que se pretendan acadar.
c) Xustificación da adecuación do pacto á lexislación de protección da paisaxe e aos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe aplicables no seu ámbito de actuación.
d) Programación en que se concreten as accións que teñan que emprender os diversos axentes para acadar os obxectivos do pacto.
e) Determinación dos medios que se comprometerán para a execución do pacto.
f) Elaboración dun programa de comunicación e difusión do pacto.
4. Por orde da consellería competente en materia de paisaxe aprobarase un modelo harmonizado de pacto pola paisaxe.
Artigo 48. Os acordos en materia de paisaxe
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá nas áreas de especial interese paisaxístico a subscrición voluntaria de acordos entre as persoas propietarias das terras e entidades públicas de ámbito local, co fin de colaborar e apoiarse mutuamente na defensa e a conservación dos valores naturais e culturais presentes nestas áreas.
2. Os acordos en materia de paisaxe teñen a natureza de convenios entre unha ou varias administracións públicas e suxeitos privados, e réxense pola lexislación de réxime xurídico do sector público e as previsións deste regulamento.
3. A duración mínima dos acordos nas áreas de especial interese paisaxístico será de cinco anos.
4. Por orde da consellería competente en materia de paisaxe aprobarase un modelo normalizado de acordos nas áreas de especial interese paisaxístico.
CAPÍTULO VI
Formación, sensibilización e educación en materia de paisaxe
Artigo 49. Divulgación e sensibilización en materia de paisaxe
1. A Estratexia da paisaxe galega incluirá obxectivos e liñas operativas destinadas á formación, divulgación e concienciación en materia de paisaxe referidas a programas educativos, investigación e innovación e actividades de difusión e sensibilización.
2. En execución do previsto no número anterior, e sobre a base do contido dos catálogos da paisaxe, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico con competencias na materia desenvolverán accións específicas orientadas á sensibilización da sociedade en xeral sobre o coñecemento, a valoración, o respecto e o mantemento das paisaxes diúrnas e nocturnas de Galicia; en particular, as devanditas accións orientaranse tamén ao sector empresarial, dentro do marco das accións de protección ambiental e paisaxística desenvolvidas por tal sector no contexto da responsabilidade social empresarial. Estas accións procurarán conxugar os valores paisaxísticos cos demais valores presentes no territorio, coa finalidade de obter sinerxías que incrementen a eficacia daquelas.
3. A consellería competente en materia de paisaxe, a través do Instituto de Estudos do Territorio, prestará a súa colaboración aos restantes departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma para o desenvolvemento de accións conxuntas de divulgación e sensibilización.
Artigo 50. Manuais e guías de boas prácticas
O Instituto de Estudos do Territorio poderá elaborar manuais e guías técnicas, coa finalidade de divulgar os valores das paisaxes de Galicia, ofrecer orientacións ou recomendacións para a integración paisaxística de determinadas actuacións, facilitar a aplicación das disposicións da lexislación sobre paisaxe e fomentar boas prácticas de intervención na paisaxe.
Disposición adicional. Accesibilidade das bases cartográficas e a información xeorreferenciada
O Instituto de Estudos do Territorio velará para que as bases cartográficas e a información xeorreferenciada necesaria para a elaboración dos instrumentos previstos neste regulamento sexa accesible. Para este efecto, poderá subscribir os oportunos acordos ou convenios.
Disposición transitoria primeira. Incorporación do regulamento a plans e proxectos en tramitación
A incorporación do regulamento a plans e proxectos rexerase polas seguintes regras:
a) Se o plan ou proxecto estivese aprobado inicial ou definitivamente no momento de entrada en vigor do regulamento, a incorporación deberá producirse na primeira revisión daquel que se produza.
b) Se o plan ou proxecto estivese en tramitación sen que acadase a aprobación inicial no momento de entrada en vigor do regulamento, deberá adaptar as súas determinacións a este. A modificación do contido do plan ou proxecto en tramitación para a súa adaptación ao regulamento non implicará a necesidade de sometelo a nova información pública.
Disposición transitoria segunda. Avaliación paisaxística de usos e actividades en áreas de especial interese paisaxístico en municipios con planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Nos municipios con instrumentos de planeamento urbanístico xeral non adaptados á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, será preceptivo obter o informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio regulado na sección 3ª do capítulo IV, con carácter previo ao título habilitante de natureza urbanística ou á autorización autonómica prevista na devandita lei, para os usos e actividades que se localicen en áreas de especial interese paisaxístico delimitadas polo Catálogo das paisaxes de Galicia ou en espazos de interese paisaxístico delimitados polo Plan de ordenación do litoral de Galicia.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Este decreto e o regulamento que se aproba entrarán en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e nove de maio de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Mª Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ANEXO
Definicións
Para os efectos deste regulamento entenderase por:
a) Paisaxe: calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da acción e da interacción de factores naturais e humanos.
b) Factores determinantes da paisaxe: factores naturais e humanos cuxa acción e interacción determinan o carácter e a ampla variedade de paisaxes.
En particular, considéranse factores determinantes da paisaxe os seguintes:
1º. O medio natural, tanto o biótico como o abiótico, incluídos o clima e as condicións meteorolóxicas.
2º. As intervencións humanas, desde a agricultura ata as infraestruturas.
3º. A cultura material e inmaterial da sociedade.
4º. As condicións que determinan e inflúen na percepción sensorial da paisaxe.
c) Elementos conformadores ou compoñentes da paisaxe: cada un dos elementos de diferente natureza e tipoloxía, cuxas distintas combinacións dan lugar a unha variedade de tipos de paisaxe.
Os elementos conformadores ou compoñentes da paisaxe divídense nos dous grupos básicos seguintes:
1º. Elementos estruturais: topografía, hidrografía, xeomorfoloxía, vías principais ou estruturantes.
2º. Elementos texturais ou formalizadores: usos e coberturas do solo, construcións e instalacións, resto da rede viaria.
d) Tipo de paisaxe: cada unha das distintas combinacións de elementos conformadores da paisaxe.
e) Unidade de paisaxe: cada un dos ámbitos territoriais delimitados nos catálogos das paisaxes que contan cunha configuración estrutural, funcional ou perceptivamente diferenciada e cuns tipos de paisaxe e uns valores paisaxísticos homoxéneos, coherentes e diferentes con respecto ás unidades contiguas.
f) Carácter da paisaxe: condición peculiar e propia dunha paisaxe, resultado da combinación dos elementos que a conforman, nunha determinada conxuntura de percepción.
g) Dinámica da paisaxe: evolución constante da paisaxe, provocada pola variación, a diferentes ritmos, dos factores que a determinan e os elementos que a conforman.
h) Políticas de paisaxe: conxunto de estratexias, directrices e accións que desenvolve a Administración competente en materia de paisaxe, orientadas á protección, xestión e ordenación da paisaxe, así como á formación, sensibilización e educación sobre paisaxe.
i) Protección da paisaxe: conxunto de accións que teñen como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe, xustificados polo seu valor patrimonial como resultante da súa configuración natural ou da intervención humana sobre o medio.
j) Xestión da paisaxe: conxunto de accións que, desde unha perspectiva de uso sustentable do territorio, garanten o mantemento regular da paisaxe, co fin de guiar as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.
k) Ordenación da paisaxe: conxunto de accións que presentan un carácter prospectivo particularmente acentuado con vistas a manter, mellorar, restaurar ou rexenerar paisaxes.
l) Área paisaxística: cada un dos ámbitos en que queda dividida Galicia polos catálogos da paisaxe, en atención ás áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego.
m) Comarca paisaxística: cada un dos ámbitos territoriais de segundo nivel en que poden quedar divididas as grandes áreas paisaxísticas, para o efecto da ordenación, xestión e protección da paisaxe.
n) Valor paisaxístico: trazo ou elemento que pola súa condición ou singularidade outorga un especial interese ou aprecio a unha paisaxe.
Os valores paisaxísticos divídense nos grupos seguintes:
1º. Naturais ou ecolóxicos.
2º. Culturais ou patrimoniais.
3º. Estéticos ou panorámicos.
4º. Produtivos ou de uso.
o) Área de especial interese paisaxístico: cada un dos ámbitos ou zonas caracterizados pola confluencia de valores paisaxísticos diversos e notables que determinan o seu recoñecemento e protección.
p) Impacto paisaxístico: calquera actuación, acontecemento, elemento ou factor que mingua ou pode minguar os valores presentes nunha paisaxe, ben sexa por afectar algún ou varios dos elementos que a conforman, ben por alterar a súa composición característica.
q) Ámbito de especial atención paisaxística: zona en que a existencia de numerosos ou singulares impactos paisaxísticos determina unha especial deterioración e a procedencia de medidas de ordenación da paisaxe, orientadas á mellora, recuperación ou restauración dos devanditos impactos.
r) Indicadores de calidade paisaxística: características avaliables cualitativa ou cuantitativamente que permiten determinar o estado dunha paisaxe e facer o seguimento da súa evolución.
s) Obxectivos de calidade paisaxística: expresión das aspiracións das persoas respecto do estado e a evolución das paisaxes de Galicia, consonte o disposto nas directrices da paisaxe, se é o caso.
t) Integración paisaxística: modo en que unha determinada actuación incide sobre os elementos e o carácter da paisaxe a que se incorpora ou en que intervén. Se non se especifica o contrario, este termo emprégase para referirse ás incidencias ou incorporacións adecuadas e respectuosas coa paisaxe.
u) Calidade paisaxística: valoración global do estado conxuntural dunha paisaxe, realizada en atención aos valores presentes nela.
v) Fraxilidade paisaxística: susceptibilidade dunha paisaxe ante a incidencia de actuacións que lle poidan afectar.
w) Cunca visual: conxunto de puntos visibles desde un punto de observación determinado.
x) Silueta urbana: vista de conxunto dunha cidade, vila ou núcleo, no seu marco paisaxístico litoral, fluvial, agrario, forestal ou montañoso.
y) Órgano ambiental: de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, é o órgano da Administración pública que elabora, se é o caso, o documento de alcance, que realiza a análise técnica dos expedientes de avaliación ambiental e formula as declaracións ambientais estratéxicas, os informes ambientais estratéxicos, as declaracións de impacto ambiental, e os informes de impacto ambiental
z) Órgano substantivo: de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, é o órgano da Administración pública que ten as competencias para adoptar ou aprobar un plan ou programa, para autorizar un proxecto, ou para controlar a actividade dos proxectos suxeitos a declaración responsable ou comunicación previa, salvo que o proxecto consista en diferentes actuacións en materias cuxa competencia a teñan distintos órganos da Administración pública estatal, autonómica ou local, nese caso, considerarase órgano substantivo aquel que teña as competencias sobre a actividade a cuxa finalidade se orienta o proxecto, con prioridade sobre os órganos que teñen competencias sobre actividades instrumentais ou complementarias respecto a aquela.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *