Arrendamiento vhículos GALICIA

ORDE do 11 de febreiro de 2019 pola que se regulan os distintivos identificativos dos vehículos dedicados ao arrendamento de vehículos con condutor/a cuxa autorización se atope domiciliada en Galicia.

[sc name=”secretario” ]
A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, regulou o transporte público urbano e interurbano de persoas en vehículos de turismo, por medio de taxi ou en réxime de arrendamento con condutor/a, que se desenvolva integramente na Comunidade Autónoma de Galicia.
A dita lei presenta como unha das súas principais finalidades a de establecer un marco regulador que proporcione seguridade xurídica ao conxunto de suxeitos que, de xeito directo ou indirecto, se relacionan coas actividades propias do transporte público de persoas en vehículos de turismo. E dentro destes obxectivos, presenta especial relevancia a clarificación das dúas categorías de servizos de transporte en vehículos de turismo, a prestada mediante taxis e a desenvolvida mediante vehículos de arrendamento con condutor/a.
Así, a Lei 4/2013, do 30 de maio, incide na diferenciación entre ambas as dúas categorías atendendo á diferente dimensión empresarial, ao establecemento de distintas exixencias para a obtención dos correspondentes títulos habilitantes para o exercicio destas actividades, á fixación dunha diferente intervención administrativa respecto dunha e doutra actividade, ás formas de contratación previstas para cada servizo, e na propia aparencia externa dos vehículos.
A Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas deu unha nova redacción ao artigo 53 da Lei 4/2013, do 30 de maio, establecendo que as persoas titulares de autorizacións administrativas para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos con condutor/a domiciliadas en Galicia (VTC) estarán obrigadas a colocar en todos os vehículos adscritos á dita autorización un distintivo identificativo desta actividade. O dito artigo sinala que o distintivo consistirá nun autoadhesivo vinilo que se deberá colocar na parte dianteira e traseira do vehículo, e será emitido aos titulares dos correspondentes títulos habilitantes polos órganos administrativos competentes para o outorgamento ou visado periódico das correspondentes autorizacións administrativas habilitantes. E que os vehículos non poderán levar ningunha publicidade nin signos externos identificativos, agás a placa relativa á súa condición de servizo público e o distintivo regulado neste artigo.
En igual sentido, o artigo 182.4 do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación do transporte terrestre, habilita as comunidades autónomas que asumiron por delegación do Estado competencias en materia de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor/a, a exixir que os vehículos amparados en autorizacións de arrendamento con condutor/a se identifiquen externamente mediante algún distintivo.
Xa que logo, consonte coa normativa antes citada, os ditos distintivos deberán ser emitidos ás persoas titulares dos correspondentes títulos habilitantes por parte dos órganos administrativos competentes para o seu outorgamento ou visado periódico, correspondendo á consellería competente en materia de transporte o establecemento das condicións de deseño, emisión, uso e validez temporal.
Atendendo ao anterior, por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procédese a deseñar un modelo de distintivo que facilite a correcta identificación de cada un dos vehículos adscritos a esta actividade que se atopen domiciliados en Galicia. Para tal fin, prevese que o simple distintivo permita verificar tanto a vixencia da autorización administrativa como a matrícula do vehículo que presta a actividade, o que require adaptar o prazo previsto na disposición transitoria décimo segunda da Lei 4/2013, do 30 de maio, co fin de adaptalo ás necesidades que requiren preparación e tramitación inicial das emisións personalizadas para cada vehículo. Regulación que responde aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia que regula o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Á vista do exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta orde é regular os distintivos cos que deberán estar permanentemente identificados os vehículos dedicados á actividade de arrendamento de vehículos con condutor/a (VTC) cuxa autorización se atope domiciliada en Galicia.
Artigo 2. Descrición dos distintivos
1. O distintivo consistirá nun autoadhesivo vinilo consonte cos modelos que se recollen no anexo desta orde, tanto para a parte dianteira como para a traseira do vehículo.
2. A numeración e ano que figuran no distintivo da parte dianteira do vehículo, fan referencia ao mes e ano en que a persoa titular da autorización deberá proceder ao próximo visado do título administrativo habilitante, polo que o órgano encargado de facilitar o distintivo realizará unha marca no número correspondente ao mes concreto en que o visado debe ser realizado.
3. Nos distintivos dianteiro e traseiro figurará inserida a matrícula do vehículo autorizado para a prestación da actividade.
Artigo 3. Colocación
Os distintivos deberán colocarse na parte superior dereita da lúa dianteira e na parte inferior esquerda da lúa traseira do vehículo, respectivamente, de forma que resulten visibles desde o exterior sen interferir, en ningún caso, a visibilidade do/da condutor/a.
Artigo 4. Emisión dos distintivos
1. Os distintivos serán emitidos xunto co outorgamento de novas autorizacións VTC, substitución de vehículos, ou visado periódico, logo do pagamento da taxa correspondente, cuxo xustificante deberá presentarse xunto coa solicitude de autorización ou substitución de vehículos, ou nos procedementos de visado, a través dos formularios normalizados previstos para estes procedementos na sede electrónica da Xunta de Galicia ou a través da aplicación SitranGestión.
2. Os distintivos serán remitidos polo órgano da xefatura territorial competente, xunto coa notificación da resolución de autorización VTC, substitución de vehículos ou visado.
3. No caso de que xunto coa solicitude de outorgamento de autorización VTC, substitución de vehículos, ou visado non se acredite o pagamento da taxa para a emisión de distintivos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, presente a dita documentación xustificativa, con indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Nos casos de substracción ou deterioro do distintivo identificador, a persoa titular do titulo habilítante para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículo con condutor/a poderá solicitar un duplicado deste.
Disposición transitoria única. Exixencia da dispoñibilidade do distintivo
A exixencia da disposición do distintivo establecido nesta orde será exixible para o conxunto de titulares de títulos habilitantes domiciliados en Galicia no prazo de dous meses desde a entrada en vigor desta orde.
Os distintivos para as autorizacións vixentes á entrada en vigor desta orde, cando non proceda a emisión de novas autorizacións VTC, substitución de vehículos, ou visado periódico, estarán dispoñibles nas dependencias do órgano da xefatura territorial competente para a súa emisión, unha vez transcorrido o prazo de 15 días desde a xustificación do pagamento da taxa correspondente.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2019
Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade
ANEXO
Os distintivos cos que deberán ir identificados os vehículos con autorización de arrendamento de vehículos con condutor/a serán os seguintes:
1. Na parte superior dereita da lúa dianteira do vehículo (cunhas dimensións de 4×8.4 cm):
2. Na parte inferior esquerda da lúa traseira do vehículo (cunhas dimensións de 18×10 cm):

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *