Cooperación para el desarrollo en Galicia
DECRETO 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento.
[sc name=”plataforma” ]
O presente decreto dítase no exercicio das competencias autonómicas exclusivas en materia de procedementos administrativos que deriven da organización propia dos poderes públicos galegos recoñecida no artigo 27.5 do Estatuto de autonomía de Galicia e en materia de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, no que se refire a réxime xurídico da Administración pública de Galicia e réxime estatutario dos seus funcionarios, recoñecida no artigo 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, dentro do marco lexislativo ditado polo Estado no exercicio da súa competencia exclusiva en materia de relacións internacionais, establecida no artigo 149.1.3ª da Constitución española, ademais da competencia do Goberno da Nación na dirección da política exterior establecida no artigo 97 da Constitución española e amparada na declaración incluída no seu preámbulo, no cal se sinala que a nación española proclama o seu compromiso de colaborar no fortalecemento dunhas relacións pacíficas e de eficaz cooperación entre todos os pobos da Terra, así como nos termos sinalados pola doutrina do Tribunal Constitucional en relación con que a cooperación para o desenvolvemento forma parte da acción exterior do Estado permitida ás comunidades autónomas.
A cooperación que se leva a cabo desde Galicia enmárcase na chamada cooperación descentralizada, que, sendo realizada desde institucións subestatais e, de ser o caso, polas corporacións locais, pretende contribuír aos procesos de desenvolvemento dos pobos de menor ingreso poñendo á súa disposición as capacidades, recursos e activos que Galicia atesourou ao longo da súa senda de progreso.
A Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, sinala que a política de cooperación internacional para o desenvolvemento constitúe un aspecto fundamental da acción exterior dos Estados democráticos en relación con aqueles países que non conseguiron o mesmo nivel de desenvolvemento, baseada nunha concepción interdependente e solidaria da sociedade internacional e das relacións que nela se desenvolvan.
Polo que respecta ao Estado español, a citada Lei 23/1998, do 7 de xullo, recoñece expresamente a existencia dunha política de cooperación internacional para o desenvolvemento das administracións autonómicas, expresión solidaria das súas respectivas sociedades, que se basea nos principios de autonomía orzamentaria e autorresponsabilidade no seu desenvolvemento e execución, o que debe respectar as liñas xerais e directrices básicas establecidas polo Estado e o principio de colaboración entre administracións públicas.
No marco disposto pola lei estatal, coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.
A propia Lei 3/2003, do 19 de xuño, recolle na súa disposición derradeira segunda a necesidade do seu desenvolvemento regulamentario. Neste marco publicouse o 31 de xaneiro de 2005 o Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, que foi modificado polo Decreto 90/2011, do 5 de maio.
A cooperación descentralizada e as diversas modalidades en que esta se manifesta están inmersas nun proceso evolutivo, o que fai necesaria unha actualización da normativa de desenvolvemento que clarifique, simplifique e faga máis operativos e eficaces o rexistro de axentes, os órganos de coordinación e asesoramento, as relacións interadministrativas e a xestión das subvencións para os proxectos de cooperación. Así mesmo, regúlase de maneira pormenorizada a posibilidade de que o persoal empregado público colabore, mediante a concesión dunha licenza, en proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Doutra banda, unifícase nun só texto a normativa de desenvolvemento existente.
O decreto estrutúrase en 6 capítulos: o capítulo I refírese ao obxecto da norma; o capítulo II ao Rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento; o capítulo III ao Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento; o capítulo IV, á cooperación internacional para o desenvolvemento das entidades locais galegas; o capítulo V, á licenza para participación en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria; e o capítulo VI, ás normas específicas para a xestión de axudas e subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria.
O capítulo I delimita o obxecto do decreto, que é o desenvolvemento regulamentario da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e do artigo 130 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.
O capítulo II refírese ao Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, creado no ano 2004, que necesita unha nova regulación que facilite a súa xestión co fin de que a información recollida se manteña actualizada, para lograr a máis alto nivel de fidelidade do Rexistro á realidade.
O capítulo III regula o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento que é, desde a aprobación da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, o órgano en que se unifica a totalidade das funcións de consulta, participación e avaliación en materia de cooperación para o desenvolvemento e se logra a concentración da participación de todos os sectores involucrados na planificación, avaliación e xestión da política galega de cooperación para o desenvolvemento, o cal exixe actualizar a súa normativa de desenvolvemento para adaptala á nova redacción da Lei 3/2003, do 19 de xuño.
O capítulo IV recolle as normas en relación ás actuacións de cooperación para o desenvolvemento das entidades locais galegas, derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, e da Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, que introducen a necesidade de que, co fin de evitar duplicidades e para garantir a sustentabilidade financeira, as actuacións de cooperación para o desenvolvemento das entidades da Administración local teñan o informe favorable previo da Administración competente por razón da materia, en que se sinale a inexistencia de duplicidades e daquela que teña atribuída a tutela financeira sobre a sustentabilidade financeira das novas competencias que, neste caso, corresponde en ambos os casos á Administración autonómica.
O capítulo V refírese á licenza para a participación das persoas empregadas públicas en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria, recollida por primeira vez na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa finalidade de fomentar entre este colectivo o valor da solidariedade mediante a súa integración en proxectos de desenvolvemento que os axentes de cooperación estean a levar a cabo en países empobrecidos.
Finalmente, o capítulo VI afonda nas especialidades das axudas e subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento; estas constitúen o principal instrumento de fomento e revisten un carácter específico que as singulariza respecto da actividade xeral de fomento de actuacións de utilidade pública ou interese social. Do carácter singular e específico destas subvencións é consciente a propia Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que, no número 3 do seu artigo 29, incorpora un réxime xurídico especial das mesmas ao dispoñer que co obxecto de lograr unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados á cooperación para o desenvolvemento, poderán establecerse sistemas específicos de xustificación e control do gasto adaptados á súa especialidade, que teñan en conta a necesaria flexibilidade e adaptación das normas xerais de réxime financeiro e orzamentario a proxectos que se realizan nos países receptores de axuda oficial ao desenvolvemento. Tamén a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia recolle o réxime especial das axudas en materia de cooperación exterior.
Este decreto foi sometido ao informe do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
Por todo o exposto, na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de acordo co Consello Consultivo, e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de marzo de dous mil dezasete,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I Obxecto
Artigo 1. Obxecto
O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento regulamentario da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e do artigo 130 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
CAPÍTULO II Do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
Artigo 2. Ámbito e adscrición do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
- Poderán inscribirse no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento os axentes de cooperación recoñecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño.
- Non son inscritibles neste rexistro a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico reguladas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, as entidades locais recoñecidas pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, as universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia e persoas xurídicas vinculadas, de acordo cos artigos 3 e 6 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e as comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro da Galeguidade dependente do centro directivo con competencias en materia de emigración, recollido na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
- O Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento está adscrito ao centro directivo competente na materia de cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 3. Características do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
- A inscrición no rexistro é voluntaria. Con todo, a inscrición será requisito para integrar as accións, actividades e iniciativas das entidades no plan director de cooperación para o desenvolvemento e nos plans anuais que o desenvolvan e para acceder ás axudas e subvencións públicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, computables como axuda oficial ao desenvolvemento.
- Os datos do rexistro serán públicos e o acceso dos cidadáns a eles exercerase nos termos e condicións establecidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo, pola Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, o tratamento dos datos de carácter persoal que se conteñan no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento realizarase de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais disposicións complementarias.
Artigo 4. Organización do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
- O Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento organízase en catro seccións xerais:
- a) Sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
- b) Sección B: empresas e organizacións empresariais.
- c) Sección C: sindicatos.
- d) Sección D: outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
- Para a súa inscrición na sección A do rexistro, as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (en diante, ONGD) previstas no artigo 23.1, letra b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, deberán acreditar que reúnen os requisitos establecidos no artigo 25 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, nos termos establecidos no artigo 7.3 do presente decreto.
Para os efectos do artigo 25.2, letra b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, presumirase que existe unha relación de dependencia dunha ONGD cunha Administración pública ou entidades do sector público cando os seus órganos de goberno estean formados en máis dun 30 % por persoas que actúen en representación de administracións públicas ou entidades do sector público.
Artigo 5. Contido das inscricións dos axentes de cooperación
No Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento inscribiranse os seguintes datos dos axentes de cooperación:
- a) Os identificativos da entidade: denominación, número de identificación fiscal, domicilio social, domicilio da delegación en Galicia, datos identificativos da/das persoa/s representante/s legal/legais e da/das persoa/s administradora/s, datos identificativos da/das persoa/s representante/s en Galicia, número de socios/as, forma xurídica da entidade e data da inscrición.
- b) Os que acrediten a personalidade xurídica da entidade de que se trate: escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional e, de ser o caso, o certificado de inscrición no rexistro correspondente.
- c) Os fins que desexa inscribir, que coincidirán con algún dos obxectivos definidos no artigo 2 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, para o caso das ONGD e dos outros axentes sociais a que se refire a letra g) do artigo 23.1 da Lei 3/2003, do 19 de xuño.
- d) Se for o caso, a modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos, a extinción ou disolución da entidade e liquidación e destino dos seus bens.
- e) Calquera outro dato, cando así o determine a lexislación en vigor.
Artigo 6. Réxime xurídico
Os procedementos de inscrición, modificación e cancelación rexeranse polo establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo e no presente decreto.
Artigo 7. Solicitude de inscrición
- A solicitude de inscrición no rexistro deberá presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).
O modelo normalizado para a solicitude de inscrición establécese no anexo I deste decreto.
- A documentación complementaria presentarase por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
- Á solicitude de inscrición deberá xuntárselle a seguinte documentación:
- a) Copia do documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente da persoa representante, só no caso de que non se autorice a súa consulta.
- b) Copia do nomeamento da persoa representante legal da entidade e do nomeamento da persoa representante da entidade en Galicia.
- c) Acordo de creación da entidade se é a primeira inscrición en calquera rexistro das administracións públicas. As entidades xa inscritas noutro rexistro indicarano, xunto co código e a data de inscrición.
- d) Estatutos da entidade ou documento que acredite a súa personalidade xurídica.
- e) Copia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente á súa verificación.
- f) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación en Galicia.
- g) Certificación da representación legal en relación coa aprobación, se é o caso, das contas anuais, así como copia destas.
- h) Certificado de inscrición no rexistro correspondente, se for o caso.
- i) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se inclúa unha breve descrición da actividade que realiza a entidade, o sector a que se dirixe a súa actuación, a relación de actividades, proxectos e programas que a entidade realizase en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento, así como, se for o caso, as subvencións e axudas destinadas á cooperación internacional para o desenvolvemento recibidas nos tres últimos anos por parte das administracións públicas ou por doadores internacionais.
- j) Memoria anual correspondente ao último ano de actividade, se a tivese, que inclúa, no caso das entidades empresariais, as accións realizadas pola empresa en materia ambiental, social ou laboral e de cooperación para o desenvolvemento.
- k) Declaración responsable da persoa que ten a representación legal da entidade sobre o cumprimento das normativas ambientais e de dereitos humanos no territorio español e nos países de intervención.
- l) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.
- Cando do exame da documentación presentada resulte falta ou defecto nela, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
- O centro directivo competente, unha vez recibida a solicitude, requirirá, se é o caso, a documentación precisa dos rexistros da Administración pública en que figure inscrita a entidade.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
Artigo 8. Resolución do procedemento de inscrición
- O titular do órgano directivo competente na materia de cooperación ao desenvolvemento é o competente para ditar a resolución de ordenación ou denegación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
- Denegarase a inscrición se o solicitante non acredita o cumprimento dos requisitos establecidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, e no presente regulamento, de acordo co establecido no artigo 7.
- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo máximo sen notificarse a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.
- A resolución de inscrición sinalará o número de rexistro asignado e terá carácter declarativo.
- Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente por razón da materia no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación da devandita resolución.
Artigo 9. Modificación dos datos inscritos
- Os axentes de cooperación estarán obrigados a comunicar ao rexistro calquera alteración respecto dos documentos e/ou datos inscritos, no prazo de dous meses desde que se produza por acordo do órgano de goberno e representación da entidade. Do mesmo xeito, as entidades terán que presentar dentro dos catro primeiros meses do ano os acordos de aprobación do orzamento anual e da liquidación do exercicio económico anterior. A falta de comunicación por parte da entidade no prazo estipulado poderá producir a suspensión dos efectos da inscrición nos termos previstos na normativa xeral de procedemento administrativo. En todo caso, a suspensión finalizará na data en que se produza a achega da documentación.
- O modelo normalizado para a solicitude de modificación establécese no anexo II deste decreto.
- A solicitude de modificación deberá acompañarse da documentación acreditativa de tal modificación e do documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente, de acordo coa lexislación vixente.
Recibida a solicitude de modificación dos datos inscritos, o centro directivo competente realizará de oficio a correspondente modificación, sempre que se manteña o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto para a inscrición da entidade.
- A modificación dos datos correspondentes ao cambio na forma xurídica dunha entidade que supoña a extinción da primeira e a creación doutra ou doutras cos mesmos obxectivos e fins non afectará a conservación por parte das novas entidades da antigüidade de inscrición da entidade primitiva para os efectos da concorrencia ás convocatorias de subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 10. Cancelación da inscrición
- A inscrición dun axente de cooperación ao desenvolvemento poderá ser cancelada:
- a) Por solicitude da entidade manifestada polo seu órgano de goberno.
- b) De oficio, e logo de trámite de audiencia, nos seguintes casos:
1º. Por extinción ou disolución da entidade, debidamente acreditada.
2º. Por incumprimento reiterado dos fins e obrigas establecidas na Lei 3/2003, do 19 de xuño, ou dos previstos neste decreto.
3º. Por inactividade da entidade por un período de tres anos, debidamente probada.
4º. Por falsidade, declarada por sentenza xudicial firme, de datos ou documentos que constasen na inscrición.
- O modelo normalizado para a solicitude de cancelación establécese no anexo III deste decreto.
- A solicitude de cancelación da entidade manifestada polo seu órgano de goberno deberá acompañarse da documentación acreditativa do acordo de cancelación e do documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente, de acordo coa lexislación vixente.
- O titular do órgano directivo competente na materia de cooperación ao desenvolvemento é o competente para ditar a resolución de cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
- O prazo para resolver e notificar a cancelación da inscrición será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver cando o expediente de cancelación da inscrición se iniciase por instancia de parte. Transcorrido o prazo máximo sen notificarse a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.
- Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente por razón da materia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da devandita resolución.
- No caso de que o procedemento de cancelación se iniciase de oficio, o transcurso do prazo de tres meses producirá a caducidade do procedemento.
Artigo 11. Consentimentos e autorizacións
As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder das administracións públicas, nos termos previstos na normativa xeral reguladora do procedemento administrativo.
Artigo 12. Publicidade do Rexistro
- O Rexistro ten carácter público. O dereito de acceso a el exercerase de conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo, coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
- A publicidade axustarase aos requisitos establecidos na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e farase efectiva mediante certificación do contido dos asentos emitida por solicitude de persoa interesada, mediante nota simple informativa ou por medio de listaxes.
- As certificacións poderán solicitarse por calquera medio que permita a constancia da solicitude realizada e a identidade do solicitante e expediranse no prazo de cinco días contados desde a data en que se presente esta.
CAPÍTULO III Do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento
Artigo 13. Natureza e adscrición
De acordo co previsto polo artigo 22 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (en diante, Congacode) é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación para o desenvolvemento e estará adscrito ao departamento competente nesa materia.
Artigo 14. Funcións
As funcións do Congacode son as definidas no artigo 22 da Lei 3/2003, do 19 de xuño.
Artigo 15. Composición
- A composición do Congacode será a seguinte:
- a) Presidencia: a persoa titular do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.
- b) Vicepresidencia: un vogal do Congacode nomeado polo pleno entre os vogais representantes dos axentes de cooperación, excluída a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico.
- c) Secretaría: unha persoa funcionaria da área de cooperación para o desenvolvemento con nivel orgánico mínimo de subdirector/a xeral, que actuará con voz pero sen voto, e poderá ser asistido/a polo persoal que designe para o efecto.
- d) Vogalías:
1º. Doce persoas en representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico, con rango mínimo de subdirector/a xeral por cada unha das consellerías con competencias nas seguintes áreas, nomeadas pola persoa titular da secretaría xeral técnica concernida:
- a) Área de Administración local.
- b) Área de emigración.
- c) Área de orzamentos.
- d) Área de xestión do ambiente e dos recursos naturais.
- e) Área de educación.
- f) Área de sanidade.
- g) Área de asuntos sociais e voluntariado.
- h) Área de desenvolvemento rural.
- i) Área de pesca e acuicultura.
- j) Área de xestión de recursos hídricos.
- k) Área de igualdade.
- l) Área de turismo.
2º. Cinco persoas representantes das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento radicadas en Galicia, propostas pola Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento ou pola entidade que a suceda. En caso de escisión desta ou da súa entidade sucesora, as vogalías distribuiranse en función do número de socios con que conten as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento agrupadas nas posibles entidades resultantes da escisión.
3º. Unha persoa representante das empresas galegas, proposta pola Confederación de Empresarios de Galicia.
4º. Unha persoa representante das organizacións sindicais, proposta por aquelas de maior representatividade en Galicia.
5º. Dúas persoas representantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
6º. Unha persoa representante das universidades galegas, proposta polo Consello Galego de Universidades.
7º. Dúas persoas representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.
8º. Un representante daquelas entidades inscritas na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación.
9º. Un representante de organizacións non gobernamentais que traballen no eido social e/ou con persoas migrantes ou refuxiadas e outros colectivos afíns ao traballo en cooperación, educación ou acción humanitaria.
10º. Tres persoas expertas independentes, nomeadas por maioría de dous terzos dos representantes dos axentes de cooperación que integran o Congacode.
- Os órganos de goberno dos axentes de cooperación con representación no Congacode sinalados nos números 3º, 4º, 5º, 7º, 8º e 9º propoñerán as persoas vogais titulares e suplentes. As persoas vogais titulares serán substituídas polas persoas vogais suplentes en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
- As persoas vogais do Congacode, excepto a persoa titular da vicepresidencia e as persoas representantes das consellerías da Administración xeral da Xunta de Galicia, serán nomeadas e cesadas pola persoa titular do consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, por proposta das entidades con representación nel, mediante orde publicada no Diario Oficial de Galicia, e desempeñarán os seus cargos por un período de catro anos.
- Se algún membro do Congacode cesa no cargo por razón do cal foi elixido, no prazo máximo dun mes realizarase a proposta de nomeamento da persoa que o substitúa e o seu mandato durará ata a seguinte renovación do Congacode.
- Se no período de catro anos de mandato se producir unha renovación dos órganos de representación dos axentes de cooperación, procederase a modificar a composición do Congacode, por instancia dos seus órganos de goberno.
- Na composición do Congacode procurarase lograr unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
Artigo 16. Funcionamento
- O réxime de funcionamento do Congacode será o establecido na sección 3ª do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como no previsto neste decreto, na normativa que o desenvolva e, de ser o caso, nas súas propias normas de funcionamento.
- As persoas vogais non poderán delegar a súa representación ou voto noutra persoa vogal do Congacode.
- As funcións realizadas polos membros do Congacode non serán remuneradas, sen prexuízo do aboamento de gastos por desprazamento ou manutención.
CAPÍTULO IV Da cooperación internacional para o desenvolvemento das entidades locais galegas
Artigo 17. Actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento que se realicen desde as entidades locais
- As actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento que se realicen desde as entidades locais inspiraranse nos principios e criterios da cooperación para o desenvolvemento previstos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, e nos obxectivos e prioridades previstos no plan director da cooperación para o desenvolvemento vixente e aprobado polo Parlamento de Galicia e tenderán a buscar a coordinación e a complementariedade entre os actores da cooperación e a achegar un valor engadido e diferenciado.
- As entidades locais galegas que pretendan realizar actividades de cooperación para o desenvolvemento deberán solicitar os informes previstos no artigo 7.4 da Lei 5/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 3.4 da Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, nos supostos e de acordo co réxime previsto nas ditas leis.
CAPÍTULO V Da licenza para a participación en proxectos ou programas de cooperación ao desenvolvemento e de acción humanitaria
Artigo 18. Licenza para a participación en proxectos ou programas de cooperación ao desenvolvemento e de acción humanitaria
- Poderanse conceder licenzas ao persoal funcionario de carreira, incluído dentro do ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, así como ao persoal docente titular e o persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, para a participación en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento en organismos oficiais, organizacións internacionais ou organizacións non gobernamentais, sempre que conste o interese público, e con informe favorable do centro directivo da Xunta de Galicia en que se encadren as competencias de cooperación ao desenvolvemento.
- Esta licenza, cunha duración máxima de seis meses, queda subordinada ás necesidades do servizo, debidamente xustificadas, e será autorizada polo órgano competente en materia de persoal da consellería/organismo/entidade pública galega, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, ou da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde da Consellería de Sanidade, ou da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seu respectivo ámbito competencial.
- No caso de que esta licenza sexa concedida, e sempre que os proxectos ou programas referidos fosen promovidos ou cofinanciados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, o persoal que obteña a dita licenza seguirá percibindo durante o tempo que dure esta as retribucións correspondentes ao posto que ocupe, sen que poida recibir ningunha outra retribución por parte da organización que impulsase ou executase o correspondente proxecto ou programa, sen prexuízo de que esta sufrague os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención que deriven deles.
- Se a licenza for outorgada para participar en proxectos ou programas de cooperación non promovidos nin cofinanciados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, o persoal que obtivese a dita licenza deixará de percibir as súas retribucións do posto que ocupa.
- En todo caso, o persoal que obtivese licenza para participar en proxectos ou programas de cooperación ao desenvolvemento de organismos oficiais, organizacións internacionais ou organizacións non gobernamentais manterá a reserva do posto do que for titular e o tempo de duración da licenza computarase como de servizo activo para todos os efectos.
- Ao finalizar o período de licenza, o seu beneficiario deberá acreditar, mediante certificado ante o órgano que lla outorgou, a súa participación no correspondente proxecto ou programa que a fundamentase, detallando as datas de incorporación e finalización. A non presentación do devandito certificado ou a súa irregularidade darán lugar ao reintegro das retribucións percibidas e ao aboamento ao órgano da Administración das cotizacións sociais devindicadas, sen prexuízo das responsabilidades de calquera orde que lle fosen exixibles.
CAPÍTULO VI Da xestión de axudas e subvencións en materia de cooperación ao desenvolvemento e acción humanitaria
Artigo 19. Réxime xurídico
O réxime xurídico das axudas e subvencións en materia de cooperación ao desenvolvemento e acción humanitaria previstas na Lei 3/2003, do 19 de xuño, será o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas especialidades recollidas na súa disposición adicional segunda e as recollidas neste capítulo.
Artigo 20. Normas específicas para o pagamento dos proxectos plurianuais
Para o caso de proxectos plurianuais, as bases reguladoras poderán determinar unha porcentaxe de execución a partir da cal se poderá solicitar o pagamento das seguintes anualidades da axuda ou subvención concedida. Estes pagamentos terán a consideración de pagamentos anticipados, sen necesidade de outorgamento de garantías previas.
Artigo 21. Normas específicas en relación co prazo de execución das actividades
- O prazo de execución das actividades de cooperación ao desenvolvemento ou acción humanitaria financiadas ou subvencionadas pola Xunta de Galicia poderá ser ampliado automaticamente ata un máximo de tres meses, sen necesidade de autorización previa polo órgano xestor, e o beneficiario que precise a dita ampliación deberá comunicalo previamente ao órgano competente antes de que expire o prazo de execución inicial, sendo indistinto que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. As ampliacións do prazo de execución superiores a tres meses requirirán a autorización previa do órgano xestor.
- Excepcionalmente poderá solicitarse e outorgarse unha segunda ampliación de prazo de execución antes de expirar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade financiada ou subvencionada, que deberán acreditarse de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables ao beneficiario. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que o beneficiario supere as devanditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impida continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a que fose outorgada dita subvención.
Artigo 22. Normas específicas en relación co prazo de xustificación das axudas
- O prazo para a presentación da xustificación da axuda ou subvención concedida establecerase nas correspondentes bases reguladoras e computarase desde a data de finalización da actuación financiada ou subvencionada. Na hipótese de que a xustificación precise incorporar informes de auditoría e avaliación, estes informes poderán formalizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.
- No caso de subvencións ou axudas executadas no estranxeiro ou por beneficiarios estranxeiros, o prazo para a emenda de defectos das xustificacións parciais ou totais e para a entrega da documentación complementaria requirida polo órgano que efectuase a revisión será de corenta e cinco días hábiles. As bases reguladoras ou convocatorias poderán permitir a achega da documentación por medios non electrónicos, atendendo ás dificultades que para a súa remisión electrónica poidan existir no país onde se executen os proxectos subvencionados.
Artigo 23. Normas específicas en situacións excepcionais
- En caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade financiada ou subvencionada e que dificulten ou mesmo imposibiliten dispoñer da adecuada documentación xustificativa do investimento ou do gasto, o órgano xestor poderá aceptar outras formas alternativas de xustificación, como informes de taxadores independentes e debidamente acreditados e inscritos no correspondente rexistro oficial, declaracións de testemuñas, avaliación por resultados realizada por un verificador acreditado e independente, declaración responsable de provedores ou declaración responsable da entidade beneficiaria en que se detalle o destino dos fondos públicos percibidos e a realización da acción concreta, así como a súa afectación ao bo fin perseguido, ou outras probas de igual valor e credibilidade, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes.
- Cando se produza un incumprimento parcial dos obxectivos específicos do proxecto, programa ou actividade e, en particular, en caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade financiada ou subvencionada ou que dificulten ou imposibiliten a execución total do previsto, o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento da axuda ou subvención non afectará as cantidades efectivamente investidas ou aboadas se se cumpriron parcialmente os obxectivos.
Disposición adicional primeira. Actualización do formulario dos anexos I, II e III
- Para a presentación das solicitudes dos procedementos regulados neste decreto será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.
- Co obxectivo de mantelos adaptados á normativa vixente, os formularios incluídos como anexos I, II e III poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, sen implicar en ningún caso unha modificación do contido das solicitudes previstas neste decreto.
- A actualización dos formularios deberá ser aprobada mediante resolución da persoa titular da consellería con competencias en cooperación para o desenvolvemento, sen prexuízo da súa publicidade a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Disposición adicional segunda
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos regulados neste decreto, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15704 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a cooperacion.exterior@xunta.gal
Disposición transitoria única. Adecuación das inscricións
Os axentes de cooperación deberán adecuar a súa inscrición no rexistro nos doce meses seguintes á entrada en vigor deste decreto. Para este fin, a unidade administrativa responsable do rexistro revisará as inscricións anteriores á entrada en vigor deste decreto de sorte que, se faltare algún requisito dos previstos regulamentariamente, dará traslado ao axente de cooperación correspondente para que proceda á súa regularización.
No caso de que o axente de cooperación non proceda á regularización no prazo concedido para o efecto, procederase á cancelación da inscrición de oficio.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogado o Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Autorízase a consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil dezasete
Alberto Núñez Feijóo Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!