Espectáculos públicos GALICIA
DECRETO 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia.
[sc name=”Seguridad Pública” ]
A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos. A materia de espectáculos públicos abrangue as actividades recreativas, tal e como sinalou o Tribunal Constitucional no Auto 46/2001, do 27 de febreiro.
Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, regulou o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia, e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse as funcións e os servizos transferidos.
Con base na devandita atribución competencial promulgouse a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. A disposición derradeira quinta desta norma legal autoriza o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento regulamentario.
Este decreto ten por obxecto aprobar, no marco do desenvolvemento normativo da Lei 10/2017, do 27 de decembro, un novo catálogo que estableza unha regulación máis práctica e moderna, na procura de adaptar as diversas tipoloxías de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público á realidade da sociedade actual, tendo en conta a experiencia acumulada desde a entrada en vigor do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, que aconsella unha reformulación acorde co disposto na devandita lei.
Así mesmo, tamén constitúe o obxecto deste decreto disciplinar outros aspectos relativos á tipoloxía, funcionamento e réxime de intervención administrativa de tales espectáculos, actividades e establecementos.
En consecuencia, esta norma regulamentaria establece unhas disposicións de carácter xeral e, así mesmo, incorpora como anexo un catálogo onde se recollen as diversas tipoloxías de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público no territorio da Comunidade Autónoma, coa finalidade de que tanto os concellos como os/as organizadores/as de espectáculos públicos ou actividades recreativas ou os/as titulares de establecementos ou espazos abertos ao público poidan dispoñer dun marco normativo estable.
Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os que cabe destacar a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e goberno aberto, así como o trámite de audiencia aos sectores afectados.
De conformidade co artigo 10.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, en relación co artigo 4.1.a) do Decreto 82/2018, do 2 de agosto, polo que se regula a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, deuse trámite de audiencia á dita comisión, que emitiu, por unanimidade dos seus membros, o seu parecer favorable, na reunión do 13 de maio de 2019.
Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que, coa aprobación deste decreto, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Este decreto ten por obxecto a aprobación do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, que se insire como anexo, no cal se establece a súa clasificación, denominación e definición.
2. Constitúe, así mesmo, o obxecto deste decreto disciplinar outros aspectos relativos á tipoloxía, ao funcionamento e ao réxime de intervención administrativa de tales espectáculos, actividades e establecementos.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Este decreto será de aplicación a todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e aos establecementos e espazos abertos ao público en que se celebren.
Artigo 3. Condicións xerais
1. De acordo co artigo 12 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, o réxime de intervención administrativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas é o previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
2. Con independencia do réxime de intervención administrativa que resulte aplicable, deberán cumprirse as condicións técnicas e de seguridade a que fai referencia o artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, así como a normativa en materia laboral, de prevención de riscos laborais e de protección contra a contaminación acústica que resulte aplicable.
3. Sen prexuízo do disposto nos números anteriores, para a apertura e instalación de establecementos abertos ao público situados en vías públicas e outras zonas de dominio público, así como para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas en espazos abertos ao público situados nas devanditas vías ou zonas, deberá dispoñerse do título habilitante para a ocupación do dominio público expedido pola Administración competente.
Artigo 4. Tipoloxías de espectáculos públicos e de actividades recreativas
1. Para os efectos deste decreto, os espectáculos públicos e as actividades recreativas poderán ser:
a) Permanentes: aqueles que se celebren de forma habitual nos establecementos abertos ao público a que se refire o artigo 3.d).1º da Lei 10/2017, do 27 de decembro.
b) De tempada: aqueles que se celebren nos establecementos abertos ao público a que se refire o artigo 3.d) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, durante períodos de tempo superiores a 3 meses e inferiores a 1 ano, en cómputo global anual.
c) Ocasionais: aqueles que se celebren en establecementos abertos ao público ou espazos abertos ao público, a que se refire o artigo 3.d) e e) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, durante períodos de tempo iguais ou inferiores a 3 meses, en cómputo global anual.
d) De carácter extraordinario: aqueles que se desenvolven esporadicamente en establecementos abertos ao público legalmente habilitados para celebrar un espectáculo público ou actividade recreativa distinta da actividade propia do establecemento.
Para os efectos deste decreto, considéranse:
1º. Espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolven esporadicamente: os espectáculos públicos e as actividades recreativas que, nun número total non superior a seis ao ano, se celebren nun mesmo establecemento aberto ao público durante un período máximo total de seis días no ano natural, e non se considerarán un mesmo espectáculo público ou actividade recreativa as programacións ou ciclos de máis dun día de duración.
2º. Establecementos abertos ao público legalmente habilitados para celebrar un espectáculo público ou actividade recreativa distinta da actividade propia do establecemento: aqueles que reúnan as condicións técnicas, de seguridade e de illamento acústico necesarias para o desenvolvemento do espectáculo ou actividade que se pretende celebrar de forma extraordinaria. En todo caso, o cumprimento dos requisitos deberá constar acreditado no expediente mediante o correspondente informe técnico municipal ou o certificado dunha entidade de certificación de conformidade municipal (ECCOM) nos termos establecidos na Lei 9/2013, do 18 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, dependendo do título habilitante que corresponda.
2. En todo caso, no título habilitante correspondente deberá constar o tipo de espectáculo público ou actividade recreativa de que se trate en función da clasificación anterior.
Artigo 5. Asimilación das tipoloxías
Cando un espectáculo público, actividade recreativa ou establecemento aberto ao público non poida incardinarse nalgunha das tipoloxías enumeradas expresamente no catálogo que se insire como anexo, resolverase a súa asimilación dentro dunha das tipoloxías xa existentes.
Corresponderá a competencia á xefatura territorial da consellería competente en materia de espectáculos públicos da provincia a que corresponda o municipio onde se pretenda desenvolver o espectáculo público ou a actividade recreativa ou onde radique o establecemento aberto ao público. O órgano competente resolverá atendendo a criterios obxectivos tales como a natureza do espectáculo, actividade ou establecemento, aos servizos que se ofertan e aos requisitos que se exixen para o seu desenvolvemento.
Cando o réxime de intervención administrativa sexa a declaración responsable, será o asinante desta o que deba solicitar a asimilación a unha das tipoloxías existentes, antes de presentar no concello a declaración correspondente.
Cando o réxime de intervención administrativa sexa a licenza, será o propio concello o que debe solicitar a asimilación a unha das tipoloxías existentes antes de resolver acerca da concesión ou denegación da licenza.
Artigo 6. Tipoloxías de establecementos e espazos abertos ao público
1. De conformidade co artigo 3.d) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, os establecementos abertos ao público poden ser dos seguintes tipos:
a) Locais cerrados, permanentes non desmontables, cubertos total ou parcialmente.
b) Locais non permanentes desmontables, cubertos total ou parcialmente, ou instalacións fixas portátiles ou desmontables pechadas.
c) Recintos que unen varios locais ou instalacións, constituídos en complexos ou infraestruturas de lecer.
2. De acordo co artigo 3.e) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, enténdese por espazos abertos ao público os lugares de titularidade pública, incluída a vía pública, ou de propiedade privada, onde ocasionalmente se leven a cabo espectáculos públicos ou actividades recreativas e que non dispoñen de infraestruturas nin instalacións fixas para facelo.
3. De conformidade co artigo 3.f) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, enténdese por instalacións portátiles ou desmontables aquelas estruturas móbiles provisionais e eventuais ou aqueles recintos aptos para o desenvolvemento de espectáculos públicos ou actividades recreativas cuxo conxunto se encontre conformado por elementos desmontables ou portátiles constituídos por módulos ou compoñentes metálicos, de madeira ou de calquera outro material que permita operacións de montaxe ou desmontaxe sen necesidade de construír ou demoler algunha obra de fábrica.
Artigo 7. Capacidade dos establecementos e espazos abertos ao público
Para os efectos deste decreto, entenderase por:
a) Capacidade dos establecementos abertos ao público: o número máximo de persoas, calculado de conformidade co establecido no Código técnico da edificación ou norma básica que o substitúa, respecto da evacuación de ocupantes e a seguridade en caso de incendio ou outras situacións de risco.
b) Capacidade dos espazos abertos ao público: o número máximo de persoas que teñen cabida no devandito espazo aplicando a fórmula de 2 persoas por cada metro cadrado de espazo computable.
Artigo 8. Establecementos dedicados ao desenvolvemento de máis dun tipo de espectáculo público ou actividade recreativa
1. Nos establecementos abertos ao público poderase desenvolver máis dun tipo de espectáculo público ou actividade recreativa compatibles entre si. Tamén se poderán desenvolver outras actividades económicas que se atopen fóra do ámbito de aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, sempre que, consonte a súa normativa específica, poidan desenvolverse conxuntamente con aqueles.
2. O desenvolvemento de máis dun tipo de espectáculo público ou actividade recreativa compatibles entre si no mesmo establecemento aberto ao público deberá constar expresamente na licenza municipal ou na declaración responsable, de acordo coas definicións e denominacións que correspondan a cada espectáculo público, actividade recreativa e establecemento aberto ao público, recollidas no catálogo que figura como anexo.
No título habilitante correspondente debe figurar con claridade cal é a actividade principal e cal ou cales as actividades compatibles complementarias, respectando as tipoloxías recollidas no catálogo que figura como anexo.
3. Non se poderán desenvolver dentro dun mesmo establecemento aberto ao público aqueles espectáculos públicos ou actividades recreativas que resulten incompatibles, ben a teor do disposto na súa correspondente normativa sectorial ou ben porque difiran entre si en canto ao horario de apertura e peche establecido para cada un deles, na dotación de medidas e condicións técnicas e de seguridade, de protección ambiental e insonorización exixibles ou en función da idade mínima ou máxima do público ao cal se autorice o acceso a eles.
O anterior non será de aplicación a aqueles establecementos abertos ao público que conten con espazos cunha separación física de tal xeito que os accesos a cada espectáculo público ou actividade recreativa e a súa celebración sexan, para estes efectos, totalmente independentes uns doutros e cada espazo cumpra todas as condicións necesarias para o desenvolvemento do correspondente espectáculo público ou actividade recreativa, sempre e cando non se opoña ao disposto na normativa sectorial que resulte de aplicación.
Artigo 9. Espectáculos públicos e actividades recreativas de escasa entidade ou incidencia
1. Para que un espectáculo público ou unha actividade recreativa poida ser considerada de escasa entidade ou incidencia, para os efectos do disposto no artigo 41 bis.2 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, deberán cumprirse, como mínimo, todos e cada un dos seguintes requisitos:
a) Que teña lugar en establecementos ou espazos abertos ao público cunha capacidade inferior a 75 persoas.
b) Que se trate de actuacións realizadas ao vivo por artistas, intérpretes ou executantes, que non requira escenario desmontable, nin camerinos, nin medidas especiais de seguridade e insonorización diferentes ás que xa teña o establecemento ou o espazo e cuxo desenvolvemento non supoña, ao mesmo tempo, unha modificación da actividade para a que está habilitado, a cal seguirá desenvolvéndose xunto coa de escasa entidade ou incidencia.
c) Que o espectáculo ou actividade non afecte as condicións técnicas, de seguridade e de illamento acústico xerais do establecemento ou do espazo, nin sexa susceptible de producir unha alteración da seguridade e condicións de evacuación ou un aumento da capacidade que conste no título habilitante.
d) Que non requira a montaxe de instalacións nin equipamento técnico extraordinario e diferente do que xa dispoña o establecemento ou o espazo pola súa normativa de aplicación.
2. Os concellos, mediante ordenanza municipal, poderán establecer xustificadamente supostos concretos de espectáculos e actividades que, cumprindo os anteriores requisitos, queden exceptuados do réxime de declaración responsable, por non ser precisa a dita declaración para a protección da orde pública, seguridade pública, saúde pública e ambiente.
Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos procedementos
Este decreto será de aplicación aos procedementos de outorgamento das licenzas municipais que se atopen en tramitación no momento da súa entrada en vigor e sempre que a solicitude fose presentada con posterioridade á entrada en vigor da Lei 10/2017, do 27 de decembro.
Disposición transitoria segunda. Adaptación ao novo catálogo
1. No prazo de dous anos desde a data de entrada en vigor deste decreto os espectáculos públicos, as actividades recreativas e os establecementos abertos ao público habilitados na Comunidade Autónoma na dita data deberán ser adaptados ás tipoloxías recollidas no catálogo que figura como anexo, mantendo entre tanto aqueles a tipoloxía e consideración que teñan no momento da entrada en vigor deste decreto.
2. A adaptación prevista no número anterior será realizada polos concellos, tras a tramitación do correspondente procedemento en que deberá darse audiencia á persoa ou persoas interesadas, e estará limitada á emenda do correspondente espectáculo, actividade ou establecemento habilitado no tipo que corresponda, en función da clasificación, denominacións e definicións contidas no anexo. O título habilitante correspondente quedará referido á tipoloxía que resulte da resolución de adaptación. Para tal efecto, os concellos procederán consonte o disposto no artigo 5 deste decreto e solicitarán ao órgano competente a asimilación das tipoloxías antes de resolver sobre a correspondente adaptación.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, nomeadamente, o Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Adaptación das ordenanzas municipais
Os concellos dispoñerán do prazo de dous anos, contados desde a entrada en vigor deste decreto, para, de ser o caso, adaptaren as ordenanzas municipais ao réxime previsto nel.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas
e establecementos abertos ao público
I. Espectáculos públicos
I.1. Espectáculos cinematográficos
I.2. Espectáculos teatrais e musicais
I.3. Espectáculos taurinos
I.4. Espectáculos circenses
I.5. Espectáculos deportivos
I.6. Espectáculos feirais e de exhibición
I.7. Espectáculos pirotécnicos
II. Actividades recreativas
II.1. Actividades culturais e sociais
II.2. Actividades deportivas
II.3. Actividades de ocio e entretemento
II.4. Atraccións recreativas
II.5. Festas e verbenas populares
II.6. Xogos de sorte, envite ou azar
II.7. Actividades de restauración
II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas
III. Establecementos abertos ao público
III.1. Establecementos de espectáculos públicos
III.1.1. Cines
III.1.2. Teatros
III.1.3. Auditorios
III.1.4. Circos
III.1.5. Prazas de touros
III.1.6. Establecementos de espectáculos deportivos
III.1.7. Recintos feirais
III.2. Establecementos de actividades recreativas
III.2.1. Establecementos de xogo
III.2.2. Establecementos para actividades deportivas
III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos
III.2.4. Establecementos para actividades culturais e sociais
III.2.5. Establecementos de restauración
III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas
III.2.7. Establecementos de ocio e entretemento
III.2.8. Centros de ocio infantil
I. Espectáculos públicos.
I.1. Espectáculos cinematográficos.
A exhibición ou proxección pública de películas cinematográficas e outros contidos susceptibles de seren proxectados en pantalla, con independencia dos medios técnicos utilizados, e sen prexuízo de que se exhiban ou proxecten en establecementos cerrados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e habilitados para iso.
I.2. Espectáculos teatrais e musicais.
Teatrais: a representación pública de obras teatrais, artísticas ou escénicas, mediante a utilización, illada ou conxuntamente, da linguaxe, da mímica, da música, do cómic, de monicreques ou outros obxectos a cargo de artistas, intérpretes ou executantes, sexan ou non profesionais, en establecementos cerrados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e habilitados para iso.
Musicais: a execución ou representación pública de obras ou composicións musicais, operísticas ou de danza, mediante a utilización, illada ou conxuntamente, de instrumentos musicais, música gravada e enviada por medios mecánicos ou da voz humana a cargo de artistas, intérpretes ou executantes, profesionais ou persoas afeccionadas, en establecementos cerrados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e habilitados para iso.
I.3. Espectáculos taurinos.
Aqueles en que interveñen reses de gando bovino bravo para seren lidadas en prazas de touros con público, por profesionais ou persoas afeccionadas, de acordo coa normativa específica. A clasificación e características dos recintos serán as establecidas na normativa específica aplicable.
I.4. Espectáculos circenses.
A execución ou representación en público de exercicios físicos, de acrobacia ou habilidade, actuacións de pallasos, malabaristas, prestidixitadores, animais amestrados ou non, e outras semellantes, realizadas por artistas, intérpretes ou executantes, profesionais ou persoas afeccionadas, en establecementos cerrados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e habilitados para iso, sen prexuízo do disposto no artigo 9.I) da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía.
I.5. Espectáculos deportivos.
A exhibición en público do exercicio de calquera modalidade ou especialidade deportiva, competitiva ou non, por deportistas profesionais ou afeccionados/as, en recintos, instalacións, vías ou espazos abertos ao público, debidamente acondicionados e habilitados para iso.
I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.
A presentación en público de produtos naturais ou artificiais derivados das plantas, animais ou natureza, ou a realización en público de bailes, exhibicións, cabalgatas ou desfiles de carácter popular, tradicional ou de calquera índole en establecementos cerrados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e habilitados para iso.
I.7. Espectáculos pirotécnicos.
Aqueles en que se produce a execución ou representación en público de obras ou composicións de efectos visuais, sonoros, e fumíxenos cunha finalidade lúdica, mediante o uso de artificios de pirotecnia, conxunta ou illadamente con composicións audiovisuais, de instrumentos musicais ou voz humana, a cargo de intérpretes musicais, cantantes ou artistas, profesionais ou persoas afeccionadas, en espazos abertos ao público debidamente acondicionados e habilitados para iso.
II. Actividades recreativas.
II.1. Actividades culturais e sociais.
Aquelas que ofrecen ao público a posibilidade de incrementar e intercambiar os seus coñecementos e relacións humanas a través do acceso á información, con independencia do formato en que se atope esta, así como mediante o acceso a obras, manifestacións e actos artísticos ou culturais que se desenvolvan en establecementos cerrados debidamente acondicionados e habilitados para iso ou ao aire libre.
II.2. Actividades deportivas.
Aquelas mediante as cales se ofrece ao público a práctica de calquera deporte, ben en establecementos abertos ao público legalmente habilitados e autorizados para iso ou en espazos abertos ao público, nas condicións establecidas na normativa específica. Inclúense nesta definición as actividades que consistan en ofrecer ao público en establecementos ou en espazos abertos ao público a utilización de instalacións fixas, eventuais ou outros elementos ou servizos de carácter deportivo, de habilidade ou de resistencia física, logo de pagamento do prezo polo seu uso ou por acceder ao establecemento aberto ao público en que se atopen instalados, tales como tirolina, ponte tibetana, piragüismo, paintball e calquera outro de semellantes características.
Non terán esta consideración os equipamentos urbanos ou rurais de uso libre e colectivo pola cidadanía, concibidos como espazos ao aire libre con instalacións destinadas ao exercicio da cultura física en vías públicas e outras zonas de dominio público non vinculadas a unha actividade económica de espectáculos públicos ou actividade recreativa determinada.
II.3. Actividades de ocio e entretemento.
Aquelas que consisten en ofrecer ao público asistente tempo de recreo, entretemento ou lecer en establecementos abertos ao público habilitados legalmente para iso, baseadas, conxunta ou illadamente, na actividade de baile en pistas ou en espazos do establecemento aberto ao público especificamente acoutados e previstos para iso, na utilización de equipamentos de amplificación ou reprodución sonora ou audiovisuais, no desenvolvemento de actuacións en directo, así como na consumición de bebidas.
II.4. Atraccións recreativas.
Aquelas que consisten en ofrecer ao público en establecementos abertos ao público legalmente habilitados para iso ou en espazos abertos ao público un tempo de recreo, entretemento ou lecer, mediante a utilización de atraccións, mecánicas ou non, consistentes en instalacións fixas ou eventuais, tales como inchables, parques de bólas, tobogáns, bambáns, carruseis, noras, montañas rusas, trens turísticos, barracas e calquera outro de semellantes características a cambio do pagamento dun prezo polo seu uso ou por acceder ao establecemento aberto ao público en que se atopen instalados.
II.5. Festas e verbenas populares.
Aquelas que se celebran xeralmente ao aire libre ou na vía pública con motivo de festas locais, patronais ou populares, con actuacións musicais, bailes, barracas, fogos de artificio, hostalaría e restauración.
II.6. Xogos de sorte, envite ou azar.
A definición de xogos de sorte, envite ou azar é a que se recolle na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, ou normativa posterior que a substitúa.
II.7. Actividades de restauración.
Aquelas que teñen por obxecto, en establecementos abertos ao público legalmente habilitados para iso, a prestación do servizo de comida e bebida para o seu consumo polo público a cambio dun prezo, consonte o disposto na súa normativa específica.
II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.
Aquelas que consisten en ofrecer ao público a exhibición de especies animais, vexetais ou minerais, en establecementos abertos ao público debidamente habilitados para iso, consonte a súa normativa específica.
III. Establecementos abertos ao público.
III.1. Establecementos de espectáculos públicos.
III.1.1. Cines.
Establecementos abertos ao público preparados especialmente para a proxección de películas cinematográficas ao aire libre ou nunha ou varias salas de exhibición, con independencia dos procedementos técnicos que se empreguen.
III.1.2. Teatros.
Establecementos abertos ao público destinados á celebración de espectáculos teatrais e musicais ao aire libre ou nunha ou varias salas, que conten con escenario, camerinos e localidades de asento, así como con servizos e instalacións axeitados para o seu uso.
III.1.3. Auditorios.
Establecementos abertos ao público destinados á celebración de espectáculos teatrais e musicais e actividades culturais ao aire libre ou nunha ou varias salas, que conten con escenario, camerinos, localidades de asento e locais auxiliares, así como con servizos e instalacións axeitados para o seu uso.
III.1.4. Circos.
Establecementos abertos ao público destinados exclusivamente á celebración de espectáculos circenses, que conten con, polo menos, unha pista para a celebración destes e bancadas para as persoas que asisten ao espectáculo.
III.1.5. Prazas de touros.
Establecementos abertos ao público regulados e definidos na normativa específica taurina que se destinen á celebración de espectáculos taurinos e festexos taurinos populares, nos termos establecidos na dita normativa específica.
III.1.6. Establecementos de espectáculos deportivos.
Establecementos abertos ao público cerrados ou ao aire libre, destinados á exhibición en público de espectáculos deportivos en calquera das súas modalidades, cos requisitos e condicións que estableza a normativa sectorial específica.
III.1.7. Recintos feirais.
Establecementos abertos ao público cerrados ou ao aire libre, destinados a acoller actividades de presentación en público de produtos naturais ou artificiais derivados das plantas, animais ou natureza, ou á realización de bailes, exhibicións, cabalgatas ou desfiles de carácter popular, tradicional ou de calquera índole.
III.2. Establecementos de actividades recreativas.
III.2.1. Establecementos de xogo.
Establecementos abertos ao público definidos e regulados na vixente normativa de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.
III.2.1.1. Casinos.
III.2.1.2. Salas de bingo.
III.2.1.3. Salóns de xogo.
III.2.1.4. Tendas de apostas.
III.2.2. Establecementos para actividades deportivas.
Establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer ao público a práctica ou exhibición de calquera deporte ou exercicio físico nas condicións establecidas na normativa específica. Poderán ser dos seguintes tipos:
III.2.2.1. Estadios deportivos: establecementos abertos ao público fixos, con bancadas para o público, non cubertos ou cubertos parcialmente que, debidamente habilitados, se destinan á exhibición en público dun ou máis deportes.
III.2.2.2. Pavillóns deportivos: establecementos abertos ao público fixos e cubertos que, debidamente habilitados, se destinan a actividades físicas que impliquen a práctica dalgún deporte.
III.2.2.3. Recintos deportivos: establecementos abertos ao público e descubertos, acondicionados para realizar prácticas deportivas, sen que a asistencia de público sexa a súa finalidade principal.
III.2.2.4. Pistas de patinaxe: establecementos abertos ao público fixos ou eventuais, cunha pista central destinada á práctica de patinaxe sobre xeo ou patíns.
III.2.2.5. Ximnasios: establecementos abertos ao público fixos provistos de aparellos axeitados para practicar ximnasia, que contan con salas independentes para a realización de exercicio físico.
III.2.2.6. Piscinas de competición: establecementos abertos ao público fixos, con bancadas para o público, que contan cunha ou máis pías de auga para a práctica deportiva.
III.2.2.7. Piscinas recreativas de uso colectivo: establecementos abertos ao público fixos que conten con pías de auga que poden ser utilizadas polo público en xeral.
III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.
Establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer a práctica de xogos recreativos, a utilización de atraccións recreativas ou a práctica de actividades recreativas acuáticas e, de ser o caso, a ofrecer de xeito complementario actividades de hostalaría ás persoas usuarias. Poden ser dos seguintes tipos:
III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos: establecementos abertos ao público fixos e independentes ao aire libre que, debidamente habilitados, se destinan ao desenvolvemento de atraccións recreativas de índole diversa e, de ser o caso, conxuntamente con estas e en áreas diferenciadas dentro do mesmo recinto, á celebración de espectáculos cinematográficos, teatrais, musicais ou circenses.
III.2.3.2. Parques acuáticos: establecementos abertos ao público fixos debidamente habilitados e destinados a ofrecer actividades recreativas acuáticas.
III.2.3.3. Salóns recreativos: establecementos abertos ao público fixos debidamente habilitados e destinados a ofrecer xogos con máquinas recreativas tipo A.
III.2.3.4. Parques multiocio: establecementos abertos ao público fixos debidamente habilitados e destinados ao desenvolvemento de xogos recreativos cuxo funcionamento non sexa eléctrico nin mecánico, tales como camas elásticas, salto libre, escalada e calquera outro de semellantes características.
III.2.4. Establecementos para actividades culturais e sociais.
Establecementos abertos ao público que se destinen a acoller actividades culturais e sociais. Poden ser dos seguintes tipos:
III.2.4.1. Museos: institucións de carácter permanente abertas ao público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e ao desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición, de forma científica, estética e didáctica, de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu ámbito natural, con fins de estudo, educación, lecer e promoción científica e cultural, consonte o disposto no artigo 111 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
III.2.4.2. Bibliotecas: calquera organización, individual ou colectiva, resultante da estruturación dunha ou varias unidades que, a través dos procesos, dos medios técnicos e persoais e dos servizos adecuados, ten como misión a reunión, conservación, organización e difusión de documentos publicados ou creados para a súa difusión en calquera soporte e formato, coa finalidade de facilitar á cidadanía o acceso á cultura, á información, á investigación, á educación e ao ocio contidos neses documentos, consonte o disposto no artigo 3 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.
III.2.4.3. Salas de conferencias: establecementos abertos ao público destinados á celebración de actividades culturais ou sociais tales como impartir cursos, dar conferencias, coloquios, debates, recitais, lecturas públicas, reunións ou outras semellantes.
III.2.4.4. Salas polivalentes: establecementos abertos ao público fixos onde se poden realizar actividades de características distintas pero cun fundamento común, como son as reunións sociais, culturais e deportivas.
III.2.4.5. Salas de concertos: establecementos abertos ao público que dispoñen de camerinos e escenarios e que ofrecen bebidas e actuacións de variedades ou musicais en directo para o lecer do público asistente.
III.2.5. Establecementos de restauración.
Establecementos abertos ao público que se destinen á actividade de restauración e coas seguintes tipoloxías:
III.2.5.1. Restaurantes: establecementos abertos ao público destinados ao consumo de comidas e bebidas realizado en horario determinado e en zonas de comedor independentes, para o que se deberá contar cunha instalación de cociña axeitada ao servizo e á categoría, consonte o disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
III.2.5.1.1. Salóns de banquetes: restaurantes destinados a servir comidas e bebidas a un público agrupado, mediante prezo concertado, para seren consumidas en data e horas predeterminadas en servizo de mesas no mesmo establecemento. Poden realizar actividades de baile posterior á comida sempre que reúnan as condicións de seguridade e insonorización.
III.2.5.2. Cafetarías: establecementos abertos ao público que ofrezan, nunha mesma unidade espacial, servizo de barra e mesas co fin de dispensar todo tipo de bebidas, que poden acompañar cunha oferta de restauración sinxela e de ordinario á prancha para o que, de ser o caso, deberán contar con servizo de cociña axeitado, consonte o disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
III.2.5.3. Bares: establecementos abertos ao público que, en servizo de barra, ofrecen todo tipo de bebidas, que poderán servirse acompañadas de tapas ou racións en horarios determinados. Tamén se considerarán bares aqueles establecementos abertos ao público que, ademais da barra, contan, na mesma unidade espacial, con servizo de mesas nas cales se poderá facilitar ao cliente o mesmo servizo que na barra, así como un servizo de restauración consistente, como máximo, nun menú único ofrecido por un prezo global. Para a oferta de tapas, racións e do menú, o establecemento deberá contar con cociña acorde cos servizos que preste, consonte o disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.
Establecementos abertos ao público en que se desenvolvan actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.
III.2.7. Establecementos de ocio e entretemento.
Establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer ás persoas asistentes actividades de ocio e entretemento. Poden ser das seguintes clases:
III.2.7.1. Salas de festas: establecementos abertos ao público que dispoñen de camerinos, escenario, pistas de baile e roupeiro, e que ofrecen servizo de bar e actuacións de variedades ou musicais en directo para o ocio e entretemento do público asistente. Para os efectos deste decreto e en todos os casos en que se mencione neste anexo, considérase pista de baile o espazo especialmente delimitado e destinado a tal fin, desprovisto de obstáculos ou de mobiliario.
III.2.7.2. Discotecas: establecementos abertos ao público que se dediquen a servir bebidas e destinados a ofrecer ás persoas asistentes a actividade de baile, que contan con roupeiro e cunha ou máis pistas de baile para o público.
III.2.7.3. Pubs: establecementos abertos ao público destinados ao servizo de bebidas, que dispoñen de ambientación musical por medios técnicos dentro dos límites establecidos pola normativa vixente, pero sen pista de baile. Poderán dispoñer de servizo de karaoke.
III.2.7.4. Cafés-espectáculo: establecementos abertos ao público en que se desenvolven actuacións musicais, teatrais ou culturais en directo, sen pistas de baile para o público, que poden ou non dispoñer de escenarios ou camerinos e nos cales se ofrece servizo de bebidas e restauración.
III.2.7.5. Furanchos: establecementos abertos ao público coas características e actividades establecidas no Decreto 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia.
III.2.8. Centros de ocio infantil.
Establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como a celebración de festas infantís. As actividades ofertadas non poderán consistir na formación ou a mera custodia ou coidado dos/das rapaces/zas. Os xogos e as actividades deberán estar dirixidos por responsables adultos con titulación en materia de actividades de tempo libre e será preciso 1 por cada 10 persoas menores usuarias dos xogos e actividades. Poderán dispoñer dun servizo de restauración con ofertas axeitadas para as persoas menores e para aquelas persoas que as acompañen, que deberá constar, especificamente, no título habilitante municipal que lles corresponda.
Nestes establecementos abertos ao público non se poderá acoller de modo habitual público de idades correspondentes á educación infantil durante o calendario e horario escolares; tampouco se poderán admitir persoas menores de 3 anos sen que estea presente durante toda a estadía neles a persoa legalmente responsable da persoa menor de idade ou calquera outra persoa maior de idade expresamente autorizada por aquela que non forme parte do propio persoal do establecemento aberto ao público.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!