Inspección ambiental de GALICIA

DECRETO 7/2020, do 9 de xaneiro, de inspección ambiental de Galicia.

[sc name=”ambiental” ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es

A Comunidade Autónoma de Galicia exerce competencias en materia de inspección ambiental no marco do disposto nos artigos 149.1.23ª e 148.1.9ª da Constitución e no artigo 27.30 do seu Estatuto de autonomía, dando cumprimento á súa competencia exclusiva para ditar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe e na xestión en materia de protección do ambiente, respectando en todo caso a lexislación básica do Estado na materia.
No exercicio desta competencia ditouse a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, que recolle nos seus artigos 29 a 32 as liñas básicas da regulación da inspección ambiental na Comunidade Autónoma de Galicia, remitindo o último destes artigos a un posterior desenvolvemento regulamentario o establecemento do procedemento da inspección.
Este desenvolvemento tivo lugar mediante o Decreto 156/1995, do 3 de xuño, polo que se regula a inspección ambiental, e a Orde do 30 de maio de 1996 pola que se regula o exercicio da inspección ambiental única e a tramitación das denuncias ambientais. As previsións destas normas regulamentarias permitiron salvagardar os importantes valores ambientais presentes na nosa comunidade autónoma e garantir un axeitado estado de conservación do ambiente presente en Galicia.
No entanto, estas normas regulamentarias conteñen unha regulación que, máis de vinte anos despois da súa publicación, quedou obsoleta e desactualizada tanto en relación coa normativa comunitaria e estatal básica como respecto á propia organización e funcionamento actual da inspección ambiental en Galicia, razóns que aconsellan a súa revisión.
A nivel comunitario, cómpre salientar a publicación en materia de inspección ambiental, tanto da Recomendación 2001/331/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 4 de abril de 2001, sobre criterios mínimos das inspeccións ambientais nos Estados membros como da Directiva 2010/75/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre as emisións industriais, e do Regulamento (CE) nº 1013/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de xuño de 2006, relativo aos traslados de residuos, posteriormente modificado polo Regulamento (UE) nº 660/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014. Pola súa parte e a nivel estatal resulta de especial importancia, polo seu carácter básico, a regulación que en materia de inspección ambiental se recolle tanto no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, como no Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.
A nova regulación que contén este decreto respecta estas previsións e incide na necesidade de que a inspección ambiental de Galicia leve a cabo un fundamental labor de control e vixilancia daquelas actividades e instalacións susceptibles de afectar negativamente o ambiente pero tamén de concienciación e información co obxectivo principal de prever e evitar calquera dano ambiental, contribuíndo con isto a mellorar o comportamento ambiental das instalacións e actividades situadas ou que se desenvolvan en Galicia, fomentando tamén a información pública e a participación da sociedade na consecución dos seus obxectivos.
De acordo co establecido no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, esta norma axústase aos principios de necesidade e eficacia, dado que o dereito a gozar dun ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa e o deber de utilización racional dos recursos naturais se configuran como razóns de interese xeral e como fins que motivan esta norma regulamentaria; aos principios de proporcionalidade e seguridade xurídica, ao establecer contidos necesarios para o exercicio da inspección ambiental en Galicia sen resultar excesiva ou deficitaria na súa regulación e ao establecer un marco xurídico claro e facilmente comprensible para as distintas persoas destinatarias desta disposición, ao tempo que acorde coa normativa comunitaria e estatal de carácter básico na materia; ao principio de transparencia, ao garantir no seu articulado os dereitos do público en xeral a acceder aos plans e programas de inspección ambiental, á memoria anual, aos informes de inspección ambiental dos cales impoña esta exixencia a normativa ambiental vixente, así como aos modelos de actas de inspección ambiental e de denuncia ambiental; e ao principio de eficiencia, dado que a regulación do exercicio da función inspectora é imprescindible e necesario para poder facer efectivo o disposto no artigo 45 da Constitución española.
O presente decreto consta de 31 artigos divididos en tres títulos, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
No título preliminar, baixo a rúbrica «Disposicións xerais» (artigos 1 a 6) indícase o obxecto do Regulamento, que non é outro que o desenvolvemento do réxime xurídico da inspección ambiental en Galicia, xunto co seu ámbito de aplicación e fins; concrétanse as funcións e principios reitores da inspección ambiental así como aquelas definicións que permiten dar maior claridade ao seu contido; delimítanse os distintos órganos competentes para a realización das inspeccións ambientais e sublíñase a necesidade de coordinar as actuacións dos distintos órganos con competencias en materia de inspección ambiental.
O título I, rubricado «Planificación das inspeccións ambientais» (artigos 7 a 13), recolle a obriga de contar cun sistema de inspección ambiental dotado dos recursos necesarios para a prestación do servizo en condicións de seguridade e eficacia, regula a necesidade de elaborar plans e programas de inspección ambiental, así como o seu contido e vixencia, e de redactar unha memoria anual en que se avalíen as actuacións inspectoras realizadas, impoñendo a obriga de dar publicidade tanto a estes documentos como aos modelos de actas de inspección e de denuncia ambiental previstos nesta norma.
Pola súa parte, o título II, coa rúbrica «O exercicio da función inspectora» (artigos 14 a 31) establece a organización das inspeccións ambientais, distinguindo entre diversas categorías en función de varios criterios que permiten unha mellor clasificación destas, salientando, ademais das exixidas pola normativa estatal e comunitaria, a previsión das actuacións informativas con que se pretende contribuír á mellora do comportamento ambiental das actividades económicas e á implantación tanto das mellores técnicas dispoñibles como dos sistemas de xestión ambiental; tamén se regulan os requisitos para obter a condición de persoal inspector e atribúelles a consideración de axentes da autoridade, especificando as súas facultades e os deberes tanto deste persoal inspector como dos titulares de actividades e instalacións inspeccionadas; tamén se establecen as condicións para o axeitado exercicio da inspección ambiental, así como a documentación dimanante das inspeccións ambientais, que poden ser tanto as actas como os informes de inspección, recollendo, así mesmo, unha regulación referida ás denuncias ambientais e remitindo a unha posterior resolución a determinación tanto do modelo de acta de inspección como do modelo de denuncia ambiental.
Por último, recóllese unha disposición derrogatoria que procede a derrogar tanto o Decreto 156/1995, do 3 de xuño, como a Orde do 30 de maio de 1996, ditada en desenvolvemento deste.
Así mesmo, recóllense dúas disposicións derradeiras, a primeira cunha habilitación para o desenvolvemento deste regulamento e a segunda relativa á súa data de entrada en vigor.
No expediente constan os informes e documentación preceptivos determinados nos artigos do 41 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Na tramitación observáronse os trámites de audiencia e información pública establecidos neses mesmos artigos.
En atención ao exposto, cómpre desenvolver o réxime xurídico da inspección ambiental en Galicia.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de dous mil vinte,
DISPOÑO:
TÍTULO PRELIMINAR
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto, ámbito de aplicación e fins
1. O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento do réxime xurídico da inspección ambiental en Galicia.
2. A inspección ambiental exercerá as súas funcións respecto ás instalacións e ás actividades de calquera tipo que sexan susceptibles de afectar negativamente o ambiente e que se atopen ou desenvolvan no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O exercicio da inspección ambiental ten como fin garantir o dereito a gozar dun ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa e o deber de utilización racional dos recursos naturais, así como garantir o cumprimento da normativa ambiental das instalacións e actividades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.
Artigo 2. Funcións da inspección ambiental
As funcións da inspección ambiental consisten no control e vixilancia daquelas actividades e instalacións susceptibles de afectar negativamente o medio ambiente para os efectos de comprobar a súa adecuación á normativa ambiental, verificar o cumprimento e a eficacia das condicións establecidas nos instrumentos preventivos ambientais, contribuír a mellorar o comportamento ambiental das instalacións e actividades e, se for o caso, constatar feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa ou de delito ambiental.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos deste decreto, entenderase por:
a) Acta de inspección ambiental: documento elaborado polo persoal que ten encomendado o exercicio das funcións de inspección ambiental e no cal se recolle o resultado desta.
b) Campaña de inspección ambiental: nivel de agregación en que se agrupan as distintas actuacións incluídas dentro dun mesmo subprograma de inspección ambiental. Distínguese polo carácter flexible da súa duración e a especificidade en canto aos aspectos ambientais que se consideraran ou ao tipo de actividade ou instalación que se inspecciona.
c) Inspección ambiental: toda acción levada a cabo pola autoridade competente ou no nome desta co obxecto de comprobar, fomentar e asegurar a adecuación das instalacións e actividades susceptibles de afectar negativamente o ambiente ás condicións contidas nos instrumentos preventivos ambientais ou nas normas ambientais, e controlar, se for o caso, a súa repercusión ambiental. Inclúense nesta definición, entre outras accións, as visitas in situ, a medición de emisións, a comprobación de informes internos e documentos de seguimento, a verificación de autocontrois, a comprobación das técnicas empregadas e a adecuación da xestión ambiental das instalacións e actividades. O fin da inspección é garantir o cumprimento da normativa ambiental das instalacións e actividades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.
d) Inspector/a ambiental: persoal funcionario autonómico acreditado pola dirección xeral competente en materia de calidade ambiental para realizar inspeccións ambientais.
e) Instrumento preventivo ambiental: a autorización ambiental integrada prevista no texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, así como calquera outra autorización, declaración, informe, declaración responsable ou comunicación previa exixida pola normativa ambiental a unha instalación ou actividade susceptible de afectar negativamente o ambiente coa finalidade de evitar, minimizar ou controlar calquera efecto significativo que para o ambiente se poida derivar do seu funcionamento.
f) Plan de inspección ambiental: conxunto de obxectivos e actuacións definidas pola dirección xeral competente en materia de calidade ambiental, con carácter plurianual, co fin de garantir o cumprimento das condicións ambientais establecidas pola normativa ambiental aplicable.
g) Programa de inspección ambiental: documento executivo de vixencia anual que recolle toda a información precisa para realizar as inspeccións ambientais que nel se inclúen e priorizan, así como a previsión dos recursos necesarios para a súa execución.
h) Sistema de inspección ambiental: conxunto suficiente e axeitado de medios persoais e materiais dependentes da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental para realizar con eficacia os labores de control e inspección ambiental, así como do exercicio da potestade sancionadora para garantir un axeitado nivel de comprobación do cumprimento ambiental.
i) Subprograma de inspección ambiental: nivel de agregación en que se agrupan as actuacións contidas no programa de inspección ambiental. Distínguese pola súa permanencia ao longo do tempo, polo carácter xeral do seu contido e porque pode incluír unha ou varias campañas de inspección.
Artigo 4. Principios reitores
1. No desenvolvemento da inspección ambiental, as administracións públicas axustarán as súas actuacións aos principios de información mutua, cooperación e colaboración. En particular, deberán prestarse a debida asistencia para asegurar a eficacia e coherencia das súas actuacións.
2. A consellería competente en materia de ambiente promoverá a utilización das tecnoloxías dispoñibles máis avanzadas no exercicio da inspección ambiental. No que atinxe ao emprego de medios electrónicos observarase o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común e de réxime xurídico do sector público.
3. Cando resulte necesario para o adecuado cumprimento das súas funcións de inspección ambiental, a dirección xeral competente en materia de calidade ambiental poderá recadar copias das dilixencias ou actas correspondentes ás inspeccións que realicen os órganos ou entidades sectoriais e dos seus resultados analíticos asociados.
4. A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental estará facultada, para os efectos de comprobar a efectividade da aplicación da normativa ambiental estatal e autonómica vixente, para solicitar ás administracións locais información concreta sobre a actividade inspectora municipal en materia de ambiente.
5. De conformidade co establecido no artigo 30.3 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, as demais policías ou gardarías municipais ou estatais están obrigadas a prestar auxilio administrativo nas funcións de inspección ambiental.
6. Coa finalidade de acadar un mellor desenvolvemento das funcións inspectoras e potenciar a colaboración e o intercambio de información entre as distintas autoridades competentes en materia de inspección ambiental, a Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderá participar en redes ou outras fórmulas colaborativas.
Artigo 5. Órganos competentes
1. De conformidade co disposto no artigo 29.1 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, sen prexuízo das específicas funcións inspectoras que correspondan aos órganos sectoriais competentes nos termos que regulamentariamente se determinen, no ámbito da Administración autonómica corresponderá o exercicio da función de control e vixilancia a unha inspección ambiental única, coordinada pola dirección xeral competente en materia de calidade ambiental. Para o dito exercicio poderá servirse do persoal adecuado dos órganos que teñan a competencia substantiva.
2. No caso dos plans, programas e proxectos suxeitos á normativa de avaliación ambiental, o seguimento sobre o cumprimento das condicións establecidas nas declaracións ou informes ambientais respectivos realizarase de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
3. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, a Administración local desenvolverá a súa propia inspección para o correcto exercicio da súa competencia no marco da devandita lei e demais normativa reguladora do réxime local. Non obstante, cando a Administración local se considere imposibilitada para o exercicio da competencia de inspección, poderá solicitar á Administración autonómica o auxilio en tal función.
Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 37.1 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e sen prexuízo das competencias atribuídas á Administración autonómica, corresponde ao concello a vixilancia e seguimento do cumprimento das condicións establecidas na declaración de incidencia ambiental.
Artigo 6. Coordinación das funcións inspectoras
1. A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental planeará, dirixirá e avaliará as funcións e actividades que competen á inspección ambiental, coordinando a actuación do persoal inspector ambiental adscrito tanto aos servizos centrais como aos servizos territoriais da consellería competente en materia de ambiente.
A devandita dirección xeral competente en materia de calidade ambiental tamén coordinará a súa actuación coa daqueles outros órganos da Administración autonómica con competencias en materia de inspección ambiental ou entidades públicas deles dependentes de xeito que as comprobacións ambientais dunha mesma instalación ou actividade se fagan de forma conxunta e integrada. En todo caso, axustaranse as súas actuacións aos principios de información mutua, de colaboración e de cooperación, establecendo os mecanismos de colaboración que se consideren pertinentes para o adecuado exercicio das funcións previstas neste decreto.
2. A previsión do número anterior non afectará as inspeccións habituais ou continuadas que os diferentes órganos da Administración autonómica con competencias en materia de inspección ambiental ou entidades públicas deles dependentes realizan en cumprimento do seu labor cotián.
TÍTULO I
PLANIFICACIÓN DAS INSPECCIÓNS AMBIENTAIS
Artigo 7. Sistemas de inspección ambiental
1. A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental contará cun sistema de inspección ambiental que permita controlar e vixiar as instalacións e actividades susceptibles de afectar negativamente o ambiente que se atopen ou desenvolvan no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O sistema de inspección ambiental incluirá a análise de toda a gama de efectos ambientais relevantes das instalacións e actividades de que se trate e garantirá un axeitado nivel de comprobación do cumprimento ambiental.
3. A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental asegurará a axeitada e suficiente dotación de medios persoais e materiais para o sistema de inspección ambiental, velando pola aptitude profesional do persoal que o integre e proporcionando os recursos necesarios para a prestación do servizo en condicións de seguridade e eficacia.
Artigo 8. Plans de inspección ambiental
1. A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental elaborará plans de inspección ambiental que inclúan todas aquelas actividades e instalacións susceptibles de afectar negativamente o ambiente e que se desenvolvan ou atopen na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de articular, programar e racionalizar as inspeccións ambientais que efectúe en Galicia a Administración autonómica.
2. Estes plans de inspección ambiental serán aprobados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental, terán carácter plurianual e vincularán o persoal inspector ambiental.
3. Nos plans de inspección ambiental adoptaranse as medidas pertinentes para incluír a análise de todos os efectos ambientais relevantes das instalacións e actividades cubertas por eles e teranse en conta os criterios fixados ao respecto na lexislación básica estatal e, especialmente, a implantación polas persoas titulares das instalacións e actividades dun sistema de xestión ambiental.
4. Os plans de inspección ambiental serán obxecto de revisión periódica, como mínimo, cada tres anos e, cando proceda, de actualización.
Artigo 9. Contido dos plans de inspección ambiental
Os plans de inspección ambiental incluirán o seguinte contido mínimo:
a) Unha avaliación xeral dos problemas ambientais máis importantes.
b) A zona xeográfica cuberta polo plan de inspección.
c) Un rexistro das instalacións e actividades cubertas polo plan distinguindo, polo menos, entre as instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación, as instalacións non sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación e os traslados transfronteirizos de residuos.
d) Unha avaliación dos riscos ambientais asociados ás instalacións e actividades cubertas polo plan.
e) O procedemento para elaborar os programas das inspeccións ambientais.
f) Os procedementos das inspeccións ambientais prefixadas ou programadas e non prefixadas ou non programadas.
g) Se for o caso, disposicións sobre a cooperación entre os diferentes órganos responsables da inspección.
h A información exixida pola normativa vixente en materia de traslados transfronteirizos de residuos.
Artigo 10. Programas de inspección ambiental
1. Baseándose no plan de inspección ambiental, a dirección xeral competente en materia de calidade ambiental elaborará anualmente un programa de inspección ambiental que inclúa a frecuencia das visitas de inspección aos distintos tipos de instalacións e actividades cubertas polo devandito plan.
2. A determinación da frecuencia das visitas de inspección realizarase en función da avaliación de riscos ambientais incorporada ao plan de inspección ambiental.
No caso de instalacións industriais incluídas no ámbito de aplicación do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, a frecuencia das visitas de inspección ás instalacións deberá axustarse ao disposto no artigo 23 do citado real decreto.
3. Os programas de inspección ambiental aprobaranse mediante resolución emitida pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental e vincularán o persoal inspector ambiental.
Artigo 11. Contido dos programas de inspección ambiental
1. Os programas de inspección ambiental terán o seguinte contido mínimo:
a) A zona xeográfica cuberta polo programa de inspección.
b) Os obxectivos do programa.
c) As instalacións e actividades cubertas polo programa.
d Os medios e recursos dispoñibles.
e) As inspeccións prefixadas e non prefixadas.
f) O seu período de vixencia.
g) Disposicións específicas sobre a súa revisión.
h) Os subprogramas de inspección ambiental e, se for o caso, as campañas de inspección ambiental que comprenden.
i) Se for o caso, disposicións sobre a cooperación entre os diferentes órganos responsables da inspección.
A determinación das inspeccións non prefixadas realizarase de xeito estimativo baseándose na experiencia doutros anos.
2. Os programas de inspección ambiental poderán establecer aquelas inspeccións ambientais en que se conte co auxilio da Unidade de Policía Autonómica adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou nas que se conte con entidades que demostren a capacidade técnica axeitada para a realización, no nome da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental, de actuacións materiais de inspección que non estean reservadas a funcionarios públicos; en ningún caso estas actuacións poderán versar sobre o deseño de sistemas, plans ou programas de inspección.
3. Semestralmente revisaranse os programas de inspección ambiental en función dos traballos realizados. Nesta revisión terase en conta, entre outras cuestións, a evolución tanto dos distintos sectores afectados como da normativa aplicable.
Artigo 12. Memoria anual
A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental elaborará anualmente unha memoria en que se describan e se valoren as actuacións inspectoras realizadas e os seus resultados, así como o grao de cumprimento da planificación das inspeccións ambientais.
Artigo 13. Publicidade
1. Os plans e os programas de inspección ambiental, así como a memoria anual, deberán poñerse á disposición do público, entre outros, por medios electrónicos.
2. Tamén se poñerán á disposición do público, entre outros, por medios electrónicos, os informes de inspección ambiental previstos no artigo 30.2, así como os modelos de actas de inspección ambiental e de denuncia ambiental previstos neste decreto.
3. A publicidade prevista neste artigo enténdese sen prexuízo das limitacións derivadas da normativa reguladora do dereito de acceso á información en materia de ambiente e da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.
TÍTULO II
O EXERCICIO DA FUNCIÓN INSPECTORA
CAPÍTULO I
Organización das inspeccións ambientais
Sección 1ª. Clases de inspeccións ambientais
Artigo 14. Clases de inspeccións ambientais
1. Para os efectos do disposto neste decreto, as inspeccións ambientais poden clasificarse pola existencia ou non dunha programación preestablecida nas seguintes categorías:
a) Inspeccións prefixadas ou programadas.
b) Inspeccións non prefixadas ou non programadas.
2. As inspeccións ambientais poden clasificarse, polo momento en que se realizan, nas seguintes categorías:
a) Inspeccións previas ao outorgamento dunha autorización.
b) Inspeccións de oficio durante o funcionamento dunha actividade.
c) Inspeccións en virtude de denuncia.
3. As inspeccións ambientais poden clasificarse, pola tipoloxía das instalacións ou actividades inspeccionadas, nas seguintes categorías:
a) Inspeccións de actividades ou instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación.
b) Inspeccións de actividades ou instalacións non sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación.
c) Inspeccións dos traslados transfronteirizos de residuos.
Sección 2ª. Inspeccións ambientais pola existencia ou non dunha programación preestablecida
Artigo 15. Inspeccións prefixadas ou programadas
1. As inspeccións prefixadas ou programadas son aquelas realizadas como parte dun programa de inspección previsto.
2. Os obxectivos das inspeccións prefixadas ou programadas son:
a) Comprobar, se for o caso, o cumprimento das condicións ambientais establecidas no correspondente instrumento preventivo ambiental por parte da actividade ou instalación inspeccionada.
b) Comprobar o cumprimento das obrigas derivadas da normativa ambiental vixente por parte de calquera actividade ou instalación susceptible de afectar negativamente o ambiente.
c) Ademais dos anteriores, no caso de actividades ou instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación, observar a evolución do proceso produtivo e das mellores técnicas dispoñibles ao longo do tempo, comprobar a súa adaptación ás condicións orixinais e á normativa ambiental e promover a súa revisión ou modificación no caso de obsolescencia ou cambios substanciais.
3. As inspeccións que teñan por obxecto investigar posibles incumprimentos das normas efectuaranse o antes posible e, en todo caso, antes do outorgamento, modificación substancial ou revisión do correspondente instrumento preventivo.
Artigo 16. Inspeccións non prefixadas ou non programadas
1. As inspeccións non prefixadas ou non programadas son aquelas inspeccións que, formando parte dun programa de inspección ambiental, a súa determinación realízase de xeito estimativo baseándose na experiencia doutros anos.
2. Estas inspeccións non prefixadas ou non programadas terán como obxectivo:
a) Comprobar a veracidade da información fornecida durante a tramitación, se for o caso, dos diferentes instrumentos preventivos ambientais de competencia autonómica.
b) Investigar accidentes, incidentes e denuncias.
3. As inspeccións que teñan por obxecto investigar denuncias graves sobre aspectos ambientais, accidentes graves e incidentes ambientais e casos de incumprimento das normas efectuaranse o antes posible e, en todo caso, antes do outorgamento, modificación substancial ou revisión do correspondente instrumento preventivo.
Sección 3ª. Inspeccións ambientais polo momento en que se realizan
Artigo 17. Inspeccións previas ao outorgamento dunha autorización
As inspeccións previas ao outorgamento dunha autorización son aquelas que teñen por obxecto comprobar a veracidade da información fornecida durante a tramitación das diferentes autorizacións ambientais de competencia autonómica ou da súa revisión ou modificación.
Artigo 18. Inspeccións de oficio durante o funcionamento dunha actividade
1. Estas inspeccións ambientais son aquelas que se realizan con posterioridade á posta en funcionamento dunha actividade e que teñen por obxecto:
a) Comprobar, se for o caso, que se cumpren de maneira continuada as condicións establecidas nos instrumentos preventivos ambientais.
b) Comprobar que se cumpre calquera outra exixencia contida na normativa ambiental vixente.
2. Tamén son inspeccións de oficio as que realiza a Administración cando ten coñecemento polos seus propios medios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de ameaza inminente de dano medioambiental, dano ambiental, delito ambiental ou infracción administrativa, para os efectos de constatar a súa veracidade.
3. Cando estas inspeccións teñan por obxecto instalacións e/ou actividades sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación, prestarase especial atención á comprobación da utilización das mellores técnicas dispoñibles.
Artigo 19. Inspeccións en virtude de denuncia
Tamén se deberán realizar inspeccións ambientais para comprobar a veracidade de feitos denunciados e que poidan ser constitutivos de ameaza inminente de dano ambiental, dano ambiental, delito ambiental ou infracción administrativa.
Sección 4ª. Inspeccións ambientais pola tipoloxía das instalacións ou actividades inspeccionadas
Artigo 20. Inspeccións de actividades ou instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación
1. Para os efectos do disposto neste decreto e de conformidade co disposto no artigo 2 do texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, son instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación aquelas instalacións de titularidade pública ou privada en que se desenvolva algunha das actividades industriais incluídas nas categorías enumeradas no seu anexo 1 e que, se for o caso, alcancen os limiares de capacidade establecidos nel, coa excepción das instalacións ou partes delas empregadas para a investigación, desenvolvemento e experimentación de novos produtos e procesos.
2. Polo seu potencial impacto sobre o ambiente, as inspeccións ambientais das actividades ou instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación resultarán prioritarias, e prestarase especial atención á comprobación da utilización das mellores técnicas dispoñibles.
3. Estas inspeccións ambientais serán realizadas, en todo caso, polo persoal inspector ambiental previsto no artigo 24.1.
4. A determinación da frecuencia destas inspeccións realizarase consonte o disposto no artigo 10.2.
Artigo 21. Inspeccións de actividades ou instalacións non sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación
1. Para os efectos deste decreto, son actividades ou instalacións non sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación aquelas que sexan susceptibles de afectar negativamente o ambiente e que non cumpran cos requisitos sinalados no número 1 do artigo anterior.
2. Dentro das inspeccións a instalacións non sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación darase prioridade ás inspeccións daquelas instalacións ou actividades que, tras realizar a correspondente avaliación sistemática dos riscos ambientais, presenten un maior risco ambiental.
Artigo 22. Inspeccións dos traslados transfronteirizos de residuos
1. Son traslados transfronteirizos de residuos os definidos como tales na normativa comunitaria vixente.
2. Estas inspeccións realizaranse consonte o disposto na normativa comunitaria que resulte de aplicación e incluirán, como mínimo, a comprobación de documentos, a confirmación da identidade e, se for o caso, o control físico dos residuos.
3. A Administración autonómica poderá prestar colaboración á Administración estatal respecto das funcións de inspección de competencia desta.
CAPÍTULO II
Actuacións informativas
Artigo 23. Actuacións informativas
1. As actuacións informativas están encamiñadas a fomentar a observancia da normativa ambiental e a mellora do comportamento ambiental en determinados sectores de actividade empresarial, así como a implantación das mellores técnicas dispoñibles e de sistemas de xestión ambiental, para os efectos de minimizar os seus posibles riscos ambientais.
2. Os programas de inspección ambiental incluirán previsións específicas de actuacións informativas a sectores económicos concretos.
CAPÍTULO III
O desenvolvemento da inspección ambiental
Artigo 24. O persoal inspector
1. O persoal funcionario que exerza a inspección ambiental terá a consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións e irá provisto da acreditación correspondente.
Para tal efecto, a dirección xeral competente en materia de calidade ambiental expedirá a acreditación oportuna en que conste, de xeito expreso e inequívoco, a súa identificación, a súa consideración como axente da autoridade e a condición de persoal que desempeña funcións de inspección ambiental, tendo dereito as persoas inspeccionadas a solicitar a exhibición da acreditación nas visitas de inspección.
2. Corresponde, en todo caso, ao persoal inspector ambiental o exercicio das inspeccións ambientais das instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación, así como as referidas no artigo 17.
3. Na realización das mostraxes, o persoal inspector ambiental cumprirá as instrucións ditadas para o efecto pola dirección xeral competente en materia de calidade ambiental.
4. Para o exercicio das súas funcións, o persoal inspector ambiental poderá ser auxiliado e acompañado por asesores ou outro persoal técnico debidamente identificado que en ningún caso terán a condición de axentes da autoridade nin gozarán das facultades propias deles e que gardarán segredo respecto dos datos e informacións que coñezan no exercicio destas funcións.
Artigo 25. Facultades
1. No desenvolvemento das súas funcións de inspección ambiental, o persoal que realice inspeccións ambientais gozará das seguintes facultades:
a) Acceso ás instalacións inspeccionadas que non sexan domicilio particular, sen previo aviso e logo de identificación.
b) Capacidade de obtención de colaboración e auxilio administrativo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, autonómicas ou locais, ou doutros organismos e institucións.
c) Ir acompañado de persoal asesor técnico, con labor meramente consultivo e sen condición de autoridade.
d) Facerse acompañar nas visitas de inspección pola persoa titular, pola persoa representante ou polo persoal experto e técnico da actividade ou instalación inspeccionada.
e) Acceder a toda a documentación e información que considere necesaria e sexa axeitada para o cumprimento das súas funcións.
f) Efectuar notificacións e realizar requirimentos de información e/ou documentación ou de actuacións concretas para prever ou evitar danos ambientais.
g) Proceder á toma de fotografías ou á gravación de imaxes mediante o uso de drons ou calquera outro dispositivo electrónico, sen prexuízo do disposto na normativa vixente en materia de segredo industrial e en materia de utilización civil de drons.
h) Tomar mostras e practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que considere precisa, podendo solicitar asistencia para a mostraxe e práctica doutras probas.
2. Cando sexa necesario entrar no domicilio do afectado ou nos restantes lugares que requiran a autorización do seu titular, obterase o consentimento deste ou, na súa falta, a oportuna autorización xudicial.
Artigo 26. Deberes
1. O persoal que realice inspeccións ambientais terá as seguintes obrigas:
a) Identificarse como tal e acreditar a súa condición de persoal inspector.
b) Proceder co respecto e a deferencia debidos ás persoas interesadas.
c) Informar as persoas interesadas da clase de inspección, dos seus dereitos e deberes en relación cos feitos obxecto da inspección, así como da normativa aplicable á súa actividade ou instalación en materia ambiental.
d) O levantamento dunha acta en relación coas actuacións practicadas no desenvolvemento da inspección, comunicando as anomalías detectadas á persoa titular das instalacións ou da actividade ou a quen a represente.
e) Poñer en coñecemento do órgano ou autoridade competente a comisión de feitos que poidan ser constitutivos de ameazas inminentes de danos medioambientais, de danos ambientais, de infraccións administrativas ou de delitos ambientais.
f) Gardar segredo en relación cos datos e información que coñeza no exercicio das súas funcións, respectando en todo momento as obrigas derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.
2. Pola súa parte, as persoas titulares das actividades ou instalacións inspeccionadas deberán permitir o acceso, aínda sen previo aviso e debidamente identificados ao persoal inspector ambiental, aos asesores técnicos e ás entidades descritas no artigo 11.2, cando estean acompañados dos inspectores ou cando o titular da instalación non se opoña, coa finalidade de permitirlle realizar calquera exame, control, toma de mostras e recollida de información e/ou documentación necesaria para o cumprimento das súas funcións.
As persoas titulares de actividades e instalacións inspeccionadas que proporcionen información ou documentación á Administración no exercicio da intervención ambiental prevista neste decreto poderán invocar o carácter confidencial dela nos termos dispostos na normativa vixente en materia de segredo industrial.
Artigo 27. Exercicio das inspeccións ambientais in situ
1. As inspeccións ambientais in situ iniciaranse de oficio, xa sexa por iniciativa propia do órgano competente, por orde superior ou por petición razoada doutros órganos, ou en virtude de denuncia, e desenvolveranse adoptando con carácter preferente un enfoque integrado da actividade ou instalación inspeccionada.
2. Previamente á visita de inspección, o persoal inspector poderá recadar toda a información pertinente dispoñible sobre a actividade ou instalación que se vai inspeccionar, como actas e informes de inspeccións previas, autorizacións, avaliacións ou informes ambientais, proxectos técnicos tramitados ou documentación que conteña os resultados dos autocontrois.
3. Cando o persoal inspector se persone na instalación ou actividade que se vai inspeccionar, porá en coñecemento da persoa titular o obxecto das actuacións, logo de identificación mediante exhibición do documento que o acredite para o exercicio das súas funcións.
4. As actuacións inspectoras realizaranse en presenza da persoa titular da instalación ou da actividade. No caso de persoas xurídicas, considerarase persoa representante quen legalmente exhiba a dita condición. No caso de ausencia da persoa titular ou representante, as actuacións entenderanse con calquera persoa presente na instalación ou na actividade, facendo constar na acta a súa vinculación con ela.
5. Non será obstáculo para a realización das actuacións a negativa ou imposibilidade da persoa titular ou representante de estar presente durante a súa práctica, sempre que así se faga constar nas actuacións que documenten a inspección.
6. A persoa interesada está obrigada a permitir o acceso do persoal inspector ás instalacións ou á actividade e a permitir a toma de fotografías ou de mostras e medicións que resulten pertinentes, así como a subministrar a información que se lle requira en relación cos feitos obxecto da inspección, sen prexuízo do disposto na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e en materia de segredo industrial.
7. No caso de obstaculizarse as actuacións inspectoras, o persoal inspector farao constar así na acta.
8. As prescricións anteriores enténdense sen prexuízo das establecidas para determinadas inspeccións tanto pola lexislación básica estatal como pola lexislación autonómica.
Artigo 28. Actas de inspección ambiental
1. As actuacións inspectoras documentaranse nunha acta en que constará, como mínimo, a información referida no artigo seguinte.
2. As actas de inspección ambiental formalizadas polo persoal inspector ambiental e nas cales, observándose os requisitos legais correspondentes, se recollan os feitos constatados por aquel farán proba destes salvo que se demostre o contrario.
Artigo 29. Contido das actas de inspección ambiental
1. As actas que se emitan no exercicio da inspección ambiental conterán toda a información que poida resultar relevante para o cumprimento dos obxectivos e fins da inspección e, como mínimo, terán o seguinte contido:
a) O lugar e a data da súa formulación.
b) O nome e apelidos ou a razón ou denominación social completa, o número do documento nacional de identidade ou o número de identificación fiscal e o domicilio da persoa física ou xurídica inspeccionada.
c) O nome e apelidos, o número do documento nacional de identidade e sinatura, se for o caso, da persoa con que se entendan as actuacións e o carácter ou representación con que intervén nelas.
d) A identificación do persoal inspector que a subscribe.
e) O tipo de inspección de que se trate segundo a clasificación do artigo 14.
f) A delimitación do seu obxecto, concretando se cobre ou non a totalidade das instalacións e dos vectores ambientais.
g) Os feitos constatados directamente polo persoal inspector.
h) O cumprimento ou incumprimento dos requisitos ambientais contidos nos instrumentos preventivos ambientais ou na normativa ambiental vixente.
i) Se durante a inspección ten lugar a toma de mostras, farase constar o lugar da mostraxe, a natureza das mostras, a cantidade tomada, a forma en que se procedeu á mostraxe e calquera outra circunstancia que se considere oportuna.
j) A conformidade ou desconformidade e, se for o caso, as alegacións da persoa representante da actividade ou instalación inspeccionada ao manifestado na acta.
k) Cando sexa posible, unha reportaxe fotográfica ou unha gravación dos feitos constatados polo persoal inspector.
2. As actas de inspección ambiental poderán recoller os feitos constatados polo persoal inspector durante máis dun día.
3. Mediante resolución emitida pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental establecerase o formato das actas de inspección ambiental que se porá á disposición do público, entre outros, por medios electrónicos.
4. Todas as actas de inspección se levantarán por duplicado. Un exemplar será para a persoa titular da instalación ou actividade inspeccionada e o outro para a inspección ambiental.
5. No caso de que a persoa comparecente se negue a asinar a acta ou a recibir a mostra contraditoria, o persoal inspector farao constar así, autorizando a acta coa súa sinatura e entregando unha copia á persoa interesada e deixando igualmente constancia de se esta se nega a recibila. Neste último suposto procederase á súa notificación polos medios e cos requisitos establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.
6. No caso de que o levantamento ou sinatura da acta se produza sen a presenza da persoa titular ou representante da instalación ou actividade inspeccionada, procederase á súa notificación polos medios e cos requisitos establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común, para os efectos de que poida presentar cantas alegacións e probas considere convenientes no prazo de dez días.
Artigo 30. Informes
1. Tras cada visita in situ o persoal inspector elaborará un informe sobre a actuación realizada en que se inclúan as conclusións relativas ao cumprimento ou incumprimento das condicións impostas no correspondente instrumento preventivo ou dos requisitos legais ambientais que resulten aplicables, así como respecto a calquera outra actuación que resulte necesaria para prever ou evitar danos ambientais.
2. No caso de que a instalación inspeccionada estea sometida á normativa de prevención e control integrados da contaminación, o devandito informe notificarase á persoa titular para os efectos da posible presentación de alegacións e porase a disposición do público, entre outros, por medios electrónicos, dentro dos prazos e nas condicións establecidas na devandita normativa e sen máis limitacións que as establecidas na lexislación sobre o dereito de acceso á información en materia de ambiente e na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.
En todo caso, a dirección xeral competente en materia de calidade ambiental asegurarase de que o titular da instalación, nun prazo razoable, toma todas as medidas necesarias indicadas no citado informe, sen prexuízo do procedemento sancionador que poida proceder.
Artigo 31. Denuncias ambientais
1. Calquera persoa poderá poñer en coñecemento da Administración, mediante a presentación da correspondente denuncia ambiental, feitos que poidan ser constitutivos de ameazas inminentes de danos ambientais, danos ambientais, delitos ambientais ou infraccións administrativas.
2. De conformidade co disposto no artigo 62.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as denuncias deberán expresar a identidade da persoa ou persoas que as presentan e o relato dos feitos que se poñen en coñecemento da Administración. Cando os ditos feitos poidan constituír unha infracción administrativa, recollerán a data da súa comisión e, cando sexa posible, a identificación dos presuntos responsables.
3. Cando da análise da denuncia ambiental se deduza falta de claridade ou concreción suficiente, poderase solicitar da persoa denunciante que aclare ou concrete a súa denuncia.
4. Mediante resolución emitida pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental establecerase un modelo de denuncia ambiental que se porá á disposición do público, entre outros, por medios electrónicos.
5. As denuncias ambientais presentaranse polos medios establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.
6. A dirección xeral competente en materia de calidade ambiental promoverá a realización dunha inspección ambiental no eido das súas competencias, para os efectos de comprobar a veracidade dos feitos denunciados.
7. Cando a competencia sobre os feitos denunciados corresponda a outro órgano administrativo, entidade pública ou ao Ministerio Fiscal, o órgano competente remitirá o contido da denuncia e o resto das evidencias que consten no seu poder e que poidan ter relación co obxecto denunciado.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Quedan derrogadas as seguintes normas:
a) O Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental.
b) A Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 30 de maio de 1996, pola que se regula o exercicio da inspección ambiental única e a tramitación de denuncias ambientais.
2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.
Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar aquelas disposicións necesarias para a aplicación do presente decreto no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Mª Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *