Jornada y horarios de empleados públicos de Galicia
ORDE conxunta do 5 de setembro de 2016, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2013 pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
[sc name=”Personal al servicio de la Administración Local” ]
A Orde do 20 de decembro de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia número 249, do 31 de decembro, regula a acreditación do persoal empregado público, a xornada e o horario laboral, a flexibilidade horaria, o sistema de control horario e, finalmente, a prestación de servizos en réxime de teletraballo do persoal empregado público da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
No que atinxe á flexibilidade, a dita orde regulou tanto a derivada das circunstancias de conciliación da vida familiar e laboral, xa prevista na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, como a flexibilidade automática para todo o persoal empregado público, que a introduciu como novidade e por primeira vez na Xunta de Galicia, establecendo os seus requisitos e regulando os seus aspectos procedementais.
O tempo transcorrido desde a súa entrada en vigor e os beneficios e resultados obtidos como medida favorecedora da conciliación da vida laboral e familiar aconsellan modificar a dita orde para ampliar a marxe horaria en que o persoal empregado público pode prestar os seus servizos facilitando así unha maior conciliación. En concreto, o seu artigo 6, tanto no referente ao horario flexible por razón de conciliación da vida familiar e laboral como no referente á flexibilización automática, ampliando o horario diario de referencia, no primeiro caso, e a parte flexible, no segundo, os venres ata as 20.00 horas.
A teor do exposto, por iniciativa conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, en exercicio das competencias conferidas polo artigo 14.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia
A Orde do 20 de decembro de 2013 queda modificada como segue:
Un. O artigo 6.3.1 a), no quinto parágrafo, queda redactado da seguinte forma:
«Dentro das 7.30 e as 18.30 horas fixarase, en cada caso, a pedimento da persoa interesada e oídos os órganos de representación do persoal, o horario diario de referencia. Este horario diario de referencia poderá ser superior ás 18.30 horas sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e, como máximo, abranguerá ata as 20.00 horas de luns a venres».
Dous. O artigo 6.3.1 b), no cuarto e quinto parágrafo, queda redactado da seguinte forma:
«b) Parte flexible: o tempo restante, ata completar a xornada laboral, realizarase en horario flexible das 7.30 ás 9.00 horas e de 14.30 e as 18.30 horas, de luns a venres.
Este horario poderá ser superior ás 18.30 horas, sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e, como máximo, ata as 20.00 horas, de luns a venres».
Disposición adicional. Adaptación normativa
A Resolución conxunta do 8 de agosto de 2014, da Dirección Xeral e Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Función Pública, pola que se ditan as instrucións relativas ao desenvolvemento da Orde do 20 de decembro de 2013 (DOG núm. 155, do 18 de agosto), enténdese adaptada ao previsto na presente orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2016
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!