Medidas fiscales y administrativas GALICIA

LEI 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

I

Os orzamentos requiren para a súa completa aplicación a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas. O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Constitucional, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción. Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se expoñen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria. Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter e organización administrativos.

II

A estrutura desta lei divídese en dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás de carácter administrativo.

O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.

O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos. Así, no referido ao imposto sobre a renda das persoas físicas, na senda iniciada pola Xunta de Galicia no 2014 e continuada no 2016, modifícase a escala aplicable ao tramo autonómico do IRPF a partir do 1 de xaneiro de 2022 para o 90 % dos contribuíntes, co obxectivo de seguir reducindo e redistribuíndo a carga tributaria, aumentando a renda dispoñible en mans das familias, fomentando o aforro e o investimento e mellorando a competitividade das empresas, ademais de conseguir un sistema tributario máis equitativo para as rendas medias e baixas. Ademais, para favorecer e propiciar o acollemento familiar, modifícase a dedución na cota do IRPF por acollemento para que esta sexa aplicable no caso de acollemento pola familia extensa do menor.

En relación co imposto de patrimonio, establécese unha bonificación do 25 % da cota, co obxectivo de nos adaptarmos ao noso contorno da UE, e modifícanse as referencias aos casos en que é incompatible a dedución por creación de novas empresas ou ampliación da actividade das empresas de recente creación.

Co fin de favorecer a reactivación económica, á vez que se manteñen todos os tipos bonificados, redúcese nun punto porcentual o tipo de gravame xeral do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, na súa modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, de xeito que as operacións gravadas ao 10 % por este imposto pasan a tributar ao 9 % a partir do 1 de xaneiro de 2022. Deste modo, as operacións inmobiliarias, que son as gravadas principalmente polo imposto, van poder manter, ou mesmo aumentar, a evolución positiva do número de operacións que experimentou no último semestre do ano 2021, razón pola cal se considera adecuado establecer unha minoración no tipo xeral, co fin de acompañar esa dinamización do mercado inmobiliario.

Por outro lado, e dada a situación de crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, os establecementos de xogo e os establecementos de restauración, locais en que se instalan as máquinas de xogo, tiveron que pechar a partir do 27 de xaneiro de 2021 e manter esta situación durante un período de tempo no primeiro trimestre do ano 2021. A partir desta data, os establecementos en que se poden instalar as máquinas foron abrindo, aínda que con diferentes calendarios e con diferentes restricións, segundo a tipoloxía do establecemento e dependendo do concello en que se localizan.

Os subsectores de bingo, casinos e apostas tributan na taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar polo win, e, polo tanto, mentres non xeren actividade non devindican a taxa. Non obstante, o subsector das máquinas tributa mediante cota fixa, con independencia de que haxa actividade de xogo. Por ese motivo, para poñer nunha situación de equivalencia o subsector de máquinas en termos de tributación na taxa fiscal do xogo, adóptase unha medida no sentido de que tributen dun xeito proporcional ao período en que puideron desenvolver a actividade, establecendo unha bonificación que varía segundo estivesen instaladas no momento do peche en establecementos de xogo ou en establecementos de hostalaría. Así o fixeron tamén as diferentes comunidades autónomas ao longo do ano 2021, no que adoptaron medidas polas que se estableceron diferentes bonificacións. As medidas adoptadas fórono só para o subsector de máquinas.

O capítulo II, relativo aos tributos propios, soamente está integrado por un precepto, sobre as taxas, no que, por unha banda, se elevan os tipos das taxas de contía fixa e, por outra banda, se introducen diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas taxas como na modificación dalgunhas vixentes.

O título II, relativo ás medidas administrativas, está dividido en catorce capítulos.

O capítulo I aborda diversas medidas en materia de emprego público. Por unha parte, lévanse a cabo, ademais de modificacións puntuais de carácter organizativo, outras referidas á modificación do artigo 25 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa finalidade de adaptar a súa redacción á normativa básica estatal. Modifícase a regulación do prazo da toma de posesión para permitir a súa determinación nas convocatorias dos procesos selectivos á vista das circunstancias. Introdúcese a excepción de non ter que reservar prazas para promoción interna cando se trate de convocatorias de procesos de estabilización de emprego temporal coa finalidade de optimizar a pretendida estabilización. Adáptase a regulación dos concursos de traslados para que o persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, e a normativa de desenvolvemento desta, poida participar nos concursos ordinarios desde o momento da devandita adquisición, sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional equivalente ao corpo ou escala en que se realizou a súa funcionarización. Modifícase a duración máxima do traslado voluntario previsto no artigo 100 da Lei 2/2015, do 29 de abril, tendo en conta que esta figura pode pasar a ter unha maior importancia coa posible chegada dos fondos europeos. Así mesmo, trátase de introducir unha mellora nas condicións do traslado por violencia de xénero, establecendo que o posto de traballo que se asigne se ocupará con carácter definitivo, evitando que o persoal nesta situación poida verse obrigado a concursar. Por outra parte, considérase necesario recoller a regulación da protección e a asistencia social integral ao persoal funcionario que sufrise danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, introducindo un novo apartado no artigo 106 da Lei 2/2015, do 29 de abril. Modifícase tamén o réxime de infraccións e sancións para recoller expresamente a fraude nos procesos selectivos. Para acadar unha maior especialización no persoal da administración, na escala de enxeñeiros engádense as especialidades de enxeñaría química e aeronáutica, e na escala de ciencias engádense as especialidades de matemáticas e física. Na disposición transitoria primeira elimínase a expresión «por unha soa vez», limitación que non se recolle no Estatuto básico do empregado público. Na disposición transitoria primeira bis simplifícase a regulación dos aspectos retributivos no suposto do cambio dun vínculo de laboral temporal a funcionario interino. Modifícase a disposición transitoria oitava para, ademais de aclarar a regulación da consolidación de grao, estender o dereito á carreira profesional a todo o persoal funcionario, sexa de carreira ou interino, deixando así recollido na normativa os pronunciamentos xudiciais existentes en canto a este aspecto.

O capítulo II aborda diversas medidas en materia de ambiente. Por unha banda, modifícase a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, co fin de garantir a seguridade xurídica na aplicación da normativa urbanística vixente. Así, para aclarar as numerosas dúbidas que se están a formular na práctica en relación coa implantación no solo rústico de campamentos de turismo e zonas de especial acollida para caravanas e autocaravanas en tránsito, procede engadir este uso expresamente entre os admisibles no solo rústico, e matizar que cando a Lei do solo se refire a campamentos de turismo debe entenderse con todas as instalacións, obras e servizos que se recollen na normativa vixente en materia de turismo, xa que, na práctica, está a aplicarse o último inciso da letra modificada, entendendo os concellos que, ao abeiro de licenza municipal, unicamente poden implantarse campamentos de turismo con obras imprescindibles para ese uso. Tamén se habilita un procedemento que permite simplificar o cambio de uso non só dos equipamentos públicos senón de calquera dotación pública a outro uso dotacional público distinto. Tamén se clarifica que ese carácter público non ten que derivar necesariamente de tal cualificación no planeamento urbanístico, senón que o feito de que xa sexa de titularidade pública xa avalaría o devandito cambio. Por outra banda, preténdese facilitar a implantación de usos industriais ou terciarios nos pequenos concellos que non conten con planeamento urbanístico xeral ou plan básico autonómico, sen limitar a que tales actuacións teñan que ser necesariamente de carácter público. En todo caso, exíxese o cumprimento dos límites de sustentabilidade e das reservas previstas na normativa urbanística vixente para tales ámbitos.

Trátase, por outra banda, de dar resposta ás diferentes interpretacións que se están a adoptar nos diferentes concellos no que se refire á exixencia para o outorgamento da licenza urbanística municipal de proxecto básico ou de execución. Así, para evitar calquera dúbida, establécese expresamente que é suficiente con achegar o proxecto básico. Así, o artigo 61.3 do Código técnico da edificación define proxecto completo como básico e de execución, mais, para os efectos da súa tramitación administrativa, establece que todo proxecto de edificación pode desenvolverse en dúas etapas: a fase de proxecto básico, que definirá as características xerais da obra e as súas prestacións mediante a adopción e xustificación de solucións concretas, e que será suficiente para solicitar a licenza municipal; e a fase de proxecto de execución. En consecuencia, e na liña da devandita normativa recollida no Código técnico da edificación, procede facer referencia a proxecto básico no canto de a proxecto completo.

Modifícase tamén a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, coa finalidade de acadar unha maior seguridade xurídica. Así, precísase, ante as dúbidas xurdidas, que a tramitación dos procedementos de declaración dos lugares de importancia comunitaria e dos parques nacionais, na medida en que son espazos naturais protexidos de ámbito autonómico, corresponde en todo caso á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, sen prexuízo das especialidades que en cada caso poidan preverse na propia lei e no artigo 8 da Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais. Tamén se axustan os contidos dos plans de xestión dos espazos protexidos da Rede Natura 2000 de Galicia ás recomendacións da Comisión Europea e se inclúe unha regulación coa que se busca dar unha resposta a novos usos ou actividades non previstos no correspondente instrumento de planificación debido á evolución tecnolóxica ou á implantación de novas estratexias de produción que se pretenden desenvolver nun espazo natural protexido e que poden ter unha afección sobre os valores polos que se declarou o espazo natural protexido. Así mesmo, inclúese, entre as medidas de defensa e protección en materia de xestión da Rede Natura 2000, a referencia á construción de muros de contención e o peche ou valado de terreos como usos ou actividades autorizables na zona 1 dunha zona especial de conservación ou dunha zona de especial protección para as aves da Rede Natura 2000. Suavízanse as exixencias do material empregado para estes peches, co fin de compatibilizar a protección da vida silvestre co desenvolvemento das actividades tradicionais no medio rural.

Procédese tamén a modificar o Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe de Galicia. Por unha banda, engádese unha disposición adicional, excluíndo da aplicación das ditas Directrices de paisaxe os plans, proxectos ou programas que sexan competencia do Estado. Ademais, corríxese o réxime transitorio establecido no devandito decreto, pois a súa aplicación está diferida a un momento, a aprobación provisional, que non está recollida nos procedementos de aprobación de proxectos.

Modifícase a Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para habilitar que desde o propio plan sectorial que servirá de base para o desenvolvemento dos correspondentes proxectos de interese autonómico poida modificarse a porcentaxe que habilite para reaxustar os ámbitos delimitados no propio plan, xa que na práctica se aprecia que o 10 % resulta en moitos casos insuficiente. Por motivos de seguridade xurídica, modifícase a disposición transitoria primeira, xa que a redacción actual unicamente facía referencia ao informe ambiental estratéxico, en relación aos instrumentos en tramitación que se tivesen que someter a avaliación ambiental estratéxica simplificada, pero non establecía o momento da tramitación que se terá en conta para aplicar o réxime transitorio que nela se prevé, o suposto de procedementos sometidos a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. En consecuencia, procede engadir a referencia a que se teña elaborado o documento de alcance para o caso dos instrumentos de ordenación do territorio sometidos ao trámite de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, que poderán así continuar a súa tramitación conforme o sinalado na referida disposición.

Modifícase a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, nos aspectos referidos aos obxectivos, ao ámbito de actuación, ás actividades en materia de residuos e instalacións de xestión de residuos sometidas a autorización e ás actividades suxeitas a comunicación.

Finalmente, modifícase a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Esta norma ampliou a tres anos o prazo para a remisión ao órgano ambiental do expediente completo de avaliación ambiental estratéxica para a formulación da declaración ambiental estratéxica. A experiencia na tramitación dos plans e programas sometidos á avaliación ambiental estratéxica aconsella prever a posibilidade de establecer unha prórroga, incorporándose en todo caso aos plans en tramitación todas as salvagardas ambientais que se van formulando a través dos distintos informes emitidos polos distintos órganos sectoriais, as achegas no trámite de información pública, así como as determinacións que se establecen na declaración ambiental estratéxica. Esta dificultade na tramitación dáse especialmente nos instrumentos de planeamento urbanístico, o que xustifica que para este tipo de plans, sen prexuízo do cumprimento dos demais prazos previstos na lexislación sectorial aplicable, non se determine un prazo máximo para a remisión ao órgano ambiental do expediente de avaliación ambiental completo para a formulación da declaración ambiental estratéxica. Aclárase tamén, na modificación do número 2 da disposición transitoria cuarta, que este prazo se aplica só aos procedementos en tramitación ao abeiro da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O capítulo III aborda diversas medidas en materia de medio rural. Así, modifícase a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, coa finalidade de completar a regulación aplicable á de declaración dos montes deste tipo en estado de grave abandono ou degradación. Introdúcense, así mesmo, determinadas precisións co obxecto de acadar unha maior coherencia entre a regulación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e a da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Tamén se modifica a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, co obxecto clarexar que a obriga de xestionar a biomasa se estende a todo o ano, e de prever un sistema máis áxil e eficaz para a devandita xestión, de cara á prevención dos incendios forestais, regulando as consecuencias da falta de atención das advertencias e permitindo a execución subsidiaria daquelas. Ademais, permítese activar o procedemento de investigación da titularidade dos inmobles no supostos en que non se coñeza a identidade da persoa responsable.

Pola súa banda, a modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, persegue distintos fins. Por unha banda, flexibilízanse as exixencias para o emprego de material forestal nas repoboacións forestais, xa que a redacción actual estaba a limitar o emprego de material forestal de reprodución doutras rexións de procedencia que teñen demostrada a súa adaptación aos ecosistemas galegos, con independencia da súa categoría, o que dificultaba a súa recuperación e fomento. Tamén se recolle na lei a habilitación para asinar contratos temporais de xestión pública naqueles montes que alberguen infraestruturas, instalacións ou masas e formacións forestais de especial interese ou que, polo seu intenso uso público, precisen ser xestionados pola Administración forestal. Introdúcense modificacións puntuais por motivos de coherencia.

As modificacións da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, ademais de incluír modificacións baseadas en motivos de coherencia, contribúen a completar a regulación dos procesos de reestruturación parcelaria, co obxecto de dar cabida a outras situacións, como son a cesión do dereito de uso e aproveitamento dos terreos, de cara a dispoñer de toda a información que poida resultar de utilidade para reorganizar a terra de forma máis eficaz. Regúlase de forma máis extensa o cambio de titularidade, permitindo que se efectúe en fase de acordo, tomando en consideración tanto as causas de herdanza como de compravenda. Finalmente, recupérase o contido da disposición transitoria sexta, que fora eliminado por erro con motivo da súa modificación na Lei 11/2021, do 14 de maio.

Amplíase, así mesmo, o prazo establecido na disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para a finalización dos consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes no momento da entrada en vigor da devandita lei, xa que é preciso dispoñer de máis tempo para a transición entre o actual modelo de consorcios e convenios e o novo contrato de xestión pública.

Modifícase a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, no referido á inclusión no Banco de Explotacións e aos compromisos de adhesión no procedemento de aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública. Modifícase tamén co fin de regular unha ferramenta adecuada para que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poida desenvolver a súa actividade de fomento de diversas actividades que se recollen na lei, como son obras correspondentes aos polígonos agroforestais, ás aldeas modelo ou ás actuacións de xestión conxunta previstos nela.

O capítulo IV aborda diversas medidas en materia de infraestruturas e mobilidade. O capítulo divídese en tres seccións diferenciadas, dedicadas, a sección 1ª, a infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable; a 2ª, a infraestruturas complementarias do trasporte de viaxeiros por estrada; e a 3ª, a estradas.

En relación coa sección 1ª, contén unha serie de preceptos para dar cobertura á execución de determinadas infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable (sendas peonís e/ou ciclistas, aparcadoiros disuasorios, plataformas reservadas para o transporte público, paradas e estacións de transporte público…), que actualmente carecen dunha lexislación específica que as regule.

Nese sentido, na actualidade, a execución dese tipo de actuacións require a súa acomodación ao planeamento urbanístico municipal, o que, habitualmente, exixe a súa modificación previa ou ben a tramitación dalgún tipo de instrumento de ordenación do territorio que se impoña sobre aquel e lle dea cobertura á actuación proposta.

Porén, tendo en conta a súa condición de infraestruturas públicas de interese xeral, parece adecuado que a súa execución se poida tramitar segundo procedementos máis áxiles que os previstos, con carácter xeral, na lexislación sobre ordenación do territorio, que está máis pensada para o cambio de clasificación de solos con vistas á súa posterior urbanización e edificación, en xeral desde unha perspectiva de aproveitamento privado do solo.

Para iso, establécese, nun primeiro artigo, a definición do concepto de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable e, a continuación, nos seguinte artigos, regúlanse, en relación con elas, os preceptos relativos á redacción dos seus correspondentes proxectos, á necesidade de información pública e informe das administracións afectadas, á tramitación e aprobación definitiva dos proxectos, aos efectos da súa aprobación e, finalmente, aos mecanismos de coordinación co planeamento urbanístico.

En relación coa sección 2ª, recolle unha modificación da Lei 2/2017, do 2 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, coa finalidade de incorporar un novo capítulo dedicado ás infraestruturas complementarias do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada.

A Lei 2/2017, do 2 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, estableceu a principal regulación da nosa comunidade autónoma en materia de transporte público de viaxeiros e viaxeiras. Neste sentido, na falta dunha norma legal de carácter xeral, a antedita lei vén constituír a regulación sectorial de maior calado neste ámbito.

A pesar disto, apréciase unha lagoa importante na regulación das estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras, estacións que figuraban reguladas previamente pola normativa estatal, en concreto, pola Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transporte terrestres. Non obstante, esta regulación foi reducida de forma moi significativa pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, deixando tamén sen cobertura legal a norma estatal de desenvolvemento daquela, o Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.

Por tal motivo, considérase preciso introducir unha regulación legal que, en consonancia co que veñen facendo outras comunidades autónomas, defina os elementos esenciais das estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras, estableza normas de coordinación para o seu impulso e establecemento entre as dúas administracións con competencias concorrentes, e defina elementos básicos da súa regulación e funcionamento. Ademais, como consecuencia das peculiaridades do sistema de asentamentos de poboación de Galicia e a súa dispersión, a propia normativa autonómica establece singularidades na regulación do desenvolvemento deste servizo público respecto da existente noutros territorios, en aspectos tales como a previsión de integración de servizos de transporte como na necesidade social de habilitar unha vasta rede de servizos e paradas, o que tamén vén afectando a propia configuración destas estacións, que, máis que como centralizadores da totalidade de servizos de transporte dun municipio ou localidade, deben actuar como centros de intercambio ou transbordo entre servizos e modos de transporte, e de información e coordinación global para o conxunto dos usuarios e usuarias do sistema e de punto de regulación, caso de ser necesario, para as expedicións con parada nese concello.

Atendendo ao anterior, por razóns sistemáticas, proponse a introdución desta regulación como un novo capítulo do título III da Lei 2/2017, do 2 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, ao gardar unha estreita vinculación co resto da regulación que se introducira nesta norma, co que se facilita unha mellor comprensión do seu conxunto. Esta sección 2ª organízase, pola súa vez, en dous artigos, un primeiro destinado a definir a clasificación destas infraestruturas complementarias do transporte, xunto coas regras básicas de ordenación e competencia; e un segundo artigo destinado a regular os réximes de utilización destas estacións de transporte.

Por último, a sección 3ª recolle unha serie de modificacións da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, motivadas na súa maioría pola nova lexislación de ordenación do territorio de Galicia.

Así, modifícase a definición de travesía, co fin de que sexan máis sinxelos a súa delimitación e inventario, que se concretará no seu desenvolvemento regulamentario. Realízase tamén un axuste técnico para suprimir a referencia ás travesías urbanas, dado que se trata dun concepto que formaba parte da redacción orixinal da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, pero que foi suprimida mediante o apartado 2 do artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto.

Así mesmo, o Plan director de estradas de Galicia, regulado, pasa a ser un plan sectorial para os efectos da lexislación de ordenación do territorio, dado que a figura anterior á que estaba vinculada, a dos programas coordinados de actuación, desapareceu desa lexislación. Así mesmo, clarifícanse os tipos de determinacións que pode conter o Plan director de estradas de Galicia, en concordancia coa nova definición daquelas que se fai na antedita Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Por outro lado, modifícanse os artigos 13 e 14, ao se tratar dunha modificación necesaria para adaptar a redacción da lexislación de estradas de Galicia aos cambios experimentados pola lexislación de ordenación do territorio de Galicia. O artigo 14 indica o contido e tramitación do Plan director de estradas de Galicia e dos plans sectoriais de estradas. O seu punto segundo refírese á tramitación destes, que se modifica co fin de incluír que a tramitación destes plans non require a notificación individual a todas as persoas titulares dos predios afectados, dado que, por defecto, segundo a nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, esa notificación sería necesaria, pola vinculación entre as figuras de planificación de estradas e os instrumentos de ordenación do territorio de Galicia.

Así mesmo, faise necesario adaptar a redacción do artigo 23 ás modificacións introducidas pola nova lexislación de ordenación do territorio. En primeiro lugar, a consideración dun determinado proxecto como de incidencia supramunicipal foi substituída pola consideración de interese autonómico, polo que se debe adaptar esa denominación para os estudos e proxectos en materia de estradas. Ademais, como a nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, require, para que un proxecto teña tal consideración, que se realice un trámite previo de declaración de interese autonómico por parte do Consello da Xunta de Galicia, é necesaria unha norma con rango de lei para evitar a necesidade de realizar o citado trámite no caso dos estudos e proxectos en materia de estradas, dado que, pola súa natureza, é implícito o seu interese autonómico.

Así mesmo, clarifícanse os efectos das determinacións dos estudos e proxectos de estradas que teñan a consideración de proxectos de interese autonómico, en concordancia coa nova definición daquelas que se fai na devandita Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Por outro lado, engádese un novo artigo 23 bis para indicar que, no caso de estudos e proxectos non previstos no Plan director de estradas de Galicia ou nos plans sectoriais de estradas, non se requirirá a modificación previa destes últimos, cando a aprobación dos primeiros sexa realizada polo Consello da Xunta de Galicia, dado que, por defecto, segundo a nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, esa modificación sería necesaria, pola vinculación entre as figuras de planificación de estradas e os instrumentos de ordenación do territorio de Galicia.

O artigo 47 regula o réxime xeral autorizatorio ou suxeito a declaración responsable das obras e instalacións ou realización de calquera actividade na zona de dominio público viario e nas súas zonas de protección, cuxa competencia corresponde á administración titular da estrada. Para estes efectos, engádese un novo apartado 5 co fin de resaltar e aclarar que os accesos á estrada ou aos seus elementos funcionais afectan directamente a calzada, polo que a súa autorización corresponde á administración titular da estrada no que á normativa sectorial se refire. Aínda que tal precepto xa se atopa vixente, na actualidade, no apartado 3 do artigo 113 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, tendo en conta os seus efectos sobre terceiros, considérase adecuado incorporalo nunha norma con rango de lei. Así mesmo, aprovéitase o cambio para aclarar que esa competencia para o outorgamento das autorizacións de acceso se estende, incluso, aos que se realicen nos treitos urbanos.

Do mesmo xeito, e pola íntima vinculación cos anteditos accesos á estrada, establécese unha regulación análoga en relación coas parcelacións e segregacións das parcelas lindeiras coas estradas, incluso nos seus treitos urbanos, aclarando que estas tamén quedarán suxeitas á autorización da administración titular da estrada.

A necesidade de autorizar todos os accesos ao dominio público viario vén motivado polo feito de que todos eles afectan este, ao consistir en situacións nas que se permite o paso desde unha parcela lindeira coa estrada ao propio dominio público. No caso das parcelacións e segregacións, é imprescindible un control previo á súa realización para, por unha parte, previr a proliferación de novos accesos nos treitos nos urbanizados das estradas (en aplicación do principio de limitación de accesos xa establecido no actual artigo 52 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia) e, por outra parte, para controlar que os novos predios xerados, mesmo nos treitos xa urbanizados, cumpran as condicións para dispoñer, posteriormente, de acceso ás estradas, caso de o necesitaren, evitando desa forma situacións indesexables nas que se realicen parcelacións urbanísticas que puidesen levar á perda da condición de soar dalgunha das novas parcelas xeradas, no caso de que, posteriormente, non cumprise as condicións para que se lle puidese outorgar a necesaria autorización de acceso.

Por conseguinte, esta modificación actúa desde unha dobre vertente: por unha parte, supón unha garantía de protección do dominio público viario, contribuíndo á mellora da seguridade viaria, mediante a limitación da proliferación de novos accesos; e, por outra parte, mellora a seguridade xurídica das persoas propietarias dos terreos lindeiros coas estradas, ao evitar actuacións que poderían prexudicar, a medio e longo prazo, os seus intereses.

A modificación do artigo 49.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, introducida polo apartado 12 do artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, eliminou a posibilidade de que os concellos, no caso de obras, instalacións ou actividades non executadas pola administración titular da estrada, na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, outorgasen as autorizacións en materia de estradas, logo do informe vinculante da administración titular da estrada. Polo tanto, unha vez que os concellos non son competentes para emitir estas autorizacións en estradas que non sexan da súa titularidade, todas as referencias dobres e alternativas á administración titular da estrada e á que outorgou a autorización deben quedar substituídas por unha referencia única á administración titular da estrada, que pasa a ser a única competente para outorgar as autorizacións en materia de estradas e para o seu seguimento, control e supervisión.

A este respecto, en canto á finalización das obras, matízase e flexibilízase a regulación para documentar a terminación das obras, ao considerar innecesaria a realización de actas para todos os tipos de autorización, sen prexuízo de realizar a comprobación da finalización das obras en todos os casos. Así, no apartado 3 dáse unha nova redacción en referencia ás actas de terminación, co fin de que se levanten para as obras en dominio público. Nos demais supostos, só será exixible cando a administración titular da estrada condicione, na súa autorización, o uso das obras ou instalacións ao seu levantamento; de non se establecer tal condición, o levantamento da acta poderá ser substituído polos mecanismos de comprobación que se establezan regulamentariamente.

Esta modificación supón unha simplificación da tramitación administrativa necesaria para a realización de actividades nas marxes das estradas autonómicas, polo que se considera positiva para a reactivación económica e está en liña coas máis recentes tendencias en materia de simplificación e racionalización administrativa.

En canto á modificación do artigo 52, ademais do seu título, inclúese un novo apartado 2 co fin de regular a incorporación ao dominio público dos elementos e terreos onde se sitúen estes, correspondentes ao novo acceso. Este precepto xa se atopa vixente, na actualidade, no apartado 2 do artigo 129 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, pero, tendo en conta os seus efectos sobre terceiros, considérase adecuado incorporalo nunha norma con rango de lei.

Ademais, engádese un novo apartado 3 relativo ás parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas onde se dan as condicións xerais que se deben cumprir para a súa autorización, que terán o seu correspondente desenvolvemento regulamentario. Así, no solo urbano consolidado permitiranse segregacións que incrementen o número de accesos ás estradas, en atención á propia clasificación urbanística dese solo, por ser o axeitado para ese tipo de desenvolvemento, pero comprobando que todas as novas parcelas xeradas poderán dispoñer del, caso de o necesitaren, xa sexa a través doutras vías de circulación ou ben a través de novos accesos á estrada que cumpran as condicións que lles sexan exixibles para ser autorizados. En cambio, fóra do solo urbano consolidado, proscríbese a proliferación de novos accesos, en aplicación do principio de limitación de accesos xa establecido no actual artigo 52 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Polo tanto, esta modificación lexislativa actúa desde unha dobre vertente: por unha parte, supón unha garantía de protección do dominio público viario, contribuíndo á mellora da seguridade viaria, mediante a limitación da proliferación de novos accesos; e, por outra parte, mellora a seguridade xurídica das persoas propietarias dos terreos lindeiros coas estradas, ao evitar actuacións que poderían prexudicar, a medio e longo prazo, os seus intereses.

En canto ao contido do artigo 53, relativo á publicidade, modifícase para mellorar a súa redacción, ao tempo que se considera necesario incluír unha excepcionalidade á localización dos rótulos dos establecementos mercantís e industriais indicativos da súa actividade desenvolvida en edificios situados entre a estrada e a liña límite da edificación. Para que se poida dar este suposto, débese xustificar que os rótulos non se poden dispoñer máis separados da estrada que a liña límite da edificación, que non dispoñan xa doutro rótulo visible desde a calzada e que se trate de rótulos pintados ou instalados na propia edificación sen voar sobre a zona de dominio público.

Coa redacción actual, ao exixir que os anteditos rótulos se sitúen máis separados da estrada que a liña límite de edificación, non sería posible a autorización deste tipo de rótulos sobre edificacións que, por outra parte, a pesar de se atoparen nunha situación de fóra de ordenación sectorial, poderían non ser constitutivas de infracción en materia de estradas, sempre e cando se executasen nun tempo en que non lles eran aplicables as mesmas limitacións á execución de edificacións nas marxes das estradas que están vixentes na actualidade e que son aplicables nese punto concreto. De feito, a propia disposición adicional primeira da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, recoñece e acepta a existencia dese tipo de edificacións e permite o seu mantemento e conservación.

Dado que esas edificacións situadas por diante da liña límite de edificación, en situación de fóra de ordenación sectorial pero non constitutivas de infracción, están xa aceptadas pola normativa en materia de estradas, a colocación dun rótulo sobre a súa fachada, que non voe sobre a zona de dominio público viario, non supón ningún detrimento en relación coa seguridade viaria e a protección da estrada. Con esta modificación prodúcese unha flexibilización das condicións administrativas necesarias para a realización de determinadas actividades nas marxes das estradas autonómicas, polo que se considera positiva para a reactivación económica e está en liña coas máis recentes tendencias en materia de simplificación e racionalización administrativa.

Por outro lado, introdúcese un novo parágrafo no apartado 2 do artigo 58 para detallar con máis precisión as actividades que poden ser indemnizables. Esta concreción dará lugar a unha maior seguridade xurídica nas indemnizacións por danos e perdas causados ao dominio público viario.

En concreto, esténdese a posibilidade de exixir un resarcimento á administración titular da estrada polos traballos de auxilio público mediante persoal, xa sexa a través de medios propios ou contratados, medios de sinalización ou balizamento, custodia de vehículos ou cargas e retirada de restos en caso de accidente ou avaría, mesmo cando non se tivesen producido danos directos sobre os elementos do dominio público viario. Esta previsión está en liña co xa previsto no artigo 40 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas do Estado, e dotará de maior seguridade xurídica as reclamacións que, nese sentido, fagan as administracións titulares das estradas.

Por último, modifícase a disposición adicional primeira da lei para realizar, por unha parte, un pequeno axuste da súa redacción no seu apartado primeiro, de tal xeito que se eviten as referencias internas dentro do texto legal, que poden dar lugar a confusións no caso de posteriores modificacións dos preceptos referidos; e, por outra parte, para modificar o seu apartado segundo, onde se regula un mecanismo para a reposición de elementos afectados por obras das estradas. A práctica puxo de manifesto a necesidade de dispoñer dun prazo máximo desde a finalización das obras para que as persoas administradas poidan realizar as reposicións sinaladas neste punto que ata o de agora carecían de prazo (o que daba lugar a situacións de difícil xustificación e aumentaba a posibilidade de fraude nos casos en que se facía uso desta excepcionalidade), polo que se considera adecuado fixar un prazo de tres anos desde a data de finalización contractual da obra que lle afectou.

Así mesmo, dado que esta modificación será aplicable ás obras finalizadas após a súa entrada en vigor (ou, en todo caso, para as que finalizasen nos tres anos anteriores), e para evitar o baleiro xurídico que iso podería xerar, para os casos de obras xa finalizadas contractualmente no momento da entrada en vigor desta modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, inclúese unha disposición transitoria para dotar dun prazo de tres anos, contado desde a entrada en vigor da presente lei de medidas.

O capítulo V aborda diversas medidas en materia de mar. Modifícase a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e acométese unha modificación puntual para recoller expresamente o comiso como sanción accesoria para a infracción grave en materia de comercialización coa finalidade de evitar a comercialización de produtos pesqueiros ilegais durante a tramitación do correspondente procedemento sancionador.

Tamén se inclúen diversas modificacións da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia. Por unha banda, trátase de aclarar o alcance das obrigas de coordinación de actividades empresariais dentro da zona portuaria no ámbito de espazos portuarios outorgados en concesión ou autorización, así como naqueles onde a actividade empresarial estea baixo control e dirección dun empresario que pode actuar coa colaboración de empresas auxiliares e subcontratistas, e é este empresario principal o responsable, de xeito que non poida imputar tal obriga á autoridade portuaria. Este é, ademais, o criterio seguido pola Administración xeral do Estado no artigo 65 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da Mariña, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro. Tamén se introducen determinados matices en materia sancionadora coa finalidade de acadar unha maior proporcionalidade na aplicación das sancións previstas na lei e fíxase o prazo máximo dun ano como aplicable na tramitación nos procedementos administrativos sancionadores.

O capítulo VI aborda diversas medidas en materia de política social. Así, modifícase a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se modifica o título da disposición adicional novena e se engade nela un novo apartado sete. Este cambio obedece á aplicación da gratuidade na atención educativa das escolas infantís 0-3 para todos os nenos e nenas usuarios destes centros, con independencia do número de irmáns.

Modifícase tamén a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, en relación co réxime de cofinanciamento nos servizos prestados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou ente que o substitúa en colaboración cos concellos e mancomunidades, coa finalidade de aclarar e homoxeneizar a terminoloxía utilizada coas previsións contidas nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma no que atinxe ás débedas susceptibles de compensación a través do Fondo de Cooperación Local. Nese sentido, resulta necesaria a modificación do artigo dedicado a tal réxime de cofinanciamento substituíndo o termo «firmes» aplicado ás débedas obxecto de compensación, que pode dar lugar a confusións, polo de «vencidas», que é a expresión que figura na lexislación de orzamentos e que resulta máis adecuada desde a perspectiva da técnica xurídica, de acordo co sentido do precepto.

Así mesmo, e tendo en conta o obxectivo de avanzar na sustentabilidade financeira nos servizos que se prestan a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en colaboración cos concellos e mancomunidades, proponse unha redución do prazo previsto para o pagamento da contía das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento correspondentes ás entidades locais, que pasaría de tres a dous meses.

Por último, sen esquecer a necesaria axilidade na tramitación dos procedementos administrativos e en garantía da seguridade xurídica, proponse, de conformidade co disposto no artigo 21.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a introdución dun prazo máximo para a notificación da resolución que pon fin ao procedemento de liquidación, que se fixa en seis meses desde a data do acordo de iniciación, consonte o previsto no artigo 21.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para os procedementos iniciados de oficio.

O capítulo VII aborda diversas medidas en materia de emprego. Así, modifícase, por un lado, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e por outro, a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, en relación coa regulación dos contratos reservados.

Respecto da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a modificación ten por obxecto facilitar o exercicio das obrigas de depósito das contas anuais das cooperativas, á vista das dificultades xurdidas para a sinatura electrónica daquelas por parte de todos os membros do consello reitor, especialmente cando o seu número é elevado. Nese sentido, aclárase na lei que será o presidente do consello reitor, que tamén o é da sociedade cooperativa, o cal ten atribuída a súa representación legal, xunto coa do secretario, ou, se for caso, coa do administrador único, os que deberán asinar electronicamente as contas anuais e o correspondente informe de xestión. Desta forma, permitirase cumprir satisfactoriamente con esta obriga legal e o procedemento de depósito de contas poderá tramitarse electronicamente na súa integridade.

En relación coa Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, modifícase o artigo 26, relativo á reserva obrigatoria de contratos a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción. Transcorridos máis de sete anos desde a aprobación da Lei 14/2013, do 26 de decembro, algunhas das previsións contidas no antedito artigo precisan ser actualizadas.

Por unha banda, a Lei 9/2017, do 8 de novembro, establece a reserva aos centros especiais de emprego de iniciativa social e ás empresas de inserción e deixa fóra os centros especiais de emprego de iniciativa empresarial que posúen ánimo de lucro e que non poden acollerse a esta reserva. Así, na súa disposición adicional cuarta establece que, mediante un acordo do Consello de Ministros ou do órgano competente no ámbito das comunidades autónomas e das entidades locais, se fixarán as porcentaxes mínimas de reserva do dereito a participar nos procedementos de adxudicación de determinados contratos ou de determinados lotes destes a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción.

Por outro lado, os procedementos negociados por razón da contía deixaron de existir coa entrada en vigor da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Polo tanto, por razóns de seguridade xurídica, evitando acordos interpretativos para utilizar outras figuras contractuais que poidan resultar equivalentes por asimilación, no momento de efectuar o cálculo da reserva, faise imprescindible levar a cabo a modificación proposta.

Por conseguinte, co obxectivo de continuar avanzando cara a unha contratación pública responsable e sustentable, modifícase a citada lei para os efectos de conciliar e dar coherencia ás previsións recollidas tanto na actual Lei 14/2013, do 26 de decembro, como na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, respecto da reserva obrigatoria de contratos a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción, establecendo unha porcentaxe obrigatoria mínima de reserva, que deberá ser respectada polo Consello da Xunta de Galicia; eliminando a porcentaxe máxima de reserva que prevía a lei; substituíndo a referencia do procedemento negociado por razóns da contía polo procedemento aberto simplificado previsto no apartado 6 do artigo 159 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, e fixando os mecanismos para o seguimento do cumprimento da citada reserva, así como a porcentaxe de reserva que se aplicará en cada exercicio orzamentario.

O capítulo VIII aborda diversas medidas en materia de vivenda. Introdúcense, así, diversas modificacións na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia. Por unha banda, créase un fondo de cooperación cos concellos, cuxa finalidade é que poidan financiar a adquisición e promoción de vivenda de nova construción destinada principalmente a alugueiro social, ben que estas vivendas poderían destinarse a outras finalidades co fin de se adaptar ás necesidades sociais existentes en materia de vivenda e aos programas que, de ser o caso, poidan aprobarse, xa sexan autonómicos ou estatais. O obxectivo é, pois, que poidan financiar novas promocións que permitan asentar poboación e satisfacer a demanda de vivenda por parte da poboación, principalmente en réxime de alugueiro a rendas accesibles, que permitan acceder a unha vivenda ás persoas con maiores dificultades de acceso.

Inclúese na lei un procedemento de adxudicación directa das vivendas protexidas de promoción pública para atender necesidades urxentes de vivenda. Ben que o réxime xeral de adxudicación das vivendas de promoción pública é o do sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, para garantir a aplicación dos principios de publicidade, transparencia e concorrencia nos procedementos de adxudicación da vivenda protexida, hai que ter en conta que as vivendas de promoción pública son as vivendas protexidas dirixidas aos colectivos con maiores dificultades de acceso á vivenda e que, en ocasións, presentan unha necesidade urxente de vivenda, polo que, para atender estas situacións, debe regularse un procedemento extraordinario que posibilite, en casos debidamente acreditados, adxudicar vivendas de promoción pública directamente a estas persoas.

Tamén se reduce a contía máxima das sancións por infraccións moi graves cando os responsables destas sexan persoas adxudicatarias, por calquera título, dunha vivenda protexida. Aínda que a actual redacción da Lei 8/2012, do 29 de xuño, xa permitía reducir á metade o importe das sancións cando o responsable da infracción for adxudicatario dunha vivenda protexida, a antedita redución no caso das infraccións moi graves é insuficiente, xa que a contía destas sancións podería acadar os 300.000 euros, unha vez aplicada a redución do seu importe á metade. Esta contía resulta excesiva xa que, na práctica, supón que persoas cun baixo nivel de ingresos poidan ser sancionadas con multas que poden chegar a quintuplicar o valor da vivenda. Déixase a salvo, non obstante, a posibilidade xa prevista na actualidade de incrementar o importe da sanción na contía necesaria para acadar a equivalente ao beneficio económico que, de ser o caso, fose obtido coa comisión da infracción.

Por outra banda, regúlanse cun maior nivel de detalle cales son os efectos do silencio administrativo en determinados procedementos iniciados por solicitude do interesado, coa finalidade de lograr así unha maior seguridade xurídica. Na liña da anterior regulación, establécese que o silencio sexa negativo, na medida en que o silencio se produce no marco de procedementos que teñen por obxecto vivendas protexidas que se destinan aos colectivos con maiores dificultades de acceso á vivenda. A propia natureza das vivendas protexidas determina que non se poidan asumir por silencio dereitos ou facultades que poidan afectar a finalidade última de interese público para a cal están destinadas.

Por último, recóllese que as axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica teñen a consideración de axudas prestacionais de carácter asistencial, dada a especial vulnerabilidade do colectivo do que forman parte as persoas beneficiarias delas.

O capítulo IX, dedicado a sanidade, modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Neste sentido, cómpre indicar que a Administración xeral do Estado interpuxo, o 6 de abril de 2021, un recurso de inconstitucionalidade contra o apartado cinco do artigo único da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, en canto dá unha nova redacción ao artigo 38.2 da lei modificada. Producida esa interposición, a Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral del Estado-Comunidade Autónoma de Galicia acordou tratar de acadar un acordo extraprocesual ao respecto das discrepancias manifestadas na interposición de tal recurso de inconstitucionalidade. Finalmente, tal Comisión Bilateral chegou a un acordo en virtude do cal ambas as dúas partes consideraron resoltas aquelas discrepancias de conformidade cunha de serie de compromisos e consideracións, como foi, entre outras, a de que se promovese unha iniciativa lexislativa co obxecto de introducir no texto da Lei de saúde de Galicia unha disposición adicional segunda, relativa á aplicación das medidas de vacinación no marco das competencias estatais de coordinación xeral da sanidade e da Estratexia nacional de vacinación. Procede, por tanto, introducir o texto da disposición indicada na Lei 8/2008, tal e como foi acordado coa Administración xeral do Estado, para desenvolver e precisar a regulación da medida mediante a indicación do marco competencial e normativo en que se insire. Tamén se acordou que, con base nese acordo, unha vez producida tal modificación normativa, a Administración xeral do Estado desistirá do recurso interposto perante o Tribunal Constitucional.

Por outra parte, engádese un novo artigo á presente lei relativo a unha serie de medidas extraordinarias en materia de planificación e ordenación de recursos humanos para o fortalecemento da atención primaria en Galicia.

A creación da categoría profesional que se propón resulta necesaria como medida extraordinaria e urxente para paliar o déficit de persoal médico dispoñible para servizos asistenciais en atención primaria. Nos próximos cinco anos a remuda xeracional de persoal médico de familia non está garantida. Tendo en conta tanto o persoal que previsiblemente vai optar pola xubilación nos próximos cinco anos como as vacantes non cubertas actualmente, o persoal en formación que rematará a súa especialidade de medicina familiar e comunitaria o próximo ano e os catro seguintes non será suficiente para cubrir as necesidades asistenciais en atención primaria.

Por outra banda, as condicións de traballo actuais en atención primaria están organizadas en dúas tipoloxías de postos de traballo de médico de familia. Un deles é específico dos PAC (dispositivos de atención urxente extrahospitalarios) e outro cobre a atención ordinaria en centros de saúde.

Os documentos de planificación, nomeadamente o Plan Galego de Atención Primaria (obxectivo 3.4), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 16 de maio de 2019, e o documento Por unha atención primaria vertebradora do sistema, apuntan á necesidade de que o persoal médico de familia preste servizos tanto en atención primaria como nos PAC. Así tamén, a Comisión de Seguimento do documento citado, Por unha atención primaria vertebradora, ten manifestado a necesidade de que os médicos de familia presten servizos en PAC e tamén en atención ordinaria.

De acordo coa estratexia marcada e ante esta grave situación, cómpre establecer cambios no modelo de prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria configurando unha nova categoría profesional que permita a prestación conxunta tanto en ordinaria como en PAC. As funcións desta categoría profesional desenvolveranse coas regras especiais en canto aos lugares de prestación do servizo, dispoñibilidade e xornada, que particularizan as súas especificidades. Esta nova categoría prestaría servizos nas novas prazas que se creen, na reconversión das vacantes actuais e tamén nas que se produzan por baixas definitivas derivadas de xubilación e outras causas nos próximos cinco anos.

Por outro lado, outra das medidas extraordinarias recollidas é o reforzo de equipos de apoio no ámbito da atención primaria. O artigo 3 do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, recolle o chamado persoal técnico en saúde como un recurso de apoio para os servizos de atención primaria.

En atención ás circunstancias anteriormente sinaladas, prevese a posibilidade de que o Servizo Galego de Saúde acuda ao nomeamento de persoal estatutario temporal de carácter eventual como persoal médico técnico de saúde, que desenvolva funcións de apoio na atención primaria nos ámbitos da xestión da incapacidade temporal, prevención da enfermidade ou calquera outro que demanden as necesidades da atención sanitaria e a protección da saúde. Do mesmo xeito que a anterior, esta medida ten tamén un carácter extraordinario e temporal.

O capítulo X aborda diversas medidas en materia de industria, comercio e consumo. Nese sentido, modifícase o Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, para os efectos de aclarar o procedemento para a declaración e implantación de proxectos industriais estratéxicos, tanto respecto da súa tramitación como dos órganos competentes.

Así mesmo, modifícase a Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, no marco dos procedementos de disolución e extinción das cámaras de comercio. En particular, aclárase, no precepto dedicado á asunción de funcións por outra cámara, a non vinculación, directa ou indirecta, polos saldos debedores derivados da liquidación da cámara extinguida.

Por outra banda, modifícase a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, co obxectivo de incrementar a protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, tanto en materia de seguridade como en materia de información e transparencia. Nese sentido, modifícanse determinados apartados no capítulo das infraccións e sancións co fin de aclarar e evitar interpretacións diverxentes, adaptar a regulación ás modificacións da normativa básica e engadir novos tipos sancionadores.

Por último, modifícase a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. En particular, engádese unha nova disposición adicional quinta para os efectos de regular na norma as distancias respecto dos núcleos de poboación das instalacións eólicas, como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo. Tamén se prevé un réxime transitorio para a aplicación de tales distancias nunha nova disposición transitoria sétima, respecto das novas solicitudes ou modificacións substanciais de proxectos que requiran unha nova tramitación ambiental e daquelas solicitudes que se atoparen pendentes de admisión.

Por outro lado, incorpórase unha nova disposición adicional sexta, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos, debido ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos. En particular, co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, faise necesario que durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da presente lei non sexan admitidas a trámite novas solicitudes, coas excepcións que recolle a norma.

Finalmente, incorpórase tamén unha nova disposición transitoria oitava na que se regula o réxime xurídico aplicable a aqueles expedientes que se atopan sen permisos de acceso e conexión e cuxa exixencia derivou da entrada en vigor da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O capítulo XI aborda diversas medidas en materia de coordinación de policías locais. Neste sentido, modifícase a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais. A principal novidade consiste na regulación da mobilidade, que pasa de configurarse como un sistema de acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local a configurarse como un sistema de provisión. Así, o persoal funcionario de carreira dos corpos de policía local de Galicia pertencente ás categorías de policía, oficial, inspector, inspector principal, intendente, intendente principal e superintendente poderá participar nos procesos de provisión de postos vacantes da súa mesma categoría noutros corpos de policía local da comunidade autónoma. Tamén se introduce no texto da lei a exixencia dun informe que deberá emitir a dirección xeral competente en materia de coordinación de policías locais, sobre as bases das convocatorias dos distintos sistemas de acceso e provisión previstos na norma. Por último e coa finalidade de acadar unha maior seguridade xurídica, pasan a recollerse na lei os requisitos exixidos para o acceso aos corpos de policías locais.

O capítulo XII aborda diversas medidas en materia de universidades. Nese sentido, modifícase a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, para os efectos de fortalecer e apoiar as estruturas de investigación e innovación universitarias e, por outro lado, a adaptación de determinados preceptos en materia de duración do mandato do presidente do consello social, eliminando as limitacións temporais na súa renovación.

Os diferentes plans de investigación e innovación da Administración autonómica, así como os seus instrumentos financeiros, veñen recoñecendo a importancia dunha investigación interdisciplinar de excelencia e de alto impacto, que xorde como consecuencia da agregación das capacidades de diferentes grupos de investigación e do fomento da investigación cooperativa entre eles, en ámbitos e estruturas organizativas ben definidas, co obxecto de asumir novos retos e aumentar a capacidade competitiva.

Para tal fin, en diferentes anualidades, convocáronse axudas para fomentar as estratexias de cooperación supragrupo de investigación, que permitise incrementar tanto a calidade das actuacións en I+D como a capacidade para asumir os novos retos, mediante a creación de agrupacións estratéxicas que debían constituír a cerna en que se cimentasen futuras políticas de apoio.

Polo tanto, a Comunidade Autónoma atópase ante a oportunidade de estruturar máis adecuadamente as actividades e grupos de investigación de excelencia, no ámbito do Sistema universitario de Galicia, co obxectivo estratéxico de alcanzar un maior e máis sólido protagonismo no futuro espazo europeo de investigación.

No marco das súas competencias de fomento da investigación recoñecidas no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, prevese na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, un procedemento para xestionar a acreditación dos centros e estruturas de I+D+i universitarios de Galicia. A actuación ten a finalidade de impulsar a calidade e o impacto da investigación realizada en Galicia e potenciar o efecto tractor que estas unidades exercen sobre o conxunto do sistema.

Os centros e estruturas de I+D+i universitarios acreditados favorecerán o Sistema universitario de Galicia ao garantiren un nivel de excelencia de calidade dos servizos I+D+i e incentivaren a mellora continua da calidade dos resultados de I+D+i, impulsando o uso eficiente dos recursos e o seu axuste multidisciplinar con grupos de excelencia doutras institucións, así como promover as liñas de colaboración entre centros do propio sistema e cos doutras institucións públicas ou privadas con obxectivos I+D+i, posibilitando a competencia, a través dun recoñecemento institucional que facilite o aumento dos recursos humanos, infraestruturas e novas tecnoloxías para ampliar e consolidar a calidade e cantidade das liñas de investigación e a coherencia e consolidación dos equipos, e implicar os profesionais na mellora continua da calidade a través da motivación e incentivación para manter a acreditación das súas actividades. Por outra banda, a acreditación supón para os centros e estruturas de I+D+i un elemento de difusión das súas actividades de investigación.

Así mesmo, para a Administración autonómica a acreditación dos centros e estruturas de I+D+i universitarios constitúe unha garantía do correcto financiamento da investigación, asegurando o bo uso dos recursos públicos e privados e unha correcta práctica investigadora, alén da transferencia dos resultados da investigación á sociedade; e permítelle, igualmente, identificar as institucións investigadoras de excelencia e os seus indicadores temáticos, de calidade, eficacia, eficiencia, oportunidade e pertinencia da actividade investigadora que faciliten unha mellor planificación dos obxectivos e unha xestión óptima dos recursos financiados con subvencións públicas.

Por outra banda, en canto á modificación relativa aos consellos sociais, a estes órganos de goberno de cada universidade correspóndelles a supervisión das actividades de carácter económico da universidade e do rendemento dos seus servizos e promover a colaboración da sociedade no financiamento da universidade, así como cantas outras funcións lles sexan atribuídas por esta lei e o resto da normativa aplicable.

De conformidade co previsto no artigo 83.1 da Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia, o presidente ou presidenta do Consello Social será designado ou designada pola Presidencia da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de universidades, logo de escoitar o reitor ou reitora da universidade.

Dada a natureza destes órganos, como nexo de unión e participación da sociedade nas universidades, estímase oportuno que o seu órgano unipersoal da presidencia non teña limitada temporalmente a renovación do mandato, favorecendo deste xeito a continuidade das funcións de representación, dirección e planificación xeral da actividade do consello social.

O capítulo XIII, relativo ao procedemento e organización administrativa, inclúe unha modificación da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, co obxecto de garantir o cumprimento do principio de autoprovisión e dos obxectivos de interese público na asistencia xurídica do sector público autonómico xa recollidos no artigo 5 da devandita lei e na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Ao mesmo tempo, pretende garantir a coherencia e a calidade da asistencia xurídica de todo o sector público autonómico.

O capítulo XIV, en materia de réxime financeiro e orzamentario, aborda a modificación do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, xa que a súa redacción só permite dar tratamento orzamentario aos anticipos reembolsables, mais é necesario que se poida estender este tratamento aos non reembolsables, debido especialmente aos fluxos dos novos fondos correspondentes ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) procedentes do Regulamento (UE) 2021/241 e á necesidade de garantir o seu adecuado control e a neutralidade financeira nas contas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, cómpre indicar que, segundo os criterios de imputación establecidos no Sistema Europeo de Contas (SEC), os anticipos realizados entre administracións para o financiamento de execución de gastos deben estar incluídos nas contas financeiras de cada administración. En aplicación dos criterios do SEC, debe poder darse carácter financeiro ao tratamento orzamentario destes anticipos, con independencia de se se configuran como reembolsables ou non reembolsables.

Na súa parte final, a lei recolle dúas disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e cinco disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira establece medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2022, como consecuencia da escaseza de persoal de perfil sanitario agravada pola situación derivada da pandemia da COVID-19, e para garantir a dispoñibilidade do citado persoal, continuando a liña da disposición adicional terceira da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas. A disposición adicional segunda regula as medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública.

A disposición transitoria primeira prevé un réxime aplicable a procesos selectivos para o acceso aos corpos de policía local da comunidade autónoma xa convocados con anterioridade á entrada en vigor da presente lei. A disposición transitoria segunda establece o réxime transitorio aplicable aos traslados por violencia de xénero regulados no artigo 102.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que se produciran con anterioridade á entrada en vigor desta lei de medidas fiscais e administrativas.

Por último, nunha disposición derrogatoria única derróganse as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Pola súa banda, a disposición derradeira primeira refírese á modificación das disposición regulamentarias. A disposición derradeira segunda establece que as medidas de defensa e protección en materia de xestión da Rede Natura 2000 introducidas por medio da presente lei serán aplicables desde a entrada en vigor desta lei, sen prexuízo da ulterior adaptación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. A disposición derradeira terceira é a referida á modificación nas inscricións no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos. A disposición derradeira cuarta recolle a habilitación para o seu desenvolvemento normativo e a quinta é a previsión sobre a súa entrada en vigor.

Esta lei axústase así aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responderen as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao se recolleren na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación como exixe o principio de transparencia, e ao se introduciren a través dela, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I

Medidas fiscais

CAPÍTULO I

Tributos cedidos

Artigo 1. Imposto sobre a renda das persoas físicas

Un. Modifícase o artigo 4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Escala autonómica ou complementaria do imposto sobre a renda das persoas físicas

A escala autonómica aplicable á base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas será a seguinte:

Base liquidable

Ata euros

Cota íntegra

Euros

Resto base liquidable

Ata euros

Tipo aplicable

Porcentaxe

0 0 12.450,00 9,4
12.450,00 1.170,30 7.750,00 11,65
20.200,00 2.073,18 15.000,00 14,9
35.200,00 4.308,18 24.800,00 18,4
60.000,00 8.871,38 En diante 22,5»

Dous. Modifícase o artigo 5.catro do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica a cantidade de 300 euros por cada menor en réxime de acollemento familiar simple, permanente, provisional ou preadoptivo, administrativo ou xudicial, formalizado polo órgano competente en materia de menores da Xunta de Galicia, sempre que convivan co menor cento oitenta e tres ou máis días durante o período impositivo. Se o tempo de convivencia durante o período impositivo for inferior a cento oitenta e tres días e superior a noventa días, o importe da dedución por cada menor acollido será de 150 euros.

Non dará lugar a esta dedución o suposto de acollemento familiar preadoptivo cando se produza a adopción do menor durante o período impositivo, sen prexuízo da aplicación, se for o caso, da dedución por adopción.

En caso de acollemento de menores por matrimonio, ou por parellas de feito a que se refire a disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles, se optaren pola declaración individual».

Artigo 2. Imposto sobre o patrimonio

Un. Engádese o artigo 13 quater ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«Artigo 13 quater. Bonificación na cota íntegra

Sobre a cota íntegra do imposto aplicarase unha bonificación do 25 % do seu importe».

Dous. Modifícase o artigo trece ter, número Un, do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Un. Dedución por creación de novas empresas ou ampliación da actividade de empresas de recente creación.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible figura algún ao que se lle aplicaron as deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas relativas á creación de novas empresas ou ampliación da actividade de empresas de recente creación, ou investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 75 %, cun límite de 4.000 euros por suxeito pasivo, na parte da cota que proporcionalmente corresponda aos mencionados bens ou dereitos. O incumprimento dos requisitos previstos nas deducións do imposto sobre a renda das persoas físicas determinará a perda desta dedución.

Esta dedución será incompatible coas establecidas nos números Dous e Cinco seguintes».

Artigo 3. Redución do tipo de gravame xeral na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas

Modifícase o número 1 do apartado Un do artigo 14 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«1. Con carácter xeral, na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable á transmisión de bens inmobles, así como na constitución e cesión de dereitos reais que recaian sobre estes, agás os dereitos reais de garantía, será do 9 %».

Artigo 4. Bonificación da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, modalidade máquinas ou aparellos automáticos

Un. Os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar, modalidade máquinas ou aparellos automáticos, poderán aplicar unha bonificación que acadará o importe equivalente ao:

  1. a) 46 % da cota trimestral devindicada no primeiro trimestre do ano 2021, para aquelas máquinas instaladas en casinos, salas de bingo, salóns de xogo e tendas de apostas.
  2. b) 33 % da cota trimestral devindicada no primeiro trimestre do ano 2021, para aquelas máquinas en situación de alta que non estean instaladas nos establecementos a que se refire a letra anterior.

Os suxeitos pasivos poderán aplicar a bonificación anterior sempre que a autorización estivese en situación de alta nalgún día do citado período. Para os efectos de determinar a porcentaxe terase en conta a tipoloxía do establecemento en que a máquina estiver instalada o día 27 de xaneiro de 2021.

A aplicación da bonificación que proceda deberán realizala de xeito acumulado, de ser o caso, na primeira autoliquidación que presenten no ano 2022 en período voluntario, sen que esta poida ser negativa. Caso de non poderen aplicar a bonificación de xeito completo por ser superior o seu importe ao importe a ingresar da autoliquidación, a cantidade que reste aplicarana nas subseguintes autoliquidacións ata esgotala.

No caso de que o suxeito pasivo non tiver que presentar ningunha autoliquidación polos períodos impositivos que se declaran durante o ano 2022, poderá solicitar a rectificación da autoliquidación presentada correspondente ao primeiro trimestre do ano 2021.

Dous. Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar as disposicións necesarias para a aplicación da bonificación establecida neste artigo. Así mesmo, a persoa titular da dirección da Axencia Tributaria de Galicia poderá actualizar, de ser necesario, os modelos de autoliquidación da taxa fiscal sobre os xogos de sorte, envite e azar co fin de adaptalos á regulación da devandita bonificación, e ditar as instrucións para completalos, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO II

Tributos propios

Artigo 5. Taxas

  1. Elévanse os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia ata a cantidade que resulte da aplicación do coeficiente do 1,02 ás contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei, exceptuando as tarifas que experimenten algunha modificación na contía no número 2 deste artigo. Este coeficiente será aplicable tanto ás contías, de carácter mínimo ou máximo, como ás deducións que se establecen en todo tipo de tarifas, tanto de taxas de contía fixa como variable.

Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.

Exceptúanse do incremento establecido anteriormente aquelas taxas que se recadan mediante efectos timbrados, así como a establecida na subalínea 11 da alínea 14 do anexo 1, «Licenza única interautonómica en materia de pesca continental», e a establecida na subalínea 05 da alínea 15 do anexo 1, «Licenza única interautonómica en materia de caza», da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 23, que queda redactado como segue:

«Gozarán de exención da presente taxa:

  1. A expedición de certificados de retribucións satisfeitas pola Xunta de Galicia co obxecto de xustificación en relación co imposto sobre a renda das persoas físicas.
  2. A expedición de certificados e compulsa que o persoal da Administración solicite respecto de necesidades propias do posto de traballo ou da relación de servizos.
  3. Os alumnos e alumnas por calquera actuación en materia de ensinanzas non universitarias.
  4. As compulsas realizadas nas oficinas de emprego para os desempregados e desempregadas na tramitación de expedientes que sexan competencia das devanditas oficinas.
  5. A inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da Comunidade Autónoma, logo de xustificación documental, solicitada por:

– Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada por:

– Persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

– Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria de probas selectivas de persoal nas que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste artigo, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

  1. A expedición de certificados relativos á situación fiscal.
  2. O Estado e os demais entes públicos territoriais ou institucionais, sempre que os servizos ou as actividades de que sexan beneficiarios se presten ou realicen no marco do principio de colaboración entre administracións.
  3. As vítimas de actos terroristas, así como os seus cónxuxes e os seus fillos, por calquera actuación en materia educativa realizada en centros oficiais de estudos en todos os niveis de ensino.
  4. Os membros dos organismos consultivos da Administración pública galega respecto dos certificados emitidos polos devanditos organismos.
  5. A participación nas probas para a obtención do certificado de profesionalidade, logo de xustificación documental, con referencia ás seguintes persoas:

– As que figuren inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego.

– As que teñan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

  1. A inscrición nas probas homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais a acreditación do nivel correspondente, logo da xustificación documental, solicitada por persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
  2. As persoas menores de idade e as maiores de sesenta e cinco anos pola tramitación da licenza de pesca continental.
  3. As inscricións e modificacións no Censo de Solo Empresarial de Galicia.
  4. A declaración polos letrados e letradas da Xunta da suficiencia dos documentos xustificativos dos poderes ou facultades dos que actúan en representación doutros».

Dous. Modifícase o apartado i) do número 2 do artigo 40, que queda redactado como segue:

«i) Cando a ocupación do dominio público portuario teña por destino a explotación de superficies destinadas a varadoiro para embarcacións profesionais do sector pesqueiro e/ou marisqueiro, o importe da bonificación será do 50 % sobre a taxa de ocupación de terreos resultante, sempre que a instalación se destine en exclusiva ao servizo da frota profesional pesqueira e marisqueira. Cando na instalación, de xeito complementario, se autorice prestar servizo a outro tipo de embarcacións non vinculadas ao sector pesqueiro ou marisqueiro, a bonificación que se aplicará sobre a taxa de ocupación de terreos resultante será do 35 %.

Esta bonificación será aplicable exclusivamente ás superficies destinadas ás zonas de depósito para estancia e reparación de embarcación e non será aplicable ás infraestruturas tales como fosos, ramplas ou parcelas edificadas de servizo a esta actividade».

Tres. Elimínase a alínea 06 do anexo 1.

Catro. Modifícase a subalínea 3 da alínea 20 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola LOE e dos seus duplicados:

Títulos/Tarifas (en €) Tarifa normal Familia numerosa categoría xeral Familia numerosa categoría especial Duplicado
Bacharelato 54,00 27,03 0 4,98
Técnico 22,07 11,06 0 2,55
Técnico superior 54,00 27,03 0 4,98
Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais 70,73 35,38 0 7,09
Expedición de certificados de idiomas nivel intermedio B2 e nivel avanzado C1 e C2 25,91 12,97 0 2,55
Expedición do certificado do curso de especialización de ciclo medio ou superior de formación profesional 25,91 12,97 0 2,55
Profesional de Música 25,80 12,90 0 2,40
Profesional de Danza 25,80 12,90 0 2,40
Título superior de Música 70,73 35,38 0 7,09
Título superior de Danza 70,73 35,38 0 7,09
Título deportivo 22,51 11,27 0 2,59
Título deportivo superior 55,07 27,58 0 5,07
Título superior de Deseño 70,73 35,38 0 7,09
Título superior de Artes Plásticas 70,73 35,38 0 7,09
Título superior de Arte Dramática 70,73 35,38 0 7,09»

Cinco. Elimínase a alínea 28 do anexo 1.

Seis. Modifícase o primeiro parágrafo da subalínea 4 da alínea 7 do anexo 2, que queda redactado como segue:

«Expedición de documentación oficial sanitaria de movemento, nacional ou intracomunitario, de animais vivos e produtos de orixe animal procedentes da gandaría ou da acuicultura, agás que sexa realizada de forma telemática a través das aplicacións informáticas habilitadas accesibles nas consellerías competentes en materia de gandaría ou acuicultura, a través da aplicación do sistema Traces ou que os operadores a obteñan directamente a través desta aplicación (mínimo 3,03 € por certificación)».

Sete. Modifícase a subalínea 6 da alínea 7 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Autorizacións e rexistros de centros/equipos de produtos reprodutivos de animais de renda e autorizacións de paradas de sementais, revisións anuais deles e emisión de certificados zoosanitarios:

– Por autorización e/ou rexistro de centros de recollida, produción e transformación de produtos reprodutivos (centros de recollida de seme, equipos de recollida/produción de embrións, centros de transformación): 101,42
– Por revisión anual 49,28
– Por autorización e/ou rexistro de depósitos de produtos reprodutivos (centros de almacenamento, distribuidores) 73,88
Por revisión anual: 29,61
Por autorización de paradas de sementais

Por revisión de sementais

22,78
Equinos e bovinos (por unidade) 7,60
– Ovinos, caprinos e porcinos (por unidade) 1,52
– Por emisión de certificados zoosanitarios de acompañamento de produtos reprodutivos destinados a intercambios intracomunitarios ou exportación a terceiros países
Mínimo (por certificado) 3,19
Máximo (por certificado) 10,63»

Oito. Modifícase a subalínea 33 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Autorización e/ou rexistro de explotacións avícolas, cunícolas, porcinas, apícolas e de peletaría, agás as de tipo autoconsumo (porcino, avicultura e apicultura), reducidas (porcino) e artesanais (avicultura):

– Pola xestión e tramitación do expediente de rexistro completo, incluíndo as visitas de inspección correspondentes (explotacións avícolas, cunícolas, porcinas e de peletaría) 106,26
– Pola xestión e tramitación do expediente de rexistro completo, así como de expedientes de ampliación, modificación da primeira inscrición, incluíndo as visitas de inspección correspondentes en explotacións de apicultura distintas de autoconsumo. Custo para a tramitación dun asentamento (increméntase en 15 euros por cada asentamento adicional a partir do primeiro solicitado ata un máximo de 85 euros) 25,00
– Pola xestión e tramitación de expedientes de ampliación, modificación da primeira inscrición ou exencións previstas na normativa aplicable, incluíndo as visitas de inspección correspondentes (explotacións avícolas, cunícolas, porcinas e de peletaría) 53,14»

Nove. Modifícase subalínea 37 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Supervisión da corentena de animais de compañía procedentes de terceiros países 30,60
Por cada visita de supervisión adicional á primeira visita 30,60»

Dez. Engádese a subalínea 38 na alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Autorización para a realización de certames, concursos, exposicións ou concentracións de animais no ámbito gandeiro 14,73»

Once. Modifícase a subalínea 4 da alínea 44 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Análises de contaminantes de orixe química en moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura:

Determinación de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) mediante cromatografía líquida con detección de fluorescencia 299,65
Análise de PCB e pesticidas por cromatografía de gases/espectrometría de masas en tándem, GC-MS/MS 489,50
Análise de PCB por cromatografía de gases/espectrometría de masas en tándem, GC-MS/MS 311,97
Análise de pesticidas por cromatografía de gases/espectrometría de masas en tándem, GC-MS/MS 311,97»

Doce. Modifícase a subalínea 4 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Inscrición no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia:

– Pequeno produtor de residuos perigosos (<10 t/ano) 187,45
– Produtor de residuos perigosos (>10 t/ano) 187,45
– Produtores de residuos non perigosos (>1.000 t/ano) 187,45
– Produtor de lodos con destino á agricultura 187,45
– Transportista profesional de residuos perigosos e de residuos non perigosos 187,45
– Recolledor profesional sen instalación de residuos perigosos e non perigosos 187,45
– Negociante para residuos perigosos e para residuos non perigosos 187,45
– Axente para residuos perigosos e para residuos non perigosos 187,45»

Trece. Engádese a subalínea 25 na alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Comunicación da actividade de compostaxe comunitaria de biorresiduos 50,00»

Catorce. Engádese a subalínea 26 na alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Traslados de residuos nas fronteiras exteriores e no traslado polo interior da CAG 520,00»

Quince. Engádese a subalínea 27 na alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Realización de inspeccións previas ao outorgamento das autorizacións para as operacións de tratamento de residuos 419,00»

Dezaseis. Engádese a subalínea 28 na alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Comunicación da actividade de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos. 146,00»

Dezasete. Engádense as subalíneas 03 e 04 na alínea 57 do anexo 3, que quedan redactadas como segue:

«– 03. IPPC distintas das recollidas na epígrafe 9.3 do Real decreto lexislativo 1/2016 (instalacións industriais IPPC) 950,00
– 04. IPPC recollidas na epígrafe 9.3 do Real decreto lexislativo 1/2016 (granxas IPPC) 742,00»

Dezaoito. Modifícase á alínea 68 do anexo 3 nos seguintes termos:

«68. Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado 0,021»

Dezanove. Modifícase a regra terceira da tarifa X-2 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Terceira. As bases para a liquidación desta tarifa serán a eslora máxima do barco, o calado do peirao e o tempo que o barco permaneza no atracadoiro ou no amarre.

Nos supostos de que un buque transporte calquera tipo de mercadoría perigosa e como consecuencia diso sexa necesario dispoñer dunhas zonas de seguridade a proa e/ou popa, considerarase como base para efectos da tarifa a eslora máxima do barco, incrementada na lonxitude das mencionadas zonas.

A contía básica desta tarifa é de 1,023138 € por cada metro de eslora ou fracción e por cada período de vinte e catro horas ou fracción que permaneza atracado ou amarrado, cos seguintes coeficientes por calado do peirao medido en BMVE:

– Por calado do peirao igual ou maior a 7 metros, coeficiente = 1.

– Por calado do peirao inferior aos 7 metros, coeficiente = 0,5.

Por períodos de tempo inferiores ás seis horas aplicarase unha redución do 50 % da contía da tarifa indicada anteriormente.

Naquelas terminais en que Portos de Galicia preste vixilancia presencial específica a tarifa base resultante incrementarase en 299,05 € por cada 24 horas ou fracción de estancia vixiada, agás para escalas inferiores a 12 horas, caso en que este incremento será de 149,53 €. A franxa horaria, para os efectos do cálculo da tarifa por vixilancia presencial, iniciarase 60 minutos antes da hora da reserva de atracada e finalizará 60 minutos despois da hora da saída efectiva do buque do porto. A esta contía non lle será aplicable ningunha das bonificacións ou reducións incluídas na presente tarifa X-2».

Vinte. Modifícase a regra primeira da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Primeira. O feito impoñible desta tarifa abrangue a dispoñibilidade do servizo de recepción de refugallos, incluídos os de carga, xerados por buques, e, de ser o caso, a súa prestación efectiva, e a antedita taxa seralles aplicable, na contía e nas condicións que se indican máis adiante, a todos os barcos que entren nas augas do porto.

O feito impoñible da taxa incluirá, así mesmo, a emisión do certificado pola prestación do servizo de recepción de refugallos segundo o disposto no Convenio internacional para previr a contaminación polos buques, do 2 de novembro de 1973 (convenio MARPOL), pola escala ou o período incluído no servizo segundo a súa tipoloxía».

Vinte e un. Modifícase a regra terceira da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Terceira. Son suxeitos pasivos obrigados ao pagamento desta tarifa os armadores ou os seus representantes ou os consignatarios dos barcos que entren nas augas do porto pola dispoñibilidade dos servizos, pola súa prestación efectiva ou pola emisión dos certificados correspondentes.

Para as embarcacións deportivas e de lecer, serán suxeitos pasivos, con carácter solidario, o titular da embarcación ou o seu representante autorizado e, de ser o caso, o titular do dereito de uso preferente do amarre ou da ancoraxe.

Para as embarcacións do sector de acuicultura, cando se adhiran a un convenio por pertenza a unha asociación profesional do sector, a asociación será o substituto do contribuínte e terá que cumprir no lugar daquel as obrigas formais e materiais derivadas da obriga tributaria.

Son responsables subsidiarios do pagamento da tarifa o capitán da embarcación e o seu patrón».

Vinte e dous. Modifícase a letra b) da regra quinta da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«b) Para embarcacións pesqueiras e do sector da acuicultura que teñan base ou operen habitualmente nun porto dependente de Portos de Galicia aplicaranse as seguintes contías fixas:

Para embarcacións pesqueiras:

– Se eslora = 7 m: 17,40 €/ano.

– Se eslora > 7 m e = 10 m: 45,85 €/ano.

– Se eslora > 10 m e = 15 m: 88,20 €/ano.

– Se eslora > 15 m e = 20 m: 151,20 €/ano.

– Se eslora > 20 m e = 25 m: 226,80 €/ano.

– Se eslora > 25 m: 277,20 €/ano.

Para as embarcacións auxiliares de acuicultura:

– Se eslora = 10 m: 69,40 €/ano.

– Se eslora > 10 m: 104,10 €/ano.

A tarifa liquidarase anualmente por adiantado.

Para as embarcacións pesqueiras liquidarase empregando os datos das embarcacións de base nos portos dependentes de Portos de Galicia, e, na súa falta, poderá empregarse o Rexistro de Embarcacións Pesqueiras de Galicia, elaborado pola consellería competente en materia de mar.

Para as embarcacións do sector de acuicultura que se adhiran a un convenio anual descrito na regra décima da tarifa X-1, décimo quinta da tarifa X-2 e décima da tarifa X-3, por pertenza a unha asociación profesional do sector, a liquidación da taxa X-6 poderase incluír no citado convenio.

Para as embarcacións pesqueiras e do sector da acuicultura que non teñan base nin operen habitualmente nun porto dependente de Portos de Galicia, aplicaranse as seguintes contías fixas por escala:

Para embarcacións pesqueiras:

– Se eslora = 10 m: 16,84 €/escala.

– Se eslora > 10 m e = 15 m: 21,89 €/escala.

– Se eslora > 15 m e = 20 m: 26,94 €/escala.

– Se eslora > 20 m e = 25 m: 50,51 €/escala.

– Se eslora > 25 m: 84,19 €/escala.

Para as embarcacións auxiliares de acuicultura:

– Se eslora = 10 m: 21,69 €/escala.

– Se eslora > 10 m: 32,53 €/escala.

O certificado emitido pola escala da embarcación de paso polo porto terá validez por tres meses en calquera porto dependente de Portos de Galicia nese período».

Vinte e tres. Modifícase a letra c) da regra quinta da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«c) Para as embarcacións deportivas e de lecer, con base nun porto dependente de Portos de Galicia, aplicaranse as seguintes contías fixas:

– Se eslora = 8 m: 9,68 €/semestre.

– Se eslora > 8 m e = 10 m: 12,80 €/semestre.

– Se eslora > 10 m e = 12 m: 17,02 €/semestre.

– Se eslora > 12 m e = 14 m: 23,89 €/semestre.

– Se eslora > 14 m e = 16 m: 33,56 €/semestre.

– Se eslora > 16 m e = 18 m: 38,40 €/semestre.

– Se eslora > 18 m: 43,24 €/semestre.

A liquidación realizarase conxuntamente coa tarifa X-5 por semestres (1º e 2º semestre do ano) adiantados.

No caso de embarcacións deportivas e de lecer que non teñan a condición de embarcacións de base en ningún porto dependente de Portos de Galicia, aplicarase por cada escala a seguinte contía:

– Se eslora ≤ 8 m: 1,29 €/escala.

– Se eslora > 8 m e ≤ 12 m: 3,87 €/escala.

– Se eslora > 12 m: 4,65 €/escala.

O certificado emitido pola escala da embarcación de paso polo porto terá validez por un mes en calquera porto dependente de Portos de Galicia nese período, e emitirase por petición previa do usuario, segundo o procedemento que se estableza.

A liquidación realizarase, segundo a declaración realizada polo xestor a Portos de Galicia, consonte o procedemento e formato que sinale Portos de Galicia.

Neste caso o xestor da instalación subrogarase na obriga dos suxeitos pasivos no relativo á tarifa X-6, podendo repercutila aos usuarios destes servizos de recollida de refugallos».

Vinte e catro. Modifícase a regra sexta da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sexta. O aboamento da taxa X-6 nun porto dependente de Portos de Galicia, polos períodos indicados na regra quinta da presente tarifa en función da tipoloxía da embarcación, exime do pagamento da tarifa noutro porto dependente de Portos de Galicia nese período, pola dispoñibilidade ou prestación do servizo de recollida de refugallos xerados por buques».

Vinte e cinco. Modifícase a regra sexta da tarifa E-2 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sexta. Os espazos destinados ao tránsito e almacenamento de mercadorías ou doutros elementos clasifícanse en catro zonas:

– Zona de manobra e tránsito: inmediata á de atracada dos buques (ata 12 m do cantil do peirao nos portos incluídos nos grupos A e B e ata 5 m nos portos incluídos no grupo C). Nesta zona non se permite o depósito de mercadorías sen autorización previa e expresa en cada caso da dirección do porto correspondente.

– Zonas especificamente habilitadas por Portos de Galicia para o depósito autorizado de aparellos vinculados á actividade da pesca profesional en manobra e tránsito, segundo a definición indicada no parágrafo anterior. Estas zonas serán delimitadas por Portos de Galicia en función da dispoñibilidade e configuración da infraestrutura portuaria.

– Zonas de almacenamento: as restantes zonas de depósitos do porto, agás a lámina de auga.

– Zonas de lámina de auga: a ocupación da lámina de auga incluída dentro da zona de servizo do porto».

Vinte e seis. Modifícase a regra sétima da tarifa E-2 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sétima. As contías, expresadas en euros, serán, por metro cadrado ou fracción e día natural ou fracción, as seguintes:

Zona de manobra e tránsito

(no caso de existir autorización)

Grupo A Grupo B Grupo C
Días 1 ao 10 0,038963 0,025954 0,019513
Días 11 ao 20 0,119337 0,079537 0,059699
Días 21 e seguintes 0,235386 0,156946 0,117726
Zonas habilitadas para ao depósito de aparellos vinculados á actividade da pesca profesional (no caso de existir autorización) Grupo A Grupo B Grupo C
Superficie descuberta 0,04251 0,02834 0,021253
Zona de almacenamento Grupo A Grupo B Grupo C
Superficie descuberta 0,021253 0,014169 0,010626
Superficie cuberta 0,081662 0,054419 0,040766
Zona de lámina de auga Grupo A Grupo B Grupo C
A menos de 20 m do cantil 0,074372 0,049532 0,037185
A máis de 20 m do cantil 0,033993 0,022642 0,017025

Na zona de almacenamento situada a máis de 35 m do cantil do peirao dos portos incluídos nos grupos A e B aplicarase a tarifa do grupo inmediato inferior correspondente.

Na zona de lámina de auga será aplicable a contía, para menos de 20 m do cantil, a todo o artefacto ou estrutura aínda que se atope parcialmente a menos desta distancia.

Aos elementos mecánicos tales como guindastres ou cintas móbiles que ocupen superficie descuberta e que sirvan de apoio ás operacións de carga e descarga de mercadorías de toda índole realizadas por vía marítima, que deban estar na zona de manobra e tránsito con carácter fixo ou eventual, seranlles aplicables as contías definidas no cadro anterior para a zona de almacenamento en superficie descuberta aplicada ao grupo correspondente e á superficie ocupada polo aparello e á súa zona de manobra.

En ocupación de superficies cubertas que dispoñan de varios andares, a tarifa que se aplicará segundo o cadro anterior será o sumatorio de cada un dos andares, aplicando o 100 % dela para a planta baixa e o 50 % para os andares primeiro e seguintes, considerando en cada caso a superficie útil correspondente. No caso de que se trate de edificios de departamentos para armadores, exportadores e comercializadores relacionados coas actividades do sector pesqueiro e marisqueiro que sexan de planta baixa ou de planta baixa máis un andar, a tarifa que se aplicará será soamente o 100 % da superficie en planta baixa.

Na ocupación de tubaxes, canalizacións ou instalacións soterradas xerais do porto, a tarifa será o 50 % do que lle correspondería segundo os cadros anteriores agás que o seu uso impida a utilización da superficie exterior. Neste caso a tarifa sería a indicada nesta regra para a superficie descuberta. A superficie que se considerará para canalizacións será a da proxección horizontal da tubaxe ou instalación de que se trate, cunha superficie mínima de 0,5 m2 por cada metro lineal de canalización.

As contías da tarifa para as ocupacións de superficie destinadas a usos non relacionados directamente coas actividades portuarias serán as seguintes:

Zona terrestre Grupo A Grupo B Grupo C
Días 1 ao 10 0,105314 0,070840 0,053134
Días 11 e seguintes 0,212540 0,141680 0,106268
Zona de lámina de auga Grupo A Grupo B Grupo C
A menos de 20 m do cantil 0,743721 0,495316 0,371856
A máis de 20 m do cantil 0,339935 0,226427 0,170246»

Vinte e sete. Modifícase a regra cuarta da tarifa E-3 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Cuarta. As contías da tarifa por subministración de auga potable serán as seguintes:

– Por metro cúbico de auga ou fracción subministrada a través das tomas propiedade de Portos de Galicia: 1,515834 €.

– Por metro cúbico de auga ou fracción subministrada nas restantes instalacións: 1,082700 €.

As contías indicadas nos dous parágrafos anteriores serán incrementadas sempre que sexan inferiores á contía global aplicable por parte da empresa subministradora a Portos de Galicia. Nese suposto as contías da tarifa por m3 de auga subministrada serán as seguintes:

A tarifa global aplicada pola empresa subministradora a Portos de Galicia cunha recarga do 35 %, cando esta sexa superior a 1,515834 €/m3, incluído o canon de saneamento, para tomas propiedade de Portos de Galicia.

A tarifa global aplicada pola empresa subministradora a Portos de Galicia cunha recarga do 10 %, cando esta sexa superior a 1,082700 €/m3, incluído o canon de saneamento, para o resto das instalacións.

A facturación mínima tanto no primeiro caso como no segundo caso será de 4,080525 €».

Vinte e oito. Modifícase a regra quinta da tarifa E-3 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Quinta. As contías da tarifa por subministración de enerxía eléctrica serán as seguintes:

  1. a) Por kWh ou fracción subministrada a través das tomas propiedade de Portos de Galicia: 0,383286 €. A facturación mínima será de 4,435379 €.
  2. b) As contías da taxa para as restantes instalacións:

As bases de cálculo da taxa portuaria defínense segundo os conceptos de enerxía establecidos en referencia directa ao cálculo da factura eléctrica do mercado retallista español, tendo en conta unha única franxa horaria, segundo a formulación seguinte:

Taxas E-3 no período de devindicación = (PA+EA) x Rv x IE + Ct. Sendo:

– Concepto de potencia accesible (PA): resulta da aplicación do prezo da potencia vixente no ano natural de devindicación.

Fíxase para o exercicio 2022 e seguintes unha contía de 0,103680 €/kW/día, multiplicado pola potencia dispoñible da instalación, que vén determinada polo calibre do interruptor xeral de protección da liña de acometida (kW), multiplicado polos días comprendidos no período de facturación.

No suposto de que a contía sufra variacións, tomarase a nova tarifa legalmente aprobada.

– Concepto de enerxía activa (EA): resulta da aplicación do prezo da enerxía vixente no ano natural de devindicación, multiplicado pola diferenza de lecturas do equipo de medida tomadas o primeiro día e o último do período de devindicación en kWh.

O prezo da enerxía vixente no ano natural será unha contía fixa, sendo este valor, para o exercicio 2022 e seguintes, de 0,162080 €/kWh.

No suposto de que a contía sufra variacións, tomarase a nova tarifa legalmente aprobada.

– Recarga polo volume de kWh consumidos (Rv): establécese unha recarga da tarifa base consumida comprendida entre o 2 % e o 10 %, dependendo a antedita porcentaxe do consumo medio diario realizado durante o período de devindicación, segundo a seguinte táboa:

Media dos kWh consumidos por día durante o período liquidado recarga (%)

Igual ou superior a 300 kWh/día, 10 %

Igual ou superior a 200 kWh/día e inferior a 300 kWh/día, 8 %

Igual ou superior a 100 kWh/día e inferior a 200 kWh/día, 6 %

Igual ou superior a 10 kWh/día e inferior a 100 kWh/día, 4 %

Igual ou superior a 5 kWh/día e inferior a 10 kWh/día, 2 %

Onde:

Rv = 1 + Recarga (%)/100

– Imposto eléctrico (IE): sobre o concepto de potencia accesible e o concepto de enerxía activa será aplicable a porcentaxe correspondente ao imposto eléctrico legalmente establecido polo organismo competente. O imposto eléctrico para o exercicio 2022 e seguintes é dun 5,11269632 %. Non obstante, no suposto de que sufra variacións durante este exercicio, adaptarase a formulación ao imposto vixente no período de devindicación.

Onde:

IE = 1 + Gravame imposto eléctrico (%)/100 = 1+5,11269632/100 = 1,0511269632.

– Contía por posta a disposición de contador (Ct): polos traballos de conexión, desconexión e tramitación administrativa de instalación e seguimento establécese unha contía fixa de 0,05 €/día en subministracións efectuadas en baixa tensión e de 0,5 €/día en subministracións efectuadas en media tensión, polos días comprendidos entre o primeiro e o último do período de devindicación».

Vinte e nove. Engádese unha subalínea 04 na alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Inspección, vixilancia e mantemento anual das axudas a navegación instaladas para a sinalización de cada viveiro flotante 54,16»

TÍTULO II

Medidas administrativas

CAPÍTULO I

Emprego público

Artigo 6. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese unha nova letra u) ao número 2 do artigo 14:

«u) A resolución das solicitudes de recoñecemento da progresión acadada na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da presente lei».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 25, que queda redactado como segue:

«1. Ao persoal funcionario interino élle aplicable, en canto sexa adecuado á natureza da súa condición temporal e ao carácter extraordinario e urxente do seu nomeamento, o réxime xeral do persoal funcionario de carreira, salvo aqueles dereitos inherentes á condición de funcionario de carreira».

Tres. Modifícase o número 6 do artigo 38, que queda redactado como segue:

«6. As relacións de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os instrumentos de ordenación do persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico poderán prever a clasificación dos postos co rango de subdirección xeral ou xefatura de servizo que garden relación directa coas competencias en materia de sanidade, educación e xustiza para a súa provisión por persoal sanitario, docente ou da Administración de xustiza, respectivamente, atendendo á especificidade das funcións que se deban desempeñar.

Os postos clasificados como xefatura territorial poderán ser provistos por persoal sanitario, docente ou da Administración de xustiza no caso de que así se determine na correspondente relación de postos de traballo».

Catro. Modifícase a letra e) do artigo 60, que queda redactada como segue:

«e) Toma de posesión dentro do prazo dun mes a partir da publicación do nomeamento ou dentro do prazo previsto na correspondente convocatoria do proceso selectivo. As persoas propostas para o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira no correspondente proceso selectivo poderán tomar posesión con destino provisional, antes da toma de posesión con destino definitivo, noutros postos vacantes do mesmo corpo ou escala atendendo á orde de prelación resultante no devandito proceso, sen prexuízo do acto de elección de destino definitivo no momento en que se oferten prazas a todos os nomeados».

Cinco. Modifícase o artigo 61, que queda redactado como segue:

«A adquisición da condición de persoal funcionario interino exixe, unha vez seleccionado nos termos previstos na alínea primeira do artigo 24, ademais do correspondente nomeamento, o cumprimento sucesivo do requisito establecido na letra d) do artigo 60 e a correspondente toma de posesión».

Seis. Modifícase o artigo 62, que queda redactado como segue:

«A adquisición da condición de persoal eventual exixe, en todo caso, ademais do correspondente nomeamento, o cumprimento sucesivo do requisito establecido na letra d) e a correspondente toma de posesión».

Sete. Modifícase o número 1 do artigo 80, que queda redactado como segue:

«1. Nas convocatorias de probas selectivas para o acceso á función pública, con excepción daqueles procesos que teñan por obxecto a estabilización e a consolidación do emprego temporal, un mínimo dun vinte e cinco por cento das prazas convocadas reservarase para persoal funcionario pertencente a corpos ou escalas do subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña subgrupo, inmediatamente inferior que reúna os seguintes requisitos:

  1. a) Posuír a titulación e os demais requisitos exixidos.
  2. b) Ter prestado servizos efectivos na condición de persoal funcionario durante, polo menos, dous anos no subgrupo ou grupo de clasificación profesional desde o que se pretenda promocionar. O persoal laboral fixo que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira da presente lei poderá participar nos procesos de promoción interna vertical regulados neste artigo sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional tida en conta no proceso de funcionarización.
  3. c) Non superar a idade de xubilación forzosa.

As prazas reservadas para a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de provisión libre, sempre que se trate dun proceso selectivo único rexido por unha mesma convocatoria».

Oito. Modifícase o número 2 do artigo 90, que queda redactado como segue:

«2. O persoal funcionario de carreira que ocupe con carácter definitivo un posto de traballo obtido por concurso debe permanecer nel un mínimo de dous anos para poder participar nos concursos ordinarios regulados neste artigo.

No suposto do persoal funcionario de novo ingreso, é requisito necesario para poder participar nestes concursos, en todo caso, unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.

O persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira da presente lei e a normativa de desenvolvemento dela poderá participar nos concursos ordinarios regulados neste artigo desde o momento da devandita adquisición, sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional equivalente ao corpo ou escala en que se realizou a súa funcionarización».

Nove. Modifícase o número 2 do artigo 100, que queda redactado como segue:

«2. O traslado regulado neste artigo, de carácter voluntario, levarase a cabo mediante comisión de servizos, que terá unha duración dun ano, prorrogable excepcionalmente por outro no caso de que se manteñan as necesidades de servizo ou funcionais».

Dez. Modifícase o número 3 do artigo 102, que queda redactado como segue:

«3. O posto de traballo asignado nesta situación terá carácter definitivo, sempre que a interesada estea conforme. De non manifestar a súa conformidade no prazo de tres anos desde a asignación do posto, o destino terá carácter provisional. Regulamentariamente determinaranse as condicións do traslado previsto neste artigo».

Once. Engádese un número 7 ao artigo 106, que queda redactado como segue:

«7. De conformidade coa lexislación básica estatal, para facer efectivo o seu dereito á protección e á asistencia social integral, o persoal funcionario que sufrise danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e os fillos dos feridos e falecidos, sempre que teñan a condición de persoal funcionario e de vítimas do terrorismo de acordo coa lexislación vixente, así como o persoal funcionario ameazado nos termos do artigo 5 da Lei 29/2011, do 22 de setembro, de recoñecemento e protección integral ás vítimas do terrorismo, contando co previo recoñecemento do Ministerio do Interior ou cunha sentenza xudicial firme, terán dereito á redución da xornada con diminución proporcional da retribución, ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que sexan aplicables, nos termos que estableza a administración competente en cada caso.

As citadas medidas serán adoptadas e mantidas no tempo en tanto que resulten necesarias para a protección e asistencia social integral da persoa a que se concede, xa sexa por razón das secuelas provocadas pola acción terrorista, xa sexa pola ameaza a que se encontra sometida, nos termos previstos regulamentariamente».

Doce. Déixase sen contido o número 5 do artigo 106.

Trece. Engádese unha letra p) no número 1 do artigo 185, que queda redactada como segue:

«p) Cometer fraude nun proceso selectivo a través de calquera comportamento tendente a obter anticipadamente as probas, obter mediante dispositivos electrónicos ou utilizando outro tipo de mecanismos os seus resultados no momento da súa realización, ou alterar os resultados das probas unha vez realizadas».

Catorce. Engádese unha letra y) ao número 1 do artigo 186, que queda redactada como segue:

«y) Cometer fraude nun proceso selectivo a través de calquera comportamento tendente a obter os resultados no momento da súa realización copiándoos doutro aspirante do proceso».

Quince. Engádese unha letra f) ao artigo 188, que queda redactada como segue:

«f) No caso de sanción pola falta prescrita na letra p) do artigo 185, a imposibilidade de participar en procesos selectivos por un período de 5 anos».

Dezaseis. Engádese unha letra f) ao artigo 189, que queda redactada como segue:

«f) No caso de sanción pola falta prescrita na letra y) do artigo 186, a imposibilidade de participar en procesos selectivos por un período de 2 anos».

Dezasete. Engádese un número 3 bis á disposición adicional oitava, que queda redactado como segue:

«3 bis. No corpo auxiliar existe a seguinte escala:

DENOMINACIÓN ESPECIALIDADES SUBGRUPO FUNCIÓNS TITULACIÓN
Escala auxiliar de axentes de estradas C2 – Execución material dos traballos de conservación, reparación e construción de obras nas estradas de titularidade autonómica e nos seus elementos funcionais, en concreto:

Limpeza e roza de bordos e marxes das estradas

Reparacións de firme

Reparación, mantemento e limpeza das obras de drenaxe

Limpeza, reposición e colocación dos elementos de sinalización, balizamento e defensa

Repintado de marcas viais

– Vixilancia das operacións e tarefas relacionadas coa explotación do dominio público viario e dos elementos que o compoñen, en concreto:

Colaborar cos vixilantes de estradas e persoal de categoría superior nas súas funcións propias

Vixiar o estado de conservación e funcionamento dos elementos que integran o dominio público viario

Comprobar e verificar os medios materiais e persoais, así como a execución dos traballos e actuacións vinculados ás tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal que efectúen as empresas adxudicatarias dos contratos realizados para as ditas funcións ou de calquera outro contrato relacionado con esta competencia que exerza o órgano competente en materia de estradas

Vixiar as operacións, traballos, obras ou outros usos realizados por terceiros no ámbito de protección das estradas

Informar as persoas das que dependa de calquera anomalía ou incumprimento da lexislación ou dunha autorización, de ser o caso

Titulación que habilite para as funcións inherentes á escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo de vehículos
Escala auxiliar de axentes de estradas C2 – Sinalizar os accidentes de circulación que presencie, colaborar e comunicar a súa situación aos servizos de emerxencia pertinentes, así como ás persoas das que dependa

– Retirada da calzada daqueles elementos estraños de pequeno tamaño e que poidan ser un perigo para a seguridade viaria ou un impedimento á circulación

– Atender ao cumprimento da normativa vixente, con especial atención á referente á mellora da seguridade viaria, ao ambiente e á seguridade e prevención de riscos laborais, no relacionado coa explotación de estradas

– Elaborar os partes de servizo, informes, esbozos e demais documentos relacionados coas súas funcións, mediante o emprego dos equipos ofimáticos e das ferramentas administrativas das que dispoña

– Conservar os medios materiais que se poñan á súa disposición e informar o superior de calquera anomalía ou deterioración

– Realizar as tarefas administrativas que deriven das súas funcións

– Cantas outras funcións compatibles co seu nivel e coñecemento lle indique o seu superior

Titulación que habilite para as funcións inherentes á escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo de vehículos

Dezaoito. Modifícanse os cadros do número 1 da disposición adicional novena correspondentes á escala de enxeñeiros para a creación das especialidades de enxeñaría química e aeronáutica, así coma os cadros relativos á escala de ciencias, para a creación das especialidades de matemáticas e física, engadindo á redacción existente o seguinte:

DENOMINACIÓN ESPECIALIDADES SUBGRUPO FUNCIÓNS TITULACIÓN
Escala de enxeñeiros Enxeñaría química A1 – Estudo, xestión, execución, proposta e inspección de carácter facultativo superior, de acordo coa titulación exixida e coas funcións concretas asignadas ao desempeño do correspondente posto de traballo Enxeñeiro químico ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro químico
Enxeñaría aeronáutica A1 – Estudo, xestión, execución, proposta e inspección de carácter facultativo superior, de acordo coa titulación exixida e coas funcións concretas asignadas ao desempeño do correspondente posto de traballo Enxeñeiro aeronáutico ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro aeronáutico
Escala de ciencias Matemáticas A1 – Estudo, xestión, execución, proposta e inspección de carácter facultativo superior, de acordo coa titulación exixida e coas funcións concretas asignadas ao desempeño do correspondente posto de traballo Licenciado ou graduado nunha titulación da rama de ciencias
Física A1 – Estudo, xestión, execución, proposta e inspección de carácter facultativo superior, de acordo coa titulación exixida e coas funcións concretas asignadas ao desempeño do correspondente posto de traballo Licenciado ou graduado nunha titulación da rama de ciencias

Dezanove. Modifícase o cadro do número 2 da disposición adicional novena, correspondente á especialidade de educadores, pertencente á escala técnica de facultativos, coa finalidade de crear as especialidades de educador social e educador infantil, de tal xeito que quedará como segue:

DENOMINACIÓN ESPECIALIDADES SUBGRUPO FUNCIÓNS TITULACIÓN
Escala de técnicos facultativos Educador social A2 – Participación no seguimento e na avaliación do proceso recuperador ou asistencial das persoas usuarias

– Relación cos familiares das persoas usuarias, proporcionándolles orientación e apoio

–Coordinación das actividades da vida diaria das persoas usuarias

– Programación e participación nas áreas de ocio e tempo libre

– Programación e execución das actividades formativas das persoas usuarias que o requiran en centros ocupacionais e CAPD

– Participación, cando foren requiridos, no equipo multidisciplinar para a realización de probas ou valoracións relacionadas coas súas funcións

– Participación nas xuntas e sesións de traballo no centro

– En xeral, todas aquelas actividades non especificadas anteriormente incluídas dentro da súa profesión ou preparación técnica

– Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en Educación Pri-maria ou diplomado en Educación Social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciado en Pedagoxía, da titulación de licenciado en Psicoloxía ou da titulación de licenciado en Psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores
Educador infantil A2 – A atención educativa directa aos nenos e nenas do primeiro ciclo de educación infantil

– Elaborar e responsabilizarse da proposta pedagóxica dos cen tros que impartan o primeiro ciclo de educación infantil

– Participación nos equipos pedagóxicos dos centros para garantir a necesaria unidade de acción educativa

– Proporcionar información periódica ás familias sobre o progreso do alumnado e manter con elas actividades periódicas para inter cambiar información sobre o proceso de ensinanza/aprendizaxe dos seus fillos e fillas

Título de grao que habilite para o exer cicio da profesión de mestre de Edu-cación Infantil ou título de mestre coa especialidade de Educación Infantil

Vinte. Modifícase o cadro do número 3 da disposición adicional novena, correspondente á especialidade de xardín de infancia, pertencente á escala de axentes técnicos facultativos, de tal xeito que a citada especialidade pasa a denominarse educación infantil.

Vinte e un. No cadro número 4 da disposición adicional novena, no apartado referido ao corpo de axudantes de carácter facultativo, na escala técnica de mantemento e servizos, modifícase a titulación esixida nos seguintes termos: «Título técnico na rama de Instalación e Mantemento ou na rama de Electricidade e Electrónica ou en Mecánica e Electricidade do Automóbil».

Vinte e dous. No cadro do número 4 bis da disposición adicional novena, no apartado referido á escala de gardas de recursos naturais, do subgrupo C2, engádese a seguinte función, que será desempeñada polo persoal desta escala:

«-Recollida e traslado da fauna silvestre».

Vinte e tres. Engádese unha disposición adicional décimo sexta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo sexta. Medidas en materia de procesos selectivos

A aquelas persoas que, sen teren a condición de empregado público, participen en procesos selectivos para o acceso á función pública e cometan algunha das condutas reguladas nos artigos 185.1.p) e 186.1.y) da presente lei, aplicaráselles o previsto nos artigos 188.f) e 189.f), respectivamente, e o procedemento sancionador tramitarase en conformidade coas normas e garantías previstas na normativa vixente.

Así mesmo, a comisión das condutas indicadas anteriormente determinará a exclusión do aspirante do proceso selectivo».

Vinte e catro. Modifícase o número 3 da disposición transitoria primeira, que queda redactado como segue:

«3. O persoal laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comprendido no apartado primeiro desta disposición poderá participar nun proceso selectivo de promoción interna que se convocará polo sistema de concurso-oposición, de forma independente aos procesos selectivos de libre concorrencia, en cada un dos corpos ou escalas de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia aos que figuren adscritas as funcións que realice ou os postos que desempeñe, sempre que posúa a titulación necesaria e reúna os restantes requisitos exixidos, valorándose para estes efectos como mérito os servizos efectivos prestados como persoal laboral fixo e as probas selectivas superadas para acceder a esta condición.

O persoal laboral fixo que posuíse tal condición no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e adquirise posteriormente outra categoría profesional como persoal laboral fixo polo procedemento de promoción interna, poderá participar no proceso a que se refire o parágrafo anterior desde esta última categoría profesional».

Vinte e cinco. Engádese un número 6 á disposición transitoria primeira, que queda redactado como segue:

«6. O persoal laboral fixo que teña recoñecido o complemento persoal de integración regulado nas disposicións transitorias primeira e segunda do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal de entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e que, antes de que o devandito complemento fose absorbido, adquirise a condición de persoal funcionario de carreira como consecuencia de ter superado o proceso de funcionarización, manterá ese complemento nas mesmas condicións reguladas no citado Decreto 129/2012, integrándose como parte do complemento de funcionarización que, de ser o caso, puider corresponderlle consonte o disposto no Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, ata o momento da súa absorción».

Vinte e seis. Modifícase o número 2 da disposición transitoria primeira bis, que queda redactado como segue:

«2. Coa finalidade de facer posible o cumprimento das normas establecidas nesta lei en canto aos postos que deben ser cubertos por persoal funcionario, os principios de organización, racionalización e ordenación do persoal, así como para homoxeneizar o réxime xurídico e condicións de traballo aplicables a este, co fin de facilitar unha eficaz prestación dos servizos públicos, a Administración expedirá un nomeamento de natureza funcionarial interina, no correspondente corpo ou escala de clasificación, ao persoal laboral temporal que, de acordo co establecido no apartado anterior, ocupe postos previstos como de natureza funcionarial nas relacións de postos de traballo, sempre que reúna os requisitos para a ocupación do posto e fose seleccionado como laboral temporal segundo os procedementos de acceso á condición de laboral temporal establecidos pola normativa vixente.

Este nomeamento requirirá a aceptación do persoal interesado e suporá a novación da relación xurídica existente coa Administración, sen solución de continuidade na prestación dos servizos, e a transformación daquela nun vínculo xurídico de natureza funcionarial interina, rexido pola presente lei. De existir diferenza de retribucións, esta farase efectiva de conformidade co disposto na presente lei».

Vinte e sete. Modifícase o número 1 da disposición transitoria terceira, que queda redactado como segue:

«1. Mentres non se desenvolva regulamentariamente o réxime xurídico específico do persoal directivo profesional funcionario de carreira consonte as previsións do capítulo II do título III, na Administración xeral terán a consideración de postos directivos as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais, as secretarías territoriais e as xefaturas territoriais. No ámbito das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, terán a consideración de postos directivos os equivalentes aos indicados anteriormente para a Administración xeral da Comunidade Autónoma que figuren nos instrumentos de ordenación do persoal».

Vinte e oito. Modifícase a letra f) do número 1 da disposición transitoria oitava, que queda redactada como segue:

«f) O persoal funcionario de novo ingreso e o persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira da presente lei e a normativa de desenvolvemento dela comezará a consolidar o grao correspondente ao nivel básico do seu corpo ou escala, con independencia do nivel do posto de traballo que pase a desempeñar».

Vinte e nove. Modifícase o número 3 da disposición transitoria oitava, que queda redactado como segue:

«3. A norma regulamentaria que desenvolva o sistema de carreira horizontal do persoal funcionario establecerá as equivalencias entre os actuais graos persoais e as novas categorías profesionais e graos de ascenso, de xeito que o persoal afectado se incorpore ao sistema de carreira horizontal con pleno recoñecemento da progresión profesional xa acadada. En todo caso, garantirase ao persoal afectado o nivel retributivo con que conte no momento de implantación do novo sistema».

Trinta. Modifícase o número 4 da disposición transitoria oitava, que queda redactado como segue:

«4. Sen prexuízo do establecido no número 3 desta disposición e en tanto non se implante o sistema de carreira profesional establecido no artigo 77, poderase establecer un sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, complementario ao do grao persoal previsto nesta disposición, que permita ao persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia progresar de maneira voluntaria e individualizada e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

No regulamento que desenvolva este sistema transitorio poderán fixarse os graos e requisitos para o seu recoñecemento e ascensos, así como a avaliación necesaria da traxectoria e actuación profesional, na que se terán en conta os coñecementos adquiridos, a formación, a experiencia e outros méritos e aptitudes que se establezan.

O persoal funcionario que quede encadrado neste sistema poderá percibir, de acordo co que se estableza regulamentariamente, unha retribución adicional ao complemento de destino, segundo o grupo ou subgrupo profesional de pertenza, que remunere a progresión profesional acadada.

Esta retribución adicional percibirase en todo caso na situación de servizo activo no correspondente corpo ou escala ou durante o desempeño de postos ou cargos no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou nos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma relacionados na disposición adicional primeira da presente lei. Tamén percibirán este complemento os liberados sindicais.

O persoal funcionario de carreira que se atope na situación de servizos especiais polo desempeño de postos ou cargos no ámbito delimitado no parágrafo anterior percibirá, dentro das retribucións do posto ou cargo que desempeñe, unha contía equivalente á correspondente á retribución adicional que lle sería aplicable de acordo con esta disposición.

Cando se implante o sistema de carreira profesional previsto no artigo 77, terase en conta o desenvolvemento profesional alcanzado e consolidado de acordo co establecido nesta disposición».

Trinta e un. Engádese un número 5 á disposición derradeira quinta, coa seguinte redacción:

«5. Mentres non se produza o desenvolvemento regulamentario das diferentes escalas do grupo B, o persoal de novo ingreso e o persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira da presente lei e da normativa de desenvolvemento dela, da escala técnica e da escala técnica operativa do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, quedará integrado no subgrupo C1 e manterá a actual denominación de bombeiro forestal xefe de brigada.

Este persoal continuará desenvolvendo as funcións da categoría profesional de procedencia».

Trinta e dous. Engádese un número 6 á disposición derradeira quinta, que queda redactado como segue:

«Mentres non se produza o desenvolvemento regulamentario das diferentes escalas do grupo B, o persoal de novo ingreso e o persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira desta lei e a súa normativa de desenvolvemento, na escala de axentes técnicos facultativos, na especialidade de animación sociocultural (grupo B) manterá a actual denominación e quedará integrado no subgrupo C1.

Este persoal continuará desenvolvendo as funcións da categoría profesional de procedencia».

CAPÍTULO II

Medio ambiente e territorio

Artigo 7. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra d) do número 1 do artigo 35, que queda redactada como segue:

«d) Campamentos de turismo coas obras, servizos e instalacións previstas na normativa vixente en materia de turismo, así como zonas especiais de acollida para autocaravanas e caravanas en tránsito, conforme o establecido na devandita normativa; e as instalacións de praia e actividades de carácter deportivo, sociocultural, recreativo e de baño, de carácter público ou privado, de uso individual ou colectivo, que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso do que se trate».

Dous. Modifícase o número 5 do artigo 42, que queda redactado como segue:

«5. O concello en pleno, por maioría absoluta e sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do plan, poderá acordar o cambio de uso dos terreos reservados para equipamentos ou dotacións públicos por outro uso dotacional público distinto, sempre que se manteña a titularidade pública ou se destine a incrementar as zonas verdes e os espazos libres públicos. En todo caso, deberá garantirse o cumprimento dos estándares recollidos nos números 1 e 2 do artigo 42.

Para os efectos do disposto neste número, entenderase que teñen tamén a condición de equipamentos ou dotacións públicos os que sexan de titularidade pública aínda que non figuren no planeamento urbanístico con tal condición».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 70, que queda redactado como segue:

«3. Así mesmo, nos concellos sen planeamento xeral ou que conten con plan básico municipal, poderán formularse plans especiais que teñan por obxecto crear solo urbano con destino a usos industriais ou terciarios, a equipamentos públicos ou á construción de vivendas de promoción pública.

Para os efectos do apartado anterior, deberán aplicarse os límites de sustentabilidade previstos no artigo 41.3 para os usos industriais e terciarios e no artigo 41.2 para os usos residenciais, e, en todo caso, as reservas previstas no artigo 42.2».

Catro. Modifícase o número 3 do artigo 143, que queda redactado como segue:

«3. Ás solicitudes de licenzas que se refiran á execución de obras ou instalacións deberá achegarse o proxecto básico redactado por un técnico competente, na forma e co contido que se determine regulamentariamente.

Unha vez presentado ante o concello, o proxecto adquire o carácter de documento público, e o seu autor responde da exactitude e veracidade dos datos técnicos consignados nel».

Artigo 8. Modificación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 38, que queda redactado como segue:

«1. Corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural a tramitación dos procedementos de declaración dun espazo natural protexido de ámbito autonómico.

A Administración autonómica poderá promover ante os organismos que corresponda a declaración doutras figuras de protección de ámbito supraautonómico».

Dous. Engádese un número 3 ao artigo 60, coa seguinte redacción:

«3. No suposto do espazo protexido Rede Natura 2000, o contido mínimo do plan de xestión será o seguinte:

  1. a) Delimitación do ámbito territorial.
  2. b) Caracterización socioeconómica.
  3. c) Diagnóstico dos elementos da biodiversidade.
  4. d) Identificación das prioridades de conservación.
  5. e) Obxectivos de conservación do lugar.
  6. f) Medidas de conservación.
  7. g) Zonificación, en caso de considerarse necesaria.
  8. h) Sistema de seguimento do lugar.
  9. i) Valoración económica.
  10. j) Avaliación e indicadores de xestión».

Tres. Modifícase o artigo 68, que queda redactado como segue:

«Artigo 68. Regulación dos usos e actividades

  1. Para os efectos da presente lei, os correspondentes instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos clasificarán os posibles usos e actividades que se pretenden desenvolver no correspondente espazo como permitidos, autorizables ou prohibidos, en función da súa incidencia sobre os valores que motivaron a súa declaración.
  2. No caso de que se pretendan desenvolver, no ámbito dun espazo natural protexido, usos ou actividades que non estean previstos no correspondente instrumento de planificación, aplicaranse os criterios establecidos nos artigos 69 a 71, ambos os dous incluídos, para determinar o réxime xurídico aplicable. En particular, a consellería competente en materia de patrimonio natural, contando coa previa comunicación por parte da persoa interesada, determinará se, de conformidade co disposto nos artigos indicados, os anteditos usos ou actividades resultan compatibles ou non compatibles cos obxectivos da declaración do espazo natural protexido ou se deben someterse a un réxime de intervención administrativa co fin de evitar posibles efectos apreciables á conservación dos valores relevantes do espazo natural protexido.

O disposto neste número entenderase sen prexuízo da necesidade de revisión do instrumento de planificación co obxecto de recoller nel os citados usos e actividades, clasificándoos como permitidos, autorizables ou prohibidos».

Catro. Engádese un número 3 á disposición adicional sexta, coa seguinte redacción:

«3. Terá a consideración de uso ou actividade autorizable na zona 1 dunha zona especial de conservación ou dunha zona de especial protección para as aves da Rede Natura 2000 a construción de muros de contención e o peche ou valado de terreos gardando as distancias coas vías públicas que regulamentariamente se establezan na lexislación ou na planificación sectorial vixente. Os peches e valados serán preferentemente vexetais, con especies autóctonas, incluíndo tamén os feitos de madeira ou estacas de madeira e arame ou empregando o pastor eléctrico, sen que os realizados con material opaco de fábrica superen a altura de 1 metro, salvo en parcelas edificadas, onde poderán alcanzar 1,50 metros. Nos peches e valados deberán empregarse, de forma preferente, os materiais tradicionais do medio rural en que se sitúen, sen que se permita o emprego de bloques de formigón ou outros materiais de fábrica, salvo que sexan debidamente revestidos e pintados na forma que regulamentariamente se determine. Ademais, os citados muros realizaranse de modo que permitan a permeabilidade dos hábitats e o fluxo ou circulación das especies de interese para a conservación, e que non favorezan, polo tanto, a fragmentación dos ecosistemas nin o illamento das poboacións, colocando os dispositivos necesarios para que cumpran a antedita función.

Cando os peches destinados á protección do gando ou dos cultivos agrícolas fronte a especies de fauna silvestre empreguen mallas metálicas, estas terán unha altura máxima de 2 metros, cunha separación mínima entre os dous arames horizontais máis baixos de 15 centímetros».

Artigo 9. Modificación do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe

O Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe, queda modificado como segue:

Un. Engádese unha disposición adicional, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional. Plans, proxectos ou programas competencia do Estado

Exclúese a aplicación das Directrices de paisaxe aos plans, proxectos ou programas que sexan competencia do Estado, en tanto as mesmas directrices no sexan compatibles coa normativa estatal aplicable».

Dous. Modifícase a disposición transitoria única, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria única. Incorporación das Directrices de paisaxe a plans e proxectos

A incorporación das Directrices de paisaxe a plans e proxectos rexerase polas seguintes regras:

  1. a) Os instrumentos de planeamento urbanístico en tramitación que, no momento da entrada en vigor destas directrices, acadasen a aprobación inicial, non terán que adaptarse a elas.
  2. b) Os instrumentos de ordenación do territorio que, no momento da entrada en vigor destas directrices, acadasen o informe ambiental estratéxico ou, de ser o caso, formulasen o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, non terán que adaptarse a elas.
  3. c) Os proxectos en tramitación que, no momento da entrada en vigor destas directrices, acadasen o informe de impacto ambiental ou se acordase o seu sometemento a información pública, non terán que incorporar as determinacións das Directrices de paisaxe».

Artigo 10. Modificación da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia

A Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 44, que queda redactada como segue:

«b) Identificación da localización das actuacións obxecto do proxecto, de acordo coa delimitación establecida no correspondente plan sectorial, de ser o caso, ou delimitación do ámbito no caso dun proxecto de interese autonómico non previsto, e descrición dos terreos nel comprendidos e das súas características, usos do solo e aproveitamentos existentes e previstos para o seu adecuado funcionamento.

No caso de proxectos de interese autonómico previstos nun plan sectorial, o proxecto poderá, xustificadamente, reaxustar o ámbito delimitado polo plan, sempre que non supoña unha alteración superior ao 10 % del, mesmo cando o reaxuste afecte a clasificación urbanística do solo, agás que no propio plan sectorial se exima de tal limitación. En todo caso, no procedemento de aprobación do proxecto deberá darse audiencia ás persoas propietarias afectadas».

Dous. Modifícase a disposición transitoria primeira, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos procedementos

Os procedementos de aprobación de instrumentos de ordenación do territorio nos que se formulase o informe ambiental estratéxico ou, de ser o caso, o documento de alcance, antes da entrada en vigor desta lei, poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva, conforme o disposto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal».

Artigo 11. Modificación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra b) do artigo 35, que queda redactada como segue:

«b) Para a elaboración do estudo ambiental estratéxico, a realización da información pública e as consultas, desde a notificación ao promotor do documento de alcance, non resultará aplicable o prazo previsto no artigo 17.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, podendo remitirse ao órgano ambiental o expediente completo de avaliación ambiental estratéxica para a formulación da declaración ambiental estratéxica sempre que non transcorresen máis de catro anos desde a notificación ao promotor do documento de alcance ou o prazo que se poida establecer por lei para determinados plans ou programas. En todo caso, o órgano ambiental poderá acordar unha prórroga do antedito prazo, que non exceda da metade del, por solicitude previa formulada polo promotor.

Este prazo non será aplicable na tramitación de instrumentos de planeamento urbanístico. Neste caso poderá remitirse ao órgano ambiental o expediente completo de avaliación ambiental estratéxica sempre que se tivesen realizado os trámites anteriores en tempo e forma conforme co disposto na lexislación sectorial aplicable».

Dous. Modifícase o número 2 da disposición transitoria cuarta, que queda redactado como segue:

«2. Nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en tramitación na data de entrada en vigor desta lei, ao abeiro da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, aplicarase o prazo establecido no artigo 35.1.b) para a remisión ao órgano ambiental do expediente completo de avaliación ambiental estratéxica, desde a notificación ao promotor do documento de alcance».

Artigo 12. Modificación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia

A Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 3, que queda redactada como segue:

«c) A eliminación en vertedoiro no ano 2035 dun máximo do 10 % en peso dos residuos municipais xerados, tal como establece a Directiva (UE) 2018/850 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018».

Dous. Modifícase a letra f) do número 2 do artigo 3, que queda redactada como segue:

«f) Para os biorresiduos, os concellos deberán instaurar antes do 31 de decembro de 2023 ben a separación e a reciclaxe en orixe ou ben a recollida de forma separada sen mesturarse con outros tipos de residuos».

Tres. Modifícase a letra f) do número 1 do artigo 5, que queda redactada como segue:

«f) As materias fecais non incluídas na alínea b) do número 2 deste artigo, a palla e os demais materiais naturais non perigosos, agrícolas ou silvícolas non perigosos, utilizados en explotacións agrícolas e gandeiras, na silvicultura ou na produción de enerxía a base desta biomasa, mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen o ambiente».

Catro. Modifícase o número 4 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«4. A autorización prevista no número 1 deste artigo para as instalacións de tratamento de residuos quedará integrada, cando proceda, na autorización ambiental integrada concedida conforme o Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, e incluirá os requisitos recollidos neste artigo, tal e como establece o artigo 22.1.g) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro. O órgano competente para emitir a autorización incorporará a información pertinente no Rexistro de Produción e Xestión de Residuos nos termos do artigo 39 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados».

Cinco. Modifícase o artigo 35, que queda redactado como segue:

«1. Sen prexuízo do disposto na normativa aplicable de carácter sectorial, deberán presentar unha comunicación previa ao inicio da súa actividade, ante o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos, as entidades ou empresas con sede social en Galicia que realicen algunha das seguintes actividades:

  1. a) Recollida de residuos sen unha instalación asociada.
  2. b) O transporte de residuos con carácter profesional.
  3. c) Os negociantes e axentes de residuos.
  4. d) Sistemas individuais de responsabilidade ampliada do produtor.
  5. Sen prexuízo do disposto na normativa aplicable de carácter sectorial, as entidades ou empresas con instalacións situadas no territorio da Comunidade Autónoma tamén deberán comunicar, con anterioridade ao comezo da súa actividade, a instalación, ampliación, modificación substancial ou traslado destas instalacións ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos, cando concorra algún dos seguintes supostos:
  6. a) Produzan residuos perigosos ou máis de 1.000 toneladas de residuos non perigosos.
  7. b) Produzan subprodutos, de conformidade co disposto no artigo 8 desta lei.
  8. c) Leven a cabo proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos.
  9. d) Teñan o carácter de plataformas loxísticas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
  10. e) Realicen operacións de xestión de terras limpas de conformidade co establecido na Orde APM/1007/2017, do 10 de outubro, sobre normas xerais de valorización de materiais naturais escavados para a súa utilización en operacións de recheo e obras distintas daquelas en que se xeraron.
  11. f) Realicen actividades de compostaxe comunitaria de biorresiduos.
  12. g) Realicen actividades que estean exentas de autorización segundo o establecido no artigo 28 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  13. Quedan exentas de presentar comunicación aquelas empresas que obtivesen autorización para o tratamento de residuos e que, como consecuencia da súa actividade, xeren residuos. Nestes casos, e para os residuos producidos como consecuencia do mantemento das instalacións, as inscricións serán realizadas de oficio polo órgano competente para outorgar a autorización.
  14. As inscricións no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos realizaranse por instalación, e soamente serán tidos en conta, para os citados efectos, os residuos producidos na devandita instalación».

CAPÍTULO III

Medio rural

Artigo 13. Modificación da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 20, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños

  1. En situacións xurídicas de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños titular do monte e ata que, de ser o caso, se reconstitúa a comunidade, a defensa dos seus intereses e a xestión cautelar do monte corresponderán á consellería competente en materia de montes, que actuará como titular provisional do aproveitamento do monte en beneficio da comunidade e ofrecerá esa titularidade provisional ao concello onde se atope o monte.
  2. No caso de que o monte se atope situado no territorio de máis dun concello, a consellería competente en materia de montes ofreceralle a xestión cautelar a aquel concello en que se sitúe a súa maior superficie e se este concello renunciar ofrecerállela aos restantes en orde segundo maior superficie de monte teñan no seu concello.
  3. Considérase que unha comunidade de veciños se atopa en situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños cando concorra algún incumprimento das exixencias de organización das comunidades previstas no título IV do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, ou normativa que o substitúa.

Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de montes a competencia para declarar a situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, por proposta da persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións na mesma materia, quen terá a competencia para a iniciación do procedemento.

  1. A xestión cautelar efectuarase segundo o desenvolvemento regulamentario e implicará, no caso de que sexa efectuada polo órgano forestal, a obriga de aprobación dun instrumento de ordenación, e, no caso de que sexa efectuada polo concello, a subscrición dun contrato de xestión pública co órgano forestal ou ben a elaboración dun instrumento de ordenación ou xestión forestal».

Dous. Modifícase o artigo 27, que queda redactado como segue:

«Artigo 27. Xestión cautelar

  1. Nos casos de inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, a dirección xeral competente en materia de montes comunicará a citada inexistencia, extinción ou desaparición ao concello onde radique o monte, ou, se o monte se atopa situado no territorio de máis dun concello, comunicaralla ao concello en que se sitúe a maior superficie do monte. Nesta comunicación a dirección xeral ofrecerá a súa xestión cautelar ao devandito concello e concederalle un prazo de 3 meses para aceptala ou renunciar a ela. Se o concello renuncia á xestión cautelar ou non contesta dentro do prazo concedido, o monte será xestionado preventivamente pola consellería competente en materia de montes ata que se reconstitúa a comunidade e se cumpran os requisitos para o reinicio da actividade previstos no punto 4 deste artigo.
  2. Así mesmo, pasarán a ser xestionados pola consellería competente en materia de montes a través do órgano forestal:
  3. a) Aqueles montes respecto dos cales a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia informe a consellería de que non existe iniciativa do sector privado, sexa agrogandeira ou forestal, para efectuar a xestión.
  4. b) Aqueles montes respecto dos cales a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia emita un informe técnico en que xustifique que razóns de índole técnica, agronómica ou forestal limitan ou impiden a aptitude do predio para o seu arrendamento nos destinos e actividades previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, de acordo co previsto no seu artigo 50.e).
  5. A consellería competente en materia de montes poderá exercitar a xestión cautelar prevista neste artigo mediante os seus propios órganos ou mediante a súa encomenda a entidades instrumentais do sector público autonómico.
  6. Para o exercicio da xestión cautelar a consellería competente en materia de montes, mentres non elabore e aprobe o proxecto de ordenación forestal, xestionará o monte de acordo cos modelos silvícolas ou de xestión forestal que mellor se axusten ás características do monte. Todos os gastos derivados da xestión cautelar do monte incorporaranse á contabilidade do monte.
  7. Para o reinicio da actividade da comunidade veciñal extinguida ou desaparecida deberanse cumprir os seguintes requisitos:
  8. a) A presentación da solicitude por parte dunha xunta provisional do monte veciñal.
  9. b) A acreditación da existencia dunha comunidade veciñal formada por comuneiros de pleno dereito e elección dunha xunta provisional consonte o disposto nesta lei respecto dos órganos das comunidades veciñais.
  10. c) O compromiso notarial da xunta provisional de asunción do estado contable do monte, que implicará o recoñecemento e, se for o caso, devolución da débeda existente, e a asunción do instrumento de ordenación ou xestión forestal vixente.
  11. d) No caso de que, como consecuencia da inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade veciñal, o Banco de Terras de Galicia cedese ou arrendase con anterioridade o uso e aproveitamento dos montes a outra persoa ou entidade beneficiaria, o reinicio da actividade solicitada pola xunta provisional non será posible ata o remate da cesión ou arrendamento realizado polo Banco de Terras de Galicia, salvo que exista acordo entre as partes.

Unha vez cumpridos os requisitos previstos neste punto 5, a devolución efectiva do monte veciñal á comunidade quedará condicionada á constitución da xunta reitora de conformidade co previsto na normativa aplicable».

Tres. Modifícase o artigo 28, que queda redactado como segue:

«Artigo 28. Montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación

  1. Entenderase por monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación aquel que, de modo manifesto, sufrise unha grave deterioración ecolóxica, non sexa explotado de acordo cos seus recursos ou sufra unha extracción abusiva deles.
  2. Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de montes a competencia para declarar por razóns de utilidade pública e interese xeral o estado de grave abandono ou degradación, por proposta da persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións na mesma materia, quen terá así mesmo a competencia para iniciar o procedemento.

Na elaboración da proposta de declaración do estado de grave abandono ou degradación do monte terase en conta o informe emitido polos servizos técnicos da consellería respecto da determinación do estado de grave abandono ou degradación dos montes. No devandito informe consideraranse, entre outros aspectos, os seguintes:

  1. a) O grao de aproveitamento da extensión superficial.
  2. b) O grao de manifesto desuso.
  3. c) O grao de acomodación aos aproveitamentos establecidos en instrumentos de ordenación ou xestión forestal, de ser o caso, independentemente de que se refira a aproveitamentos madeireiros, de pastos ou outros.
  4. d) O carácter depredador producido sobre o monte.
  5. e) O perigo manifesto de degradación das terras.
  6. f) O reiterado incumprimento dos deberes e obrigacións establecidos na normativa vixente.

Unha vez emitido o informe e con carácter previo á elaboración da proposta, darase audiencia á comunidade veciñal para os efectos previstos no artigo seguinte.

  1. Durante a tramitación do procedemento poderán adoptarse medidas provisionais relativas á limpeza, mantemento e xestión de biomasa e, de ser o caso, retirada de especies arbóreas, nos termos establecidos na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ou norma que a substitúa, así como outras medidas provisionais ou cautelares previstas na normativa aplicable.

O custo destas medidas repercutirase á comunidade veciñal ou, de ser o caso, á administración á que corresponda a xestión cautelar do monte veciñal.

  1. No caso de inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños non se aplicará o disposto nos puntos anteriores deste artigo, senón as previsións recollidas nos artigos 20 e 27 desta lei».

Catro. Modifícase o artigo 29, que queda redactado como segue:

«Artigo 29. Declaración do monte en estado de grave abandono ou degradación

O procedemento para a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación, iniciado pola dirección xeral competente en materia de montes de conformidade co disposto no artigo anterior, desenvolverase conforme os seguintes trámites:

  1. a) Unha vez emitido o informe a que se refire o apartado 2 do artigo 28, a consellería, conxuntamente co trámite de audiencia, requirirá a comunidade de veciños para que presente un instrumento de ordenación ou xestión forestal en que exprese o prazo para a súa execución ou ben opte por algunha das seguintes alternativas:

1º. Presentación da documentación acreditativa de ter subscrito un acto de disposición voluntario en favor de terceiros dos previstos no título I desta lei ou no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común.

2º. Solicitude da incorporación voluntaria do monte ao Banco de Terras de Galicia.

  1. b) Requirida a comunidade, e no marco do trámite de audiencia, esta terá un prazo de tres meses, prorrogable por outros tres, para atender o devandito requirimento e presentar a documentación correspondente para os efectos do apartado anterior.
  2. c) No caso de que a comunidade presente un instrumento de ordenación ou xestión forestal e este sexa aprobado pola consellería, incluirase esta circunstancia de oficio no Rexistro de Montes Ordenados e declararase a finalización do procedemento, sen prexuízo das facultades de control do cumprimento do devandito instrumento.

De verificarse o incumprimento do devandito instrumento, observarase o disposto no artigo 83 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e, no caso de que subsistan as condicións para a declaración de grave abandono ou degradación, ditarase unha resolución, sen máis trámite, en que se declare o monte en estado de grave abandono ou degradación.

  1. d) No caso de que a comunidade non presentase o instrumento ou de que non fose aprobado o presentado por non se axustar aos obxectivos previstos para conseguir a xestión e mellora integral do monte e que a comunidade tampouco optase pola alternativa de presentación da documentación acreditativa de ter subscrito un acto de disposición voluntario en favor de terceiros prevista no apartado a).1º deste artigo, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes elevará á persoa titular da súa consellería a proposta para que o monte sexa declarado en estado de grave abandono ou degradación e seguirase o procedemento previsto no artigo 30 desta lei.
  2. e) No caso de que a comunidade optase pola alternativa de presentar a documentación acreditativa de ter subscrito un acto de disposición voluntario en favor de terceiros prevista no artigo 29.a)1º declararase a finalización do procedemento por esta circunstancia.
  3. f) No caso de que a comunidade optase pola alternativa de solicitar a incorporación voluntaria do monte ao Banco de Terras, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes elevará á persoa titular da súa consellería a proposta para que o monte sexa declarado en estado de grave abandono ou degradación e seguirase o procedemento previsto no artigo 30 desta lei».

Cinco. Modifícase o artigo 30, que queda redactado como segue:

«Artigo 30. Incorporación ao Banco de Terras de Galicia

  1. Cando se declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación, a dirección xeral competente en materia de montes acordará a remisión desa declaración ao Banco de Terras de Galicia, co fin de que a entidade xestora deste poida ceder o seu uso e aproveitamento nos termos previstos pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ou norma que a substitúa.

A declaración de monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación substituirá a declaración como predio abandonado regulada na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ou norma que a substitúa.

  1. Na cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais poderá darse prioridade de acceso á condición de cesionario ás agrupacións nas que participen persoas comuneiras do monte veciñal afectado ou a outras comunidades de montes veciñais que teñan acreditada a adecuada xestión dos seus montes e estean rexistradas no Rexistro de Silvicultores Activos. Poderá complementarse a antedita prioridade cos criterios de selección previstos para os polígonos agroforestais de interese público regulados na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. En calquera caso, a cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación requirirá a presentación previa por parte da persoa solicitante ante a consellería competente en materia de montes dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para a súa aprobación. A cesión non poderá formalizarse sen que conste a aprobación deste instrumento.
  2. Formalizada a cesión do uso e aproveitamento do monte, corresponderá á comunidade de veciños a percepción da contraprestación económica que se prevexa no instrumento de cesión do uso, que será aboada pola persoa beneficiaria da cesión, descontados, de ser o caso, os gastos de xestión realizados pola entidade xestora do Banco de Terras de Galicia. De non existir comunidade de veciños, percibirá a contraprestación a Administración forestal, que a destinará ao fondo de melloras regulado no artigo 124 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
  3. A cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación non poderá superar o prazo de 50 anos.
  4. A recuperación, por parte dunha comunidade veciñal existente ou que reinicie a súa actividade, da xestión dun monte veciñal declarado en estado de grave abandono ou degradación non poderá ter lugar ata a finalización do período de cesión, arrendamento ou, se é o caso, terminación do contrato temporal de xestión pública que afecte o devandito monte veciñal e se cumpran as condicións exixidas na normativa aplicable, de acordo co previsto na disposición derradeira terceira desta lei».

Seis. Engádese unha disposición derradeira terceira, coa seguinte redacción:

«Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para concretar mediante orde os aspectos determinantes do estado de grave abandono ou degradación dos montes regulados no artigo 28.2 desta lei, así como para concretar as condicións de recuperación reguladas no artigo 30.5 desta lei».

Artigo 14. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas

  1. As persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, durante todo o ano. A xestión deberá estar rematada, en todo caso, antes de que finalice o mes de maio de cada ano.

Exceptúanse os supostos en que, pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies, sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, que terá que ser aprobada pola Administración forestal. Esta planificación coordinarase coa actuación doutras administracións públicas responsables da xestión da biomasa e retirada de especies respecto a infraestruturas da súa titularidade, especialmente atendendo á seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa.

A xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas realizarase conforme os criterios establecidos mediante orde da consellería competente en materia forestal».

Dous. Modifícase o número 2 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«2. No suposto de incumprimento do establecido no número anterior, a administración pública competente, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, enviará á persoa responsable unha comunicación na que se lle recordará a súa obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas e se lle concederá para facelo un prazo máximo de quince días naturais, ou de tres meses no caso das faixas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación.

Esta comunicación incluirá a advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento transcorrido o dito prazo, se procederá á execución subsidiaria con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas neste precepto, así como que, ante a falta de atención do antedito apercibimento, as obrigas de xestión para os anos seguintes deberán estar completadas antes do primeiro día de abril. Así mesmo, nesta comunicación informarase de que a falta de cumprimento das obrigas indicadas é constitutiva de infracción administrativa, polo que dará lugar ao inicio do procedemento sancionador que corresponda, no que poderán adoptarse medidas de carácter provisional consistentes en traballos preventivos de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas co obxecto de evitar os incendios forestais e comiso das indicadas especies.

Naqueles casos en que as persoas responsables non atendesen a advertencia que se lles efectuase o ano anterior para o cumprimento das súas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies, a antedita xestión deberá estar finalizada con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano. Transcorrida esa data e comprobado polos servizos técnicos da administración competente a falta de xestión, poderá procederse de modo inmediato, sen máis trámite, á execución subsidiaria dela».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«3. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable da xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas, cando se ignore o lugar de notificación ou cando, intentada esta, non poida practicarse a notificación da comunicación prevista no número anterior, farase por medio dun anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial del Estado e no taboleiro de anuncios do concello, e conterá os datos catastrais da parcela. Nestes supostos, o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

No suposto previsto no parágrafo anterior, a publicación no Diario Oficial de Galicia non suporá ningún custo para as entidades locais, sen que poida aplicarse ningunha taxa pola devandita publicación.

No caso de que non poida determinarse a identidade da persoa responsable, poderase promover a investigación da titularidade dos inmobles a que se refire o artigo 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, coa aplicación das consecuencias derivadas da tramitación do devandito procedemento.

No marco dos procedementos de investigación da titularidade ou mobilización de terras poderanse adoptar medidas provisionais de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas».

Catro. Modifícase a disposición derradeira segunda, que queda redactada como segue:

«Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento regulamentario e a aplicación desta lei.

Sen prexuízo do anterior, e en atención ás circunstancias de cada ano que poidan supoñer un incremento do risco de incendio, a consellería competente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais poderá modificar, mediante orde, as datas indicadas nos apartados 1 e 2 do artigo 22 desta lei».

Artigo 15. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 4 do artigo 112, que queda redactado como segue:

«4. O material forestal empregado nas repoboacións forestais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar ou, excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, logo de resolución da Administración forestal, publicada no Diario Oficial de Galicia, que autorice a súa utilización, unha vez comprobada a idoneidade e a capacidade de adaptación dese material forestal».

Dous. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 123, que queda redactada como segue:

«b) Comunidades de montes veciñais en man común que carezan de recursos económicos e financeiros suficientes e cuxa sustentabilidade económica, social e ambiental non estea garantida, ou que se atopen en estado de grave abandono ou degradación ou en situación xurídica de xestión cautelar, que se desenvolverá regulamentariamente».

Tres. Engádese a letra g) ao número 1 do artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa seguinte redacción:

«g) Propietarios de montes ou terreos forestais nos que se manifeste un interese público atendendo á existencia neles de infraestruturas, instalacións ou masas e formacións forestais de especial interese, ao seu uso público e/ou outras circunstancias que se determinen regulamentariamente».

Catro. Engádese o número 9 ao artigo 123, coa seguinte redacción:

«9. Nos supostos en que o monte veciñal se encontre en estado de grave abandono ou degradación e a comunidade de veciños non asine o contrato temporal de xestión pública ou ben a súa asemblea non aprobe o proxecto de ordenación elaborado, o órgano forestal asumirá a xestión cautelar do citado monte veciñal».

Artigo 16. Modificación da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia

A Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Tipos de procesos de mellora da estrutura territorial agraria

Atendendo ao seu carácter, os procesos de mellora da estrutura territorial agraria son:

  1. a) Reestruturación parcelaria de carácter público.
  2. b) Reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares.
  3. c) Procesos especiais inherentes aos casos dos proxectos de grandes obras públicas lineais e coutos mineiros.
  4. d) Actuacións intensivas en zonas rurais».

Dous. Modifícase o número 4 do artigo 11, que queda redactado como segue:

«4. Publicado o decreto polo que se declara a reestruturación parcelaria dunha zona, o servizo provincial competente por razón da materia elaborará e porá á disposición de todas as persoas interesadas unha listaxe de persoas titulares que desexen adquirir, allear, permutar, arrendar ou ceder o uso ou aproveitamento dos terreos achegados ao proceso.

A inclusión na referida listaxe poderá levarse a cabo ata a declaración da firmeza de bases e será necesario que, xunto coa solicitude, se autorice a Administración ao tratamento dos datos achegados co único fin de facilitalos a terceiras persoas que acrediten o seu interese na adquisición, alleamento, permuta, arredamento ou cesión do uso ou aproveitamento dos terreos afectados polo proceso de reestruturación e incluídos na listaxe elaborada».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 41, que queda redactado como segue:

«3. Unha vez aprobadas as bases, só se tramitarán as solicitudes de cambio de titularidade de parcelas de achega que se presenten antes da data límite que determine para cada zona a dirección xeral competente en materia de reestruturación parcelaria, por proposta do servizo provincial. Esta resolución será obxecto de publicación nos termos establecidos no número 1 do artigo 42 desta lei.

Transcorrido ese prazo e ata o momento de aprobación do acordo, unicamente se admitirán as solicitudes de cambio de titularidade das parcelas de achega, sempre e cando o cambio afecte a totalidade das parcelas achegadas por unha persoa titular e a transmisión se faga integramente a outra, coa excepción dos cambios derivados de sentenzas xudiciais firmes, que serán tramitadas sempre. En todo caso, a persoa titular adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.

Aprobado o acordo de reestruturación, nos casos de compravenda, tramitaranse os cambios de titularidade dos predios de substitución que se presenten antes da data límite que se determine mediante resolución da dirección xeral competente en materia de reestruturación parcelaria, por proposta do servizo provincial correspondente, e sempre e cando se trate de predios íntegros, coa excepción dos cambios derivados de sentenzas xudiciais firmes, que serán tramitados sempre. Nestes supostos de cambio de titularidade por compravenda exixirase escritura pública e que estea liquidado o correspondente imposto. O cambio de titularidade, en principio, non suporá a alteración da configuración e superficies correspondentes ao novo adxudicatario. O cambio implicará a subrogación do adxudicatario na posición da anterior persoa titular coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.

No caso de falecemento dun titular e cando exista partición de herdanza, procederase á tramitación do cambio de titularidade, ata a firmeza do acordo, sempre e cando esta partición afecte parcelas de substitución íntegras. En todo caso, a persoa titular adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso».

Catro. Modifícase a disposición transitoria primeira, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria primeira. Da irretroactividade da norma

As disposicións que introduce este texto legal aplicaranse aos procedementos de concentración parcelaria en curso sen retroceder nos trámites, adaptándose, de ser posible, á fase en que se encontren. No caso de non poder levar a cabo esta adaptación, esta lei aplicarase no inicio da fase seguinte.

Con independencia da lei que se aplique ao procedemento, resultarán aplicables as previsións sobre cambios de titularidade reguladas no artigo 41.3 desta lei».

Cinco. Modifícase a disposición transitoria sexta, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria sexta. Coordinación catastral

  1. Ao abeiro do artigo 9.b) da Lei hipotecaria, e de acordo coa normativa hipotecaria, procederase á conversión gráfica dos datos alfanuméricos dos predios de substitución das zonas en que, no momento de entrada en vigor desta lei, o seu acordo sexa firme ou se outorgase a acta de reorganización da propiedade, sempre e cando non se inscribisen no rexistro da propiedade os títulos dos predios de substitución.
  2. A resolución de autorización da conversión gráfica, unha vez acordada pola dirección xeral competente por razón da materia, será obxecto de notificación individual, así como de publicación mediante aviso inserido no Diario Oficial de Galicia, na web da consellería e no xornal de maior tirada da provincia, así como nos lugares de costume. Contra a antedita resolución poderase recorrer consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
  3. Terase dereito a compensación no caso de que, como consecuencia da antedita conversión, a atribución das persoas interesadas quede por debaixo do valor reducido correspondente a cada persoa titular, para o cal se empregarán os predios da masa común da zona que sexan necesarios, aínda que sexan titularidade da entidade xestora do Banco de Terras.
  4. As actuacións a que se refiren os apartados anteriores deberán levarse a cabo dentro do prazo dos sete anos seguintes á entrada en vigor da presente lei.
  5. Completadas as actuacións establecidas nos números 1, 2 e 3 desta disposición, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de concentración e reestruturación parcelaria ditará a correspondente resolución na que manifestará, para os efectos previstos no artigo 9 da Lei hipotecaria, que se estima que existe correspondencia entre a representación gráfica e os datos alfanuméricos dos predios obxecto de inscrición por ser a diferenza de cabida, de existir, igual ou inferior ao 10 %».

Artigo 17. Modificación da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Modifícase o número 1 da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que queda redactado da seguinte forma:

«1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

  1. a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2023, nos casos seguintes:

– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.

– Montes catalogados de dominio público que pasen a xestionarse de acordo co establecido no artigo 34 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Montes que non consigan os fins para os cales se subscribise o convenio ou o consorcio por causas relacionadas co estado legal, forestal, administrativo ou económico do monte.

Considerarase que non se cumpriron estes fins, entre outras causas, cando o arborado existente ocupe unha superficie inferior ao 30 % da total do consorcio ou convenio, agás por afectación de incendios forestais posteriormente á data de entrada en vigor desta lei, polo que neste caso de afectación de incendios forestais a superficie arborada queimada se considerará como superficie arborada para os efectos do cómputo desta porcentaxe do 30 %.

Para efectos do cómputo dese 30 % non se contabilizará o arborado cunha idade inferior aos cinco anos.

  1. b) Finalización nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2023, momento en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado. No caso de non se formalizar o devandito contrato no prazo establecido, o titular do monte deberá aboar o saldo debedor do convenio ou consorcio finalizado á Comunidade Autónoma; para iso, poderá aboalo nun único pagamento ou a través dun plan de devolución plurianual. No caso de non se producir o aboamento total ou da cota anual disposta no devandito plan, procederase á súa anotación preventiva, en concepto de carga real, das cantidades debidas á Comunidade Autónoma de Galicia no correspondente rexistro da propiedade, e non poderán ter axudas ou beneficios de ningún tipo mentres non regularicen a súa situación nos termos previstos nesta lei.

Previamente á finalización ou cancelación do convenio ou consorcio, deberá existir aprobado un instrumento de ordenación ou xestión forestal dos previstos na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que garanta a continuidade da xestión forestal sustentable».

Artigo 18. Modificación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 40, co seguinte contido:

«1. A inclusión de explotacións no Banco iniciarase por solicitude das persoas interesadas cuxa explotación estea incluída no Banco de Explotacións. As solicitudes de incorporación irán acompañadas dunha declaración xurada da veracidade da información facilitada.

En calquera caso, incorporaranse ao Banco de Explotacións todas aquelas explotacións que non acrediten a súa continuidade e que recibisen axudas públicas para a súa mellora no período de tempo inmediatamente anterior ao abandono da actividade, sempre que tal condición estea expresamente establecida nas correspondentes bases reguladoras das devanditas axudas.

Unha explotación poderá estar incluída no Banco de Explotacións un período máximo de dous anos, contado a partir da data de abandono da actividade».

Dous. Modifícanse as letras a) e b) do punto 1 do artigo 92, coa seguinte redacción:

«1. Ata o momento previo á elaboración da proposta de reestruturación, as persoas propietarias dos predios ou, de ser o caso, as titulares das facultades de uso e aproveitamento sobre aqueles, poderán optar ante a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por:

  1. a) Asignar compromisos de venda ao axente promotor produtivo ao prezo mínimo fixado ou, de ser o caso, permuta. Estes prezos deberán ser respectados ou, se é o caso, mellorados polo axente promotor que resulte elixido conforme o proceso de concorrencia establecido no artigo 97 desta lei.
  2. b) Asignar compromisos de arrendamento ao axente promotor produtivo, por unha duración conforme a vida útil do proxecto, ao prezo mínimo fixado no artigo 84. Estes prezos deberán ser respectados ou, de ser o caso, mellorados polo axente promotor que resulte elixido conforme o proceso de concorrencia establecido no artigo 97 desta lei».

Tres. Engádese a letra i) ao número 1 do artigo 126, coa seguinte redacción:

«i) Concertar contratos temporais cos axentes produtivos, de carácter voluntario, para a execución das obras correspondentes aos polígonos agroforestais, ás aldeas modelo ou ás actuacións de xestión conxunta previstos nesta lei, de acordo coas prioridades que fixe a dita Axencia.

Para estes efectos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobará as condicións xerais en que se realizarán estas obras e os servizos asociados, así como os negocios xurídicos derivados deles, que serán obxecto de publicación na súa páxina web, e deberán ser aceptadas polos axentes produtivos, en caso de optaren pola sinatura dos devanditos contratos.

Os investimentos iniciais para as obras e os servizos realizados con cargo a estes contratos poderán ser realizados pola Administración directamente ou por medio dos seus entes instrumentais. Estes investimentos terán a natureza de anticipo reintegrable, e compensaranse con cargo ás tarifas que fixe a Axencia, cuxa contía e prazo de reintegro se determinarán con base na tipoloxía do aproveitamento que se vaia realizar.

Esta actividade de prestación de servizos que se pon á disposición dos axentes produtivos terá a consideración de servizo público e rexerase polo disposto nesta lei.

No caso de que a prestación do servizo se realice en réxime de xestión indirecta, a falta de pagamento das tarifas establecidas no contrato como contraprestación a cargo das persoas usuarias terá a consideración de créditos de dereito público, e será aplicable o previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e de boa administración».

CAPÍTULO IV

Infraestruturas e mobilidade

Sección 1ª. Infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable

Artigo 19. Concepto de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable

Terán a consideración de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable aquelas que contribúan a un maior uso dos modos de transporte non motorizados ou do transporte público colectivo, en detrimento do uso dos vehículos privados de tracción mecánica, tales como vías ou camiños destinados á circulación peonil o de vehículos de tracción humana, como as beirarrúas, as sendas peonís e os carrís para a circulación de bicicletas, os aparcadoiros disuasorios, as plataformas reservadas para o seu uso por parte de vehículos de transporte público colectivo, as paradas e estacións de transporte e, en xeral, todas as que realicen unha función de interconexión entre elas.

Artigo 20. Proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable

  1. Os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable consisten no desenvolvemento completo da solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a súa construción e posterior explotación. Para iso, deberán redactarse cos datos e precisión necesarios para permitir executar as obras e explotalas posteriormente sen a intervención das súas persoas autoras.
  2. Os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable deben ser redactados baixo a dirección ou inspección e a supervisión do órgano competente da administración promotora da actuación e serán subscritos por un profesional técnico competente.
  3. Os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable incluirán a documentación exixible pola normativa de contratación do sector público cando vaian servir de base a unha licitación pública, e, naqueles casos en que a actuación non viñese prevista no planeamento urbanístico municipal, unha análise da súa incidencia neste, con indicación das determinacións do antedito planeamento que resultarán modificadas, conxuntamente coa aprobación do proxecto.

Artigo 21. Información pública e informe das administracións afectadas

  1. Será preceptivo o sometemento dos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable aos trámites de información pública e de informe das administracións afectadas no caso da construción de novas infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable que non se previsen no planeamento urbanístico municipal.
  2. O trámite de información pública levarase a cabo durante un prazo mínimo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito da actuación. A documentación que compón o proxecto estará á disposición da cidadanía na sede central da administración promotora da actuación, na sede territorial desta que abranga o ámbito da actuación, se é o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a concepción global da actuación e das distintas alternativas analizadas, de ser o caso.
  3. Simultaneamente, os proxectos sometidos ao trámite de información pública a que se refiren os puntos anteriores tamén se someterán ao informe das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación para que, nun prazo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, examinen se o deseño proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informen sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade co deseño proposto.
  4. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións.

Artigo 22. Aprobación definitiva

  1. Os proxectos serán aprobados de forma definitiva, cando non teñan que ser posteriormente sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, polo órgano competente da administración promotora da actuación, logo da emisión do preceptivo informe de supervisión.
  2. No caso de proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben de só unha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación.

Na resolución pódense introducir as prescricións de carácter técnico, social, territorial e de protección ambiental e patrimonial que se consideren necesarias, para ter en conta nos proxectos que desenvolvan posteriormente o proxecto ou, cando aquelas sexan significativas, nun novo proxecto que sexa sometido á mesma tramitación que o orixinal.

  1. No caso de que o informe dalgunha das administracións ás que se lles dese trámite de informe preceptivo expresar de xeito motivado a súa falta de conformidade co deseño proposto no proxecto, o expediente remitirase ao Consello da Xunta de Galicia, que será o competente para emitir a resolución de aprobación definitiva do proxecto, logo do informe da consellería competente en materia de mobilidade.
  2. A aprobación definitiva dos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable, cando non estean incluídos no planeamento urbanístico municipal, corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellería competente en materia de mobilidade no caso de actuacións promovidas polas entidades locais.

Artigo 23. Efectos da aprobación definitiva

  1. A aprobación definitiva dos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.
  2. As obras relativas aos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable promovidas pola Administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, incluídas todas as actuacións necesarias para a súa execución, constitúen actuacións de interese xeral e, por tanto, non están sometidas a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal previsto na lexislación reguladora das bases do réxime local. Para os efectos do previsto neste artigo, enténdense como necesarias para a execución das obras as actuacións derivadas da necesidade de repoñer os servizos afectados, independentemente da súa titularidade.

A execución das devanditas obras, sempre que se realice de acordo cos proxectos aprobados, unicamente poderá ser suspendida pola propia administración promotora ou pola autoridade xudicial.

Artigo 24. Coordinación co planeamento urbanístico

As determinacións contidas nos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. As entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Sección 2ª. Infraestruturas complementarias do trasporte
de viaxeiros e viaxeiras por estrada

Artigo 25. Modificación Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación

Engádese un novo capítulo V na Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, coa seguinte redacción:

«Capítulo V. Infraestruturas complementarias do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada

Artigo 83 bis. Clases, competencia e ordenación

  1. As infraestruturas complementarias do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada clasifícanse en:
  2. a) Estacións de transporte de viaxeiros, que son as infraestruturas que teñen por obxecto a integración da rede de servizos de transporte público facilitando o transbordo entre modos e servizos de transporte, centralizando as súas saídas, chegadas e tránsitos ás poboacións, e prestando actividades de carácter complementario a persoas usuarias e operadores de transporte.
  3. b) Instalacións auxiliares, que son as restantes infraestruturas complementarias ao transporte, e que teñen por obxecto apoiar o adecuado desenvolvemento do transporte público de viaxeiros e viaxeiras por estrada. Terán esta consideración as marquesiñas ou refuxios de espera, que teñen como función facilitar as esperas, chegadas e tránsitos das persoas usuarias da rede de transporte público. Terán tamén a consideración de instalacións auxiliares os puntos de información, paneis, postes e instalacións similares de carácter complementario para a ordenación e xestión do transporte.
  4. As estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras deberán cumprir cos seguintes requisitos:
  5. a) Accesos para entradas e saídas dos vehículos, configurados de modo que non produzan interferencias entre eles nin alteracións sensibles na capacidade de circulación normal das vías lindeiras.
  6. b) Accesos independentes para vehículos e persoas.
  7. c) Dársenas cubertas, en número suficiente, para os estacionamentos simultáneos que se precisen.
  8. d) Plataformas cubertas para a subida e a baixada das persoas usuarias.
  9. e) Zonas de espera para as persoas, cubertas e independentes das plataformas.
  10. f) Instalacións de servizos sanitarios para as persoas usuarias.
  11. g) Dependencias ou instalacións, de uso común ou individualizado, para a facturación, consigna e venda de billetes, así como puntos de información.
  12. h) Servizo de información da totalidade de servizos de transporte que se presten no termo municipal correspondente e, de xeito específico, das chegadas e saídas da propia estación en tempo real. Este servizo poderá ser prestado por medios audiovisuais accesibles e poderá ser consultado polos usuarios nunha páxina web específica da estación de autobuses.
  13. i) Servizo wifi.

As estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras que prestan servizo a menos de dez mil expedicións anuais estarán eximidas do cumprimento das alíneas c) e g) do punto anterior. En calquera caso, o conxunto de estacións de transporte deberán estar adaptadas para a circulación de persoas con mobilidade reducida.

  1. A consellería con competencias en materia de transporte poderá acordar o establecemento de estándares mínimos exixibles para as instalacións auxiliares, tanto de calidade, seguridade e accesibilidade como de homoxeneidade de deseño, requisitos que serán exixibles para calquera nova dotación que se realice. Igualmente, poderá establecer un inventario de paradas nas que o conxunto de administracións titulares das vías deberán inscribir as dotacións existentes, a súa substitución, a instalación de novas ou calquera incidencia ao respecto.
  2. A competencia para o establecemento das estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras corresponderá á Comunidade Autónoma ou ás entidades locais, que poderán exercela ben de oficio ou por instancia de terceiros interesados.

En caso de iniciativa municipal, deberase presentar para a súa aprobación, ante a consellería competente en materia de transportes, un proxecto que incluirá necesariamente un estudo económico de viabilidade e mais un estudo técnico que xustifique a súa dotación como elemento necesario para facilitar a integración de modos e servizos de transporte, a idoneidade da localización elixida, tanto en canto ao seu entroncamento co tecido urbano, minimizando os desprazamentos motorizados, como na planificación urbanística. O estudo técnico incorporará tamén un estudo de tráfico que garanta a suficiencia dos viais existentes, ou que se programen no propio proxecto, tanto para o acceso das persoas usuarias como dos vehículos de transporte público. Igualmente, tamén deberá incorporarse unha proposta de ordenación dos servizos e paradas de transporte público no ámbito municipal que, logo da análise dos puntos de orixe ou destino final dos desprazamentos das persoas usuarias, garanta a máxima accesibilidade das persoas usuarias do sistema de transporte público sen custos adicionais de carácter temporal nin económico.

O estudo económico de viabilidade deberá concretar os custos económicos que se repercutirán ás persoas e operadores con parada no termo municipal, tanto no suposto de utilización directa das indicadas instalacións como nos casos de exención da súa utilización por habilitación de paradas alternativas no termo municipal.

A dirección xeral competente en materia de transporte deberá emitir un informe vinculante, no prazo de tres meses desde a recepción da proposta municipal, no que se terá en conta especialmente a garantía da máxima accesibilidade das persoas usuarias aos seus puntos de destino. Igualmente, poderá emitir un informe desfavorable no suposto de reservar para si a Comunidade Autónoma a súa iniciativa, por presentar un especial interese supramunicipal en canto garantía da mobilidade das persoas.

Igualmente, no caso de modificacións posteriores das tarifas que correspondan ás persoas usuarias ou aos operadores que non estean expresamente previstas no estudo económico inicialmente remitido, deberán ser igualmente remitidas á consellería competente en materia de transportes, xunto cun novo estudo económico e un informe técnico da súa incidencia no sistema de transporte, a cal emitirá un informe vinculante, no prazo de tres meses desde a súa presentación completa, no que se terá especialmente en consideración a eventual incidencia que a antedita modificación poida provocar na elección do transporte público por parte das persoas usuarias.

Artigo 83 ter. Réximes de utilización das estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras

  1. Naqueles concellos que conten con estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras, sexan de titularidade municipal ou autonómica, con carácter xeral establecerase a antedita estación como punto de parada obrigatoria na totalidade de servizos públicos regulares de viaxeiros e viaxeiras en autobús, agás nos casos seguintes:
  2. a) Servizos integrados, no sentido previsto no artigo 79 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
  3. b) Servizos con orixe, destino ou tránsito no termo municipal que non teñan parada no núcleo urbano en que se localice a estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras.
  4. c) Servizos respecto dos que, tendo parada no mesmo núcleo urbano en que se localice a estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras, sexan eximidos de tal obriga pola administración competente sobre eles ao fixar puntos de parada diferentes por resultaren máis adecuados para garantir a maior accesibilidade urbana das persoas usuarias, seguindo os procedementos legalmente establecidos para tal efecto.
  5. d) Calquera outro servizo que sexa expresamente exceptuado pola administración competente sobre el, atendendo á concorrencia de circunstancias singulares, como pode ser a hora ou período temporal de prestación, ou os colectivos de usuarios e usuarias para os que estea especialmente previsto ou deseñado o citado servizo.
  6. As estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras terán dereito a percibir das persoas usuarias e dos operadores de transporte tarifas pola prestación do servizo que ofrecen. Con carácter xeral, esas tarifas percibiranas directamente das empresas operadoras respecto da totalidade de servizos de transporte que estas estean obrigadas a ofrecer ás persoas usuarias consonte os seus respectivos títulos, tanto no caso dos que teñan parada na estación como no daqueles que, tendo parada no termo municipal, estean exentos de acceder a aquela, agás os servizos integrados.
  7. O funcionamento de cada estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras será obxecto dun regulamento de réxime interior, aprobado pola administración titular dela».

Sección 3ª. Estradas

Artigo 26. Modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 8, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. Travesías

  1. Para os efectos desta lei, considérase travesía o treito dunha estrada que discorre a través dun núcleo de poboación, nos termos establecidos regulamentariamente.
  2. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia, ou treitos delas, adquirirán a condición de vías urbanas cando o seu tráfico sexa maioritariamente urbano e non resulten necesarias para manter a continuidade e a coherencia das redes de estradas, nos termos establecidos regulamentariamente.
  3. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia que adquiran a condición de vías urbanas entregaranse ao concello polo que estas discorran, seguindo os procedementos de cambio de titularidade previstos nesta lei».

Dous. Modifícanse os apartados 2 e 3 do artigo 12, que quedan redactados como segue:

«2. O Plan director de estradas de Galicia, logo de ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, ten a consideración de plan sectorial, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio.

  1. As determinacións do Plan director de estradas de Galicia terán a eficacia que sexa congruente coa súa finalidade, e expresarán de forma clara e inequívoca o alcance con que deberán operar.

A ese respecto, o Plan director de estradas de Galicia poderá conter:

  1. a) Determinacións de aplicación directa, que prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación urbanística. Neses casos, o Plan director de estradas de Galicia precisará os aspectos concretos en que prevalecerá sobre aqueles.
  2. b) Determinacións vinculantes, que implicarán a necesidade de modificar os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, os anteditos instrumentos de ordenación urbanística vixentes deberán adaptarse a esas determinacións no prazo dun ano desde a data da aprobación do Plan director de estradas de Galicia, ou con ocasión da súa primeira modificación ou revisión, no caso de que sexa anterior, agás no caso de que o propio Plan director de estradas de Galicia precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación ás citadas determinacións.
  3. c) Determinacións pendentes de desenvolvemento, que non modificarán directamente os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, cando as obras ou actuacións previstas no Plan director de estradas de Galicia exixan unha modificación das determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de plan sectorial, estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos instrumentos de ordenación urbanística, segundo as determinacións que se establezan neses documentos».

Tres. Modifícase o artigo 13, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. Plans sectoriais de estradas

  1. Os plans sectoriais de estradas son os instrumentos técnicos e xurídicos de desenvolvemento do Plan director de estradas de Galicia nun determinado ámbito territorial inferior ao da totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou en relación á rede de estradas de titularidade dunha determinada administración.
  2. Os plans sectoriais de estradas terán a consideración de plan sectorial, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio.
  3. Os plans sectoriais de estradas prevalecerán sobre a ordenación urbanística nos aspectos relativos ao sistema viario e de comunicacións.

Para estes efectos, poderán conter:

  1. a) Determinacións de aplicación directa, que prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación urbanística. Neses casos, o plan sectorial de estradas precisará os aspectos concretos en que prevalecerá sobre aqueles.
  2. b) Determinacións vinculantes, que implicarán a necesidade de modificar os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, os anteditos instrumentos de ordenación urbanística vixentes deberán adaptarse a esas determinacións no prazo dun ano desde a data da aprobación do plan sectorial de estradas, ou con ocasión da súa primeira modificación ou revisión, no caso de que sexa anterior, agás no caso en que o propio plan sectorial de estradas precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación ás devanditas determinacións.
  3. c) Determinacións pendentes de desenvolvemento, que non modificarán directamente os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, cando as obras ou actuacións previstas no plan sectorial de estradas exixan unha modificación das determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos instrumentos de ordenación urbanística, segundo as determinacións que se establezan neses documentos».

Catro. Modifícase o apartado 2 do artigo 14, que queda redactado como segue:

«2. O procedemento para a tramitación do Plan director de estradas de Galicia e dos plans sectoriais de estradas establecerase regulamentariamente.

Para a tramitación do Plan director de estradas de Galicia e dos plans sectoriais de estradas non será necesaria a notificación individual a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

O procedemento realizarase de xeito simultáneo co de avaliación ambiental de plans e programas, establecido pola lexislación básica sobre a materia».

Cinco. Modifícase o apartado 1 do artigo 23, que queda redactado como segue:

«1. Os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos de interese autonómico, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, sen que sexa precisa unha declaración previa de interese autonómico por parte do Consello da Xunta de Galicia.

As determinacións contidas nos estudos e proxectos de estradas que teñan a consideración de proxectos de interese autonómico terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. As entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do estudo ou proxecto de estradas deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido naquel, para o cal se establecerán nel as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano desde esa data e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión, agás no caso en que o propio estudo ou proxecto de estradas precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación das devanditas determinacións».

Seis. Engádese un artigo 23 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 23 bis. Coordinación coa ordenación do territorio

A realización, dentro do obxecto e ámbito delimitado polo Plan director de estradas de Galicia ou polos plans sectoriais de estradas, de actuacións derivadas de estudos ou proxectos en materia de estradas que non veñan previstas naqueles non requirirá da modificación previa dos anteditos plans, cando a aprobación deses estudos ou proxectos sexa realizada polo Consello da Xunta de Galicia».

Sete. Engádese un novo apartado 5 ao artigo 47, coa seguinte redacción:

«5. Considérase que as autorizacións de acceso á estrada ou aos seus elementos funcionais afectan directamente as súas calzadas e, en consecuencia, o outorgamento das autorizacións corresponde, en todos os casos, á administración titular da estrada, incluso cando se realicen nos seus treitos urbanos.

Do mesmo xeito, como consecuencia da súa relación cos anteditos accesos ás estradas, as parcelacións e segregacións de todas as parcelas lindeiras coas estradas requirirán a autorización da administración titular da estrada, incluso nos treitos urbanos».

Oito. Modifícase o apartado 2 do artigo 49, que queda redactado como segue:

«2. As actuacións poderán ser inspeccionadas en todo momento polo persoal da administración titular da estrada».

Nove. Modifícase o apartado 3 do artigo 49, que queda redactado como segue:

«3. Finalizadas as obras ou instalacións autorizadas, a administración titular da estrada comprobará a súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización. De ser o caso, faranse constar as obxeccións de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.

Será preceptivo o levantamento dunha acta de terminación no caso de todas as obras ou instalacións levadas a cabo na zona de dominio público. Nos demais supostos, só será exixible cando a administración titular da estrada condicione, na súa autorización, o uso das obras ou instalacións ao seu levantamento. De non establecerse tal condición, o levantamento da acta poderá ser substituído polos mecanismos de comprobación que se establezan regulamentariamente.

Nos casos en que esta sexa exixible, a acta de terminación implicará o permiso de uso das obras ou instalacións cuxa conformidade se acredite.

A acta de terminación das obras ou instalacións será elaborada pola administración titular da estrada, nos casos en que sexa exixible, e será posta á disposición da persoa titular da autorización, quen poderá manifestar o que considere oportuno, de ser o caso».

Dez. Modifícase o artigo 52, que queda redactado como segue:

«Artigo 52. Accesos, parcelacións e segregacións

  1. A administración titular da rede poderá limitar e ordenar os accesos ás estradas e establecer, con carácter obrigatorio, os lugares e as condicións en que tales accesos se poidan construír, atendendo á normativa vixente e aplicando criterios de intensidade de tráfico, de seguridade viaria e de funcionalidade e explotación da estrada. En todo caso, será prioritario o emprego de accesos existentes.
  2. Incorporaranse ao dominio público viario os elementos do novo acceso que se sitúen sobre a zona de dominio público.

Tamén se incorporarán ao dominio público viario os enlaces, interseccións, glorietas, pasos inferiores e superiores, vías de servizo, elementos de cambio de velocidade e aqueloutras ampliacións da plataforma da estrada ou vía de servizo orixinal que se executen como parte do proxecto do acceso, así como todos os terreos sobre os cales se sitúen todos eses elementos, aínda no caso de que pertenzan ou sexan adquiridos pola persoa solicitante da autorización para executar o acceso.

A cesión dos elementos e terreos formalizarase mediante a sinatura dun documento para tal efecto. A sinatura do antedito documento de formalización da cesión será requisito previo para a celebración do acto en que se documentará a terminación das obras do acceso, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización.

  1. As autorizacións referidas ás parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas, cando se pretendan levar a cabo fóra do solo urbano consolidado, só se emitirán en sentido favorable naqueles casos en que esas actuacións non impliquen un incremento do número de accesos á estrada, nos termos establecidos regulamentariamente.

Pola súa parte, as autorizacións referidas ás parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas, cando se pretendan levar a cabo no solo urbano consolidado, só se emitirán en sentido favorable naqueles casos en que todas as novas parcelas xeradas poidan resolver o seu acceso a través doutras vías de circulación ou ben cumpran as condicións para que os seus accesos poidan ser autorizados pola administración titular da estrada».

Once. Modifícase a letra b) do apartado 3 do artigo 53, que queda redactada como segue:

«b) Os rótulos dos establecementos mercantís ou industriais que sexan indicativos da súa actividade, sempre que se cumpran, simultaneamente, as seguintes condicións:

1º. Que se sitúen nos edificios ou terreos en que aqueles desenvolvan a súa actividade.

2º. Que se sitúen máis separados da estrada que a liña límite de edificación e a unha distancia da calzada non inferior á súa altura.

No caso de edificacións preexistentes entre a calzada e a liña límite de edificación, admitiranse tamén aqueles casos en que se xustifique que non se poden instalar rótulos máis separados da estrada que a liña límite de edificación, non se dispoña xa doutro rótulo visible desde a calzada e se trate de rótulos pintados ou instalados na propia edificación, sen voar sobre a zona de dominio público.

3º. Que non inclúan comunicación adicional tendente a promover a contratación de bens ou servizos».

Doce. Modifícase o apartado 2 do artigo 58, que queda redactado como segue:

«2. A persoa causante dos danos deberá aboar á administración titular da estrada a indemnización polos danos e perdas ocasionados, no prazo que, para tal efecto, se lle conceda.

Así mesmo, a administración titular da estrada poderá exixirlle á persoa causante dos danos o resarcimento dos gastos que supoña a súa intervención para o auxilio público mediante persoal, xa sexa a través de medios propios ou contratados, medios de sinalización ou balizamento, a custodia de vehículos ou cargas e a retirada de restos en caso de accidente ou avaría.

No caso de que un asegurador asumise o risco derivado da responsabilidade civil da persoa causante dos danos, a administración titular da estrada poderá requirirlle directamente a aquel o pagamento da indemnización polos danos e perdas causados ao dominio público viario e polo resto de gastos a que se refire o parágrafo anterior».

Trece. Modifícase a disposición adicional primeira, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional primeira. Edificacións, instalacións e peches preexistentes

  1. Nas edificacións, instalacións e peches preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada da estrada e a liña límite de edificación poderán ser autorizadas, ou quedarán suxeitas ao réxime de declaración responsable nos casos previstos nesta lei, no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, e sempre que quede garantida a seguridade viaria na estrada e nos seus accesos e non se produza cambio de uso nin incremento de volume edificado, por riba ou por debaixo da rasante do terreo:
  2. a) Con carácter xeral, as obras de mantemento, conservación e rehabilitación.
  3. b) Excepcionalmente, obras de rehabilitación estrutural, naqueles supostos de interese público ou social así cualificados.
  4. As edificacións, instalacións e peches preexistentes que se vexan afectados por obras de reforma da estrada e que conten con autorización, sempre que lles for exixible, poderán ser repostos, no prazo máximo de tres anos desde a data de finalización contractual da obra que os afectou, pola súa persoa propietaria ou pola administración titular da actuación, coas mesmas características que tivesen e, en todo caso, fóra da zona de dominio público».

Catorce. Engádese unha disposición transitoria cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria cuarta. Reposición de edificacións, instalacións e peches preexistentes

En relación co previsto no apartado 2 da disposición adicional primeira da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, no caso de edificacións, instalacións e peches preexistentes que se vexan afectados por obras de reforma da estrada que fosen finalizadas contractualmente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e que conten con autorización, sempre que lles for exixible, poderán ser repostos, pola súa persoa propietaria, coas mesmas características que tivesen e, en todo caso, fóra da zona de dominio público, no prazo máximo de tres anos desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas».

CAPÍTULO V

Mar

Artigo 27. Modificación da Lei 8/2011, do 3 de decembro, de pesca de Galicia

A letra a) do número 2 do artigo 148 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, queda redactada como segue:

«a) O comiso dos produtos ou dos bens obtidos ilegalmente, as infraccións previstas no artigo 137.G), números 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 10».

Artigo 28. Modificación da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia

A Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 49, coa seguinte redacción:

«1. Portos de Galicia controlará no ámbito portuario o cumprimento da normativa que afecte a admisión, manipulación e almacenamento de mercadorías perigosas e da normativa que afecte a protección do ambiente, así como os sistemas de seguridade, incluídos os que se refiran á protección ante actos antisociais e terroristas, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos das administracións públicas, en particular as que posúe a Administración xeral do Estado, a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de urxencias e a Axencia Galega de Emerxencias, e das responsabilidades que nesta materia correspondan ás persoas usuarias do porto.

Para os efectos previstos neste número, corresponderá aos titulares de concesións e autorizacións o cumprimento das obrigas de coordinación de actividades empresariais en calidade de titulares do centro de traballo. Nos espazos non outorgados en réxime de concesión ou autorización, o consignatario que actúe en representación do armador responderá do cumprimento das obrigas de coordinación durante as manobras de atracada, desatracada e fondeo do buque e, en xeral, durante a estancia deste no porto, salvo para as operacións de carga, estiba, desestiba, descarga ou transbordo de mercadorías ou de embarque ou desembarque de pasaxeiros. Se se realizaren estas operacións ou as de entrega, recepción, almacenamento, depósito e transporte horizontal de mercadorías en espazos non outorgados en concesión ou autorización, responderá do cumprimento das obrigas de coordinación a empresa prestadora do servizo correspondente».

Dous. O número 1 do artigo 137 queda redactado como segue:

«1. As infraccións reguladas nesta lei sancionaranse coas multas seguintes:

  1. a) As infraccións leves, con multas de ata 60.000 euros.
  2. b) As infraccións graves, con multas de ata 300.000 euros.
  3. c) As infraccións moi graves, con multas de ata 600.000 euros».

Tres. Engádese un número 6 ao artigo 143, que queda redactado como segue:

«6. O prazo máximo en que debe notificarse a resolución que poña fin ao procedemento sancionador será dun ano desde a data do acordo de iniciación do devandito procedemento».

CAPÍTULO VI

Política social

Artigo 29. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o título da disposición adicional novena, que queda redactado como segue: «Actuacións para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos».

Dous. Engádese un novo apartado 7 na disposición adicional novena coa seguinte redacción:

«7. Co fin de consolidar o obxectivo de interese público, por razóns de impulso demográfico e conciliación, de acadar a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos, con efectos económicos a partir do comezo do curso escolar 2022-2023, estenderase o réxime establecido nesta disposición á matriculación do primeiro fillo ou filla da unidade familiar, de acordo coa regulación nela establecida para os distintos supostos que recolle».

Artigo 30. Modificación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o parágrafo primeiro do apartado 2 do artigo 69, que queda redactado como segue:

«As cantidades que corresponda aboar ás entidades locais derivadas do réxime de cofinanciamento previsto neste artigo terán a consideración de débedas vencidas, líquidas e exixibles, e poderán ser obxecto de compensación coa participación daquelas no Fondo de Cooperación Local, de acordo co disposto na súa regulación».

Dous. Modifícase o apartado 4 do artigo 69, que queda redactado como segue:

«4. O Consorcio, ou ente que o substitúa, expedirá semestralmente as liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento correspondentes ás entidades locais, nas que se indique o número de usuarios e as cantidades aplicables de acordo co establecido no anexo I desta lei. As entidades locais deberán aboalas no prazo de dous meses. Nos casos de discrepancia na contía, de non se acadar acordo na comisión de seguimento establecida nos convenios formalizados no seu día, o Consorcio, ou ente que o substitúa, ditará resolución motivada e fixará a contía, nun prazo máximo de seis meses desde o acordo do inicio do expediente de liquidación, sen prexuízo de que a entidade local poida interpoñer recurso na vía xurisdicional contencioso-administrativa».

CAPÍTULO VII

Emprego

Artigo 31. Modificación da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o apartado 3 do artigo 73, que queda redactado como segue:

«3. O consello reitor presentará, asinados electronicamente, para o seu depósito no rexistro de cooperativas competente, dentro do prazo de dous meses, contados desde a súa aprobación pola asemblea xeral, as contas anuais e o informe de xestión, asinados por quen exerza a presidencia e a secretaría, ou administrador único, e, se procede, o informe do órgano de intervención ou, se for o caso, o informe de auditoría externa, as certificacións acreditativas do acordo de aprobación das contas anuais e da distribución ou imputación dos resultados, así como do número de cooperativistas».

Dous. Modifícase o apartado 4 do artigo 73, que queda redactado como segue:

«4. Con carácter complementario ao depósito dos documentos indicados no número anterior, poderá depositarse no rexistro de cooperativas a memoria social, asinada electronicamente, consonte os modelos aprobados polo Consello Galego de Cooperativas».

Artigo 32. Modificación da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico

Modifícase o artigo 26 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que queda redactado como segue:

«Artigo 26. Reserva de contratos a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción sociolaboral

  1. De conformidade co disposto na disposición adicional cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia fixarase a porcentaxe mínima de reserva do dereito para participar nos procedementos de adxudicación de determinados contratos ou de determinados lotes destes, a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción reguladas, respectivamente, no texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobada mediante o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, que cumpran cos requisitos establecidos na devandita normativa para ter esta consideración, ou unha porcentaxe mínima de reserva da execución destes contratos no marco de programas de emprego protexido, a condición de que a porcentaxe de traballadores e traballadoras con discapacidade ou en situación de exclusión social dos centros especiais de emprego de iniciativa social, das empresas de inserción ou dos programas sexa o previsto na súa normativa de referencia e, en todo caso, polo menos o 30 por 100. No referido acordo do Consello da Xunta de Galicia fixaranse as condicións mínimas para garantir o cumprimento do establecido neste parágrafo.
  2. Será susceptible de reserva calquera obxecto contractual, sector de actividade, procedemento de adxudicación e contía. A consellería con competencias en materia de economía social porá á disposición dos órganos de contratación a información que posúa sobre a existencia de centros especiais de emprego de iniciativa social ou empresas de inserción que realicen ou se dediquen á actividade obxecto do contrato, a fin de facilitar, de ser o caso, a súa cualificación como reservado.

A reserva deberá mencionarse no título do contrato e no anuncio de licitación.

Cando, tras seguirse un procedemento dun contrato reservado, non se presentase ningunha oferta ou as ofertas non foren adecuadas, poderase licitar de novo o contrato sen efectuar a reserva inicialmente prevista, sempre que non se modifiquen substancialmente as condicións iniciais. O importe dese contrato computará para efectos de integrar a porcentaxe de reserva que se establecese para ese exercicio.

  1. O importe global dos contratos reservados será, como mínimo, dun 5 %, calculado sobre a suma dos importes de adxudicación, con IVE, dos contratos menores e contratos abertos simplificados a que se refire o apartado 6 do artigo 159 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, incluídos nos códigos CPV recollidos no anexo VI da citada Lei 9/2017, do 8 de novembro, e adxudicados no exercicio orzamentario inmediatamente anterior polo sector público autonómico.
  2. A Xunta de Galicia fomentará ao máximo criterios sociais nas contratacións que realice, e potenciará a xeración de emprego para as persoas con discapacidade.
  3. As empresas e entidades beneficiarias da reserva deberán estar legalmente constituídas e cumprir os requisitos necesarios para o exercicio da súa actividade.
  4. Nos procedementos de contratación en que se aplique a reserva non procederá a exixencia de garantías provisionais ou definitivas, salvo nos casos en que o órgano de contratación, por motivos excepcionais, o considere necesario e así o xustifique motivadamente no expediente.
  5. Constituirase unha comisión de seguimento, formada por unha persoa en representación da Xunta de Galicia, unha persoa representante da patronal maioritaria dos centros especiais de emprego de iniciativa social de Galicia e outra das empresas de inserción, para que, con carácter trimestral, poida valorar a aplicación da reserva de contratos. A comisión de seguimento proporá, á persoa titular da consellería con competencias en materia de economía social, a fixación da porcentaxe mínima de reserva a que se refire o apartado 1 deste artigo, para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.
  6. Tras o peche de cada exercicio orzamentario, e para os efectos de realizar un adecuado seguimento da reserva de contratos, presentarase ante a comisión de seguimento un informe detallado que conterá a listaxe e o importe total dos contratos, ou lotes destes, reservados e adxudicados a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, reflectindo a execución da reserva no exercicio orzamentario pechado. Este informe publicarase no portal web institucional da Xunta de Galicia».

CAPÍTULO VIII

Vivenda

Artigo 33. Modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 3 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«3. O importe das fianzas depositadas poderá ser destinado a investimentos para a promoción, construción e rehabilitación de vivendas protexidas de promoción pública, a actuacións directas en núcleos antigos ou suxeitos a un proceso de renovación urbana, á dotación de fondos de cooperación cos concellos para o impulso de actuacións de rehabilitación, rexeneración ou renovación urbana, así como para a adquisición e promoción de vivenda de nova construción, a medidas de fomento do alugamento e a políticas de fomento do dereito á vivenda previstas nesta lei, sempre que quede garantida a devolución das fianzas que sexan reclamadas no tempo e na forma que proceda».

Dous. Engádese un artigo 74 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 74 bis. Procedemento extraordinario de adxudicación directa das vivendas protexidas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo

  1. As vivendas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderán adxudicarse directamente, logo da tramitación do procedemento extraordinario previsto neste artigo, sempre que se trate de satisfacer as necesidades urxentes de vivenda daquelas persoas que non poidan acollerse a outro programa do Instituto Galego da Vivenda e Solo e que se atopen nalgunha das seguintes circunstancias:
  2. a) Perda da vivenda habitual como consecuencia de catástrofes naturais, estragos ou outros supostos análogos de forza maior.
  3. b) Especial vulnerabilidade social ou risco de exclusión.
  4. c) Mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de precariedade económica que cesasen a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de emisión do informe dos servizos sociais municipais que conste no expediente para a adxudicación directa da vivenda, así como as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
  5. d) As que se establezan con base noutras circunstancias extraordinarias que se determinen nos programas específicos de acceso á vivenda protexida que aprobe a Administración autonómica.
  6. O procedemento de adxudicación iniciarase por acordo da Comisión Provincial da Vivenda, por propia iniciativa da Comisión ou por instancia da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Acordado o inicio do expediente, solicitarase informe dos servizos sociais do concello do último domicilio da unidade de convivencia, de non constar xa xunto coa solicitude. Este informe terá o carácter de preceptivo e non vinculante. Ademais, a Comisión Provincial poderá solicitar cantos informes e documentos adicionais estime procedentes. A Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da proposta da Comisión Provincial de Vivenda e, se é o caso, de cantos informes e documentos estime procedentes, resolverá sobre o asunto. A antedita resolución pon fin á vía administrativa.
  7. A adxudicación directa efectuarase en réxime de arrendamento, agás que o programa específico a que se acolla a persoa adxudicataria prevexa a posibilidade de ocupación temporal en atención aos seus ingresos.
  8. As vivendas de promoción pública que poderán ser obxecto do procedemento de adxudicación directa regulado neste artigo deberán ser adecuadas para atender as concretas necesidades de vivenda da persoa interesada. Non poderán ser obxecto deste procedemento as vivendas de promoción pública incluídas nun procedemento ordinario de adxudicación en tanto se manteñan vixentes as listas resultantes do correspondente sorteo».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 108, que queda redactado como segue:

«2. Sen prexuízo do disposto no punto 5 deste artigo, cando a persoa responsable da infracción sexa unha persoa adxudicataria, por calquera título, dunha vivenda protexida, as contías das sancións serán as seguintes:

  1. a) As infraccións leves, con multa de 150 ata 1.500 euros.
  2. b) As infraccións graves, con multa de 1.501 ata 15.000 euros.
  3. c) As infraccións moi graves, con multa de 15.001 ata 30.000 euros».

Catro. Modifícase a disposición adicional terceira, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional terceira. Efectos do silencio administrativo

As solicitudes de cualificación, modificación de cualificación ou descualificación de vivendas protexidas, así como as solicitudes de autorización de disposición ou de visado de contratos de vivendas protexidas ou as solicitudes de actuacións protexidas reguladas nesta lei entenderanse desestimadas por silencio administrativo, conforme o disposto no punto 1 do artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os mesmos efectos terá o silencio administrativo en relación coas renuncias e coas solicitudes de adxudicación de vivendas e locais de propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de cambio de réxime das vivendas de promoción pública e, en xeral, con todas as solicitudes que impliquen a asunción de dereitos ou facultades sobre as vivendas protexidas que, segundo o previsto nesta lei, deban ser obxecto de autorización por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo».

Cinco. Modifícase a disposición adicional vixésimo primeira, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional vixésimo primeira. Axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica

  1. Para efectos do previsto na alínea a) do número 2 do artigo 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica teñen a consideración de axudas prestacionais de carácter asistencial.
  2. A normativa reguladora das devanditas axudas determinará os requisitos para ter a condición de persoa beneficiaria e o procedemento para a súa concesión no que deberán cumprirse os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación».

Seis. Engádese a disposición adicional vixésimo segunda, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional vixésimo segunda. Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda de nova construción

  1. Créase o fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda como un fondo sen personalidade xurídica de seu, para a xestión de instrumentos financeiros de préstamos sen xuros aos concellos para a adquisición e promoción de vivenda de nova construción.
  2. Poderanse acoller ao fondo os concellos que cumpran as condicións que se establezan mediante resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, co obxecto de financiar, mediante un préstamo, sen xuros, concedido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a adquisición e promoción de vivenda de nova construción con destino ao alugueiro social ou a aqueloutras finalidades que se determinen por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
  3. O fondo dotarase a partir dos depósitos procedentes das fianzas de arrendamento, co importe máximo que, logo da autorización por parte da consellería competente en materia de facenda, se estableza mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo. As devolucións efectuadas polos concellos pasarán novamente a formar parte do fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda para que poida ser reutilizado en novas disposicións por parte dos concellos.
  4. O devandito fondo será xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, que determinará o procedemento de solicitudes, condicións e procedemento de concesión dos préstamos, e contará cunha contabilidade separada da do ente instrumental, coa que presentará os seus estados orzamentarios e contables de xeito consolidado. En todo caso, estará sometido ao réxime de auditoría, control e rendición de contas que resulte aplicable ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.
  5. Os recursos asignados ao fondo e os seus rendementos deberán estar vinculados a unha conta operativa propia e separada das do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
  6. Tendo en conta a procedencia e a afectación das cantidades que dotan este fondo, os concellos non poderán compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, poidan deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou outras entidades públicas instrumentais pertencentes ao sector público autonómico.
  7. As cantidades dispostas e non reintegradas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, chegada a data de vencemento parcial ou total do préstamo, consideraranse vencidas, líquidas e exixibles, para os efectos da súa compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local».

CAPÍTULO IX

Sanidade

Artigo 34. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

Engádese unha nova disposición adicional segunda na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional segunda. Aplicación das medidas de vacinación no marco das competencias estatais de coordinación xeral da sanidade e da Estratexia nacional de vacinación

A medida prevista no número 5 da letra b) do número 2 do artigo 38 entenderase sen prexuízo do carácter voluntario da vacinación con carácter xeral e aplicarase sempre de acordo co establecido para cada patoloxía pola Administración xeral do Estado no exercicio das súas competencias de coordinación xeral da sanidade, na estratexia nacional de vacinación que estea vixente en cada momento e no marco do que determine o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. As campañas articularanse sobre o principio da colaboración voluntaria das persoas afectadas coas autoridades sanitarias e estas ofrecerán información, en todo caso, dos posibles riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas».

Artigo 35. Medidas extraordinarias en materia de planificación e ordenación de recursos humanos para o fortalecemento da atención primaria en Galicia

  1. Co obxecto de dar resposta adecuada ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, as actuacións previstas no Plan galego de atención primaria 2019-2021, e a necesidade de establecer cambios na prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria, adóptanse con carácter extraordinario as medidas que figuran neste artigo, sen afectar os dereitos que a normativa vixente recoñece ao persoal médico que presta actualmente servizos con vínculo de fixeza nese nivel asistencial.
  2. Como parte do colectivo profesional do persoal médico de familia, créase no Servizo Galego de Saúde, a categoría estatutaria de facultativo/a especialista de atención primaria, dentro do colectivo de persoal estatutario sanitario de formación universitaria, de nivel licenciado ou graduado con título de especialista en ciencias da saúde (subgrupo A1).

As funcións desta categoría serán as funcións inherentes ás competencias profesionais especificadas no programa de formación de médico/a especialista en medicina familiar e comunitaria. As devanditas funcións desenvolveranse coas regras especiais en canto aos lugares de prestación do servizo, dispoñibilidade e xornada previstas neste artigo, que particularizan as especificidades desta categoría.

En particular, por necesidades derivadas da garantía da continuidade asistencial en todos os dispositivos de atención primaria, dentro das tarefas específicas deste persoal, establécese o desenvolvemento necesariamente das súas funcións e prestación de servizos tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada. Os lugares concretos de prestación de servizos concretaranse, para cada praza ofertada, na correspondente convocatoria.

  1. Para acceder á categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do título oficial de médico/a especialista en medicina familiar e comunitaria e, no caso do persoal fixo, superar as correspondentes probas de selección, consonte o establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e na restante normativa aplicable. A selección do persoal temporal realizarase en conformidade co disposto o artigo 33 da citada Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Coa finalidade de diminuír o moi grave déficit de persoal médico de familia mediante a incorporación urxente do primeiro grupo de profesionais da nova categoría, e atendendo á avaliación continua e garantía de capacidade e coñecementos que outorga o sistema de formación especializada en ciencias da saúde, así como ás peculiares funcións e prestacións desa categoría, no ano 2022 tramitarase un proceso selectivo, polo sistema de concurso, para acceder á condición de persoal fixo dela.

Para os efectos de que poida participar o persoal médico interno residente (MIR) que está actualmente no seu último ano de formación na especialidade de medicina familiar e comunitaria, o devandito concurso convocarase no segundo trimestre do ano 2022.

  1. Dentro do respecto ao réxime de xornada tanto ordinaria como complementaria que establece o Estatuto marco, a xornada do persoal facultativo especialista de atención primaria será a vixente como ordinaria para o persoal médico de familia, máis a complementaria para prestar servizos de atención continuada nun tramo que se concretará, para cada praza ofertada, na correspondente convocatoria.
  2. As retribucións do persoal facultativo especialista de atención primaria serán, por unha parte, as vixentes para o persoal médico de familia das unidades de atención primaria. Se é o caso, polo seu ámbito de prestación, os factores do complemento de produtividade fixa aboaranse tendo en conta a media dese complemento nos diversos centros de traballo.

Dadas as condicións de traballo especiais desta categoría, con xornada superior e prestación en unidades e puntos de atención continuada, dispoñibilidade e diferentes localizacións, os seus postos de traballo contarán cunha retribución complementaria adicional, de carácter fixo e periódico e devindicación mensual, para atender esa singularidade.

A atención continuada efectivamente realizada retribuirase coas contías correspondentes ás gardas do persoal facultativo.

O persoal facultativo especialista de atención primaria poderá participar de acordo coa letra c) do artigo 7 do Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria, nos obxectivos e programas prefixados polo Servizo Galego de Saúde coa correspondente asignación individual das contías derivadas do grao de cumprimento daqueles (complemento de produtividade, factor variable). Os obxectivos e o seu seguimento poderán adaptarse ás peculiaridades da categoría. As contías e demais condicións para a percepción deste complemento serán as mesmas que se establecen con carácter xeral para o persoal médico de atención primaria.

  1. O persoal facultativo especialista de atención primaria, estatutario fixo da categoría, poderá participar nos procesos de selección das categorías de médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias e persoal médico de hospitalización a domicilio, pola quenda de promoción interna, cando cumpra os requisitos comúns, estea en situación de servizo activo naquela categoría e acredite dous anos de permanencia nesa situación administrativa.
  2. O persoal da nova categoría poderá solicitar o grao I de carreira profesional desta cando acredite un período de tres anos de servizo activo, no seu grao inicial, o último día do prazo que a convocatoria anual estableza para a presentación de solicitudes. Esta medida excepcional aplicarase ata a convocatoria de acceso aos graos de carreira profesional do ano 2027.
  3. En atención ás circunstancias expresadas no número 1 deste artigo, e, en particular, ao grave déficit de persoal médico no ámbito da atención primaria, o Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e control da consellería con competencias en materia de sanidade, poderá nomear persoal estatutario temporal de carácter eventual, como persoal médico técnico de saúde, que desenvolverá funcións de apoio en atención primaria nos ámbitos da xestión da incapacidade temporal, prevención da enfermidade ou calquera outro que demanden as necesidades da atención sanitaria e a protección da saúde. Estes nomeamentos poderán formalizarse ata o 31 de decembro de 2026.

O ámbito funcional deste persoal respectará a normativa básica en materia de emprego público, ordenación das profesionais sanitarias, réxime da Seguridade Social e calquera outra que resulte aplicable ás funcións asignadas.

Para acceder a estes nomeamentos será indispensable estar en posesión do título de grao ou licenciatura en Medicina e da formación adicional que, de ser o caso, se estableza en atención ás funcións específicas que deba realizar o persoal nomeado.

CAPÍTULO X

Industria, comercio e consumo

Artigo 36. Modificación do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial

Modifícase o artigo 79 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, que queda redactado como segue:

«Artigo 79. Procedemento de declaración e implantación

  1. O procedemento para a declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico iniciarase por instancia de parte mediante solicitude da empresa interesada dirixida á consellería competente en materia de economía, achegando a seguinte documentación:
  2. a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.
  3. b) A memoria descritiva detallada das características técnicas das infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto, así como do ámbito territorial afectado. Na devandita memoria incluiranse os planos de situación e localización, a escala adecuada, das instalacións, así como a determinación gráfica do trazado e das características dos accesos viarios e das redes de condución e distribución.
  4. c) Unha memoria na que se xustifique:

1º. A forma en que a proposta, de ser realizada, dará lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste.

2º. A viabilidade económico-financeira da actuación.

  1. d) A idoneidade da localización elixida, así como a relación do contido do proxecto co plan urbanístico vixente, coas Directrices de ordenación do territorio mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica e co Plan de ordenación do litoral.
  2. e) O documento ambiental que resulte exixible.
  3. f) A relación detallada dos bens necesarios afectados, describíndoos na forma que determina o artigo 17 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
  4. A consellería remitirá a documentación presentada ao Instituto Galego de Promoción Económica, que emitirá informe en que se constate o cumprimento dos requisitos para a declaración. Visto o informe, a persoa titular da consellería elevará unha proposta ao Consello da Xunta sobre a declaración do proxecto industrial estratéxico.
  5. Tras a declaración polo Consello da Xunta do proxecto industrial estratéxico, a consellería competente en materia de economía continuará a tramitación da súa implantación se o é tamén por razón da materia. En caso contrario, remitirá o expediente á consellería a que corresponda a competencia.
  6. A consellería competente por razón da materia impulsará de oficio os trámites necesarios para a implantación do proxecto, solicitando todos os informes que resulten precisos para a súa avaliación, en particular os relativos á súa compatibilidade coa ordenación do territorio e co ambiente.

Cando o proxecto afecte terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, exixirase o informe favorable do organismo que teña a competencia sectorial por razón do correlativo valor obxecto de protección.

  1. Os proxectos a que se refire este capítulo serán sometidos a un trámite de información pública de quince días mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galiciae seralles aplicable a normativa en materia de avaliación ambiental.
  2. A persoa titular da consellería competente por razón da materia remitirá ao concello correspondente o proxecto de que se trate, para que no prazo de quince días notifique a súa conformidade ou desconformidade co plan urbanístico en vigor.

No caso de desconformidade, o expediente será remitido á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio para a emisión de informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

  1. A persoa titular da consellería competente por razón da materia elevará o expediente ao Consello da Xunta, que decidirá se procede a aprobación do proxecto industrial estratéxico.
  2. Aprobado o proxecto polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellería competente por razón da materia remitirá ao concello un exemplar do proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, e será posible o inicio das obras».

Artigo 37. Modificación da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia

Engádese un apartado 3 ao artigo 67 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, coa seguinte redacción:

«3. A cámara que asuma tales funcións non quedará, directa ou indirectamente, vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación da cámara extinguida, dos cales responderá exclusivamente o seu patrimonio. Así mesmo, o exercicio de tales funcións non implicará, en ningún caso, a asunción de ningunha responsabilidade, nin principal nin subsidiaria, en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións realizadas pola cámara extinguida».

Artigo 38. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o apartado 29 do artigo 82, que queda redactado como segue:

«29. A introdución, existencia ou mantemento dunha cláusula abusiva nos contratos cos consumidores».

Dous. Modifícase o apartado 43 do artigo 82, que queda redactado como segue:

«43. Non devolución ou aboamento aos consumidores de cantidades indebidamente cobradas, retidas ou aboadas polos consumidores por gastos que non lles correspondan, en especial como consecuencia da aplicación de cláusulas abusivas ou a realización de prácticas abusivas, da entrega de bens ou prestación de servizos non solicitados ou non prestados efectivamente, ou do exercicio do dereito de desistencia, revogación, inexistencia de relación de consumo ou calquera outra circunstancia; así como a non remoción dos efectos para os consumidores derivados das accións ou situacións anteriores».

Tres. Engádense os apartados 44, 45, 46 e 47 no artigo 82, coa seguinte redacción:

«44. Incumprir as disposicións ou resolucións administrativas sobre a prohibición de venda, comercialización ou distribución de determinados bens ou calquera outra en relación coa seguridade dos produtos.

  1. Facilitar información, ou introdución ou aplicación de cláusulas non claras ou non transparentes para o consumidor.
  2. Sempre que estea permitida a modificación unilateral pola empresa dun contrato cun consumidor, non xustificarse por parte da empresa que o consumidor foi notificado de xeito fidedigno das modificacións contractuais, os seus efectos e dereitos que o asisten e que tomou coñecemento pleno disto, ou facelo incumprindo o prazo establecido para iso.
  3. Non acreditarse por parte da empresa o cumprimento dos requisitos de información, claridade e transparencia da información facilitada ou das obrigas de calquera tipo exixidas pola normativa reguladora das comunicacións comerciais a distancia, ou por calquera outra normativa relativa a comunicacións a distancia con consumidores».

Artigo 39. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o apartado 7 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«7. A dirección xeral competente en materia de enerxía enviará unha copia do proxecto sectorial do parque eólico ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para o efecto de obter, no prazo máximo de vinte días, informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos na disposición adicional quinta».

Dous. Engádese unha disposición adicional quinta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional quinta. Distancias a núcleos de poboación

Como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxe máis pa).

Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciacións) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, nas que, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación. En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado».

Tres. Engádese unha disposición adicional sexta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional sexta. Planificación de novas solicitudes de parques eólicos

  1. Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Esta disposición non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite.

  1. Exceptúanse do establecido no número anterior aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de enerxía.
  2. Atendendo ás eventuais desistencias, renuncias, declaracións de caducidade ou resolucións desestimatorias das solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta de Galicia, motivadamente, poderá reabrir temporalmente o prazo para presentar novas solicitudes utilizando como referencia os MW en trámite».

Catro. Engádese unha disposición transitoria sétima, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria sétima. Réxime transitorio para a aplicación das distancias a núcleos de poboación establecidas na disposición adicional quinta

  1. Os requisitos de distancia establecidos na disposición adicional quinta aplicaranse ás novas solicitudes de autorización de parques eólicos, de calquera potencia, que se admitan a trámite logo da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
  2. Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos, solicitadas a partir da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental, e sempre que estas modificacións non veñan impostas por un informe sectorial que motive esta modificación. No resto dos casos, a distancia mínima á núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado será de 500 metros.
  3. Así mesmo, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables ás solicitudes de autorización de parques eólicos que se encontren pendentes de admisión no momento da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e que se presentasen despois do 20 de outubro de 2021.

Para estes casos, concédese un prazo de tres meses, contado desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para que os suxeitos promotores poidan modificar os seus proxectos ou desistir deles. No caso de desistiren, os promotores terán dereito a recuperar as garantías presentadas».

Cinco. Engádese unha disposición transitoria oitava, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria oitava. Tramitación de expedientes sen permisos de acceso e conexión

  1. Os proxectos admitidos a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que non dispoñan de permiso de acceso e conexión disporán dun prazo de 12 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para obteren un permiso de acceso e conexión. No caso contrario procederase ao arquivamento da solicitude.
  2. O resto de proxectos admitidos a trámite que perdesen ou perdan a vixencia dos permisos de acceso e conexión disporán dun prazo de 12 meses, contados desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ou desde a data de perda de vixencia, se é posterior, para obter un novo permiso de acceso e conexión. No caso contrario procederase ao arquivamento da solicitude».

CAPÍTULO XI

Coordinación de policías locais

Artigo 40. Modificación da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais , queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«2. Os procesos selectivos iniciaranse mediante convocatoria pública. As bases da convocatoria terán, como mínimo, o seguinte contido:

  1. a) O número de prazas, o subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no caso de que este non teña subgrupo, o corpo e, se for o caso, a escala ou categoría laboral.
  2. b) As condicións e requisitos que deben reunir as persoas aspirantes.
  3. c) O sistema selectivo aplicable, con indicación do tipo de probas concretas e os sistemas de cualificación dos exercicios ou, de ser o caso, os baremos de puntuación dos méritos.
  4. d) O programa das probas selectivas ou a referencia da súa publicación oficial.
  5. e) A orde de actuación das persoas aspirantes.
  6. f) O réxime aplicable ao órgano de selección.
  7. g) As características, efectos e duración dos cursos e/ou do período de prácticas que deban realizar, de ser o caso, as persoas seleccionadas.

Para os efectos do previsto no artigo 16.a), os concellos remitirán as bases das convocatorias, con carácter previo á súa aprobación definitiva, ao centro directivo competente en materia de coordinación de policías locais para a emisión do correspondente informe, que terá carácter preceptivo e será emitido nun prazo de 10 días, contado desde o seguinte ao da recepción das bases polo centro directivo competente en materia de coordinación de policías locais».

Dous. Modifícase o artigo 33, que queda redactado como segue:

«Artigo 33. Requisitos para o acceso

  1. Sen prexuízo do establecido nos artigos 37 a 42, ambos os dous incluídos, os requisitos para o acceso aos corpos de policía local son os seguintes:
  2. a) Ter nacionalidade española.
  3. b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, da idade de xubilación forzosa.
  4. c) Estar en posesión da titulación exixida ou estar en condicións de obtela.
  5. d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.
  6. e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin acharse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do que a persoa fose separada ou inhabilitada.
  7. f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.
  8. g) Calquera outro requisito específico de acceso que garde relación obxectiva e proporcionada coas funcións e tarefas que se desenvolverán.
  9. Para o acceso ás categorías de policía, oficial, inspector, inspector principal, intendente, intendente principal e superintendente, reguladas no artigo 35 e nos artigos 37 a 42, ambos os dous incluídos, será condición necesaria a superación dos correspondentes cursos selectivos de carácter obrigatorio na Academia Galega de Seguridade Pública.
  10. Para os efectos do previsto nos artigos 37.a), 38.a), 39.a), 40.a), 41.a) e 42.a) sobre o acceso mediante promoción interna, exixirase que, ademais dos requisitos establecidos nos referidos artigos, o persoal funcionario se atope en situación de servizo activo. Nestes supostos, os tres anos de antigüidade mínima exixida en cada caso na categoría inmediata inferior deben ser continuados e para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivo a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os cales se atopou en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.

Do mesmo xeito, nos supostos previstos nos artigos 38.c) 39.c), e 40.c), para o cómputo dos seis anos de antigüidade mínima exixidos en cada caso nas categorías establecidas nos referidos artigos, teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivo a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os cales se atopou en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 35, que queda redactado como segue:

«3. As probas selectivas de ingreso na categoría de policía serán de carácter teórico e práctico. Nelas incluirase, en todo caso, un recoñecemento médico, un exame psicotécnico, probas de aptitude física e probas de capacitación de coñecementos, tanto xerais como específicos, en materias relacionadas co exercicio profesional, así como a demostración do coñecemento da lingua galega, a través da realización dun exame, salvo para aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente».

Catro. Modifícase o número 4 do artigo 35, que queda redactado como segue:

«4. Unha vez superadas as probas selectivas, o curso de formación e o período de prácticas, os aspirantes serán nomeados funcionarios de carreira da escala e categoría correspondente».

Cinco. Déixase sen contido a letra b) do artigo 37.

Seis. Modifícase a letra c) do artigo 37, que queda redactada como segue:

«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través da convocatoria establecida na alínea a) deste artigo e de non se cubrir mediante o procedemento de provisión previsto no artigo 43, poderán ser cubertas, mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de policía local de Galicia coa categoría de policía, en posesión da titulación académica de acceso e unha antigüidade de cinco anos na categoría».

Sete. Déixase sen contido a letra b) do artigo 38.

Oito. Modifícase a letra c) do artigo 38, que queda redactada como segue:

«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través da convocatoria establecida na alínea a) deste artigo e de non se cubriren mediante o procedemento de provisión previsto no artigo 43, poderán ser cubertas mediante concurso-oposición, por promoción interna, entre o persoal do corpo coa categoría de oficial e policía, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía».

Nove. Déixase sen contido a letra b) do artigo 39.

Dez. Modifícase a letra c) do artigo 39, que queda redactada como segue:

«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través da convocatoria establecida na alínea a) deste artigo e de non se cubriren mediante o procedemento de provisión previsto no artigo 43, poderán ser cubertas mediante concurso-oposición, por promoción interna, entre o persoal do corpo coa categoría de inspector/a e oficial, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía».

Once. Déixase sen contido a letra b) do artigo 40.

Doce. Modifícase a letra c) do artigo 40, que queda redactada como segue:

«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través da convocatoria establecida na alínea a) deste artigo e de non se cubriren mediante o procedemento de provisión previsto no artigo 43, poderán ser cubertas mediante concurso-oposición, por promoción interna, entre o persoal do corpo coa categoría de inspector/a principal e inspector/a, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía».

Trece. Modifícase o artigo 41, que queda redactado como segue:

«Artigo 41. Acceso á categoría de intendente principal

O acceso á categoría de intendente principal realizarase por promoción interna, mediante concurso, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de intendente».

Catorce. Modifícase o artigo 42, que queda redactado como segue:

«Artigo 42. Acceso á categoría de superintendente

O acceso á categoría de superintendente realizarase por promoción interna, mediante concurso, entre membros do corpo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de intendente principal».

Quince. Modifícase o artigo 43, que queda redactado como segue:

«Artigo 43. Mobilidade

  1. O persoal funcionario de carreira dos corpos de policía local de Galicia pertencente ás categorías de policía, oficial, inspector, inspector principal, intendente, intendente principal e superintendente, poderá participar nos procesos de provisión de postos vacantes da súa mesma categoría noutros corpos de policía local da comunidade autónoma.
  2. Para estes efectos, os concellos reservarán, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas vacantes que se oferten para a súa cobertura por mobilidade. Cando non for posible cubrir as vacantes coa porcentaxe sinalada, as fraccións sobrantes acumularanse á seguinte ou seguintes convocatorias.
  3. A provisión por mobilidade de prazas correspondentes ás distintas categorías dos corpos de policía local de Galicia levarase a cabo polo procedemento de concurso de acordo co baremo establecido polo centro directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
  4. Para participar nos procesos de mobilidade ás prazas vacantes ofertadas, será necesario reunir os seguintes requisitos:
  5. a) Atoparse na situación administrativa de servizo activo na categoría da praza ofertada.
  6. b) Ter unha antigüidade mínima de tres anos na mesma categoría.
  7. c) Levar máis de tres anos de tempo efectivo e continuado no actual destino.
  8. d) Non atoparse en situación administrativa de segunda actividade, agás os casos de segunda actividade por embarazo ou lactación.
  9. e) Estar en posesión da titulación académica exixida para a categoría ou estar en condicións de obtela.
  10. f) Calquera outro requisito específico que garde relación obxectiva e proporcionada coas funcións e tarefas que se desenvolverán.
  11. Para os efectos do previsto no artigo 16.a) os concellos remitirán as bases das convocatorias, con carácter previo á súa aprobación definitiva, ao centro directivo competente en materia de coordinación de policías locais para a emisión do correspondente informe, que terá carácter preceptivo e será emitido nun prazo de 10 días, contado desde o seguinte ao da recepción das bases polo centro directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
  12. Os destinos adxudicados no concurso serán irrenunciables, agás que con anterioridade ao remate do prazo posesorio se obtivese outro destino mediante convocatoria pública. Neste caso deberase optar e comunicar a opción elixida.
  13. O persoal funcionario que ocupe prazas ofertadas por mobilidade horizontal quedará na súa administración de orixe na situación de servizos noutras administracións públicas.
  14. A Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes que se vaian cubrir polo sistema de mobilidade naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración».

Dezaseis. Engádese un número 5 ao artigo 87, coa seguinte redacción:

«5. Na resolución pola que se incoe o procedemento sancionador nomearase unha persoa instrutora e unha persoa secretaria, a cuxo cargo correrá a súa tramitación. O nomeamento da persoa instrutora recaerá en persoal funcionario pertencente á categoría ou escala igual ou superior á da persoa presuntamente infractora, e, no caso de que for igual, deberá ocupar un número anterior no escalafón. No suposto de que exista persoal funcionario das escalas superior e técnica procurarase que o nomeamento recaia en persoal funcionario pertencente ás anteditas escalas. Na falta de persoal funcionario de categoría ou escala igual ou superior, nomearase unha persoa funcionaria da Administración local, de igual ou superior grupo de clasificación. Poderá nomearse como persoa secretaria calquera persoal funcionario municipal coa formación adecuada».

CAPÍTULO XII

Universidades

Artigo 41. Modificación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo artigo 19 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 19 bis. Acreditación de centros e unidades de I+D+i do Sistema universitario de Galicia

  1. A Xunta de Galicia promoverá a integración, a interacción, o fortalecemento das capacidades investigadoras e o liderado a través do apoio e o financiamento de estruturas organizativas estables de investigación que permitan afrontar os retos que a investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento á sociedade precisan.
  2. Con tal finalidade, as universidades poderán solicitar respecto dos seus centros e unidades de I+D+i, de ámbito superior ao grupo, definidas no artigo 5 desta lei, agás as escolas de doutoramento que se sometan a un procedemento de acreditación e análise externa que acredite a súa excelencia científica, técnica ou artística e a súa conveniencia estratéxica para o desenvolvemento económico e social de Galicia.

A citada acreditación permitiralles a tales centros e unidades participaren nas convocatorias e outros instrumentos que para tales efectos a Administración autonómica poida promover coa finalidade de impulsar a mellora, a calidade e o impacto da investigación realizada en Galicia e potenciar o efecto tractor que estas unidades exercen sobre o conxunto do sistema.

  1. Regulamentariamente estableceranse os requisitos, o procedemento para a acreditación, a súa revogación, a renovación das acreditacións e o seu prazo de vixencia. Así mesmo, determinarase a composición e funcións da comisión de avaliación e os criterios aplicables.
  2. Corresponde á Xunta de Galicia, mediante un acordo do Consello da Xunta, a acreditación daqueles centros e unidades de I+D+i que cumpran os citados requisitos.
  3. O acordo de acreditación recollerá os seguintes aspectos: a denominación, os centros e as institucións participantes e, se é o caso, as condicións da participación das administracións públicas, así como o prazo de vixencia daquela.

Os centros e unidades de I+D+i que sexan acreditados pola Xunta de Galicia poderán facer mención desa acreditación nos seus nomes e política de comunicación.

  1. O prazo de resolución e notificación do procedemento de acreditación a que se refire este artigo será de oito meses, desde a presentación da solicitude de acreditación no rexistro correspondente. A non resolución dentro do prazo indicado faculta os interesados para entenderen desestimada a súa solicitude por silencio administrativo».

Dous. Modifícase o número 6 do artigo 77, que queda redactado como segue:

«6. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados no punto 2 será establecida polos estatutos da universidade, e a duración do mandato dos membros do consello social sinalados no punto 3 será de catro anos, renovable por unha soa vez, agás no caso do presidente ou presidenta do consello social, que será renovable por períodos de catro anos».

Tres. Modifícase o número 1 do artigo 83, que queda redactado como segue:

«1. O presidente ou a presidenta do consello social será designado ou designada pola Presidencia da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de universidades, logo de escoitar o reitor ou a reitora da universidade.

O seu mandato é de catro anos, renovable por períodos de igual duración, e élle aplicable o previsto nesta lei con carácter xeral para o cesamento e a substitución dos membros do consello social.

Exerce, no pleno e en todas as comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade en caso de empate, e aquelas que lle encomendan esta lei, o regulamento de organización e funcionamento e a restante normativa vixente».

CAPÍTULO XIII

Procedemento e organización administrativa

Artigo 42. Modificación da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público

Engádese unha nova disposición adicional quinta á Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, co seguinte contido:

«Disposición adicional quinta. Garantía do principio de autoprovisión e dos obxectivos de interese público na asistencia xurídica do sector público autonómico

  1. Tendo en conta o establecido no artigo 5 desta lei en canto ao carácter de interese público da prestación de asistencia xurídica e ao principio de autoprovisión dentro do sector público autonómico, as entidades a que se refire o apartado 3 do artigo 2 deberán acudir con preferencia á Asesoría Xurídica Xeral para obteren a prestación da asistencia xurídica mediante a formalización do correspondente acordo, coa excepción daqueles casos en que a autoprovisión non resulte viable e así sexa apreciado pola Asesoría Xurídica Xeral, de acordo co previsto nesta lei e no artigo 18 da Lei 14/2013, do 23 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
  2. A finalización da prestación da asistencia requirirá, así mesmo, que a autoprovisión non resulte viable de acordo co establecido no número anterior, polo que a extinción dos acordos de autoprovisión da asistencia xurídica polo transcurso do tempo previsto neles ou por outras causas non obstará para a formalización dun novo acordo, salvo que a autoprovisión non resulte viable, manténdose mentres a prestación da asistencia xurídica.
  3. De acordo cos principios de simplificación e racionalización administrativa, o Consello da Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias de dirección, organización e coordinación do sector público autonómico, poderá aprobar modelos tipo dos acordos de autoprovisión da asistencia xurídica, así como a compensación económica que se aboará á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia pola actuación dos letrados e letradas da Xunta de Galicia ou, na súa falta, os criterios para fixala.
  4. A Asesoría Xurídica Xeral velará polo reforzamento da asistencia xurídica integral e especializada ás entidades do sector público autonómico, a coordinación da súa defensa xurisdicional e a especialización e formación dos letrados e letradas que leven a cabo a devandita asistencia xurídica.
  5. Coa finalidade de cumprir os obxectivos de interese público previstos no artigo 5 da lei, a Asesoría Xurídica Xeral continuará prestando ás entidades do sector público autonómico a asistencia xurídica que se está a desenvolver na actualidade nos termos previstos nos acordos de autoprovisión xa formalizados, sen prexuízo da súa posible revisión e actualización.

Así mesmo, a Asesoría Xurídica Xeral, aínda que non estea formalizado o correspondente acordo de autoprovisión, prestará asistencia xurídica a todas as entidades do sector público autonómico nos casos en que sexa necesaria esta prestación por non se acreditar a concorrencia das circunstancias que habilitan para a contratación externa, sen prexuízo de que se procure a formalización do acordo de autoprovisión para concretar os termos da asistencia. Neste caso, a compensación económica pola actuación dos letrados e letradas da Xunta de Galicia axustarase ao establecido polo Consello da Xunta de acordo co previsto no número 3 desta disposición».

CAPÍTULO XIV

Réxime financeiro e orzamentario

Artigo 43. Modificación do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o número 4 do artigo 79, que queda redactado como segue:

«4. Os anticipos de fondos europeos percibidos para financiar gastos en fase de execución poderán ter, transitoriamente, tratamento extraorzamentario ou de pasivo financeiro, que se cancelará no momento en que se certifique o gasto e se efectúe o contraído do recurso e a aplicación do recadado, segundo proceda, como transferencia corrente ou de capital».

Dous. Modifícase o número 5 do artigo 79, que queda redactado como segue:

«5. Non poderán ter tratamento extraorzamentario os anticipos de fondos previstos no número anterior cando a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou os seus entes instrumentais con orzamento de carácter limitativo resulten beneficiarios de axudas financiadas con fondos europeos xestionados pola Administración xeral do Estado para os que se conveña a realización de anticipos reembolsables».

Disposición adicional primeira. Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2022

Como consecuencia da escaseza de persoal de perfil sanitario agravada pola situación derivada da pandemia da COVID-19, e para garantir a dispoñibilidade do citado persoal nas listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino, adóptanse as seguintes medidas:

  1. No suposto de non existiren aspirantes nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes ás categorías profesionais indicadas, poderá:
  2. a) solicitarse directamente do Servizo Público de Emprego, sen prexuízo dos demais procedementos establecidos; ou
  3. b) acudirse opcionalmente á relación de penalizados da categoría profesional, corpo ou escala correspondente que solicitaron a reincorporación; ou
  4. c) acudirse aos integrantes das listas que solicitaron a inclusión durante o ano en curso, no caso de que non estean publicadas as listas definitivas e lles corresponda ser admitidos; ou
  5. d) acudirse á relación de penalizados que non solicitaron a reincorporación.

Ademais, en postos pertencentes á categoría profesional de auxiliar de clínica (grupo IV, categoría 3), poderase acudir a persoal doutras listas de contratación temporal do grupo IV que estea en posesión do título de formación profesional de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou equivalente.

Excepcionalmente, no caso de que non for posible a cobertura de postos da categoría profesional de auxiliar de clínica (IV-3) polos procedementos previstos nos parágrafos anteriores, poderán seleccionarse candidatos que teñan cursados e superados os estudos correspondentes para a obtención do título de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou equivalente, e o acrediten documentalmente, sempre que cumpran o resto dos requisitos exixidos para o acceso á categoría ou escala.

  1. Cando pola inexistencia de persoal integrante das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II, e 3 do grupo IV, ou para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, non existan candidatos que estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega correspondente, poderán ser seleccionados candidatos que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos exixidos para o acceso á categoría de que se trate.
  2. O período de penalización nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia terá unha duración de seis meses.
  3. A solicitude de reincorporación formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, por non estaren prestando servizos a través delas, producirá efectos ao día seguinte ao da súa presentación.
  4. O establecido nesta disposición ten vixencia limitada ao ano 2022.

Disposición adicional segunda. Medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública

Un. Atendendo á concorrencia de razóns de interese xeral e para garantir a viabilidade económica dos contratos de obra pública, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico quedan habilitados para adoptaren as medidas previstas nesta disposición, naqueles supostos en que se producise unha alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais tidos en conta na formalización do contrato ou, de ser o caso, nas modificacións posteriores que tivese o contrato.

O recollido nesta disposición aplicarase exclusivamente respecto daquelas obras que teñan execución despois do 1 de xaneiro de 2021, que fosen licitadas antes da entrada en vigor desta disposición, e unicamente respecto das variacións no custo dos materiais que se producisen no período que abrangue desde o mes de xaneiro de 2021 ata a data de solicitude presentada polo contratista para a adopción dalgunha das medidas previstas nesta disposición.

Exclúense da aplicación desta disposición os contratos menores de obra.

Dous. Entenderase por alteración extraordinaria e imprevisible, para os efectos desta disposición, unha variación nos custos dos materiais, individualmente considerados, superior a un 20 % con respecto aos prezos que para eses materiais se recollen no contrato, sempre e cando, illadamente ou no seu conxunto, supoña unha perda económica para o contratista superior ao 6 % do importe de adxudicación do contrato ou, de ser o caso, da súa modificación posterior.

Para estes efectos só se terán en conta aqueles materiais que se inclúan no Índice de custos do sector da construción que elabora o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cuxo importe, individualmente considerado, supere un 2 % no orzamento de execución material da obra.

Tres. As medidas que poden adoptarse nos supostos previstos neste artigo poderán consistir no seguinte:

  1. a) Unha compensación económica ao contratista consistente na diferenza entre o custo dos materiais xustificado polo contratista na súa solicitude e o prezo dos materiais recollido no contrato, incluíndo, por tanto, as porcentaxes adoptadas para formar o orzamento base de licitación e o coeficiente de adxudicación.
  2. b) Unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto que serviu de base para a licitación, que permita un abaratamento dos seus prezos e que non implique unha minoración na funcionalidade da obra en execución. Neste caso deberase optar, na medida do posible, por materiais de proximidade cuxa elección responda a criterios que permitan unha redución das emisións e da pegada de carbono.

En todo caso, a adopción de calquera destas medidas acordarase necesariamente dentro dos límites das dotacións consignadas cada ano no orzamento dos distintos órganos de contratación.

Catro. O procedemento para a adopción dalgunha das medidas previstas nesta disposición iniciarase mediante solicitude do contratista dirixida ao órgano de contratación.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da entrada en vigor desta disposición e, en todo caso, antes de se emitir a certificación final de obra.

O contratista deberá xuntar á devandita solicitude a documentación xustificativa que acredite, de forma que faga fe, tanto a existencia dunha alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais tidos en conta para a formalización do contrato como a realidade, efectividade e importe da perda sufrida como consecuencia da variación no custo dos materiais soportado polo contratista.

A solicitude deberá incluír, en todo caso, o cálculo da compensación que procedería, para o que deberá terse en conta o Índice de custos do sector da construción que elabora o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que actuará como límite máximo que se terá en conta polo concepto «custo dos materiais xustificada polo contratista na súa solicitude» a que se refire a letra a) do punto anterior.

Logo de recibir a solicitude, o órgano de contratación procederá ao seu estudo tendo en conta as certificacións de obra emitidas desde o 1 de xaneiro de 2021, e poderá realizar calquera outro actos de instrución que considere necesario para a súa comprobación. Unha vez examinada a solicitude, o órgano de contratación elaborará unha proposta de resolución da que dará audiencia ao contratista por un prazo de 10 días hábiles.

Finalizado o trámite de audiencia, o órgano de contratación, contando co informe previo da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, ditará resolución.

O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude.

O transcurso do prazo máximo para resolver sen que se notificase resolución expresa ningunha lexitima o contratista para entender desestimada por silencio a solicitude presentada.

Cinco. Nos supostos da presente disposición, cando non sexa posible adoptar algunha das medidas previstas, o órgano de contratación poderá optar pola resolución do contrato, de conformidade co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Caso de o órgano de contratación acordar resolver o contrato, os órganos de contratación deberán proceder a unha nova licitación coa finalidade de rematar a obra.

Do mesmo modo, de acordo co disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, cando concorra unha situación que supón grave perigo, o órgano de contratación quedará lexitimado para acudir ao procedemento de emerxencia para a execución da obra inacabada que permita garantir a prestación do servizo público afectado.

Sen prexuízo doutros supostos, entenderase que concorre unha situación que supón grave perigo cando a obra afecte un servizo público en funcionamento e se comprometa tanto a viabilidade do servizo prestado como a integridade física dos seus destinatarios ou de quen o presta.

Nestes supostos, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico poderán impoñer como condición aos novos contratistas a asunción da parte de infraestrutura xa executada e de todos os riscos de construción inherentes a ela.

Seis. Esta disposición aplicarase sen prexuízo da regulación que se estableza na lexislación básica para estes supostos. En todo caso, as cantidades percibidas ao abeiro desta disposición deberán ser computadas e tidas en consideración en calquera outra resolución ou medida que se poida acordar orientada a garantir a viabilidade económica do contrato, de modo que non poida obterse unha dobre compensación pola mesma causa.

Disposición transitoria primeira. Procesos selectivos para o acceso aos corpos de policía local en curso

Os procesos selectivos para o acceso aos corpos de policía local convocados con anterioridade á entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa vixente no momento da súa convocatoria.

Disposición transitoria segunda. Traslados por razóns de violencia de xénero

O disposto no artigo 102.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, aplicarase aos traslados por razóns de violencia de xénero regulados nel que se producisen con anterioridade á entrada en vigor da presente lei. Nestes casos, o prazo establecido no citado artigo comezará a contarse desde a entrada en vigor da presente lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificacións regulamentarias

As previsións do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe de Galicia, que son obxecto de modificación por esta lei poderán ser modificadas por norma do rango regulamentario correspondente á norma en que figuran.

Disposición derradeira segunda. Adaptación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

As medidas previstas no número 3 da disposición adicional sexta da Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, resultarán aplicables nos espazos protexidos Rede Natura 2000 de Galicia desde o momento da entrada en vigor desta lei, sen prexuízo da ulterior adaptación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, ás previsións contidas na citada disposición adicional.

Disposición derradeira terceira. Modificación das inscricións no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos

As modificacións das inscricións no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos necesarias para cumprir co establecido no artigo 35.4 serán realizadas de oficio polo órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor da Lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2022.

Disposición derradeira cuarta. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente