Museos de GALICIA

LEI 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

I

O acceso á cultura é un dereito de todas as persoas. Xa en 1948 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu na súa Declaración Universal de Dereitos Humanos que toda persoa ten dereito a satisfacer os seus dereitos culturais, así como a participar libremente na vida cultural da comunidade e a gozar das artes.

Son numerosos os instrumentos internacionais que teñen incidencia directa na regulación do ámbito cultural e museístico, alén da citada Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948. De forma singular, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) elaborou ao longo da súa historia numerosos instrumentos relativos a esta materia, entre os que poden destacarse a Recomendación sobre os medios máis eficaces para facer os museos máis accesibles a todos, do 14 de decembro de 1960; a Recomendación sobre a protección dos bens culturais mobles, do 28 de novembro de 1978; ou a máis recente e inspiradora Recomendación do 17 de novembro de 2015, relativa á protección e promoción dos museos e coleccións, a súa diversidade e a súa función na sociedade, que actualiza o papel destas institucións no mundo contemporáneo.

No ámbito nacional, a Constitución española impón aos poderes públicos unha serie de obrigas en relación co acceso á cultura.

Así, no seu artigo 9.2 sinala: «Corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social».

No artigo 44.1 establece que «os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito».

Finalmente, no artigo 46, a Constitución española sinala que os poderes públicos garantirán a conservación e promoverán o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran, calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade. A lei penal sancionará os atentados contra este patrimonio.

A Constitución española tece unha distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas segundo a cal o Estado asume a competencia exclusiva en materia de museos de titularidade estatal, sen prexuízo da súa xestión por parte das comunidades autónomas (artigo 149.1.28º), ao tempo que lles permite ás comunidades autónomas asumiren competencias en materia de museos e patrimonio monumental do seu interese e en materia de fomento da cultura (artigo 148.1.15º, 16º e 17º).

Consonte este marco constitucional, o artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia dispón que os poderes públicos de Galicia facilitarán a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

De acordo co artigo 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución; en arquivos, bibliotecas e museos de interese para a comunidade autónoma e que non sexan de titularidade estatal; en conservatorios de música e en servizos de belas artes de interese para a comunidade.

De acordo co artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, «a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución».

Conforme a cláusula de supletoriedade prevista na Constitución española, a única norma con rango legal que se aplicou en Galicia ata 1995 en materia de museos foi a Lei 16/1985, do 16 de xullo, do patrimonio histórico-artístico.

Aínda que o Decreto 314/1986, do 16 de outubro, de regulación do sistema público de museos da Comunidade Autónoma, introduce a primeira regulación galega en materia de museos, non será ata a aprobación da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, cando se estableza a primeira regulación legal dos museos na nosa comunidade autónoma a través do seu título V. Neste título defínense as trabes esenciais dun sistema de museos de Galicia e introdúcese unha regulación da definición, as funcións e o réxime xurídico dos museos e das coleccións visitables.

A lei non tivo o necesario desenvolvemento regulamentario e permaneceu en vigor o Decreto 314/1986, do 16 de outubro.

Coa aprobación e entrada en vigor da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, deixouse atrás esa primeira regulación legal introducida a través do texto de 1995 e avanzouse na necesidade, desde unha perspectiva legal, de protexer o patrimonio cultural de Galicia. A nova regulación tivo en conta os beneficios que, xerados pola normativa anterior, se consolidan nesa nova norma, o que supuxo un paso adiante no nivel de protección e regulación, en sintonía co contexto do momento e coas exixencias derivadas non só da realidade patrimonial sobre a que actuar, senón tamén da actividade e xestión administrativa.

O título VIII da citada Lei 5/2016, do 4 de maio, define e regula os museos, así como as denominadas coleccións visitables. Pon, asemade, as bases do que concibe como Rede e Sistema Galego de Museos, para integrar todos aqueles museos e coleccións visitables que se encontren no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Con todo, a ausencia dunha normativa propia e específica que teña en conta as diversas tipoloxías de centros, así como outros aspectos relativos á súa creación, supresión, estrutura, xestión ou funcionamento en xeral, estaba a impedir o desenvolvemento do sector.

A experiencia acumulada, xunto coas novas demandas do sector e tamén da cidadanía, aconsellan unha norma, propia e específica, que ofreza unha regulación global e máis detallada, na que teñan cabemento non só os museos e as coleccións, senón todas as manifestacións de natureza museística que foron xurdindo e que, sendo unha realidade, se encontran nun baleiro normativo que convén paliar.

II

Superada xa a concepción tradicional dos museos como institucións de depósito e exhibición pasiva do patrimonio cultural, o seu papel vai hoxe máis aló da mera conservación e exposición deste patrimonio nas súas diversas manifestacións. Tal é o espírito que preside os máis recentes textos normativos, nacionais e internacionais, entre os que se encontra a Recomendación da Unesco, do 17 de novembro de 2015, relativa á protección e promoción dos museos e coleccións, a súa diversidade e a súa función na sociedade.

Alén da función conservadora, de recuperación ou de exhibición dunha parte fundamental do noso patrimonio cultural, é preciso reforzar o papel científico e divulgador das institucións museísticas, intrinsecamente asociado á educación da sociedade, na idea de que, tal como se recolle na Constitución española cando recoñece o dereito de todos ao acceso á cultura, este acceso posibilite chegar ao coñecemento da nosa propia identidade, nun momento, como o actual, en que a diversidade cultural marca este século e exixe unha protección adecuada. Desde este punto de vista, os centros museísticos realizan unha función educativa, investigadora e comunicativa ao propiciaren un coñecemento que, vinculado aos fondos e coleccións que aglutinan, así como ao territorio e aos problemas socioculturais galegos, nos axuda a entender mellor determinadas cuestións na nosa realidade social.

En coherencia coa dimensión investigadora e educativa, tamén resulta preciso reforzar o innegable carácter social dos centros museísticos, ligado á concepción de servizos públicos de estudo, participación e interacción culturais, nas súas diversas formas de expresión. Trátase de espazos de recoñecemento da identidade galega e interacción con outras identidades; espazos transformadores, educativos e abertos á cooperación entre a actividade cultural pública e a privada, entre os actores públicos e os individuos, asociacións, fundacións sen ánimo de lucro e mesmo empresas privadas que optan pola creación de museos propios ou polo mecenado de museos públicos como forma de contribuír, desde a responsabilidade social, ao interese xeral que representa o enriquecemento da cultura dun pobo como o galego.

En definitiva, trátase de espazos que facilitan a cohesión social e o debate público sobre a diversidade, a semellanza, a diferenza e a desigualdade sociocultural. De aí que deban ser presentados ante a cidadanía como espazos accesibles a todas as persoas, especialmente a aqueles colectivos máis desfavorecidos ou con máis dificultades de inclusión social; espazos que permitan o acceso á cultura de todas as persoas en réxime de igualdade e non-discriminación; espazos que fomenten a colaboración e a participación social.

III

Este novo texto legal nace coa pretensión de ofrecer un marco xurídico no que teñan cabemento non só as distintas realidades museísticas de Galicia, senón tamén a súa innegable riqueza temática (etnográfica, arqueolóxica, sobre persoas autoras e artistas destacadas, casas museo, ecomuseos…).

A lei non só integra os museos e as coleccións museográficas, senón tamén os denominados centros de interpretación do patrimonio cultural, enchendo así un baleiro do noso ordenamento xurídico, de modo que estas tres figuras integran o concepto máis amplo de centros museísticos.

Ao mesmo tempo e en coherencia co sinalado, regúlase un sistema galego de centros museísticos. O seu obxectivo é pór as bases de coordinación precisas para mellorar a organización e o funcionamento de todos os centros que nel se integren, a partir de dinámicas de traballo comúns e orientadas á aplicación de melloras tecnolóxicas, técnicas e de xestión para todos eles.

Sen dúbida, os centros museísticos constitúen na actualidade unha importante ferramenta de promoción e desenvolvemento cultural de calquera sociedade, así como un dos vehículos máis importantes para facer efectivo o recoñecemento constitucional do acceso á cultura. Xa que logo, deben concibirse como institucións de carácter aberto, dinámicas, accesibles para todas as persoas e capaces de se adaptaren e de seguiren o ritmo que marca unha sociedade cada vez máis compasada coas novas tecnoloxías. Trátase, en definitiva, de crear un marco normativo adecuado que finalmente nos permita amosar estas institucións como activos de referencia no plano cultural, no plano investigador e educativo e, como non, tamén no plano económico.

Para acadar estes obxectivos, a lei estrutúrase en seis títulos, cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título I fixa o obxecto da lei e mais o seu ámbito de aplicación e define cada unha das tres categorías de centros que por primeira vez pasan a integrar o concepto de centros museísticos na nosa comunidade autónoma: museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural. Ao mesmo tempo, delimita as funcións de cada un deles e os deberes xerais que lles corresponden. Emprégase por vez primeira no noso ordenamento xurídico o termo de colección museográfica, que, aínda que conceptualmente vén dar continuidade á denominada colección visitable, termo este empregado pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, garda maior coherencia co obxecto da súa definición, así como coa nomenclatura empregada noutros textos legais a nivel comparado.

O título II regula o Sistema galego de centros museísticos, do que poderán formar parte os centros das tres categorías definidas pola lei. Tamén se regulan os efectos e posibles beneficios derivados desta integración.

Ademais de definir e regular a estrutura do Sistema galego de centros museísticos, o título II aborda o réxime de creación dos museos, das coleccións museográficas e dos centros de interpretación do patrimonio cultural, incidindo nos requisitos que cada unha destas tres categorías precisará acreditar para poder nacer oficialmente e funcionar como centro museístico co seu correspondente acceso ao Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.

Finalmente, o título II aborda a posibilidade de os diferentes centros do Sistema podérense agrupar, cun criterio territorial ou temático, nunha rede. Estas redes concíbense como subsistemas operativos, dentro do Sistema galego de centros museísticos, para mellorar a operatividade dos centros compartindo recursos ou accións de interese común.

O título III, baixo a epígrafe «Estrutura e funcionamento dos centros museísticos», refírese ao modelo organizativo destes centros no concernente aos recursos humanos, e fai un especial fincapé en cuestións que atinxen os centros de titularidade ou xestión autonómica.

De modo concreto e singular, incídese na organización dos museos, ao regular as súas áreas funcionais, erixíndose este como un dos aspectos que a lei emprega para diferenciar estes centros das coleccións museográficas e dos centros de interpretación do patrimonio cultural.

O título IV, «Xestión dos fondos e coleccións museísticas», estrutúrase arredor de tres aspectos moi importantes en relación cos centros museísticos. En primeiro lugar, o relativo ao concepto de colección museística, onde adquiren relevancia aspectos tales como a súa formación, os posibles movementos dos fondos, apuntalando as condicións mínimas para autorizar estes, a conservación e outras intervencións directas, tales como restauracións, toma de mostras ou accións similares sobre as pezas museísticas. En segundo lugar, tamén se regula neste título a xestión documental e o tratamento técnico dos fondos museísticos, cun afán de acadar uniformidade na actuación dos centros sobre este aspecto. Finalmente, o terceiro aspecto que trata o título IV é o relativo á investigación, á difusión e á comunicación, onde adquire protagonismo propio o labor de investigación, ben sexa o realizado polos propios centros ou ben o que estes deben facilitar a persoas investigadoras externas, por tratarse, á fin, dun dos deberes que a lei lles impón a todos os centros museísticos.

O título V, «Medidas de dinamización», consagra o principio de colaboración no ámbito dos museos.

Por último, o título VI reúne os elementos definitorios da potestade sancionadora despregada para garantir o cumprimento das previsións contidas na lei. Así, contén o cadro de infraccións e sancións e tamén os elementos procedementais necesarios para garantir a imposición das sancións con respecto das determinacións constitucionalmente previstas.

Canto ás disposicións da parte final, conteñen previsións de distinta natureza, entre as cales destacan as destinadas a pór en orde cuestións de desenvolvemento regulamentario ou de transitoriedade, que faciliten a aplicación da lei.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia.

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

  1. Sen prexuízo do réxime de protección previsto na normativa de protección do patrimonio cultural que sexa aplicable atendendo á natureza, titularidade, tipoloxía e competencias sobre os bens, esta lei ten por obxecto a regulación dos centros museísticos de interese para Galicia e do Sistema galego de centros museísticos, presidido polos principios de coordinación, colaboración e complementariedade, cuxo fin é mellorar a organización e o funcionamento dos centros que o integran.
  2. Para os efectos desta lei, constitúen centros museísticos: os museos, as coleccións museográficas e os centros de interpretación do patrimonio cultural.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Esta lei é aplicable aos centros museísticos radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os de titularidade e xestión estatal.

En todo caso, terase tamén en conta o disposto no artigo 4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

  1. Os centros museísticos de titularidade estatal cuxa xestión estea transferida á Administración autonómica rexeranse pola normativa estatal e polo disposto nos convenios de transferencias e, dentro do necesario respecto ás competencias e á normativa estatais, polas previsións desta lei que regulan a organización interna e a ordenación funcional de tales centros museísticos.
  2. Quedan sometidos a esta lei os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que forman parte dos centros museísticos. En todo caso, esta lei non modifica a titularidade dos ditos bens, sen prexuízo dos dereitos que lles atribúe e das obrigas que lles impón ás persoas titulares por razón de interese xeral.
  3. Gozarán da protección prevista na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, todos os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que forman parte dos centros museísticos.

Artigo 3. Definición e funcións dos museos

  1. Son museos as institucións de carácter permanente, abertas ao público e sen finalidade de lucro, que, cumprindo os requisitos que para a súa creación establece esta lei, están orientadas á promoción e ao desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición, de forma científica, estética e didáctica, de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural, así como das prácticas, tradicións e saberes de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu ámbito natural, con fins de estudo, educación, desfrute e promoción científica e cultural.
  2. Quedan sometidos ao réxime de protección establecido pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens declarados de interese cultural, os inmobles dedicados a museos de titularidade autonómica.
  3. Son funcións dos museos as seguintes:
  4. a) A adquisición, conservación, documentación, restauración e exhibición ordenada das súas coleccións e dos seus fondos.
  5. b) A investigación no ámbito das súas coleccións e fondos, da súa especialidade ou do seu respectivo ámbito cultural e territorial.
  6. c) A organización periódica de exposicións científicas e divulgativas de carácter temporal.
  7. d) A elaboración e publicación de catálogos e monografías dos seus fondos.
  8. e) A difusión e divulgación dos seus fondos, así como o desenvolvemento de actividades didácticas e formativas respecto aos seus contidos.
  9. f) Salvo a existencia dunha causa xustificada que o impida, sempre na procura da protección da integridade e dos valores culturais dos bens, facilitarán a consulta áxil e continuada a persoal investigador e á cidadanía en xeral dos seus fondos, con respecto, en todo caso, ás normas e medidas de protección para a custodia, conservación e integridade destes.
  10. g) Facilitarlle á sociedade a interpretación do patrimonio cultural.
  11. h) Facilitar o acceso ao patrimonio cultural existente nos museos e aos seus fondos, con respecto aos principios de igualdade e non-discriminación.
  12. i) Promover a pluralidade e a diversidade cultural, integrando perspectivas e axentes sociais diversos, buscando a formación crítica, a participación e a divulgación científica e cultural.
  13. j) Fomentar a creación e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial, potenciando a dimensión inmaterial das súas coleccións, en especial as etnográficas, os fondos orais e as imaxes.
  14. k) Promover o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.
  15. l) Contribuír á formación de profesionais con titulacións relacionadas co ámbito museístico.
  16. m) Calquera outra función que lles for encomendada mediante unha disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 4. Definición e funcións das coleccións museográficas

  1. Enténdese por colección museográfica o conxunto de bens patrimoniais de carácter cultural agrupados con carácter permanente e sen fins lucrativos que cumpren os requisitos que para a súa creación establece esta lei, mais non reúnen todas as características e condicións necesarias para o seu recoñecemento como museo, e cuxas persoas titulares facilitan, mediante un horario accesible e regular, a visita pública e o acceso das persoas investigadoras, gozando os seus fondos das atencións básicas que garanten a súa custodia e conservación.
  2. Son funcións das coleccións museográficas:
  3. a) A custodia e conservación dos seus fondos nas condicións apropiadas.
  4. b) O tratamento documental adecuado dos seus fondos.
  5. c) A exhibición ordenada das súas coleccións seguindo criterios científicos, de difusión e didácticos.
  6. d) Facilitar o labor investigador dos seus fondos.
  7. e) Facilitar a interpretación do patrimonio cultural á sociedade.
  8. f) Promover a pluralidade e a diversidade cultural, integrando perspectivas e axentes sociais diversos, e buscando a formación crítica, a participación e a divulgación científica e cultural.
  9. g) Fomentar a creación e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial, potenciando a dimensión inmaterial das súas coleccións, en especial as etnográficas, os fondos orais e as imaxes.
  10. h) Facilitar o acceso ao patrimonio cultural existente e aos seus fondos, con respecto aos principios de igualdade e non-discriminación.
  11. i) Promover o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.
  12. j) Contribuír á formación de profesionais con titulacións relacionadas co ámbito das coleccións museográficas.
  13. k) Calquera outra función que lles for encomendada por unha disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 5. Definición e funcións dos centros de interpretación do patrimonio cultural

  1. Son centros de interpretación do patrimonio cultural as instalacións permanentes abertas ao público que cumpran os requisitos establecidos nesta lei e que, sen exporen necesariamente bens culturais mobles nin teren fins lucrativos, estean vinculados a lugares ou monumentos que, contando cos elementos necesarios de infraestrutura e recursos humanos, poden proporcionar á cidadanía as claves para a comprensión dos seus valores culturais.
  2. Para o seu máis racional e adecuado funcionamento, os centros de interpretación do patrimonio cultural poderán establecer relacións de complementariedade cos museos, considerando o seu contido temático e/ou o seu ámbito territorial, para o tratamento dos seus fondos.
  3. Son funcións dos centros de interpretación do patrimonio cultural:
  4. a) Difundir e facilitar ao público o seu significado cultural.
  5. b) Protexer e conservar os bens que os integran.
  6. c) Garantir a documentación, investigación e exhibición dos seus bens.
  7. d) Facilitar a interpretación e o acceso ao patrimonio cultural existente e aos seus fondos, con respecto aos principios de igualdade e non-discriminación.
  8. e) Promover a pluralidade e a diversidade cultural, integrando perspectivas e axentes sociais diversos e buscando a formación crítica, a participación e a divulgación científica e cultural.
  9. f) Fomentar a creación e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial.
  10. g) Promover o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.
  11. h) Contribuír á formación de profesionais con titulacións relacionadas co ámbito dos centros de interpretación.
  12. i) Calquera outra función que lles for encomendada por unha disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 6. Deberes xerais dos centros museísticos

Son deberes dos centros museísticos autorizados os seguintes:

  1. a) Manter os requisitos que determinaron a súa creación e funcionamento.
  2. b) Cumprir a misión e as funcións que se establecen nesta lei.
  3. c) Facer constar, en lugar visible e público, a súa condición de centro autorizado.
  4. d) Manter actualizado o inventario dos seus fondos.
  5. e) Informar o público, en lugar visible e á entrada do centro, do horario e mais das condicións de acceso.
  6. f) Facilitar o acceso ao seu patrimonio cultural e aos seus fondos, con respecto aos principios de igualdade e non-discriminación.
  7. g) Facilitar o acceso ás persoas interesadas na investigación dos seus fondos.
  8. h) Elaborar e remitir á consellaría competente en materia de centros museísticos as estatísticas e datos informativos sobre os seus fondos, actividades, visitantes e prestación de servizos.
  9. i) Difundir os valores culturais dos bens custodiados.
  10. j) Garantir a seguranza, a conservación e a protección dos seus fondos.
  11. k) Permitir a inspección da organización e dos servizos prestados, así como das súas instalacións, fondos e documentación, por parte da consellaría competente en materia de centros museísticos.
  12. l) Calquera outro que lles sexa encomendado mediante unha disposición legal ou regulamentaria.

TÍTULO II

DO SISTEMA GALEGO DE CENTROS MUSEÍSTICOS

CAPÍTULO I

Definición e estrutura

Artigo 7. Definición do Sistema galego de centros museísticos

O Sistema galego de centros museísticos é a estrutura organizativa e funcional de integración dos centros e das redes museísticas, definidas no artigo 18, da Comunidade Autónoma galega, para a coordinación eficiente da súa xestión cultural, técnica e científica.

Artigo 8. Estrutura organizativa do Sistema galego de centros museísticos

O Sistema galego de centros museísticos está formado por:

  1. a) Un órgano administrativo de dirección e coordinación.
  2. b) O Consello de Centros Museísticos de Galicia.
  3. c) Os diferentes museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural de titularidade pública, así como os de titularidade privada que voluntariamente se integren no Sistema, nos termos previstos no artigo 11.

Artigo 9. Órgano administrativo de dirección e coordinación

Corresponde á consellaría competente en materia de centros museísticos, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de centros museísticos, sen prexuízo das competencias estatais en relación cos museos xestionados pola Comunidade Autónoma e sen prexuízo da autonomía local, o exercicio das seguintes funcións:

  1. a) Deseñar e planificar a política museística da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas prioridades.
  2. b) Xestionar o Sistema galego de centros museísticos.
  3. c) Coordinar o funcionamento dos museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural integrados no Sistema para que poidan cumprir os fins que teñen encomendados.
  4. d) Inspeccionar a organización e servizos dos museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural para comprobar o respecto á lexislación vixente.
  5. e) Colaborar con outras administracións e centros museísticos no fomento e mellora da infraestrutura museística de Galicia e dos seus fondos.
  6. f) Organizar, actualizar e xestionar o Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.
  7. g) Ditar as normas técnicas de rexistro, documentación e protección do patrimonio museístico.
  8. h) Fomentar a promoción, integración e implicación dos centros museísticos na vida cultural e social do seu ámbito territorial, potenciando a colaboración con institucións docentes e de investigación ou con fundacións e entidades cuxos obxectivos e actividades teñan relación coas propias dos centros museísticos.
  9. i) Fomentar a formación continua do persoal dos centros museísticos e promover a creación dun código deontolóxico.
  10. j) Asesorar e prestar asistencia técnica aos museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural integrados no Sistema para o mellor cumprimento dos seus fins.
  11. k) Promover e coordinar o establecemento en rede dun único sistema informático aplicable a todos os centros do Sistema galego de centros museísticos.
  12. l) Impulsar os labores de documentación, investigación e difusión do patrimonio cultural.

Artigo 10. Consello de Centros Museísticos de Galicia

  1. Créase o Consello de Centros Museísticos de Galicia, como órgano colexiado asesor do Sistema de centros museísticos de Galicia, adscrito á consellaría con competencias en materia de centros museísticos.
  2. O Consello de Centros Museísticos de Galicia estará composto por:
  3. a) A presidencia, que corresponderá á persoa titular da consellaría con competencias en materia de centros museísticos.
  4. b) A vicepresidencia, que corresponderá á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de centros museísticos.
  5. c) A secretaría, que corresponderá á persoa titular do servizo con competencias en materia de museos.
  6. d) Oito vogalías, que serán designadas pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de centros museísticos, entre persoas vinculadas ao ámbito cultural e museístico da Comunidade Autónoma de Galicia, con criterios de pluralidade e representatividade das distintas modalidades de centros que regula a lei.

Na composición do Consello de Centros Museísticos de Galicia procurarase unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

  1. Son funcións do Consello de Centros Museísticos de Galicia:
  2. a) Emitir informe sobre os regulamentos que foren ditados en desenvolvemento desta lei.
  3. b) Emitir informe sobre os plans relacionados coa política museística de Galicia.
  4. c) Emitir informe sobre a creación, modificación ou supresión de centros museísticos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
  5. d) Propor actuacións e iniciativas para o mellor funcionamento do Sistema galego de centros museísticos.
  6. e) Emitir informe sobre calquera outro tipo de cuestións de índole museística que poida formular a consellaría con competencias en materia de centros museísticos.
  7. f) Exercer as competencias que lle foren atribuídas polas leis ou disposicións de carácter regulamentario.

Agás disposición expresa en contra, os informes emitidos polo Consello de Centros Museísticos de Galicia non terán carácter vinculante.

  1. O Consello de Centros Museísticos de Galicia rexerase, ademais de polo disposto nesta lei e na correspondente norma regulamentaria de desenvolvemento, polo previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 11. Centros do Sistema galego de centros museísticos

  1. Forman parte do Sistema galego de centros museísticos todos os museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural debidamente creados de titularidade pública autonómica, así como os pertencentes a outras administracións públicas, logo da sinatura, neste caso, do correspondente instrumento xurídico de colaboración. Igualmente, formarán parte deste sistema os centros de titularidade privada creados que de forma voluntaria decidan integrarse, logo de o solicitaren conforme o procedemento administrativo común, e que cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.
  2. Os museos de xestión transferida á Comunidade Autónoma forman parte do Sistema galego de centros museísticos, sen prexuízo das competencias e da normativa estatais.

Artigo 12. Efectos da integración no Sistema galego de centros museísticos

A integración no Sistema galego de centros museísticos comportará os seguintes efectos:

  1. a) Participar nas liñas específicas de axudas que poida establecer a consellaría competente en materia de centros museísticos, de acordo cos principios de publicidade e concorrencia, dirixidas á creación e ao desenvolvemento de actuacións que tendan a facilitar a conservación, a seguranza, a documentación ou a difusión dos centros.
  2. b) Obter asesoramento dos servizos administrativos e técnicos da consellaría con competencias en materia de centros museísticos.
  3. c) Ter prioridade en todas as accións de colaboración que poida establecer a Comunidade Autónoma, de acordo cos principios de publicidade e concorrencia, en materias tales como documentación, conservación e restauración de fondos museísticos, investigación, estudos ou difusión.
  4. d) Participar en accións formativas de todo tipo relacionadas cos centros museísticos.
  5. e) Ter prioridade na recepción de depósitos dos fondos que sexan titularidade da Comunidade Autónoma.
  6. f) Ter prioridade na participación en accións de carácter itinerante que se organicen coa intervención da Comunidade Autónoma.
  7. g) Participar en todas as accións de promoción cultural e turística da Comunidade Autónoma.
  8. h) Empregar os distintivos de identificación que, de ser o caso, poida adoptar o Sistema galego de centros museísticos.
  9. i) Calquera outro que puider establecer a Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO II

Réxime de creación e cualificación dos centros

Artigo 13. Creación e cualificación de museos e coleccións museográficas

  1. A creación e cualificación dun museo ou colección museográfica dentro da Comunidade Autónoma de Galicia serán realizadas mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de centros museísticos.

Porén, no caso de museos ou coleccións museográficas de titularidade da Comunidade Autónoma, a creación levarase a cabo mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de centros museísticos ou, no caso de que o centro vaia depender doutra consellaría, por proposta conxunta da consellaría competente en materia de centros museísticos e da consellaría de que vaia depender o centro.

No correspondente acordo ou decreto de creación delimitaranse o ámbito territorial e o contido temático do museo ou colección museográfica, definiranse os seus obxectivos e establecerase a súa estrutura básica.

  1. As persoas físicas ou xurídicas interesadas na creación dun museo ou dunha colección museográfica presentarán ante a consellaría competente en materia de centros museísticos a correspondente solicitude, acompañada da seguinte documentación:
  2. a) Un plan museolóxico, no que se fará constar a natureza xurídica e a definición da entidade que promove a creación do centro, os seus obxectivos, as súas liñas programáticas en todas as áreas ou funcións, e o carácter e definición das súas coleccións e das súas sedes, equipamentos, instalacións e recursos, tanto materiais como humanos, para o seu funcionamento e mantemento.
  3. b) A documentación que acredite a disposición dun inmoble ou inmobles adecuados e accesibles que garantan as condicións de conservación, de seguranza e de visita pública.
  4. c) A documentación que acredite que contan cunha colección estable, suficiente e adecuada ao ámbito dos seus obxectivos.
  5. d) O inventario dos seus fondos.

O procedemento de creación axustarase ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

  1. Unha vez creados, os museos terán que garantir o cumprimento dos requisitos a que se refire o número 2 e así mesmo deberán acreditar, no prazo máximo dun ano desde a súa creación, e manter durante todo o tempo de funcionamento, os seguintes aspectos:
  2. a) Contar cun horario estable, continuado ou periódico, para a visita pública e para a investigación e consulta dos seus fondos.
  3. b) Habilitar os seus fondos de maneira accesible para a investigación, o ensino, a divulgación e a contemplación pública.
  4. c) Acreditar a instalación da exposición ordenada das coleccións con criterios científicos e didácticos e manter, de forma permanente, unha exposición de pezas da súa colección con explicación mínima e accesible.
  5. d) Contar cunha persoa que exerza a dirección do centro, así como con persoal cualificado e suficiente cuxa formación e coñecemento se axuste aos contidos do museo.
  6. e) Dispor dun orzamento suficiente que garanta o seu funcionamento.
  7. f) Contar con medidas de conservación preventiva, así como de seguranza, adecuadas e suficientes para os seus fondos.
  8. g) Garantir o desenvolvemento das áreas funcionais reguladas polo artigo 21.
  9. h) Cumprir a lexislación aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia no atinente ás instalacións de uso público.
  10. i) Dispor dunha programación anual de actividades de investigación, conservación e difusión que sexa inclusiva e facilite a participación social.
  11. Unha vez creadas, as coleccións museográficas terán que garantir o cumprimento dos requisitos a que se refire o número 2 e, así mesmo, deberán acreditar, no prazo máximo dun ano desde a súa creación, e manter durante todo o tempo de funcionamento, os seguintes aspectos:
  12. a) Contar cun horario estable, continuado ou periódico, para a visita pública e para a investigación e consulta dos seus fondos.
  13. b) Habilitar os seus fondos de maneira accesible para a investigación, o ensino, a divulgación e a contemplación pública.
  14. c) Acreditar a instalación da exposición ordenada das coleccións con criterios científicos e didácticos e manter, de forma permanente, unha exposición de pezas da súa colección con explicación mínima e accesible.
  15. d) Contar cunha persoa que exerza a administración do centro, así como con persoal cualificado e suficiente cuxa formación e coñecemento se axuste aos contidos da colección.
  16. e) Dispor dun orzamento suficiente que garanta o seu funcionamento.
  17. f) Contar con medidas de conservación preventiva, así como de seguranza, adecuadas e suficientes para os seus fondos.
  18. g) Cumprir a lexislación aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia no atinente ás instalacións de uso público.

Artigo 14. Creación e cualificación de centros de interpretación do patrimonio cultural

  1. A creación e cualificación dos centros de interpretación do patrimonio cultural dentro da Comunidade Autónoma de Galicia serán realizadas mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de centros museísticos.

Porén, no caso de centros de interpretación do patrimonio cultural de titularidade da Comunidade Autónoma, a creación levarase a cabo mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de centros museísticos ou, no caso de que o centro vaia depender doutra consellaría, por proposta conxunta da consellaría competente en materia de centros museísticos e da consellaría de que vaia depender o centro.

No correspondente acordo ou decreto de creación delimitaranse o ámbito territorial e o contido temático do centro, definiranse os seus obxectivos e establecerase a súa estrutura básica.

  1. As persoas físicas ou xurídicas interesadas na creación dun centro de interpretación do patrimonio cultural presentarán diante da consellaría competente en materia de centros museísticos a correspondente solicitude, acompañada da seguinte documentación:
  2. a) Un plan museolóxico suficiente e adecuado ao ámbito e obxectivos do centro de interpretación do patrimonio cultural, segundo a súa definición.
  3. b) A documentación que acredite a disposición dun inmoble ou inmobles adecuados e accesibles para o desenvolvemento das funcións que lle son propias.
  4. c) O inventario dos fondos, no caso de que custodie bens, caso en que deberá garantir a súa conservación e seguranza.

O procedemento de creación axustarase ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

  1. Unha vez creados, os centros de interpretación terán que garantir o cumprimento dos requisitos a que se refire o número 2 e, así mesmo, deberán acreditar, no prazo máximo dun ano desde a súa creación, e manter durante todo o tempo de funcionamento, os seguintes aspectos:
  2. a) Contar cun horario estable, continuado ou periódico, para a visita pública.
  3. b) Contar cunha persoa que exerza a administración do centro, así como con persoal cualificado e suficiente.
  4. c) Dispor dun orzamento suficiente que garanta o seu funcionamento.
  5. d) Establecer os medios necesarios para transmitir ao público o significado cultural dos bens a que estea vinculado o centro.
  6. e) Contar cunha exposición cuxa presentación de contidos sexa suficiente e adecuada ao ámbito e obxectivos do centro.
  7. f) Cumprir a lexislación aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia en canto a instalacións de uso público.

Artigo 15. Efectos da creación e cualificación

A creación e cualificación dun centro museístico será inscrita no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia. A inscrición permitirá a identificación do centro como museo, colección museográfica ou centro de interpretación do patrimonio cultural de Galicia, e a integración no Sistema galego de centros museísticos nos termos establecidos no artigo 11 e cos efectos previstos no artigo 12.

Só os centros oficialmente creados e inscritos no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia poderán empregar na súa identificación os termos museo, colección museográfica ou centro de interpretación do patrimonio cultural que proceda en cada caso.

Artigo 16. Disolución dos centros museísticos

  1. A disolución dos centros museísticos deberá ser previamente comunicada polo seu titular á consellaría competente en materia de centros museísticos. A comunicación deberá cursarse cunha antelación mínima de tres meses á data de disolución e fará constar a data de disolución efectiva, o destino dos bens culturais e as medidas de seguranza que garantan a súa protección e conservación.
  2. O incumprimento reiterado das normas e condicións que determinaron a creación e cualificación dun museo, colección museográfica ou centro de interpretación do patrimonio cultural implicará, logo da tramitación de expediente contraditorio e resolución motivada, a perda de tal recoñecemento, a súa disolución e, se for o caso, a súa exclusión do Sistema galego de centros museísticos, sen prexuízo das sancións que en cada caso procedan conforme esta lei.

Artigo 17. Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia

  1. O Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia é o instrumento de carácter administrativo, adscrito á consellaría competente nesta materia, no que se inscribirán os museos e as coleccións museográficas, así como os centros de interpretación relacionados co patrimonio cultural de Galicia, creados segundo o disposto nesta lei.

A inscrición practicarase en virtude de resolución da dirección xeral competente en materia de centros museísticos.

  1. O Rexistro integrará, cando menos, os datos relativos á titularidade, domicilio, denominación, tipoloxía e ámbito temático, a descrición dos bens inmobles que o conforman, os recursos humanos, as áreas funcionais, de ser o caso, os servizos que presta, os horarios e o réxime de visita pública.
  2. Regulamentariamente establecerase a súa organización e funcionamento, así como o acceso e consulta por parte da cidadanía, consonte a normativa aplicable en materia de protección de datos persoais.
  3. As persoas titulares dos centros museísticos deberán manter actualizados os datos que figuran no Rexistro.

CAPÍTULO III

Das redes de centros museísticos

Artigo 18. Das redes

  1. Para os efectos da presente lei, enténdese por rede de centros museísticos o conxunto organizado de centros museísticos, órganos, recursos, produtos e servizos dos diferentes museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural de Galicia que ten por obxecto a ordenación, cooperación e aproveitamento transversal dos medios de que dispoñen, a fin de mellorar a súa eficacia e o cumprimento das súas funcións.
  2. As redes constituirán subsistemas operativos para o funcionamento e organización do Sistema galego de centros museísticos.
  3. A Comunidade Autónoma desenvolverá os mecanismos efectivos de coordinación entre a rede de centros museísticos da súa titularidade e/ou xestión. Tamén promoverá a necesaria coordinación entre os centros museísticos cuxa titularidade corresponde a outra administración pública, así como de titularidade privada.

Artigo 19. Tipos de redes

  1. Poderán establecerse redes tendo en conta a titularidade, o contido temático e discurso museolóxico, así como o ámbito territorial dos distintos centros museísticos de Galicia. A súa coordinación levarase a cabo nos termos que se determinen regulamentariamente.
  2. A pertenza á rede terá carácter voluntario.

TÍTULO III

ESTRUTURA E FUNCIONAMENTO DOS CENTROS MUSEÍSTICOS

Artigo 20. Autonomía para a fixación da estrutura orgánica e funcional

As persoas titulares ou, de ser o caso, as persoas xestoras dos museos, das coleccións museográficas e dos centros de interpretación integrados no Sistema galego de centros museísticos deberán dotar estes das instalacións, equipamento, mobiliario, persoal e orzamentos necesarios para o cumprimento eficaz dos seus fins respectivos. Para tal efecto, gozarán de autonomía para fixar a estrutura orgánica e funcional máis adecuada para a satisfacción das súas necesidades, nos termos previstos neste título.

Artigo 21. Organización dos museos

  1. Os museos, sen prexuízo das facultades das persoas titulares e das súas condicións específicas, incluirán a existencia dun órgano de dirección e as seguintes áreas funcionais básicas, que desenvolverán a súa actividade mediante a necesaria coordinación interna:
  2. a) Área de documentación, conservación e investigación.
  3. b) Área de difusión e comunicación.
  4. c) Área de administración.
  5. As funcións directivas dos museos de titularidade ou xestión autonómica serán asumidas tanto pola escala facultativa superior como de grao medio de museos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22. Dotación e selección de persoal dos centros museísticos

  1. Todos os centros deberán contar co persoal técnico cualificado nos contidos do centro e no ámbito da museoloxía, en número suficiente para atender as distintas áreas funcionais, e cos recursos humanos doutras categorías profesionais necesarios para o cumprimento dos fins do centro.
  2. No caso dos centros de titularidade ou xestión autonómica, as bases das convocatorias de acceso ás categorías de persoal cualificado dos museos integrados no Sistema galego de centros museísticos deberán contar co informe preceptivo da consellaría competente en materia de centros museísticos. Nos tribunais encargados de resolver os procesos de selección figurará obrigatoriamente un técnico de museos profesional de calquera das administracións públicas galegas.

Artigo 23. Incompatibilidades

A realización de actividades comerciais relativas a bens culturais, así como a participación ou desempeño de emprego en sociedades ou entidades con fins de lucro dedicadas ás mesmas actividades comerciais por parte do persoal ao servizo dos centros museísticos de titularidade pública, por si mesmos ou por medio de terceiros, estará sometida en todo caso ao réxime de incompatibilidades previsto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

Artigo 24. Réxime de visitas

  1. O establecemento do réxime de visitas prestará unha atención especial á promoción de visitas escolares e de colectivos con maiores dificultades de inclusión social, sen prexuízo das restricións que, por mor da conservación dos bens culturais custodiados neles, puideren establecerse.
  2. Os centros museísticos estarán abertos ao público en horario estable, ben sexa de forma continuada ou periódica.
  3. O horario de apertura dos centros museísticos dependentes da Comunidade Autónoma será obxecto de desenvolvemento regulamentario.
  4. Os centros museísticos poderán percibir dereitos económicos pola visita ou pola prestación de servizos complementarios, así como establecer tarifas reducidas ou gratuítas nos termos que sexan establecidos regulamentariamente.

En todo caso, a entrada nos centros de titularidade ou xestión por parte da Comunidade Autónoma será gratuíta, cando menos, un día á semana.

Artigo 25. Condicións de acceso

  1. As condicións de acceso aos centros museísticos de titularidade ou xestión autonómica serán reguladas pola consellaría competente en materia de centros museísticos, baixo os principios de igualdade, non-discriminación e deseño universal.
  2. Os centros non incluídos no número anterior establecerán as súas condicións de acceso e visita pública baixo os principios de igualdade, non-discriminación e deseño universal. Estas condicións deberán ser comunicadas para a súa aprobación pola dirección xeral competente en materia de centros museísticos.
  3. Deberá facilitarse o acceso ao estudo dos fondos que formen parte dos centros museísticos, en condicións de igualdade, a todas as persoas investigadoras debidamente acreditadas que xustifiquen un interese científico ou pedagóxico, sen prexuízo das restricións que poidan establecerse pola necesidade de conservación e seguranza dos bens ou do normal funcionamento do centro.
  4. O acceso realizarase con pleno respecto aos dereitos de propiedade intelectual e outros dereitos conexos.

TÍTULO IV

XESTIÓN DOS FONDOS E COLECCIÓNS MUSEÍSTICAS

CAPÍTULO I

A colección museística

Artigo 26. Definición de colección museística

  1. Enténdese por colección museística, para os efectos do establecido nesta lei, o conxunto de bens culturais cuxa adquisición, ordenación e clasificación responde a criterios científicos e técnicos e que está destinada ao cumprimento, con vocación de permanencia, das funcións do centro a que pertence.
  2. O incremento, situacións e movemento da colección museística acomodaranse aos procedementos que regulamentariamente se establezan.
  3. Constitúe a Colección Museística de Galicia o conxunto de bens culturais cuxa titularidade corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia e que forman parte de centros museísticos do seu territorio, sen prexuízo do concepto polo que ingresen ou ingresasen en tales centros.

A Administración autonómica decidirá, motivadamente, a formación e ordenación das coleccións estables dos museos da súa titularidade.

Artigo 27. Asignación

  1. Para os efectos desta lei, considérase asignación o acto polo cal a persoa titular do centro museístico establece, con criterios científicos, o destino dos bens para pasar a formar parte da colección estable deste.
  2. A Comunidade Autónoma de Galicia asignará os seus bens culturais a centros da súa titularidade conforme o previsto no número anterior e respectando, de ser o caso, o disposto na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 28. Recepción de fondos

  1. Os centros museísticos de Galicia poderán solicitar ou ser receptores, conforme a súa capacidade de custodia, dos fondos integrantes do patrimonio cultural que sexan afíns ao seu contido.
  2. A Administración autonómica terá en conta, á hora de formalizar o correspondente instrumento xurídico para a recepción de bens da súa titularidade, criterios de proximidade territorial ou de contido temático, e considerará a adecuada conservación dos materiais e a mellor función científica e cultural.

Este tipo de actuacións serán realizadas preferentemente en centros de titularidade ou xestión autonómica, en virtude de resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de centros museísticos.

  1. A Administración autonómica poderá admitir por parte de terceiras persoas, nos museos da súa titularidade ou xestión, bens culturais, mediante a formalización do oportuno instrumento xurídico.
  2. Nos instrumentos xurídicos de formalización deberán figurar, cando menos, os seguintes datos:
  3. a) Identificación e posición xurídica das partes.
  4. b) Identificación dos bens, que incluirá unha breve descrición, así como a documentación gráfica que os identifique.
  5. c) Prazo de vixencia e posibilidade de prórroga.
  6. d) Descrición das condicións de conservación e seguranza.
  7. e) Especificación da dispoñibilidade dos bens en relación con saídas temporais, investigacións ou exhibicións.
  8. f) Condicións de reprodución e difusión, de ser o caso.
  9. g) Referencia á valoración previa do Consello de Valoración de Bens Culturais de Galicia.
  10. Todos os bens culturais obxecto deste tipo de operacións compartirán o réxime de xestión, conservación e exhibición das coleccións asignadas ao centro museístico receptor.
  11. Os centros museísticos de Galicia poderán recibir depósitos xudiciais, coa correspondente obriga de custodia e daqueloutras exixibles pola lexislación vixente.

Igualmente, deberán recibir os depósitos a que se refire a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, nos termos previstos polos artigos 48 e 99.

Artigo 29. Depósitos forzosos

Cando as persoas titulares dun centro museístico non executen as actuacións exixidas para a conservación, o mantemento e a custodia dos seus fondos, a consellaría competente en materia de centros museísticos poderá ordenar, logo da instrución dun expediente contraditorio, o seu depósito en museos de titularidade ou xestión autonómica, en tanto non desaparezan as causas que orixinaron a dita decisión, sen prexuízo da sanción administrativa que corresponda.

Artigo 30. Doazóns e legados

  1. A consellaría con competencias en materia de centros museísticos impulsará un plan para fomentar, en favor da Comunidade Autónoma, doazóns e legados artísticos e culturais que sexan de interese para preservar a identidade de Galicia.
  2. A Administración autonómica poderá aceptar, logo do informe favorable do Consello Superior de Valoracións de Bens Culturais de Interese para Galicia, con destino aos centros museísticos da súa titularidade ou xestión, doazóns ou legados de bens culturais. Para estes efectos terase en conta o previsto pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 31. Dereitos de tanteo e retracto

O exercicio dos dereitos de tanteo e retracto sobre bens de interese cultural susceptibles de formar parte dos centros museísticos creados de acordo co establecido nesta lei exerceranse, en todo caso, conforme o previsto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 32. Facultade expropiatoria

Sen prexuízo da facultade expropiatoria prevista no artigo 51 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, decláranse de utilidade pública para os efectos da expropiación forzosa os edificios e terreos onde vaian ser instaladas dependencias de museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural de Galicia de titularidade pública.

O recoñecemento en cada caso concreto dos bens e dereitos individualizados que cómpre expropiar será realizado mediante un decreto da Xunta de Galicia. Tal recoñecemento poderá estenderse aos edificios e terreos contiguos cando así o requiran razóns de seguranza e funcionamento ou para facilitar a adecuada conservación dos inmobles ou dos bens que conteñan.

Artigo 33. Saída de fondos

  1. Todas as saídas de fondos museísticos fóra das instalacións do centro a que estean asignados, incluídas as saídas para exposicións temporais, análise, estudo ou restauración, deberán ser previamente autorizadas pola persoa titular de tales fondos, sen prexuízo das condicións técnicas particulares que poida establecer o centro xestor e sen prexuízo, igualmente, do sinalado, para os bens declarados de interese cultural e para os bens catalogados, nos artigos 64 e 66, respectivamente, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
  2. Cando as saídas a que se refire o parágrafo anterior afecten fondos museísticos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, serán autorizadas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de centros museísticos, logo do informe da dirección do centro que corresponda.

A solicitude de saída deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes e a resolución de autorización deberá indicar, cando menos:

  1. a) As condicións particulares en que se efectuará a saída.
  2. b) O prazo, que con carácter xeral non será superior a nove meses, agás casos excepcionais en que se requira un prazo maior, polo tempo indispensable para o fin que lles é propio.
  3. c) As condicións de devolución.
  4. Sen prexuízo do establecido anteriormente, para a saída de fondos, sexan de titularidade pública ou privada, recepcionados en centros museísticos, observaranse as condicións estipuladas no correspondente instrumento xurídico.
  5. O traslado de fondos que estean declarados como bens de interese cultural deberá ser autorizado pola dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural. No caso de bens catalogados, o traslado deberá comunicarse a esta mesma dirección xeral.

Artigo 34. Da conservación, restauración e outras intervencións nos fondos

  1. Os bens custodiados nun centro museístico deberán estar instalados en condicións ambientais adecuadas e contar cos elementos de control suficientes para garantir a súa conservación fronte a posibles causas de deterioración, así como aplicar estratexias e intervencións de conservación preventiva para crear ou manter as condicións idóneas que preserven os seus fondos, sen intervir directamente na súa natureza material.
  2. A restauración e calquera outra intervención directa, tales como toma de mostras ou similares, de fondos custodiados en museos, coleccións museográficas e centros de interpretación requirirá a elaboración dun proxecto de restauración ou intervención, subscrito por persoal competente, que, de conformidade co que se determine regulamentariamente, incluirá, cando menos, a identificación do ben, a diagnose do seu estado, a proposta de actuación, a metodoloxía que se seguirá, os tratamentos que se realizarán e as materias que se empregarán.
  3. A restauración ou calquera outra intervención directa en fondos pertencentes á Colección Museística de Galicia requirirá autorización administrativa previa da dirección xeral competente en materia de centros museísticos cando sexa realizada por persoal técnico externo á consellaría competente nesta materia. Esta autorización deberá ser emitida pola dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural cando se trate de bens de interese cultural ou bens catalogados.
  4. Para a restauración de bens de titularidade estatal custodiados en museos de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia será precisa autorización da Administración xeral do Estado, en conformidade co previsto na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español.
  5. Calquera tipo de tratamento de restauración de bens pertencentes a museos, coleccións museográficas e centros de interpretación soamente poderá ser realizado por persoal que acredite a cualificación técnica adecuada á actuación que se pretende desenvolver e deberá ser documentado adecuadamente nunha memoria técnica final.

Artigo 35. Baixa de bens na colección

  1. Os bens da colección poderán causar baixa. Calquera incidencia que comporte a baixa dun ben da colección, ademais do cumprimento das obrigas establecidas por esta e outra normativa aplicable, será convenientemente documentada e reflectida nos instrumentos de xestión documental.
  2. Os centros conservarán no seu arquivo toda a documentación relativa ao ben que cause baixa na súa colección.

CAPÍTULO II

Xestión documental e tratamento técnico dos fondos

Artigo 36. Xestión documental

Todos os centros museísticos de Galicia deberán contar cun sistema de xestión documental integrado polo conxunto dos instrumentos descritivos e de control técnico, así como de xestión administrativa, relativos aos seus fondos. Este sistema será acorde coas características e funcións de cada tipo de centro, de conformidade coas características que regulamentariamente sexan establecidas.

Artigo 37. Instrumentos para o tratamento dos fondos

  1. Os centros museísticos de Galicia deberán contar cun rexistro para o tratamento administrativo dos seus fondos no que se anotarán, por orde cronolóxica, o ingreso ou a baixa. Para estes efectos, disporán dun rexistro para a colección estable e dun rexistro para os restantes fondos.

O número con que se practique o rexistro será único e intransferible e acompañará a identificación do ben.

Non serán obxecto de inscrición rexistral os bens culturais que ingresen con motivo de exposicións temporais, accións de conservación e/ou restauración, así como por razóns científicas ou de investigación, sen prexuízo do correspondente control administrativo. Tampouco se rexistrarán os depósitos xudiciais ou as entradas a que se refire o artigo 28.6.

  1. Despois de seren rexistrados, os bens culturais serán incluídos nun inventario en que se recollerá a descrición do ben, coas súas características físicas, o estado de conservación, a titularidade e a procedencia, ademais dos datos que figuren no rexistro.
  2. Os museos e as coleccións museográficas elaborarán o catálogo dos bens incluídos no seu inventario, como instrumento de caracterización científica e técnica no que se integrarán a documentación, os estudos técnicos e científicos, así como os coñecementos asociados a tales bens.
  3. Os instrumentos para o tratamento de fondos poderán contar cunha versión electrónica, de acceso aberto, con fins sociais, educativos e de interpretación, que deberá respectar, en todo caso, os dereitos de propiedade intelectual e outros conexos que puideren verse afectados.
  4. Regulamentariamente estableceranse as características e o contido do sistema de xestión documental e de cada un dos instrumentos regulados neste artigo, procurando a implementación das novas tecnoloxías a fin de facilitar a xeneralización de sistemas integrados de información, documentación e xestión nos centros que forman parte do Sistema galego de centros museísticos.

Artigo 38. Do acceso e consulta dos instrumentos de xestión documental

A cidadanía terá dereito de acceso e consulta do contido do rexistro, do inventario e do catálogo, nos termos establecidos na normativa aplicable.

CAPÍTULO III

Da investigación, difusión e comunicación no ámbito dos centros museísticos

Artigo 39. Da investigación

  1. As persoas titulares ou xestoras dos centros museísticos impulsarán programas de investigación específicos sobre o seu contido e ámbito temático e territorial. Estes programas coordinaranse cos doutros centros museísticos ou centros de investigación.
  2. Facilitarase ás persoas investigadoras a consulta e estudo dos fondos dos centros museísticos nos termos previstos no artigo 25.

Artigo 40. Da difusión e comunicación

  1. Os centros museísticos deberán difundir e comunicar á sociedade o significado e os valores dos bens culturais que conservan e investigan, así como do seu contido temático e ámbito territorial.
  2. Así mesmo, garantirán a accesibilidade aos seus contidos, facéndoos comprensibles aos diversos tipos de público mediante a aplicación de estratexias diversificadas de comunicación, a organización de actividades complementarias e a elaboración de medios técnicos e materiais adecuados para este fin.
  3. A Administración autonómica prestará o apoio necesario para que os centros museísticos poidan facer uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) a fin de facilitar o desenvolvemento das funcións que lles son propias e de difundir e potenciar o acceso aos seus fondos e ao seu coñecemento.

Na implantación das novas tecnoloxías e nos mecanismos de accesibilidade aos contidos dos centros deberá respectarse a normativa sobre patrimonio cultural, así como os dereitos de propiedade intelectual e outros dereitos conexos.

Artigo 41. Imaxes, reproducións e copias

  1. A obtención de imaxes e as reproducións ou copias de fondos dos centros museísticos basearanse nos principios de preservar a debida conservación da obra, facilitar o acceso á investigación e á difusión cultural, salvagardar os dereitos de propiedade intelectual das persoas autoras e non interferir na actividade normal do centro.
  2. Para os efectos desta lei, enténdese por:
  3. a) Imaxe: a representación dun obxecto real e a súa fixación nun medio material duradeiro.
  4. b) Reprodución: o obxecto que se obtén a partir dun orixinal ou dunha imaxe mediante procedementos mecánicos.
  5. c) Copia: a obra realizada mediante a interpretación ou versión persoal e única a partir dun orixinal.
  6. A obtención de imaxes, reproducións ou copias de fondos de titularidade da Administración autonómica requirirá a autorización expresa da persoa titular da dirección xeral competente en materia de centros museísticos, logo de solicitude da persoa interesada, conforme o procedemento administrativo común, e informe da dirección do centro que corresponda. Nela figurarán as condicións específicas para a súa realización.
  7. Nos centros de titularidade estatal xestionados pola Comunidade Autónoma, a obtención de imaxes, reproducións ou copias estará sometida ao disposto nos reais decretos de transferencia, no convenio asinado para a xestión de tales centros e na normativa estatal aplicable.
  8. Nas imaxes, reproducións ou copias obtidas figurará esta condición de forma visible, así como a súa procedencia.

TÍTULO V

DAS MEDIDAS DE DINAMIZACIÓN

Artigo 42. Subvencións e axudas públicas

No exercicio das súas competencias, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá conceder subvencións e axudas públicas destinadas á creación de centros museísticos, así como a actuacións relativas á conservación, seguranza, documentación ou difusión dos bens que forman parte daqueles. Esta concesión estará suxeita á Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 43. Cooperación e colaboración

No exercicio das súas competencias nesta materia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá, no marco da normativa aplicable, a cooperación e a colaboración con outras administracións públicas, así como con suxeitos de dereito privado e entidades de iniciativa social, para impulsar medidas destinadas ao mellor cumprimento dos fins e funcións dos centros que integran o Sistema galego de centros museísticos.

Artigo 44. Patrocinio

A Administración autonómica fomentará activamente accións de patrocinio dirixidas ao sostemento dos centros museísticos que formen parte do Sistema galego de centros museísticos, así como ao desenvolvemento dos seus proxectos museísticos.

Artigo 45. Fomento da actividade científica e cultural

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá, no marco da normativa aplicable, as actividades científicas e culturais dos centros museísticos, especialmente os de titularidade ou xestión autonómica, baixo os principios de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades.
  2. As administracións públicas fomentarán a execución de programas de investigación nos contidos temáticos propios dos centros museísticos e o intercambio con outras institucións culturais e centros de investigación afíns. Promoverán igualmente a investigación museolóxica e a colaboración entre as redes de museos de Galicia e entre estes e as redes do Estado, da Unión Europea e de Iberoamérica ou en calquera outro ámbito que se considere de interese.

Artigo 46. Participación social

As administracións públicas fomentarán, consonte a normativa aplicable, a creación e promoverán o labor das asociacións de amigos de museos e outros centros museísticos galegos, co fin de potenciar e difundir o seu papel na sociedade e facilitar a súa participación nas institucións museísticas.

Artigo 47. Promoción de iniciativas privadas en centros museísticos

A consellaría competente en materia de centros museísticos poderá promover iniciativas privadas que posibiliten ofrecer á cidadanía servizos culturais de interese xeral e de calidade no marco do ámbito temático de cada centro, sempre que isto non supoña un incremento do gasto público nin exista interferencia coa actividade ordinaria do centro, de acordo coa normativa aplicable e con respecto ao principio de libre concorrencia no mercado.

Tales iniciativas deberán ser autorizadas pola dirección do centro en que se desenvolvan, cando estas teñan lugar en centros de titularidade ou xestión autonómica.

TÍTULO VI

RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 48. Ámbito de aplicación

A regulación do réxime sancionador contida neste título será aplicable a todos os centros sometidos a esta lei, con excepción dos de titularidade estatal, estean ou non transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, aos cales se lles aplicará a súa normativa específica.

Artigo 49. Definición

  1. Constitúen infraccións administrativas en materia de centros museísticos as accións e omisións que se tipifican neste título. As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves.
  2. Cando a conduta infractora constitúa tamén unha infracción administrativa en materia de patrimonio cultural, aplicarase o réxime sancionador previsto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 48 respecto dos centros de titularidade estatal.

Artigo 50. Infraccións leves

Constitúen infraccións leves as seguintes accións ou omisións:

  1. a) O incumprimento do deber de informar o público e a consellaría competente en materia de centros museísticos do horario e das condicións de visita ou das súas modificacións.
  2. b) O incumprimento da obriga de aplicar os instrumentos de descrición e documentación que estableza a consellaría competente en materia de centros museísticos para o tratamento administrativo e técnico de fondos custodiados nos centros museísticos que custodien bens culturais de natureza moble.
  3. c) O incumprimento da obriga de levar o rexistro, o inventario e o catálogo ou non axustar os seus contidos e características ao establecido pola consellaría competente en materia de centros museísticos.
  4. d) As actuacións de calquera tipo realizadas sen a necesaria autorización da consellaría competente en materia de centros museísticos que non provocasen danos nos centros ou nos bens culturais custodiados neles.
  5. e) A utilización da denominación de museo, colección museográfica ou centro de interpretación como institución cultural descrita nesta lei por aqueles establecementos non creados ou autorizados consonte as disposicións desta lei.
  6. f) O incumprimento inxustificado do deber de permitir o acceso das persoas investigadoras para a consulta e o estudo dos fondos dos centros museísticos.

Artigo 51. Infraccións graves

Terán a consideración de infraccións graves:

  1. a) A negativa ou a obstrución á actividade inspectora da consellaría competente en materia de centros museísticos.
  2. b) O incumprimento inxustificable do deber de visita pública.
  3. c) A saída de fondos museísticos, sen axustarse ás condicións establecidas para este fin, que causase danos reparables.
  4. d) O incumprimento das normas e condicións estipuladas para a obtención da cualificación de centro museístico.
  5. e) O incumprimento das condicións previstas no instrumento xurídico correspondente para a recepción de fondos de titularidade autonómica.
  6. f) O incumprimento da orde de depósito forzoso cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos reais sobre bens mobles integrantes do patrimonio cultural non executen as actuacións exixidas para a súa conservación, mantemento e custodia.
  7. g) A realización de reproducións de fondos de titularidade autonómica con incumprimento das condicións establecidas ou que supoñan danos reparables.
  8. h) O incumprimento das incompatibilidades recollidas no artigo 23.
  9. i) As restauracións cando incumpran as condicións establecidas ou que causen danos reparables.
  10. j) A infracción tipificada na letra e) do artigo anterior cando se continuase observando a conduta infractora tras mediar requirimento da consellaría competente en materia de centros museísticos para os efectos de que cese nela.

Artigo 52. Infraccións moi graves

Terán a consideración de infraccións moi graves as condutas infractoras previstas nos artigos 50 e 51 que vulneren as prescricións establecidas nesta lei e impliquen danos irreparables ou a perda total ou parcial dos fondos dos centros recoñecidos de acordo con esta lei.

Artigo 53. Responsables das infraccións

  1. Son responsables de infracción, mesmo a título de mera inobservancia, as persoas físicas ou xurídicas que realicen as accións ou as omisións tipificadas nesta lei.
  2. As persoas titulares dos centros museísticos poderán ser responsables subsidiarias das infraccións cometidas polo seu persoal ou por outras persoas vinculadas ao centro por calquera outro título cando, podendo evitar a infracción, non o fixeron ou non adoptaron as medidas para evitar que se producise.

Artigo 54. Sancións

  1. As infraccións previstas nesta lei darán lugar á imposición das seguintes sancións:
  2. a) Infraccións leves: sanción desde 300 euros ata 6.000 euros.
  3. b) Infraccións graves: sanción desde 6.001 euros ata 150.000 euros.
  4. c) Infraccións moi graves: sanción desde 150.001 euros ata 600.000 euros.
  5. Sen prexuízo do disposto no número anterior, a contía da sanción non poderá ser en ningún caso inferior ao beneficio obtido como resultado da actuación infractora.
  6. A gradación das sancións deberá considerar as circunstancias previstas no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
  7. A resolución sancionadora, ademais de impor as multas que procederen, disporá todo o necesario para a restauración da legalidade vulnerada pola conduta obxecto do expediente sancionador.

Artigo 55. Órganos competentes

  1. A competencia para a imposición das sancións previstas no artigo anterior corresponde:
  2. a) Á persoa titular da dirección xeral competente en materia de centros museísticos: as sancións de ata 6.000 euros.
  3. b) Á persoa titular da consellaría competente en materia de centros museísticos: as sancións comprendidas entre 6.001 e 150.000 euros.
  4. c) Ao Consello da Xunta de Galicia: as sancións superiores a 150.000 euros.
  5. A consellaría competente en materia de centros museísticos, sen prexuízo do disposto neste artigo, emprenderá perante os órganos xurisdicionais competentes as accións penais que correspondan polos actos delituosos en que as persoas infractoras puideren ter incorrido.

Artigo 56. Procedemento

  1. A iniciación do procedemento sancionador realizarase por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de centros museísticos, de oficio ou logo de denuncia de parte.
  2. Na tramitación do procedemento sancionador, no que en todo caso se garantirá o dereito de audiencia da persoa interesada, aplicarase o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e respectaranse así mesmo os principios xerais do procedemento sancionador previstos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 57. Prescrición de infraccións e sancións

  1. As infraccións administrativas prescribirán aos dez anos de se teren cometido ou descuberto, no caso das moi graves; e aos cinco anos no caso das infraccións graves e leves.
  2. As sancións prescribirán aos cinco anos no caso das moi graves e aos dous anos no caso das sancións graves e leves.
  3. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e o prazo de prescrición volverá correr se o expediente sancionador estiver paralizado máis dun mes por causa non imputable á persoa presuntamente responsable.
  4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para interpor recurso contra ela.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución. O prazo volverá transcorrer se aquel estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

Disposición adicional primeira. Programas de intercambio e aproveitamento didáctico e educativo

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través das consellarías competentes en materia de centros museísticos e de educación, promoverá os programas de intercambio e aproveitamento didáctico e educativo dos centros museísticos da súa titularidade ou xestión e dos restantes centros integrados no Sistema galego de centros museísticos.

Disposición adicional segunda. Réxime do Museo Pedagóxico de Galicia e doutros espazos museísticos de temática educativa

O Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), así como os espazos museísticos de temática educativa previstos no Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), dependentes da consellaría competente en materia de educación, manterán a súa dependencia tras a entrada en vigor desta lei. Para estes efectos, manterá igualmente a súa vixencia o previsto no Decreto 268/2000, do 2 de novembro.

Disposición adicional terceira. Integración no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia

Todos os centros que no momento da entrada en vigor desta lei formen parte do Censo de Museos de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade pasarán a integrarse automaticamente no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Centros da Igrexa católica ou doutras confesións relixiosas

Para a aplicación desta lei e das súas disposicións de desenvolvemento aos centros museísticos de titularidade da Igrexa católica ou doutras confesións relixiosas, observarase o disposto nos convenios entre o Estado español e aquelas. Acordarase cos representantes das distintas confesións o que afecte o uso relixioso dos fondos pertencentes aos centros museísticos.

Disposición adicional quinta. Museo do Pobo Galego

A Administración autonómica promoverá as actividades científicas e culturais do Museo do Pobo Galego como centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia, establecido polo Decreto 111/1993, do 22 de maio.

Disposición transitoria única. Clasificación das institucións museísticas existentes no momento da entrada en vigor desta lei

A administración competente procederá de oficio, no prazo de catro anos, contados a partir da entrada en vigor da lei, a clasificar ou reordenar as institucións museísticas conforme o estipulado no título I.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Quedan derrogados de forma expresa:
  2. a) Os artigos 112, 113 e 114 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
  3. b) O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, de regulación do sistema público de museos da Comunidade Autónoma.
  4. Tamén quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan total ou parcialmente ao previsto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Actualización de sancións

A contía das sancións previstas nesta lei poderá ser actualizada mediante decreto da Xunta de Galicia, conforme os criterios establecidos pola normativa vixente en cada momento en materia de desindexación.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as normas necesarias para a execución e o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente