Protección animales de compañía en Galicia

LEI 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.[sc name=”Seguridad Pública” ]

Exposición de motivos

I

O dereito a gozar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservar, consagrado no artigo 45.1 da Constitución española, e a atribución da competencia exclusiva do Estado para ditar a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades que teñen as comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección, previsto no artigo 149.1.23 do citado texto, configuran o fundamento constitucional de competencias en materia ambiental.

Neste mesmo sentido, o artigo 148.1.9 dela recolle que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de «medio ambiente».

O artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle a competencia exclusiva para ditar «normas adicionais de protección do medio ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución».

Con fundamento no exposto, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, alzouse como resposta normativa ante a falta dunha lexislación actualizada e integradora sobre a protección e defensa dos animais que viven no contorno humano e co obxectivo fundamental de lles dar amparo e salvagarda mediante a regulación das mínimas atencións hixiénico-sanitarias que debían recibir, así como das obrigas das súas persoas posuidoras, dos centros de recollida, dos albergues ou das instalacións para o seu mantemento temporal, co fin de garantir uns mínimos de bo trato animal.

A concienciación, oposición e reacción da cidadanía ante situacións de maltrato, tortura ou trato inaxeitado aos animais e o tempo transcorrido desde a entrada en vigor da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, motivaron a súa modificación a través da Lei 8/2014, do 26 de setembro. A través desta modificación procedeuse, entre outras cuestións, a incrementar o importe das sancións previstas, polo efecto disuasorio que este implica, e tras a constatación de que o maltrato dos animais diminuía naquelas comunidades autónomas cunha normativa sancionadora máis actualizada.

Cómpre agora dar un paso máis alá na mellora e actualización da defensa, o benestar e a protección dos animais, toda vez que é constatable a persistencia de maltrato aos animais, polo que desde os poderes públicos é obrigado responder con contundencia fronte a estas condutas reprobables.

Por outra banda, é necesario dar un papel significativo nesta materia ao labor educativo e de sensibilización á cidadanía de que maltratar non significa só violencia extrema, senón que abrangue actuacións máis habituais do desexable, tales como someter os animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables e o seu emprego en espectáculos prohibidos ou noutros nos que non se cumpren unhas mínimas condicións de benestar.

A pesar do importante labor que están a realizar os cada vez máis presentes colectivos e asociacións protectoras de animais, a problemática do maltrato continúa no noso territorio, polo que resulta preciso combinar a disuasión que supón a imposición de fortes sancións administrativas co exercicio proactivo da sensibilización e concienciación, a través do impulso e da cooperación nas campañas de sensibilización que organicen os devanditos colectivos e asociacións.

Así, esta lei potencia e facilita a adopción dos animais abandonados que se atopen nos centros de recollida, e mesmo o seu acollemento temporal, e preverase a súa eutanasia unicamente naqueles casos prescritos e realizados por unha facultativa ou un facultativo veterinario, nos supostos e nas condicións establecidas na parte dispositiva da lei.

Por outro lado, atópase a situación daqueles animais que si son obxecto dun trato apropiado, mais respecto dos cales han de establecerse as normas necesarias para que a convivencia cidadá e cos animais, e no que atinxe principalmente os de compañía, sexa cordial e fluída; normas referidas a determinadas obrigas que as persoas donas ou posuidoras deles deben cumprir, tales como a adopción das medidas necesarias para evitar as molestias e os demais danos que os seus animais poidan provocar, así como a identificación dos seus animais, entre outras.

Un animal de compañía acóllese co propósito de brindar compañía ou para gozo da persoa dona ou posuidora del. Este tipo de animais caracterízanse pola súa adaptabilidade e interacción co ser humano. Un animal de compañía pódese integrar na convivencia cunha persoa, grupo, familia ou sociedade, quen, pola súa parte, debe proporcionarlle todo o necesario para o seu desenvolvemento cotián.

Posuír un animal de compañía pode ter consecuencias positivas para a saúde, e neste punto non convén esquecer tampouco o importante labor que desenvolven, sobre todo os cans, colaborando co ser humano no ámbito policial, no rescate de persoas, como guías das persoas invidentes, na asistencia ás persoas e mesmo no ámbito terapéutico.

Nesta liña, un animal de compañía ten que ser educado para a convivencia coas persoas, sendo esta convivencia un fenómeno social común a case todas as culturas desde hai miles de anos, e desas persoas que o incorporan á súa convivencia vai depender en exclusiva o seu benestar, converténdose este nunha responsabilidade directa delas. Cómpre, en consecuencia, regular minuciosamente as prohibicións, obrigas e responsabilidades das persoas donas e posuidoras dos animais de compañía. Neste sentido hai que destacar que esta lei incorpora especificamente a obriga de identificación sen excepción de todos os animais da especie canina, o que constituirá un elemento eficaz na loita contra o abandono e o maltrato animal, ao permitir unha máis sinxela identificación do seu dono ou dona e, en consecuencia, da persoa presuntamente infractora; así como a prohibición expresa de lles dar unha educación agresiva e a prohibición de mutilacións nos animais (orellas, rabos…) co fin de manter unhas características dun tipo racial, ou a prohibición da adquisición de animais de compañía por persoas menores de dezaseis anos.

Quen tome a decisión de incorporar un animal de compañía á súa vida é responsable da súa saúde e do seu benestar, e ten que ser consciente e asumir as obrigas e responsabilidades que iso implica, o que está directamente relacionado coa necesaria intervención das administracións públicas implicadas, ás que lles compete realizar un intenso labor de información, educación e sensibilización á cidadanía.

Esta lei establece unha regulación de mínimos sobre a tenza de animais potencialmente perigosos, respectando o disposto na normativa estatal na materia, constituída fundamentalmente pola Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, e polo Real decreto 287/2002, do 22 de marzo, polo que se desenvolve a dita lei, e así mesmo fixa tamén un contido mínimo sobre a protección e o benestar dos animais silvestres mantidos en catividade, dadas as súas particulares características.

Por outra banda, coa redacción da nova lei cómpre proceder á adaptación da normativa autonómica na materia de autorización ao disposto na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, que deseña un sistema que elimina regulacións innecesarias, establece procedementos máis áxiles e minimiza as cargas administrativas, co fin de fomentar e impulsar o emprendemento e a iniciativa dos operadores económicos. Non obstante, esa pretensión non pode descoñecer as especificidades propias do relacionado co benestar animal e os animais de compañía na súa interacción coas persoas e o medio, especialmente atendendo a preservación do benestar dos propios animais, pero tamén a saúde e seguridade das persoas, o que fai preciso configurar un réxime propio descrito nesta lei respecto da exixencia de autorización.

Esta Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia establece de xeito xenérico, nos seus artigos 10.2 e 14, os requisitos da autorización para algúns tipos de núcleos zoolóxicos e para os eventos nos que participen animais de compañía, e difire ao seu desenvolvemento regulamentario a precisión detallada da súa regulación, sen prexuízo dos requisitos mínimos fixados na lei.

O reflexo legal en prol da autorización acollía unha interpretación conciliable coas previsións da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, que se viu afectada, primeiro, pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e máis tarde pola Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, especialmente respecto do control administrativo, ao declarar a dita lei xenericamente o libre acceso e exercicio de todas as actividades económicas en todo o territorio nacional, coa única limitación do establecido nesa lei ao disposto na normativa da Unión Europea ou en tratados e convenios internacionais.

Malia o anterior, o mantemento do réxime de autorización é unha garantía necesaria para a apertura de determinados establecementos ou a prestación de determinados servizos, fundamentada en razóns imperiosas de saúde pública, seguridade pública, protección do ambiente e interese xeral, que, en suma, se constitúen nunha garantía para a cidadanía.

En definitiva, a exixencia do réxime de autorización, sometido aos principios de necesidade e proporcionalidade, dabondo motivados legalmente e con especificación da súa concorrencia, atópase circunscrita a que esas razóns non poidan salvagardarse mediante a presentación dunha declaración responsable ou dunha comunicación previa.

II

A lei establece tamén o correspondente réxime sancionador, no que se introducen novas infraccións administrativas en consonancia coa evolución da sensibilidade social nesta materia, recollida no propio texto normativo.

En canto á súa estrutura, a lei contén corenta e nove artigos, divididos nun título preliminar e oito títulos, catro disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O título preliminar dedícase ás disposicións xerais en relación co obxecto e o ámbito de aplicación da lei, a organización e as competencias. O título I establece as disposicións xerais que rexen para os animais de compañía. E nel regúlanse as obrigas das persoas posuidoras e propietarias de animais; os establecementos de animais; os concursos, as exposicións e os espectáculos con animais; as medidas e os controis sanitarios que cómpre adoptar respecto deles; a prohibición do seu abandono, así como a prohibición do sacrificio e a regulación da eutanasia; e, por último, unha regulación mínima dos animais potencialmente perigosos. O título II dedícase especificamente aos animais domésticos, incluíndo o relativo á recollida e ao acollemento dos animais perdidos, abandonados e vagabundos. O título III regula as especialidades dos animais silvestres mantidos en catividade, entre as que se atopan as relativas ás especies exóticas invasoras e ás especies protexidas. O título IV regula as asociacións de protección e defensa dos animais e o outorgamento da condición de entidades colaboradoras. O título V refírese á creación do Comité Consultivo para a Protección Animal. O título VI regula a divulgación, a información, a formación e a educación no relativo á protección animal. O título VII recolle a inspección, o control e a vixilancia nesta materia. E, finalmente, o título VIII establece as infraccións e sancións en materia de protección animal, así como o procedemento sancionador.

Esta lei foi obxecto de consulta e consenso coas principais asociacións protectoras de animais e ecoloxistas, coa Federación Galega de Municipios e Provincias e co Consello Galego de Colexios Veterinarios, e tamén foi posta en coñecemento dos membros do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta lei ten por obxecto establecer as normas que garanten a protección e o benestar, así como a posesión e a tenza responsable dos animais de compañía, incluíndo os silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Exclusións e aplicación supletoria

  1. Esta lei non será aplicable aos animais que sexan obxecto dunha regulación específica, e, entre outros, aos:

– Animais de produción destinados ao seu aproveitamento, incluído o autoconsumo.

– Animais pertencentes á familia dos équidos.

– Animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros.

– Animais silvestres no medio natural.

– Animais empregados para experimentación ou outros fins científicos.

  1. Ás coleccións de animais dos parques ou das reservas zoolóxicas e aos cans de asistencia seralles aplicable supletoriamente esta lei nos aspectos non previstos na súa normativa específica de regulación.

Artigo 3. Fins

Esta lei ten os seguintes fins:

  1. Acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei, consonte a súa condición de seres vivos dotados de sensibilidade física e psíquica.
  2. Fomentar o coñecemento do mundo animal que contribúa a unha conduta máis responsable e cívica das persoas no respecto, a defensa e a preservación dos animais, así como na súa tenza, acorde coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas deles.
  3. Compatibilizar o benestar dos animais co seu gozo e mantemento polas persoas.
  4. Harmonizar a tenza dos animais coa convivencia social pacífica e segura.
  5. Impulsar e promover a identificación dos animais para combater o seu abandono e maltrato.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos desta lei entenderase por:

  1. Animais de compañía: os animais de calquera especie, dos incluídos no ámbito de aplicación desta lei, que teña no seu poder o ser humano, sempre que a súa tenza non supoña como destino o seu consumo ou o aproveitamento das súas producións, ou non se leve a cabo, en xeral, con fins comerciais ou lucrativos. En todo caso, dentro desta definición inclúense, na súa totalidade, os cans, os gatos, os furóns e os animais das coleccións zoolóxicas dos parques ou das reservas zoolóxicas, con independencia do fin ao que sexan destinados ou do lugar en que habiten, ademais de todos aqueles exemplares de animais silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos.
  2. Animais domésticos: aqueles animais de compañía pertencentes a especies que críe e posúa tradicional e habitualmente o ser humano, co fin de vivir en domesticidade no contorno do fogar, así como os de acompañamento, condución e axuda de persoas con discapacidade recoñecida.
  3. Animais silvestres mantidos en catividade: aqueles animais de compañía distintos dos animais domésticos.
  4. Animais de produción: os animais de produción, reprodución, ceba ou sacrificio, incluídos os animais de peletaría ou de actividades cinexéticas, mantidos, cebados ou criados para a produción de alimentos ou produtos de orixe animal, comprendido o autoconsumo, para calquera uso industrial ou calquera outro fin comercial ou lucrativo.
  5. Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que, con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, bardante o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.
  6. Animais silvestres: o conxunto de especies, subespecies, poboación e individuos animais que viven e se reproducen de forma natural en estado silvestre, incluídos os que se encontran en invernada ou están de paso, con independencia do seu carácter autóctono ou alóctono e da posibilidade do seu aproveitamento cinexético. Non se entenderán comprendidos os animais das devanditas especies que teñan o carácter de domésticos, os criados con fins produtivos ou de aproveitamento deles ou das súas producións ou cultivos e mais os de experimentación ou investigación científica coa debida autorización.
  7. Animais abandonados: os animais de compañía, incluíndo os vagabundos ou extraviados, cuxa persoa propietaria sexa descoñecida ou da que non sexa posible a súa localización, e aquel animal que, con propietaria ou propietario coñecido, non é recuperado nos prazos legalmente establecidos tras o correspondente requirimento consonte o establecido no artigo 23. Terá igualmente o carácter de abandonado aquel animal que non sexa retirado pola persoa propietaria del de calquera centro ou establecemento de animais no prazo convido, sen prexuízo do procedemento para a súa recollida consonte o establecido no artigo 23.
  8. Animais identificados: os animais de compañía que, tendo implantado o sistema de marcaxe legalmente establecido por unha veterinaria ou un veterinario habilitado, estean dados de alta no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía ou en calquera outro rexistro considerado oficial no territorio en que se establezan, ben sexa doutra comunidade autónoma, do Estado español ou doutro Estado.
  9. Propietario ou propietaria: a persoa física ou xurídica responsable da custodia dun animal de compañía que figure inscrita como propietaria no rexistro de identificación correspondente. Naqueles supostos en que non exista constancia desta inscrición, considérase propietario ou propietaria quen poida demostrar a súa titularidade por calquera medio admitido en dereito. As persoas menores e incapacitadas poderán ser propietarias de acordo coas regras xerais sobre capacidade establecidas no Código civil.
  10. Posuidor ou posuidora: a persoa física que, sen reunir a condición de propietaria ou propietario segundo o establecido na definición anterior, teña e/ou estea encargada do coidado do animal de compañía.
  11. Tenza responsable: o conxunto de obrigas, condicións e compromisos que deben asumir as persoas propietarias e posuidoras para garantir e asegurar o benestar dos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei e a súa calidade de vida, conforme as súas necesidades etolóxicas e fisiolóxicas.
  12. Asociacións de protección e defensa dos animais: aquelas asociacións constituídas legalmente e inscritas no rexistro oficial correspondente, sen fin de lucro, que teñen por obxecto fundamental a defensa e protección dos animais no medio en que vivan.
  13. Eutanasia: a morte deliberada e provocada dun animal, sempre prescrita e efectuada por unha ou un profesional veterinario, coa finalidade de lle evitar sufrimento grave e irremediable ou afección grave, ou ben por razóns motivadas de sanidade animal, de saúde pública, de seguridade das persoas ou ambientais.
  14. Maltrato: calquera conduta que ocasione directa ou indirectamente ao animal dor, sufrimentos ou danos evitables, tanto físicos coma psíquicos, ou a morte, sexa por acción ou omisión dolosa ou neglixente. Quedan excluídos desta definición os supostos en que concorra caso fortuíto ou forza maior.
  15. Establecemento de animais de compañía: calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, incluíndo anexos e espazos que non estean totalmente pechados ou cubertos, así como as instalacións móbiles onde se aloxen, manteñan, críen ou se preste servizos a estes animais.
  16. Núcleo zoolóxico: conxunto formado polo establecemento ou recinto de animais de compañía, tanto de titularidade pública coma privada, e a colección zoolóxica que alberga.
  17. Colección zoolóxica: conxunto de animais de compañía que habitan nun núcleo zoolóxico, de xeito permanente ou temporal.
  18. Canceira deportiva: núcleo zoolóxico dedicado ao fomento, á cría e ao coidado de cans coa finalidade da práctica dalgunha modalidade deportiva, incluída a actividade cinexética, que albergue unha cantidade superior a dez exemplares maiores de tres meses de idade, ou quince cans maiores de tres meses de idade no caso de canceiras deportivas dedicadas á actividade cinexética.
  19. Aves de rapina en catividade: aquelas especies de aves e os seus híbridos pertencentes ás ordes falconiformes e estrixiformes que se atopan en catividade.
  20. Consellaría competente en materia de protección animal: a consellaría con competencias e funcións en materia de conservación da natureza, segundo o establecido no correspondente decreto de estrutura orgánica.
  21. Consellaría competente en materia de sanidade animal: a consellaría con competencias e funcións en materia de protección e control da sanidade animal, segundo o establecido no correspondente decreto de estrutura orgánica.
  22. Eventos con animais de compañía: calquera actividade que supoña a exhibición e a realización de concursos, exposicións, certames, feiras ou atraccións públicas, de acordo co establecido na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no relativo aos espectáculos públicos e ás actividades recreativas, recollidos baixo unha mesma autorización, que implique a participación de animais de compañía (agás os parques zoolóxicos, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 31/2003, do 27 de outubro, de conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos).

CAPÍTULO II
Organización e competencias

Artigo 5. Principio xeral

Todas as administracións públicas de Galicia cooperarán no desenvolvemento das medidas de defensa e protección dos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei e mais na denuncia perante os órganos competentes de calquera actuación contraria ao disposto nela.

Artigo 6. Competencias das administracións en materia de protección animal

  1. Atribúese ás persoas titulares das alcaldías dos concellos de Galicia a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei en cadanseu termo municipal.
  2. No ámbito da Administración autonómica, a aplicación desta lei corresponde á consellaría competente en materia de protección animal.

TÍTULO I
Disposicións relativas aos animais de compañía

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 7. Obrigas das persoas propietarias e posuidoras de animais de compañía

  1. A persoa propietaria ou posuidora dun animal é responsable da súa protección e benestar e deberá cumprir con todas as obrigas previstas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.
  2. As persoas propietarias e posuidoras de animais teñen a obriga de garantir as seguintes necesidades básicas:
  3. a) Subministrarlles a alimentación, a auga e os coidados que estean en consonancia coas súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas axeitados para o seu normal desenvolvemento.
  4. b) Proporcionarlles aloxamento suficiente, cómodo, seguro, ao abeiro das inclemencias meteorolóxicas, e mantelos en boas condicións hixiénico-sanitarias e ambientais, todo conforme a súa etoloxía e as súas características físicas.
  5. c) Sometelos ás revisións veterinarias necesarias e prestarlles todos aqueles tratamentos veterinarios preventivos, paliativos ou curativos que sexan precisos para garantir un bo estado sanitario, ou que lles eviten sufrimento, así como sometelos a calquera tratamento preventivo que sexa declarado obrigatorio para o seu benestar ou para a protección da saúde pública ou a sanidade animal.
  6. d) Proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso, de acordo coas súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas.
  7. e) Proporcionarlles un contorno libre de estrés, medo e sufrimento, así como a posibilidade de interacción necesaria para o seu normal desenvolvemento.
  8. As persoas propietarias ou posuidoras de animais teñen, ademais das anteriores, as seguintes obrigas:
  9. a) Colaborar coas autoridades e os seus axentes e mais facilitarlles canta documentación e información lles sexa requirida, así como o acceso ou a entrada aos lugares que sexa necesario, co fin de cumprir as previsións contidas nesta lei.
  10. b) Adoptar as medidas necesarias para que os animais non poidan acceder libremente ás vías nin aos espazos públicos ou privados. No caso dos cans, deberán levalos provistos de correa e colar ou outros elementos de retención, agás os supostos establecidos nas actividades autorizadas en que os animais precisan transitar en liberdade ou naqueles lugares en que se permita que transiten en liberdade, e, en todo caso, baixo o control e a responsabilidade das persoas propietarias ou posuidoras deles, evitando danos ou molestias ás persoas viandantes ou a outros animais.

Así mesmo, deberase impedir o libre acceso ao lugar onde se aloxen os animais das persoas ou doutros animais.

O acceso dos animais no caso dos locais destinados a espectáculos públicos, deportivos e culturais someterase ao disposto nas normas municipais aplicables, co necesario respecto á restante normativa de aplicación.

  1. c) Recoller os excrementos que os animais depositen nas vías e nos espazos públicos e privados de uso común.
  2. d) Evitar a reprodución incontrolada dos animais.
  3. e) Manter actualizados os datos comunicados aos rexistros obrigatorios previstos nesta lei.

Artigo 8. Responsabilidade por danos

  1. En materia de responsabilidade por danos haberá que aterse ao disposto no artigo 1905 do Código civil.
  2. Será obrigatoria a contratación dun seguro de responsabilidade civil nos supostos legal ou regulamentariamente previstos.

Artigo 9. Prohibicións xenéricas

Están prohibidas as seguintes condutas ou prácticas en relación cos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei:

  1. a) O maltrato aos animais, no sentido indicado no artigo 4.14.
  2. b) O abandono dos animais, no sentido indicado no artigo 4.7.
  3. c) A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou empecer a mobilidade dos animais, lles produza dor, danos, sufrimentos, menoscabo ou estrés innecesarios, en especial os que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria. Neste sentido, prohíbese manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día, así como o emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas.
  4. d) Non proporcionar aos animais a auga e a alimentación abondas e adecuadas ás súas necesidades, agás por prescrición veterinaria.
  5. e) Manter os animais en condicións inadecuadas, desde o punto de vista hixiénico-sanitario ou ambiental, ou desatender o coidado e a atención necesarios, de acordo coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas segundo a raza e a especie.
  6. f) Obrigar os animais a desempeñaren traballos ou actividades nos que o esforzo exixido supere a súa capacidade ou ben se poña en perigo a súa saúde.
  7. g) Empregar animais en atraccións feirais e outras asimilables, agás o disposto no artigo 14.
  8. h) Practicar mutilacións aos animais, incluídas aquelas que teñan como finalidade o mantemento das características dun tipo racial ou estéticas. Exclúense aquelas mutilacións necesarias por razóns médico-cirúrxicas, de esterilización, por exixencia funcional ou por supoñer un beneficio futuro para o animal, as cales deberán ser, en todo caso, prescritas e realizadas por unha ou un profesional veterinario.
  9. i) Regalar animais como recompensa, premio ou gratificación en eventos ou atraccións públicas, de acordo co definido no artigo 4.22.
  10. j) Utilizar animais en pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leven consigo malos tratos, crueldade ou sufrimento.
  11. k) A entrada e permanencia de animais de compañía nos locais ou lugares destinados á preparación, a venda, o almacenamento, o transporte ou a manipulación de alimentos.

Malia o anterior, e sen prexuízo do establecido nas ordenanzas municipais correspondentes, as persoas propietarias de hoteis, pensións, restaurantes, bares, cafetarías e similares poderán autorizar ao seu criterio a entrada e permanencia dos animais de compañía nos seus establecementos, para o que deberán mostrar un distintivo que o indique nun lugar visible á entrada do establecemento.

En todo caso, exceptúanse das prohibicións establecidas nesta alínea os cans de asistencia e os pertencentes ás Forzas Armadas e aos corpos e forzas de seguridade do Estado, do ámbito autonómico e local, así como os das empresas de seguridade legalmente habilitadas e os dos corpos de salvamento e rescate.

  1. l) O emprego e a tenza de animais de especies silvestres nos circos.
  2. m) A filmación ou realización de escenas para cine, televisión ou calquera outro medio audiovisual que recollan escenas de crueldade, maltrato, morte ou sufrimento de animais, agás autorización da consellaría competente en materia de protección animal, co fin de garantir que o dano sexa simulado e que os produtos e os medios empregados non provoquen ningún prexuízo ao animal.
  3. n) A utilización de calquera tipo de produtos ou substancias farmacolóxicas para modificar o comportamento natural dos animais que se utilizan para o traballo fotográfico, publicitario, de exposición ou exhibición.

ñ) Exercer a mendicidade ou calquera outra actividade ambulante utilizando animais como medio de publicidade ou reclamo destas actividades.

  1. o) Alimentar os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás situacións que poidan comprometer o benestar dos animais.
  2. p) Dar educación agresiva, estresante ou violenta aos animais, así como de instigación ou preparación para pelexas ou ataques, quitando os adestradores de cans de empresas de seguridade legalmente habilitadas e de corpos e forzas de seguridade do Estado e as excepcións previstas no artigo 11 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Neste punto, prohíbese expresamente implicar os animais en pelexas, ataques ou agresións, incluíndo a súa organización, así como encirralos, permitirlles ou non impedirlles atacar unha persoa ou calquera outro animal.

Artigo 10. Clasificación e rexistro dos núcleos zoolóxicos

  1. Os núcleos zoolóxicos serán obxecto de autorización ou de comunicación previa ao inicio da súa actividade, de acordo co establecido nesta lei. A autorización ou presentación da comunicación de inicio da actividade, segundo os casos, supoñerá a inscrición de oficio do establecemento no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz), adscrito á consellaría competente en materia de protección animal, conforme o procedemento de autorización e comunicación previa que regulamentariamente se determine.
  2. Por razóns de saúde pública, seguridade pública e protección do ambiente serán obxecto de autorización e inscrición no Reganuz os seguintes tipos de establecementos ou recintos de núcleos zoolóxicos: os establecementos ou recintos de coleccións zoolóxicas particulares, os centros de recuperación de fauna silvestre, os centros de recollida de animais abandonados, os centros de cría, os establecementos de venda de animais, as residencias de animais, os centros de terapia a humanos con animais (excepto équidos), as canceiras deportivas, os centros de adestramento e os centros de adopción de animais de compañía. Os centros de importación de animais de compañía e mais os parques zoolóxicos e as reservas zoolóxicas serán obxecto de inscrición no Reganuz, tras a súa autorización, de acordo co réxime de autorización específico contido na normativa correspondente de aplicación, en cada caso.
  3. Serán obxecto de comunicación previa ao inicio da súa actividade os establecementos veterinarios e os centros dedicados á hixiene e ao coidado estético dos animais, para a súa inscrición no Reganuz, de conformidade co disposto na normativa de unidade de mercado, nesta lei e na demais normativa aplicable. Regulamentariamente poderán establecerse outros tipos de establecementos ou recintos obxecto de comunicación previa.
  4. Os núcleos zoolóxicos deberán cumprir, sen prexuízo dos que se establezan regulamentariamente, os seguintes requisitos mínimos e obrigas:
  5. a) Dispoñer de boas condicións hixiénico-sanitarias e ambientais, así como de espazos e locais adecuados ás condicións fisiolóxicas e etolóxicas dos animais que alberguen.
  6. b) Dispoñer de rexistros de entrada e saída de animais, segundo os casos, nas condicións e co contido que regulamentariamente se estableza. Como mínimo deberase recoller nestes rexistros: a data de entrada do animal; a procedencia ou orixe; a especie, a raza e, se é o caso, a identificación individual; as incidencias sanitarias, a data e a causa da baixa e o destino.
  7. c) Adoptar as medidas necesarias para evitar os contaxios entre os animais que alberguen e dispoñer das medidas para evitar que os animais poidan escapar.
  8. d) Os establecementos que fagan entrega de animais mediante venda débeno facer coas debidas garantías sanitarias, libres de toda doenza, acreditándoo coa documentación que regulamentariamente se determine.
  9. e) Será obrigatoria a subministración ás consellarías competentes en materia de protección e sanidade animal de toda a información de carácter zoosanitario ou calquera outra relacionada co cumprimento desta lei e da restante normativa vixente que lles sexa solicitada.

Artigo 11. Transporte dos animais de compañía

  1. Sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente na materia, o transporte dos animais de compañía efectuarase segundo as peculiaridades propias de cada especie, co espazo, as dimensións e os requisitos hixiénico-sanitarios axeitados, de acordo co que se determine regulamentariamente. Durante o seu transporte, os animais deberán ser alimentados e abeberados segundo se estableza regulamentariamente. Así mesmo, empregaranse equipos axeitados na carga e descarga de animais que non produzan danos ou sufrimentos.
  2. Non se poderán transportar animais feridos ou enfermos, salvo:
  3. a) Que se trate de animais levemente feridos ou enfermos, cuxo transporte non sexa causa de lesións ou sufrimentos innecesarios.
  4. b) Que os animais sexan transportados co obxecto de os someter á atención, ao diagnóstico e/ou ao tratamento veterinario. Na medida do posible, no caso de animais residentes en establecementos autorizados, a atención veterinaria intentarase aplicar no propio establecemento, en prol do seu benestar.
  5. No transporte e na permanencia en vehículos de particulares estacionados, incluídos os seus remolques, o animal dispoñerá de ventilación e temperaturas adecuadas, así como de espazo abondo que lle permita levantarse, xirar e tombarse.
  6. Queda prohibido o transporte de animais de compañía nos maleteiros totalmente pechados e sen ventilación axeitada, así como levalos atados a vehículos de motor en marcha.

Artigo 12. Identificación dos animais de compañía

  1. Para os efectos desta lei, a identificación dos animais da especie canina é obrigatoria sen excepción. O animal deberá ser identificado dentro dos seus tres primeiros meses de vida e, en todo caso, antes de ser obxecto de transmisión. Así mesmo, serán obxecto de identificación obrigatoria todos os animais catalogados como potencialmente perigosos.

As persoas propietarias e criadoras de cans están obrigadas a proceder á súa identificación no prazo establecido no parágrafo anterior. Sen prexuízo do disposto no punto 2 do artigo 28 e nos demais supostos establecidos nesta lei, a identificación do resto de animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei será voluntaria. Nestes casos, as condicións desa identificación fixaranse regulamentariamente.

No caso específico dos gatos e furóns que sexan obxecto de traslado a outros países serán aplicables as obrigas establecidas na normativa vixente que regula o desprazamento de animais de compañía.

  1. A identificación comprende o sistema de marcaxe legalmente establecido, a expedición do correspondente documento de identificación ou pasaporte nos casos que corresponda, segundo o modelo normativamente regulado, así como a inscrición do animal no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac).
  2. A inscrición no Regiac (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), sen prexuízo dos demais requisitos establecidos regulamentariamente, conterá o código identificador do animal, o número de pasaporte sanitario nos casos en que este sexa preceptivo, a especie e a raza, o sexo, a data do nacemento e o enderezo habitual do animal, xunto cos datos identificativos da persoa propietaria del.

No caso de inscrición obrigatoria, o cambio de titularidade dun animal de compañía será comunicado ao devandito rexistro, tanto pola persoa cedente coma pola adquirente da súa titularidade, no prazo máximo de dez días desde que se produza a efectiva entrega del.

Quedan exceptuados da obriga de inscrición no Regiac os cans que proveñan doutros territorios do Estado e que permanezan transitoriamente en Galicia un período de tempo inferior a tres meses.

  1. A identificación será requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transmisión do animal, cando aquela sexa obrigatoria segundo a especie, a título oneroso ou gratuíto, e debe constar en calquera documento que faga referencia a el. Non se expedirán pasaportes sanitarios a cans sen facer constar a identificación do animal.

Artigo 13. Cría e venda de animais de compañía

  1. A cría con fins comerciais de animais de compañía só poderá efectuarse en establecementos debidamente autorizados e inscritos como centros de cría no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) establecido no artigo 10. Estes centros deberán ter o seu número de inscrición nun lugar visible.
  2. Queda prohibida a compra, a venda, a cesión ou a doazón ambulante de animais de compañía.
  3. Igualmente queda prohibida a venda, cesión ou doazón de animais de compañía ás persoas menores de dezaseis anos ou ás incapacitadas, agás que conten con autorización expresa de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia, e de conformidade, se é o caso, coa sentenza de incapacitación. O incumprimento desta prohibición e da contida no punto 2 anterior constituirá unha infracción administrativa nos termos previstos nesta lei.
  4. Os centros de cría e os establecementos de venda de animais non poderán efectuar vendas ou cesións de animais de compañía a laboratorios ou outros establecementos con destino a labores de experimentación sen a correspondente autorización.
  5. Os centros de cría e os establecementos de venda radicados en Galicia que oferten a venda de animais por calquera medio de comunicación, revistas ou publicacións, anuncios na rúa ou en establecementos ou edificios públicos, redes sociais ou calquera outro medio a través da internet terán que incluír na súa publicidade ou anuncio o número de inscrición no Reganuz.
  6. Os centros de cría e os establecementos de venda entregarán a quen compre un animal, en papel ou en formato electrónico, toda a información precisa sobre a súa orixe, a identificación no caso en que sexa obrigatoria, as características, os tratamentos sanitarios aplicados ao animal no establecemento, os coidados e o manexo.
  7. Os centros de cría e os establecementos de venda entregarán os animais en bo estado de saúde, certificado por unha ou un profesional veterinario, e identificados, no caso de que esta identificación sexa obrigatoria, segundo o establecido no artigo 12.
  8. As crías de cans e gatos non poderán separarse das súas nais antes das dez semanas de vida, co fin de evitar problemas de saúde ou comportamento. Neste sentido deberanse tomar as medidas necesarias para acadar a socialización dos cachorros con anterioridade á súa transmisión.
  9. Os animais de compañía destinados á venda non se poderán exhibir nos escaparates ou nas zonas expostas á vía pública, ou a modo de reclamo comercial.
  10. Os establecementos de cría, venda ou importación de animais deberán contar con persoal suficiente e coa formación necesaria para o manexo e a atención dos animais aloxados nestes, o que se determinará regulamentariamente.

Artigo 14. Eventos con animais de compañía

  1. A realización de eventos con animais de compañía deberá ser obxecto de autorización previa ao seu desenvolvemento, outorgada pola consellaría competente en materia de protección animal, cos requisitos e segundo o procedemento que regulamentariamente se establezan, sen prexuízo de calquera outra autorización que sexa preceptiva.
  2. En todo caso, deberase dispoñer dun espazo axeitado no que poidan atenderse aqueles animais que precisen asistencia veterinaria e dun equipamento básico, co material imprescindible, para estabilizar e trasladar o animal a un centro veterinario axeitado cando se requira.
  3. As solicitudes de autorización para a realización dos eventos sinalados no punto 1 serán presentadas por quen os organice cunha antelación mínima dun mes previa ao seu desenvolvemento, e deberanse acompañar dunha memoria cos aspectos que se determinen regulamentariamente. O organizador ou a organizadora deberá responsabilizarse de que todos os animais participantes cumpren cos requisitos que regulamentariamente se establezan para cada especie.

Artigo 15. Eutanasia

  1. A eutanasia dos animais será prescrita e realizada por unha ou un facultativo veterinario, de forma rápida e indolora, coa aplicación de sedación cando o manexo do animal poida supoñer un estrés ou sufrimento adicional, e efectuada con métodos que impliquen o mínimo sufrimento e provoquen unha perda de consciencia inmediata.
  2. Por vía regulamentaria determinaranse os métodos autorizados para a eutanasia animal.
  3. As consellarías competentes en materia de protección e sanidade animal poderán establecer excepcións aos métodos de eutanasia en situacións de emerxencia e/ou perigosidade debidamente xustificados. Cando sexa preciso o emprego de armas de fogo, e non exista outro método alternativo, estas deberán ser empregadas polas forzas ou corpos de seguridade ou por persoal expresamente autorizado polas ditas consellarías, logo da valoración da situación e dos riscos que implica, e actuando segundo a normativa específica aplicable.
  4. Non se poderá dar morte aos animais acollidos nun centro de recollida ou fogar de acollida temporal, con independencia do tempo transcorrido desde a súa entrada.
  5. Exceptúanse da prohibición establecida no punto anterior os supostos de eutanasia do animal debidamente motivados por escrito por unha ou un profesional veterinario, co fin de lle evitar un sufrimento grave e irremediable ou unha afección grave, ou ben por razóns motivadas de sanidade ou benestar animal, de saúde pública, de seguridade das persoas ou ambientais.

CAPÍTULO II
Animais potencialmente perigosos

Artigo 16. Animais potencialmente perigosos

  1. Considéranse animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que, con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, excepto o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.
  2. En todo caso, entenderase por cans potencialmente perigosos aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:
  3. a) Cans que polas súas características raciais poidan ser aptos para o adestramento para a garda e defensa, e en concreto os cans pertencentes ás seguintes razas: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín (ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu, e mais as restantes razas que poidan determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento.

Tamén serán considerados potencialmente perigosos os cruzamentos en primeira xeración destas razas ou os cruzamentos destas razas con outras.

  1. b) Cans que foron adestrados para a garda e defensa.
  2. c) Cans que tiveron algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas, ou aqueles que manifesten un carácter marcadamente agresivo. Nestes casos, a potencial perigosidade deberá ser apreciada pola autoridade competente municipal, de oficio ou despois de notificación ou denuncia, atendendo criterios obxectivos e logo do informe dunha ou dun profesional veterinario designado para o efecto.

Artigo 17. Licenza municipal e obriga de inscrición no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos

  1. A tenza e a custodia dos animais potencialmente perigosos requirirán a obtención previa da licenza administrativa outorgada polo concello correspondente nos termos previstos no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Para os efectos da expedición da licenza no caso de persoas posuidoras distintas á propietaria do animal, será válido o seguro de responsabilidade civil subscrito por esta última. No caso de posuír varios animais potencialmente perigosos será exixible unha única licenza, sempre e cando todos os animais conten co correspondente seguro de responsabilidade civil. A licenza terá un período de validez de cinco anos e poderá ser renovada por períodos sucesivos de igual duración.
  2. Os animais potencialmente perigosos deberanse inscribir no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos no prazo de quince días desde a obtención da licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos. No suposto previsto no punto 1 deste artigo, para o caso do segundo e posteriores animais, o dito prazo comezará a computarse desde a adquisición do animal.

Artigo 18. Responsabilidade e obrigas das persoas propietarias e posuidoras de animais potencialmente perigosos

  1. Quen teña en propiedade ou posúa un animal potencialmente perigoso que agrida persoas ou outros animais causándolles feridas de mordedura será responsable de que o animal sexa sometido a recoñecemento dunha veterinaria ou dun veterinario en exercicio libre da profesión en dúas ocasións dentro dos quince días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario ou a veterinaria responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de doenza infecto-contaxiosa, que comunicará ás autoridades competentes en sanidade animal no caso de sospeita.
  2. Os cans potencialmente perigosos terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espazos de uso público en xeral, atados con correa non extensible de menos de dous metros de longo, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza.
  3. Cando as circunstancias así o aconsellen poderanse establecer excepcións ao cumprimento de determinadas obrigas das persoas propietarias de animais potencialmente perigosos no caso de:
  4. a) Organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha función social.
  5. b) Explotacións agrarias que utilicen cans de garda, defensa e manexo de gando, así como actividades de carácter cinexético, sen que estes poidan dedicarse en ningún caso ás actividades ilícitas recollidas nesta lei.
  6. c) Probas de traballo e deportivas, co fin de seleccionar exemplares que participen nestas e que estean autorizadas e supervisadas pola autoridade autonómica competente.

Por vía regulamentaria habilitarase o procedemento para a aplicación destas excepcións.

Artigo 19. Esterilización de animais potencialmente perigosos

  1. A esterilización dos animais potencialmente perigosos, ademais de se poder facer por vontade das persoas propietarias, realizarase obrigatoriamente por mandato ou resolución das autoridades administrativas ou xudiciais.
  2. Os propietarios e as propietarias deste tipo de animais deberán comunicar ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) a súa castración ou esterilización, coa remisión da copia da certificación veterinaria acreditativa do devandito feito no prazo de tres días, contados desde que a esterilización ou castración se levase a cabo.
  3. Regulamentariamente desenvolverase o procedemento administrativo necesario para acordar a esterilización dun animal potencialmente perigoso polo órgano territorial de dirección da consellaría competente en materia de protección animal, naqueles supostos de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais.

Artigo 20. Instalacións

As instalacións destinadas a albergaren animais potencialmente perigosos deberán reunir os requisitos que se establezan regulamentariamente. En todo caso, deberanse observar as medidas de seguridade que eviten a fuxida destes animais ou o contacto con eles, respectando de todos os modos a súa protección e benestar.

TÍTULO II
Animais domésticos

Artigo 21. Obrigas específicas das persoas posuidoras e propietarias de animais domésticos

  1. Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 7, correspóndenlles ás persoas posuidoras ou propietarias de animais domésticos as seguintes obrigas específicas:
  2. a) A esterilización dos cans de asistencia segundo a súa normativa específica, así como dos cans que se manteñan en polígonos industriais e obras.
  3. b) Sen prexuízo das disposicións establecidas nas correspondentes ordenanzas municipais, prohíbese levar ceibos nas vías públicas os cans e os demais animais domésticos, que deberán ir provistos de correa e colar ou outro elemento de retención, agás naqueles lugares nos que se permita que transiten en liberdade e, en todo caso, baixo o control e a responsabilidade dos posuidores ou das posuidoras daqueles. Malia o anterior, nos carreiros e camiños no ámbito rural poderase levar solto o animal sempre que non se ocasione danos, molestias nin riscos ás persoas, a outros animais e ás cousas.
  4. c) Cando se produza un cadro de agresión por parte dun animal doméstico, deberanse facilitar os datos do animal e da persoa responsable del tanto á persoa agredida ou aos seus representantes legais coma ás autoridades competentes, sen prexuízo da obriga de o someter ao control veterinario previsto no artigo 18.1.
  5. d) Comunicar ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía o extravío ou a morte do animal doméstico, no caso de inscrición obrigatoria, no prazo máximo de setenta e dúas horas desde que se teña coñecemento de tales feitos.
  6. A tenza de animais domésticos en recintos ou vivendas privadas queda condicionada ás necesidades etolóxicas de cada especie e raza, ao espazo, ás circunstancias hixiénicas óptimas e á adopción das axeitadas medidas de seguridade, sen prexuízo do disposto nas normas que constitúan o réxime interior das comunidades de veciños. A tenza ou posesión de máis de cinco animais, maiores de tres meses, pertencentes á especie canina, estará sometida á obriga de comunicación previa á consellaría competente en materia de protección animal, de acordo co procedemento que se estableza regulamentariamente.

Non obstante, cando a xuízo das autoridades autonómicas competentes en materia de sanidade e benestar animal, a tenza destes animais poida comportar un risco sanitario ou se precisen condicións diferentes ás existentes para garantir o seu benestar e protección, deberá ser obxecto de autorización como establecemento de coleccións zoolóxicas particulares, consonte o establecido no citado artigo 10.

Artigo 22. Recollida e acollemento dos animais vagabundos e extraviados

  1. Os concellos recollerán os animais domésticos vagabundos e extraviados que deambulen polo seu termo municipal e albergaranos en centros de recollida de animais abandonados inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos ata que sexan retirados polos seus propietarios ou propietarias, sexan acollidos temporalmente ou adoptados, ou ben se lles dea outro destino autorizado segundo os supostos establecidos nesta lei.
  2. Os concellos poderán prestar o servizo de recollida e acollemento por si mesmos ou asociados, en réxime de xestión directa ou indirecta. Así mesmo, poderán subscribir convenios de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais.
  3. Os concellos poderán recoller e acoller animais por solicitude das persoas propietarias deles, logo da xustificación por parte destas da imposibilidade da asunción das obrigas derivadas desta lei.
  4. Os requisitos mínimos para a prestación dos servizos de recollida e acollemento de animais abandonados estableceranse regulamentariamente. Estes servizos levaranos a cabo persoas coa formación necesaria para o manexo e a atención dos animais aloxados, e contarán cos medios e as instalacións adecuadas así como coa asistencia veterinaria especializada precisa.
  5. Os centros de recollida de animais abandonados comunicarán, cunha periodicidade anual, as datas de entrada e saída de cada animal, a identificación e o destino deles e mais as incidencias sanitarias significativas dos animais á consellaría competente en materia de protección animal, segundo o procedemento que regulamentariamente se determine.
  6. Excepcionalmente, en situacións de emerxencia que poidan comprometer o benestar dos animais, os cidadáns e as cidadás poderán realizar a recollida de xeito puntual e desinteresado dun animal vagabundo ou extraviado ata a súa entrega final ou posta á disposición do centro de recollida autorizado que a autoridade competente determine.

Artigo 23. Abandono de animais domésticos

  1. De o animal recollido se atopar identificado ou ter persoa propietaria coñecida, o centro de recollida poñerá en coñecemento desta a entrada do animal nas súas instalacións, no prazo de corenta e oito horas desde a súa recollida.

Se transcorridos dous días desde a comunicación á súa persoa propietaria, esta non procede á retirada do animal, o centro notificaralle que dispón dun prazo máximo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao da devandita notificación, para a recuperación do animal, logo da satisfacción de todos os gastos, incluídos os veterinarios, derivados da súa recollida e estancia no centro, e coa exhibición da licenza correspondente no suposto de se tratar dun animal potencialmente perigoso.

  1. Ao transcorrer o prazo máximo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao da notificación ou da publicación, no suposto de notificación infrutuosa, sen se ter retirado o animal, este pasará a ter a consideración de animal abandonado, o que habilitará o concello para lle dar o destino que legalmente proceda. Neste suposto, o centro de recollida deberá dar traslado dos feitos á consellaría competente en materia de protección animal para os efectos da apertura do correspondente expediente sancionador.
  2. De o animal recollido non se atopar identificado e non ter dona ou dono coñecido, pasará a ter a consideración de animal abandonado. Se ao transcorrer dez días naturais desde a entrada no centro de recollida non é reclamado pola persoa propietaria, posuidora ou autorizada, logo da acreditación da propiedade ou posesión, o centro queda habilitado para lle dar o destino que legalmente proceda.
  3. Os animais recollidos deberán ser necesariamente identificados, de acordo co artigo 12 desta lei, para poder ser entregados ás persoas propietarias deles, segundo as obrigas establecidas para cada especie, facéndose cargo estas dos gastos derivados da dita actuación.

Artigo 24. Adopción dos animais domésticos abandonados

  1. O destino prioritario dos animais domésticos abandonados será a súa adopción. As administracións públicas implicadas e os centros de recollida poñerán en marcha medidas destinadas ao fomento da adopción responsable destes animais.
  2. Sen prexuízo dos que se establezan regulamentariamente, deberanse cumprir os seguintes requisitos para a adopción:
  3. a) Que o animal doméstico que se vai adoptar teña a condición de abandonado, segundo os prazos e as condicións establecidos no artigo 23.
  4. b) Que o animal doméstico proveña dun centro de recollida autorizado.
  5. c) Que o animal doméstico sexa declarado apto para a adopción polo veterinario ou pola veterinaria responsable do centro de recollida no que se encontre. Os animais deben ser entregados en adopción identificados, vacinados, desparasitados e esterilizados segundo prescrición da veterinaria ou do veterinario responsable, co fin de garantir o seu correcto estado hixiénico-sanitario.
  6. d) A adopción deberá ser gratuíta, sen prexuízo de que o propio centro de recollida poida repercutir sobre quen o adopte os custos derivados dos tratamentos subministrados, da identificación e da esterilización, segundo proceda.
  7. As persoas físicas que adopten animais de compañía segundo o establecido neste artigo quedarán sometidas ás obrigas previstas para as persoas propietarias e posuidoras de animais establecidas nesta lei.

Artigo 25. Acollemento temporal de animais domésticos

  1. Cando non sexa posible a adopción ou cando concorran circunstancias que o aconsellen, o centro de recollida poderá entregar o animal abandonado, en réxime de acollemento temporal, a persoas físicas que poidan garantir o coidado, a atención e as condicións hixiénico-sanitarias que precise. En calquera caso, será necesario o cumprimento do establecido no artigo 24.2.c) e o acollemento estará condicionado á devolución inmediata do animal de aparecer unha persoa adoptante.
  2. A persoa física que acolla temporalmente un animal neste réxime estará obrigada a comunicar ao centro que llo entrega calquera incidencia ao seu respecto.
  3. Os domicilios en que se acollan temporalmente animais de compañía terán a consideración de fogares de acollida.

Regulamentariamente establecerase o número máximo de animais que se poderán acoller nun mesmo fogar de acollida.

  1. As persoas físicas que acollan temporalmente animais domésticos quedarán sometidas ás obrigas previstas nos artigos 7 e 21. As obrigas específicas das persoas propietarias incluídas no artigo 8 corresponderán ao centro que entrega o animal en acollemento temporal.
  2. Os concellos e os centros de recollida autorizados manterán unha relación actualizada destes fogares de acollida.

Artigo 26. Colonias felinas

  1. Os concellos poderán establecer, conforme as condicións e os requisitos que se determinen regulamentariamente, lugares destinados a colonias felinas controladas, como un posible destino das comunidades de gatos sen propietario ou propietaria que vivan na rúa, sempre que as condicións do contorno o permitan, co fin da súa protección e control poboacional.
  2. Os gatos integrantes destas colonias deberán ser capturados para a súa marcaxe, esterilización e control sanitario. A identificación realizarase a nome do concello, ao que lle compete a vixilancia e o control sanitario destas poboacións.

TÍTULO III
Animais silvestres mantidos en catividade

Artigo 27. Normas xerais

  1. A persoa propietaria ou posuidora dun animal silvestre mantido en catividade é responsable da súa protección e benestar nos termos previstos nesta lei.
  2. Para o mantemento en catividade de animais silvestres deberase acreditar a súa orixe legal, de acordo co estipulado na normativa sanitaria, de comercio e de conservación da natureza e na demais normativa que resulte aplicable, segundo os casos.
  3. Sen prexuízo do indicado nos puntos 1 e 2, para a tenza en catividade de exemplares de animais silvestres pertencentes a especies autóctonas, incluídas as declaradas como especies cinexéticas, será preceptiva a autorización expresa da consellaría competente en materia de protección animal. Será obrigatoria así mesmo a identificación individual mediante microchip ou anel identificativo destes animais, segundo o procedemento que se estableza regulamentariamente.
  4. No caso de tenza de exemplares de animais silvestres pertencentes a especies declaradas como exóticas invasoras, serán aplicables os requisitos establecidos na súa normativa reguladora específica.
  5. Os preceptos recollidos nos artigos 22, 23 e 24 serán aplicables a todos os exemplares de especies silvestres mantidos en catividade, agás aqueles pertencentes a especies que conten con normativa específica de aplicación na que se recollen as autoridades competentes responsables da súa protección e custodia. En especial, exceptúanse os exemplares de especies silvestres acollidas nun réxime de protección especial, as especies cinexéticas e as especies declaradas como exóticas invasoras.

Artigo 28. Aves de rapina en catividade

  1. A tenza de aves de rapina en catividade requirirá, sen prexuízo das normas nacionais e internacionais que lle sexan aplicables, obter previamente a autorización administrativa outorgada pola consellaría competente en materia de protección animal, cos requisitos e segundo o procedemento que regulamentariamente se establezan.
  2. Todos aqueles exemplares de aves de rapina que dispoñan da autorización mencionada no punto anterior deberán estar identificados individualmente con microchip ou anel, sen prexuízo de calquera outro sistema de marcaxe que se poida establecer regulamentariamente, e inscribirse na sección correspondente do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía.
  3. A cría en catividade de aves de rapina só se poderá levar a cabo en establecementos de cría de animais autorizados consonte o establecido no artigo 10 desta lei.

TÍTULO IV
Asociacións de protección e defensa dos animais

Artigo 29. Normas xerais

  1. As asociacións de protección e defensa dos animais inscribiranse de maneira obrigatoria no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía, conforme o procedemento regulamentariamente establecido.
  2. Así mesmo, estas asociacións están obrigadas a comunicar as modificacións producidas nos seus órganos de goberno, estatutos, datos de contacto ou calquera outro dato que conste na inscrición rexistral e mais a súa baixa como asociación, de ser o caso.
  3. As asociacións de protección e defensa dos animais teñen a obriga de denunciar os feitos constitutivos de infracción administrativa segundo o previsto nesta lei perante as autoridades públicas competentes. Para tal efecto, recoñeceráselles a condición de interesadas no procedemento administrativo sancionador consonte o disposto no artigo 4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 30. Entidades colaboradoras

  1. As asociacións de protección e defensa dos animais inscritas no rexistro previsto no artigo 29.1 poderán ser declaradas entidades colaboradoras da Administración xeral da Comunidade Autónoma, conforme o procedemento que se determine regulamentariamente, cando cumpran cos seguintes requisitos:
  2. a) Ter o domicilio no territorio da Comunidade Autónoma.
  3. b) Que o seu ámbito de actuación sexa a Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. c) Que participen activamente en programas en materia de protección animal.
  5. d) Que participen activamente en programas dirixidos a potenciar a adopción nos centros de recollida de animais abandonados autorizados pola autoridade competente.
  6. A consellaría competente en materia de protección animal poderá establecer convenios coas entidades colaboradoras para o desenvolvemento de actuacións en relación coa protección e a defensa dos animais, e de xeito particular para o desenvolvemento de campañas de concienciación para a identificación, adopción e esterilización de animais de compañía, así como para a promoción de campañas de divulgación e educación no coñecemento, a protección e a defensa animal para a sensibilización da cidadanía.

TÍTULO V
Comité Consultivo para a Protección Animal

Artigo 31. Comité Consultivo para a Protección Animal

  1. Créase o Comité Consultivo para a Protección Animal como órgano de consulta e asesoramento, adscrito á consellaría competente en materia de protección animal, que terá como obxectivo o estudo e a proposta das principais accións na loita fronte ao maltrato e o abandono dos animais de compañía.
  2. O Comité Consultivo para a Protección Animal levará a cabo as seguintes funcións, sen prexuízo das que se lle poidan encomendar regulamentariamente:
  3. a) Emitir informes e ditames, así como realizar os estudos que lle solicite a consellaría competente en materia de protección animal.
  4. b) Promover estudos de planificación e coordinación nesta materia.
  5. A súa composición e o seu funcionamento determinaranse por vía regulamentaria. Na súa composición deberase garantir a presenza de representantes das consellarías con competencias en materia de sanidade animal, saúde pública e accesibilidade, da Federación Galega de Municipios e Provincias, das asociacións de protección e defensa dos animais inscritas no rexistro regulado no artigo 29, do Consello Galego de Colexios Veterinarios e das entidades de carácter ambiental inscritas no rexistro previsto no Decreto 226/2007, do 22 de novembro, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na designación das persoas que ocupen as vogalías procurarase o respecto do principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na composición do órgano colexiado.

TÍTULO VI
Divulgación, educación e formación en materia de protección animal

Artigo 32. Divulgación, educación e formación

  1. A Administración autonómica está obrigada á divulgación dos contidos desta lei. Para tal efecto, promoverá especialmente campañas periódicas de sensibilización e de promoción sobre a tenza responsable, campañas divulgativas sobre a obriga de identificación animal e a adopción de medidas para evitar a reprodución incontrolada e o abandono dos animais domésticos, así como campañas de fomento das adopcións nos centros de recollida autorizados.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma divulgará o contido desta lei entre o alumnado escolar e a cidadanía e velará pola inclusión de contidos relacionados coa protección animal nos programas educativos que se desenvolvan no seu ámbito territorial.

Así mesmo, promoverá a realización de campañas de formación destinadas ás persoas propietarias e posuidoras de animais, co fin de garantir unha tenza acorde coas súas necesidades etolóxicas e fisiolóxicas e mais de obter unha óptima inserción e convivencia dos animais no medio.

  1. As asociacións de protección e defensa dos animais, especialmente as declaradas entidades colaboradoras, cooperarán coas administracións públicas de Galicia na observancia e difusión do establecido nesta lei.

Artigo 33. Asesoramento e colaboración coa Administración local

A Administración xeral da Comunidade Autónoma prestará asesoramento e colaboración técnica para a axeitada execución polas administracións locais das actuacións de divulgación e formación en materia de protección dos animais.

TÍTULO VII
Inspección, control e vixilancia

Artigo 34. Disposicións xerais

  1. A inspección, o control e a vixilancia superior do cumprimento do establecido nesta lei, así como das súas normas de desenvolvemento, corresponden á Administración xeral da Comunidade Autónoma, a través da consellaría competente en materia de protección animal, sen prexuízo das competencias específicas en materia de sanidade animal atribuídas á consellaría correspondente e das atribuíbles aos concellos dentro do seu ámbito territorial.
  2. Os concellos están obrigados a realizar os labores necesarios de inspección, control e vixilancia do cumprimento do disposto nesta lei dentro do seu ámbito territorial e segundo a súa normativa reguladora.
  3. O servizo de inscrición no rexistro, vixilancia e inspección poderá ser obxecto dunha taxa fiscal.
  4. Os servizos veterinarios oficiais da Administración xeral da Comunidade Autónoma serán competentes na comprobación do cumprimento dos requisitos en materia de sanidade e protección animal, saúde pública e ambiente establecidos nesta lei e na demais normativa aplicable nestas materias.

Artigo 35. Inspeccións

  1. O persoal funcionario debidamente acreditado para realizar funcións inspectoras pola consellaría competente en materia de protección animal ten carácter de axente da autoridade. As actas que formalice este persoal funcionario, nas que, observándose os requisitos legais correspondentes, se recollan feitos constatados por eles, farán proba destes, salvo que se acredite o contrario. Da devandita acta asinada polo axente da autoridade entregarase copia á parte interesada.
  2. O persoal indicado no punto anterior está facultado para realizar no curso da inspección exames, controis, toma de mostras e recollida de información, así como para acceder aos lugares, aos espazos e ás instalacións onde se encontren os animais ou se desenvolvan as actividades mencionadas nesta lei, logo da identificación e sen necesidade de aviso previo.
  3. Para os efectos da realización das inspeccións que se mencionan no punto anterior, facilitaráselles aos inspectores provistos da correspondente credencial o acceso a todos os establecementos e dependencias relacionados coas actividades reguladas nesta lei, así como a información e as axudas precisas para o desempeño das súas funcións.
  4. No caso de que sexa necesaria a entrada aos domicilios e aos restantes lugares cuxo acceso requira o consentimento da persoa titular, deberase obter este ou, no seu defecto, a oportuna autorización xudicial.

TÍTULO VIII
Potestade sancionadora

CAPÍTULO I
Infraccións administrativas

Artigo 36. Réxime sancionador

  1. Constitúen infracción administrativa as accións e omisións tipificadas na presente lei, que serán sancionadas de acordo co disposto neste título.
  2. Consonte o artigo 27.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as disposicións regulamentarias de desenvolvemento poderán introducir especificacións ou graduacións ao cadro de infraccións ou sancións establecidas nesta lei que, sen constituír novas infraccións ou sancións, nin alterar a natureza ou os límites das que esta lei recolle, contribúan á máis correcta identificación das condutas ou á máis precisa determinación das sancións correspondentes.
  3. O anterior enténdese sen prexuízo da competencia sancionadora local dentro dos límites impostos polo necesario respecto ao principio de legalidade.
  4. Non se sancionarán os feitos que xa fosen sancionados penal ou administrativamente, nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.
  5. As infraccións á presente lei clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 37. Responsabilidade administrativa

  1. Serán responsables das infraccións tipificadas nesta lei as persoas físicas e xurídicas que, por acción ou omisión, realicen as actuacións tipificadas como infracción administrativa nela a título de dolo ou culpa.
  2. Cando o cumprimento das obrigas a que se refire esta lei corresponda a varias persoas conxuntamente, así como cando non sexa posible determinar o grao de participación das distintas persoas físicas ou xurídicas que interviñesen na comisión da infracción, a responsabilidade será solidaria. Non obstante, cando a sanción sexa pecuniaria e resulte posible individualizarase na resolución en función do grao de participación de cada responsable.
  3. Das sancións pecuniarias impostas a persoas xurídicas serán responsables subsidiariamente os administradores ou as administradoras que non realizasen os actos necesarios que fosen da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, consentisen o incumprimento por quen deles depende ou adoptasen acordos que fixesen posible a comisión de tales infraccións. Así mesmo, serán responsables subsidiarias das sancións impostas ás persoas xurídicas que cesasen nas súas actividades aquelas persoas que ocupasen cargos de administrador ou administradora no momento de se cometer a infracción.
  4. A responsabilidade administrativa será exixible sen prexuízo da que poida corresponder no ámbito civil ou penal.
  5. No caso de realización de pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade prohibida, serán responsables da comisión da infracción administrativa as persoas organizadoras, as persoas que cedesen por calquera título terreos, locais ou animais para o desenvolvemento do espectáculo, así como as persoas participantes nel.

Artigo 38. Infraccións leves

Teñen a consideración de infraccións administrativas leves as seguintes:

  1. a) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de dezaseis anos ou a persoas incapacitadas sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.
  2. b) O regalo de animais de compañía como recompensa ou premio en eventos ou atraccións públicas.
  3. c) A exhibición dos animais de compañía destinados á venda en escaparates ou zonas expostas á vía pública ou a modo de reclamo comercial.
  4. d) Non manter os animais en condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e/ou non someter os animais aos recoñecementos veterinarios precisos.
  5. e) Manter os animais en instalacións que non reúnan os requisitos previstos no artigo 9.e).
  6. f) Non facilitar aos animais a alimentación e bebida abondas e axeitadas ás súas necesidades, agás por prescrición veterinaria, salvo que o prexuízo para o animal sexa grave ou moi grave. De se producir un dano para o animal grave ou moi grave, esta conduta cualificarase como un suposto de maltrato tipificado nos artigos 39.a) ou 40.a), segundo as consecuencias que diso deriven.
  7. g) Exercer a venda de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados.
  8. h) Transportar animais en condicións inaxeitadas ou en maleteiros que non estean especialmente adaptados, incumprindo as obrigas previstas no artigo 11 desta lei, sempre que os animais non sufran danos. De se producir danos no animal, esta infracción cualificarase como infracción grave tipificada no artigo 39.j).
  9. i) A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública.
  10. j) Alimentar os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás situacións que poidan comprometer o benestar dos animais.
  11. k) Non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente ás vías ou aos espazos públicos ou privados, así como non impedir o libre acceso do animal a outros animais ou o contacto sen permiso con persoas ou cousas, e así mesmo non impedir a entrada do animal en recintos ou lugares non autorizados.
  12. l) Manter no mesmo recinto ou en vivenda privada máis de cinco animais, incumprindo os requisitos do artigo 21.2.
  13. m) Non manter actualizados os datos comunicados aos rexistros obrigatorios previstos nesta lei.
  14. n) Non contar coa formación necesaria para o manexo e a atención dos animais aloxados nos centros de cría, venda e importación de animais.

ñ) Calquera outra actuación que supoña un incumprimento das obrigas establecidas nesta lei ou vulneración das prohibicións previstas nela e que non estea tipificada como infracción grave ou moi grave.

Artigo 39. Infraccións graves

Teñen a consideración de infraccións administrativas graves as seguintes:

  1. a) O maltrato aos animais que lles cause dor, sufrimento, lesións ou danos non invalidantes nin irreversibles.
  2. b) Non proporcionar aos animais os tratamentos necesarios para evitar o seu sufrimento.
  3. c) A non identificación dos animais, cando esta sexa obrigatoria conforme o previsto nesta lei.
  4. d) A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou empecer a mobilidade dos animais, lles produza dor, danos, sufrimento, menoscabo ou estrés innecesario, en especial os que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria, ou manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día, e o emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas.
  5. e) Levar animais atados a vehículos a motor en marcha.
  6. f) Non adoptar as medidas necesarias para evitar a reprodución incontrolada dos animais, consonte o previsto no artigo 21 desta lei.
  7. g) O abandono dos animais de compañía, nos termos previstos no artigo 4.7 desta lei.
  8. h) A venda reiterada de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados. Enténdese por venda reiterada o feito dunha persoa ter sido denunciada pola comisión desta infracción ata en dúas ocasións no prazo dun ano.
  9. i) A venda de animais silvestres mantidos en catividade fóra dos establecementos autorizados.
  10. j) O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 10 para os establecementos e no artigo 14 para os eventos con animais de compañía, excepto o establecido como infracción moi grave no artigo 40.c) seguinte, e o transporte inaxeitado de animais de compañía incumprindo as obrigas previstas no artigo 11 desta lei, sempre que os animais sufran danos.
  11. k) A utilización dos animais en traballos que os inmobilicen causándolles dor.
  12. l) A venda de animais enfermos ou con defectos coñecidos pola parte vendedora, agás o disposto no artigo 40.d).
  13. m) A cría con fins comerciais ou a comercialización de animais sen cumprir os requisitos previstos no artigo 13 desta lei.
  14. n) A recollida de animais vagabundos ou extraviados sen a correspondente autorización, agás os supostos previstos no artigo 22.6.

ñ) A cesión en adopción de animais abandonados sen cumprir os requisitos establecidos nesta lei.

  1. o) Ser titular dun establecemento dos previstos no artigo 10 sen posuír as autorizacións administrativas previstas nel.
  2. p) Non ter subscrito o seguro de responsabilidade civil no suposto previsto no artigo 17 desta lei.
  3. q) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou a facilitar a información requirida polas autoridades competentes, ou os seus axentes, co fin de cumprir as funcións establecidas nesta lei, así como a subministración intencionada de información inexacta ou de documentación falsa.
  4. r) Empregar animais para desempeñar traballos contravindo o establecido no artigo 9.f), utilizalos como reclamo na mendicidade ou en calquera outra actividade ambulante, ou o seu uso en atraccións feirais e outras asimilables, agás autorización da autoridade competente.
  5. s) A comisión dunha infracción administrativa leve cando no prazo dun ano o suxeito fose sancionado por unha ou máis infraccións leves e a resolución ou as resolucións sancionadoras resultasen firmes na vía administrativa.

Artigo 40. Infraccións moi graves

Teñen a consideración de infraccións moi graves as seguintes:

  1. a) O maltrato aos animais que lles cause a morte ou lles provoque lesións ou danos invalidantes ou irreversibles.
  2. b) A manipulación da identificación dos animais de compañía en todos os supostos.
  3. c) A organización e realización de pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leve consigo malos tratos, crueldade ou sufrimento.
  4. d) A venda de animais con doenza infecto-contaxiosa coñecida pola parte vendedora.
  5. e) A mutilación dos animais sen prescrición e control veterinario e mais a esterilización e intervención cirúrxica de animais non efectuadas por unha ou un profesional veterinario.
  6. f) A subministración de estimulantes non autorizados ou de substancias que poidan atentar contra a saúde dos animais de compañía, agás prescrición veterinaria.
  7. g) A contravención da orde de inmobilización dos animais acordada polas autoridades competentes.
  8. h) A obstaculización do cumprimento das medidas provisionais.
  9. i) Educar os animais de forma agresiva, estresante ou violenta, así como instigalos ou preparalos para pelexas ou ataques nos termos sinalados no artigo 9.p) desta lei.
  10. j) Non tomar as medidas necesarias para evitar que os animais causen danos á saúde pública ou animal ou á seguridade pública.
  11. k) Disparar intencionadamente contra os animais, agás nos supostos establecidos no artigo 15.
  12. l) A práctica da eutanasia dos animais vulnerando o disposto no artigo 15 desta lei.
  13. m) O emprego e a tenza de animais de especies silvestres nos circos.
  14. n) A comisión dunha infracción administrativa grave cando no prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado pola comisión dunha ou varias infraccións graves e a resolución ou as resolucións sancionadoras resultasen firmes na vía administrativa.

CAPÍTULO II
Sancións

Artigo 41. Sancións pecuniarias

  1. As infraccións administrativas tipificadas no capítulo anterior serán obxecto das seguintes sancións:
  2. a) As infraccións leves, apercibimento ou sanción económica de 100 a 500 euros.
  3. b) As graves, con multas de 501 a 5.000 euros.
  4. c) As moi graves, con multas de 5.001 a 30.000 euros.
  5. Cando, como consecuencia da comisión da infracción, a persoa infractora obteña un beneficio cuantificable, poderá superarse o límite superior das multas previstas no punto anterior ata acadar a contía do beneficio obtido.
  6. Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia pola comisión das infraccións tipificadas nesta lei deberanse destinar a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección dos animais.
  7. A corrección da situación creada pola comisión dunha infracción grave ou moi grave efectuada en calquera momento anterior á finalización do procedemento administrativo sancionador determinará a aplicación da sanción no grao medio da escala correspondente ás infraccións de gravidade inmediatamente inferior.

Artigo 42. Sancións accesorias

O órgano competente para resolver poderá impoñer, ademais das multas indicadas no artigo anterior, as sancións accesorias seguintes:

  1. O comiso dos animais, no caso da comisión de infraccións graves e moi graves.
  2. O pechamento dos establecementos previstos no artigo 10 desta lei para a realización da mesma actividade no exercicio da cal se cometeu a infracción que se sanciona. Este pechamento terá un período de duración de entre un a cinco anos para as infraccións graves e de cinco ata dez anos, ou o pechamento definitivo, para as infraccións moi graves.
  3. A prohibición temporal do exercicio dalgunha das actividades reguladas por esta lei no exercicio da cal se cometeu a infracción, por un período de entre un e cinco anos para as infraccións graves e de cinco a dez anos, ou a prohibición definitiva, para as infraccións moi graves.
  4. A prohibición para a tenza de animais de compañía por un período de entre un e cinco anos para as infraccións graves e de cinco ata dez anos para as moi graves.
  5. A perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas en materia de protección animal por un período de entre un e cinco anos para as infraccións graves e de cinco ata dez anos, ou definitivamente, para as infraccións moi graves.
  6. A retirada do recoñecemento de entidade colaboradora, pola comisión de infraccións graves ou moi graves.
  7. A baixa nos rexistros previstos no articulado desta lei.
  8. A revogación ou a retirada das licenzas, acreditacións ou autorizacións outorgadas ao abeiro desta lei, pola comisión de infraccións graves ou moi graves.

Artigo 43. Graduación das sancións

  1. A imposición das sancións previstas nesta lei graduarase de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, tendo en conta ademais os seguintes criterios:
  2. a) A transcendencia social ou sanitaria e a natureza do prexuízo causado pola infracción.
  3. b) O ánimo de lucro e a contía do beneficio económico obtido na comisión da infracción.
  4. c) O asañamento ou o grao de crueldade na comisión da infracción.
  5. d) A reincidencia, pola comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme na vía administrativa. Se concorre a reincidencia, a sanción pecuniaria que se debe impoñer incrementarase nun cincuenta por cento da contía máxima prevista da escala correspondente ao tipo infractor.
  6. e) A intencionalidade.
  7. f) A realización de actos para ocultar o seu descubrimento.
  8. g) A agrupación e organización para a comisión da infracción.
  9. h) O número de animais afectados.
  10. As infraccións administrativas cometidas por persoas que, polo seu cargo ou función, están obrigadas a facerlles cumprir aos demais os preceptos desta lei serán sancionadas, sen prexuízo das demais responsabilidades que poidan concorrer, con multa da contía máxima da escala do artigo 41.1 correspondente ao tipo de infracción de que se trate.
  11. No suposto de que uns mesmos feitos sexan constitutivos de dúas ou máis infraccións administrativas das previstas nesta lei impoñerase a sanción correspondente á infracción de maior gravidade, que se graduará atendendo a cualificación e o número de infraccións concorrentes.
  12. As sancións que se impoñan aos distintos responsables dunha mesma infracción terán entre si carácter independente.

CAPÍTULO III
Medidas provisionais

Artigo 44. Medidas provisionais

  1. Previamente á incoación dun procedemento administrativo sancionador ou ben durante a súa tramitación, o órgano competente poderá acordar motivadamente as medidas provisionais que estime necesarias para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, de conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  2. As medidas provisionais poderán consistir en:
  3. a) O comiso ou a retirada dos animais obxecto de protección, sempre que existan indicios de infracción das disposicións desta lei que así o aconsellen.
  4. b) A clausura ou o pechamento de establecementos e instalacións, así como a suspensión ou paralización de actividades que non conten coas preceptivas autorizacións ou rexistros, ata que non sexan reparados os defectos observados ou se cumpran os requisitos exixidos polas razóns de protección e benestar animal.
  5. c) A revogación de licenzas e autorizacións.
  6. d) A confiscación dos elementos e efectos empregados para a comisión da presunta infracción.
  7. As medidas provisionais adoptaranse tendo en conta o principio de proporcionalidade e os obxectivos que se pretenden garantir coa súa adopción.
  8. As medidas adoptadas con anterioridade ao inicio do procedemento deberán ser confirmadas, modificadas ou recollidas no acordo do inicio do procedemento sancionador, que se ditará dentro dos quince días seguintes á adopción das medidas provisionais. Estas medidas quedarán sen efecto de non se iniciar o procedemento no devandito prazo ou de o acordo de iniciación non conter un pronunciamento expreso sobre elas.
  9. As medidas provisionais manteranse mentres persistan as causas que motivaron a súa adopción. En todo caso, extinguiranse cando cause efectos a resolución administrativa que poña fin ao procedemento correspondente.
  10. Se o depósito prolongado dos animais procedentes de retiradas cautelares pode ser perigoso para a súa supervivencia ou comportarlles sufrimentos innecesarios, a consellaría ou o concello competente poderá decidir sobre o destino deles antes da resolución do correspondente procedemento sancionador, que será prioritariamente a adopción ou a acollida no caso dos cans e gatos.

Artigo 45. Reposición da situación alterada e reparación dos gastos e dos danos e perdas

As sancións que se poidan impoñer á persoa infractora son compatibles coa exixencia da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados que se determine na resolución sancionadora. Neste sentido, a persoa infractora deberá aboar a totalidade dos gastos derivados da comisión da infracción e, en especial, os xerados pola recollida, o mantemento e os tratamentos sanitarios dos animais.

CAPÍTULO IV
Procedemento sancionador

Artigo 46. Competencia sancionadora

  1. O procedemento sancionador previsto nesta lei tramitarase de conformidade coa lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas.
  2. Corresponde aos concellos a incoación e tramitación dos procedementos incoados pola comisión de infraccións tipificadas como leves nas alíneas c), i) e j) do artigo 38 desta lei.
  3. Corresponde á consellaría competente en materia de protección animal a incoación e tramitación dos expedientes sancionadores no caso das restantes infraccións cualificadas como leves e polas infraccións cualificadas como graves e moi graves. A incoación e a instrución destes expedientes sancionadores corresponden ás xefaturas territoriais previstas no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, da consellaría competente en materia de protección animal.
  4. A resolución do procedemento sancionador corresponderá:
  5. a) Á persoa titular da alcaldía do concello nos procedementos incoados pola comisión de infraccións leves tipificadas nas alíneas c), i) e j) do artigo 38 desta lei, e ás persoas titulares das xefaturas territoriais previstas no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, da consellaría competente en materia de protección animal nos demais supostos de infraccións leves, agás as previstas na alínea b) seguinte.
  6. b) Á persoa titular da dirección xeral competente en materia de protección animal nos procedementos incoados pola comisión de infraccións administrativas cualificadas como graves, así como para todas as infraccións leves e graves cometidas polos concellos.
  7. c) Á persoa titular da consellaría competente en materia de protección animal nos procedementos incoados pola comisión de infraccións cualificadas como moi graves.

Artigo 47. Prescrición das infraccións e sancións

  1. As infraccións administrativas leves prescribirán no prazo dun ano, as infraccións graves no prazo de dous anos e as moi graves no prazo de tres anos.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que rematase a conduta infractora.

  1. As sancións administrativas impostas por infraccións leves prescribirán aos dous anos, por infraccións graves aos tres anos e por infraccións moi graves aos catro anos, contados desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para presentar recurso contra ela. No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.

Artigo 48. Caducidade do procedemento sancionador

  1. Nos procedementos sancionadores instruídos en aplicación desta lei deberá ditarse e notificarse a oportuna resolución no prazo máximo dun ano, contado a partir do momento en que se acordou a súa iniciación.
  2. A falta de notificación da resolución á persoa interesada no devandito prazo determinará a caducidade do procedemento, agás nos supostos en que o procedemento se paralizase por causas imputables ás persoas interesadas ou se acordase a súa suspensión nos casos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o que interromperá o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.
  3. Ao se iniciar un procedemento sancionador, de os feitos poderen ser presuntamente constitutivos de delito ou falta, poñerase en coñecemento do Ministerio Fiscal, con remisión do actuado. En aplicación do principio de non bis in idem, a instrución de causa penal perante os tribunais de xustiza suspenderá a tramitación do expediente administrativo sancionador que fose incoado polos mesmos feitos.

Artigo 49. Publicidade das sancións

  1. O órgano competente para resolver o procedemento sancionador poderá acordar por razón de exemplaridade que se dea publicidade ás sancións impostas pola comisión de infraccións graves ou moi graves, cando a especial transcendencia social, sanitaria ou a natureza do prexuízo causado, o asañamento ou grao de crueldade ou o número de animais afectados motiven a adopción de tal medida. A publicidade destas sancións requirirá que as devanditas sancións adquiran firmeza na vía xudicial.
  2. A publicidade das sancións efectuarase no Diario Oficial de Galicia, facéndose indicación expresa na publicación das persoas físicas ou xurídicas responsables e das infraccións cometidas.

Disposición adicional primeira. Prazos de resolución dos procedementos de outorgamento de autorización dos establecementos previstos no artigo 10

A resolución expresa dos procedementos administrativos relativos á solicitude de outorgamento das autorizacións dos establecementos do artigo 10 deberá ser notificada no prazo máximo de seis meses desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro.

Disposición adicional segunda. Efecto desestimatorio do silencio

Nos procedementos administrativos relativos ás solicitudes que se indican a seguir, logo de vencer o prazo establecido sen se ter notificado resolución expresa, as persoas interesadas poden entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo:

– Nas solicitudes de autorización dos establecementos do artigo 10 desta lei.

– Nas solicitudes para a declaración como entidade colaboradora da Administración das asociacións de protección e defensa dos animais.

Disposición adicional terceira. Actualización do importe de multas pecuniarias

Mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia poderase proceder á actualización dos importes das sancións recollidas no artigo 41.1 desta lei.

Disposición adicional cuarta. Réxime sancionador

  1. As infraccións administrativas en materia de animais potencialmente perigosos sancionaranse de conformidade coa Lei 50/1999, do 23 de decembro, coa excepción das infraccións en materia de identificación destes animais, que se sancionarán de acordo con esta lei.
  2. As infraccións administrativas en materia de parques zoolóxicos sancionaranse de conformidade coa Lei 31/2003, do 27 de outubro, de conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos.

Disposición transitoria primeira. Rexistros

  1. O Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia creado mediante o Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, pasará a denominarse Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz). O dito rexistro continuará a rexerse polo disposto no Decreto 153/1998, do 2 de abril, en todo o que non se opoña a esta lei, ata que entre en vigor o desenvolvemento regulamentario desta.
  2. O Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade pasará a denominarse Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía. O dito rexistro continuará a rexerse polo disposto no Decreto 153/1998, do 2 de abril, en todo o que non se opoña a esta lei, ata que entre en vigor o desenvolvemento regulamentario desta.
  3. O Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos regulado no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos, pasará a denominarse Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac). O dito rexistro continuará a rexerse polo disposto no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, en todo o que non se opoña a esta lei, ata que entre en vigor o desenvolvemento regulamentario desta.

Disposición transitoria segunda. Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade

O Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade creado polo Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, continuará a funcionar coa mesma composición, funcións e réxime de funcionamento previsto no dito decreto ata a publicación do desenvolvemento regulamentario do Comité Consultivo para a Protección Animal previsto no artigo 31, momento no que aquel consello quedará suprimido.

Disposición transitoria terceira. Establecementos de animais de compañía, adopción de animais abandonados, acollemento temporal e colonias felinas

Os establecementos de animais de compañía obxecto de regulación deberanse adaptar aos requisitos previstos nesta lei no prazo máximo de dezaoito meses a partir da súa entrada en vigor.

Os novos requisitos e as medidas establecidas nesta norma para a entrega en adopción dos animais abandonados, o acollemento temporal deles e a creación de colonias felinas deberanse adoptar no prazo máximo de dezaoito meses a partir da súa entrada en vigor.

Disposición transitoria cuarta. Procedementos administrativos en tramitación

  1. Aos procedementos sancionadores que se encontren en tramitación á entrada en vigor desta lei seranlles aplicables as disposicións sancionadoras vixentes no momento de se produciren os feitos que constitúan infracción administrativa. As disposicións sancionadoras producirán efecto retroactivo en canto favorezan a persoa presuntamente infractora ou infractora, tanto no referido á tipificación da infracción coma á sanción e aos seus prazos de prescrición, incluso respecto das sancións pendentes de cumprimento á entrada en vigor desta lei.
  2. O resto de procedementos administrativos en tramitación á entrada en vigor desta lei tramitaranse pola normativa vixente baixo a que iniciaron a súa tramitación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Queda derrogada a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto nesta lei.
  2. O Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, permanecerá vixente no que non se opoña a esta lei, en tanto en canto non se aprobe a súa normativa de desenvolvemento.
  3. O Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos permanecerá vixente no que non se opoña a esta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei no prazo máximo de doce meses desde a súa entrada en vigor. O anterior enténdese sen prexuízo do desenvolvemento normativo que corresponda aos concellos no ámbito das súas competencias.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de outubro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *