Sancións en materias do medio rural
DECRETO 164/2016, do 24 de novembro, polo que se modifica o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.
[sc name=”Infracciones y Sanciones en la Administración Local” ]
O día 22 de xaneiro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.
Un dos obxectivos deste decreto era regular algún aspecto do procedemento para a imposición de sancións nas materias propias do medio rural.
A elaboración e entrada en vigor de novas disposicións legais que afectan o procedemento sancionador determina a necesidade de modificar este decreto. En concreto, o día 2 de outubro de 2015 publicáronse no Boletín Oficial del Estado a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Entre as principais novidades da Lei 39/2015, do 1 de outubro, destaca que o anterior procedemento especial sobre potestade sancionadora agora se integrou como especialidade do procedemento administrativo común. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, derroga, así mesmo, o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora. Desta derrogación deriva unha serie de consecuencias, entre elas a que motiva esta modificación normativa.
O Real decreto 1398/1993, do 4 agosto, en relación cos procedementos sancionadores prevé, no seu artigo 20.6, que se non se ditase resolución transcorridos seis meses desde a iniciación, tendo en conta as posibles interrupcións do seu cómputo por causas imputables aos interesados ou pola suspensión do procedemento a que se refiren os artigos 5 e 7, se iniciará o cómputo do prazo de caducidade establecido no artigo 43.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A Lei 39/2015, do 1 de outubro, non regula un prazo supletorio de duración do procedemento sancionador na falta de previsión na norma específica que regule o concreto procedemento. Isto determina que, na falta de tal previsión, o prazo supletorio de duración do procedemento que se debe aplicar é o xenérico de 3 meses que prevé a propia Lei 39/2015, do 1 de outubro, no seu artigo 21.3, prazo este a todas luces insuficiente para permitir a tramitación dun procedemento sancionador con todas as garantías para o/a administrado/a que exixe a lei citada.
En consecuencia, nas materias que afectan o medio rural cuxa lexislación procedemental específica non prevexa un prazo concreto de duración do procedemento rexerá o prazo que se regula neste decreto. Neste sentido, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, habilita tal regulación ao establecer, no seu artigo 21.2, que o prazo máximo en que debe notificarse a resolución expresa será o fixado na norma reguladora do correspondente procedemento.
Por outra banda, o artigo 6 do Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, regulaba tamén os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de conservación da natureza. Porén, como consecuencia da estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, contida no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, e do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se regula a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, as competencias nesta materia foron atribuídas á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, polo que cómpre suprimir esta previsión da regulación contida neste decreto que regula unicamente as materias competencia da Consellería do Medio Rural.
A competencia de que dispón a Administración das comunidades autónomas para establecer os seus propios procedementos para o exercicio da potestade sancionadora deriva do artigo 149.3 da Constitución española, en relación co artigo 27.5 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural
O Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural, queda redactado da seguinte forma:
Un. O artigo 1 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 1. Obxecto
O obxecto deste decreto é:
- a) Regular os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de agricultura e gandaría.
- b) Establecer o procedemento sancionador aplicable en materias do medio rural.
- c) Establecer as competencias das xefaturas territoriais para a incoación de procedementos sancionadores».
Dous. Suprímese o artigo 6.
Tres. O artigo 10 queda redactado como segue:
«Artigo 10. Procedemento sancionador
- a) Os procedementos sancionadores en materias do medio rural, xa sexan por infraccións leves, menos graves, graves ou moi graves, tramitaranse conforme a normativa estatal reguladora do procedemento administrativo sancionador, sen prexuízo do cumprimento das peculiaridades procedementais reguladas por cada norma sancionadora substantiva.
- b) O prazo máximo en que debe notificarse a resolución expresa nos procedementos sancionadores nas materias propias do medio rural reguladas neste decreto será de 6 meses contados desde a data do acordo de inicio, en todas aquelas materias en que a normativa reguladora do procedemento non estableza un prazo específico diferente».
Disposición transitoria única. Órganos sancionadores en materia de conservación da natureza
As disposicións contidas no Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, en materia de conservación da natureza, seguirán sendo de aplicación ata a entrada en vigor da regulación correspondente nesta materia.
Disposición derradeira única
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo Presidente
Ángeles Vázquez Mejuto Conselleira do Medio Rural
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!