Seguridade da información e goberno electrónico da Administración de Galicia

DECRETO 169/2016, do 24 de novembro, polo que se modifica o Decreto 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e se regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.[sc name=”Seguridad Pública” ]

 

A través do Decreto 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, definiuse o órgano colexiado con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mediante a creación da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico. Ademais, estableceuse a súa estrutura e funcións, como órgano colexiado de carácter transversal, para a coordinación, asesoramento, impulso e promoción das actuacións en materia de seguridade da información, administración electrónica, acceso á información pública e participación cidadá, así como para o seguimento da aplicación efectiva das medidas aprobadas neste ámbito de actuación.

A creación tanto deste órgano, adscrito á entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, como das súas subcomisións de apoio, contando un e outras coa participación na súa composición de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, supuxo o establecemento dunha garantía de integración do principio de transversalidade nas actuacións que se poidan levar a cabo no ámbito das súas competencias.

No período transcorrido desde a constitución da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico e a Subcomisión de Seguridade, púxose de manifesto a idoneidade de que as responsabilidades e funcións en materia de seguridade da información e, en especial, as requiridas para dar cumprimento ao establecido no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, na normativa en materia de protección de datos e demais normativa de aplicación en materia de seguridade da información, non sexan exercidas exclusivamente por persoas físicas, senón que se permita o seu exercicio por órganos colexiados, garantindo a implicación dos diversos órganos de dirección das diferentes consellerías e a continuidade no exercicio das funcións en materia de seguridade da información sen que se vexa condicionada pola permanencia na organización dunha persoa determinada.

En relación coas funcións da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, suprímense as referencias á «revisión», considerando que é un termo pouco axeitado tanto cando nos referimos ás propostas de actuación e coordinación determinadas polas subcomisións como cando o facemos ao seguimento dos obxectivos estratéxicos en materia de seguridade da información.

Por último, efectúanse melloras puntuais no texto que o fan máis claro e rigoroso.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O Decreto 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia modifícase nos seguintes termos:

Un. O artigo 5 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 5. Funcións da Comisión

Corresponde á Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico o exercicio das seguintes funcións no ámbito da seguridade da información, administración electrónica, interoperabilidade, presenza na web e goberno aberto:

  1. a) Promover e velar polo cumprimento dos plans de implantación das actuacións da administración e goberno electrónicos, do desenvolvemento do marco de interoperabilidade e cooperación administrativa.
  2. b) Promover e velar polo desenvolvemento das actuacións en materia de reutilización da información da Administración pública, presenza na internet e outras canles, transparencia e participación da cidadanía.
  3. c) Aprobar as propostas de actuación e coordinación determinadas polas subcomisións nos seus ámbitos de actuación.
  4. d) Aprobar e facer o seguimento dos obxectivos estratéxicos en materia de seguridade da información.
  5. e) Propoñer para a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia a política de seguridade da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevista no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, así como a súa revisión periódica.
  6. f) Aprobar e velar polo cumprimento doutras políticas e plans de acción en materia de seguridade da información da Administración xeral e do sector público de Galicia.
  7. g) Velar pola dispoñibilidade dos recursos necesarios para desenvolver os obxectivos estratéxicos en materia de seguridade da información e goberno electrónico.
  8. h) Promover o desenvolvemento normativo e as actuacións de difusión precisas para a implantación das actuacións en materia de seguridade da información e goberno electrónico.
  9. i) Promover o intercambio de información e a transferencia de coñecemento entre as consellerías da Administración xeral e as entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia.
  10. j) Aprobar as condicións que deben reunir as persoas ou órganos colexiados que desempeñen os roles a que se lles asignen responsabilidades e funcións en materia de seguridade da información e, en especial, os requiridos para dar cumprimento ao establecido no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, na normativa en materia de protección de datos e demais normativa de aplicación en materia de seguridade da información.
  11. k) Propoñer cantas medidas se consideren adecuadas para o desenvolvemento das materias recollidas neste artigo e impulsar os servizos ofrecidos a través da rede.
  12. l) Asesorar en materia de seguridade da información e goberno electrónico os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que así llo soliciten.
  13. m) Aprobar os plans de implantación das iniciativas de administración electrónica.
  14. n) Aprobar os plans de actuación en materia de transparencia e participación cidadá.
  15. o) Calquera outra función relacionada co ámbito da súa competencia que non estea atribuída a outro órgano ou que lle sexan asignadas legal ou regulamentariamente, así como as que lle sexan encomendadas por mandato específico».

Dous. A alínea c) do artigo 8.1 queda redactado da seguinte forma:

«c) Unha persoa que exerza o rol de coordinador/a de seguridade da información, de conformidade co artigo 5.j), pola Presidencia da Xunta de Galicia, por cada unha das consellerías e pola vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas. Se nalgún destes órganos o rol de coordinador de seguridade da información estiver asignada a un órgano colexiado, deberase propoñer de entre os membros deste unha persoa representante para que forme parte desta subcomisión. Estes membros da subcomisión, así como as súas persoas suplentes, serán nomeados polas persoas titulares da Secretaría Xeral da Presidencia e das respectivas secretarías xerais técnicas».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *