Simplificación administrativa GALICIA
LEI 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
Exposición de motivos
I
A situación da economía galega presentaba no comezo do ano 2020 unha serie de indicadores que facían pensar nun crecemento da riqueza do país sustentable no medio prazo. Porén, a declaración mundial de pandemia pola COVID-19, realizada o 11 de marzo pola OMS, truncou por completo calquera tipo de perspectiva e provocou unha caída do PIB absolutamente imprevisible a comezos do presente exercicio.
Malia que a Xunta de Galicia adoptou medidas no día seguinte da declaración da OMS e que en España o día 14 de marzo se declarou o estado de alarma mediante o Real decreto 463/2020, o crecemento da magnitude do contaxio non foi freado ata o mes de xuño.
Durante eses meses a paralización económica do país provocou un descenso dos parámetros máis significativos de todas as actividades, o que tivo un forte impacto no emprego e nos restantes indicadores que miden a fortaleza dunha economía occidental.
Lamentablemente, as duras medidas adoptadas na primeira onda da pandemia non se traduciron, no comezo do outono, nunha diminución da extensión da enfermidade. Ben ao contrario, estase a vivir unha segunda onda que eleva o número de persoas afectadas por riba do millón, cunha diferente incidencia nos territorios que conforman España e cunha previsión de convivencia co patóxeno a medio e longo prazo e, con ela, unha retardación inevitable da actividade económica.
Aínda que Galicia presenta niveis de contaxio máis baixos que a media española, a situación actual e as futuras derivas da enfermidade fan preciso paliar con todos os instrumentos posibles as consecuencias económicas e sociais da pandemia.
Xa no mes de xuño, o Goberno galego presentou unha serie de medidas, nomeadamente o Plan de reactivación e dinamización da economía, que pode supor un impacto de máis de tres mil millóns de euros de fondos públicos e privados, no que se incorporan accións de carácter fiscal, como unha moratoria no pagamento de impostos de xestión autonómica.
Durante o mes de setembro e comezos de outubro estas medidas iniciais foron acompañadas doutra serie de accións encamiñadas a protexer o emprego, o colectivo de persoas traballadoras autónomas e aqueles sectores que sufriron unha maior perda de actividade desde o comezo da pandemia.
A evolución da Comunidade Autónoma non pode ser observada desde unha perspectiva illada; a economía mundial sufrirá unha caída no ano 2020 do 4,5 % do PIB, segundo as previsións da OCDE (3,5 %, segundo a Comisión Europea en maio). Para o ano 2021, a recuperación económica prevista acada o 5,0 %, segundo a OCDE, e dúas décimas máis segundo a Comisión Europea, aínda que as previsións do FMI presentan valores menos favorables.
A mesma Comisión augura o maior impacto para Italia, Francia e España, con diminucións neste ano 2020 e previsións de incremento para o ano 2021, e valores de incremento para a economía española nos que practicamente coinciden as porcentaxes da Comisión, da OCDE e do FMI.
A situación da economía española, con valores de crecemento equilibrado a comezos deste ano 2020, viuse afectada polas importantes medidas restritivas que se adoptaron en marzo e que provocaron unha caída do PIB do 21,5 % no segundo trimestre do ano. As previsións e os escenarios do Banco de España e da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal certificaron os datos negativos.
Para o ano 2021 todos os indicadores presentan valores de recuperación para España, ben que cunhas porcentaxes inferiores ás diminucións do presente exercicio.
Unha das consecuencias máis directas da diminución da riqueza é o impacto sobre o emprego, que, de novo, presenta valores moi preocupantes, especialmente na mocidade, para o vindeiro ano 2021.
Galicia presenta unha incidencia menor nos valores como consecuencia dun mellor comportamento de resistencia ao virus e unha comparativa favorable cos indicadores medios de España. As magnitudes macro que presenta a Comunidade Autónoma foron expostas recentemente con ocasión da aprobación do teito de gasto, que partiu da constatación do impacto da crise sanitaria na economía galega no ano 2020, cunha caída do 9,7 % do PIB.
Así, no segundo trimestre de 2020, o sector do comercio, o transporte e a hostalaría experimentou unha das maiores caídas, cunha taxa de variación interanual do -38,3 %, e resultou ser unha das actividades que máis emprego perdeu.
Ademais, rexistraron unha forte contracción as actividades profesionais (-23,9 %), a construción (-3,2 %) e a industria (-19,7 %).
Aínda que o ritmo de recuperación da economía galega se verá directamente influído polos altos graos de incerteza sobre a evolución da pandemia, as previsións sinalan unha recuperación parcial no ano 2021, que, non obstante, precisa do acompañamento dunhas medidas específicas de apoio que colaboren á materialización das devanditas previsións e contribúan incluso a melloralas.
II
Nun escenario de incertezas en termos de saúde pública, corresponde aos poderes públicos impulsar aquelas medidas de carácter conxuntural, mais tamén as estruturais, que minimicen a eventual desconfianza do sector privado nunha situación de extrema variabilidade e que permitan que o investimento se desenvolva nun marco de certeza que favoreza a implantación de novas iniciativas e o afianzamento e extensión das xa existentes no tecido produtivo.
Toda crise supón unha oportunidade de mudar políticas públicas que ao longo dos anos teñen manifestado unha inercia de resistencia ao cambio e que nalgúns casos teñen freado o crecemento.
España leva varias décadas lexislando e planificando para tentar conseguir unha Administración áxil que elimine disfuncións, solapamentos e duplicidades na relación coa cidadanía e co mundo das empresas, camiño que tamén teñen percorrido o resto das administracións dos Estados que conforman a Unión Europea.
Ao longo da historia recente das fórmulas para simplificar os procedementos administrativos, téñense dado pasos importantes a nivel europeo, que comezaron no período máis recente co informe Mandelkern e a Comunicación da Comisión Europea do 16 de marzo do 2005 Lexislar mellor para potenciar o crecemento e o emprego na Unión Europea (COM(2005) 97 final), e foron seguidas pola Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, polo Programa de acción para a redución das cargas administrativas na UE no ano 2007 e pola Estratexia Europa 2020.
No ámbito estatal, os tímidos inicios na modificación do procedemento administrativo común mediante a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, foron seguidos polas leis ditadas para traspor a Directiva 2006/123/CE, as denominadas «lei paraugas» (Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio) e «lei ómnibus» (Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio), e logo pola Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, que instauraban a comunicación previa e a declaración responsable. Estes esforzos tiveron continuación coa creación da Comisión de Reforma das Administracións Públicas (CORA) e co Programa Nacional de Reformas, así como coa Lei 12/2012, do 26 de decembro, de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos; a Lei 14/2013, do 27 de setembro, de apoio aos emprendedores e á súa internacionalización; a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, e a Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público.
Malia estes esforzos, a implantación dunha iniciativa empresarial, que supón arriscar un investimento, continúa a ser obxecto dunha regulamentación que provoca que nos informes do Banco Mundial relativos á facilidade para facer negocios e implantar empresas España se sitúe no posto 30º das economías mundiais e nos postos 97º na facilidade para a apertura dun negocio e 79º para a obtención dun permiso de construción. Esta realidade tamén a pon de manifesto o empresariado en España e en Galicia, que ten unha percepción de constantes atrancos ás iniciativas de crear unha empresa.
Nos últimos anos, a Comunidade Autónoma de Galicia ten realizado esforzos que foron plasmados na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e noutras normas de menor rango que axilizaron procesos para a posta en marcha de proxectos, negocios e empresas.
O procedemento administrativo ten por finalidade maximizar o acerto das actuacións administrativas e garantir que se cumpran os criterios de legalidade e seguridade xurídica. Ademais, moitos dos procedementos teñen por obxecto garantir a conservación e mellora de bens xurídicos protexidos polo ordenamento galego, como o valor cultural do patrimonio, o medio ambiente e os valores naturais do territorio, a saúde das persoas ou a calidade das augas, que constitúen límites que non deben superarse.
O equilibrio entre o respecto ao procedemento, os valores que tenta protexer e a necesaria axilidade e simplificación para acadar a maior eficiencia de cara á cidadanía e ás empresas non sempre é doado de obter.
Esta lei pretende conseguir ese equilibrio evitando duplicidades e solapamentos nos procedementos que son concorrentes, diminuíndo os atrasos na emisión dos informes, sempre complexos, que teñen por finalidade protexer un ben público, e axilizando os trámites precisos para o desenvolvemento dunha iniciativa empresarial que tenta crear riqueza e emprego.
Desde esta perspectiva, a norma é absolutamente respectuosa con todos os valores culturais, paisaxísticos, naturais e ambientais, entre outros, que afectan o territorio, de xeito que non se eliminou ningún trámite de información pública, de audiencia ou de informe. A lei pretende dar certezas sobre os informes necesarios para o establecemento dun proxecto ou dunha empresa, sobre os prazos e sobre os órganos intervenientes, mais non desregular os mecanismos de protección.
A estrutura constitucional do Estado español fai preciso que a norma se limite a aqueles aspectos procedementais que son da exclusiva competencia da Comunidade Autónoma, sempre co respecto á lexislación estatal básica, polo que a regulación unicamente incide nos aspectos en que o autogoberno galego é responsable.
A partir desta premisa, a lei pretende instaurar unha nova cultura administrativa, dirixida a simplificar e racionalizar os procedementos.
No mundo económico actual, complexo e globalizado, as iniciativas de emprendemento precisan, máis cada vez, do acompañamento público para se ver materializadas, porque a mentorización se ten instalado no mundo económico, sobre todo nas iniciativas das xeracións máis novas, e a norma non pode ser allea a esta realidade, senón que ten que darlle resposta deseñando un sistema de acompañamento ás novas iniciativas.
A vinculación dos novos instrumentos de recuperación europeos, Next Generation EU, non é allea na redacción deste texto. Os novos mecanismos de recuperación e resiliencia suporán unha oportunidade de financiamento dos proxectos aliñados coas estratexias da Unión e precisan unha execución compasada entre os proxectos e iniciativas e o financiamento, que ten unha duración temporal. A simplificación dos procedementos e a eliminación dos solapamentos cobra, pois, unha especial importancia para realizar un exercicio responsable dos instrumentos de financiamento que permita recuperar unha correcta senda económica e na que terán o seu encaixe principal os proxectos tractores.
III
Esta lei dítase no marco das competencias da Comunidade Autónoma establecidas nos apartados 3, 11, 13 e 18 do artigo 27, apartados 1 e 3 do artigo 28 e as alíneas 1, 2 e 7 do apartado 1 do artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia.
A lei estrutúrase en cinco títulos. No seu título I recolle unha serie de disposicións xerais que se desenvolven ao redor do concepto das iniciativas empresariais, incluíndo neste concepto non só os proxectos de investimento que se materialicen mediante a creación dunha nova empresa, senón tamén as ampliacións, modificacións ou diversificacións das actividades xa existentes, así como a adquisición das unidades produtivas que supoñan a continuación dunha actividade ou do establecemento que pechase ou que pecharía de non ter sido adquirido.
Así, configúrase de modo amplo o obxecto desta lei, que non se limita unicamente á creación de novas empresas, senón que tamén abarca todas as variacións sinaladas respecto de iniciativas xa existentes.
Tamén se configura dentro deste título I unha determinación das distintas áreas de competencias da Administración pública galega que exercen funcións nos ámbitos regulados ao longo do articulado. Inclúe, ademais, unha definición das competencias implicadas dos concellos, que resultan de especial relevancia, sobre todo para os efectos da súa posible adhesión ao Sistema de atención ao investimento, finalidade que se reflicte ao longo do texto, sen prexuízo do respecto á autonomía local.
O título II da lei regula os sistemas de apoio administrativo á implantación de iniciativas empresariais, e divídese en tres capítulos. O capítulo I crea o Sistema de atención ao investimento, como unha figura clave para dar resposta á demanda clásica, da cidadanía en xeral e dos colectivos vinculados á empresa en particular, sobre as dificultades existentes para obter a información e a orientación que precisan para pór en marcha as súas iniciativas empresariais, a través dun servizo de acompañamento e información que lles ofrece a posibilidade de realizar a través del a tramitación administrativa autonómica e mesmo tamén a local, nos supostos de adhesión dos concellos a el.
Como medida de apoio á implantación das iniciativas empresariais destaca neste capítulo I a referencia á creación dunha serie de catálogos, por sectores de actividade, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, que recollerán todos os trámites administrativos exixibles para a implantación das iniciativas empresariais, así como unha serie de formularios e modelos de solicitude e documentación asociados aos devanditos procedementos. Estas figuras, que deberán ser actualizadas permanentemente, supoñen unha gran simplificación de cara ás empresas e, en particular, ás persoas emprendedoras, que poderán consultar os trámites que lles serán exixidos pola Administración autonómica, o que supón facilitar a comprensión, a planificación e a tramitación da parte administrativa.
Tamén se prevé que o Sistema de atención ao investimento permita acceder de forma electrónica a toda a información e documentación indicada, e consultar, unha vez iniciada a tramitación para a implantación dunha iniciativa empresarial, a información relativa aos expedientes, de maneira que as persoas interesadas poidan comprobar en tempo real o estado de tramitación das súas comunicacións e solicitudes, incluída a emisión dos informes que a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia solicitase a outras administracións ou ás diferentes consellarías que a integran.
No capítulo II deste título regúlase a Oficina Doing Business Galicia, unidade especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias, e establécense as súas funcións, que non se limitan á asistencia, senón tamén ao seu impulso e seguimento.
O capítulo III regula un sistema de acompañamento individualizado, a través dunha rede de oficinas de apoio á empresa, que contará coa colaboración das distintas consellarías, para dar resposta e asesorar nos aspectos relativos á implantación de iniciativas empresariais.
O título III regula a simplificación administrativa para a tramitación das iniciativas empresariais.
O capítulo I establece unha serie de medidas xerais de simplificación administrativa, de aplicación a todos os procedementos. As liñas básicas deste capítulo céntranse en varios aspectos clave, de simplificación e simultaneidade dos trámites autonómicos, que permitirán conseguir importantes reducións de tempo de tramitación nos expedientes de implantación das iniciativas empresariais.
Establécese un principio xeral de xestión simultánea de todos os trámites que poidan realizarse deste modo. Así, cando no procedemento de autorización ou declaración dunha iniciativa empresarial sexa preciso solicitar varios informes, o órgano competente para ditar a resolución final solicitará a emisión, de modo simultáneo, de todos os informes que resulten preceptivos.
A lei busca axilizar os procedementos administrativos que supoñen afeccións en función da súa implantación no territorio, polo que establece que os informes sectoriais non poderán ter carácter sucesivo, de xeito que todos os órganos que deben emitir informe estuden o proxecto no mesmo período temporal. Así mesmo, como medida de axilización, prevese que cando un mesmo órgano sectorial autonómico deba emitir informe para varios efectos, dentro do trámite ambiental, trámite urbanístico e trámite da autorización substantiva, emitirá un único informe que abarque os distintos aspectos sobre os cales deba pronunciarse, sempre e cando se analice a documentación exixida a cada caso.
Así mesmo, e con relación aos informes que deban ser solicitados aos órganos da Administración autonómica galega como consecuencia das afeccións sectoriais do proxecto, a lei aborda a problemática derivada do seu tempo de emisión e establece un prazo xeral de tres meses, agás que unha norma legal estableza un prazo inferior. Mais a principal novidade da lei vén ao abordar os problemas derivados daqueles supostos en que se poida producir unha demora na súa emisión e ao establecer que terán a consideración de favorables á implantación da iniciativa, agás que unha norma legal de carácter básico estableza o contrario.
Finalmente, o devandito capítulo I establece outras dúas previsións fundamentais e básicas de cara a conseguir a simplificación e a conseguinte redución dos prazos da tramitación administrativa, que son, por una banda, a posibilidade de regulación regulamentaria da tramitación conxunta de todos os procedementos administrativos autonómicos que poidan ser necesarios para a implantación dunha iniciativa, evitando así que os trámites se dupliquen, e, por outra banda, a posibilidade de conservar os trámites administrativos autonómicos xerados nos sucesivos procedementos relativos a unha mesma iniciativa para o suposto de que os suxeitos promotores non optasen pola devandita tramitación conxunta.
Resulta, así mesmo, de especial relevancia que esta conservación de trámites se manteña tamén para os supostos en que a implantación da iniciativa empresarial requira dun título municipal habilitante.
Deste xeito, a través das previsións contidas neste capítulo, aplicables a todos os procedementos nos que concorran este tipo de trámites, simplificarase a xestión e reducirase notablemente o tempo de resposta da Administración autonómica.
O capítulo II regula a racionalización dos procedementos de avaliación ambiental, mediante a fixación de prazos taxados antes non definidos na normativa e a simultaneidade sempre que sexa posible na tramitación. A lei pretende neste capítulo clarificar os distintos trámites necesarios para a avaliación ambiental, simplificando e reducindo os prazos mediante a simultaneidade, dentro do respecto á premisa fundamental de velar pola necesaria protección ambiental.
Finalmente, o capítulo III deste título establece un procedemento uniforme e simplificado para as autorizacións administrativas para as instalacións eléctricas, un sector moi específico, cunhas peculiaridades na súa tramitación derivadas das posibles afeccións dos proxectos, tendo en conta as súas características e a súa implantación en franxas moi extensas do territorio, polo que resulta oportuno a súa regulación e simplificación nun capítulo independente, e a significación que a produción, a distribución e o transporte de enerxía representan para os restantes sectores produtivos.
Neste capítulo é salientable o obxectivo que pretende acadar esta lei, consistente en vincular dun modo efectivo a xeración eléctrica producida a partir de fontes renovables á industria do noso país, contribuíndo á cohesión social e territorial de Galicia a través da mellora da competitividade do noso tecido industrial; o que favorecerá a localización das empresas máis sensibles ao fenómeno da deslocalización, como son aquelas que pertencen aos sectores que presentan «riscos de fuga de carbono», como é a industria electrointensiva galega.
A transformación do noso modelo industrial abarca moitos campos, mais un deles, que resulta fundamental, é o enerxético, que, debidamente aliñado co resto, permitirá unha descarbonización da nosa economía, unha renovación das estruturas produtivas e unha maior calidade dos empregos xerados.
O título IV, relativo ás medidas urbanísticas e financeiras para a reactivación económica, comeza a súa regulación coa introdución das medidas de simplificación do réxime de obtención da licenza municipal para aqueles supostos en que é necesario este título habilitante. En concreto, facilítase aos concellos a súa tramitación mediante un réxime xeral, o que permite unha maior axilidade na emisión, que se realizará no prazo dun mes. Ademais, establécese un réxime específico para a obtención da licenza urbanística en determinados supostos que afectan de forma especial as iniciativas empresariais, cun prazo de concesión da licenza de quince días naturais, sempre que se cumpran as circunstancias determinadas na disposición, o que permitirá axilizar a súa implantación.
Ademais, aborda outra das grandes problemáticas identificadas á hora de implantar as iniciativas empresariais, a da dificultade de obter o apoio económico necesario. Incorpóranse así unha serie de mecanismos de financiamento para as iniciativas empresariais promovidas polas start-ups, as persoas emprendedoras e outras pequenas empresas, especialmente relevantes tendo en conta as súas especiais dificultades neste eido, así como os mecanismos específicos para os proxectos industriais estratéxicos e as iniciativas empresariais prioritarias.
Finalmente, o capítulo V deste título establece unha serie de instrumentos de gobernanza para a planificación, a xestión e o control dos recursos económicos financiados polo Instrumento Europeo de Recuperación e dos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia que teñan por obxecto o financiamento de iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así, as funcións de planificación e coordinación neste ámbito corresponderán á Comisión Delegada da Xunta para os Fondos de Recuperación, que contará, como órgano de apoio técnico, coa Comisión Técnica de Fondos de Recuperación, sen prexuízo da posibilidade de crear grupos de traballos técnicos sectoriais que elaboren recomendacións nos ámbitos precisos para a execución dos plans e proxectos definidos neste capítulo.
Regúlanse, finalmente, mecanismos de participación coa sociedade e de colaboración coa Fegamp, e mecanismos de control da aplicación dos fondos. Ten unha especial relevancia a creación do grupo de traballo coa Fegamp, tendo en conta a necesidade de simplificar trámites municipais para a implantación de iniciativas empresariais.
A parte final da lei incorpora unha serie de previsións coas que se abordan aspectos puntuais de simplificación ou de apoio ás empresas e aos profesionais; así, prevese o aumento de procesos de acreditación de competencias profesionais ou medidas de fomento das iniciativas empresariais no exterior.
As disposicións derradeiras establecen beneficios fiscais para a implantación de iniciativas empresariais en zonas pouco poboadas; definen o solo empresarial e actualizan os conceptos de proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias; aclaran os supostos de informe de Patrimonio Cultural cando non existan elementos de protección e clarifican o réxime de declaracións ambientais vencelladas ao comercio; introducen cambios na regulación eólica; modifican a Lei de vivenda para dar cobertura a melloras de carácter social, e introducen previsións tamén en materia de salóns recreativos de xogo como consecuencia das medidas sanitarias en canto ao máximo de ocupación.
IV
Esta lei axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia. As medidas previstas nela responden á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, e recóllense na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación, tal como exixe o principio de transparencia.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Obxecto, ámbito de aplicación e principios
Artigo 1. Obxecto
Esta lei ten por obxecto establecer as medidas necesarias para facilitar a reactivación da actividade económica logo da crise xerada polas consecuencias da pandemia da COVID-19, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, desde unha perspectiva de simplificación administrativa que favoreza a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, con plenas garantías da súa sustentabilidade económica, social e ambiental, reducindo as barreiras normativas e administrativas e establecendo unha serie de medidas que modernicen a Administración autonómica, para permitir unha xestión máis áxil e eficiente.
Artigo 2. Finalidade e obxectivos
- As medidas previstas por esta lei teñen como finalidade a recuperación e a mellora dos niveis de actividade económica e de emprego en Galicia previos á situación da pandemia da COVID-19, avanzando no impulso dos sectores produtivos para favorecer a xeración de valor engadido e a culminación dos ciclos produtivos, así como a consolidación do emprego de calidade e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Galicia.
- Con esta finalidade, perséguense os seguintes obxectivos:
- a) Coordinar a actuación dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias relacionadas coa implantación das iniciativas empresariais, entre si e coas entidades locais galegas, dentro do respecto á autonomía local.
- b) Crear un sistema de apoio e acompañamento administrativo á implantación das iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a previsión dos servizos e instrumentos necesarios para tal fin.
- c) Simplificar os trámites administrativos necesarios para a implantación das iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en particular mediante a racionalización dos procedementos administrativos aplicables e a eliminación das cargas administrativas innecesarias ou accesorias vinculadas a eles.
- d) Prever os incentivos fiscais e os instrumentos de financiamento de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para fomentar a implantación das iniciativas empresariais.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
- A presente lei será de aplicación ás iniciativas empresariais que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Para os efectos desta lei, considérase iniciativa empresarial todo tipo de investimento que teña como finalidade desenvolver unha actividade económica, mediante a implantación dun proxecto, a creación dunha nova empresa ou o establecemento ou a ampliación, a modificación ou a diversificación dunha empresa ou dun establecemento existentes.
Tamén terá a consideración de iniciativa empresarial a adquisición por parte dunha persoa investidora non relacionada coa persoa vendedora das unidades produtivas ou dos activos pertencentes a un establecemento que pechase ou que pecharía de non ter sido adquirido, co fin de que continúe a actividade do establecemento ou se inicie unha nova.
- Non obstante o anterior, as previsións sobre a racionalización dos procedementos de avaliación ambiental serán de aplicación a todos os plans, programas ou proxectos cuxa avaliación ambiental sexa de competencia autonómica.
- Sen prexuízo do sinalado no apartado anterior, as previsións do capítulo I do título III desta lei serán tamén de aplicación á tramitación administrativa das actuacións de desenvolvemento de solo empresarial ou residencial.
Artigo 4. Principios
- As medidas previstas por esta lei interpretaranse e aplicaranse de acordo cos seguintes principios:
- a) Liberdade de empresa e de establecemento e prestación de servizos, de acordo co establecido na Constitución española, no dereito comunitario e na normativa estatal aplicable.
- b) Obxectividade, eficacia, eficiencia, responsabilidade e coordinación das actuacións das administracións públicas de Galicia con competencias en materia de implantación das iniciativas empresariais e do seu financiamento.
- c) Planificación estratéxica e xestión por obxectivos, co establecemento de indicadores para tal efecto.
- d) Boa regulación, que inclúe a simplificación da normativa autonómica e municipal que afecte a implantación das iniciativas empresariais e a eliminación das cargas administrativas innecesarias ou accesorias vinculadas a ela.
- e) Desenvolvemento sustentable, entendido como o equilibrio entre a protección do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural e o desenvolvemento económico e social.
- En cumprimento do principio de axilidade, as relacións entre as administracións públicas de Galicia e os órganos, organismos públicos e entidades vinculados ou dependentes delas que deriven da aplicación desta lei serán realizadas por medios electrónicos.
CAPÍTULO II
Competencias administrativas
Artigo 5. O Consello da Xunta de Galicia
- Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia a superior dirección e coordinación das políticas do sector público autonómico dirixidas á recuperación da actividade económica e do emprego en Galicia.
- En particular, o Consello da Xunta de Galicia aprobará os catálogos previstos no capítulo I do título II desta lei e as súas actualizacións e formulará as declaracións de proxectos industriais estratéxicos e de iniciativas empresariais prioritarias, nos termos e cos efectos establecidos na normativa reguladora de tales proxectos e iniciativas.
Artigo 6. A consellaría con competencias en materia de economía e empresa
- Corresponde á consellaría con competencias en materia de economía e empresa, baixo a superior dirección e coordinación do Consello da Xunta de Galicia, deseñar e executar as políticas de recuperación da actividade económica en Galicia, en particular mediante a facilitación da implantación das iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias atribuídas ás demais consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nas materias con incidencia no eido económico, do emprego ou do medio rural.
- Para os efectos previstos no número anterior, a consellaría con competencias en materia de economía e empresa:
- a) Asumirá as funcións de apoio e acompañamento administrativo á implantación das iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante os servizos e instrumentos previstos no título II.
- b) Elevará ao Consello da Xunta de Galicia as propostas motivadas de declaración de proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias, cando proceda segundo o previsto na normativa reguladora de tales proxectos e iniciativas.
- c) Establecerá os instrumentos de coinvestimento público-privado que favorezan o financiamento das iniciativas empresariais levadas a cabo porstart-ups, persoas emprendedoras e outras pequenas empresas, de acordo co previsto no título IV.
- d) Impulsará, en coordinación coa consellaría con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa, as medidas para que o marco regulatorio aplicable á implantación das iniciativas empresariais se axuste ao principio de boa regulación.
Artigo 7. A consellaría con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa
Corresponde á consellaría con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa a asistencia e colaboración coa consellaría con competencias en materia de economía e empresa nas tarefas de planificación dos procesos de revisión periódica do marco regulatorio aplicable á implantación das iniciativas empresariais e, en xeral, á actividade económica, co fin de facer efectivo o principio de boa regulación.
Artigo 8. Outras consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
As consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia distintas das previstas nos artigos 6 e 7, cada unha no seu propio ámbito de competencias, colaborarán na consecución dos obxectivos desta lei, en particular proporcionando á consellaría con competencias en materia de economía e empresa a información e a documentación que precise para o exercicio das funcións que lle atribúe a letra a) do número 2 do artigo 6.
Artigo 9. Os concellos
Corresponde aos concellos galegos, no seu ámbito de competencias propio, contribuír á recuperación da actividade económica e do emprego, entre outras, mediante as seguintes medidas e actuacións no marco do previsto nesta lei:
- a) Participar no apoio e no acompañamento administrativo á implantación das iniciativas empresariais no seu territorio, de ser o caso mediante a adhesión voluntaria aos servizos e instrumentos previstos no título II.
- b) Revisar o marco regulatorio da súa competencia para facer efectivo o principio de boa regulación.
- c) Planificar a oferta de solo empresarial, no exercicio das súas competencias de ordenación urbanística, de modo que se facilite a implantación das iniciativas empresariais no termo municipal.
- d) Prever os incentivos fiscais e os instrumentos de estímulo da súa competencia que favorezan a implantación das iniciativas empresariais no termo municipal.
TÍTULO II
Apoio administrativo á implantación das iniciativas empresariais
CAPÍTULO I
Sistema de atención ao investimento
Artigo 10. Creación do Sistema de atención ao investimento
- Créase o Sistema de atención ao investimento como o sistema de información que ten por finalidade servir de soporte ás empresas e, en particular, ás persoas emprendedoras, no proceso de posta en marcha das súas iniciativas empresariais, así como facilitar a súa implantación.
- O Sistema de atención ao investimento incluirá, entre outros aspectos, a información sobre os posibles apoios en forma de incentivos e de financiamento empresarial e sobre tramitación de documentación e acompañamento.
- O Sistema de atención ao investimento permitirá o acceso á sede electrónica da Xunta de Galicia para a realización de todos os trámites administrativos necesarios para a posta en marcha da iniciativa empresarial que sexan de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e consten nos catálogos aprobados consonte o artigo 14. Tamén se incorporarán a el os trámites da competencia dos concellos que se adhiran ao Sistema.
Artigo 11. Dependencia e xestión do Sistema de atención ao investimento
O Sistema de atención ao investimento dependerá da Oficina Doing Business Galicia, regulada no capítulo II deste título. A súa xestión poderá ser encomendada ás entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes da consellaría con competencias en materia de economía e empresa.
Artigo 12. Adhesión de concellos ao Sistema de atención ao investimento
- Poderán incorporarse ao Sistema de atención ao investimento aqueles concellos coa condición de «concellos emprendedores» mediante a súa adhesión ao protocolo xeral asinado entre a Xunta de Galicia e a Fegamp, ou os instrumentos que o substitúan, que xa teñan adquirida tal condición no momento de entrada en vigor desta lei ou que a adquiran con posterioridade.
- A adhesión ao Sistema de atención ao investimento terá os seguintes efectos:
- a) Suporá a incorporación de todos os trámites, incluídos os de carácter urbanístico de competencia do respectivo concello, nos formularios e modelos normalizados, elaborados para o efecto pola consellaría con competencias en materia de economía e empresa, co obxectivo de axilizar a implantación das novas iniciativas empresariais.
- b) Os suxeitos promotores poderán presentar a través del a documentación dirixida ao concello e recibir as notificacións procedentes da administración municipal.
- c) Suporá a asunción por parte dos concellos dos mesmos compromisos sinalados no artigo 14 para a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
- d) Así mesmo, suporá a asunción do compromiso por parte do respectivo concello da recomendación de establecer bonificacións no imposto sobre construcións, instalacións e obras, así como na taxa pola expedición da licenza urbanística de obra ou pola realización das actividades administrativas de control nos supostos en que a exixencia de licenza fose substituída pola presentación de comunicación, cando sexan exixibles, para os supostos derivados dunha iniciativa empresarial, respectando en todo caso o disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, de refundición da Lei de facendas locais, especialmente o seu artigo 103.
Artigo 13. Áreas de información
- O Sistema de atención ao investimento incluirá información xeral nas seguintes áreas:
- a) O procedemento administrativo substantivo, ambiental e urbanístico necesario para a implantación das instalacións que requira a posta en funcionamento das iniciativas empresariais.
- b) A tramitación administrativa necesaria para a constitución das empresas.
- c) As axudas e os incentivos aplicables para a creación de empresas, así como todos aqueles dos que poidan beneficiarse as persoas promotoras das iniciativas empresariais.
- d) Outros temas de interese para as empresas, como o financiamento, incluído o europeo, a fiscalidade, a internacionalización, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e de innovación e a cooperación empresarial.
- Así mesmo, o Sistema permitirá realizar as seguintes accións:
- a) Presentar de forma electrónica, mediante o acceso ao rexistro electrónico xeral, as solicitudes, a documentación e as comunicacións dirixidas á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e aos concellos adheridos.
- b) Acceder á información relativa aos expedientes, de forma que as persoas interesadas poidan comprobar en tempo real o estado de tramitación das súas comunicacións e solicitudes, incluída a emisión dos informes que a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia solicitasen a outras administracións ou ás diferentes consellarías que a integran.
- c) Consultar o prazo máximo de emisión dos informes e o sentido do silencio administrativo previstos na correspondente norma reguladora.
- d) Consultar as bonificacións das taxas e dos impostos municipais que os concellos adheridos apliquen á implantación das iniciativas empresariais no seu ámbito territorial.
- e) Acceder aos modelos de proposta para a mellora da regulación económica e de comunicación de obstáculos e barreiras á competitividade económica que aprobe a Administración autonómica.
- No momento en que a Administración xeral do Estado faga efectiva a previsión contida na disposición adicional segunda da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, relativa aos trámites que se realicen ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Tesourería Xeral da Seguridade Social, poderá incluírse no Sistema de atención ao investimento a información relativa á devandita tramitación mediante a subscrición do oportuno convenio.
Artigo 14. Recursos dispoñibles
- A través do Sistema de atención ao investimento poderase acceder de forma gratuíta aos seguintes recursos:
- a) Aos catálogos en que se recollan de forma clara e por orde cronolóxica todos os trámites administrativos exixibles e as actuacións necesarias para a implantación das iniciativas empresariais, incluídos os de competencia municipal dos concellos adheridos ao Sistema de atención ao investimento.
- b) A todos os formularios e modelos de solicitude de autorización, de comunicación e de declaración responsable asociados a calquera dos procedementos administrativos de implantación das iniciativas empresariais da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, nos que se indicará a relación da documentación que debe achegar a persoa interesada.
- Tanto os catálogos como os distintos formularios e modelos mencionados no número anterior deberán figurar permanentemente actualizados.
- Os catálogos serán elaborados pola Oficina Doing Business Galicia coa colaboración das diferentes consellarías con competencias por razón da materia. Na súa elaboración priorizaranse aqueles sectores de actividade que presenten un maior dinamismo na implantación ou cuxa demanda precise ser acelerada por razóns estratéxicas.
Poderase concertar a elaboración dos contidos dos catálogos cos colexios profesionais, cámaras de comercio, organizacións empresariais e outras entidades representativas dos sectores afectados.
- Os catálogos e as súas actualizacións serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.
- A aprobación dos catálogos deberá incluír un trámite de audiencia, por un prazo de quince días hábiles, ás distintas consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
- No procedemento de elaboración de disposicións normativas autonómicas que incorporen novos trámites para a implantación de iniciativas empresariais deberá xustificarse a súa necesidade de acordo co principio de boa regulación previsto nesta lei. Unha vez aprobada a norma que regule o novo trámite, deberá procederse á actualización do catálogo ou catálogos correspondentes.
Artigo 15. Avaliación externa
Coa periodicidade que se determine regulamentariamente, realizaranse as avaliacións externas e independentes do funcionamento do Sistema de atención ao investimento. Os informes elaborados polas entidades avaliadoras estarán dispoñibles como parte da información que ofreza o Sistema.
CAPÍTULO II
Oficina Doing Business Galicia
Artigo 16. Fins e obxectivos da Oficina Doing Business Galicia
A Oficina Doing Business Galicia é o órgano responsable da xestión dos instrumentos previstos nesta lei para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias, así como a coordinación do asesoramento ás persoas empresarias para a posta en marcha e acompañamento das iniciativas empresariais.
A Oficina depende da Secretaría Xeral Técnica da consellaría con competencias en materia de economía e empresa, na súa condición de autoridade designada pola Comunidade Autónoma como punto de contacto para a unidade de mercado.
Artigo 17. Funcións
- Corresponden á Oficina Doing Business Galicia as seguintes funcións:
- a) Xestionar o Sistema de atención ao investimento e elaborar os catálogos.
- b) Dirixir a Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais.
- c) Acompañar e dar soporte aos suxeitos promotores das iniciativas susceptibles de ser cualificadas como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias, analizando as solicitudes telemáticas recibidas ou as consultas realizadas por vía telefónica ou presencial. En particular, a Oficina deberá orientar as persoas interesadas sobre os títulos habilitantes necesarios para levar a cabo un proxecto ou a súa modificación, a tramitación pertinente e a posible obtención de axudas públicas.
- d) Analizar se unha iniciativa é susceptible de ser cualificada como proxecto industrial estratéxico ou iniciativa empresarial prioritaria, así como propor a devandita cualificación á persoa titular da consellaría con competencias en materia de economía e empresa.
- e) Impulsar a tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias mediante a consulta a outros órganos ou entidades, da mesma ou doutra administración, así como a través da proposta ou requirimento de actuación ou de realización de trámites aos correspondentes departamentos do sector público autonómico de Galicia.
- f) Elaborar o plan de seguimento de execución de proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias e efectuar os controis pertinentes.
- g) Analizar, por petición da persoa interesada ou por iniciativa propia, as actividades económicas en curso que sexan estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia e estean en situación de risco de continuidade, elevando un informe de valoración da situación e das alternativas á persoa titular da consellaría con competencias en materia de economía e empresa e realizando o seguimento destas actividades, con atención especial ás actuacións administrativas propostas.
- h) Elaborar un informe anual de actividade en relación coa avaliación e tramitación dos proxectos estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias, que será publicado na páxina web da consellaría competente en economía e empresa.
- i) Realizar outras actuacións que permitan impulsar, aprobar e manter proxectos estratéxicos para a Comunidade Autónoma de Galicia.
- j) Coordinar a rede de oficinas de apoio á empresa para as restantes iniciativas empresariais previstas nesta lei.
- En relación coa unidade de mercado, a Oficina Doing Business Galicia levará a cabo a análise e tramitación en relación coas propostas relativas á unidade de mercado, dando soporte á Secretaría Xeral Técnica da que depende.
Artigo 18. Dirección e dotación de medios
- Á fronte do funcionamento operativo da Oficina Doing Business Galicia estará un órgano con nivel de subdirección xeral, ou equivalente, para impulsar as funcións relativas aos proxectos industriais estratéxicos e ás iniciativas empresariais prioritarias.
- A Oficina Doing Business Galicia deberá dotarse dos medios persoais suficientes e especializados na tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias, no apoio ás iniciativas empresariais con carácter xeral, na obtención dos fondos europeos e na atención ao investimento estranxeiro.
CAPÍTULO III
Sistema de acompañamento individualizado
Artigo 19. Rede de oficinas de apoio á empresa
- A función de acompañamento ás persoas empresarias para a posta en marcha das iniciativas empresariais desenvolverase a través das oficinas de apoio á empresa. Cando as persoas empresarias teñan a condición de persoas emprendedoras, o acompañamento individualizado poderá ser prestado pola Unidade Galicia Emprende co alcance previsto no artigo 8 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
- A rede de oficinas de apoio á empresa poderá ser obxecto de modificación por parte da consellaría con competencias en materia de economía e empresa en función das necesidades que se detecten e figurará permanentemente actualizada no Sistema de atención ao investimento.
Así mesmo, a función de acompañamento individualizado poderá exercerse a través doutros servizos territoriais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico que se determinen por razón da súa especialidade material e, en concreto, a través das oficinas agrarias comarcais, no seu respectivo ámbito de actuación, sen prexuízo das funcións de información e acompañamento para o emprendemento en economía social que corresponden ás entidades que forman parte da Rede Eusumo, segundo o disposto no Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.
- Mediante a subscrición do correspondente convenio poderá estenderse a condición de oficinas de apoio, coas funcións de acompañamento descritas no número 1, ás cámaras de comercio, aos colexios profesionais e ás asociacións empresariais sen ánimo de lucro.
Artigo 20. Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais
- A consellaría con competencias en materia de economía e empresa creará, dentro da Oficina Doing Business Galicia, unha Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais, que asumirá, entre outras funcións, o apoio no acompañamento individualizado ás persoas empresarias, así como a colaboración nas tarefas de redacción, revisión e actualización dos catálogos do Sistema de atención ao investimento.
- Da Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais, e para os efectos do exercicio das funcións indicadas no número anterior, dependerá funcionalmente o persoal empregado público que para tal fin designen as consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades con funcións vinculadas á actividade empresarial, sen prexuízo da súa dependencia orgánica da consellaría de orixe.
Artigo 21. Colaboración das distintas consellarías
- Nas consellarías ou nas entidades con funcións vinculadas á actividade empresarial designaranse as persoas que dependerán funcionalmente da Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais de acordo co expresado no artigo 20 e que tamén asumirán as funcións de contacto para colaborar coa rede de oficinas de apoio á empresa nos aspectos máis concretos do ámbito de competencias de cada unha delas.
- Esta colaboración interna articularase entre a rede de oficinas de apoio á empresa e as persoas que conforman a unidade, de tal modo que as primeiras se encargarán de coordinar a información necesaria das distintas consellarías e de trasladala de modo unificado e directo á persoa solicitante.
Artigo 22. Acompañamento individual na xestión dos proxectos
- Co obxecto de lograr un impulso efectivo das iniciativas empresariais que poidan optar á declaración de proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias, a consellaría con competencias en materia de economía e empresa poderá designar ou contratar xestores de proxecto para prestarlle ao suxeito promotor asistencia na tramitación administrativa e acompañamento e orientación no cumprimento dos distintos trámites.
- Os labores de asistencia, acompañamento e orientación previstos neste artigo poderán realizarse mediante a formalización dos oportunos convenios de colaboración ou dos contratos con entidades alleas á Administración.
TÍTULO III
Simplificación e racionalización de trámites e procedementos administrativos
CAPÍTULO I
Simplificación da tramitación administrativa autonómica
Sección 1ª. Simplificación da tramitación dos informes sectoriais necesarios para a implantación das iniciativas empresariais
Artigo 23. Informes sectoriais emitidos polos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e polas entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia
- Con carácter xeral, a implantación dunha iniciativa empresarial poderá exixir, en función das afeccións que deriven da súa implantación física no territorio, cando así o estableza a normativa sectorial vixente, a emisión con carácter preceptivo dun ou varios dos seguintes informes:
- a) O informe do órgano competente en materia de urbanismo.
- b) O informe do órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural, nos supostos de afección a este.
- c) O informe do órgano competente en materia de patrimonio cultural, nos supostos de afección a bens integrantes deste e, en particular, no caso de afección aos bens declarados de interese cultural ou catalogados, aos seus contornos de protección e, nos supostos preceptivos, á súa zona de amortecemento, ou aos territorios delimitados dos Camiños de Santiago.
- d) O informe do órgano competente en materia de planificación hidrolóxica e de dominio público hidráulico, nos supostos de existencia e afección a algún recurso hidrolóxico ou ao dominio público hidráulico, incluídas as verteduras.
- e) O informe do órgano competente en materia de paisaxe, nos supostos de posible afección á paisaxe.
- f) O informe do órgano competente en materia de saúde pública, nos supostos dunha posible afección significativa ás condicións de saúde da cidadanía.
- g) O informe dos órganos competentes en materia de prevención e xestión de riscos derivados de accidentes graves ou catástrofes, nos supostos dunha posible afección á seguridade da cidadanía, incluídos os derivados de contaminación mariña.
- h) O informe do órgano competente en materia de turismo, cando a implantación da iniciativa empresarial poida afectar de modo significativo o valor turístico do territorio afectado.
- i) O informe do órgano competente en materia de infraestruturas ou obras públicas, cando a implantación da iniciativa empresarial afecte as infraestruturas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
- j) O informe do órgano competente en materia de montes, no suposto de afección aos montes catalogados de utilidade pública e terreos forestais incluídos na normativa sectorial reguladora.
- k) O informe do órgano competente en materia de pesca, acuicultura e marisqueo, cando a implantación da iniciativa empresarial afecte estes recursos.
- l) O informe do órgano competente en materia de protección e defensa contra os incendios forestais, cando o proxecto poida ter incidencia neste eido.
- m) O informe do órgano competente en materia de desenvolvemento rural, cando o proxecto poida ter incidencia nos instrumentos de planificación, mobilización e recuperación de terras agroforestais.
- n) Aqueloutros informes que, en función das características da iniciativa, resulten preceptivos en virtude da normativa aplicable.
- Os informes dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencia sectorial na protección e defensa do territorio, e dos intereses, bens e elementos configuradores deste que deban ser protexidos, así como os que teñan por finalidade velar pola saúde e protección das persoas, teñen carácter preceptivo e vinculante, cando así o estableza a normativa sectorial aplicable, en calquera procedemento que poida afectar a implantación das iniciativas empresariais no territorio.
Artigo 24. Prazo de emisión e efectos da falta de emisión en prazo
- Os informes sinalados no artigo anterior terán un prazo de emisión de tres meses, agás que unha disposición legal determine un prazo inferior.
Transcorrido o devandito prazo sen que fosen emitidos ou sen resolución expresa, terán a consideración de favorables á implantación da iniciativa empresarial, salvo nos supostos en que a normativa estatal que resulte de aplicación determine outra solución.
- Cando o órgano sectorial que deba emitir o informe aprecie dificultades para cumprir o prazo establecido, poderá realizar un encargo para a realización dun estudo a medios propios ou a entidades sen ánimo de lucro con capacidade para pronunciarse na materia respectiva, ou, na falta dos anteriores e motivadamente, a outras persoas expertas na materia. O estudo realizado poderá ser tido en conta para a elaboración do informe do órgano sectorial. A entidade ou contratista que o elaboren serán responsables da calidade técnica dos traballos que desenvolvan e das prestacións e servizos realizados, así como das consecuencias que se deduzan para a Administración ou para terceiras persoas das omisións, erros, métodos inadecuados ou conclusións incorrectas na elaboración do estudo, de acordo, en particular, co establecido pola normativa contractual aplicable, no caso de acudirse, para a realización do estudo, a un contrato.
Artigo 25. Medidas de axilización procedemental
- Cando no procedemento de autorización ou declaración dunha iniciativa empresarial sexa preciso solicitar varios informes, o órgano competente para ditar a resolución final solicitará a emisión de todos os informes que resulten preceptivos de modo simultáneo.
No caso en que un mesmo órgano sectorial autonómico deba emitir informe para varios efectos, dentro do trámite ambiental, o trámite urbanístico e o trámite da autorización substantiva, emitirá un único informe que abarque os distintos aspectos sobre que deba pronunciarse, salvo nos supostos en que existan modificacións substanciais na documentación achegada que se exixa para cada ámbito.
- Os informes que deban emitirse non terán carácter sucesivo, de tal forma que a emisión dun informe non estará condicionada pola expedición previa do informe doutro órgano sectorial. O órgano informante pronunciarase exclusivamente respecto do ámbito sectorial en que resulta competente.
- Naqueles supostos en que o órgano sectorial consultado requira para o seu pronunciamento someter o plan ou o proxecto en que se materializa a iniciativa empresarial á consideración dos seus órganos asesores ou consultivos, o órgano sectorial deberá garantir a axilidade destas consultas, de xeito que poida emitir o seu informe no prazo establecido no artigo anterior.
Artigo 26. Informes sectoriais emitidos polos órganos da Administración do Estado
Cando nun procedemento de autorización de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia sexa preceptiva a emisión do informe dun órgano da Administración do Estado, o órgano substantivo autonómico que deba ditar a resolución final solicitará directamente do centro directivo, organismo ou entidade estatal a emisión do correspondente informe.
Transcorrido o prazo máximo de emisión sen pronunciamento expreso do informante, o órgano substantivo porá en coñecemento da Delegación do Goberno en Galicia esta circunstancia e os efectos económicos derivados da ausencia ou demora na emisión do informe, e informará desta circunstancia ao suxeito promotor.
Sección 2ª. Tramitación conxunta e conservación dos trámites
Artigo 27. Tramitación conxunta dos distintos procedementos relativos a unha mesma iniciativa empresarial
- A Administración autonómica, no exercicio das súas competencias, promoverá o establecemento de procedementos para garantir que os actos de control que afecten a implantación de iniciativas empresariais se integren nun procedemento único e ante unha única instancia. Para tal efecto, regularase o procedemento e determinarase o órgano autonómico competente ante o cal se realizarán os trámites e que, de ser o caso, o resolverá. Estes procedementos coordinarán todos os trámites administrativos necesarios para a implantación das ditas iniciativas empresariais con base nun proxecto único.
Estes procedementos basearanse nos principios de liberdade de establecemento, voluntariedade para a persoa interesada, portelo único, respecto ás competencias das administracións intervenientes, cooperación interadministrativa, proporcionalidade das actuacións e simplicidade de cargas administrativas.
- No caso de que o suxeito promotor da iniciativa empresarial optar pola tramitación conxunta prevista neste artigo deberá presentar, de acordo co que dispoña a normativa reguladora do procedemento:
- a) A documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa reguladora dos actos de control integrados no procedemento.
- b) De resultar preciso, o documento ambiental necesario para a avaliación ambiental do proxecto, segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma básica estatal que a substitúa.
- c) De ser o caso, a documentación necesaria para a aprobación do proxecto sectorial.
- d) A relación dos bens e dereitos afectados, no caso de solicitarse a declaración de utilidade pública da instalación.
- O órgano responsable da tramitación, no caso de ser necesaria, someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galiciae, de ser o caso, no Portal de transparencia e goberno aberto.
Caso de se solicitar a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.
- O órgano responsable da tramitación realizará de modo simultáneo a petición de todos os informes ás administracións e aos órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola norma reguladora da autorización sectorial como os exixidos para os efectos da tramitación ambiental e urbanística.
- Exceptúanse da aplicación do disposto neste artigo os proxectos de instalación enerxética, que se rexerán polo establecido no capítulo III.
Artigo 28. Incorporación de informes
- Nos supostos en que os suxeitos promotores non optaren pola tramitación conxunta prevista no artigo anterior, os pronunciamentos contidos nos informes sectoriais emitidos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia manteranse, e estes informes incorporaranse aos sucesivos trámites de competencia autonómica, sempre que se manteñan as circunstancias que motivaron tales pronunciamentos, polo que non será necesario emitilos novamente, sempre que o órgano sectorial comprobe esta circunstancia e así llo indique ao órgano solicitante.
- Naqueles supostos en que a implantación dunha iniciativa empresarial requira un título habilitante de competencia municipal vinculado á obtención previa dun pronunciamento sectorial de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, os pronunciamentos contidos nos informes sectoriais recadados no procedemento de autorización administrativa autonómica previa manteranse, e estes informes incorporaranse ao procedemento, polo que non será necesario emitilos novamente, sempre que o órgano sectorial comprobe esta circunstancia e así llo indique ao órgano solicitante.
CAPÍTULO II
Racionalización dos procedementos de avaliación ambiental
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 29. Uso de medios electrónicos
- As persoas físicas que actúen como suxeitos promotores de plans, programas ou proxectos sometidos a avaliación ambiental están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos cos órganos administrativos que interveñen nos devanditos procedementos e a presentar por medios electrónicos todos os documentos relativos a eles, ao entenderse que a elaboración dun plan, programa ou proxecto que deba someterse a avaliación ambiental presupón unha capacidade económica, técnica ou dedicación profesional que acredita o acceso e a dispoñibilidade dos medios técnicos necesarios.
- Toda a información que se poña á disposición das persoas interesadas ou do público en xeral nos procedementos de avaliación ambiental será accesible en formato electrónico.
- En todos os procedementos de avaliación ambiental, as persoas que teñan a condición de interesadas poderán facer efectivo o seu dereito a coñecer en calquera momento o estado de tramitación a través dun sistema informático de xestión do procedemento.
Artigo 30. Cualificación técnica do órgano ambiental
- A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o establecido no artigo 9.5 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, garantirá que o seu órgano ambiental dispoña de coñecementos para examinar os estudos e documentos ambientais estratéxicos e os estudos e documentos de impacto ambiental, sen prexuízo da posibilidade de solicitar informes a organismos científicos, académicos ou outros que posúan os coñecementos precisos en calquera dos procedementos de avaliación ambiental, nos casos en que o estime necesario.
- Por orde da persoa titular da consellaría con competencias en materia de medio ambiente, crearase un banco de persoas expertas, que terá carácter público, no que figurarán os organismos e persoas aos que o órgano ambiental poderá solicitar os informes de carácter científico ou técnico nos procedementos de avaliación ambiental.
Artigo 31. Relación entre a avaliación ambiental estratéxica e a avaliación de impacto ambiental
- A avaliación ambiental estratéxica dun plan ou programa, consonte o establecido no artigo 13.1 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, non exclúe a avaliación de impacto ambiental dos proxectos que del deriven. A avaliación destes últimos terá en conta a avaliación ambiental estratéxica do plan ou programa de que deriven e analizará unicamente os aspectos propios do proxecto que non fosen considerados naquela, sempre que a declaración ambiental estratéxica ou, de ser o caso, o informe ambiental estratéxico estea vixente.
- O órgano ambiental, conforme o artigo 13 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, poderá acordar motivadamente, na procura do principio de eficacia, a incorporación de trámites e de actos administrativos do procedemento de avaliación ambiental estratéxico noutros procedementos de avaliación ambiental, sempre e cando non transcorrese o prazo establecido no plan ou programa e non se producisen alteracións das circunstancias tidas en conta na avaliación ambiental estratéxica.
- A tramitación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica dun plan ou programa e dos procedementos de avaliación de impacto ambiental dos proxectos que del deriven poderá levarse a cabo simultaneamente, mais o primeiro deberá resolverse en todo caso antes dos segundos para ser tido en conta na resolución destes últimos.
En particular, na implantación de iniciativas ou proxectos empresariais, cando así o solicitase o suxeito promotor, tramitaranse conxuntamente os procedementos de avaliación ambiental estratéxica do plan, programa ou instrumento de planeamento urbanístico que eventualmente sexa preciso e de avaliación de impacto ambiental do proxecto de urbanización que o execute e, de ser o caso, do proxecto construtivo da instalación que acolla a actividade. Os informes sectoriais que se soliciten pronunciaranse sobre todos os aspectos, tanto da avaliación ambiental estratéxica como da avaliación de impacto ambiental.
Artigo 32. Trámites de información pública e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas
- O órgano substantivo garantirá que os trámites de información pública e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas do procedemento de avaliación ambiental se realicen de modo simultáneo aos trámites análogos que, de ser o caso, deban practicarse no procedemento substantivo de adopción, aprobación ou autorización do plan, programa ou proxecto.
- O trámite de información pública anunciarase no Diario Oficial de Galiciae no portal de Internet do órgano substantivo. Os anuncios enviaranse dentro dos dez días seguintes á recepción da documentación completa no rexistro do órgano substantivo, salvo que a normativa do procedemento substantivo de adopción, aprobación ou autorización do plan, programa ou proxecto estableza outra cousa.
Dentro do mesmo prazo de dez días hábiles efectuaranse as consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas.
Nas consultas ás administracións públicas afectadas en que se lles solicite informe indicarase expresamente a posibilidade de requirir, dentro do prazo para emitir aquel, a emenda da documentación presentada polo suxeito promotor.
- A remisión ao suxeito promotor dos informes e das alegacións recibidas nos trámites de información pública e consultas realizarase dentro dos dez días hábiles seguintes á finalización destes.
- Unha vez realizadas as consultas ás administracións públicas e ás persoas interesadas previstas nos artigos 22, 30, 37 e 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, e de conformidade co previsto na devandita lei, aquelas só poderán ser consultadas de novo nos seguintes supostos:
- a) Nos casos de incorporación no plan, programa ou proxecto, ou no estudo ambiental estratéxico ou estudo de impacto ambiental, de modificacións que supoñan efectos ambientais significativos distintos dos previstos orixinalmente.
- b) Cando o órgano ambiental, no trámite de análise técnica do expediente, considere que as consultas non se fixeron de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro.
Sen prexuízo do disposto nas dúas letras anteriores, realizaranse en todo caso novas consultas cando proceda a modificación da declaración ambiental estratéxica conforme o previsto no artigo 28 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
- Conforme o establecido no artigo 37.5 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, o órgano substantivo porá á disposición das administracións públicas afectadas e das persoas interesadas, e na correspondente sede electrónica, aquela información que só poida obterse unha vez expirado o período de información pública e que resulte relevante para os efectos da execución do proxecto de que se trate, sen que en ningún caso a dita posta á disposición dea lugar á reiteración do trámite de información ou consulta pública.
Artigo 33. Finalización da avaliación ambiental sen pronunciamento ambiental
- Se en calquera momento da tramitación do procedemento de avaliación ambiental o órgano ambiental chegar á conclusión de que o plan, programa ou proxecto non entra no ámbito de aplicación da Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa, dará por finalizada a avaliación ambiental e ditará resolución de terminación do procedemento sen pronunciamento ambiental, o que comportará o arquivamento das actuacións de avaliación ambiental.
- A resolución, na que se fará constar expresamente a circunstancia que a motiva, notificaráselle ao suxeito promotor. Así mesmo, comunicaráselle ao órgano substantivo, e habilitarase este para a adopción, aprobación ou autorización do plan, programa ou proxecto, ou, de ser o caso, o suxeito promotor para a presentación da correspondente declaración responsable ou comunicación, sen necesidade de seguir os trámites previstos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa, e sen prexuízo da eventual obriga de someter a actividade á avaliación de incidencia ambiental.
Artigo 34. Finalización da avaliación ambiental por inviabilidade ambiental do plan, programa ou proxecto
- Se en calquera momento do procedemento de avaliación ambiental o órgano ambiental chegar á conclusión de que o plan, programa ou proxecto é inviable por razóns ambientais, dará por finalizada a avaliación ambiental, logo de dar audiencia ao suxeito promotor e ao órgano substantivo por dez días hábiles, e ditará resolución de terminación do procedemento por inviabilidade ambiental, o que comportará o arquivamento das actuacións de avaliación ambiental.
- A resolución notificaráselle ao suxeito promotor, coa súa motivación e coa indicación dos recursos administrativos e xudiciais que procedan contra ela. Así mesmo, comunicaráselle ao órgano substantivo, e terá carácter vinculante para o efecto de impedir a adopción, aprobación ou autorización do plan, programa ou proxecto declarado inviable por razóns ambientais ou, de ser o caso, para impedir a eficacia de calquera declaración responsable ou comunicación que se presente en relación con aquel.
Sección 2ª. Avaliación ambiental estratéxica de plans e programas
Artigo 35. Particularidades dos procedementos de avaliación ambiental estratéxica no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia
- No procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria teranse en conta as seguintes particularidades:
- a) Para a realización de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas e para a elaboración do documento de alcance, o órgano ambiental disporá dun prazo máximo de dous meses desde a recepción da solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria acompañada do borrador do plan ou programa e do documento inicial estratéxico.
- b) Para a elaboración do estudo ambiental estratéxico e para a realización da información pública e das consultas, desde a notificación ao promotor do documento de alcance, non resultará aplicable o prazo de quince meses previsto no artigo 17.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica que a substitúa, podendo remitirse ao órgano ambiental o expediente completo de avaliación ambiental estratéxica para a formulación da declaración ambiental estratéxica, sempre que non transcorresen máis de tres anos desde a notificación ao promotor do documento de alcance ou o prazo que se poida establecer por lei para determinados plans ou programas.
- c) Para a análise técnica do expediente e a formulación da declaración ambiental estratéxica, o órgano ambiental disporá dun prazo de tres meses desde a recepción do expediente completo, prorrogable por un mes máis por razóns xustificadas, debidamente motivadas, e comunicadas ao suxeito promotor e ao órgano substantivo.
O prazo previsto nesta letra reducirase a un mes cando o estudo ambiental estratéxico estea verificado por unha entidade de colaboración ambiental.
- d) A declaración ambiental estratéxica perderá a súa vixencia e cesará na produción dos seus efectos se non se aproba o plan ou programa no prazo máximo de catro anos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
En todo caso, o órgano ambiental poderá acordar unha prórroga da vixencia da dita declaración ambiental estratéxica por outro prazo máximo de dous anos, seguindo o procedemento recollido nos números 3 e 4 do artigo 27 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa, e o prazo de caducidade sinalado no parágrafo anterior quedará suspendido ata que se resolva a tramitación da prórroga solicitada.
- No procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada teranse en conta as seguintes particularidades:
- a) O órgano ambiental poderá resolver a inadmisión da solicitude de inicio, ademais de nos supostos previstos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa, cando considere que se debe tramitar un procedemento de avaliación estratéxica ordinaria por desprenderse de xeito inequívoco do contido da solicitude.
- b) O prazo para formular o informe ambiental estratéxico é de tres meses desde a recepción da solicitude de inicio e da documentación completa que se deba xuntar.
- c) O informe ambiental estratéxico perderá a súa vixencia e cesará na produción dos seus efectos se non se aproba o plan ou programa no prazo máximo de seis anos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
En todo caso, o órgano ambiental poderá acordar unha prórroga da vixencia do dito informe ambiental estratéxico por outro prazo máximo de dous anos, tras solicitude formulada polo promotor antes do transcurso do prazo sinalado de seis anos, e o prazo de caducidade sinalado no parágrafo anterior quedará suspendido ata que se resolva a tramitación da prórroga solicitada, que deberá resolverse no prazo de dous meses desde a presentación da solicitude. A falta de resolución sobre a devandita solicitude terá efectos estimatorios.
Nos supostos en que perda vixencia o informe ambiental estratéxico, ben polo transcurso do prazo inicial ou da prórroga, o promotor deberá iniciar novamente o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan ou programa.
- Nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e simplificada a que se refiren os números 1 e 2, o prazo para a realización dos trámites de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas será de trinta días hábiles.
- A publicación no Diario Oficial de Galiciada declaración ambiental estratéxica, do informe de impacto ambiental e do plan ou programa aprobado realizarase nos dez días hábiles seguintes á súa formulación ou aprobación.
- No procedemento de modificación da declaración ambiental estratéxica o prazo de consultas ao promotor, ao órgano substantivo e ás administracións públicas afectadas e persoas interesadas previamente consultadas será de trinta días hábiles para formular alegacións e achegar cantos documentos coiden precisos. A resolución sobre a modificación da declaración ambiental estratéxica adoptarase nun prazo de dous meses contados desde o inicio do procedemento.
Sección 3ª. Avaliación de impacto ambiental de proxectos
Artigo 36. Proxectos sometidos a declaración responsable ou comunicación
- Cando corresponda á Administración ambiental de Galicia formular a declaración de impacto ambiental ou emitir o informe de impacto ambiental dun proxecto que deba ser obxecto de declaración responsable ou comunicación, previstas no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as funcións atribuídas ao órgano substantivo deberá realizalas o órgano competente para a recepción da declaración responsable ou comunicación e para o exercicio das correspondentes facultades de comprobación, control e inspección.
- De conformidade co disposto no número 4 da disposición adicional primeira da Lei 21/2013, do 9 de decembro, nos casos previstos neste artigo, contra a declaración de impacto ambiental e o informe de impacto ambiental poderanse interpor os recursos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa ou xudicial.
Artigo 37. Informes preceptivos
- Ademais dos informes previstos na lexislación básica estatal, para os efectos da avaliación de impacto ambiental, no trámite de consulta ás administracións públicas afectadas, o órgano substantivo solicitará informe aos órganos competentes en materia de patrimonio natural, patrimonio cultural, urbanismo, pesca marítima, turismo, medio rural, montes, protección e defensa contra incendios forestais, meteoroloxía e cambio climático, residuos, protección da paisaxe, comercio e consumo, infraestruturas, enerxía e minas e seguridade aérea, cando entenda que, polo seu alcance, o proxecto poida influír nas devanditas afeccións.
- O órgano substantivo emitirá informe técnico sobre o proxecto sometido a avaliación de impacto ambiental, que xuntará ao expediente desta antes da súa remisión ao órgano ambiental.
Artigo 38. Particularidades dos procedementos de avaliación de impacto ambiental no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia
- No procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria aplicaranse os seguintes prazos:
- a) Para a realización das actuacións previas de consultas e para a elaboración do documento de alcance, dous meses, contados desde a recepción da solicitude do documento de alcance.
- b) Para se pronunciaren as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas consultadas sobre o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, vinte días hábiles desde a recepción da documentación.
- c) Para a elaboración do estudo de impacto ambiental, seis meses desde a comunicación ao suxeito promotor do documento de alcance. Este prazo poderá ser prorrogado ata un máximo total dun ano por solicitude razoada do suxeito promotor.
- d) Para someter o proxecto e o estudo de impacto ambiental a información pública e para que as administracións públicas emitan os seus informes e as persoas interesadas formulen as súas alegacións, trinta días hábiles
- e) Para a revisión documental por parte do órgano substantivo do expediente de avaliación de impacto ambiental antes de remitilo ao órgano ambiental, dez días hábiles desde a súa recepción.
- f) Para a remisión por parte do órgano substantivo da solicitude de avaliación de impacto ambiental ordinaria e dos documentos que a deben acompañar ao órgano ambiental, dez días hábiles desde a finalización da revisión documental daquel e, de ser o caso, a emenda das deficiencias que puider presentar.
- g) Para requirir o titular do órgano xerarquicamente superior daquel que non entregase os informes solicitados ou cando o seu contido siga a ser insuficiente, dous meses tras o requirimento feito polo órgano ambiental ao órgano substantivo, consonte o disposto no artigo 40.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
- h) Para que o órgano ambiental resolva, de ser o caso, a inadmisión da solicitude de iniciación da avaliación de impacto ambiental ordinaria, dez días hábiles desde a súa recepción.
- i) Para a análise técnica do expediente e a formulación da declaración de impacto ambiental, tres meses, contados desde a recepción completa do expediente de avaliación de impacto ambiental, prorrogables por un mes adicional debido a razóns xustificadas e debidamente motivadas.
Entenderase que a recepción completa do expediente de avaliación de impacto ambiental se produce no momento en que se reciben no rexistro do órgano ambiental os documentos que constitúen o contido mínimo daquel de acordo co artigo 39.1 e 39.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa.
O prazo previsto nesta alínea reducirase a un mes cando o estudo de impacto ambiental estea verificado por unha entidade de colaboración ambiental.
- j) Para publicar no Diario Oficial de Galiciaa declaración de impacto ambiental ou a resolución de autorización ou denegación do proxecto, dez días hábiles desde a súa formulación.
- No procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada teranse en conta as seguintes particularidades:
- a) O órgano ambiental poderá resolver a inadmisión da solicitude de inicio, ademais de nos supostos previstos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa, cando estime que se debe tramitar un procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria por desprenderse de xeito inequívoco do contido da solicitude.
- b) As administracións públicas afectadas e as persoas interesadas consultadas deberán pronunciarse no prazo máximo de vinte días hábiles desde a recepción da solicitude de informe.
- c) O prazo para formular o informe de impacto ambiental é de tres meses, contados desde a recepción da solicitude de inicio e da documentación completa que a deba acompañar.
- d) O prazo para publicar no Diario Oficial de Galiciao informe de impacto ambiental e a resolución de autorización ou denegación do proxecto é de dez días hábiles contados desde a súa formulación.
- Os documentos ambientais que acompañen as solicitudes de inicio das avaliacións de impacto ambiental simplificadas publicaranse durante o trámite de consultas na sede electrónica do órgano ambiental.
Sección 4ª. Avaliación de impacto ambiental simplificada dos proxectos que poidan afectar espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 39. Actuacións previas
- Os proxectos que poidan afectar de xeito apreciable os espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e que, conforme o disposto no artigo 7.2.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, sexan susceptibles de ser sometidos á avaliación de impacto ambiental simplificada unicamente por esta afección, requirirán dun informe previo que determine se o proxecto ten relación directa coa xestión do espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou é necesario para esta xestión, e que tamén avalíe se afecta de xeito apreciable as especies ou os hábitats obxecto de conservación nos devanditos espazos.
- O informe previsto neste artigo será solicitado polo suxeito promotor do proxecto ou, se non o fixer, polo órgano substantivo, e o órgano competente para emitilo será o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de conservación do patrimonio natural.
Para a elaboración do informe, o órgano competente terá en conta o disposto no Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia e, de ser o caso, no plan de xestión do espazo. Ademais, poderá solicitar informes complementarios a organismos científicos, académicos ou outros que posúan os coñecementos necesarios.
- O informe conterá de forma motivada unha das seguintes determinacións:
- a) Que o proxecto pode afectar de forma apreciable as especies ou hábitats dun espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e que, por tanto, deberá ser sometido a unha avaliación de impacto ambiental simplificada. Neste caso, o informe emitido fundamentarase na información detallada, actualizada e real ou na súa comprobación sobre o terreo e incluirá unha avaliación adecuada das repercusións do proxecto sobre o espazo protexido.
- b) Que o proxecto non afecta de forma apreciable as especies ou os hábitats dun espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e que, por tanto, non resultará necesaria a tramitación da avaliación de impacto ambiental simplificada. Neste caso o informe incluirá as medidas preventivas e correctoras que, de seren adoptadas polo suxeito promotor, permitirán considerar que o proxecto non afectará de forma apreciable o devandito espazo. Cando estes proxectos se desenvolvan nun espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia serán autorizados polo órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural.
- O informe emitirase no prazo máximo de dous meses. De non ser emitido nese prazo, entenderase que o proxecto causa efectos apreciables sobre o espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia de que se trate e someterase a unha avaliación de impacto ambiental simplificada.
Artigo 40. Avaliación de impacto ambiental simplificada dos proxectos que causan efectos apreciables sobre espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia
- Cando deba tramitarse a avaliación de impacto ambiental simplificada dun proxecto por causar efectos apreciables sobre un espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o documento ambiental que elabore o suxeito promotor incluirá un apartado específico no que se analicen as repercusións sobre as especies ou hábitats obxecto de conservación no espazo protexido afectado e se detallen as medidas preventivas, compensatorias e correctoras adecuadas para o seu mantemento nun estado de conservación favorable, así como un esquema de seguimento ambiental.
- O órgano ambiental consultará co órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural para que, no prazo máximo de trinta días hábiles, contado desde a recepción da solicitude, emita un informe que conterá motivadamente unha das seguintes determinacións:
- a) Que o proxecto non afectará de xeito apreciable as especies ou hábitats dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, sen necesidade de fixar medidas preventivas, correctoras ou compensatorias específicas para a súa execución.
- b) Que o proxecto non afectará de xeito apreciable as especies ou hábitats dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando se cumpran determinadas medidas preventivas, correctoras ou compensatorias específicas para a súa execución. Estas medidas recolleranse expresamente no informe.
- c) Que o proxecto afectará de xeito apreciable as especies ou hábitats dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso o informe concluirá se o proxecto pode redefinirse para os efectos de ser sometido á avaliación de impacto ambiental ordinaria ou se non resulta viable pola devandita afección.
Sección 5ª. Entidades de colaboración ambiental
Artigo 41. Entidades de colaboración ambiental
- Son entidades de colaboración ambiental as entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, unha vez cumpridos os requisitos que se prevén neste artigo, desenvolven no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as seguintes actuacións, na forma que se determine regulamentariamente:
- a) Verificación da conformidade coa normativa aplicable dos plans, programas e proxectos que se vaian someter á avaliación ambiental.
- b) Colaboración na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental, en particular na realización dos trámites de información pública e consultas e na análise técnica dos expedientes.
- c) Colaboración no seguimento dos pronunciamentos ambientais.
- d) Colaboración nas funcións de inspección ambiental.
- Nas súas actuacións, as entidades de colaboración ambiental poderán emitir certificados, actas, informes e ditames, que poderán ser asumidos pola administración pública competente sen prexuízo das súas competencias. A actuación destas entidades non poderá substituír as potestades públicas de inspección, comprobación, control e sanción.
- O exercicio da actividade das entidades de colaboración ambiental no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia estará suxeito á presentación dunha comunicación previa ante a consellaría competente en materia de medio ambiente, que deberá cumprir os requisitos que se determinen regulamentariamente, que garantirán que estas entidades dispoñan dos medios e da cualificación técnica necesaria, así como a cobertura da responsabilidade a que poida dar lugar a súa actuación mediante a subscrición do correspondente contrato de seguro ou garantía equivalente, na contía que se estableza, que deberá ser proporcionada á natureza e alcance dos riscos cubertos. A presentación da comunicación previa comportará a inscrición de oficio da entidade no rexistro administrativo que se cree para estes efectos, na forma que se determine regulamentariamente.
- A actuación das entidades de colaboración ambiental rexerase polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia. Regulamentariamente establecerase o réxime de obrigas, prohibicións e incompatibilidades, así como o control e inspección a que estarán sometidas para garantir o respecto dos devanditos principios.
- As entidades de colaboración ambiental serán as únicas responsables fronte ás administracións públicas das súas actuacións, que substituirán a responsabilidade das demais persoas interesadas.
Artigo 42. Promoción do Sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS)
- A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración coa Administración xeral do Estado e as entidades locais, promoverá o Sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), de acordo co previsto na normativa da Unión Europea e básica estatal de aplicación.
- O sistema EMAS poderá empregarse como mecanismo de seguimento das declaracións de impacto ambiental e dos informes de impacto ambiental nos termos que estes documentos establezan, sempre que o suxeito promotor do proxecto así o solicitase no procedemento de avaliación de impacto ambiental.
CAPÍTULO III
Procedemento integrado das autorizacións administrativas para as instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica competencia da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 43. Obxecto e ámbito de aplicación
- O presente capítulo ten por obxecto regular determinados aspectos do procedemento administrativo das autorizacións a que se refire o artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma estatal básica que a substitúa, respecto das instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de mellorar, simplificar e axilizar a súa tramitación, salvo as reguladas pola lexislación autonómica específica.
- En todo o demais, as autorizacións das instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia tramitaranse de acordo co procedemento establecido no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ou norma estatal que o substitúa.
Artigo 44. Tramitación integrada
Os suxeitos promotores dos proxectos de instalacións enerxéticas reguladas no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma estatal básica que a substitúa, deberán solicitar a tramitación integrada das autorizacións administrativas necesarias para a implantación destas instalacións, así como, se for preciso, o proxecto sectorial.
Artigo 45. Órganos competentes
- A unidade competente para instruír o procedemento de tramitación integrada previsto no artigo anterior será o órgano territorial da consellaría con competencias en materia de enerxía correspondente á provincia onde se pretenda implantar o proxecto, ou aquela onde teña a súa orixe a infraestrutura, coa excepción das instalacións de produción enerxética a partir de enerxía eólica que se sitúen en máis dunha provincia, en que a unidade instrutora será o centro directivo competente en materia de enerxía.
- Os órganos competentes para resolver o procedemento serán os indicados no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que o substitúa.
Artigo 46. Documentación que deberá presentarse coa solicitude
O suxeito promotor presentará coa súa solicitude a seguinte documentación:
- a) Para a obtención da autorización administrativa previa e de construción:
- A documentación na que se acrediten en concreto os puntos indicados no artigo 53.4 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa.
- O proxecto de execución, xunto cunha declaración responsable que acredite o cumprimento da normativa de aplicación.
- A documentación precisa en función das afeccións sectoriais do proxecto.
- As taxas administrativas correspondentes pola tipoloxía da solicitude.
- Para os proxectos de xeración eléctrica, o resgardo da garantía económica, previamente constituída, que se indica nos artigos 59 bis e 66 bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma básica estatal que o substitúa.
- b) Para os casos en que proceda someter o proxecto á avaliación ambiental:
- No procedemento de avaliación ambiental ordinaria: o estudo de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa.
- No procedemento de avaliación ambiental simplificada: a documentación indicada no artigo 45 da devandita Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma estatal básica que a substitúa.
- c) A documentación necesaria para a aprobación do proxecto sectorial, de ser o caso.
- d) A relación dos bens e dereitos afectados, no caso de que se solicite a declaración de utilidade pública da instalación, xunto cunha declaración responsable de non ter acadado acordos coas persoas titulares dos bens e dereitos afectados e na que se xustifique a necesidade da expropiación.
- e) Nos casos en que proceda, unha declaración responsable do suxeito promotor na que faga constar que dispón de acordos previos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados.
Artigo 47. Instrución do procedemento
- A unidade responsable da tramitación someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e, de ser o caso, o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría competente en materia de enerxía.
No caso de que se solicite a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.
Durante o prazo indicado, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións estime oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou a parte dela que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daquelas e o comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.
- De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, e solicitará, cando menos, os informes preceptivos indicados para a avaliación ambiental e de aprobación do proxecto sectorial, dando audiencia aos concellos afectados. Así mesmo, enviaranse de forma simultánea as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas do servizo público e de servizos de interese xeral afectados, cos bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establezan o condicionado técnico procedente do proxecto de execución.
No caso de avaliación ambiental simplificada, realizaranse os trámites indicados na sección 2ª do capítulo II da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.
- Aplicarase o regulado na sección 1ª do capítulo I sobre simplificación da tramitación dos informes sectoriais necesarios para a implantación de iniciativas ou proxectos empresariais, coa única excepción do prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, que se reduce a un mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
- A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidas para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial, a fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos. A persoa promotora disporá do prazo máximo dun mes para presentar os documentos definitivos adaptados para continuar co procedemento. De non se presentar esta documentación no prazo indicado, entenderase que a persoa promotora desiste da solicitude de autorización administrativa e arquivarase a solicitude sen máis trámites. O arquivamento da solicitude será realizado pola unidade tramitadora, a cal o comunicará ao órgano competente.
- A unidade tramitadora emitirá ou solicitará, de ser o caso, ao órgano territorial onde se sitúe a instalación o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas. Cando lle corresponda a tramitación do procedemento, o órgano territorial remitirá o expediente completo á dirección xeral competente en materia de enerxía, engadindo ao informe anterior un resumo da tramitación realizada ata ese momento, para que a dirección xeral proceda a ditar a correspondente resolución.
- A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto, de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, será requisito indispensable para o outorgamento da autorización integrada.
En todo caso, para os proxectos de produción de enerxía eléctrica, así como para os exixidos polo Real decreto 244/2019, do 5 de abril, que regula as instalacións de autoconsumo, deberase acreditar a obtención do permiso de acceso e conexión á rede de transporte ou distribución, segundo corresponda, previamente ao outorgamento da autorización administrativa.
Artigo 48. Resolución da autorización administrativa integrada e finalización do procedemento
- Unha vez realizada a instrución do procedemento indicado no apartado anterior, e no prazo máximo de dous meses, o órgano competente ditará a resolución a respecto do outorgamento da autorización administrativa integrada, que corresponderá coa autorización administrativa previa e coa autorización administrativa de construción, reguladas no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
- Esta resolución publicarase integramente no Diario Oficial de Galicia, e notificarase a todas as terceiras persoas que formulasen alegacións e teñan carácter de interesadas no expediente. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará a persoa solicitante para interpor os recursos que procedan.
Artigo 49. Autorización de explotación
- Unha vez executado o proxecto, presentarase a correspondente solicitude de autorización de explotación no órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase o expediente.
- Esta solicitude irá acompañada dun certificado de final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente no que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia.
- A autorización de explotación será outorgada polo órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase o expediente, no prazo dun mes, logo das comprobacións técnicas que se estimen oportunas.
- Caso de a instalación afectar máis dunha provincia, solicitarase unha autorización de explotación en cada unha das provincias onde estea situada a instalación.
Artigo 50. Exención do trámite de información pública
No procedemento integrado regulado neste capítulo non será necesario o trámite de información pública, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria, segundo a Lei 21/2013, do 9 de decembro, ou norma básica estatal que a substitúa, nos seguintes casos:
- a) Solicitudes de autorización administrativa das novas instalacións de distribución ou conexión con xeradores á rede de distribución de enerxía eléctrica cunha tensión igual ou inferior a 30 kV.
- b) Solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución ou conexión con xeradores á rede de distribución e/ou transporte de enerxía eléctrica, calquera que sexa a súa tensión.
- c) Modificacións das instalacións de produción de enerxía eléctrica que non supoñan un incremento ou redución dun 20 % da potencia nominal autorizada.
- d) Instalacións de autoconsumo.
Artigo 51. Redución dos prazos de emisión dos informes nos casos dos proxectos que non estean sometidos a avaliación ambiental
Naqueles proxectos de instalacións enerxéticas que non estean sometidos a avaliación de impacto ambiental, o prazo de emisión dos condicionados técnicos das separatas do proxecto de execución redúcese a trinta días hábiles. De non se recibiren estes condicionados neste prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
Artigo 52. Modificacións dos proxectos en tramitación
- Nas modificacións dos proxectos en tramitación derivadas das adaptacións aos condicionados dos informes sectoriais, ou motivadas por cambios tecnolóxicos debidamente xustificados, non será necesario un novo trámite de información pública, agás que estean sometidas ao trámite de avaliación de impacto ambiental e sexan modificacións que supoñan efectos ambientais significativos distintos dos previstos orixinalmente, aspecto que será valorado e indicado polo órgano ambiental.
- Así mesmo, solicitaranse unicamente aqueles informes sectoriais que se vexan afectados pola modificación do proxecto, coa excepción dos condicionados técnicos, nos que bastará coa conformidade do suxeito promotor, agás que estean sometidos ao trámite de avaliación de impacto ambiental e sexan modificacións que supoñan efectos ambientais significativos distintos dos previstos orixinalmente, aspecto que será valorado e indicado polo órgano ambiental.
- Nos casos en que os proxectos modificados se presenten con posterioridade á avaliación ambiental do proxecto, solicitarase informe ao órgano ambiental co obxecto de que valore a modificación presentada e ratifique a validez da declaración ambiental ou informe ambiental xa emitido, ou, de ser o caso, indique os trámites ambientais que sexa preciso realizar.
Artigo 53. Concorrencia de utilidade ou interese públicos con montes veciñais en man común
- De o proxecto de instalación enerxética afectar os montes veciñais en man común, os trámites previstos no artigo 6 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ou norma que o substitúa, realizaranse dentro do trámite de recoñecemento da declaración de utilidade pública do proxecto, dando audiencia ás persoas titulares dos dereitos que poidan estar afectados e concedéndolles un prazo de quince días hábiles para presentar as alegacións, que se remitirán ao suxeito promotor para o seu recoñecemento e contestación.
- Finalizado o trámite de audiencia, remitirase copia completa do seu resultado ao órgano competente para a autorización do título habilitante do aproveitamento, co fin de que no prazo de vinte días hábiles emita informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.
- Nos casos previstos neste artigo, a utilidade pública do proxecto e a eventual compatibilidade ou prevalencia serán declaradas polo Consello da Xunta de Galicia, ao cal se remitirá o expediente co informe das consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia afectadas, no prazo máximo dun mes, contado desde que estea o expediente completo. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e as persoas interesadas poderán interpor os recursos que procedan.
TÍTULO IV
Medidas urbanísticas e de financiamento para a reactivación económica
Artigo 54. Títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal
- As solicitudes de licenza e as comunicacións que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo, para a implantación das iniciativas empresariais e para as actuacións de desenvolvemento de solo empresarial ou residencial, poderán presentarse acompañadas dunha certificación de conformidade á legalidade urbanística e ao planeamento aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal das previstas no capítulo IV do título III da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
- Cando unha solicitude de licenza urbanística se presente acompañada dunha certificación de conformidade nos termos establecidos por este artigo, os informes técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade da solicitude coa legalidade urbanística previstos polo artigo 143.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, serán facultativos e non preceptivos.
- No caso regulado no número anterior, o prazo de resolución do procedemento será dun mes, contado desde a presentación da solicitude coa documentación completa, incluída a certificación de conformidade, no rexistro do concello, coas excepcións previstas no artigo seguinte.
- Nos supostos indicados nos apartados anteriores, o órgano municipal competente poderá outorgar a licenza asumindo a certificación de conformidade á legalidade urbanística e ao planeamento aplicable da entidade de certificación de conformidade municipal que acredite expresamente que o proxecto foi sometido a esa verificación.
- Cando unha comunicación urbanística se presente acompañada da documentación exixida na lexislación do solo e dunha certificación de conformidade nos termos establecidos por este artigo, habilitará con efectos inmediatos desde a súa presentación no rexistro do concello para a realización do acto de uso do solo ou do subsolo que constitúa o seu obxecto, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do concello respectivo.
- As entidades de certificación de conformidade municipal serán as únicas responsables fronte ao concello do contido das certificacións emitidas e a súa actuación substitúe a responsabilidade das demais persoas interesadas.
- Ás solicitudes de licenzas que se refiran á execución de obras ou instalacións deberá achegarse o proxecto completo redactado por persoal técnico competente, na forma e co contido determinados na lexislación do solo e demais normativa aplicable.
Artigo 55. Especialidades dos títulos municipais habilitantes para determinadas iniciativas empresariais
- Para os efectos previstos no artigo 143 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, cando o proxecto construtivo ou de instalación veña acompañado de certificación de conformidade á legalidade urbanística e ao planeamento aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal, aplicarase o mesmo réxime regulado no artigo anterior, agás o prazo de resolución do procedemento, que será de quince días naturais, aos supostos previstos no número seguinte deste artigo.
- O réxime previsto neste artigo será de aplicación exclusiva aos seguintes supostos:
- a) As obras que se realicen nos establecementos de hostalaría e turísticos co fin de aumentar o distanciamento social ou adecuar as instalacións aos protocolos sanitarios ou ás normas que regulen as limitacións ou as restricións de carácter sanitario, sempre que non supoñan un aumento do volume edificado e teñan carácter de rehabilitación, adecuación ou reestruturación dos servizos, e se desenvolvan no interior das edificacións, incluíndo neste concepto, cando exista concesión ou autorización, a cobertura das terrazas mediante instalacións desmontables. Non se entenderán incluídas neste apartado as obras que, polo seu carácter menor, non estean sometidas ao réxime de licenza.
- b) Os proxectos de instalacións de produción eléctrica e de autoconsumo a partir de fontes renovables, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, en cuxo procedemento de autorización substantiva enerxética fose consultado o concello afectado cando se lle solicite informe preceptivo e vinculante, así como as instalacións de distribución eléctrica de baixa tensión.
- c) Actos de uso do solo ou do subsolo incluídos naqueles proxectos de iniciativas empresariais para os que se aprobe un proxecto sectorial para a adecuación do uso do solo ás infraestruturas ou instalacións que se implanten.
- d) Nos casos de solicitude de licenza urbanística no solo empresarial, cando o concello emitise informe previo e favorable nos trámites ambientais ou urbanísticos de desenvolvemento desa categoría de solo.
Artigo 56. Instrumentos específicos de financiamento para iniciativas empresariais promovidas por start-ups, persoas emprendedoras e outras pequenas empresas
- A consellaría con competencias en materia de economía e empresa, por si mesma ou a través das entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes dela, porá en marcha instrumentos de coinvestimento público-privado que favorezan o financiamento das iniciativas empresariais promovidas por start-ups, persoas emprendedoras e outras pequenas empresas.
- Para os efectos da presente lei, teñen a condición de persoas investidoras privadas as persoas físicas ou xurídicas, fondos de investimento ou calquera outra entidade de investimento (business angels, redes de business angels ou family offices, entre outros) que, tendo interese en investir nunha ou varias iniciativas empresariais promovidas por start-ups, persoas emprendedoras e outras pequenas empresas, reúnan os requisitos para a súa consideración como tales.
- Corresponderá á consellaría con competencias en materia de economía e empresa, por si mesma ou a través das entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes dela, o establecemento dos requisitos que deben reunir as persoas investidoras privadas.
- O investimento levado a cabo nunha iniciativa empresarial por unha persoa investidora privada por un importe comprendido entre 25.000 e 250.000 euros poderá comportar, por petición das pequenas empresas e logo do exame da súa viabilidade, un investimento de ata a mesma contía por parte da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos instrumentos de financiamento ou dos fondos de investimento xestionados polas entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes da consellaría con competencias en materia de economía e empresa.
Este coinvestimento estará suxeito aos seguintes requisitos e condicións:
- a) No caso de iniciativas empresariais levadas a cabo por sociedades de capital, o investimento das persoas investidoras privadas deberá materializarse en forma de toma de participación no capital, que poderá comportar unha prima de emisión ou asunción.
- b) Para os efectos do investimento público, as iniciativas empresariais e as súas persoas promotoras deberán reunir os requisitos establecidos pola normativa reguladora do instrumento de financiamento ou fondo de investimento en cuestión.
- c) O investimento público poderá materializarse en forma de toma de participación en capital, de préstamos participativos, convertibles ou non en capital, ou doutro tipo de préstamos. No caso de tomas de participación en capital, estas terán carácter temporal, non suporán unha porcentaxe de participación superior ao 25 % e poderán comportar unha prima de emisión ou asunción.
- A consellaría con competencias en materia de economía e empresa, por si mesma ou a través das entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes dela, promoverá as accións que poñan en contacto as persoas investidoras privadas coas iniciativas empresariais que precisen financiamento, así como as accións de difusión pública dos instrumentos de coinvestimento regulados neste artigo.
- Para os efectos deste artigo, as empresas obxecto de investimento deberán ser pequenas empresas, segundo a definición prevista no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, ou norma que o substitúa.
Artigo 57. Instrumentos específicos de financiamento para os proxectos industriais estratéxicos e para as iniciativas empresariais prioritarias
A consellaría con competencias en materia de economía e empresa, por si mesma ou a través das entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes dela, porá á disposición dos suxeitos promotores dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias que así o requiran os instrumentos de financiamento público que contribúan a complementar a estrutura financeira do proxecto ou da iniciativa, que, en todo caso, deberá contar con financiamento privado.
Os instrumentos de financiamento público poderán revestir a forma de toma de participacións en capital, préstamos, participativos ou non, garantías, incentivos a fondo perdido, ou unha combinación dos anteriores. Todos os instrumentos de financiamento público referidos e os apoios que puideren prestarse a través deles deberán respectar a regulación sobre axudas de Estado da Unión Europea.
TÍTULO V
Instrumentos de gobernanza e especialidades de xestión dos fondos de recuperación
CAPÍTULO I
Estruturas de gobernanza
Artigo 58. Gobernanza dos fondos de recuperación
As normas deste título son aplicables ao exercicio das competencias da Comunidade Autónoma en relación coa planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos (en adiante «os fondos») financiados polo Instrumento Europeo de Recuperación, aprobado polo Consello Europeo o 21 de xullo de 2020, e dos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, ou polos mecanismos que os substitúan, que teñan por finalidade o financiamento de iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia
Todo o anterior, sen prexuízo do establecido no artigo 2 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Artigo 59. Proxectos tractores para a economía galega
- Teñen a consideración de proxectos tractores para a economía galega aqueles proxectos industriais estratéxicos, tal e como se definen na lexislación industrial galega, que supoñan unha especial capacidade de incidir en diversos sectores económicos para xerar crecemento, emprego e competitividade, actuando como vertebradores doutras iniciativas empresariais que incidan de forma significativa na economía galega, e que reúnan os requisitos técnicos para ser susceptibles de ser financiados polos fondos do Instrumento Europeo de Recuperación ou por aqueles derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
- A consideración como proxecto tractor será declarada polo Consello da Xunta de Galicia simultaneamente á súa declaración de proxecto industrial estratéxico, contando co informe previo favorable da Comisión para a planificación e impulso de proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EU. A declaración como proxecto tractor suporá a posibilidade de acollerse aos beneficios establecidos na lexislación estatal, se for o caso, nos termos establecidos nela, e adicionalmente a un sistema de apoios públicos e de acompañamento empresarial nos termos establecidos nesta lei.
- O proxecto tractor poderá consistir nun proxecto único ou nun grupo de proxectos que compartan o mesmo obxectivo.
Artigo 60. Comisión para a planificación e impulso de proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EU
- A Comisión para a planificación e impulso de proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EUconfigúrase como o órgano de planificación, dirección e coordinación das iniciativas empresariais que sexan susceptibles de ser financiadas polos instrumentos financeiros previstos no presente capítulo.
- A Comisión estará composta polas Vicepresidencias Primeira e Segunda, pola Consellería de Facenda e Administración Pública e por aqueloutras consellarías ou centros directivos que se determinen mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia.
- A presidencia da Comisión corresponderá á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, que poderá delegar na persoa titular da vicepresidencia. A vicepresidencia da Comisión corresponderá á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. As funcións de secretaría da Comisión corresponderán á persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.
- Corresponden á Comisión as seguintes funcións:
- a) Propor a aprobación dos plans que sexan susceptibles de ser financiados polos fondos do Instrumento Europeo de Recuperación ou por aqueles derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
- b) Emitir informe sobre a declaración de proxectos tractores para a economía galega que sexan susceptibles de ser propostos pola Comunidade Autónoma para o financiamento europeo ou estatal.
- c) Analizar os diferentes proxectos susceptibles de ser financiados con cargo aos fondos do instrumento Next Generation EU.
- d) Aprobar as directrices básicas de execución das políticas públicas autonómicas financiadas con proxectos financiados polos instrumentos previstos neste capítulo.
- e) Levar o seguimento da execución dos plans e proxectos aprobados no marco das competencias autonómicas.
- f) Aprobar os documentos de harmonización en materia de bases de subvencións, pregos de cláusulas ou manuais tipo de procedementos de contratación, subvencións ou gasto público.
- g) Calquera outra función que lle atribúa o Consello da Xunta de Galicia no marco das competencias da Comisión.
Artigo 61. Comité Técnico de Fondos de Recuperación
- Como órgano de apoio técnico á Comisión para a planificación e impulso de proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EU, créase un Comité Técnico de Fondos de Recuperación que terá a seguinte composición:
- a) A persoa titular da dirección xeral en materia de orzamentos, que presidirá o Comité.
- b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de fondos europeos.
- c) As persoas que desempeñen as secretarías xerais técnicas de todas as consellarías.
- d) As persoas que determine a Comisión de entre as que teñan a condición de alto cargo.
- e) Unha persoa en representación da unidade de proxectos tractores do Igape.
As funcións de secretaría serán desempeñadas por persoal funcionario público con nivel de subdirección xeral, ou equivalente, designado pola presidencia do Comité.
Na designación das persoas que forman parte do Comité Técnico de Fondos de Recuperación atenderase, sempre que sexa posible, ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.
- Na súa función de apoio técnico á Comisión, o Comité poderá realizar propostas, informes e análises, así como elevar propostas de instrucións e recomendacións en todas as materias que teñan conexión coas funcións da Comisión relacionadas anteriormente ou que lle sexan encomendadas por ela.
Artigo 62. Grupos técnicos sectoriais
- Por proposta do Comité Técnico e logo da aprobación da Comisión, poderanse crear grupos de traballo técnicos sectoriais que elaboren recomendacións en materia de simplificación de procedementos, harmonización de sistemas de contratación ou de procesos de convocatorias ou calquera outro preciso para a execución dos plans e proxectos definidos no presente capítulo.
- Os grupos de traballo técnicos sectoriais estarán presididos pola persoa titular da dirección xeral que determine a Comisión e conformados por persoal funcionario público con nivel de subdirección xeral, ou equivalente, das diferentes consellarías implicadas. Os resultados dos traballos realizados polos grupos de traballo serán aprobados en forma de recomendacións, propostas de actuación, propostas de pregos, manuais tipo ou propostas de bases pola Comisión para a planificación e impulso de proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EU.
- Por proposta da presidencia dos grupos técnicos sectoriais poderá acordarse a asignación de funcións a tempo parcial ao persoal funcionario das diferentes consellarías sen que supoña cambio de adscrición do posto de traballo nin da consellaría en que preste servizos. A asignación de funcións estará limitada ao ámbito de xestión establecido neste capítulo e poderá supor a percepción dun complemento retributivo por consecución de obxectivos ou, de ser o caso, de retribucións extraordinarias por traballos realizados fóra da xornada habitual.
- Na designación do persoal funcionario público que forme parte dos grupos técnicos sectoriais atenderase, sempre que sexa posible, ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.
Artigo 63. Mecanismos de participación da sociedade e de colaboración coa Fegamp
- Para a aprobación de plans e proxectos e de directrices poderase contar coas achegas dun comité integrado por persoas expertas en economía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia co alcance e composición que determine a Comisión para a planificación e impulso de proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EU. Corresponde a este comité o asesoramento externo e servir de canle de participación dos sectores produtivos, das universidades e de asociacións.
- Co fin de favorecer o máximo diálogo social, constituirase un foro de participación específico conformado por persoas representantes das organizacións empresariais e dos sindicatos máis representativos, sen prexuízo de utilizar os mecanismos de participación xa existentes.
- Como mecanismo de participación específico das entidades locais de Galicia constituirase unha comisión paritaria Xunta de Galicia-Federación Galega de Municipios e Provincias, á que corresponderá realizar as propostas de simplificación de trámites para a implantación de iniciativas empresariais tales como ordenanzas tipo, pregos de bases de contratación ou de bases de axudas e subvencións, entre outras.
- A dita comisión estará conformada por cinco persoas representantes da Federación e cinco da Xunta de Galicia. A súa presidencia corresponderalle á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de administración local.
- Na designación das persoas expertas e na composición dos grupos de traballo atenderase, sempre que sexa posible, ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.
CAPÍTULO II
Especialidades en materia de xestión e execución dos fondos
Artigo 64. Mecanismos de seguimento e control
- Corresponderá ás direccións xerais con competencias en materia de planificación e orzamentos e de fondos europeos a planificación, programación e xestión da execución dos fondos no marco das competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma, e asumirán a condición de autoridades responsables diante da Administración xeral do Estado e das institucións europeas.
- A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma configúrase como o órgano de control dos fondos, sen prexuízo das funcións de auditoría nos controis que establezan a Administración xeral do Estado e as institucións europeas.
Artigo 65. Aprobación das normas adoptadas no marco da execución dos fondos
O procedemento de elaboración de normas regulado no capítulo II do título II da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se adopte no marco da execución destes fondos terá o carácter de urxente.
Reduciranse á metade os prazos cando se soliciten informes preceptivos, sen que sexa preciso neles motivar a urxencia. Transcorrido o prazo sen terse recibido estes, o centro directivo competente poderá continuar coa tramitación, deixando debida constancia na memoria. En todo caso, e antes da súa aprobación formal, incorporaranse ao expediente cantos informes, consultas ou ditames foren preceptivos. A memoria exixida polo artigo 41, apartado 3, letra a), da Lei 16/2010, do 17 de decembro, conterá un apartado específico no que se xustifique a súa vinculación con estes fondos.
Artigo 66. Tramitación de urxencia dos procedementos administrativos de execución de gastos con cargo aos fondos
- Declárase a aplicación da tramitación de urxencia e do despacho prioritario, nos termos previstos nos artigos 33 e 71, respectivamente, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dos procedementos administrativos que impliquen a execución de gastos con cargo a estes fondos. O órgano administrativo motivará esta circunstancia de urxencia no correspondente acordo de inicio, sen prexuízo do establecido no artigo 50 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro.
- En ningún caso será obxecto de redución a duración dos prazos referidos á presentación de solicitudes e de recursos.
Artigo 67. Tramitación anticipada dos procedementos administrativos de execución de gastos con cargo aos fondos
- No caso de que se inicie no exercicio corrente a tramitación de expedientes de gasto pero a súa execución orzamentaria non vaia ter lugar ata o exercicio seguinte ou outros exercicios posteriores, será posible a súa tramitación anticipada ao longo do dito exercicio, e poderá chegar ata a fase de formalización do compromiso de gasto no exercicio corrente.
- No caso de que os citados expedientes se tramiten antes da aprobación do proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, o documento contable de tramitación anticipada substituirase por un informe que deberá emitir o órgano xestor no que se faga constar que normalmente vai existir crédito adecuado e suficiente para o gasto que se pretende efectuar.
Artigo 68. Utilización de medios propios
Para a aplicación dos fondos, os poderes adxudicadores autonómicos e as entidades contratantes poderán organizarse para executar de maneira directa prestacións propias dos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obra e concesión de servizos, a cambio dunha compensación tarifaria, valéndose dun medio propio, de acordo coa lexislación aplicable. Nestes casos é exixible a autorización do Consello da Xunta previa á subscrición dun encargo cando ou seu importe supere os catro millóns de euros.
Artigo 69. Convenios subscritos para a execución de proxectos con cargo aos fondos
- A tramitación dos convenios que subscriba a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos públicos e entidades de dereito público, vinculados ou dependentes, para a execución dos proxectos con cargo aos fondos, rexerase polo previsto no capítulo VI do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, coa seguinte especialidade:
Excepcionalmente, o prazo de vixencia destes convenios poderá ter unha duración superior á legalmente establecida, podendo chegar como máximo aos seis anos, coa posibilidade dunha prórroga de ata seis anos de duración. Esta excepción deberá ser xustificada motivadamente polo órgano competente, con especial mención a que a dita extensión ou prórroga non limitará a competencia efectiva nos mercados.
- Así mesmo, aos convenios mencionados no apartado anterior non lles será exixible a autorización do Consello da Xunta, excepto cando impliquen a asunción de obrigas de contido económico por un importe superior a 300.000 euros.
Artigo 70. Requisitos para a tramitación de subvencións financiables con cargo aos fondos
- Na concesión de subvencións e axudas ás que resulte de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, será exixible a autorización do Consello da Xunta prevista no artigo 7.2 da devandita lei cando ou seu importe supere os tres millóns de euros.
- Na concesión de préstamos concedidos con cargo a estes fondos o informe previsto na normativa orzamentaria para estes supostos integrarase no informe de fiscalización das bases ou instrumentos reguladores da súa concesión.
- A concesión directa de subvencións cando, con carácter excepcional, se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas, que dificulten a súa convocatoria pública, prevista no artigo 19.4 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estará suxeita ás previsións do artigo 26.3 da mesma lei para estes fondos cando o importe supere os 300.000 euros.
Nas propostas de acordo ou resolución de concesión especificaranse as circunstancias que xustifican a devandita modalidade de subvención.
- As resolucións de concesión directa de subvencións correntes e de capital que se definan en termos de persoa beneficiaria e ano, así como das que vaian ser formalizadas nun convenio ou instrumento bilateral, que se financien con cargo a estes fondos e para as que, con carácter excepcional, se acrediten as razóns de interese público, social, económico ou humanitario que dificulten a súa convocatoria pública, segundo o previsto no artigo 19.4 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a autorización previa do Consello da Xunta cando o importe que se vai conceder supere os 300.000 euros.
Artigo 71. Bases reguladoras e convocatoria das subvencións financiables con estes fondos
- Para a tramitación da aprobación das bases reguladoras e a convocatoria destas subvencións, previstas no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 18.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, serán exixibles o informe dos servizos xurídicos correspondentes, o de Planificación e Fondos e o informe da Intervención Xeral, que, en todo caso, será emitido no prazo improrrogable de dez días naturais.
- Os beneficiarios dos préstamos ou anticipos deberán acreditar que se encontran ao corrente do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outro préstamo ou anticipo concedidos anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión destes fondos nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O cumprimento de tales condicións poderá acreditarse mediante unha declaración responsable do beneficiario ou certificación do órgano competente se este for unha administración pública. Todo iso, sen prexuízo da verificación do cumprimento con anterioridade ao pagamento xunto co resto de obrigas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 72. Subvencións de concorrencia non competitiva
No caso de subvencións relacionadas financiables con estes fondos reguladas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cuxo obxecto sexa financiar actuacións ou situacións concretas que non requiran de valoración comparativa con outras propostas, poderanse ditar as resolucións de concesión pola orde de presentación das solicitudes unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da situación ou actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.
Artigo 73. Xustificación da aplicación das subvencións
- a) Elévase o limiar económico previsto no artigo 51.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para a presentación dunha conta xustificativa simplificada por parte do beneficiario da subvención, e amplíase o devandito importe ata os 100.000 euros.
- b) Elévase ata os 10.000 euros o límite para acreditar o cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social recollido no artigo 11, letra i), do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- c) Para os supostos en que as solicitudes deban vir acompañadas de memorias económicas, flexibilizaranse os compromisos plasmados nelas, no sentido de que se permitan compensacións entre os conceptos orzados, sempre que se dirixan a alcanzar o fin da subvención.
Artigo 74. Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas beneficiarias de subvencións
- As bases reguladoras para a concesión de subvencións de actividades vinculadas con estes fondos poderán establecer que poidan ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, nos termos previstos no apartado 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- O seu funcionamento rexerase polas previsións establecidas no artigo 67 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro.
Artigo 75. Especialidades en materia de xestión de persoal
- Naquelas consellarías ou entidades dependentes delas onde se xestionen proxectos financiados con fondos dos instrumentos europeos de recuperación ou con outros fondos europeos corresponderá ás persoas titulares das secretarías xerais técnicas realizar unha análise da carga de traballo existente nas diferentes unidades co fin de poder reasignar efectivos, de acordo co establecido nesta lei, naquelas que, de xeito prioritario, teñan por finalidade xestionar os citados fondos. Para os efectos desta lei, entenderase como reasignación de efectivos a encomenda temporal de tarefas ou funcións propias da súa clasificación profesional diferentes das do posto de traballo, o que en ningún caso suporá cambio de localidade. A persoa titular da secretaría xeral técnica da correspondente consellaría terá como prioridade na xestión do persoal asignado o aproveitamento do talento das persoas ao servizo do departamento.
- A cobertura das necesidades de persoal para a xestión dos fondos realizarase prioritariamente con efectivos da propia consellaría ou dos entes dependentes dela mediante unha reasignación temporal de funcións ou tarefas, sen prexuízo da posible utilización dos mecanismos previstos con carácter xeral na lexislación de emprego público. A persoa titular da secretaría xeral técnica da correspondente consellaría impulsará coa máxima celeridade as accións indicadas que sexan necesarias para axilizar a absorción e execución dos fondos europeos.
- Cando as necesidades de persoal non puideren ser atendidas con efectivos da consellaría ou dos seus entes poderá recorrerse ao mecanismo de nomeamento de persoal temporal, a través dun programa especial, polo tempo imprescindible para a execución dos proxectos, nos termos e cos requisitos establecidos na lexislación vixente na comunidade autónoma. Adicionalmente, a Dirección Xeral da Función Pública poderá reasignar efectivos procedentes doutras consellarías ou doutras entidades instrumentais.
- O persoal adscrito aos grupos de traballo ou ás unidades de apoio temporal que xestionen os ditos fondos poderá, nos termos establecidos na lexislación orzamentaria e reguladora do emprego público, percibir complementos de produtividade ou gratificacións extraordinarias dentro dos límites derivados das consignacións orzamentarias.
- Mediante instrución conxunta das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, adoptaranse medidas para fomentar a capacitación do persoal e o recoñecemento do seu traballo, tanto do esforzo colectivo como do esforzo individual, e poderán percibir complementos de produtividade ou gratificacións extraordinarias dentro dos límites derivados das consignacións orzamentarias.
Artigo 76. Creación de unidades administrativas de carácter provisional
- Por razóns de eficacia e eficiencia, poderán constituírse unidades administrativas de carácter provisional mediante a modificación da correspondente relación de postos de traballo, para a xestión e execución dos proxectos financiados con fondos dos instrumentos europeos de recuperación ou outros fondos europeos.
- Os postos de traballo provenientes da relación de postos de traballo do departamento ou organismo cos que se dote esta unidade serán reasignados á súa unidade de orixe unha vez que se cumpra este prazo. A constitución destas unidades requirirá informe favorable da dirección xeral competente en materia de función pública.
- A provisión de postos de traballo destas unidades temporais realizarase consonte a normativa de emprego público de Galicia. Como regra xeral, contarase primordialmente con aqueles empregados públicos que teñan experiencia directa ou indirecta na xestión de proxectos relacionados con fondos europeos. A provisión de postos destas unidades por persoal estatutario temporal, persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal efectuarase con carácter subsidiario.
Artigo 77. Asignación de funcións a tempo parcial
- Exclusivamente no ámbito de xestión de proxectos financiados con fondos dos instrumentos europeos de recuperación ou outros fondos europeos, a persoa titular da secretaría xeral técnica da consellaría encargada da xestión destes poderá acordar a asignación de funcións a tempo parcial, ata un máximo do 80 % da súa xornada, ao persoal funcionario ao servizo do departamento, sen cambio de adscrición nin do posto de traballo nin da persoa.
Mediante resolución conxunta das direccións xerais da Función Pública e de Avaliación e Reforma Administrativa poderán asignarse a persoal de distintas consellarías ou entidades funcións a tempo parcial para colaborar na xestión dos ditos fondos, coa previa proposta motivada da consellaría de destino, que deberá indicar que non dispón de efectivos suficientes, e co informe favorable da consellaría de orixe do empregado público.
- Coa finalidade de garantir a adecuada prestación dos servizos públicos no suposto de asignación de funcións a tempo parcial, poderase nomear persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal para o apoio nas funcións propias do empregado público que voluntariamente coopere durante a súa xornada laboral na confección ou xestión dos proxectos que se sinalan no punto 1.
Disposición adicional primeira. Procedementos de avaliación e acreditación das competencias profesionais
- As consellarías competentes en materia de avaliación e acreditación das competencias profesionais terán en conta, no deseño destes procedementos, aqueles sectores de actividade determinados pola consellaría competente en materia de economía e empresa.
- As probas poderán realizarse nos centros públicos que impartan ensinanzas de formación profesional. Para o financiamento dos custos da súa realización, poderá establecerse a colaboración entre as consellarías e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de educación, de emprego e de economía e empresa, mediante a subscrición do oportuno acordo.
Disposición adicional segunda. Fomento das iniciativas empresariais no exterior
- Coa finalidade de facilitar a xestión da posta en marcha das iniciativas empresariais, a Administración autonómica poderá, no marco das súas competencias, pór á disposición das empresas e dos colectivos profesionais de Galicia os servizos de identificación e actualización de oportunidades de negocio, apoio en implantacións en destino, apoio á internacionalización, e acompañamento inicial, naqueles Estados en que exista unha maior necesidade e demanda.
- Así mesmo, coa finalidade de facilitar o acceso das persoas doutros Estados aos bens e servizos ofertados polo mercado autonómico, poderán establecerse servizos de mediación e tradución en apoio aos operadores das actividades empresariais e profesionais desenvoltas en Galicia.
- Os operadores galegos de servizos transfronteirizos que teñan coñecemento de actuacións contrarias á liberdade de prestación de servizos en todo o mercado interior poderano pór directamente en coñecemento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que, cando proceda, no exercicio das súas competencias, impulsará os procedementos e as actuacións que procederen, segundo o ordenamento da Unión Europea, en defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos como operadores e cidadáns europeos.
Disposición adicional terceira. Criterios técnicos para a redacción de estudos ambientais
Por orde da persoa titular da consellaría con competencias en materia de medio ambiente poderán aprobarse os criterios técnicos e, se for o caso, interpretativos de carácter xeral para a redacción dos estudos ambientais estratéxicos dos plans ou programas e dos estudos de impacto ambiental dos proxectos, e tamén para a predición e a valoración dos seus impactos, a determinación das características técnicas e as especificacións da documentación que deban presentar os suxeitos promotores.
Disposición adicional cuarta. Definición de zona industrial e de polígono industrial para os efectos da avaliación de impacto ambiental de proxectos
- Para os efectos dos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, no ámbito da avaliación de impacto ambiental de proxectos de competencia autonómica, entenderase por zona industrial a superficie de solo empresarial destinado maioritariamente ao uso industrial; e por polígono industrial, a área empresarial que inclúa o uso industrial entre os usos permitidos.
- As expresións «solo empresarial» e «área empresarial» empregadas nesta disposición entenderanse consonte as definicións recollidas no artigo 3 bis da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
Disposición adicional quinta. Propostas de modificación de normativa básica estatal aplicable
Cando unha norma básica estatal estableza trámites adicionais aos previstos na normativa europea que poidan supor un obstáculo para a implantación dos proxectos e das iniciativas, a Comunidade Autónoma de Galicia formulará a oportuna proposta de modificación pola vía adecuada, incluso mediante a presentación dunha proposición de lei do Parlamento de Galicia perante o Congreso dos Deputados.
Disposición adicional sexta. Aprobación dos catálogos de iniciativas empresariais
No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei a consellaría con competencias en materia de economía e empresa elaborará e someterá á aprobación do Consello da Xunta de Galicia os primeiros dez catálogos de iniciativas empresariais, priorizados en función dos sectores en que se aprecie unha maior demanda e necesidade de simplificación.
Disposición transitoria primeira. Consultas ás persoas expertas nos procedementos de avaliación ambiental
Mentres non se cree o banco de persoas expertas previsto no número 2 do artigo 30, o órgano ambiental poderá solicitar, en calquera dos procedementos de avaliación ambiental, os informes científicos ou técnicos a organismos científicos, académicos ou doutro tipo que posúan os coñecementos necesarios, consonte o establecido no número 1 do devandito artigo.
Disposición transitoria segunda. Verificación dos estudos ambientais estratéxicos e dos estudos de impacto ambiental por entidades de colaboración ambiental
Mentres non se desenvolva o réxime xurídico das entidades de colaboración ambiental no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as verificacións dos estudos ambientais estratéxicos e dos estudos de impacto ambiental a que aluden os artigos 35.1.b) e 38.1.i) poderán ser levadas a cabo por calquera entidade acreditada conforme a norma UNE-EN ISO/IEC 17020 como entidades de inspección que avalían o cumprimento dos aspectos ambientais incluídos nas autorizacións ambientais pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) como organismo nacional de acreditación ou ben acreditada como verificadora ambiental de acordo co establecido no Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, ou norma que o substitúa.
Coa verificación xuntarase unha declaración da entidade de que non incorre en ningunha das prohibicións e incompatibilidades establecidas para as entidades de certificación de conformidade municipal no artigo 64 do Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado polo Decreto 144/2016, do 22 de setembro.
Disposición transitoria terceira. Continuación de determinados procedementos en materia de instalacións enerxéticas
Os procedementos iniciados ao abeiro da Lei 5/2017, do 19 de decembro, de fomento de iniciativas empresariais de Galicia, e da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, relativos ás solicitudes de modificación substanciais ou de novos proxectos de instalacións enerxéticas regulados no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, que se encontren en fase de admisión ou admitidos a trámite continuarán a súa tramitación de acordo co establecido no procedemento de autorización administrativa integrada recollido no capítulo III do título III.
Para estes casos concédese un prazo dun mes, contado desde a entrada en vigor desta lei, para que os suxeitos promotores poidan desistir da súa solicitude e, de ser o caso, recuperar as garantías presentadas.
Disposición transitoria cuarta. Procedementos iniciados no momento da entrada en vigor desta lei
- Os procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei continuarán a súa tramitación de acordo coas normas procedementais recollidas nela, agás no que respecta aos prazos que comezasen a computarse antes da súa entrada en vigor, que continuarán a calcularse conforme o establecido na normativa anterior.
- Nos procedementos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en tramitación na data de entrada en vigor desta lei aplicarase o prazo establecido no artigo 35.1.b) para a remisión ao órgano ambiental do expediente completo de avaliación ambiental estratéxica, desde a notificación ao promotor do documento de alcance.
- O establecido no artigo 35 sobre o prazo de vixencia das declaracións ambientais estratéxicas e dos informes ambientais estratéxicos, e as solicitudes das correspondentes prórrogas, será aplicable a todas as declaracións e informes publicados no Diario Oficial de Galicianos catro anos anteriores á entrada en vigor desta lei, no caso das declaracións ambientais estratéxicas, e nos seis anos anteriores á devandita entrada en vigor, no caso dos informes ambientais estratéxicos.
- Os informes sectoriais e os trámites realizados antes da entrada en vigor desta lei incorporaranse aos sucesivos trámites de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que se refiran a unha mesma iniciativa empresarial, así como, de ser o caso, para os efectos de obter o título habilitante de competencia municipal, sempre que se manteñan as circunstancias que motivaron os ditos pronunciamentos.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
- Quedan derrogados expresamente os artigos 37 e 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia.
- Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Modificación do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo
O texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, queda modificado como segue:
Un. Engádese un apartado nove ao artigo 16, coa seguinte redacción:
«Nove. Beneficios fiscais nas transmisións patrimoniais onerosas que afecten a adquisición de inmobles
- Establécese unha dedución na cota do 100 % na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, respecto das adquisicións onerosas de inmobles que se encontren nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais a que se refire o apartado sete deste artigo, e que se afecten como inmobilizado material a unha actividade económica, cando concorran as seguintes circunstancias:
- a) O inmoble deberá ser afectado ao desenvolvemento dunha actividade económica no prazo dun ano desde a súa adquisición. Para determinar se existe actividade económica e se o inmoble está afecto á devandita actividade económica será de aplicación o disposto no imposto sobre a renda das persoas físicas, sen que sexa de aplicación en ningún caso á actividade de arrendamento de inmobles nin cando a actividade principal a que se afecte o inmoble sexa a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto no artigo 4.Oito.Dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.
- b) A empresa deberá ter a consideración de empresa de reducida dimensión, de acordo co disposto no artigo 101 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.
- c) Durante os vinte e catro meses seguintes á data da adquisición deberase realizar unha ampliación do persoal medio da empresa de, polo menos, unha persoa con respecto ao persoal medio dos doce meses anteriores, e o devandito incremento manterase durante un período adicional doutros vinte e catro meses. O incremento de persoal requirido nesta letra deberá ter como centro de traballo o inmoble adquirido obxecto desta dedución.
- d) A adquisición deberá formalizarse nun documento público, no cal se fará constar expresamente a finalidade de afectar o inmoble á actividade económica. Non se poderá aplicar esta dedución se esta declaración non consta no documento público, nin tampouco no caso de que se fagan rectificacións do documento co fin de emendar a súa omisión, salvo que se fagan dentro do período voluntario de autoliquidación do imposto.
- A dedución na cota será do 50 % respecto das adquisicións onerosas de inmobles que se encontren nas parroquias que non teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais a que se refire o apartado sete deste artigo, e que se afecten como inmobilizado material a unha actividade económica, cando concorran as circunstancias indicadas no número anterior.
- O incumprimento dos requisitos e das condicións establecidas implica a perda do beneficio fiscal, e o contribuínte deberá ingresar a cantidade derivada do beneficio fiscal xunto cos xuros de mora. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá practicar a correspondente autoliquidación e presentala no prazo dun mes, contado desde o momento en que se incumpran os requisitos.».
Dous. Engádese un apartado dez ao artigo 17, coa seguinte redacción:
«Dez. Beneficios fiscais nos documentos notariais en que se formalice a adquisición onerosa, agrupación, división, segregación, declaración de obra nova e división horizontal de inmobles
- Establécese unha dedución na cota do 100 % correspondente ao gravame gradual sobre actos xurídicos documentados, documentos notariais, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aos documentos notariais en que se formalice a adquisición onerosa, agrupación, división, segregación, declaración de obra nova e división horizontal de inmobles que se encontren nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais a que se refire o apartado oito deste artigo, e que se afecten como inmobilizado material a unha actividade económica, cando concorran as circunstancias previstas no apartado nove.1 do artigo 16 desta norma.
- A dedución na cota será do 50 % cando os documentos notariais formalizados a que se refire o número anterior afecten inmobles que se encontren nas parroquias que non teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais a que se refire o apartado oito deste artigo, e que se afecten como inmobilizado material a unha actividade económica cando concorran as circunstancias previstas no apartado nove.1 do artigo 16 desta norma.
- Para os efectos da aplicación das deducións previstas neste apartado, os prazos para o cumprimento dos requisitos do número nove.1 do artigo 16 comezarán a contar desde a devindicación do tributo. No caso de que esta dedución puider afectar varios feitos impoñibles e entre o primeiro e o último ano que lle sexa aplicable esta dedución medie un período inferior a dous anos, os prazos comezarán a contarse a partir do último feito impoñible realizado dentro do devandito período de dous anos.
- O incumprimento dos requisitos e das condicións establecidas comporta a perda do beneficio fiscal, e o contribuínte deberá ingresar a cantidade derivada do beneficio fiscal xunto cos xuros de mora. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá practicar a correspondente autoliquidación e presentala no prazo dun mes, contado desde o momento en que se incumpran os requisitos.».
Disposición derradeira segunda. Modificación do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro
O texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, queda modificado como segue:
Un. Modifícase o artigo 78, que queda redactado como segue:
«Serán considerados proxectos industriais estratéxicos, coa excepción dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aquelas iniciativas empresariais que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:
- a) Que supoñan un volume de investimento mínimo de vinte millóns de euros.
- b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de cen postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.
- c) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento “instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU”.».
Dous. Modifícase o artigo 80, que queda redactado como segue:
«1. A declaración de proxecto industrial estratéxico terá os seguintes efectos:
- a) Implicará o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dos procedementos administrativos necesarios para a implantación do proxecto.
- b) Poderá xustificar a concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos respectivos procedementos, que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos, e aqueles taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
- c) A non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal.
- d) A declaración de utilidade pública e de interese social do proxecto industrial estratéxico para os efectos expropiatorios, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dos dereitos afectados e o recoñecemento ao suxeito promotor do proxecto da condición de beneficiario da expropiación.
- e) A declaración de incidencia supramunicipal e a declaración de urxencia ou de excepcional interese público para os efectos previstos neste texto refundido.
- f) A declaración de prevalencia sobre outras utilidades públicas.
- g) A adxudicación directa de solo empresarial promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por empresas públicas participadas por este que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial.
- h) A posible concesión de subvencións sen concorrencia competitiva, de acordo co disposto na lexislación de subvencións.
- i) A imposición ou a ampliación de servidume de paso para as vías de acceso, as liñas de transporte e distribución de enerxía e as canalizacións de líquidos ou gases, de ser o caso, de conformidade coa normativa que as regule.
- As determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, que deberá adaptarse a elas no prazo dun ano desde a data da súa aprobación e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión del.».
Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia
A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, queda modificada como segue:
Un. Engádese un artigo 3 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 3 bis. Definicións
- Enténdese por solo empresarial o solo destinado maioritariamente por un instrumento de ordenación territorial ou urbanística aos usos produtivos do sector secundario ou terciario.
- Enténdese por área empresarial unha superficie delimitada de solo constituído por un conxunto de parcelas, urbanizadas conforme a lexislación urbanística ou de ordenación do territorio, susceptibles de comercialización independente e cun destino principal que é a implantación de instalacións nas cales desenvolver usos e actividades económicas predominantes correspondentes aos sectores secundario ou terciario.».
Dous. Modifícase o artigo 42, que queda redactado como segue:
«1. Poderán ser declaradas polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:
- a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluíndo aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables nos que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.
- b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.
- c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.
- d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.
- Para o caso dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, poderán ser consideradas como iniciativas empresariais prioritarias aqueles proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, así como aqueles proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 ou aqueles proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.
- O Consello da Xunta de Galicia poderá, mediante acordo, reducir os limiares sinalados nas letras a) e b) do apartado 1 cando se trate de iniciativas de emprendemento colectivo ou que contribúan á integración sociolaboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión mediante fórmulas empresariais da economía social.».
Tres. Elimínase o apartado 2 da disposición transitoria cuarta, e esta queda redactada como segue:
«Disposición transitoria cuarta. Prazos para solicitar autorizacións de explotación de parques eólicos
- As persoas titulares de autorizacións administrativa previa e de construción, ou, de ser o caso, aprobación de proxecto, de parques eólicos obtidas con anterioridade á entrada en vigor desta lei disporán dun prazo de catro anos, contado desde súa a entrada en vigor, para solicitar a correspondente autorización de explotación. Excedido o prazo indicado sen que se solicitase a autorización de explotación, a dirección xeral con competencias en materia de enerxía poderá iniciar os correspondentes procedementos de revogación das autorizacións administrativa previa e de construción ou, de ser o caso, aprobación do proxecto, con audiencia das persoas titulares.
- O prazo para obter a autorización de explotación para as persoas promotoras con solicitudes de autorización administrativa previa e/ou de construción en tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta lei será, como máximo, de tres anos, contado desde a data de notificación da autorización de construción. Excedido este prazo sen que se solicitase a autorización de explotación, a dirección xeral competente en materia de enerxía poderá iniciar os correspondentes procedementos de revogación das autorizacións administrativa previa e de construción, con audiencia das persoas titulares.».
Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
Modifícase o número 3 do artigo 34 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que queda redactado como segue:
«3. Non será preceptivo o informe da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural no caso dos instrumentos de planeamento urbanístico de desenvolvemento parcial de ámbitos limitados nos que a entidade local respectiva certifique a constancia da inexistencia de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, baseándose nos informes previos, cunha antigüidade inferior a cinco anos, da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural relativos a outros plans, programas ou proxectos que afecten a totalidade do ámbito que se pretende ordenar e que inclúan un estudo completo do patrimonio cultural.
A entidade local respectiva comunicará a certificación emitida á consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural.
Así mesmo, tampouco será preceptivo o devandito informe da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural nos plans, programas e proxectos en solo rústico, sempre que non afecten o solo de protección patrimonial, nin afecten ningún ben declarado de interese cultural ou catalogado, o seu contorno de protección ou, de ser o caso, a súa zona de amortecemento.».
Disposición derradeira quinta. Modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia
Modifícase a letra b) do número 3 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que queda redactada como segue:
«b) Declaración de impacto, informe de impacto ou de incidencia ambiental, cando proceda segundo a normativa vixente en materia ambiental.».
Disposición derradeira sexta. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental
A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 3, que queda redactado como segue:
«1. Quedan sometidas ao disposto na presente lei aquelas instalacións de produción de electricidade obtida da enerxía eólica cuxa autorización, conforme o previsto no artigo 27.13 do Estatuto de autonomía, sexa competencia da Comunidade Autónoma. Ao resto de instalacións do mesmo tipo situadas no territorio de Galicia seranlles aplicables en todo caso as disposicións do título II, III e V da presente lei.».
Dous. Modifícase o número 4 do artigo 6, que queda redactado como segue:
«4. Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.
En calquera caso, todos os proxectos deberán cumprir as distancias mínimas ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable residencial establecidas no artigo 33, e será necesario que o uso do solo sexa compatible coa implantación destas infraestruturas.».
Tres. Modificase o número 2 do artigo 29, que queda redactado como segue:
«2. Só se poderá solicitar o inicio dun procedemento de autorización administrativa previa e de construción dun parque eólico se a persoa solicitante e o parque eólico cumpren cos requisitos establecidos nos artigos 30, 31 e 32, así como se contan co permiso de acceso á rede de transporte e distribución. Non serán admitidas aquelas solicitudes que incumpran estes requisitos.».
Catro. Modifícanse as letras e) e f) do número 4 do artigo 29, que quedan redactadas como segue:
«e) De ser o caso, proxecto sectorial, co contido e a documentación exixidos nos artigos 44 e 45 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico.
- f) Para aqueles casos en que a persoa promotora solicitase a declaración de utilidade pública, de acordo co artigo 44, relación de bens e dereitos afectados, así como a xustificación da necesidade da expropiación, xunto cunha declaración responsable dos acordos acadados coas persoas titulares dos bens e dereitos afectados.».
Cinco. Modifícase o artigo 33, que queda redactado como segue:
«1. As solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos estudaranse e tramitaranse na estrita orde temporal da súa data de presentación.
- A dirección xeral competente en materia de enerxía verificará o cumprimento dos requisitos de capacidade das persoas solicitantes e das solicitudes indicados no artigo 29.2.
- No caso de incumprimento dos devanditos requisitos, a dirección xeral competente emitirá unha resolución na que declarará a inadmisión da solicitude.
- No caso de cumprimento, a dirección xeral competente notificara á persoa solicitante a admisión a trámite para que proceda ao pagamento da taxa de autorización administrativa recollida no código 02 do punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa. A persoa solicitante disporá dun prazo máximo dun mes para a presentación do xustificante de pagamento da devandita taxa.
A presentación do xustificante de pagamento da taxa será requisito necesario para que prosiga a tramitación. Se o suxeito promotor non achegar a xustificación prevista no apartado anterior no prazo establecido, o órgano competente terao por desistido da súa solicitude.
- A orde de tramitación das solicitudes de autorización administrativa admitidas poderase determinar mediante resolución motivada do centro directivo competente en materia de enerxía, tendo en conta as posibilidades de evacuación da enerxía eléctrica destes proxectos, así como os proxectos tractores ou que se declaren iniciativa empresarial prioritaria, de acordo coa normativa aplicable.
- Previamente, a persoa promotora poderá solicitar ao órgano ambiental que elabore un documento de alcance do estudo de impacto ambiental, segundo o procedemento establecido no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa. No caso de proxectos que deban ser obxecto dunha avaliación ambiental simplificada, a dirección xeral competente en materia de enerxía remitirá ao órgano ambiental o documento ambiental do proxecto, para que realice o procedemento de consulta recollido no artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.
- A dirección xeral competente en materia de enerxía enviará copia do proxecto sectorial do parque eólico ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para o efecto de obter, no prazo máximo de vinte días, informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.
- Así mesmo, o dito órgano poderá solicitar informes previos aos órganos sectoriais en función das posibles afeccións que poidan resultar incompatibles co proxecto. O prazo máximo para a emisión destes informes será dun mes. Transcorrido este prazo sen pronunciamento expreso, continuarase co procedemento. Será condición necesaria para continuar co procedemento que estes informes non teñan carácter desfavorable. De ser o caso, arquivarase a solicitude por incompatibilidade, logo de audiencia ao promotor, e procederase á devolución das garantías económicas correspondentes.
- Obtido o informe de cumprimento de distancias, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviará o expediente á unidade tramitadora. Nos supostos de parques eólicos cuxa implantación afecte máis dunha provincia, a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía.
- A unidade responsable da tramitación someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e, de ser o caso, o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría competente en materia de enerxía. No caso de que se solicite a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.
- Durante o prazo indicado, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións coide oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou da parte dela que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daquelas e o comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.
- De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, solicitando, cando menos, os informes preceptivos indicados para a avaliación ambiental e de aprobación do proxecto sectorial, dando audiencia aos concellos afectados. Así mesmo, enviaranse de forma simultánea as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas do servizo público e de servizos de interese xeral afectados, con bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establezan o condicionado técnico procedente do proxecto de execución.
- No caso de avaliación ambiental simplificada, realizaranse os trámites indicados na sección 2ª do capítulo II da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.
- Aplicarase o regulado na sección 1ª do capítulo I da Lei xxx/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, coa única excepción do prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución, que se reduce a un mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
- A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidos para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial, a fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos. A persoa promotora disporá do prazo máximo dun mes para presentar os documentos definitivos adaptados para continuar co procedemento. De non se presentar esta documentación no prazo indicado, entenderase que o promotor desiste da solicitude de autorización administrativa e arquivarase a solicitude, sen más trámites. O arquivamento da solicitude será realizado pola unidade tramitadora, que o comunicará ao órgano competente.
- A unidade tramitadora emitirá ou solicitará, de ser o caso, ao órgano territorial onde se sitúe a instalación o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas. Cando lle corresponda a tramitación do procedemento, o órgano territorial remitirá o expediente completo á dirección xeral competente en materia de enerxía, engadindo ao informe anterior un resumo da tramitación realizada ata ese momento, para que a dirección xeral proceda a ditar a correspondente resolución.
- A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, así como o informe de cumprimento de distancias indicado no punto 7 deste artigo, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción.
- Así mesmo, deberase acreditar a obtención do permiso de acceso e conexión á rede de transporte ou distribución, segundo corresponda, previamente ao outorgamento da autorización administrativa previa e de construción.».
Seis. Dáselles unha nova redacción aos apartados 1 e 3 e engádese o apartado 4 e 5 no artigo 40, que queda redactado como segue:
«Artigo 40. O proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico)
- Todas as referencias ao proxecto sectorial entenderanse referidas á figura de proxecto de interese autonómico da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
Completados os trámites previstos no artigo 33 da presente lei relativos ao proxecto sectorial, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, e contando co previo informe preceptivo do organismo con competencias en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo máximo de dous meses, aprobará definitivamente, de proceder, o proxecto sectorial, coas modificacións ou correccións que considere convenientes.
- Quedan exceptuados de avaliación ambiental estratéxica os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal dos parques eólicos, así como os das súas infraestruturas de evacuación, cando o proxecto de execución da infraestrutura concreta estea sendo ou vaia ser sometido á avaliación ambiental, de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.
- Nos casos en que o proxecto sectorial do parque eólico autorizado estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e a persoa promotora presentase unha modificación non substancial das recollidas no apartado 1 do artigo 37 recoñecida como tal, enviarase ao órgano competente en ordenación do territorio e urbanismo o recoñecemento desta modificación non substancial, así como o informe favorable do órgano ambiental indicado no apartado d) do punto 1 do artigo 37 e a addenda do proxecto sectorial na que se recollan estas modificacións, para os efectos de que se emita o informe preceptivo previo á aprobación da modificación do proxecto sectorial por parte do Consello da Xunta.
- Exceptúanse da obriga da aprobación dun proxecto sectorial aqueles proxectos eólicos e as súas infraestruturas de evacuación que se implanten naqueles concellos onde a natureza do uso do solo sexa compatible con este tipo de infraestruturas. Para estes casos deberase achegar, xunto coa documentación da solicitude, o certificado do concello que acredite esta circunstancia, en substitución do proxecto sectorial.
- En todo caso, e para os efectos do regulado no punto 1 do artigo 37 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, no solo rústico estará permitida a apertura de camiños rurais contidos nos proxectos eólicos e das súas infraestruturas de evacuación aprobados pola administración competente.».
Sete. Elimínase o apartado 2 do artigo 34, que queda redactado como segue:
«Artigo 34. Resolución da autorización administrativa previa e de construción e finalización do procedemento
- Logo de realizada a instrución do procedemento administrativo de autorización e acreditado por parte da persoa solicitante o acceso e a obtención do punto de conexión á rede de transporte ou á rede de distribución, segundo corresponda, a dirección xeral competente en materia de enerxía ditará resolución respecto do outorgamento da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción do parque eólico no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa no órgano competente para resolver o procedemento.
- A resolución de autorización administrativa previa e de construción expresará que a persoa promotora disporá dun prazo de tres anos, contado a partir do seu outorgamento, para solicitar a correspondente autorización de explotación, indicando que, no caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/3013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
- A resolución publicarase integramente no Diario Oficial de Galiciae notificarase a todas as terceiras persoas que formulasen alegacións e teñan carácter de interesadas no expediente. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará a persoa solicitante para interpor os recursos que procedan.
- De conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, xunto coa resolución, porán fin ao procedemento a desistencia das persoas interesadas, a renuncia ao dereito en que se funde a solicitude cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, a declaración de caducidade e a imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas. A declaración de caducidade do procedemento, cando se produza a súa paralización por causa imputable á persoa interesada, será acordada de conformidade co establecido no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.».
Oito. Engádese unha disposición adicional cuarta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional cuarta. Réxime xurídico
No procedemento de autorizacións administrativas das instalacións de parques eólicos serán de aplicación os artigos 50, 51 e 52 da Lei xxx/2020, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.».
Disposición derradeira sétima. Modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia
A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 55, que queda redactado como segue:
«2. O procedemento e a forma de cesión a título gratuíto ou oneroso destes locais determinaranse regulamentariamente. Entre outros supostos, poderá cederse o uso gratuíto a entidades prestadoras de servizos sociais durante dez anos prorrogables, por causas debidamente motivadas no expediente.».
Dous. Engádese un novo número 4 ao artigo 55, coa seguinte redacción:
«4. No suposto de que sexa preciso facer obras de acondicionamento nos locais que se adxudiquen en réxime de alugueiro, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá establecer un período de carencia no pagamento das rendas de ata tres anos.».
Tres. Modifícase o número 2 do artigo 60, que queda redactado como segue:
«2. Para o resto das vivendas protexidas, a duración do réxime legal de protección determinarase en función do ámbito territorial de localización das vivendas e do seu destino.».
Catro. Modifícase o número 3 do artigo 60, que queda redactado como segue:
«3. Conforme o establecido no punto anterior, o réxime de protección das vivendas de protección autonómica situadas no denominado ámbito territorial de prezo máximo superior terá unha duración de vinte e cinco anos; o das vivendas situadas na zona territorial primeira terá unha duración de vinte anos; e o das vivendas situadas na zona territorial segunda, de quince anos, desde a data da cualificación definitiva. Regulamentariamente determinaranse os concellos incluídos en cada zona territorial.
A duración do réxime de protección das promocións que se cualifiquen como vivendas de protección autonómica con destino a alugamento será de quince anos, salvo que se edifiquen sobre un solo desenvolvido por un promotor público.».
Cinco. Modifícase o número 4 do artigo 60, que queda redactado como segue:
«4. A duración do réxime de protección das vivendas protexidas edificadas en solo público por unha persoa promotora titular dun dereito de superficie poderá estenderse ata acadar a duración total do dereito de superficie, aínda que esta sexa superior a trinta anos.».
Seis. Engádese un novo número 5 ao artigo 60, coa seguinte redacción:
«5. En todo caso, para as vivendas que se acollan ao financiamento ou ás axudas estatais, aplicarase, en canto á duración do réxime de protección, o que dispoña a correspondente normativa reguladora das citadas axudas.».
Sete. Modifícase o número 3 do artigo 61, que queda redactado como segue:
«3. As vivendas protexidas non poderán ser obxecto de descualificación mentres dure o seu réxime legal de protección.».
Oito. Elimínase o número 4 do artigo 61 e reenumérase o número 5, que pasa a ser o número 4.
Nove. Modifícase o número 1 do artigo 63, que queda redactado como segue:
«1. Poderán acceder a unha vivenda protexida, en réxime de dominio ou dereito de uso ou gozo, inter vivos, en primeira ou ulteriores transmisións, a título oneroso ou gratuíto, voluntariamente ou en vía executiva, as persoas que, carecendo dunha vivenda en propiedade, acrediten os ingresos que, en atención aos criterios determinados regulamentariamente, se concreten mediante resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo e cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan para o acceso a este tipo de vivendas.».
Dez. Modifícase o número 1 do artigo 66, que queda redactado como segue:
«1. Durante o período legal de protección, calquera acto de disposición ou de arrendamento de vivendas protexidas en primeira ou posteriores transmisións estará suxeito a un prezo de venda ou renda máximo que, en atención aos criterios determinados regulamentariamente, será fixado mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia.».
Once. Engádese unha disposición adicional vixésima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésima. Posibilidade excepcional de concesión de exencións, condonacións, rebaixas e moratorias no pagamento dos recibos de alugueiro de vivendas e locais do Instituto Galego da Vivenda e Solo
O Instituto Galego da Vivenda e Solo, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia, en casos excepcionais de marcado carácter social debidamente motivados, poderá conceder exencións, condonacións, rebaixas e moratorias no pagamento dos recibos de alugueiro das vivendas e locais da súa titularidade.».
Doce. Engádese unha disposición adicional vixésimo primeira, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésima primeira. Exención na aplicación dos requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica
Non será exixible o requisito de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica, debido á natureza social destas subvencións.».
Disposición derradeira oitava. Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia
Engádese un novo número 12 ao artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:
«12. As inscricións e modificacións no Censo de Solo Empresarial de Galicia.».
Disposición derradeira novena. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia
Modifícase o número 2 do artigo 10 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:
«2. Son salóns de xogo os autorizados para explotar neles de forma permanente máquinas dos tipos A, A especial e B. No caso de que se exploten conxuntamente coas máquinas de tipo A calquera dos outros tipos referidos, deberán estar instaladas as de tipo A en salas diferentes ás de tipo A especial e B, sen que poida existir comunicación directa entre as salas, agás no caso de que exista prohibición de entrada a menores no salón de xogo.
No primeiro caso a superficie da sala non poderá ser inferior a 50 metros cadrados e no segundo, a 150 metros cadrados. En ambos os dous supostos a ocupación máxima non será superior a unha máquina por cada tres metros cadrados.».
Disposición derradeira décima. Modificación do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro
Modifícase o número 5 do anexo do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, que queda redactado como segue:
«5. Número de máquinas e distribución.
- O número de máquinas que se poderán instalar e explotar nos salóns recreativos e de xogo será, como mínimo, de 5 máquinas das tipoloxías previstas na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora de xogos e apostas en Galicia, respectivamente.
- As máquinas colocaranse de forma que nin elas nin os seus espazos de utilización obstaculicen os corredores e as vías de circulación.».
Disposición derradeira décimo primeira. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Engádese unha disposición adicional cuarta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional cuarta. Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo
Crearase a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como órgano con funcións específicas de carácter consultivo nas referidas materias, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
A súa composición, organización e funcionamento serán establecidos regulamentariamente, garantindo a representación das administracións públicas con competencias urbanísticas.
A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 9 desta lei, pasará a integrarse na Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a partir da súa creación. Ata ese momento continuará no desenvolvemento das súas funcións.».
Disposición derradeira décimo segunda. Adaptación da normativa reguladora dos órganos asesores e consultivos
No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei adaptarase, por instancia de cada consellaría competente na materia, a normativa reguladora dos órganos asesores e consultivos a que se refire o número 3 do artigo 25, co obxecto de revisar os actos sometidos ao seu ditame ou informe, así como a periodicidade das súas sesións, para garantir que os distintos órganos sectoriais autonómicos emitan os informes sectoriais nos prazos establecidos.
Disposición derradeira décimo terceira. Adaptación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia
As medidas previstas no capítulo II do título III desta lei resultarán de aplicación nos espazos protexidos Rede Natura 2000 de Galicia desde o momento da súa entrada en vigor, sen prexuízo da ulterior adaptación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.
Disposición derradeira décimo cuarta. Modificacións regulamentarias
As previsións do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, que son obxecto de modificación pola presente lei poderán ser modificadas por norma do rango regulamentario correspondente á norma na que figuran.
Disposición derradeira décimo quinta. Desenvolvemento regulamentario
Autorízase o Consello da Xunta de Galicia a ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira décimo sexta. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás o disposto no apartado tres da disposición derradeira terceira, que producirá os efectos desde o 26 de outubro de 2020.
Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente