Subvencións aos concellos para a consecución de mercados de excelencia
ORDE do 12 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos, ás asociacións e ás cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 [sc name=”Guía del Interventor Municipal” ]
A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.
O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indica que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.
Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, a coordinación e a mellora das estruturas comerciais.
A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír en espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, da horta e da gandaría. É preciso, polo tanto, renovar estes espazos e adecualos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, desde o momento que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades.
O Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego, con especial atención á imaxe, á presentación do produto e á prestación de servizos complementarios ao cliente; por isto, inclúense medidas como a mellora da imaxe e do equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.
Por outra banda, o Plan tamén destaca a importancia das feiras e mercados tradicionais, non só por seren referentes na venda dos nosos produtos locais e tradicionais de calidade, senón por constituíren un modo de abastecemento arraigado na tradición galega que incentiva a actividade económica das nosas comarcas.
O Plan de mercados excelentes de Galicia 2016 – 2020 é un instrumento que pretende destacar o potencial dos nosos mercados e prazas de abastos como eixos e motores do comercio de proximidade, adaptándoos ás novas tendencias do mercado.
A súa finalidade fundamental é aproveitar a súa situación estratéxica e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vinculándoos ao contorno en que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade.
Incrementar os servizos que se prestan aos clientes, mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización son algúns dos retos do Plan de mercados excelentes que, ademais de incluír unha guía de boas prácticas e un sistema de avaliación para determinar a excelencia do mercado, recolle un conxunto de medidas para acadar a excelencia dos nosos mercados e prazas de abastos.
A guía de boas practicas adáptase aos distintos tipos e ás diferentes características dos nosos mercados e recolle a excelencia como unha medida da calidade proxectada a longo prazo en termos de instalacións, accesibilidade, organización, xestión e servizo á clientela.
En consonancia con isto, por medio da Orde do 4 de xaneiro de 2017 regúlase o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia número 13, do 19 de xaneiro de 2017, e o seu outorgamento é a resposta a retos de modernización e innovación a que se enfrontan os nosos mercados e prazas de abastos.
Polo tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan especialmente para potenciar a mellora dos espazos comerciais urbanos, a adecuación dos espazos do comercio non sedentario e, especialmente, a potenciación dos mercados municipais e prazas de abastos, coa colaboración das asociacións e cooperativas de persoas praceiras, así como a posta en marcha de accións que permitan aproveitar as sinerxías dos camiños de Santiago.
O obxectivo desta liña de colaboración é lograr un modelo de calidade para os mercados e prazas de abastos baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global e unitaria que aglutine os intereses dos comerciantes, e ofrecer ao consumidor o produto e servizo que actualmente demanda; en definitiva, dispoñer dunha rede de mercados excelentes de Galicia.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
- Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dirixidas aos concellos galegos e ás asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos, para a consecución e consolidación de mercados de excelencia e a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario (código de procedemento IN223A).
- Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2017.
- A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión, ao abeiro do establecido no artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 900.000,00 euros, que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2017:
Aplicación orzamentaria | Importe (euros) | Beneficiarios |
09.30.751A.761.3 | 700.000,00 | Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia |
09.30.751A.781.1 | 100.000,00 | Asociacións de persoas praceiras |
09.30.751A.770.1 | 100.000,00 | Cooperativas de persoas praceiras |
Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:
- a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
- b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 2. Solicitudes
Para poder ser beneficiario/a da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
- Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
- A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
- Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
- No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.
Artigo 4. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal
Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes.
Artigo 6. Información aos interesados
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN223A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
- a) Páxina web oficial da consellería http://ceei.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.
- b) Os teléfonos das xefaturas territoriais, A Coruña: 981 18 49 62/14, Lugo: 982 29 49 38/670, Ourense: 988 38 67 12/717 e Vigo: 986 81 75 50/557.
- c) Os enderezos electrónicos das xefaturas territoriais:
A Coruña: axudas-IN223.cei.co@xunta.gal
Lugo: axudas-IN223.cei.lu@xunta.gal
Ourense: axudas-IN223.cei.ou@xunta.gal
Vigo: invigo@xunta.gal
- d) O enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal
- e) Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Notificacións
- As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
- As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
- Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 8. Transparencia e bo goberno
- De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.
- Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional única. Informe da Mesa Local do Comercio
Naqueles supostos en que se acredite fidedignamente a imposibilidade, non imputable ao solicitante da subvención, de obter o informe de presentación do proxecto á Mesa Local de Comercio, será suficiente, para os efectos establecidos no artigo 4, punto 3.1.i), e punto 3.2, letra f), coa presentación da solicitude.
Disposicións derradeiras primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a directora xeral de Comercio e Consumo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2017
Francisco José Conde López Conselleiro de Economía, Emprego e Industria
ANEXO I Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos, ás asociacións e ás cooperativas de persoas praceiras dos mercados das prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia, para o ano 2017
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
- Esta orde ten por obxecto a concesión das subvencións para actuacións en mercados e prazas de abastos na consecución e consolidación do selo de mercado excelente, a posta en marcha de actuacións que aproveiten as sinerxías xeradas polos camiños de Santiago, e a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario.
- O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, agás no caso dos concellos, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
- Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en diante Lei 9/2007, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
- En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a continuación se especifican, sempre que estas sexan realizadas desde o 1 de xaneiro de 2017 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación das actuacións.
4.1. Concellos: mercados e prazas de abastos con selo de mercado excelente.
Considéranse actuacións subvencionables os investimentos en mercados e prazas de abastos que teñan concedido o selo de mercado excelente, de acordo coa Orde do 4 de xaneiro de 2017, pola que se regula o procedemento para a obtención do Selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, e que constitúan un valor engadido neles.
En concreto, considéranse actuacións subvencionables:
- a) Acondicionamento das instalacións: mellora da imaxe, instalación de sistemas de climatización, de sistemas de illamento térmico e/ou acústico que reduza o impacto de ruídos, establecemento de sistemas de recollida de auga.
- b) Creación e/ou mellora de servizos para clientes: servizo de carros da compra, adecuación e/ou creación de zonas de descanso, tales como espazos infantís, salas de lactancia e outros, creación dun servizo de repartición a domicilio con persoal maker, instalación de consigna frigorífica, de servizo de cociñado de produtos.
- c) Creación e/ou mellora doutros servizos: instalación de pantallas de información, servizo automático de turno, planos de situación do edificio «vostede está aquí», rede Wifi, posta en marcha de novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline e implantación e/ou actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos que conten con tenda online e pasarela de pagamento.
- d) Loxística e comercialización do produto, a súa presentación: creación dun packaging propio do mercado adecuado ás características específicas dos produtos, incluídos sistemas de envasado ao baleiro.
- e) Creación ou mellora de aparcadoiros para vehículos e/ou bicicletas, sempre que sexan contiguos ás instalacións do mercado ou praza de abastos.
- f) Actuacións de conservación, mantemento, reposición e mellora previstas nas fases I e II.
Para estas actuacións, a porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante, agás as actuacións en novos sistemas de comercialización, que terán unha subvención máxima de 6.000,00 euros.
4.2. Concellos: mercados e prazas de abastos que non conten co selo de mercado excelente.
Considéranse actuacións subvencionables os investimentos realizados en mercados e prazas de abastos para unha mellora progresiva ata acadar as condicións de calidade exixidas para obter o selo de mercado excelente de acordo coa Orde do 4 de xaneiro de 2017.
Segundo o grao de cumprimento dos requisitos mínimos e obrigatorios para acadar a excelencia, os mercados e prazas de abastos poderán atoparse nas seguintes fases:
Fase I: mercados ou prazas de abastos que precisan facer actuacións para a recuperación do estado físico do edificio.
Fase II: mercados ou prazas de abastos que tiñan realizadas as actuacións consideradas subvencionables na fase precedente.
En concreto, consideraranse subvencionables as seguintes actuacións:
4.2.1. Fase II.
- a) Acondicionamento das instalacións: reforma integral e adaptación dos baños para os clientes, instalación de cámaras adaptadas ás normativas vixentes, instalación de consignas, creación ou acondicionamento dun punto de información ou oficina de información ao cliente debidamente sinalizado e situado preferentemente nunha zona de visibilidade e acceso, creación dun ecopunto, instalación de sistemas de calidade de aire e de impacto de cheiros, instalación de elementos de redución do impacto da radiación solar, creación e acondicionamento dun espazo multifuncional para actividades que complementen a actividade comercial e rotulación exterior.
- b) Interiorismo: execución dun deseño de disposición interna por seccións ou produtos diferenciados, adecuación dos interiores para acadar unha imaxe integral e homoxénea dos postos de venda e áreas comúns, sinalización e rotulación interior, creación de logotipo e de imaxe corporativa común.
- c) Elementos de exposición de identificación de produtos e de prezos, elementos para a exposición de produtos adecuados á tipoloxía do produto e cunha imaxe coidada e homoxénea, e indumentaria dos praceiros acorde coa imaxe corporativa da praza.
- d) Implantación de novos sistemas de comercialización e información a o consumidor que impliquen a utilización das redes sociais para a venda.
Para estas actuacións, a porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 40.000,00 euros de subvención por solicitante, agás as actuacións en novos sistemas de comercialización, que terán unha subvención máxima de 6.000,00 euros.
Os concellos que soliciten actuacións desta fase en ningún caso poderán solicitar as contidas na fase I.
4.2.2. Fase I.
Acondicionamento do edificio e das instalacións: arranxo de elementos estruturais, de cubertas, de fachadas interiores e/ou exteriores cunha imaxe integral e homoxénea, adaptación de accesos, instalación de solo antiesvarante e de sistemas de iluminación acorde cos produtos expostos e compatibles coa eficiencia enerxética.
Para estas actuacións, a porcentaxe subvencionable acadará o 30 % do investimento, cun máximo de 20.000,00 euros de subvención por solicitante.
Os concellos que soliciten actuacións desta fase en ningún caso poderán solicitar as contidas na fase II.
4.3. Concellos: investimentos para a adecuación física ou mellora de construcións existentes destinadas a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.
Para estas actuacións a porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 20.000 euros por solicitante.
4.4. Asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos.
Consideraranse subvencionables as seguintes actuacións:
4.4.1. Investimentos recollidos no artigo 4.2.1. A porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 40.000,00 euros de subvención por solicitante, agás as actuacións en novos sistemas de comercialización, que terán unha subvención máxima de 6.000,00 euros.
4.4.2. Investimentos realizados polas asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos situados en concellos polos cales discorran os camiños de Santiago, que teñan por finalidade a creación de lotes de produtos con packaging específico ou merchandising relacionado co Camiño, así como a posta en marcha de actuacións que permitan aos mercados aproveitar as sinerxías xeradas por este. Todas elas teñen que incluír a imaxe corporativa co logo «Mercados no Camiño», que será facilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Para estas actuacións, a porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 1.000,00 euros de subvención por solicitante.
- Os investimentos nas actuacións subvencionables previstas no punto 4.1, 4.2 e 4.4.1 requiren a inclusión, por parte da entidade solicitante, da realización de actuacións de asesoramento-formación dirixidas ao mentoring comercial, aumento da rendibilidade do punto de venda con técnicas de visual merchandising, colocación do produto e atención ao cliente. Esta actividade, de obrigado cumprimento para o cobramento da subvención, de non incluirse na solicitude, enténdese que será financiada polo beneficiario na súa totalidade.
- Actuacións e gastos non subvencionables:
- a) Custos relativos á adquisición de bens inmobles e/ou ao seu mantemento, así como alugamento de locais.
- b) Custos relativos á redacción de proxectos técnicos que non impliquen a súa execución.
- c) Custos relativos a obras de construción de mercados e prazas de abastos.
- d) Custos relativos a obras coa única finalidade de corrixir defectos ou patoloxías que non melloren a estética e funcionalidade do edificio e se non se integran nun plan para acadar a excelencia do mercado.
- e) Custos de toda clase de persoal, agasallos promocionais, premios, trofeos, gastos de representación e a realización de recepcións e actos análogos.
- f) Campañas de promoción ou calquera outra actuación que teña por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, así como as actuacións promovidas polas asociacións ou cooperativas de persoas praceiras das prazas de abastos, agás as actuacións previstas no artigo 1,.4.4.2.
- g) Os impostos recuperables ou repercutibles polo/a beneficiario/a.
- h) Aquelas que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable.
Artigo 2. Financiamento e concorrencia
- Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 900.000,00 euros, que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2017:
Aplicación orzamentaria | Importe (euros) | Beneficiarios |
09.30.751A.761.3 | 700.000,00 | Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia |
09.30.751A.781.1 | 100.000,00 | Asociacións de persoas praceras |
09.30.751A.770.1 | 100.000,00 | Cooperativas de persoas praceras |
- O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.
Artigo 3. Beneficiarios/as
Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos galegos e as asociacións e cooperativas de persoas prateiras, legalmente constituídas, dos mercados e prazas de abastos de Galicia.
Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4. Solicitudes
- As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indican na convocatoria.
- Cada solicitude terá como obxecto a realización das actuacións agrupadas en cada un dos puntos relacionadas no artigo 1.4 destas bases, agás as asociacións e cooperativas de persoas praceiras que poderán solicitar actuacións das recollidas nos puntos 4.4.1 e 4.4.2, cando se trate de mercados polos cales discorren os camiños de Santiago.
Non poderán presentar solicitudes os concellos e asociacións e cooperativas de persoas praceiras de mercados e prazas de abastos para actuacións nun mesmo mercado ou praza de abastos. No caso de terse presentado, as solicitudes das asociacións e cooperativas de persoas praceiras serán obxecto de inadmisión.
A presente convocatoria é incompatible coa Orde do 7 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia (procedemento IN 219A), agás para as actuacións recollidas no artigo 1.4.4.2.
- Xunto coa solicitude, anexo II, deberá presentarse a documentación que se refire a continuación:
3.1. Concellos:
- a) Xustificar que se atopa ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
- b) Certificación do acordo de aprobación polo pleno do Concello ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.
- c) Declaración responsable do estado actual do equipamento de que se trate e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpre, incluíndo a fase en que se atopa das reflectidas nesta orde.
- d) Certificación acreditativa da dispoñibilidade dos inmobles ou das vías en que estea previsto realizar o investimento, segundo os casos.
- e) Memoria explicativa que considere os seguintes aspectos:
– Interese, oportunidade e necesidade do investimento.
– Programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas, acompañado do orzamento desagregado de gastos.
– Indicación da existencia de ordenanza reguladora, horario do servizo, número total de postos de venda, diferenciando a súa situación, sexa interior ou exterior e por tipo de produto, así como o número dos ocupados, segundo modelo normalizado do anexo II.
- f) Reportaxe fotográfica do estado actual onde se proxecta o investimento, incluíndo, se é o caso, os establecementos comerciais afectados.
- g) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, segundo o modelo normalizado do anexo II.
- h) Proxecto ou memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar.
- i) Certificación da secretaría da Mesa Local do Comercio en que conste a presentación do proxecto.
- j) En investimentos de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, certificado do órgano competente do concello acreditativo da realización neses espazos da devandita actividade comercial de xeito habitual e periódica, indicando, así mesmo, as datas de realización.
3.2. Asociacións e cooperativas de persoas praceiras:
- a) Acta, escritura ou documento de constitución e estatutos e modificacións posteriores da entidade solicitante, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
- b) Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante.
- c) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da asociación ou cooperativa de persoas praceiras que acredite a relación de asociados ou cooperativistas que a integran, indicando o seu NIF.
- d) Certificación do acordo de aprobación pola asociación ou cooperativa do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.
- e) De ser o caso, certificación do acordo de aprobación polo órgano municipal que teña a atribución competencial para autorizar o proxecto de investimento da solicitude de subvención.
- f) Certificación da secretaría da Mesa Local do Comercio en que conste a presentación do proxecto.
- g) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá a súa descrición, obxectivos e valoración das actuacións que se pretenden executar.
– Para solicitudes dos investimentos do artigo 1.4.4.1, proxecto ou memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar.
– Para solicitudes dos investimentos do artigo 1.4.4.2, facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.
- h) Para os efectos sinalados no artigo 10 destas bases achegarase certificación do órgano competente da entidade en que se enumeren e describan as actuacións complementarias de dinamización en relación co Camiño de Santiago ao longo do ano 2016, que en ningún caso será obxecto de requirimento.
- A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través dos respectivos departamentos territoriais da consellería, poderá solicitar á entidade solicitante cantos informes considere oportuno para a valoración do proxecto.
Artigo 5. Comprobación de datos
- Para a tramitación deste procedemento, respecto das asociacións e cooperativas de persoas praceiras, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
- a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
- b) NIF da entidade solicitante.
- c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
- d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.
- e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.
- No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
- Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 6. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal
De acordo co artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que deba efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 7. Órganos competentes
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, xunto coas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión da subvención.
A proposta de resolución realizaraa a Dirección Xeral de Comercio e Consumo e corresponde ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que proceda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 8. Instrución dos procedementos
- De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas.
- Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
- Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.
- Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.
Artigo 9. Comisión de valoración
- A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos/ás interesados/as.
- A comisión será presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo e formarán parte, como vogais, os/as xefes/as dos departamentos territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio, ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.
Se, por causa xustificada, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.
A comisión de valoración constituirase na sede da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.
- Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de forma individualizada, os/as solicitantes propostos/as para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles/as ata esgotar o crédito dispoñible.
- O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.
Artigo 10. Criterios de valoración
Concellos:
A preferencia na concesión de axudas virá dada pola seguinte orde, establecida segundo o grao de cumprimento dos requisitos mínimos para acadar a excelencia:
1º. Solicitudes de concellos con mercado ou praza de abastos que conte co selo de mercado excelente.
2º. Solicitudes de concellos que conten cun mercado ou praza de abastos que se atope na fase II, de acordo co grao de cumprimento dos requisitos mínimos para acadar a excelencia.
3º. Solicitudes de concellos que conten cun mercado ou praza de abastos que se atope na fase I, de acordo co grao de cumprimento dos requisitos mínimos para acadar a excelencia.
4º. Solicitudes de concellos para a adecuación física ou mellora de construcións existentes destinadas a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica. Para garantir a concurrencia competitiva, o crédito destinado para corporacións locais nestas actuacións fronte ás solicitadas para investimentos en mercados e plazas de abastos, de ser o caso, será dunha contía mínima de 100.000 euros.
Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia dentro de cada unha das clasificacións establecidas serán os seguintes:
- a) Mercados municipais ou prazas de abastos que incorporen un plan de xestión específico, aprobado polo Concello: 2 puntos.
- b) Mercados municipais ou prazas de abastos que dispoñan dunha xerencia profesionalizada polos propios comerciantes, a través dun xerente ou responsable, ou por unha entidade privada mediante unha concesión administrativa: 2 puntos.
- c) Mercados municipais ou prazas de abastos que incorporen un plan de mantemento correctivo e/ou preventivo do edificio, instalacións e equipamentos, aprobado polo Concello: 2 puntos.
- d) Concellos que dispoñan de ordenanza reguladora da praza de abastos ou do mercado tradicional e ambulante de apertura periódica, segundo os casos, aprobada con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2012: 2 puntos.
- e) Ocupación do máis do 50 % dos postos de venda dispoñibles na praza de abastos: 2 puntos.
- f) Mercados municipais ou prazas de abastos que teñan horario de apertura pola tarde: 2 puntos.
- g) Mercados municipais ou prazas de abastos que dispoñan de actuacións específicas de compromiso co ambiente, tales como redución de plásticos ou envasados, presenza de produtos ecolóxicos e do comercio xusto ou outras políticas dirixidas a potenciar o respecto polo contorno: 1 punto.
- h) Mercados municipais ou prazas de abastos que dispoñan de actuacións específicas de compromiso social como poden ser, entre outras, iniciativas solidarias con colectivos vulnerables ou compromiso cos produtores locais: 1 punto.
- i) Mercados municipais ou prazas de abastos que dispoñan de actuacións específicas de consumo responsable e reducións de perda de alimentos: 1 punto.
- j) Actuacións en concellos fusionados: 2 puntos.
- k) A maior achega de investimento sobre a contía subvencionable: 2 puntos.
- l) Especificamente para mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica e a maiores dos criterios previstos nas letras d), j) e k):
– Proxectos que contribúan á eliminación de barreiras arquitectónicas: 1 punto.
– Proxectos que incorporen actuacións referidas ás enerxías alternativas e/ou que posibiliten a reciclaxe e/ou eliminación de residuos: 1 punto.
Asociacións e cooperativas de persoas praceiras:
Terán preferencia na concesión de axudas as solicitudes para a realización de actuacións en mercados e prazas de abastos situados en concellos polos que discorren os camiños de Santiago.
Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia serán os seguintes:
- a) A maior achega de investimento sobre a contía subvencionable: 2 puntos.
- b) Asociacións e cooperativas que representen máis do 50 % dos postos do mercado: 2 puntos; noutro caso, 1 punto.
- c) Ocupación de máis do 50 % dos postos de venda dispoñibles na praza de abastos por parte da asociación ou cooperativa de praceiras e praceiros: 2 puntos; noutro caso, 1 punto.
Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:
1º. Menor contía do total das subvencións solicitadas.
2º. Investimentos en concellos de menos de 10.000 habitantes.
3º. Investimentos en concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes.
Artigo 11. Audiencia
- Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.
- Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior, cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.
Artigo 12. Resolución e notificación
- Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emitirá informe para que o órgano instrutor, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, formule a proposta de resolución e a eleve ao conselleiro.
- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.
A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás/aos adxudicatarias/os, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.
- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.
As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.
Artigo 13. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
- a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
- b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 14. Modificación da resolución
- Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
- O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, para o cal deberá cumprir os seguintes requisitos:
- a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.
- b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.
- c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.
- O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento, de conformidade co artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada no termos previstos no artigo 11 destas bases.
Artigo 15. Aceptación e renuncia
- Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.
- A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios
Son obrigas dos beneficiarios:
- Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
- Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
- Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
- Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
- Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
- Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bó goberno, todas as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da antedita lei a que se encontren vinculadas, logo de requrimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
- Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
- Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lles dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.
Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade
- Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007.
Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007.
En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para estes efectos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo establecerá as indicacións e instruccións necesarias para dar cumprimento a esta obriga en cada un dos supostos subvencionados.
Así mesmo, deberá adoptar as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das actuacións subvencionadas e, unha vez rematado o investimento, a instalación dunha placa explicativa, acorde coa tipoloxía do investimento, que inclúa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
- Calquera actuación de publicidade do investimento por parte do Concello deberá garantir a especificación da cofinanciación da Xunta de Galicia. Así mesmo, no inicio das actuacións de difusión-asesoramento-formación incluídas no proxecto, estas deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Comercio e Consumo para garantir a presenza dun representante da Xunta de Galicia.
Artigo 18. Subcontratación
Enténdese que o beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.
Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, permitirase a subcontratación do cen por cento das actividades subvencionadas.
Na xestión da contratación, as entidades locais, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado polo texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que deberá respectar en todo caso as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados por esta orde de axudas.
Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública. O seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.
Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:
1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
Artigo 19. Xustificación da subvención
- O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 30 de novembro de 2017.
- Documentación xustificativa:
- a) Xustificantes dos investimentos:
Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.
Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá aportar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.
No obstante, admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.
As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.
- b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.
- c) Anexo III da orde de convocatoria debidamente asinado.
- d) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.
- e) Evidencia documental do cumprimento das obrigas en materia de información e publicidade: fotografías de carteis e placas, exemplares das actuacións de dinamización e publicidade e, se é o caso, a súa axeitada difusión a través da páxina web.
- f) En caso de investimentos materiais:
– Proxecto técnico ou memoria técnica definitiva asinados, documentos que non poderán variar substancialmente da memoria presentada coa solicitude, todo isto agás que a devandita documentación se achegase con anterioridade.
- g) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.
- h) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- i) Calquera outro documento que se requira na resolución de concesión da axuda.
- En todos os casos para concellos:
– Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.
– Certificación da intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.
– A entidade local beneficiaria estará obrigada a xustificar o cumprimento da finalidade da subvención mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos parágrafos seguintes e que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.
A conta xustificativa conterá:
- a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:
1º O cumprimento da finalidade da subvención.
2º Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) do artigo 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
- b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).
- c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.
- No caso das asociacións e cooperativas de persoas praceiras, no suposto de que se denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.
- Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.
Artigo 20. Pagamento
- Recibida a documentación xustificativa da subvención, as respectivas xefaturas territoriais, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.
- O libramento da subvención aboarase nun único pagamento unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado.
- As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzameno que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resultar a concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o custo do investimento.
O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 65 % do importe establecido na resolución de concesión.
Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións
- Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
- O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
- Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.
Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 65 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.
- Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007 e no título VI do seu regulamento.
Artigo 22. Control
- A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
- Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007.
- Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Para estes efectos, os concellos beneficiarios das axudas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Artigo 23. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Artigo 24. Remisión normativa
Para todo o non disposto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, e no resto da normativa que resulte de aplicación.
.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!