Venda directa de produtos agrogandeiro GALICIA

ORDE do 23 de marzo de 2020 pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.


Co fin de garantir a efectiva aplicación das medidas previstas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, e que foi modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, cómpre a adopción de determinadas medidas de carácter obrigatorio.
Nesa mesma liña, o Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG número 50 bis, do 13.3.2020), determina no seu punto cuarto que «para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer». E, no seu punto sexto, que «A declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entenderase sen prexuízo das competencias estatais e das medidas que o Goberno ou a Administración do Estado aprobe no marco das súas competencias e en coordinación con elas».
Con absoluto respecto ao establecido nas indicadas disposicións e, en particular, ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, procede establecer normas complementarias no ámbito da venda directa de produtos frescos, da venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, así como sobre o desenvolvemento da actividade agrícola polas persoas que se dedican a esta actividade do sector primario, sobre as que desempeña as competencias a Comunidade Autónoma de Galicia, encamiñadas todas elas a limitar a circulación e desprazamento das persoas, pero tamén a garantir a cobertura destas actividades, que procuran produtos básicos ou de primeira necesidade, ou que resultan imprescindibles para a súa produción e posta á disposición de forma directa aos consumidores.
Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, a protección e control da sanidade animal e vexetal, a defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, e dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto da orde
En cumprimento do acordado na xuntanza do 18 de marzo de 2020 polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), a presente orde ten por obxecto regular as condicións de venda directa de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia, a venda ao retallo de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.
Artigo 2. Venda directa de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia
1. Queda prohibida ata o 31 de marzo a realización dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros. O levantamento ou mantemento desta prohibición despois do 31 de marzo poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural
2. Sen prexuízo do anterior, fomentarase a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede en liña (correo electrónico), ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública.
3. Cando se levante a prohibición da realización de mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia establecida no número 1, a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros, no marco do establecido no Real decreto 463/2020.
En todo caso, os operadores comerciais participantes e as persoas usuarias quedarán sometidos ás seguintes normas específicas:
a) En canto aos postos. Os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros. Permítese unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición en triángulo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).
Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física.
Recoméndase aos responsables dos postos poñer á disposición da clientela luvas dun só uso. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda. Recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.
b) En canto ás persoas vendedoras. Serán as persoas titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.
c) En canto ás persoas usuarias. A distancia mínima entre cada persoa usuaria do mercado será de 2 metros coas excepcións que establece para o efecto a normativa estatal.
A Policía Local, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil e, en xeral, os axentes da autoridade velarán por que desde o inicio ata a conclusión do mercado se respecte esta distancia mínima persoal, regulando se for necesario o acceso para evitar aglomeracións e evitando na medida do posible calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda.
d) En canto á limpeza e recollida. Os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para o efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e, en todo caso, observaranse as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais.
Artigo 3. Venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais
O Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), do 13 de marzo de 2020, foi expresamente ratificado pola disposición derradeira primeira do Real decreto 463/2020. O punto dez do dito Acordo do 13 de marzo exceptúa da suspensión de apertura os «establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos a continuación segundo a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) e, concretamente, o código 47.76 comprende o «Comercio ao retallo de flores, plantas, sementes, fertilizantes (…) en establecementos especializados».
En aplicación desa disposición, os establecementos que vendan os referidos produtos non se atoparían afectados pola suspensión de apertura decretada.
Sen prexuízo da venda en establecemento de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, esta poderá realizarse tamén a través da venda ambulante, con desprazamento das persoas vendedoras ás localidades onde teñen os seus clientes, nos termos e condicións para a venda ambulante ou non sedentaria previstos na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, nas ordenanzas municipais e demais normativa aplicable.
As persoas vendedoras de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais deberán dispoñer do carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios, que poderá exixírselles como acreditación. Igualmente, a acreditación polas persoas compradoras de produtos vexetais con destino á plantación en hortas farase co dito o carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios.
Artigo 4. Realización de actividades agrarias
As persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e das viñas.
Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.
Respecto das persoas que teñan cultivos ou viñas considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais e, polo tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos ditos cultivos e viñas, sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual. En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na leira, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.
En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderá realizarse coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.
Disposición derradeira única. Vixencia
A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata a finalización da declaración do período do estado de alarma ou as súas prórrogas.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *