Venda directa produtos agrogandeiros GALICIA
ORDE do 27 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 23 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19, en cumprimento do acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.
A Orde do 23 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 en cumprimento do acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias, ditouse co fin de garantir a aplicación das medidas previstas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, e na demais normativa ditada en prol de contribuír á loita contra a pandemia e, moi particularmente, cortar a cadea de contaxios do virus, evitar as concentracións de persoas e os desprazamentos pola vía pública.
Cómpre subliñar, ademais, que a Comunidade Autónoma de Galicia xa acordara a declaración da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, activara o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 50 bis, do 13 de marzo), e determinara no seu ordinal cuarto que para o desenvolvemento do plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña e se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.
En desenvolvemento desas disposicións, e de conformidade co acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo, procedeuse, a través da devandita Orde do 23 de marzo de 2020, a establecer normas complementarias no ámbito da venda directa de produtos frescos, da venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, así como sobre o desenvolvemento da actividade agrícola polas persoas que se dedican a esta actividade do sector primario.
O tempo transcorrido desde a primeira declaración do estado de alarma e a propia evolución da emerxencia sanitaria coa implementación das medidas adoptadas durante as últimas semanas permiten agora modificar algunha das medidas previstas na Orde do 23 de marzo de 2020 e, singularmente, aquelas cuxa incidencia non redunde nunha alteración substancial da motivación última da propia orde. Así, no caso dos desprazamentos para atender cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, é dicir, sen fins comerciais, o fin perseguido pode lograrse igualmente, e ao mesmo tempo ter presente a dispersión xeográfica existente en Galicia, sempre que ese desprazamento se realice dentro do mesmo termo municipal ou, de realizarse a outro termo municipal, non supoña unha distancia superior a 5 km da súa vivenda habitual e así o declare responsablemente a persoa que realiza esas actividades agrarias non profesionais.
Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, da protección e control da sanidade animal e vexetal, da defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, e dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, segundo o previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e, de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e nas demais disposicións do corpo normativo ditado en sede do estado de alarma decretado por razón da emerxencia sanitaria COVID-19 actualmente existente,
ACORDO:
Artigo único. Modificación da Orde do 23 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19, en cumprimento do acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias
Modifícase o artigo 4, que queda redactado como segue:
Artigo 4. Realización de actividades agrarias
As persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos.
Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.
Respecto das persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais e, polo tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos devanditos cultivos e viñas sempre que o desprazamento se realice dentro do mesmo termo municipal ou, de realizarse a outro termo municipal, que non supoña unha distancia superior a 5 km da súa vivenda habitual. En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas no predio, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.
En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, as actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderanse realizar coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.
Sen prexuízo do anterior, as persoas que teñan cultivos ou viñas de autoconsumo deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda os predios nos cales levan a cabo eses cultivos, incluíndo a identificación da parcela, o tipo de cultivos que realiza e, no caso de tratarse de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan tratamentos fitosanitarios e que, polo tanto, carece do carné de aplicador/manipulador destes produtos. Nese documento, ademais, a persoa deberá declarar responsablemente que leva desprazándose de xeito habitual ao predio en cuestión para a realización de actividades agrarias de autoconsumo polo menos durante o último ano.
Todo isto sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración cara a verificar o contido de tal declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Disposición derradeira única. Vixencia
A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata a finalización da declaración do período do estado de alarma ou as prórrogas deste.
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!