Coordinación de Policias Locales de Galicia
LEI 9/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
[sc name=”Seguridad Pública” ]
Exposición de motivos
I
Desde a súa entrada en vigor, a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia, xunto coas normas ditadas para o seu desenvolvemento, mostráronse como un conxunto normativo que constitúe unha ferramenta necesaria para potenciar cambios importantes nos corpos de Policía local e no seu persoal, que xa permitiron que estes corpos amosasen unha visible homoxeneidade en todos os concellos galegos.
Pola súa banda, dentro do marco establecido para o efecto pola mesma lei no seu artigo 16, a Xunta de Galicia está a desenvolver as funcións de coordinación das policías locais de Galicia, con respecto á autonomía local recoñecida pola Constitución e ás competencias estatais en materia de seguridade. Para ese labor conta coa axuda dos órganos colexiados de referencia, como son o Gabinete Técnico e a Comisión de Coordinación de Policías Locais, e os grupos técnicos de traballo derivados desta.
No marco desta actividade de coordinación, ao longo destes anos os actores con competencias neste ámbito –Administración autonómica, concellos e representantes dos policías locais– foron constatando que determinadas cuestións reguladas na lei resultaban pouco operativas e mesmo, en determinados casos, chegaban a supoñer un atranco ou unha dificultade para aspectos importantes de cara á estrutura e conformación dos corpos de Policía local prevista na propia lei, de xeito que con esa perspectiva temporal semellan agora necesarias algunhas modificacións nela co fin de establecer unha serie de cambios e axustes que permitan acadar un maior índice de eficacia tanto no que atinxe ás expectativas dos concellos como no relativo á organización e estrutura dos cadros de persoal das policías locais.
Por outra banda, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado pola Lei 7/2007, do 12 de abril, como lexislación básica que afecta tamén a normativa de coordinación de policías locais na súa parte xeral, xunto coa entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, obriga á adaptación dalgúns artigos da Lei 4/2007 a aquela lexislación básica de ámbito estatal.
Do mesmo xeito, a entrada en vigor da Lei orgánica 4/2010, do 20 de maio, do réxime disciplinario do Corpo Nacional de Policía, introduce algunhas disposicións de obrigada referencia por atoparse dentro da parte orgánica daquel texto normativo, que supoñen tamén un cambio no articulado dentro do título VII da Lei 4/2007, especialmente no que afecta a descrición das faltas e a súa tipoloxía, a enumeración das sancións e a prescrición de ambas.
Tamén cómpre engadir a esta situación o impacto que provoca a Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 13 de novembro de 2014, ao considerar discriminatorio o establecemento dun límite de idade de acceso nos procesos de selección para o persoal dos corpos de Policía local, por non xulgalo acorde coa Directiva 2000/78/CE, do 27 de novembro de 2000, agás a excepción recollida nela.
En relación con esta cuestión, o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou, así mesmo, a Sentenza 00681/2014, do 26 de novembro, na cal mantén unha liña argumental derivada da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
II
A existencia de procesos selectivos en desenvolvemento afectados por estas cuestións, así como as expectativas doutros concellos de convocaren procesos selectivos para cubrir vacantes nos corpos de Policía local, fan necesaria unha urxente revisión da actual Lei de coordinación, co fin de adaptala e actualizala aos novos requirimentos, derivados tanto de determinadas lagoas da propia Lei de coordinación como das exixencias de leis de carácter básico e, mesmo, das sentenzas xudiciais anteditas, de maneira que se garanta o principio de seguridade xurídica na elaboración dos contidos das bases das convocatorias.
Por esta razón, con esta lei preténdese modificar aqueles artigos da Lei 4/2007 afectados por algún dos procesos descritos, pero tamén aqueloutros que, ao longo dos anos de vixencia da lei, se mostraron pouco efectivos para facilitar os avances e a actualización da propia lei, co obxecto de permitir unha mellor resposta aos problemas dos corpos de Policía local, que afectan, así mesmo, as administracións locais.
Deste xeito, mantendo a estrutura fundamental da Lei 4/2007, hai unha serie de artigos cuxa modificación resulta obrigada para axustalos tanto aos contidos normativos de carácter básico como ás sentenzas dos tribunais que resultan de obrigada observancia e mesmo, noutro caso, para permitir unha maior eficacia da lei en determinados aspectos operativos e de organización dos corpos de Policía local, favorecendo tanto os propios concellos como o persoal que se integra nestes corpos.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a lei pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
Artigo único. Modificación da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia
A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, queda modificada como segue:
Un. O punto 4 do artigo 11 queda redactado como segue:
«Para estes efectos, os concellos que o desexen poderán asociarse para construír e equipar unha galería de tiro, co fin de facer un uso conxunto dela.»
Dous. Engádese un número 6º na alínea c) do punto 1 do artigo 18, co seguinte texto:
«6º. Un representante designado pola asociación profesional de Policía local que acredite a maior representación do persoal funcionario dos corpos de Policía local.»
Tres. O punto 1 do artigo 19 queda redactado como segue:
«1. A comisión reunirase preceptivamente, con carácter ordinario, dúas veces ao ano, e de forma extraordinaria por petición dun terzo das persoas que a integran ou por disposición da Presidencia.»
Catro. Engádese un novo artigo 22 bis:
«Artigo 22 bis. Acordos de colaboración para a prestación de servizos de policía local
1. Cando dous ou máis concellos galegos limítrofes, cuxa poboación non supere en conxunto os 40.000 habitantes, non dispoñan separadamente de recursos suficientes para prestar os servizos de policía local, poderán asociarse para a prestación destes servizos, de acordo co establecido na disposición adicional quinta da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, e na normativa que a desenvolva.
2. Para iso, os concellos interesados deberán establecer un acordo de colaboración, no que constarán todos os aspectos determinados na normativa de desenvolvemento da citada lei orgánica.
3. Con carácter previo á subscrición deste acordo, deberán solicitar e obter a autorización correspondente do órgano competente.»
Cinco. Os puntos 2 e 3 do artigo 24 quedan redactados como segue:
«2. Cada escala corresponde cos seguintes grupos de clasificación:
a) As escalas superior e técnica: grupo A, subgrupo A1.
b) A escala executiva: grupo A, subgrupo A2.
c) A escala básica: grupo C, subgrupo C1.
3. A titulación exixible para cada grupo ou subgrupo será a establecida na lexislación xeral sobre función pública.»
Seis. Engádese un punto 2 ao artigo 31:
«2. Os concellos que se atopen na situación anteriormente exposta, no prazo máximo de dous anos desde a declaración de dispensa de requisitos, buscarán a fórmula de asociación para a prestación do servizo con concellos limítrofes para poder acadar os mínimos exixidos nesta lei, contando para tal efecto coa asistencia da consellaría competente en materia de seguridade.»
Sete. O artigo 32 queda redactado como segue:
«1. Os sistemas de selección para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía local serán acordes cos principios seguintes:
a) Igualdade, con especial atención á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
b) Mérito e capacidade.
c) Publicidade das convocatorias e das súas bases.
d) Transparencia e obxectividade no desenvolvemento dos procesos selectivos e no funcionamento dos órganos de selección.
e) Imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección.
f) Independencia, confidencialidade e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.
g) Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións ou tarefas que se van desenvolver.
h) Eficacia, eficiencia e axilidade, sen prexuízo da obxectividade, no desenvolvemento dos procesos selectivos.
2. Os procesos selectivos iniciaranse mediante convocatoria pública. As bases da convocatoria, como mínimo, deben conter:
a) O número de prazas, o subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña subgrupo, o corpo e, de ser o caso, a escala, ou a categoría laboral.
b) As condicións e os requisitos que deben reunir as persoas aspirantes.
c) O sistema selectivo aplicable, coa indicación do tipo de probas concretas e os sistemas de cualificación dos exercicios ou, de ser o caso, os baremos de puntuación dos méritos.
d) O programa das probas selectivas ou a referencia da súa publicación oficial.
e) A orde de actuación das persoas aspirantes.
f) O réxime aplicable ao órgano de selección.
g) As características, os efectos e a duración dos cursos e/ou do período de prácticas que deban realizar, de ser o caso, as persoas seleccionadas.
h) A porcentaxe de prazas reservadas para a promoción interna e para persoas con discapacidade, de proceder.
3. As convocatorias e as súas bases publicaranse no boletín oficial da provincia, así como un anuncio delas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, en que aparecerá, en todo caso, o concello convocante, o número de prazas que se convocan, a escala e categoría a que pertencen, o sistema de acceso e unha cita dos boletíns oficiais en que figuren as bases correspondentes, que serán vinculantes para a Administración, os tribunais que avalíen as probas selectivas e as persoas participantes.
4. As probas selectivas para ingresar nas escalas e categorías dos corpos da Policía local de Galicia son de carácter teórico e práctico e poden incluír probas de capacidade física, psicotécnicas, médicas e de coñecementos, que se fixarán nas bases da convocatoria. Así mesmo, incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.
5. Por vía regulamentaria fixaranse os programas dos temarios para o ingreso na categoría de policía, os baremos dos concursos de méritos e os programas dos cursos selectivos que se desenvolvan na Academia Galega de Seguridade Pública.
6. Os concellos poderanlle solicitar á consellaría competente en materia de seguridade a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de Policía local na forma que regulamentariamente se estableza.
7. Así mesmo, a Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.
8. Pódense convocar procesos selectivos conxuntos para o ingreso en diversos corpos ou escalas do persoal funcionario.»
Oito. O artigo 33 queda agora redactado como segue:
«1. Ademais de estar en posesión da titulación requirida en cada caso, os requisitos de ingreso nos corpos de Policía local de Galicia serán os establecidos con carácter xeral para o ingreso na Administración local e aqueloutros relacionados co carácter específico deste corpo, os cales se determinarán regulamentariamente.
2. As probas selectivas de ingreso na categoría de policía serán de carácter teórico e práctico e nelas incluiranse, en todo caso, un recoñecemento médico, un exame psicotécnico, probas de aptitude física e probas de capacitación de coñecementos, tanto xerais como específicos, en materias relacionadas co exercicio profesional, así como a demostración do coñecemento da lingua galega, a través da realización dun exame, agás para aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.»
Nove. O artigo 34 queda redactado como segue:
«Os órganos de selección serán designados pola alcaldía correspondente de acordo cos seguintes principios:
1. Os órganos de selección serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade das persoas que os integren, e tenderase, así mesmo, á paridade entre muller e home.
2. Non poderá formar parte dos órganos de selección o persoal de elección ou de designación política, o persoal interino ou persoal laboral temporal e o persoal eventual, nin tampouco as persoas que nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas ou colaborasen durante ese período con centros de preparación de opositores.
3. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, sen que se poida desempeñar esta en representación ou por conta de ninguén.
4. Os órganos de selección estarán constituídos por cinco persoas titulares e cinco suplentes, presidente/a, tres vogais e secretario/a.
5. Os membros dos órganos de selección deben pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo.»
Dez. Modifícase o punto 4 do artigo 35, que terá a seguinte redacción:
«4. Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.»
Once. Modifícanse as alíneas a) e b) e engádese unha alínea c) ao artigo 37, redactadas como segue:
«a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de policía e posúa a titulación académica de acceso á categoría.»
«b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.»
«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través das convocatorias establecidas nas alíneas a) e b) anteriores, poderá/n ser cuberta/s, mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de Policía local de Galicia coa categoría de policía, en posesión da titulación académica de acceso e unha antigüidade de cinco anos na categoría.»
Doce. Modifícanse as alíneas a) e b) e engádense as alíneas c) e d) ao artigo 38, redactadas como segue:
«a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de oficial e posúa a titulación académica de acceso á categoría.»
«b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.»
«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través das convocatorias establecidas nas alíneas a) e b) anteriores, poderá/n cubrirse mediante concurso-oposición, por promoción interna, entre persoal do corpo coa categoría de oficial e policía, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía.
d) De non se cubrir a praza ou prazas a través do sistema anterior, poderá/n ser cuberta/s, mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de Policía local de Galicia coa categoría de oficial, en posesión da titulación académica de acceso e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía.»
Trece. Modifícanse as alíneas a) e b) e engádense as alíneas c) e d) ao artigo 39, redactadas como segue:
«a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de inspector/a e posúa a titulación académica de acceso á categoría.»
«b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.»
«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través das convocatorias establecidas nas alíneas a) e b) anteriores, poderá/n cubrirse mediante concurso-oposición, por promoción interna, entre persoal do corpo coa categoría de inspector/a e oficial, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía.
d) De non se cubrir a praza ou prazas a través do sistema anterior, poderá/n ser cuberta/s, mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de Policía local de Galicia coa categoría de inspector/a, en posesión da titulación académica de acceso e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía.»
Catorce. Modifícanse as alíneas a) e engádense as alíneas c) e d) ao artigo 40, redactadas como segue:
«a) Por promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría de inspector/a principal e posúa a titulación académica de acceso á categoría.»
«b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.»
«c) De non se cubrir a praza ou prazas a través das convocatorias establecidas nas alíneas a) e b), poderá/n cubrirse mediante concurso-oposición, por promoción interna, entre persoal do corpo coa categoría de inspector/a principal e inspector/a, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía.
d) De non se cubrir a praza ou prazas a través do sistema anterior, poderá/n ser cuberta/s, mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de Policía local de Galicia coa categoría de inspector/a principal, en posesión da titulación académica de acceso á categoría e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario de policía.»
Quince. Modifícase a alínea b) do artigo 41, que queda redactada como segue:
«b) Así mesmo, para seren cubertas mediante concurso, reservarase, como mínimo, un vinte e cinco por cento das prazas convocadas para funcionarios doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma. Estes funcionarios deberán ter unha categoría igual á da convocatoria e unha antigüidade mínima nela de tres anos.»
Dezaseis. O artigo 44 queda redactado como segue:
«Os alcaldes, logo do informe dos respectivos xefes da Policía local, poderán autorizar a permuta de destinos entre os membros correspondentes dos corpos de Policía local ou axentes de policía en activo que sirvan en diferentes concellos, sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:
a) Que ambos sexan funcionarios dos corpos de Policía local.
b) Que pertenzan á mesma escala e categoría.
c) Que a ningunha das persoas que pretendan a permuta lle falten menos de cinco anos para cumprir a idade de xubilación forzosa.
d) Que a ningún dos solicitantes se lle estea incoando un expediente disciplinario.
e) Non poderá solicitar unha nova permuta ningún dos permutantes ata que transcorran cinco anos desde a obtención dunha anterior.»
Dezasete. Engádese o punto 4 ao artigo 48:
«4. No marco da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, determinaranse os conceptos retributivos que poidan ser comúns a todos os concellos, respectando a necesaria independencia dos entes locais.»
Dezaoito. Modifícase o artigo 61, que queda redactado como segue:
«A xubilación forzosa do persoal dos corpos de Policía local de Galicia declararase de oficio ao cumprir a idade legalmente establecida no réxime da Seguridade Social aplicable para o acceso á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva sen coeficiente redutor por razón de idade, sempre de acordo co que se dispoña na indicada lexislación.»
Dezanove. Modifícase o artigo 64.3, que queda redactado como segue:
«3. Así mesmo, o concello, tras a comunicación á consellaría competente en materia de seguridade, poderá aprazar o pase á situación de segunda actividade, por sucesivos períodos dun ano, cando exista solicitude expresa da persoa interesada, e sempre que se achegue informe médico favorable.»
Vinte. Modifícase o artigo 65.1, que queda redactado como segue:
«1. Pasará á situación de segunda actividade, sen a limitación das idades determinadas no artigo anterior, o persoal funcionario dos corpos da Policía local que teña diminuídas as aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais necesarias para o desempeño da función policial, ben por incapacidade temporal, enfermidade ou accidente, de orixe común ou laboral, e sempre que non constitúa causa de incapacidade permanente absoluta. O dito procedemento poderase iniciar de oficio ou por solicitude da persoa interesada.»
Vinte e un. De acordo coas previsións contidas na Lei orgánica 4/2010, do 20 de maio, do réxime disciplinario do Corpo Nacional de Policía, o título VII da Lei 4/2007 queda redactado como segue:
«TÍTULO VII
Do réxime disciplinario
Artigo 75. Disposicións xerais
1. O réxime disciplinario dos corpos da Policía local, sen prexuízo da observancia das garantías recoñecidas no ordenamento xurídico, inspirarase nos principios básicos de actuación que se establecen no capítulo II do título II desta lei.
2. Sen prexuízo das responsabilidades civís e penais que poidan proceder, o réxime disciplinario aplicable ao persoal dos corpos da Policía local será o que se establece nesta lei, na Lei orgánica 4/2010, na Lei orgánica 2/1986 e, na súa falta, na lexislación vixente en materia de función pública.
Artigo 76. Ámbito de aplicación
1. Esta lei é aplicable ao persoal funcionario dos corpos de Policía local que se atope nas situacións de servizo activo e de segunda actividade ocupando destino no corpo de Policía local.
2. O persoal funcionario en situación de segunda actividade sen ocupar destino no corpo de Policía local estará sometido ao réxime xeral disciplinario da función pública.
3. Aquel persoal que se atope en situación distinta das anteriores incorrerá en responsabilidade disciplinaria polas faltas previstas nesta lei que poida cometer dentro das súas peculiares situacións administrativas en razón da súa pertenza a un corpo de Policía local, sempre que non lle sexa aplicable outro réxime disciplinario ou que, de selo, non estea prevista nel aquela conduta.
4. O persoal en prácticas queda sometido ás normas de réxime disciplinario establecidas no Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública e, con carácter supletorio para aqueles supostos en que o feito non constitúa falta de disciplina docente, ás normas desta lei que lle sexan aplicables, sen prexuízo das normas específicas que regulen o seu procedemento de selección.
Artigo 77. Persoas responsables, obriga de comunicación de infraccións e extensión de responsabilidade
1. O persoal dos corpos da Policía local pode incorrer en responsabilidade disciplinaria pola comisión das faltas que se tipifican neste título, desde o momento da toma de posesión ata o da xubilación ou da perda da condición de persoal funcionario.
2. O persoal dos corpos de Policía local terá a obriga de comunicar por escrito ao mando superior inmediato os feitos de que teña coñecemento que considere constitutivos de faltas graves e moi graves, agás cando este mando superior sexa a persoa que se vai denunciar; en tal caso, a comunicación efectuaráselle ao mando superior inmediato daquela.
3. Incorrerán na mesma responsabilidade prevista para as persoas autoras dunha falta aquelas que induzan á súa comisión.
4. Así mesmo, incorrerán en falta de inferior grao as persoas que encubrisen a comisión dunha falta moi grave ou grave e os mandos que a toleren. Entenderase por encubrimento non dar conta ao mando superior xerárquico competente, de forma inmediata, dos feitos constitutivos de falta moi grave ou grave de que se teña coñecemento.
Artigo 78. Faltas disciplinarias
As faltas disciplinarias en que pode incorrer o persoal dos corpos de Policía local poderán ser moi graves, graves ou leves.
Artigo 79. Faltas moi graves
Son faltas moi graves:
a) O incumprimento do deber de fidelidade á Constitución e ao Estatuto de autonomía no exercicio das funcións.
b) Ter sido condenado/a en virtude de sentenza firme por un delito doloso relacionado co servizo ou que cause grave dano á Administración ou ás persoas.
c) O abuso de atribucións que cause grave dano á cidadanía, ao persoal subordinado, á Administración ou ás entidades con personalidade xurídica.
d) A práctica de tratos inhumanos, degradantes, discriminatorios ou vexatorios á cidadanía que se atope baixo custodia policial.
e) A insubordinación individual ou colectiva, respecto das autoridades ou mandos de que dependan.
f) O abandono de servizo, agás que exista causa de forza maior que impida comunicar ao mando superior o dito abandono.
g) A publicación ou a utilización indebida de segredos oficiais, declarados así conforme a lexislación específica na materia.
h) A violación do segredo profesional cando prexudique o desenvolvemento do labor policial, a cidadanía ou as entidades con personalidade xurídica.
i) O incumprimento das normas sobre incompatibilidades cando iso dea lugar a unha situación de incompatibilidade.
j) A participación en folgas, en accións substitutivas destas ou en actuacións concertadas co fin de alterar o normal funcionamento dos servizos.
k) A falta de colaboración manifesta con outro persoal das forzas e corpos
de seguridade, cando resulte prexudicado gravemente o servizo ou deriven consecuencias graves para a seguridade cidadá.
l) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante o servizo ou realizalo en estado de embriaguez ou baixo os efectos manifestos dos produtos citados.
m) A negativa inxustificada a someterse a recoñecemento médico ou a proba de alcoholemia ou de detección de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, lexitimamente ordenados, co fin de constatar a capacidade psicofísica para prestar o servizo.
n) Toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, sexo, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
ñ) O acoso sexual e o acoso laboral, consistente este último na realización reiterada, no marco dunha relación de servizo, de actos de acoso psicolóxico ou hostilidade.
o) A obstaculización grave ao exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.
p) As infraccións tipificadas como moi graves na lexislación sobre utilización de videocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos.
Artigo 80. Faltas graves
Son faltas graves:
a) A grave desconsideración co persoal de pertenza ao corpo ou coa cidadanía, no exercicio das súas funcións ou cando cause descrédito notorio á institución policial.
b) A desobediencia aos mandos superiores xerárquicos ou responsables do servizo con motivo das ordes ou instrucións lexítimas dadas por aqueles, agás que constitúan infracción manifesta do ordenamento xurídico.
c) A omisión da obriga de informar a superioridade coa debida dilixencia de todo asunto que, pola súa entidade, requira o seu coñecemento ou decisión urxente.
d) A falta de presentación ou posta á disposición inmediata na dependencia de destino ou na máis próxima, nos casos de declaración dos estados de alarma, excepción ou sitio ou cando así se dispoña, no caso de alteración grave da seguridade cidadá.
e) A terceira falta inxustificada de asistencia ao servizo nun período de tres meses cando as dúas anteriores fosen obxecto de sanción firme por falta leve.
f) Non prestar servizo alegando suposta enfermidade.
g) A falta de rendemento reiterada que ocasione un prexuízo á cidadanía, ás entidades con personalidade xurídica ou á eficacia dos servizos.
h) O abuso de atribucións cando non constitúa infracción moi grave.
i) A emisión de informes sobre asuntos de servizo que, sen faltar abertamente á verdade, a desnaturalicen, valéndose de termos ambiguos, confusos ou tendenciosos, ou a alteren mediante inexactitudes, cando se cause prexuízo á Administración ou á cidadanía, sempre que o feito non constitúa delito ou falta moi grave.
j) A intervención nun procedemento administrativo cando concorra algunha das causas legais de abstención.
k) Non portar durante o servizo o uniforme regulamentario, cando o seu uso sexa preceptivo, os distintivos da categoría ou cargo, a arma regulamentaria ou os medios de protección ou acción que se determinen, sempre que non medie autorización en contrario.
l) Exhibir armas sen causa que o xustifique, así como utilizalas en acto de servizo ou fóra del infrinxindo as normas que regulan o seu emprego.
m) Dar lugar ao extravío, perda ou subtracción por neglixencia inescusable dos distintivos de identificación ou da arma regulamentaria.
n) Asistir de uniforme a calquera manifestación ou reunión pública, agás que se trate de actos de servizo ou actos oficiais en que a asistencia de uniforme estea indicada ou fose autorizada.
ñ) Causar, por neglixencia inescusable, danos graves na conservación dos locais, do material ou dos demais elementos relacionados co servizo ou dar lugar ao extravío, á perda ou á subtracción destes.
o) Impedir, limitar ou obstaculizar ao persoal subordinado o exercicio dos dereitos que teñan recoñecidos, sempre que non constitúa falta moi grave.
p) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas fóra do servizo, cando tales circunstancias teñan carácter habitual ou afecten a imaxe do corpo policial. Entenderase que existe habitualidade cando estiveren acreditados tres ou máis episodios de embriaguez ou consumo das substancias referidas nun período dun ano.
q) A tenza de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, agás que esa tenza derive de actuacións propias do servizo.
r) Solicitar e obter cambios de destino mediando calquera recompensa ou ánimo de lucro ou falseando as condicións que os regulan.
s) Empregar ou autorizar a utilización para usos non relacionados co servizo ou con ocasión deste, ou sen que medie causa xustificada, de medios ou recursos inherentes á función policial.
t) As infraccións ao disposto na lexislación sobre utilización de videocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos non constitutivas de falta moi grave.
u) O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoñan mantemento dunha situación de incompatibilidade.
v) A violación do segredo profesional cando non prexudique o desenvolvemento do labor policial, as entidades con personalidade xurídica ou a cidadanía.
w) A falta de colaboración manifesta con outro persoal dos corpos e forzas de seguridade, sempre que non mereza a cualificación de falta moi grave.
x) A infracción de deberes ou obrigas legais inherentes ao cargo ou á función policial, cando se produzan de forma grave e manifesta.
y) Ter sido condenado/a en virtude de sentenza firme por un delito doloso, sempre que non constitúa infracción moi grave, ou por unha falta dolosa cando a infracción penal cometida estea relacionada co servizo.
z) A non prestación de auxilio con urxencia naqueles feitos ou circunstancias graves en que sexa obrigada a súa actuación, agás que constitúa delito.
z bis) A infracción das normas de prevención de riscos laborais que poña en grave risco a vida, a saúde ou a integridade física, propia ou do demais persoal do corpo de pertenza.
z ter) A negativa reiterada a tramitar calquera solicitude, reclamación ou queixa relacionada co servizo, sempre que non constitúa falta leve.
z quáter) Aquelas accións ou omisións tipificadas como faltas moi graves que, de acordo cos criterios que se establecen no artigo 82, merezan a cualificación de graves, e sen que estas, pola súa vez, poidan ser cualificadas como faltas leves.
Artigo 81. Faltas leves
Son faltas leves:
a) O atraso ou a neglixencia no cumprimento das funcións e ordes recibidas.
b) A incorrección coa cidadanía, ou con outro persoal dos corpos e forzas de seguridade, sempre que non mereza unha cualificación máis grave.
c) A inasistencia ao servizo que non constitúa falta de maior gravidade e o incumprimento da xornada de traballo, así como as faltas repetidas de puntualidade, nos trinta días precedentes.
d) O mal uso ou o descoido na conservación dos locais, do material ou dos demais elementos dos servizos, así como o incumprimento das normas dadas nesta materia, cando non constitúa falta máis grave.
e) Dar lugar ao extravío, perda ou subtracción, por simple neglixencia, dos distintivos de identificación, da arma regulamentaria ou doutros medios ou recursos destinados á función policial.
f) A exhibición dos distintivos de identificación sen causa xustificada.
g) Prescindir do conduto regulamentario para formular calquera solicitude, reclamación ou queixa relacionada co servizo, así como non tramitalas.
Quedan exceptuadas do conduto regulamentario aquelas que sexan formuladas pola representación das organizacións sindicais no exercicio da súa actividade sindical.
h) O descoido no aseo persoal e o incumprimento das normas sobre a uniformidade, sempre que non constitúa falta grave.
i) A ausencia inxustificada de calquera servizo, cando non mereza cualificación máis grave.
j) A omisión intencionada de saúdo a un superior, que este non o devolva ou infrinxir doutro modo as normas que o regulan.
k) Calquera clase de xogo que se leve a cabo nas dependencias policiais, sempre que prexudique a prestación do servizo ou menoscabe a imaxe policial.
l) Portar insignias, condecoracións ou outros distintivos sen estar autorizado para iso, sempre que non mereza unha cualificación máis grave.
m) Ter sido condenado/a en virtude de sentenza firme por unha falta dolosa cando a infracción penal cometida cause dano á Administración ou á cidadanía.
n) Aquelas accións ou omisións tipificadas como faltas graves que, de acordo cos criterios que se establecen no artigo 82, merezan a cualificación de leves.
Artigo 82. Criterios de graduación de sancións
Para a graduación da sanción que se vaia impoñer, e actuando baixo o principio de proporcionalidade, teranse en conta os seguintes criterios:
a) A intencionalidade.
b) A reincidencia. Existe reincidencia cando a persoa, ao cometer a falta, xa fose anteriormente sancionada en resolución firme por outra falta de maior gravidade ou por dúas de gravidade igual ou inferior e que non fosen canceladas.
Para os efectos da reincidencia, non se computarán os antecedentes disciplinarios cancelados ou que debesen selo.
c) O historial profesional, para estes efectos, só se poderá valorar como circunstancia atenuante.
d) A incidencia sobre a seguridade cidadá.
e) A perturbación no normal funcionamento da Administración ou dos servizos que lle estean encomendados.
f) O grao de afectación aos principios de disciplina, xerarquía e subordinación.
g) No caso dos artigos 79.b) e 80.y) valorarase especificamente a contía ou entidade da pena imposta en virtude de sentenza firme, así como a relación da conduta delituosa coas funcións policiais.
Artigo 83. Sancións
1. As sancións que se poden impoñer pola comisión de faltas moi graves son:
a) A separación do servizo.
b) A suspensión de funcións desde tres meses e un día ata un máximo de seis anos.
2. Por faltas graves poderase impoñer a sanción de suspensión de funcións desde cinco días a tres meses.
3. As sancións que se poden impoñer pola comisión de faltas leves son:
a) A suspensión de funcións dun a catro días, que non supoñerá a perda de antigüidade nin implicará a inmobilización no escalafón.
b) O apercibimento.
Artigo 84. Prescrición das faltas
1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos; as graves, aos dous anos; e as leves, ao mes.
2. O prazo de prescrición comezarase a contar desde que a falta se cometese, agás que esta derive de feitos que sexan obxecto de condena por delito doloso; en tal caso, o prazo comezará a contar desde a data de firmeza da sentenza condenatoria.
3. A prescrición interromperase pola iniciación do procedemento; para estes efectos, a resolución pola que se acorde a súa incoación deberá ser debidamente rexistrada e notificada á persoa expedientada ou publicada, sempre que esta non for achada. O prazo de prescrición reiniciarase se o procedemento permanecese paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable á persoa sometida a expediente.
4. Cando se inicie un procedemento penal contra persoal funcionario de policía, a prescrición das infraccións disciplinarias que dos feitos poidan derivar quedará suspendida pola incoación daquel procedemento, mesmo cando non se procedese disciplinariamente. Nestes supostos, o prazo volverá correr desde a data de firmeza da resolución xudicial.
Artigo 85. Prescrición das sancións
1. As sancións moi graves prescribirán aos tres anos; as graves, aos dous anos; e as leves, ao mes. O prazo de prescrición das sancións comezarase a contar desde o día seguinte a aquel en que adquiran firmeza.
2. No suposto de suspensión de sancións, se estas son firmes, o prazo de prescrición computarase desde o día seguinte a aquel en que se levou a efecto a suspensión.
3. No caso de concorrencia de varias sancións, o prazo de prescrición das sancións que sexan firmes e estean pendentes de cumprimento comezarase a contar desde o día seguinte a aquel en que quede extinguida a sanción que a preceda na orde de cumprimento ou, de ser o caso, desde a data en que producise eficacia a inexecución da sanción.
4. O cumprimento dos prazos de prescrición da sanción supón a cancelación das correspondentes anotacións no expediente persoal.
Transcorrido o prazo para a prescrición da sanción, o órgano competente acordarao de oficio e notificarao ás persoas interesadas.
Artigo 86. Cancelación
1. As sancións disciplinarias anotaranse no rexistro de persoal, coa indicación das faltas que as motivan.
2. Transcorridos seis meses desde o cumprimento da sanción se se trata de faltas leves, ou dous e tres anos, respectivamente, segundo se trate de faltas graves ou moi graves non sancionadas coa separación do servizo, acordarase de oficio a cancelación daquelas anotacións, sempre que durante aquel tempo non fose sancionada a persoa expedientada por feitos cometidos neses mesmos períodos.
3. A cancelación producirá o efecto de anular a anotación sen que poida certificarse sobre ela, agás cando o soliciten as autoridades competentes para iso, facéndose constar expresamente a cancelación, e para os únicos efectos do seu expediente persoal.
Artigo 87. Procedemento
1. O procedemento sancionador do persoal dos corpos de Policía local axustarase aos principios de legalidade, impulso de oficio, imparcialidade, axilidade, eficacia, publicidade, contradición, irretroactividade, tipicidade, responsabilidade, proporcionalidade e concorrencia de sancións, e comprende esencialmente os dereitos á presunción de inocencia, información, defensa e audiencia.
2. Unicamente se poderán impoñer sancións disciplinarias en virtude de procedemento disciplinario instruído para o efecto, de acordo co que se determine regulamentariamente segundo a tipoloxía das faltas.
3. A iniciación dun procedemento penal contra o persoal dos corpos de Policía local non impedirá a incoación de procedementos disciplinarios polos mesmos feitos. Non obstante, a súa resolución definitiva só se poderá producir cando a sentenza ditada no ámbito penal sexa firme, e a declaración de feitos probados que conteña vinculará a Administración.
4. Só poderá recaer sanción penal e administrativa sobre os mesmos feitos cando non houber identidade de fundamento xurídico e ben xurídico protexido.»
Vinte e dous. O punto 3 do artigo 92 queda redactado como segue:
«3. Para o acceso a vixilante municipal requirirase a certificación de ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo C, subgrupo C2, do Estatuto básico do empregado público.»
Vinte e tres. O punto 5 do artigo 95 queda redactado como segue:
«5. Para a contratación como persoal auxiliar da Policía local requirirase a certificación de ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo C, subgrupo C2, do Estatuto básico do empregado público.»
Vinte e catro. A disposición adicional segunda queda redactada como segue:
«Os/As vixilantes e auxiliares de policía e persoal interino cunha antigüidade mínima nestes postos de tres anos continuados na respectiva entidade local e que no momento da entrada en vigor desta lei estean prestando servizos no concello de que se trate integraranse no corpo de Policía local xa existente ou no que se cree, tras a superación, nun prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei e por un máximo de dúas convocatorias, dun concurso-oposición coa dispensa dos requisitos de idade e estatura.»
Vinte e cinco. Engádese unha nova disposición adicional segunda bis. Regulamentos
«1. Os concellos poderán elaborar e aprobar un regulamento de organización e funcionamento do corpo de Policía local, que deberá axustarse ao establecido na normativa de coordinación vixente, como normas marco de referencia.
2. Este regulamento deberá contar co informe favorable da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.
3. Nel poderán recollerse aqueles aspectos relacionados coa estrutura do corpo, a creación de unidades funcionais e a provisión de postos nela e mais a definición e cobertura dos postos de mando e da xefatura do corpo se é o caso, así como aquelas cuestións relacionadas coa prestación do servizo polo persoal en situación de segunda actividade.»
Vinte e seis. O punto 2 da disposición transitoria primeira queda redactado como segue:
«2. Transcorridos tres anos, contados desde a entrada en vigor desta lei, o persoal funcionario que posúa a titulación académica requirida para o acceso ás escalas e categorías en que é reclasificado quedará integrado, para todos os efectos, nelas. Pola contra, aquel que careza da citada titulación académica quedará integrado, para todos os efectos, nas escalas e categorías en que é reclasificado, pero neste caso na situación de «para extinguir», e permanecerá nelas ata que acredite a obtención dos niveis de titulación académica exixidos en cada caso.»
Disposición adicional primeira. Equivalencia de titulacións para os efectos do acceso aos corpos e escalas do persoal funcionario dos subgrupos de clasificación profesional A1, A2 e C1
1. Poden ingresar por oposición na categoría de policía, como persoal funcionario do subgrupo de clasificación C1, as persoas que estean en posesión da titulación de bacharel ou técnico.
2. Poden acceder por promoción interna ou mobilidade ás categorías de persoal funcionario do subgrupo de clasificación C1 as persoas que estean en posesión da titulación de bacharel ou técnico, ou calquera outra que sexa equivalente ou correspondente ou dea acceso segundo a lexislación xeral.
3. Poden acceder por promoción interna ou mobilidade ás categorías e escalas de persoal funcionario dos subgrupos de clasificación A2 ou A1 as persoas que estean en posesión da titulación de grao, ou calquera outra que sexa equivalente ou correspondente ou dea acceso segundo a lexislación xeral.
Disposición adicional segunda. Acceso aos corpos de Policía local do persoal funcionario previsto no artigo 53.3 da Lei orgánica 2/1986
Sen prexuízo do disposto no artigo 35 desta lei, os concellos que conten con persoal funcionario previsto no artigo 53.3 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, para o exercicio exclusivo das funcións establecidas na alínea b) do punto 1 do citado artigo, poderán efectuar, no prazo de dous anos a partir da entrada en vigor desta lei, procesos selectivos para o acceso deste persoal ao respectivo corpo de Policía local a través dun procedemento de concurso-oposición.
En todo caso, este persoal deberá contar cos seguintes requisitos:
– Antigüidade mínima de tres anos continuados nestes postos.
– Titulación académica de acceso para o grupo C1.
Por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de seguridade determinaranse aqueloutros requisitos de carácter específico para este procedemento especial de acceso, que en todo caso incluirá a superación de probas teóricas e prácticas equivalentes ás que se exixan para o acceso libre ao respectivo corpo de Policía local e a superación tanto dun curso de formación na Academia Galega de Seguridade Pública como dun período de prácticas.
Disposición transitoria única. Procedementos disciplinarios en trámite
Os procedementos disciplinarios en trámite no momento de entrada en vigor desta lei tramitaranse e serán resoltos de acordo coa normativa anterior; non obstante, será aplicable a presente lei naquilo que favoreza o persoal funcionario obxecto de expediente.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para realizar, no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor, o desenvolvemento regulamentario que poida derivar das modificacións recollidas nesta lei.
En particular, nun prazo non superior aos seis meses desde a entrada en vigor desta lei, aprobarase, por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de seguridade, unha regulación da mobilidade horizontal entre os corpos de policías locais de Galicia, que deberá ser negociada no marco da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!