Calendario laboral GALICIA

DECRETO 134/2018, do 10 de outubro, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2019.

[sc name=”secretario” ]

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.
Conforme o referido anteriormente, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia, e por coincidir en domingo substitúense o 6 de xaneiro, Epifanía do Señor, polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas e o 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción, polo día 19 de marzo, Día de San Xosé.
Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez do outubro de dous mil dezaoito,
DISPOÑO:
Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019
De non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 serán as seguintes:
1 de xaneiro Aninovo
19 de marzo Día de San Xosé
18 de abril Xoves Santo
19 de abril Venres Santo
1 de maio Festa do Traballo
17 de maio Día das Letras Galegas
25 de xullo Santiago Apóstolo-Día Nacional de Galicia
15 de agosto Asunción da Virxe
12 de outubro Festa Nacional de España
1 de novembro Todos os Santos
6 de decembro Día da Constitución
25 de decembro Nadal
As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.
Artigo 2. Festas locais
Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 3. Cómputo de prazos
De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.
Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social
Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2018.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil dezanove.
Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dezaoito
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *