Espectáculos públicos GALICIA

DECRETO 98/2020, do 2 de xullo, polo que se regula o procedemento de autorización da celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.


A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos. A materia de espectáculos públicos abrangue as actividades recreativas, tal e como sinalou o Tribunal Constitucional no Auto 46/2001, do 27 de febreiro.
Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado a Galicia en materia de espectáculos públicos, regulou o devandito traspaso e, mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, de asunción e asignación de funcións e servizos transferidos, asumíronse esas funcións e servizos.
Con base na devandita atribución competencial, promulgouse a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. O artigo 4.a) desta norma legal establece que lle corresponde á consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma, conforme o procedemento que deberá ser aprobado no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor da lei.
Así mesmo, no marco xurídico desta norma, cómpre facer unha mención expresa á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, así como ao Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións na materia, dada a súa íntima conexión co obxecto do decreto.
O texto do proxecto de decreto polo que se determina o procedemento para autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma de Galicia foi sometido á información pública mediante a súa publicación no portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Así mesmo, solicitáronse os informes sectoriais necesarios e déuselle audiencia aos sectores máis representativos. De conformidade co artigo 10.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, en relación co artigo 4.1.a) do Decreto 82/2018, do 2 de agosto, polo que se regula a Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, deuse trámite de audiencia a tal comisión, que emitiu, por unanimidade dos seus membros, o seu parecer favorable, na reunión do 9 de decembro de 2019.
Este decreto ten por obxecto establecer, no marco do desenvolvemento normativo da Lei 10/2017, do 27 de decembro, unha regulación do procedemento para autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
O decreto consta de quince artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras. Os tres primeiros artigos regulan o obxecto e o ámbito de aplicación do regulamento, recollen as exclusións e establecen as definicións dos conceptos esenciais a que fará referencia o texto da norma. Nos artigos 4 e 5 determínanse o réxime das autorizacións previstas no decreto así como os órganos competentes para outorgalas. Os artigos 6, 7, 8, 9 e 10 regulan polo miúdo o procedemento para autorizar os espectáculos públicos e as actividades recreativas, segundo teñan carácter competitivo ou non competitivo e con especial mención á normativa específica de aplicación aos eventos que discorran por vías públicas e terreos comprendidos na regulación de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria e á información básica de protección de datos. Finalmente, os artigos 11, 12, 13, 14 e 15 fan referencia, respectivamente, á comprobación de datos, aos servizos sanitarios, ás instalacións portátiles ou desmontables, ao réxime sancionador e á notificación electrónica.
Polo que atinxe á parte final do decreto, a disposición adicional primeira fai referencia á posible aplicación supletoria desta norma polos concellos que non dispoñan de ordenanza específica nesta materia, a disposición adicional segunda fai alusión á actualización dos modelos normalizados e as dúas disposicións derradeiras fan referencia, respectivamente, á habilitación normativa e á entrada en vigor do decreto.
Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os cales cabe destacar a publicación do texto, para alegacións, no portal de transparencia e goberno aberto, así como o trámite de audiencia aos sectores afectados.
Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que, coa aprobación deste decreto, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xullo de dous mil vinte,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto regular o procedemento para autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas recollidos no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia, e sempre que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 4.a) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. O código do procedemento para a súa identificación na sede electrónica é PR477A.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Este decreto será de aplicación a todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para os efectos do disposto no artigo 2.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, terán a consideración de actos e celebracións de carácter privado ou familiar:
a) As excursións, andainas, rutas de sendeirismo ou actividades semellantes organizadas polos centros educativos para o seu alumnado.
b) As peregrinacións organizadas por entidades ou asociacións de carácter social, cultural ou relixioso para as persoas membros delas.
c) As actividades de carácter deportivo, turístico ou cultural organizadas por entidades ou colectivos con carácter exclusivo para as persoas membros delas e con menos de 50 participantes.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos deste decreto, entenderase por:
a) Espectáculos públicos: as representacións, exhibicións, actuacións, proxeccións, competicións ou audicións de concorrencia pública de carácter artístico, cultural, deportivo ou análogo.
b) Actividades recreativas: aquelas que ofrecen ao público, persoas espectadoras ou participantes actividades, produtos ou servizos con fins de recreo, entretemento ou lecer.
c) Espazos abertos ao público: lugares de titularidade pública, incluída a vía pública, ou de propiedade privada, onde ocasionalmente se levan a cabo espectáculos públicos ou actividades recreativas e que non dispoñen de infraestruturas nin instalacións fixas para facelo.
d) Probas deportivas: toda actividade cuxo obxecto sexa competir en espazo ou tempo por vías ou terreos públicos, de uso común ou privados, que sexan utilizados por unha colectividade indeterminada de persoas usuarias, tanto urbanos como interurbanos.
e) Marchas ciclistas organizadas: toda actividade que non poida ser cualificada de proba deportiva e estea concibida como un exercicio físico con fins deportivos, turísticos ou culturais e nas cales participen máis de 50 ciclistas.
f) Eventos con vehículos clásicos: aqueles en que participan vehículos cualificados regulamentariamente como históricos ou con máis de 25 anos de antigüidade en número superior a 10, nos cales se estableza unha clasificación por velocidade ou regularidade non superior a 50 km/h de media, así como a súa participación en acontecementos ou manifestacións turísticas, concentracións, concursos de conservación ou elegancia e, en xeral, calquera clase de evento en que non se estableza clasificación ningunha sobre a base do movemento dos vehículos, xa sexa en función da súa velocidade ou da regularidade.
g) Organizadores/as: persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que, con ánimo de lucro ou sen el, son responsables da organización, produción ou promoción de espectáculos públicos ou actividades recreativas.
Artigo 4. Órganos competentes
Son órganos competentes para outorgar as autorizacións previstas neste decreto:
a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolvan en máis dunha provincia da Comunidade Autónoma.
b) A persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolvan no ámbito territorial da respectiva provincia.
Artigo 5. Réxime de autorizacións
1. Nas autorizacións dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma de Galicia faranse constar, como mínimo, os seguintes estremos:
a) Os datos da persoa, física ou xurídica, organizadora do espectáculo público ou da actividade recreativa.
b) A descrición do espectáculo público ou da actividade recreativa que se vai celebrar.
c) O horario de inicio e finalización do espectáculo público ou da actividade recreativa.
d) A idade de admisión ao espectáculo público ou á actividade recreativa, de conformidade coa normativa vixente.
e) A relación de toda a documentación achegada pola persoa organizadora.
f) As condicións especificadas nos distintos informes sectoriais existentes ou a remisión expresa a estes.
2. Non se outorgará ningunha autorización sen a acreditación documental previa de que a persoa organizadora ten subscrito e vixente o contrato de seguro de responsabilidade civil, de conformidade co disposto na Lei 10/2017, do 27 de decembro.
3. Calquera modificación substancial das condicións do espectáculo público ou actividade recreativa requirirá a correspondente autorización. Para estes efectos, terán a consideración de modificación substancial os cambios na tipoloxía do espectáculo público ou da actividade recreativa, así como nas datas, no horario, no itinerario e nas medidas de seguridade ou sanitarias.
Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) que figura como anexo a este decreto e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. A persoa organizadora do espectáculo público ou da actividade recreativa deberá solicitar a autorización do órgano competente, cunha antelación mínima de 30 días da data prevista para a súa celebración.
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.
De conformidade co disposto no número 4 do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos suxeitos a que fai referencia o artigo 14.2 e 14.3 presenta a súa solicitude presencialmente, as administracións públicas requirirán o interesado para que a emende, a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https:sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
3. Aquelas persoas organizadoras non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas oficinas de asistencia en materia de rexistros das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Información básica sobre a protección de datos persoais
Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta do cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos, e disporán de información adicional en https://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos
Artigo 8. Documentación necesaria para a tramitación das autorizacións de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter non competitivo
1. As persoas organizadoras deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A memoria co seguinte contido mínimo:
– Os planos do percorrido, a relación detallada de municipios polos que discorre e as vías afectadas.
– A descrición do espectáculo público ou da actividade recreativa que se vai celebrar.
– O horario de inicio e finalización do espectáculo público ou da actividade recreativa.
– A indicación de que non existen instalacións portátiles ou desmontables.
b) O cartel ou programa co cumprimento dos requisitos do artigo 20 da Lei 10/2017, do 27 de decembro.
c) O título habilitante necesario segundo a normativa de aplicación no suposto de existiren instalacións portátiles ou desmontables.
d) A acreditación de ter subscrita e en vigor unha póliza de seguro de responsabilidade civil nos termos establecidos na Lei 10/2017, do 27 de decembro.
e) O xustificante do pagamento da taxa administrativa correspondente (código 30.40.01).
f) A relación do persoal encargado da vixilancia cando se prevexan concentracións superiores a 100 persoas, agás no caso de que os concellos polos que discorre a proba acrediten a disposición dos efectivos de Protección Civil ou de Policía Local necesarios para tal fin.
g) A acreditación da dispoñibilidade dos terreos, achegando todos os informes que sexan precisos emitidos polos distintos organismos ou administracións competentes.
h) A declaración responsable da acreditación do cumprimento das medidas en materia de seguridade, especificando as medidas de sinalización do espectáculo público ou da actividade recreativa e os dispositivos de seguridade con que conta nos posibles lugares perigosos.
i) O plan de autoprotección nos casos en que sexa necesario, de conformidade co disposto no Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia.
j) A acreditación do cumprimento do disposto na Instrución 2/2018, do 26 de marzo, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre instalacións eléctricas temporais de feiras e casetas de baixa tensión, nos casos en que sexa procedente.
k) O informe dos concellos en que se desenvolva o espectáculo público ou a actividade recreativa, sobre a súa viabilidade.
l) O informe da xefatura provincial de tráfico correspondente nos supostos en que afecte a seguridade viaria ou teña lugar o peche total ou parcial dalgunha vía obxecto da lexislación sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.
2. As persoas organizadoras obrigadas á presentación electrónica da solicitude deberán presentar a documentación complementaria tamén por vía electrónica. Se algunha das persoas organizadoras presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderase consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos ou falta documentación preceptiva, requirirase a persoa interesada, conforme o previsto nos números 1 e 4 do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para que, nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.
6. As persoas organizadoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa organizadora, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. O órgano competente resolverá outorgando ou denegando a autorización solicitada no prazo máximo de trinta días desde a data de entrada da solicitude no órgano competente para resolver. Unha vez transcorrido ese prazo sen notificarse a resolución expresa, a persoa organizadora poderá entendela rexeitada.
Artigo 9. Documentación necesaria para a tramitación das autorizacións de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter competitivo
1. As persoas organizadoras deberán achegar coa solicitude, ademais da sinalada no artigo 8.1, a seguinte documentación:
a) A póliza do seguro de accidentes que teña como mínimo as coberturas do seguro obrigatorio deportivo.
b) A declaración responsable da acreditación dos servizos sanitarios dispoñibles, de conformidade co establecido no artigo 12.
2. As persoas organizadoras obrigadas á presentación electrónica da solicitude deberán presentar a documentación complementaria tamén por vía electrónica. Se algunha das persoas organizadoras presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderase consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos ou falta documentación preceptiva, requirirase a persoa interesada, conforme o previsto nos números 1 e 4 do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.
6. As persoas organizadoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa organizadora, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. O órgano competente resolverá outorgando ou denegando a autorización solicitada no prazo máximo de trinta días desde a data de entrada da solicitude no órgano competente para resolver. Unha vez transcorrido ese prazo sen notificarse a resolución expresa, a persoa organizadora poderá entendela rexeitada.
Artigo 10. Probas deportivas, marchas ciclistas e outros eventos en vías ou terreos comprendidos na regulación sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria
As probas deportivas, marchas ciclistas e outros eventos en vías ou terreos comprendidos na regulación sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria rexeranse pola normativa específica de aplicación.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa organizadora.
b) NIF da entidade organizadora.
c) DNI/NIE da persoa representante.
2. No caso de que as persoas organizadoras se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas organizadoras a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Servizos sanitarios nos espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter competitivo
1. A organización disporá a existencia, durante a celebración do espectáculo público ou da actividade recreativa, da presenza obrigatoria, como mínimo, dunha ambulancia e dun médico para a asistencia de todas as persoas participantes, sen prexuízo da súa ampliación con máis persoal sanitario, na medida en que se considere necesario.
2. Nos espectáculos públicos ou nas actividades recreativas cuxa participación supere as 750 persoas, contarase cun mínimo de 2 médicos e 2 ambulancias, e deberá engadirse, como mínimo, unha ambulancia e un médico por cada fracción suplementaria de 1.000 participantes.
Artigo 13. Instalacións portátiles ou desmontables
1. No suposto de que exista algún tipo de instalación portátil ou desmontable nos termos establecidos no artigo 3.f) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, a persoa organizadora deberá achegar, xunto coa solicitude de autorización, o correspondente título habilitante expedido polo concello correspondente para a devandita instalación.
2. De non existir ningún tipo de instalación portátil ou desmontable, a persoa organizadora deberá facelo constar expresamente na documentación achegada coa súa solicitude.
Artigo 14. Réxime sancionador
Nas infraccións cometidas polas persoas organizadoras, participantes e público nos espectáculos públicos ou nas actividades recreativas obxecto deste decreto, será de aplicación o disposto na Lei 10/2017, do 27 de decembro, sen prexuízo do disposto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
Artigo 15. Notificación electrónica e trámites posteriores
1. De conformidade co disposto no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as notificacións efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas organizadoras resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas organizadoras que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas organizadoras avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa organizadora deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas organizadoras obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. De conformidade co disposto no artigo 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa organizadora, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas organizadoras realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa organizadora. Cando as persoas organizadoras non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Disposición adicional primeira. Aplicación supletoria
O disposto nos artigos 8 e 9 deste decreto poderá ser aplicado con carácter supletorio por aqueles concellos que non teñan en vigor unha ordenanza específica na materia, respecto daqueles espectáculos públicos e actividades recreativas que lles corresponda autorizar por desenvolverse dentro do seu termo municipal.
Disposición adicional segunda. Actualización do formulario de autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas
De conformidade co disposto na disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o formulario aplicable na tramitación do procedemento regulado na presente disposición, para a súa utilización en papel ou en formato electrónico, poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste formulario actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas para ditar as normas necesarias en desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dous de xullo de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *