Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos GALICIA

DECRETO 52/2021, do 18 de marzo, polo que se regulan o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

O artigo 27.5 do Estatuto de autonomía de Galicia establece como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma as normas procesuais e procedementos administrativos que deriven da organización propia dos poderes públicos.

Pola súa banda, o artigo 6.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que a Administración xeral do Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais disporán dun rexistro electrónico xeral de apoderamentos en que deberán inscribirse, polo menos, os de carácter xeral outorgados apud acta, presencial ou electronicamente por quen teña a condición de persoa interesada nun procedemento administrativo a favor dun representante para actuar no seu nome ante as administracións públicas.

Con posterioridade, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, crea no seu artigo 40 o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia coas funcións que establece o artigo anterior, e no artigo 119.3 sinala que terá a consideración de utilización obrigatoria para as entidades do sector público autonómico. Igualmente, no artigo 41 recóllese que se crea o rexistro autonómico en que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos coa finalidade de simplificar o trámite relativo á acreditación da representación.

Pola súa parte, a disposición transitoria segunda da Lei 4/2019, do 17 de xullo, sinala que o funcionamento efectivo do Rexistro de Apoderamentos de Galicia se producirá na data que se determine no desenvolvemento regulamentario, que se materializa neste decreto, en todo caso antes da data de entrada en vigor da regulación recollida na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A posta en funcionamento do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia vai en consonancia co establecido na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, moi especialmente co sinalado no seu artigo 2.1, no sentido de que a cidadanía ten dereito a que se lle garanta a prestación duns servizos públicos de calidade sobre a base da proximidade, a eficiencia, a eficacia e a transparencia, e no artigo 6, que no seu punto 1 describe a atención á cidadanía como o conxunto de medios que o sector público autonómico pon á disposición dos cidadáns e cidadás para lles facilitar o exercicio dos seus dereitos, o cumprimento das súas obrigas e o acceso aos servizos públicos.

O obxectivo fundamental desta norma é cumprir co sinalado nas disposicións anteriores e desenvolver o funcionamento dos dous rexistros creados pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, establecendo desta forma unha nova comunicación entre a Administración e a cidadanía, facilitando unhas relacións máis amplas e máis fluídas e permitindo que terceiras persoas, neste caso o representante ou representantes, poidan actuar directamente en nome doutra persoa para unha xestión máis segura dos seus dereitos e máis áxil das súas pretensións.

Este decreto consta de 22 artigos, distribuídos en tres capítulos, cinco disposicións adicionais, tres disposicións derradeiras e cinco anexos. No capítulo I, denominado disposicións xerais, constan o obxecto do decreto, o ámbito de aplicación e a competencia. O capítulo II, denominado Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, consta de trece artigos, que regulan as diferentes tipoloxías de poderes susceptibles de inscrición, e o procedemento de inscrición, contido, vixencia dos poderes inscritos, eficacia ou consulta. No capítulo III do decreto, que consta de seis artigos, regúlase o rexistro autonómico en que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos, cumprindo desta forma co establecido no artigo 41.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo. Esta regulación ten como finalidade simplificar o trámite relativo á acreditación das persoas inscritas, na súa condición de titulares de tales órganos ou cargos que, cando actúen en representación dunha entidade, poden acreditar a representatividade mediante a acreditación da inscrición neste rexistro. O articulado deste capítulo regula as persoas e cargos inscritibles, o contido dos asentos, a forma de inscrición, a actualización dos asentos e a consulta e dispoñibilidade da información.

Na tramitación deste decreto seguiuse o procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e cumpríronse así mesmo os trámites previstos na normativa en materia de transparencia.

Ademais, o presente decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia; configúrase como unha iniciativa necesaria e eficaz, ao atoparse xustificada por unha razón de interese xeral, basearse nunha identificación clara dos fins perseguidos, ser o instrumento máis axeitado para garantir a seguridade xurídica e evitar cargas administrativas innecesarias á cidadanía. Ademais, é eficiente ao non supoñer custo significativo, actuando de xeito proactivo, previndo conflitos e racionalizando, na súa aplicación, a xestión dos recursos públicos.

Do mesmo xeito, tras constatar que non existen outras medidas menos restritivas de dereitos ou que impoñan menos obrigacións aos destinatarios, o presente decreto formula a regulación imprescindible para atender a necesidade que se pretende cubrir, cumprindo así co principio de proporcionalidade. E sempre mantendo a coherencia co resto do ordenamento xurídico, nacional e da Unión Europea, garantindo a seguridade xurídica para xerar un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza que facilite o seu coñecemento e comprensión e, en consecuencia, a actuación e toma de decisións da cidadanía, empresas e institucións.

Na súa virtude, por proposta conxunta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, co referendo do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

  1. Este decreto ten por obxecto regular o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, creado polo artigo 40 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
  2. Igualmente, regúlase o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos, creado polo artigo 41 da Lei 4/2019, do 17 de xullo.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Este decreto será de aplicación ao sector público autonómico, integrado, de acordo co artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral e polas entidades instrumentais.
  2. Malia o establecido no número anterior, non serán aplicables ás entidades instrumentais de dereito privado previstas na alínea b) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, aqueles preceptos que non resulten de aplicación en atención á natureza das ditas entidades e ao réxime xurídico a que deban quedar sometidas as concretas funcións desenvolvidas por elas.

Artigo 3. Órgano competente

Corresponde á consellería con competencias en materia de rexistro e atención á cidadanía a xestión do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e do Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

CAPÍTULO II

Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia

Artigo 4. Poderes inscritibles

  1. No Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia poderán inscribirse os poderes outorgados apud acta, presencial ou electronicamente, polas persoas físicas, xurídicas ou entidades sen personalidade xurídica que teñan a condición de persoas interesadas nun procedemento administrativo a favor dun representante, de acordo cos modelos e coa forma establecidos no presente capítulo.
  2. Os poderes que se inscriban no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia deberán corresponder a algunha das seguintes tipoloxías:
  3. a) Un poder xeral para que a persoa apoderada poida actuar en nome da persoa apoderante en calquera actuación administrativa e ante calquera Administración, segundo o modelo normalizado de poder incluído no anexo I.
  4. b) Un poder para que a persoa apoderada poida actuar en nome da persoa apoderante en calquera actuación administrativa ante a Administración xeral da Xunta de Galicia ou ante unha entidade instrumental concreta á cal lle é de aplicación este decreto, segundo o modelo normalizado de poder incluído no anexo II .
  5. c) Un poder para que a persoa apoderada poida actuar en nome da persoa apoderante unicamente para a realización de determinados trámites especificados no poder, segundo o modelo normalizado de poder incluído no anexo III.

Artigo 5. Acceso ao rexistro

  1. O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  2. As persoas interesadas poderán consultar os apoderamentos inscritos nos cales figuren como persoa outorgante ou persoa apoderada e o alcance de cada un deles.

Artigo 6. Contido

O contido que deberá figurar en cada asento practicado será o seguinte:

  1. a) Datos identificativos da persoa apoderante: nome e apelidos ou denominación ou razón social; documento nacional de identidade, número de identificación fiscal ou documento equivalente.
  2. b) Datos identificativos da persoa apoderada: nome e apelidos ou denominación ou razón social; documento nacional de identidade, número de identificación fiscal ou documento equivalente.
  3. c) Data e número da inscrición.
  4. d) Período de tempo que establece para a vixencia do poder.
  5. e) Tipo de poder segundo as facultades que outorgue e consonte as tipoloxías sinaladas no artigo 4 deste decreto. No caso de que o poder corresponda ás tipoloxías recollidas nas letras b) ou c) do número 2 do artigo 4, no asento constará a información sobre as entidades ou trámites a que se circunscriba o apoderamento.
  6. f) De ser o caso, aqueles documentos electrónicos acreditativos das circunstancias tidas en conta para a inscrición.
  7. g) Indicación sobre se o poder conferido foi aceptado explicitamente pola persoa apoderada ou non, e en que data.

Artigo 7. Forma e documentación que se deberá presentar para o outorgamento dos poderes

  1. Cando a persoa apoderante sexa unha persoa física, o outorgamento do poder poderá realizarse das seguintes formas:
  2. a) Mediante comparecencia da persoa apoderante na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  3. b) Mediante comparecencia presencial da persoa apoderante nalgunha das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro do sector público autonómico.
  4. c) Mediante comparecencia presencial da persoa apoderada nalgunha das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, achegando un poder previamente outorgado polo apoderante mediante documento público ou en documento privado con sinatura lexitimada notarialmente, segundo os modelos normalizados aprobados neste decreto.
  5. Cando a persoa apoderante sexa unha persoa xurídica ou ente sen personalidade, o outorgamento do poder poderá realizarse das seguintes formas:
  6. a) Mediante comparecencia dunha persoa representante legal da persoa apoderante na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, cun sistema de identificación electrónica que o acredite como representante legal da persoa apoderante.
  7. b) Mediante comparecencia presencial do representante legal da entidade apoderante nalgunha das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.
  8. c) Mediante comparecencia presencial da persoa apoderada nalgunha das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, achegando un poder previamente outorgado polo apoderante mediante documento público ou en documento privado con sinatura lexitimada notarialmente, segundo os modelos normalizados aprobados neste decreto.
  9. Os apoderamentos deberán realizarse utilizando os modelos de poder que figuran como anexos I, II e III deste decreto, establecidos respectivamente para cada tipoloxía de poderes inscritibles prevista nas letras a), b) e c) do número 2 do artigo 4, e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  10. No caso das modalidades de presentación previstas nas letras 2.b) e 2.c), será preciso achegar a documentación que acredite os poderes da persoa física representante da entidade apoderante.
  11. Cando se apodere unha persoa xurídica será preciso achegar os seus estatutos para verificar que neles está prevista a súa capacidade de actuar como representante.

Artigo 8. Comprobación de datos

  1. De acordo co establecido na disposición adicional oitava da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, respecto á potestade de verificación das administracións públicas, para a tramitación das solicitudes consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
  2. a) DNI, NIF ou NIE da persoa apoderante ou do seu representante.
  3. b) DNI, NIF ou NIE da persoa apoderada.
  4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

  1. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Aceptación do apoderamento pola persoa apoderada

A aceptación do apoderamento pola persoa apoderada poderá realizarse en calquera momento anterior á finalización da vixencia inicialmente establecida pola persoa apoderante das seguintes formas:

  1. Cando a persoa apoderada sexa unha persoa física:
  2. a) Mediante comparecencia da persoa apoderada na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  3. b) Mediante comparecencia persoal da persoa apoderada nalgunha das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.
  4. c) Cando os outorgamentos de poder se realicen segundo o previsto na alínea b) do artigo 7.1 ou na alínea b) do artigo 7.2, poderase acreditar a aceptación da persoa proposta como apoderada mediante a sinatura desta no recadro previsto para estes efectos no modelo de poder.
  5. Cando a persoa apoderada sexa unha persoa xurídica:
  6. a) Mediante comparecencia dunha persoa representante legal da persoa apoderada na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, cun sistema de identificación electrónica que a acredite como representante legal da persoa apoderada.
  7. b) Mediante comparecencia persoal do representante legal da entidade apoderada nalgunha das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.
  8. c) Cando os outorgamentos de poder se realicen segundo o previsto na alínea b) do artigo 7.1 ou na alínea b) do artigo 7.2, poderase acreditar a aceptación da persoa proposta como apoderada mediante a sinatura do representante legal desta no recadro previsto para estes efectos no modelo de poder.

Artigo 10. Inscrición dos apoderamentos no rexistro

  1. A inscrición dos apoderamentos no rexistro realizarase mediante actuación administrativa automatizada nos casos en que se poidan comprobar automaticamente todos os requisitos necesarios para a inscrición.
  2. De non poder comprobar automaticamente os requisitos, antes de efectuar a inscrición o órgano competente analizará a documentación presentada e poderá solicitar un informe sobre a suficiencia dos poderes e demais documentación xustificativa da personalidade ou da representación á Asesoría Xurídica correspondente.

Unha vez analizada a documentación, o órgano competente efectuará a inscrición no rexistro se esta é correcta ou, de ser o caso, requiriralle ao solicitante a emenda dos defectos detectados na documentación ou denegará a inscrición sinalando a causa en que se fundamenta.

Artigo 11. Vixencia dos poderes

  1. Os poderes inscritos no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia terán unha validez máxima de cinco anos contados desde a data de inscrición.
  2. No caso de que o poder fose outorgado por un período inferior aos cinco anos, a persoa apoderante poderá prorrogalo, sempre que non supere o prazo máximo de validez que se sinala no número anterior.
  3. Durante o período de vixencia do poder a persoa apoderante deberá manter actualizada a información dos apoderamentos inscritos no Rexistro, modificando, de ser o caso, o alcance dos apoderamentos para axustalos á realidade da súa vontade de outorgar a representación.

Artigo 12. Revogación e renuncia do apoderamento

Durante o tempo de vixencia da inscrición do poder a persoa apoderante poderá revogalo e a persoa apoderada poderá renunciar á representación.

A renuncia da persoa apoderada a un apoderamento inscrito no rexistro regulado no presente decreto, ou a súa revogación pola persoa apoderante, producirá efectos desde a súa anotación no rexistro.

A revogación e a renuncia deberán realizarse utilizando os formularios normalizados incluídos como anexos IV e V, que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 13. Forma e lugar de presentación das comunicacións de modificacións na información do rexistro

Os trámites posteriores á inscrición dun apoderamento no rexistro, como a prórroga, revogación ou renuncia, poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas non obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.

Artigo 14. Validez dos apoderamentos

  1. A representación ante as entidades do sector público autonómico que se sinalan no artigo 2 poderá acreditarse a través da súa inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.
  2. Os apoderamentos inscritos no rexistro só producirán efectos respecto dos trámites e procedementos a que expresamente se refira o apoderamento outorgado.
  3. Para aqueles trámites e actuacións en que o órgano ou entidade competente considere imprescindible a aceptación do apoderamento pola persoa apoderada, os apoderamentos producirán efectos só se a dita aceptación consta na inscrición.

Artigo 15. Consultas e certificacións para as persoas interesadas

  1. O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia non ten carácter público, polo que as persoas interesadas só poderán acceder á información dos apoderamentos en que sexan persoa apoderante ou apoderada.
  2. As consultas e certificacións poderán obterse por medios electrónicos, e a persoa interesada deberá empregar os sistemas de identificación previstos no artigo 9 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, admitidos pola Administración autonómica. Estas opcións estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 16. Dispoñibilidade da información para as administracións públicas

A información contida no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia estará dispoñible para os órganos da Administración xeral e do sector público autonómico e para as entidades e administracións públicas en que os ditos apoderamentos teñan efecto.

CAPÍTULO III

Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos

Artigo 17. Persoas e cargos inscritibles

De acordo co sinalado no artigo 41 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, neste rexistro constarán:

  1. a) As persoas que ocupen o cargo da alcaldía dos concellos de Galicia e a presidencia das deputacións provinciais de Galicia.
  2. b) As persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas e das entidades vinculadas ou dependentes destas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galiciaou no boletín oficial correspondente.
  3. c) As persoas que ocupen a dirección dun centro educativo público autonómico, dunha delegación da Xunta de Galicia no exterior, das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia ou dun centro de investigación ou tecnolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. d) As persoas representantes das entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Artigo 18. Contido dos asentos

O contido que deberá figurar en cada asento practicado será o seguinte:

  1. a) Datos identificativos da persoa titular do órgano ou cargo: nome e apelidos, documento nacional de identidade, número de identificación fiscal ou documento equivalente.
  2. b) Datos identificativos do órgano, administración ou entidade: denominación, número de identificación fiscal, código único identificativo do órgano e tipoloxía de entidade.
  3. c) Cargo que ocupa.
  4. d) Vixencia, se é o caso, do cargo.
  5. e) Data e número da inscrición.
  6. f) De ser o caso, aqueles documentos electrónicos acreditativos da titularidade ou referencia ao boletín oficial ou documento acreditativo do seu nomeamento.

Artigo 19. Formas de inscrición

  1. A inscrición das persoas titulares realizarase de oficio nos seguintes casos:
  2. a) As persoas que ocupen o cargo da alcaldía dos concellos de Galicia e a presidencia das deputacións provinciais de Galicia serán inscritas de oficio pola consellería con competencias en materia de relacións coa Administración local.
  3. b) As persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas e das entidades vinculadas ou dependentes destas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galiciae as persoas que desempeñen a dirección dunha delegación da Xunta de Galicia no exterior serán inscritas de oficio pola consellería con competencias en materia de Administración pública.
  4. c) As persoas que desempeñen a dirección ou exerzan outros cargos no equipo directivo dun centro educativo público autonómico non universitario serán inscritas de oficio pola consellería competente en materia de educación non universitaria.
  5. d) As persoas que desempeñen a dirección das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia serán inscritas de oficio pola consellería con competencias en educación universitaria.
  6. e) As persoas que desempeñen a dirección dun centro de investigación ou tecnolóxico serán inscritas de oficio pola consellería competente por razón da materia.
  7. f) As persoas representantes das entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade serán inscritas de oficio polo centro directivo con competencias en materia de emigración.
  8. Sempre que sexa posible, a inscrición de oficio realizarase automaticamente a través de mecanismos de interoperabilidade cos rexistros ou sistemas que manteñan a información da titularidade.

Artigo 20. Actualización da información no rexistro

  1. Os órganos e entidades competentes para as inscricións de oficio previstas no artigo 19.1 serán responsables de manter a información dos rexistros que realizaron permanentemente actualizada dende o momento en que teñan constancia de calquera cambio.
  2. Sempre que sexa posible, a actualización realizarase automaticamente a través de mecanismos de interoperabilidade cos rexistros ou sistemas que manteñan a información da titularidade.

Artigo 21. Consultas e certificacións para as persoas interesadas

  1. O Rexistro electrónico autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos non ten carácter público, polo que só poderán acceder á información as persoas que teñan a condición de interesadas.
  2. As consultas e certificacións poderán obterse por medios electrónicos, e a persoa interesada poderá empregar os sistemas de identificación previstos no artigo 9 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, admitidos pola Administración autonómica. Estas opcións estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 22. Dispoñibilidade da información para as administracións públicas

A información do rexistro estará dispoñible para as entidades e administracións públicas ante as cales as persoas inscritas, na condición de titulares de órganos ou cargos, poidan actuar, conforme a normativa aplicable, en representación da entidade que conste no rexistro.

Disposición adicional primeira. Adhesión ao Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e ao Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos

En aplicación do disposto no artigo 129 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os órganos estatutarios e consultivos da Comunidade Autónoma de Galicia, as entidades locais e as universidades públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os organismos ou entidades vinculados ou dependentes deles poderán adherirse ao uso do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e ao Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos. Esta adhesión será efectiva dende a publicación da resolución adoptada polo órgano encargado da xestión do Rexistro no Diario Oficial de Galicia, logo de petición de adhesión e autorización polos órganos correspondentes.

Disposición adicional segunda. Interoperabilidade

  1. O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia será plenamente interoperable nos termos do artigo 6.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
  2. O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia permitirá comprobar validamente a representación de quen actúe en nome dun terceiro ante as entidades do sector público autonómico ás cales lles é de aplicación este decreto ou ante as entidades adheridas ao rexistro mediante a consulta doutros rexistros de apoderamentos, do rexistro mercantil, do da propiedade e dos protocolos notariais, sempre que a súa consulta estea dispoñible nas condicións axeitadas de interoperabilidade.
  3. Os apoderamentos xerais, correspondentes á tipoloxía establecida no artigo 6.4.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, inscritos nun rexistro electrónico de apoderamentos de calquera Administración pública serán válidos para que a persoa apoderada poida actuar en nome do outorgante en calquera actuación administrativa e ante calquera das entidades incluídas no artigo 2 deste decreto ou as que se adhiran a el.
  4. O rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos será plenamente interoperable

Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados

A consellería con competencias en materia de rexistro e atención á cidadanía será o órgano competente para a aprobación e actualización dos modelos normalizados de poder a que se refire o presente decreto. Unha vez aprobados, será suficiente a súa publicación na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas. No obstante, en virtude do presente decreto apróbanse os modelos iniciais normalizados recollidos nos anexos I, II, III, IV e V.

Disposición adicional cuarta. Protección de datos persoais

  1. Na posta en marcha dos rexistros regulados neste decreto estableceranse as garantías necesarias para o tratamento axeitado dos datos persoais segundo o disposto na normativa vixente en materia de protección de datos, en particular no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais ou normativa que a substitúa.
  2. Estas garantías respectarán os principios recollidos na dita normativa. En particular, a recollida dos datos persoais rexerase polos principios xerais de efectividade, necesidade e proporcionalidade, respectándose en todo caso o principio de minimización dos datos.

Disposición adicional quinta. Interoperabilidade co Rexistro Xeral de Contratistas

  1. O Rexistro Xeral de Contratistas regulado no Decreto 262/2001, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas, modificado polo Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependente, será interoperable co Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.
  2. Os órganos de contratación consultarán o Rexistro Xeral de Contratistas para verificar a inscrición dos poderes. Se estes non están inscritos, consultarán subsidiariamente o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.
  3. En caso de discrepancia entre os poderes inscritos, prevalecerá o inscrito no Rexistro Xeral de Contratistas fronte aos inscritos en calquera outro rexistro de apoderamentos.

Disposición derradeira primeira. Adaptación técnica dos sistemas electrónicos da Xunta de Galicia ao Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia

Os sistemas electrónicos existentes no ámbito do sector público autonómico adecuaranse tecnoloxicamente ao disposto no presente decreto no prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, sen prexuízo do cal os apoderamentos inscritos no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia producirán os efectos correspondentes dende o momento da súa inscrición.

Os sistemas electrónicos que xa dispoñan de rexistros particulares de apoderamentos, ou sistemas equivalentes, de ámbito limitado ao propio sistema e para a realización de trámites específicos deste, seguirán mantendo a súa validez.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltanse as persoas titulares da consellería competente en materia de administración electrónica e da consellería competente en materia de rexistro e atención á cidadanía para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e ás materias propias dos seus respectivos departamentos.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días hábiles da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo