Subvenciones desempleados de Galicia

ORDE do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2017 e 2018

[sc name=”Guía del Interventor Municipal” ]

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúen á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

Conforme o previsto na disposición adicional terceira do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e na letra b) do artigo 1 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta, e establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento. Os artigos 25 a 28 da dita orde regulan as bolsas e axudas que poderán percibir as persoas desempregadas que participen nas modalidades de formación previstas nesa norma. O artigo 28.2 establece, pola súa banda, que as administracións competentes establecerán, nos seus respectivos ámbitos, os prazos de solicitude e concesión das bolsas e axudas.

O artigo 7.b) do Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, establece que durante o tempo de participación nunha acción formativa a muller terá dereito a percibir unha bolsa por asistencia de 10 euros por día lectivo ata a finalización do curso, que se concederá de acordo co procedemento establecido no Real decreto 395/2007 e normas de desenvolvemento.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2. que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo á concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

A contía total prevista inicialmente para o período de vixencia desta orde ascende a 6.963.120 euros. 4.642.080 euros para 2017 e 2.321.040 euros para 2018, con cargo á aplicación orzamentaria 09 41 323 A 480.0, con código de proxecto 2013 00 545, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017.

Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais e nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Na Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015, recóllese a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

No informe sobre a Axenda 20 para o emprego, que se abordou no Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2016, incluíuse, dentro do reto 2, Formación e capacitación como pancas de cambio.

Pola súa vez, debe terse en conta que o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio de 2016, fixa como eixe 1 a «Empregabilidade e crecemento intelixente», que recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables. Dentro do dito eixe 1 establécese como prioridade de actuación o aumento da empregabilidade e produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e innovación constante que, pola súa vez, marca, como un dos seus obxectivos estratéxicos ou prioritarios, o da mellora da calidade da formación profesional para o emprego, e, como un dos eixes que agrupa os obxectivos estruturais, o da formación e o das oportunidades de emprego.

No caso do eixe da formación establécense, entre outros obxectivos estruturais:

2.1. Incrementar o esforzo formativo na formación profesional para o emprego: incrementar a taxa de cobertura, o número de horas de formación por alumno/a e facilitar a accesibilidade á formación de persoas desempregadas e ocupadas.

2.2. Promover un mellor axuste da formación profesional para o emprego ás necesidades do mercado de traballo: revisión e adecuación da formación profesional para o emprego establecendo unha oferta que teña en conta as peculiaridades do mercado laboral en eidos concretos.

2.3. Promover a formación acreditable oficialmente: adecuación da formación profesional para o emprego establecendo unha oferta con especial prioridade á formación conducente a certificados de profesionalidade.

2.4. Promover a formación en alternancia: promover a formación en alternancia co emprego e a experiencia laboral.

2.5. Avanzar e consolidar a avaliación e o recoñecemento das competencias profesionais.

2.6. Promover unha oferta formativa dirixida especialmente aos colectivos con maiores dificultades de inserción no mercado laboral.

2.7. Mellorar os sistemas de seguimento e avaliación da calidade da formación profesional para o emprego.

Polo que atinxe ao eixe das oportunidades de emprego, os obxectivos estruturais que se recollen son:

3.1. Fomentar e soster a contratación de colectivos e sectores con dificultades para proporcionar traballo, experiencia e soster a actividade económica: fomentar a contratación de persoas desempregadas, en especial aquelas con maiores dificultades de inserción no mercado laboral. Proporcionar traballo ou experiencia profesional ás persoas desempregadas, en especial aquelas con maiores dificultades de inserción no mercado laboral.

3.2. Fomentar a contratación de persoas desempregadas en sectores emerxentes con perspectivas de crecemento de emprego.

3.3. Aflorar emprego en economía somerxida: fomentar as oportunidades de emprego para persoas que se encontran en situación de emprego non declarado.

3.4. Fomentar a inserción laboral de persoas desempregadas perceptoras de prestacións por desemprego: fomentar a activación para o emprego das persoas beneficiarias de prestacións para axilizar a súa incorporación ao mercado de traballo antes do esgotamento das prestacións, evitando con isto a desprotección do desempregado.

En relación con anteriores convocatorias, esta orde realiza unha serie de modificacións. En primeiro termo, a necesaria adaptación á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que determina a incorporación ás fases de iniciación, ordenación, instrución e finalización do procedemento do uso xeneralizado e obrigatorio dos medios electrónicos e establecendo a regulación do expediente administrativo e do seu formato electrónico, así como dos documentos que o deben integrar.

O carácter bianual da orde posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración; estas accións formativas achegan unha formación máis completa e unha maior empregabilidade e capacitación das persoas desempregadas. Este carácter bianual establécese para gardar a necesaria coherencia cos instrumentos de xestión en materia de formación profesional establecidos.

Á vista do anterior, e logo de consultar o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

  1. Esta orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, así como nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Tamén se inclúen as subvencións en concepto de bolsas e axudas derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos.

  1. Por medio desta orde tamén se convocan, para as anualidades 2017 e 2018, as subvencións a que se refire o punto anterior.

Artigo 2. Financiamento

A contía total prevista inicialmente para o período de vixencia da presente orde ascende a 6.963.120 euros: 4.642.080 euros para 2017 e 2.321.040 euros para 2018, con cargo á aplicación orzamentaria 09 41 323 A 480.0, con código de proxecto 2013 00 545, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017.

  1. A concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.
  2. Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos no artigo 15 ou, no caso de que a solicitude non estea completa, a data en que esta fose emendada. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.
  3. Os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación profesional para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.
  4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

  1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto desta convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde e nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda.
  2. Para os efectos do anterior, terán a condición de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, sendo ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, adquiran a condición de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o desenvolvemento da acción formativa. Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de desempregadas.

No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

  1. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións previstas nesta orde aquela na cal concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas en ningunha das ditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable que deberá incluír no modelo de solicitude que se contén no anexo I, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión

  1. Para ter dereito a calquera das subvencións en concepto de bolsas e axudas reguladas neste artigo será requisito imprescindible que o curso teña unha duración igual ou superior a catro horas diarias e vinte semanais.
  2. As subvencións reguladas nesta orde son todas compatibles entre si, agás a de transporte público coa de transporte privado, e a de transporte privado coa de aloxamento e manutención.
  3. As subvencións reguladas por esta orde refírense ás bolsas de asistencia, ás axudas de transporte, manutención e aloxamento, ás axudas á conciliación e ás axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero, para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas.

O dereito do alumnado a percibilas referirase a cada día de asistencia na correspondente acción formativa.

  1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co establecido no artigo 19.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.5.d) da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.
  2. A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia reserva para si o dereito a efectuar cantas comprobacións sexan oportunas coa finalidade de asegurar o cumprimento dos requisitos exixidos por parte das persoas que perciban as subvencións reguladas nesta orde e, de ser o caso, poderá iniciar os procedementos de reintegro e sancionador que sexan oportunos, segundo o establecido pola lexislación de subvencións aplicable.

Artigo 5. Cálculo das rendas

  1. Para os efectos destas bases, as rendas calcularanse do seguinte xeito:
  2. a) Para as persoas traballadoras por conta allea:
  • Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
  • As axudas de custo non se terán en conta (agás naqueles casos en que o seu volume e periodicidade mostren que se trate dunha forma habitual de pagamento dunha parte do salario).
  1. b) Para as persoas autónomas:
  • Tomaranse os ingresos netos do trimestre anterior ao inicio do curso ou do trimestre anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.
  • Ratearase o importe mensualmente para obter as rendas mensuais.
  1. Computarase como renda o importe dos salarios sociais, as rendas mínimas de inserción ou as axudas análogas de asistencia social concedidas pola Comunidade Autónoma, así como o importe das prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal.

Tamén terán a consideración de renda os ingresos correspondentes a rendementos patrimoniais, pensións e calquera outro tipo de ingresos percibidos.

A variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción das axudas.

  1. Os datos dos puntos anteriores referiranse á suma de ingresos de todas as persoas que integran a unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen.

Artigo 6. Definición de unidade familiar ou de convivencia

Para os efectos desta orde, consideraranse persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, con referencia ao momento de presentar a solicitude e sempre que se acredite documentalmente a convivencia no mesmo enderezo que a persoa solicitante, ademais desta:

  1. a) Os seus pais/nais ou persoas proxenitoras.
  2. b) O seu cónxuxe.
  3. c) A persoa con quen conviva en situación de unión de feito ou análoga, sempre que se trate de parella de feito acreditada.
  4. d) Os fillos e fillas ou persoas acollidas menores de vinte e seis anos, ou de máis idade pero incapacitados/as.

Artigo 7. Bolsas de asistencia

  1. Poderán percibir unha bolsa consistente en 9 euros por día de asistencia as persoas traballadoras desempregadas que se encontren nalgún dos seguintes colectivos:
  2. a) Ter recoñecida unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 % segundo o previsto no artigo 1 do Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, o que deberán acreditar mediante certificado emitido polo Imserso ou polo servizo autonómico correspondente, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  3. b) Participar nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario personalizado de inserción (IPI) vixente, sempre que non se negasen a participar en actividades recollidas neste, para o cal deberán achegar o documento en que a oficina de emprego de referencia acredite tal circunstancia, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  4. Só se poderá cobrar unha bolsa deste tipo por acción formativa, con independencia de que a persoa desempregada pertenza aos dous colectivos.
  5. No caso das persoas pertencentes ao colectivo da letra a) do número 1, no suposto de que o recoñecemento da discapacidade teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir esta bolsa a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar este recoñecemento e terán que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que ese recoñecemento tivo lugar.
  6. Polo que se refire ás persoas que se engloban na letra b) do número 1, considérase como IPI vixente o IPI iniciado con posterioridade ao 1 de xaneiro do ano anterior ao ano en que se realiza a selección para a acción formativa. Para ter dereito a esta bolsa, o IPI vixente ten que ser anterior á data que consta na carta enviada pola oficina de emprego en que se lle comunica que é candidato á acción formativa ou á data da autorización da convocatoria pública, cando esta sexa necesaria para a selección do alumnado.
  7. Para ter dereito a esta bolsa, o alumnado deberá acreditar documentalmente que carece de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (no sucesivo, IPREM).

Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todas as persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen sexa inferior ao 75 % do IPREM.

Artigo 8. Axudas de transporte

  1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación ás cales se refire esta orde terán dereito a unha axuda de transporte público, que variará segundo o seu carácter:
  2. a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 euros por día de asistencia.

Para teren dereito á súa percepción, deberán presentar unha declaración responsable, que se inclúe no anexo I, na cal se expliciten a/s liña/s de transporte público que precisan utilizar para asistir á acción formativa.

  1. b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral se atope nun concello distinto ao daquel en que teña lugar a acción formativa ou que, coincidindo o concello, deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda de 6 euros por día de asistencia.

Para teren dereito á súa percepción, deberán presentar unha declaración responsable, recollida no anexo I, en que se faga mención á/s liña/s de transporte público que cómpre empregar para asistir á acción formativa.

  1. Cando non exista medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral das persoas traballadoras desempregadas que asistan a unha acción formativa e o lugar en que esta se desenvolva ou, no caso de existir, non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, terán dereito á axuda por transporte en vehículo propio consistente en 0,15 euros por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 20 euros diarios.

Para teren dereito á percepción desta axuda, deberán presentar unha declaración responsable, segundo o modelo do anexo I, na cal indiquen o número de matrícula do vehículo que utilizan, así como os quilómetros realizados diariamente.

Artigo 9. Axudas de manutención e aloxamento e manutención

  1. Se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, poderase ter dereito a unha axuda de manutención por importe de 12 euros diarios.
  2. No caso de que a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa sexa igual ou superior aos 100 quilómetros, e que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poidan efectuar diariamente antes e despois das clases, poderase ter dereito a unha axuda de aloxamento e manutención sempre que a asistencia á acción formativa implique que a persoa solicitante se deba aloxar no concello en que ten lugar a súa impartición.

En casos excepcionais, debido a problemas das comunicacións, circunstancia que deberá ser previamente valorada e autorizada polo órgano competente para resolver, poderase conceder esta axuda aínda que a distancia sexa inferior.

A axuda de aloxamento e manutención aboarase por mes natural e a súa contía será o importe do IPREM fixado para o ano 2017 ou 2018, segundo corresponda; ratearase a parte correspondente aos meses de inicio e finalización cando non sexan completos. Ademais, incluirá a contía correspondente ao custo do transporte público por mor do desprazamento para o comezo e o final da acción formativa.

Para ter dereito á percepción da axuda de aloxamento e manutención, exixirase a acreditación do custo real do aloxamento e manutención por medio do contrato de arrendamento ou da factura de hospedaxe, así como das facturas de manutención.

Artigo 10. Axudas á conciliación

  1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar tal participación co coidado de fillos/as menores e persoas acollidas menores de seis anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao terán dereito a unha contía igual ao 75 % do IPREM diario, por día de asistencia.

Para obteren as axudas á conciliación, as persoas traballadoras desempregadas deberán non ter rexeitado ofertas de traballo adecuadas nin negarse a participar en actividades de promoción, formación ou reconversión profesional no prazo dun mes desde que se esgote o subsidio por desemprego ou a prestación contributiva.

  1. As persoas que se queiran acoller a esta axuda deberán cumprir as seguintes condicións ao inicio da acción formativa ou no momento en que teña lugar o feito causante:
  2. a) Acreditar documentalmente que se carece de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do IPREM, nos termos de cálculos de renda referidos nesta orde.
  3. b) Acreditar ter fillo/a/s menor/es de seis anos ou, de ser o caso, a dependencia do familiar ata o segundo grao, a través da documentación administrativa emitida polo órgano competente.
  4. No suposto de que o suxeito causante da axuda sexa un familiar ata o segundo grao, este entenderase incluído na unidade familiar para o cómputo de rendas.
  5. Se o fillo ou a filla nace ou se acredita a dependencia con posterioridade ao inicio da acción formativa, terase dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar o feito causante, e terase que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que o feito tivo lugar.
  6. No suposto de desaparición do feito causante, perderán o dereito á percepción da axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a que esta teña lugar.

Artigo 11. Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero

  1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación a que se refire esta orde e que acrediten a súa condición de muller vítima de violencia de xénero terán dereito a percibir unha axuda de dez euros por día de asistencia.
  2. A situación de vítima de violencia de xénero acreditarase de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, por algún dos seguintes medios e dentro dos prazos que se indican a continuación:
  3. a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar, ata que se adopte a resolución que proceda sobre a orde de protección ou sentenza condenatoria.
  4. b) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local, durante os 24 meses posteriores á súa emisión.
  5. c) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, durante á súa vixencia.
  6. d) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei, durante os 24 meses posteriores á súa notificación.
  7. e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no cal conste a existencia dos ditos indicios, ata que se adopte a resolución que proceda sobre a orde de protección ou sentenza condenatoria.
  8. f) Informe da Inspección de Traballo e a Seguridade Social, ata os 24 meses posteriores á súa emisión.
  9. Para aquelas subvencións en concepto de bolsas e axudas en que se establezan límites de rendas da unidade familiar ou de convivencia para a súa percepción, quedan excluídos do cómputo das rendas os ingresos da persoa agresora.

Artigo 12. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas ás cales se refire esta orde tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co previsto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións no ámbito do emprego e da formación profesional ocupacional.

Artigo 13. Información sobre o procedemento administrativo

A información sobre este procedemento administrativo, que ten o código TR301V, poderase obter a través dos seguintes medios:

  1. a) Páxina web oficial da consellería: http://traballo.xunta.gal
  2. b) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúe e tramita a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral:
  • Nos teléfonos: 981 54 56 44 e 981 95 78 81.
  • Para accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia: nos teléfonos 881 99 78 03 e 881 99 78 07, así como na ligazón web https://cntg.xunta.gal
  1. c) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúen e tramitan as xefaturas territoriais, segundo corresponda, ademais de presencialmente na sede do correspondente servizo periférico, nos seguintes teléfonos:
  • A Coruña: 881 88 15 66 e 881 88 15 58.
  • Lugo: 982 29 42 63 e 982 29 42 56.
  • Ourense: 988 38 61 05 e 988 38 62 25.
  • Pontevedra: 986 81 70 64 e 986 81 70 87.
  1. d) Nas entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego, nos termos do artigo 14.
  2. e) Para cuestións xerais: a través do teléfono de información da Xunta de Galicia, que é o 012 (902 12 00 12 desde o resto do territorio español), e nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 14. Obriga de colaboración

  1. As entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego e que desenvolvan as accións formativas ás cales se refire o artigo 1 colaborarán na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas desenvolvidas por cada un deles.
  2. A obriga de colaboración concretarase en todos aqueles aspectos que se indican nesta orde, e con respecto ás persoas que participen na correspondente acción formativa:
  3. a) Informalas adecuadamente, en tempo e forma, dos dereitos que teñen, dos prazos para presentar a solicitude e da documentación necesaria.
  4. b) Auxilialas no trámite de solicitude se así son requiridas e autorizadas pola persoa participante. Neste sentido, facilitarán ao alumnado solicitante das subvencións en concepto de bolsas e axudas os oportunos documentos que acrediten a documentación achegada, así como a data de entrega.
  5. c) Presentarán ante o órgano instrutor competente, dentro dos dez (10) primeiros días de cada mes, a documentación relativa a subvencións en concepto de bolsas e axudas de alumnado do seu centro que corresponden ao mes anterior.
  6. Cando a Administración pública autonómica constate que se produciu a perda do dereito ao recoñecemento ou pagamento dunha subvención por bolsa ou axuda por parte dunha persoa traballadora desempregada que tivese dereito a ela/s, e a dita perda fose motivada polo incumprimento das obrigas por parte das entidades ás cales se refire este artigo, estas poderán ser obxecto dun procedemento de revogación e reintegro do financiamento público que obtivesen para o desenvolvemento da acción formativa na contía equivalente ao importe que deixase de percibir a persoa afectada.
  7. A porcentaxe de alumnado que empregue a tramitación electrónica, incluída a notificación a través de Notific@, coa colaboración das entidades a que se refire o número 1, será un dos aspectos que se deberán puntuar no proceso de baremación das convocatorias de subvencións ás accións formativas que se mencionan no artigo 1.

Artigo 15. Modo de presentación das solicitudes

  1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  1. No suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación da solicitude e da documentación complementaria poderá ser validamente realizada por unha persoa representante que si cumpra cos ditos requisitos.

Neste sentido, de conformidade co previsto no artigo 28.1 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, as correspondentes entidades e centros de formación colaborarán coas persoas solicitantes, a través dos seus recursos humanos e técnicos, sempre que aquelas lles outorguen a súa autorización para presentaren no seu nome a solicitude e a documentación complementaria.

Ademais, a persoa peticionaria poderá dirixirse á oficina de emprego que lle corresponda do Servizo Público de Emprego de Galicia para que unha das súas persoas empregadas públicas presente no seu nome a solicitude e a documentación complementaria, se é autorizada expresamente por aquela.

No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero que solicitasen a confidencialidade dos seus datos, a subvención deberanse solicitar a través da persoa titora.

  1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  1. A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo cal sexa o tipo de acción formativa en que se participa, de conformidade co establecido no número 1 do artigo 20:
  2. a) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dirixiranse á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.
  3. b) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas distintas ás que se mencionan na letra anterior, incluíndo, en todo caso, as derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos, dirixiranse ás correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo a provincia ou ámbito territorial.

Para estes efectos, terán que sinalar no cadro correspondente da solicitude (anexo I) a opción que corresponda.

  1. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Prazo de presentación das solicitudes

  1. A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito e, en calquera caso, antes do 15 de decembro de 2017 para aquelas bolsas e axudas correspondentes a accións formativas que finalicen ata o 15 de novembro de 2017 (incluído), e antes do 15 de xullo de 2018 para aquelas accións formativas que finalicen entre o 16 de novembro de 2017 e o 30 de xuño de 2018.
  2. A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
  3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 17. Documentación que se debe presentar

  1. Para ter dereito a calquera das subvencións reguladas nesta orde, deberase achegar:
  • Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI), segundo o formulario do anexo I.
  • Acreditación documental do enderezo de intermediación laboral, emitida pola correspondente oficina de emprego, na data que figura na carta de selección ou da autorización da convocatoria pública da acción formativa, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Ademais, deberase achegar a documentación complementaria que se sinala nos seguintes puntos, en función do tipo de subvención en concepto de bolsa ou axuda que se solicite.

  1. Bolsa de asistencia:
  • Acreditación documental da discapacidade emitida polo órgano competente, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, ou documentación acreditativa de ter asinado un itinerario personalizado de inserción, segundo o caso.
  • Acreditación documental do empadroamento ou, na súa falta, da convivencia, expedidos polo concello, onde se indiquen as persoas que conviven no enderezo de residencia, só no caso de denegar expresamente a súa consulta a persoa solicitante, segundo se recolle no anexo I, e, de ser o caso, da residencia das demais persoas que convivan no mesmo enderezo, empregando o formulario do anexo II.
  • Copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.
  • Declaración responsable, recollida no anexo I, á cal se xuntará a correspondente acreditación documental, de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

No caso de membros da unidade familiar que carezan de ingresos, sinalarase expresamente esta circunstancia.

  1. Axudas de transporte, manutención e manutención e aloxamento:
  2. a) Axuda de transporte público urbano: declaración responsable, incluída no anexo I, na cal se expliciten a/s liña/s de transporte público que precisan utilizar para asistir á acción formativa.
  3. b) Axuda de transporte público interurbano: declaración responsable, contida no anexo I, en que se faga mención á/s liña/s de transporte público que cómpre empregar para asistir á acción formativa.
  4. c) Axuda de transporte en vehículo propio: declaración responsable, que se contén no anexo I, de que non existe medio de transporte público entre o seu domicilio e o do centro ou de que este transporte non ten un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, ademais de indicar o número de matrícula do vehículo que utiliza, así como os quilómetros realizados diariamente.
  5. d) Axuda de manutención: certificación emitida polo centro de formación de que o horario de impartición é de mañá e tarde.
  6. e) Axuda de aloxamento e manutención: declaración responsable, contida no anexo I, de que a persoa solicitante, durante o tempo en que teña lugar a acción formativa, se vai aloxar na localidade en que esta se imparta, acreditación documental do custo real do dito aloxamento e manutención, por medio do contrato de arrendamento ou da factura de hospedaxe, así como das facturas pola manutención.
  7. Axuda á conciliación:
  • Acreditación documental da dependencia, emitida polo órgano competente, ou resolución xudicial, segundo proceda. Para o suposto dun recoñecemento da dependencia expedido pola Xunta de Galicia, deberase achegar documentación acreditativa só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  • Acreditación documental do empadroamento ou, na súa falta, certificado de convivencia, expedidos polo concello, onde se indiquen as persoas que conviven no enderezo de residencia, só no caso de denegar a consulta dos datos de residencia da persoa solicitante, segundo se recolle no anexo I, e, de ser o caso, da residencia das demais persoas que convivan no mesmo enderezo, empregando o formulario do anexo II.
  • Copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.
  • Declaración responsable, que se recolle no anexo I, xunto coa correspondente acreditación documental, de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

No caso de membros da unidade familiar que carezan de ingresos, sinalarase expresamente esta circunstancia.

  1. Axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero: certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar; certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local; sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei; certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local; informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no cal conste a existencia dos ditos indicios, informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, segundo sexa o caso.

Artigo 18. Declaracións responsables

  1. As declaracións responsables a que se refire esta orde, e que aparecen recollidas no anexo I, deberán deixar de manifesto, baixo a responsabilidade da persoa interesada, que esta cumpre cos requisitos necesarios en cada caso para o recoñecemento do dereito á bolsa ou axuda correspondente, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estaría obrigado a comunicarllo ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.
  2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela, de conformidade co anexo I, e na cal se fan constar, entre outras, as seguintes cuestións:
  3. a) Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo concepto para o cal se solicita esta subvención.

– Se se solicitou e/ou concederon outras axudas para este mesmo concepto para o cal se solicita esta subvención, deberán relacionarse.

  1. b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.
  2. c) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  3. d) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e especificamente que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos do previsto establecido no artigo 11, letra h), do Decreto 11/2009, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
  4. e) Que a persoa solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
  5. f) Que a persoa solicitante coñece as estipulacións desta orde e das bases da convocatoria, que cumpre cos requisitos sinalados nelas e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

Artigo 19. Consentimentos e autorizacións

  1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.
  2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  1. A presentación da solicitude de concesión da subvención en concepto de bolsa ou axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 20. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación

  1. Os órganos competentes para a instrución do procedemento serán:
  2. a) A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral será o órgano competente para a instrución e tramitación das solicitudes de subvencións por concepto de bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, nas accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e nas accións formativas cuxa resolución de concesión corresponde á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.
  3. b) As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondentes, segundo a provincia ou o ámbito territorial sobre o cal exerzan as súas funcións, serán os órganos competentes para a instrución e tramitación do resto das solicitudes, incluíndo, en todo caso, as derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos.
  4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco meses e computarase a partir da data da presentación das solicitudes.

Logo de transcorrer o dito prazo sen se ter notificado resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada.

  1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos aínda que as persoas beneficiarias poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos ou por calquera outro medio válido (en papel).

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia – Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  1. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.
  2. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.
  3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 22. Pagamento das bolsas e axudas

  1. O pagamento das subvencións por concepto de bolsas e axudas establecidas na presente orde realizarase logo da comunicación da resolución de concesión á persoa beneficiaria, nos termos do artigo 20, e terá carácter mensual. No primeiro pagamento incluirase o importe total das axudas devindicadas para o período correspondente ata a comunicación da resolución de concesión.
  2. Todas as subvencións previstas nesta orde están supeditadas, ademais de ao cumprimento dos requisitos exixidos en cada caso, á asistencia á acción formativa, de maneira que todos os pagamentos terán lugar logo da comprobación das asistencias mensuais de cada unha das persoas beneficiarias.
  3. No suposto da axuda de aloxamento e manutención, as persoas beneficiarias deberán achegar mensualmente as correspondentes facturas ou os xustificantes de pagamento.
  4. A autorización de vacacións polo órgano competente implica que, durante ese período, queda en suspenso o pagamento das subvencións en concepto de bolsas e axudas ás cales teña dereito o alumnado.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

  1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Formación (Servizo Público de Emprego) cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Economía, Emprego e Industria, Servizo Público de Emprego de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, Servizo Público de Emprego de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña (España), ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.
  2. A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 24. Publicidade das bolsas e axudas

  1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e das cuestións previstas no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
  2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007, do 13 xuño, os órganos administrativos concedentes non publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, para a protección e a salvagarda da honra e da intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do disposto na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
  3. Igualmente, deberase facer pública a información relativa á concesión destas subvencións, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de maneira que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web, con excepción do sinalado no número 5 deste artigo.
  4. As persoas beneficiarias das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.
  5. Malia todo o anterior, de conformidade coas letras c) e d) do artigo 15.2 da Lei de subvencións de Galicia, no caso de que os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tampouco será necesaria a publicación dos datos das persoas beneficiarias en razón de que manifesten expresamente no formulario de solicitude que non autorizan a publicación por considerar que a súa difusión poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e da intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, así como nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, a disposición, o recoñecemento da obriga e a proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a súa concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das citadas subvencións.

Disposición adicional segunda

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición transitoria primeira. Accións formativas iniciadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde

As persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas que se iniciasen con anterioridade á entrada en vigor desta orde, derivadas da oferta formativa da Consellería de Economía Emprego e Industria e da impartida nos seus centros de formación, así como a impartida ao abeiro dos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, poderán solicitar as axudas ás cales puideren ter dereito no prazo dun mes desde a publicación desta orde de convocatoria.

Disposición transitoria segunda. Solicitudes de axudas e bolsas ao abeiro da Orde do 21 de xuño de 2016

Con cargo aos créditos orzamentarios do exercicio 2017 poderanse atender solicitudes de axudas e bolsas, presentadas no tempo e na forma que correspondan ao abeiro da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016, de conformidade coa normativa que lles era de aplicación nese momento, sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

  1. a) Que se acredite o motivo que impediu resolver en prazo.
  2. b) Que o expediente non fose resolto de forma expresa e non se impugnase o efecto do silencio.
  3. c) Que a persoa solicitante non manifestase expresamente a desistencia da súa solicitude.

Tamén se poderán atender con cargo aos créditos do exercicio 2017 as solicitudes de bolsas e axudas presentadas despois do 14 de decembro de 2016, derivadas das accións formativas financiadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral iniciadas en 2016 e, polo tanto, non amparadas na Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016, sen que os solicitantes deban presentar unha nova solicitude.

Así mesmo, con cargo aos créditos orzamentarios do exercicio 2017 poderanse atender as solicitudes de bolsas e axudas en que se ditase resolución favorable ao abeiro da Orde do 21 de xuño 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016, de conformidade coa normativa que lles era de aplicación nese momento, ou estean dentro do primeiro suposto desta disposición transitoria e que correspondan a accións formativas que estenden a súa vixencia a 2017, na parte correspondente a esta anualidade sen que se deba presentar unha nova solicitude.

Por último, a presente disposición transitoria tamén será de aplicación a aquelas bolsas e axudas que deriven das accións formativas impartidas ao abeiro do acordo de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ciclos formativos de formación profesional básica e programas específicos para a formación de persoas con necesidades formativas especiais ou que teñan dificultades para a súa inserción ou recualificación profesional.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar resolucións e instrucións de desenvolvemento e execución

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que dite, no ámbito das súas funcións, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2017

Francisco José Conde López Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *