Libros de actas das entidades locais galegas

DECRETO 24/2018, do 15 de febreiro, sobre os libros de actas e de resolucións das entidades locais galegas.

[sc name=”secretario” ]

O artigo 52 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, confire aos libros de actas que regula a consideración de instrumento público solemne, actas que deben ter o contido mínimo previsto no artigo 50 do mesmo texto refundido; ambos preceptos teñen carácter básico conforme o indicado na disposición derradeira sétima, número 1, letra a) do texto refundido. Aos libros de actas, así como aos libros de resolucións, refírese tamén o Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, cuxa aplicación ás comunidades autónomas é supletoria, tal e como ten manifestado o Tribunal Constitucional nas sentenzas 214/1989, do 21 de decembro, e 210/2014, do 18 de decembro.
A Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias recollidas no artigo 27.2 da Lei orgánica 1/1981, do 26 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, ditou o Decreto 101/1983, do 14 de xullo, sobre libros de actas de acordos e resolucións das corporacións locais, e o Decreto 418/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o papel numerado especial da Comunidade Autónoma de Galicia para uso das corporacións locais.
A día de hoxe, unha vez entrada en vigor a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, atopamos un novo escenario normativo de consolidación da administración dixital nas diversas administracións públicas e, polo tanto, nas entidades locais de Galicia.
Tanto a Lei 39/2015, do 1 de outubro, como a Lei 40/2015, do 1 de outubro, xeneralizan o emprego de medios electrónicos. Concretamente, no que atinxe ás relacións ad extra, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, incorpora o uso xeneralizado e obrigatorio de medios electrónicos tanto respecto dos documentos e actos administrativos en xeral (artigos 26.1 e 36.1) como en relación coas diferentes fases do procedemento administrativo (neste sentido poden citarse os artigos 71.1, 75.1, 80.2 e 88.4), e establece, así mesmo, no seu artigo 70.2, o formato electrónico dos expedientes administrativos. E, respecto das relacións ad intra, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, alude na súa exposición de motivos a que tamén neste eido a utilización dos medios electrónicos debe ser o habitual, e prevé, de xeito máis concreto, no seu artigo 46.1, que todos os documentos empregados nas actuacións administrativas se almacenarán por medios electrónicos, salvo cando non sexa posible. Ademais, ambas as leis recollen, respectivamente, nas súas disposicións derradeiras quinta e décimo sétima, un mandato de adaptación normativa á regulación nelas contida.
En consecuencia, existe unha obriga de emprego de medios electrónicos nas actuacións das administracións públicas, polo que resulta imprescindible aplicala á obriga de levar libros de actas e de resolucións prevista na normativa de réxime local.
En atención ao exposto, o presente decreto ten por obxecto a regulación do emprego de medios electrónicos no relativo aos libros de actas das sesións de órganos colexiados de goberno e de resolucións previstos na normativa de réxime local, sen prexuízo dos demais aspectos recollidos na restante normativa aplicable.
De conformidade con todo o anterior, cómpre destacar que, coa aprobación deste decreto, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O presente decreto consta de tres artigos, nos cales se regulan, respectivamente, o seu obxecto e ámbito de aplicación, as actas e resolucións e os libros de actas e resolucións.
Completan o texto unha disposición transitoria única relativa á adaptación ao mantemento electrónico dos libros e unha disposición derrogatoria única. Polo que respecta ás disposicións derradeiras, na primeira habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de réxime local para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, e a segunda, relativa á entrada en vigor.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia do día quince de febreiro de dous mil dezaoito,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
O presente decreto ten por obxecto a regulación, no ámbito territorial de Galicia, dos libros de actas das sesións dos órganos colexiados de goberno e de resolucións da presidencia previstos na normativa en materia de réxime local, tendo en conta as obrigas de emprego de medios electrónicos establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 2. Actas e resolucións
1. As actas das sesións dos órganos colexiados de goberno constarán en documentos asinados electronicamente pola persoa titular da secretaría e pola persoa titular da presidencia do órgano colexiado de goberno ou persoa que a substitúa ou en quen delegue. Así mesmo, as resolucións ou decretos constarán en documentos asinados electronicamente pola persoa titular da secretaría e pola persoa titular da presidencia da entidade local, ou persoa que a substitúa ou en que delegue. As sinaturas destes documentos terán as garantías exixidas pola normativa reguladora dos documentos electrónicos.
2. As actas das sesións dos órganos colexiados de goberno estenderanse en soporte electrónico incorporando, ou non o arquivo audiovisual das sesións.
3. A acta en soporte electrónico sen incorporación do arquivo audiovisual da sesión defínese coma o documento electrónico que conteña, como mínimo:
a) Consignación expresa dos seguintes estremos: lugar de reunión, data e hora de inicio e finalización da sesión, indicación do carácter ordinario ou extraordinario, persoas asistentes con expresión dos seus cargos (presidente/a, vogais e demais) e os membros que se escusasen, orde do día, contido dos acordos acadados, se for o caso, e opinións sintetizadas dos membros que tivesen intervido nas deliberacións, así como a expresión do sentido do voto dos membros.
b) Sinatura electrónica: a sinatura electrónica da persoa que exerce a secretaría do órgano, que dota de fe pública e efectos de dereito o documento, e da persoa que exerza a presidencia.
4. Por acordo de pleno poderá optarse porque as actas das sesións dos órganos colexiados de goberno incorporen o arquivo audiovisual da sesión. Neste caso, o ficheiro resultante da gravación, xunto coa certificación expedida pola secretaría da súa autenticidade e integridade, e cantos documentos en soporte electrónico se empregasen como documentos da sesión, incorporaranse á acta da sesión, sen necesidade de facer constar nesta última as deliberacións.
A acta en soporte electrónico con incorporación do arquivo audiovisual da sesión defínese como un documento electrónico e multimedia que conteña como mínimo:
a) A consignación expresa dos seguintes datos: lugar de reunión, data e hora de inicio e finalización da sesión, indicación do carácter ordinario ou extraordinario, persoas asistentes con expresión dos seus cargos (presidente/a, vogais e demais) e os membros que se escusasen, orde do día, contido dos acordos alcanzados, se for o caso, así como a expresión do sentido do voto dos membros.
b) A gravación da sesión cun arquivo de audio e vídeo. Este documento recollerá a literalidade das intervencións.
c) Sinatura electrónica: a sinatura electrónica da persoa que exerce a secretaría do órgano, que dota de fe pública e efectos de dereito o documento, e da persoa que exerza a presidencia.
Artigo 3. Libros electrónicos de actas e de resolucións
1. Os libros de actas e os de resolucións en soporte electrónico estarán formados, respectivamente, pola agregación cronolóxica e numerada correlativamente das correspondentes actas e resolucións. Cada libro abranguerá o período dun ano natural e poderá incorporar un índice comprensivo dos arquivos incluídos.
2. A aplicación informática que soporte tales libros deberá garantir a integridade, autenticidade, calidade, confidencialidade, protección e conservación dos ficheiros electrónicos correspondentes.
Disposición transitoria única. Adaptación dos libros de actas e de resolucións a soporte electrónico
Os concellos disporán do prazo de tres anos contados desde a entrada en vigor deste decreto para adaptaren os libros de actas e resolucións ao soporte electrónico. Entre tanto non se produza a adaptación dos libros de actas e de resolucións a soporte electrónico, os libros de actas e resolucións estarán formados pola impresión mecánica das actas e resolucións nos termos do Decreto 101/1983, do 14 de xullo, sobre libros de actas de acordos e resolucións das corporacións locais, e do Decreto 418/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o papel numerado especial da Comunidade Autónoma de Galicia para o uso das corporacións locais.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Quedan derrogados o Decreto 101/1983, do 14 de xullo, sobre libros de actas de acordos e resolucións das corporacións locais, o Decreto 418/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o papel numerado especial da Comunidade Autónoma de Galicia para uso das corporacións locais, e a Orde do 22 de abril de 1987, do 14 de abril, pola que se crea o papel especial numerado da Comunidade Autónoma para uso das corporacións locais.
2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de réxime local para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, quince de febreiro de dous mil dezaoito
Alberto Nuñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *